Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta curta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta curta. Amosar todas as publicacións

xoves, 29 de agosto de 2019

O último neno que fala galego en Portocubelo



Excelente curta realizada pola Asociación Cultural Canle, de Lira (Carnota). Por seguir centrando xeográficamente este audiovisual, comentar que Portocubelo é un lugar da parroquia de Lira que conta actualmente cuns 60 veciños.
Seguramente dos evento que organiza esta asociación o Festórreo é o de maior repercusión. Xa levan algúns anos tirando del. Non ten data fixa. Tanto se celbra no mes de xullo como no de agosto. Nesta edición do 2019 apostaron por rirse un pouco da marca FEST e promoveron o Cabaseira FEST.
Para pasalo ben e non deixar de reflexionar elaboraron esta marabillosa curta, na que se denuncia precisamente a exclusión do galego ás capas máis novas da sociedade. Outra vez volvermos a ver o baleiro dese presunto programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, (SXPL)  o Plan de dinamización da lingua galega na mocidade.
Ata o de agora fixeron moito máis os da Asociación Cultural a Canle que a SXPL. Basta ver o vídeo e comparar coa trangallada desta Xunta empeñada nun proceder mafioso de desprestixio da lingua. (Que pareza que foi un accidente).

domingo, 15 de xaneiro de 2017

mércores, 9 de novembro de 2016

Os xeranios do Señor Alfonso



Un enorme traballo, e segundo os autores, unha curta moi curta. Trata sobre a comprensión, os coidados e o cariño. Co telón de fondo do despoboamento do rural, dúas xeracións que se atopan, dous mundos que se xuntan e que non se esquecerán xamais. Producida polo  Cole de Cea, -CPI Virxe da Saleta (Cea)- e gañadora do 1º premio #OUFFescola no Ourense International Film Festival
Vía Trafegando Ronseis

venres, 28 de outubro de 2016

Galaxia Casares

Aínda sendo un centro que recolle alumnado da periferia da cidade, o uso do galego entre o alumnado está en declive, polo que o ENDL do IES Carlos Casares (Vigo) argallou un proxecto que recibiu un dos premios que concedía a SXPL o curso pasado á innovación educativa. O seu título é Galaxia Casares, e agora que sabemos que o vindeiro Día da Letras está adicado a este escritor incrementa máis aínda o seu interese.
Ao consultarmos o blogue que elaboraron no IES Carlos Casares veremos diversos traballos do alumnado arredor da obra do autor de Vento ferido. Algúns deles son orixinais manualidades inspiradas nos textos de Casares [1, 2, 3] e teñen toda a pinta de pequenas alfaias.
O máis elaborado do material deste proxecto son un par de curtas inspiradas na obra literaria de Casares. Unha delas foi gravada no literario café Badía; na outra, que é a que presento aquí, algúns personaxes do imaxinario de Casares encóntranse na cafetería do instituto, entón....


xoves, 24 de setembro de 2015

A escala: o sistema solar



Cando vin o chío de Martin Pawley non puiden deixar de reproducir aquí esta curta que, ademais vén con subtítulos en galego. Supoño que o responsable é o autor da entrada no blogue Acto de primavera. Unha marabilla realizada por Wylie Overstreet e Alex Gorosh.
Isto tráeme á memoria unha actividade que realizáramos no CPI Aurelio Marcelino Rey García... hai xa 13 anos. Fixéramolo nas aulas da materia optativa de astronomía. Consistía precisamente en facer o mesmo que neste vídeo: realizar unha maqueta a escala do sistema solar respectando tanto os tamaños dos planetas (na medida do posible), como as distancias entre os mesmos. Claro que os planetas eran puntos (case) invisibles nos metros e metros de papel de embalar que utilizamos para facer o traballo. Mágoa que non teña fotos xa que daquela as cámaras dixitais non estaban tan popularizadas coma hoxe en día. Se non me equivoco a escala que utilizáramos era $$1:{ 10 }^{ 12 }$$ xa que tivéramos o coidado de pintarmos un sol de aproximadamente 1 mm de diámetro.
O traballo completábase cunha comparación a unha escala bastante maior, entre unha restra de mapas do mundo colocados en liña, e a Vía Láctea. Estou tentado de repetilo este curso co alumnado dese invento LOMCE: as matemáticas aplicadas.

martes, 3 de marzo de 2015

A língua das coisas



Suxerente curta dirixida por Alan Minas e inspirada na obra do recentemente finado poeta brasileiro Manoel de Barros. Conta a historia de Lucas, un rapaz que vive co seu avó nun lugar afastado. O avó di pescar historias e palabras no río e entre as árbores. Cóntase a historia do valor das palabras e da súa transmisión que abrollan no medio natural. Pero chega o momento en que os pais veñen buscar a Lucas para marchar a unha cidade na costa, a que aprenda as cousas do mundo, a que comence a ir á escola. Lucas marcha triste pero coa promesa de que o avó lle mandará polo río as palabras que el poderá recoller cando cheguen ao mar.
O filme dá para repasalo e reflexionar moito sobre el. Mesmo é un recurso educativo moi rico e con moitas posibilidades para os que non impartimos as sempre aborrecidas matemáticas, claro.

´Vía Educa-Tube

venres, 13 de decembro de 2013

Síndrome Rosalía



"Clementina é a primeira muller do mundo que sofre o Síndrome Rosalía", sobre esta base constrúese a curtametraxe gañadora da categoría "autora menor de 30 anos" no Certame Curtas para Rosalía 2011, organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
Un falso documental feito sen medios, cun ton solemnemente paródico, pero coa intención de reivindicala vixencia da obra de Rosalía de Castro no 125 aniversário do seu falecemento. Protagonizado por Clementina Formariz e dirixido e montado por Fátima Peón Torres.

Vía Botóns , onde se nos informa de que aínda estamos a tempo de enviar os nosos vídeos ao IV Certame "Curtas para Rosalía" organizado pola AS-PG

mércores, 11 de decembro de 2013

Cova alumada



Proxecto NIMBOS proclama que o seu obxectivo é configurar unha serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos (1961) de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Velaquí a curtametraxe coa que Xurxo Chirro transforma en imaxes o seguinte poema:

Cova alumada

Cruel, cruel, cruel
realidade! Ai láio
sobro escombro dun sono
que non se erguerá máis!

Praló do mundo, un sol
sin noite nin hestória
busca a ruína esquencida
i énchea toda de grória.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.

Vía Proxecto NIMBOS

martes, 10 de decembro de 2013

IES Pazombies



Esta curiosa e simpática curtametraxe é unha parodia sobre a situación actual que vive a lingua galega nos centros de ensino da Galiza. Trátase dunha novidosa aproximación á realidade sociolingüística no ensino e que foi realizada integramente por alumnos de bacharelato e a ESO.
Habería moito que rascar sobre a clase de matemáticas que aparece na curta... pero polo menos dábase en galego e será fundamental para o desenlace final. Non darei máis pistas.
Recollido do equiPAZO, o blogue do ENDL do IES Pazo da Mercé-As Neves