Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta ciencias naturais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ciencias naturais. Amosar todas as publicacións

sábado, 19 de maio de 2018

Unha viaxe á máquina da mente



Velaquí a quinta charla do ciclo de divulgación científica "Achegando a ciencia" realizada no edificio do Vello Cárcere de Lugo, na que Xurxo Mariño fala sobre a neurociencia.
Noutras entradas ([1] e [2] )xa déramos conta deste excepcional programa de divulgación científica coparticipado polo concello de Lugo e o colectivo Caladiños.

mércores, 6 de setembro de 2017

Unidades didácticas de xeoloxía


Os vídeos realizados cos drons son subxugantes. Moito máis se nos mostran un dos lugares máis descoñecidos e fermosos da nosa xeografía, o dos penedos de Traba-Pasarela que debuxan a costa entre Laxe e Vimianzo.
Só por seren cantadas por Eduardo Pondal estas terras xa merecían a súa visita. Ao pé destes penedos, próximos á praia de Traba está o que queda do figueiral de Mórdomo que así o cantaba o bardo nos Queixumes dos pinos:
                                                       Cando te vexo me acordo
                                                       de quen non podo olvidar,
                                                       ¡ouh, figueiredo de Mórdomo,
                                                       de Mórdomo, ouh, figueiral!
                                                       A túa garrida sombra,
                                                       aló no medio do v’ran,
                                                       vista de lonxe parece
                                                       que dá frescura e zolás.
                                                       Debaixo das túas follas
                                                       hai un garrido areal,
                                                       cunhas areas tan brancas,
                                                       que vén da beira do mar,
                                                       que a quen te mira convidan
                                                       ó sono…, e outras cousas máis.

Imaxe das unidades didácticas
Pero, se trouxen estre vídeo por aquí é por estar realizado por Xacobo de Toro Cacharrón, o autor de diverso material didáctico de soporte audiovisual. Seguramente esta peza audiovisual dos penedos de Traba-Pasarela foi realizada co fin de ser utilizada nas aulas de xeoloxía que imparte tanto este docente no IES Urbano Lugrís (Malpica de Bergantiños), como Adela Otero no IES Fernando Wirtz (A Coruña), tal e como se relata nesta noticia publicada polo dixital Praza Pública. Ben certo é que o material que elaboraron estes docentes é impresionante, ofrecéndonos unha nova mostra do camiño que debería seguir a Consellería de Educación para promocionar e poñer en valor o traballo dos docentes que se esforzan por elaborar materiais de calidade en galego. Para confirmalo podemos consultalo aquí. Mágoa que a Consellería sempre se mostre coas costas viradas a todo aquelo que supoña normalización lingüística
Finalmente recollo un dos vídeos destas unidades didácticas do que quería destacar o comenzo no que Xacobo de Toro e Adela Otero achegannos aos Muíños da Ribeira, no lugar de Ardeleiro (Malpica de Bergantiños), para pasar a explicarnos os esforzos tectónicos sobre as rochas do lugar.


venres, 23 de xuño de 2017

Como se usa o microscopio?



Como me gustan estes traballos que visibilizan a ciencia en galego! Un pasiño más que pon e evidencia a política lingüística da Consellaría de Educación, especialmente o funesto decreto do pllurilingüismo que destrozou os poucos avances que se produciran na normalización lingüística no ensino.
Trátase dun vídeo titorial realizado polo alumnado de 1º de bacharelato do IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz) no que amosan varios aspectos relacionados co microscopio óptico: partes, enfoque dunha mostra, uso do obxectivo de inmersión e mantemento e precaucións no seu uso.

venres, 23 de outubro de 2015

Podemos usar as bacterias para detectar o cancro (e quizais curalo)



Nunca está de máis lembrar que o Día da Ciencia en Galego é unha xornada de denuncia da política lingüística prohibicionista do galego. A data xurdiu para denunciar o veto ao uso da lingua galega nas clases de ciencias.
A proximidade desta data fai que poñamos a nosa atención nos escasos recursos de ensino e divulgación da ciencia en galego dos que dispoñemos. Un pouco máis abaixo, para anunciar a impagable iniciativa da vídeoconferencia da Coordinadora Galega de ENDL, facíamos referencia a un vídeo de TEDxGalicia no que Xurxo Mariño nos explicaba como escoitar as neuronas. Xa que logo é boa oportunidade de facer referencia a este outra conferencia TED con subtítulos en galego grazas ao bo labor do IES de Beade

xoves, 17 de setembro de 2015

O mar da fin do mundo



Longametraxe de de José Irrisarri que obtivo nesta categoría o primeiro premio do Ciclo Internacional de Cine Submariño de San Sebastián no ano 2011.



Marcados para sobrevivir é a segunda entrega da serie “O Mar da Fin do Mundo”. Imitando á primeira, foi galardoada como a mellor longametraxe no Ciclo Internacional de Cine Submarino de San Sebastián.
A longametraxe presenta impactantes imaxes submarinas das rías galegas no que se ofrecen mostras da sobreexplotación no noso litoral. Pero tamén de nos ofrece o labor científico que traballan para establer sobre bases sólidas unhas normas de explotación racionais que permitan salvar as especies ameazadas.
Ameazada tamén está a nosa lingua, e un non pode deixar de ver este documental sen facer o paralelismo entre o abuso irracional que destrúe a biodiversidade e a tamén irracional teima tanatolingüística dunha civilización que mata anualmente 25 linguas.
En definitiva, dúas excelentes pezas que de certo son todo un luxo para o profesorado de ciencias.

venres, 5 de decembro de 2014

Contaminación atmosférica e outros vídeos de ciencias


Grazas á rebulideira actividade na arañeira de Pilar Ponte chegoume a noticia desta canle de vídeos didácticos das ciencias naturais elaborados Materiais elaborados por Xacobo de Toro e Jorge Gutiérrez, profesores do ensino público de secundaria.