Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Medios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Medios. Amosar todas as publicacións

xoves, 17 de outubro de 2024

Na nosa lingua

 


por María Xosé Bravo, no Nós Diario:

Os medios de comunicación foron considerados unha das pezas chave no proceso de recuperación e normalización da lingua galega. Hai vinte anos, en setembro de 2004, aprobábase por unanimidade no Parlamento galego o Plan xeral de normalización da lingua galega. Moito choveu desde aquela e na presenza do galego nos medios de comunicación pouco se progresou. Cando non se retrocedeu.

 

venres, 6 de setembro de 2024

Unha CRTVG sen lingua (galega)

Actualmente a lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia é a lei 9/2011 especifica no seu

Artigo 6. Uso da lingua galega. A lingua da Corporación RTVG é o galego; xa que logo, a prestación do servizo de comunicación audiovisual por parte da devandita sociedade e as comunicacións que efectúe ao persoal dependente dela no exercicio das súas tarefas serán en lingua galega.
Ademaiis, engádese unha referencia á lusofonía no
Artigo 3.4. A Corporación RTVG poderá subscribir convenios de colaboración con entidades prestadoras de servizos audiovisuais para a produción ou difusión de contidos audiovisuais en lingua galega e portuguesa en Galicia e nos países de cultura lusófona.  
O goberno do PP pretende reducir a presenza do galego, tal e como se deduce do Anteproxecto de lei dos servizos públicos de comunicación audiovisual. O primeiro que chama a atención é a propia denominación do artigo no que se elimina o concepto de "lingua galega" que vén ser substituído polo xenérico de "lingua". Fica claro que "lingua" significa "lingua española". O artigo, en cuestión non se usa para garantir o uso da lingua galega. Os seus obxectivos son
  • Eliminar a garantía de que a liingua do audiovisual público sexa o galego
  • Reducir a produción propia (en galego) e blindar a edición e difusión de contidos de produción allea.
  • Xustificar e, en consecuencia, garantir por lei, o uso do castelán nos medios públicos de comunicación. 
  • Borrar toda referencia á lusofonía. Ben se ve que a finalidade é que se camiña para que o marco de referencia da lingua galega sexa o castelán.
Vexamos a redación do 
Artigo 7. Uso da lingua. Os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia producirán os seus programas, contidos e servizos en lingua galega e garantirán a edición e difusión en galego dos programas, contidos e servizos de produción allea, sen prexuízo da utilización doutras linguas cando así o xustifique o cumprimento da misión de servizo público definida nesta lei e, en particular, co fin de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra do territorio da comunidade autónoma. 

É de supoñer que este anteproxecto conta co apoio de todo o organigrama da Xunta, en especial da SXPL. Revélase así outra vez máis cal é o sentido da política lingüística do PP, levar á anorexia a lingua galega.

Xa que estas son as directrices, non vou opoñerme, senón que, polo contrario, colaborarei a este novo agravio ao galego. Voulles aforrar o traballo aos responsables desta nova tele galega e aquí lles deixo o seu novo logo 


sábado, 25 de maio de 2024

Galego 365


editorial por Alberte Mera, en Nós Diario:

Despois de onte a maioría de xornais levaren a súa capa en galego polo 17 de maio, hoxe voltarán a aparecer en castelán. Sería lóxico nun país normal que a prensa empregase a lingua propia; porén, o 18 de maio de 2024 este xornal continúa a ser o único diario impreso en galego. Reducir a lingua galega a un día é levala a ritualismo. Pola contra, prestixiar o galego é facer xornalismo crítico e riguroso na lingua propia os 365 días do ano. Hoxe como onte e desde o número 1 de 2 de xaneiro de 2020, a razón de ser e de existir deste medio é servir aos intereses galegos e normalizar o idioma. Ofreceuse esta semana desde a Xunta un pacto en prol do galego. Que necesario sería un pacto que restitúa o idioma da Galiza como lingua vehicular e de aprendizaxe no ensino, levantado a prohibición de impartir materias como as matemáticas en galego. Pídeno milleiros de persoas que onte se mobilizaron en Compostela con Queremos Galego e reclamouno esta semana nunha entrevista concedida a este xornal a doutora en Matemáticas Elena Vázquez, que vén de recibir o Premio á Divulgación Científica da Real Academia Galega das Ciencias. Pasou o día de homenaxes institucionais a Luísa Villalta, mais a súa letra, sentimento, integridade e creación están vivas cando escribimos e falamos en galego. A letra de Luísa en nós sempre.

xoves, 25 de maio de 2023

En galego sempre


por María Obelleiro en Nós Diario:

 

É 18 de maio e grazas a todas e todos vós, que apoiades mediante as subscricións ou a compra Nós Diario, o galego continúa vivo na portada dun diario en papel. Nesta redacción non nos limitamos a escribir reportaxes sobre "verbas riquiñas na lingua galega" con motivo do Día das Letras Galegas. Non só escribimos "morriña", "vagalume" e "orballo" en galego. Escribimos todas as palabras, pois para nós o idioma propio é a razón de ser.

 

luns, 26 de xullo de 2021

Iniciativa Xabarín. Segunda parte


 por Marcos Maceira en Nós Diario:


Dos 25.872 títulos entre series e filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés. Pola contra, só 25 están en versión orixinal galega e cero contan con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua. Pode resistir un idioma nestas condicións?

xoves, 18 de marzo de 2021

Estrela Rosaliadecastro, un artigo do IES Antón Losada Diéguez

 O pasado xoves 11/03/21 publicouse no Nós Diario este artigo realizado polo alumnado de 3ºA do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada). Foi un dos moitos artigos publicados para celebrar a semana da prensa na escola.

Neste caso tomouse como punto de partida un artigo de Martin Pawley aparecido nese mesmo diario o 30 de xaneiro pasado. Titulábase "Meses do inverno fríos" e nes explicábase como atopar no ceo invernal a estrela Rosaliadecastro. As preguntas que xurdiron coa lectura deste artigo levaron á colaboración do alumnado do meu instituto.

Estrela Rosaliadecastro by kiarqu2458 on Scribd

mércores, 10 de febreiro de 2021

Nós tamén falamos galego

por Clara Rial Otero en Nós Diario:

No medio desta pandemia, que cada día nos some nunha espiral que semella non rematar nunca, faise necesario o tratamento doutras temáticas que nos afectan directamente, sobre todo dende a nosa condición como galegos e galegas. O pasado venres emitíase no programa La Sexta columna unha reportaxe sobre as distintas linguas que conviven en España e a súa situación actual. Unha iniciativa que sería axeitada se representase a realidade plena que vive o noso idioma na Galiza e non se deixase levar polo sensacionalismo.

venres, 6 de setembro de 2019

No em canviïs la llengua



Grazas a un chío de Anxos Sobriño tiven coñecemento desta iniciativa de cidadáns que, sendo de orixe estranxeira, piden que non lle cambien a lingua cando falan con eles. A proposta tivo o seu espazo na televisión pública catalana, tal e como podemos comprobar neste vídeo.
No programa fálase de como unha falsa interpretación da "boa educación" levan á cidadanía a invisibilizar a lingua do país. Se o noso interlocutor ten con rasgos foráneos traizoamos a nosa lingua e cambiamos inmediatamente para o castelán. O cambio incluso pode suceder cando falamos con alguén que se expresa nunha variedade dialectal distinta da nosa lingua. Visibilizar estes prexuízos e argallar formas de enfrontalos é o obxectivo final deste programa. Alguén puido oir na TVG algunha reflexión semellante a algunha das que verqueron neste espazo durante os 10 últimos anos? Como a resposta é negativa, debemos preguntarnos ata onde alcanza o nivel de manipulación do imaxinario colectivo galego por parte dos medios de comunicación.
As reflexións debulladas neste espazo son de primeiro curso de sociolingüística. Xa que logo, forman parte dos alicerces para desfacerse dos prexuízos lingüísticos. Se non divulgamos este tipo de saberes estamos abríndolle as cancelas aos comportamentos socialmente tóxicos. Nisto consiste a política lingüística da Xunta, na exclusión dos saberes que nos farían máis libres e que incidirían na diminución das desigualdades.

venres, 15 de marzo de 2019

Teovivo, o periódico local que fala galego

por Ana Conde Miranda (editora), nas Voces de ProLingua:


En decembro de 2014, no concello de Teo nacía un periódico deses que xa non se levaban e que eu aspiraba a poñer de moda no meu concello. O Teovivo era un periódico mensual en papel, dos que se manchan coa cunca do café. E en galego, por riba!

sábado, 8 de setembro de 2018

Nos beizos dos nenos

por Craig Paterson, en Praza Pública:

Hai anos que non leo La Voz de Galicia. Non me entusiasman os cancros en xeral. Con todo, o outro día púxenme a ler un artigo, engaiolado polo simple dramatismo morboso do seu título.

mércores, 11 de abril de 2018

Sermos Galiza

por Xosé Ramón Freixeiro Mato, no Sermos Galiza:


Co título que encabeza estas liñas viu a luz hai uns anos a publicación que as acolle e nel sintetízase a vontade de ser e de existir dunha nación con nome e con idioma propios, o primeiro posto en cuestionamento e o segundo en situación preocupante. O galego, a pesar das modificacións no seu status nas últimas décadas, pasa por un dos momentos máis críticos da súa historia, fundamentalmente pola acelerada perda de falantes que se produciu no tránsito intersecular, como pon en relevo a comparación dos datos do mapa sociolingüístico de 1992 cos do mapa de 2004. A situación inverteuse de forma dramática, pois a posición cuantitativa amplamente maioritaria do galego virou minoritaria nese breve período temporal. E aínda nun estudo da Real Academia Galega, de 2016, se afirma que na década de 2003-2013 se perderon 280.000 galegofalantes habituais, o que equivalería a case 20% do total dese grupo. Só en 10 anos!

domingo, 4 de marzo de 2018

Retos para un xornal en wolof… ou en galego

por Cheikh Faye, no Sermos Galiza:

Gústame ler cada día a prensa en papel. É a forma de ler que coñecemos a xente da miña xeración. Eu vin con esa costume do Senegal, e case desde que cheguei leo a prensa a diario. Ao principio tiña problemas para comprender os textos, pero a lectura axudoume a aprender o español. Eu leo a prensa nos bares, que é unha forma de estar con xente e combater un pouco a soidade. A lectura dos xornais tamén me permite estar ao día da actualidade galega, estatal e internacional. Así que para un inmigrante coma min os xornais teñen tres funcións: aprender a lingua para integrarme, sentirme parte dunha comunidade e da conversa, e estar ao tanto das cousas que pasan no mundo.

venres, 26 de xaneiro de 2018

A astronomía como cha contan


O 25 de febreiro do 2017 celebrouse o segundo encontro Naukas Coruña, un evento realmente gorentoso. A maioría das charlas eran de profesionais de fóra de Galicia, pero houbo un par de intervencións do país que merecen ser divulgadas. 
Unha delas foi a impartida por Marcos Pérez Maldonado, director técnico da Casa das Ciencias, quen falou sobre os novos descubrimentos do cosmos que chegan ata nós filtrados polos medios de comunicación e as redes sociais. Nun tempo en que a información ten moito de espectáculo, que astronomía estamos a aprender?
Foi un gusto vela.

luns, 22 de xaneiro de 2018

Galego e tendencias: como a auga e o aceite?



Cecilia Fernández, editora xefa da revista Coolt, no LGx15, promovido pola CTNL fala de tendencias. O galego é cool?

Cecilia Fernández Santomé (1984) é filóloga francesa de formación, doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada por paixón e xestora de contidos dixitais por vocación profesional.
Naceu en San Simón (Vilalba), mais nos últimos anos pasou máis tempo fóra de Galicia que na súa aldea. Viviu en París, en Liverpool e en Londres, e, cando decidiu regresar, embarcou nun proxecto que é un dos seus maiores orgullos: a revista Coolt. Cofundada con Cristina Fernández, conseguiron facer dela unha publicación orixinal, fresca e innovadora. E fixérono, claro, en galego, porque esa é a lingua na que as dúas se criaron.

mércores, 19 de abril de 2017

Un respecto pola lingua e polos sufridos lectores!

por Manuel Cabada Castro, recollido do Xornal de Tabeirós-Terra de Montes:

Non quero desde logo fachendear aquí pola miña parte de utilizar correctamente a propia lingua, a galega, aquela que utilizo agora para me queixar do desleixo co que máis dunha vez se trata a lingua galega nalgúns xornais que se editan en Galicia. Non exclúo, polo tanto, que alguén me poida replicar co vello adaxio latino de “medice, cura te ipsum”...

domingo, 29 de xaneiro de 2017

O mapa dos medios galegos

O mapa que aquí aparece foi recollido de mediamapa.gal, un portal elaborado pola xornalista Cruz Regueira ao abeiro da bolsa Nacho Mirás para novos titulados. Ademais do mapa, neste traballo temos acceso a esta folla de cálculo con todos os datos recompilados e que nos permite facer un estudo do panorama mediático galego. Ao consultala veremos que 29 medios se editan en castelán, 58 en galego, 43 nas dúas linguas, e hai un non etiquetado. Se cando queremos ofrecer o estado das linguas no ámbito dos medios ofrecésemos únicamente estes datos, estariamos manipulando a realidade. Deses 120 medios, cales son os que teñen máis presenza e influencia social? Sucede que boa parte dos medios en galego son de ámbito local e que teñen como púbico obxectivo todo o territorio galego, non representan máis que unha pequena fracción do impacto. Isto é o que fan a SXPL e a Consellería de Educación cando destacan que o coñecemento do galego é moi alto pero ocultan que o seu uso e presenza pública descenden alarmantemente.



Vía Galicia Confidencial

venres, 19 de agosto de 2016

Un paso adiante e outro atrás, *Orense


A imaxe está sacada do programa Telediario da RTVE, emitido o 18/08/16, dando a noticia da presentación da Volta Ciclista a España.
Hai uns anos isto non sucedía. O manual de estilo das canles públicas eran respectuosas coa toponimia galega. Despois de moito batallar conseguírase o respecto neste pequeno pero moi visible ámbito. Era ademais un punto de referencia para outros medios de comunicación e un punto de apoio sobre o que fundamentar a españolización dos nomes dos nosos lugares que mantiñan outros medios ou a propia administración noutros ámbitos. Agora o momento é outro.
Vivimos un período de forte agresión á identidade galega. O galego non conta, fica diluído no español, é completamente secundario. A consigna desde a dirección da TVE é a de empregar os topónimos galegos ao estilo franquista. As queixas coma ésta son cualificadas de radicalismo nacionalista e así xa consideran ter plena xustificación para a agresión á lingua galega.
Con accións coma ésta refórzase o espazo de agresión á lingua pois as canles privadas teñen aquí apoio para actuar da mesma maneira.
Resulta que nós, os galegos, pagamos as canles públicas. Tamén pagamos unha boa parte da organización da Volta Ciclista deste ano. O que nos desvolven é o desprezo e o insulto.

venres, 1 de maio de 2015

Educar para reflexionar

por Mercedes Queixas Zas, nas Voces de Prolingua:

Retorno á casa logo dunha xornada longa cunha intensidade difícil de cuantificar apenas en horas, pois as palabras foron donas da tea do tempo material que o cronómetro mediu sen tregua.

venres, 24 de abril de 2015

Nin consenso nin normalización


Nestes últimos días destacábase nos medios a noticia de que a Xunta presentou un plan para a normalización lingüística de diversos sectores, especialmente o comercial e o empresarial. Ao facerse primeiro a presentación do plante ante o Consello da Cultura e a RAG, e despois no Parlamento, a iniciativa multiplicou a súa presenza nos medios.
Pola contra é prácticamente imposible achar nos medios algunha referencia ás dúas mocións presentadas a semana pasada no Parlamento. A primeira delas foi presentada nun plenario polo deputado socialista Francisco Caamaño. Foi unha mágoa que o parlamentario non se puidera despedir da súa actividade política con esta proposta no seu haber xa que foi rexeitada polo PP.
A moción de Caamaño pretendía unha volta ao consenso sobre a política lingüística. Propoñíase a creación dunha comisión para avaliar a situación do galego apelando ao espíritu co que se elaborara o PXNL. A idea era avalialo e reelaboralo atendendo a unha nova análise que debería facer esta comisión. Tal e como adiantaba hai unhas semanas a CGENDL, ao goberno non lle interesa máis que dar imaxe de diálogo, o propio diálogo e a normalización lingüística non entran dentro do seu proxecto. Francisco Caamaño concluía acertadamente que o trato da Xunta á lingua galego pasaban pola indignidade e o desprezo. Velaí a negación do consenso.
A deputada do BNG Ana Pontón presentou  na Comisión de Xustiza unha proposición non de lei na que se instaba ao goberno establecer o requisito do dominio da lingua galega ao funcionariado da administración de xustiza que desenvolva a súas funcións en Galicia. Na proposición figuraban tamén outros aspectos tendentes á normalización no ámbito xudicial como o da dispoñibilidade en galego do programa Minerva (programa que desde hai uns anos imposibilita a tramitación dos expedientes en galego) ou creación dunha base de datos referencial e actualizada que conteña a lexislación na nosa lingua. A pesar da razonabilidade (incluso da necesidade) da proposta, ésta foi rexeitada polo Partido Popular. Ana Pontón volveu a demostrar, unha vez máis, que o goberno actúa en contra do PXNL. Velaí que á negación do consenso se uniu a da normalización.


Ligazóns:

  • Cultura e Educación entrega no Parlamento o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020, 21/04/15, nota da SXPL
  • A Xunta suma á RAG e ao Consello da Cultura na tarefa de impulsar o galego no tecido económico, 19/04/15, en La Voz de Galicia
  • A Xunta presenta as bases para dinamizar o galego no sector socioeconómico e busca consenso, 22/04/15, no Galicia Hoxe
  • La Xunta impulsará el etiquetado en gallego para abrir nuevos mercados, 19/04/15, no Faro de Vigo


  • Sesión do pleno do Parlamento na que Francisco Caamaño presentou a moción do PSOE sobre a creación dunha comisión para a avalición da situación do galego, 14/04/15, web do Parlamento
  • Indignidade e desprezo contra a lingua dende o goberno galego, 15/04/15, no web do PSdeG-PSOE
  • Sesión da Comisión de Xustiza na que Ana Pontón presentou a proposición non de lei para a normalización da xustiza, 17/04/15, web do Parlamento
  • "O PP está absolutamente so no seu acoso e derribo á lingua galega", 16/04/15, intervención do deputado de AGE Ramón Vázquez no debate parlamentario sobre a proposta de Francisco Caamaño canle de You Tube 'Hai alternativa'


  • Sesión da Comisión de Xustiza na que Ana Pontón presentou a proposta do BNG para a normalización do tecido xudicial, 17/04/15, no web do Parlamento
  • O PP rexeita a prosposta do BNG para impulsar o uso do Galego na Xustiza, 17/04/15, web do BNG