Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta eleccións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta eleccións. Amosar todas as publicacións

venres, 16 de setembro de 2016

A política lingüística na campaña electoral



Este vídeo da Mesa explica que “todos os datos amosan como o uso do galego está a diminuír a un ritmo alarmante, que só se comprende ao vermos como a posibilidade real de uso do galego está claramente limitada na práctica”. Aínda que preferiría que se divulgase o contido nun formato de presentación dixital (ver abaixo), se seguimos atentamente o vídeo veremos como se debuxa con claridade as principais liñas da enfermiza situación do galego, derivada dunha política lingüística agresiva contra a lingua debilitada. Co fin de reverter esta situación A Mesa propón seis propostas urxentes que o vindeiro goberno debería tomar.
Partindo dunha análise da realidade moi semellante, a Coordinadora Galega de ENDL elaborou tres decálogos de propostas para os partidos que concorren ás eleccións do 25-S centrados respectivamente nos ámbitos do ensino, os ENDL e a sociedade. O primeiro punto é a derrogación do funesto decreto do plurilingüismo.
Finalmente a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) tamén fixo a súa achega indicando cales deben ser as directrices para o traballo na normalización.
Con todo, a cuestión da lingua segue sendo residual no debate político da campaña electoral, o que fai sospeitar da existencia de tal debate. Onde si o hai é en Euskadi, aínda que iso non significa nada positivo. Alí tamén teñen eleccións, e un par de vídeos elaborados para a campaña xeneraron unha gran polémica que curiosamente non aparece nos medios das nosas latitudes. Saber delas  pode darnos pistas onde pode ir o (terrible) futuro do discurso supremacista. Quen tirou a primeira pedra foi o PSE, cun vídeo no que identifica ao euskera como un obstáculo para acceder á función pública, dá a entender que é unha barreira contrapoñéndoo á igualdade. Por suposto que esquecen toda referencia a políticas normalizadoras e de garantía de atención, non só na adminstración, do cidadán na lingua vilipendiada.
Pouco despois foi o PP vasco quen susbscribiu o mesmo discurso, reactivando o "discurso da imposición" no que os discriminados aparecen como discriminadores, a normalización é un pozo sen fondo de gastos, a lingua segregada é excluínte, unha barreira. A politítica lingüística que se potenciará consiste en cercala nun gueto ao seu final natural: a desaparición.
En Galicia o PP esconde este discurso baixo unha capa de galeguismo baleiro. Porén a súa política segue os pasos enunciados no vídeo do PP vasco. Onte mesmo o presidente en funcións anunciou que a Xunta deixará de usar o galego como lingua preferente na atención ao cidadán cun decreto que forzará á administración a responder en castelán a aqueles que lle presenten demandas nesta lingua. Lembremos que unha das primeiras medidas do primeiro goberno de Feijóo foi pechar as liñas de galego, aquelas que consistían na inmersión en galego naqueles centros das cidades que así o solicitaban para os pais que querían que os seus fillos se socializaran nesa lingua. Velaí que non se trata de respectar, nin tan siquera con restricións, a suposta escolla da lingua do cidadán, o obxectivo é a redución de espazos da lingua galega.

P.S.: A Mesa tamén puxo á nosa disposición unha presentación coa que se pode seguir mellor o desenvolvemento do contido do vídeo:


martes, 28 de xuño de 2016

26J

Esta foto, dun cartel electoral do PP foi tomada na Estrada. Hai centos de carteis iguais a este que se pegaron por toda Galicia. En todos eles, ademais do lema "A favor", faise referencia a unha data, a do 26 de xuño, como 26J. O PP renegou por completo do uso do galego ao facer referencia á data electoral única e exclusivamente en español. A mensaxe non era directa, pero estaba clara.
Os cabezas de lista da formación popular eran Juan Juncal, coñecido ultra anti-galego, Joaquín Mª García e Ana Pastor, que non falan en galego nin de casualidade, e Miguel Ángel Viso, do que o único que sei é que patrocinaba o Ribeiro en castelán. 
Isto é o que queremos para a nosa lingua? A súa negación, a vía aberta ao supremacismo do español? Queremos unha lingua de terceira clase, dun status inferior non xa ao inglés, senón ao de calquera lingua estranxeira? Queremos unha lingua chea de prohibicións e sen ningunha garantía? Queremos a hipocrisía da louvanza sentimentaloide baixo unha política lingüísitca de apartheid? Quizais o noso desexo pase por protexer aos nenos da nosa lingua, procurando que non a escoiten, que non a falen, que non a aprendan e que, pola contra, aprendan que non serve para nada, que as linguas realmente útiles son as que non son a nosa, e que en definitiva, a nosa, tampouco é nosa.
Se buscábades iso fixéchedes ben o pasado 26X votando ao PP, porque iso é o que teremos. Os sinais estaban claros, e aquel que non os vira, ou ben é cego, ou ben idiota, ou ben un furibundo negacionista.





sábado, 18 de xuño de 2016

A lingua como arma política ou a necesidade de novos discursos

por Denis Vicente e Martín Vázquez no Praza Pública:

Nos últimos días asistimos a un cruce de declaracións sobre a lingua galega en varios medios de comunicación e nas redes sociais de dous dos principais líderes políticos da esquerda galega: Carlos Callón, candidato do BNG ao Congreso pola provincia da Coruña nas vindeiras eleccións do 26 de xuño; e Carmen Santos, actual Secretaria Xeral de Podemos en Galicia.