Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Alberte Mera García. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alberte Mera García. Amosar todas as publicacións

xoves, 23 de xullo de 2026

O plan da nada


 por Alberte Mera, no Nós Diario:

Como se dunha gala se tratase, artistas e creadoras de contido amenizaron onte moi agradecidos a presentación do plan do galego do Goberno de Alfonso Rueda. O acto foi convocado oficialmente pola Xunta da Galiza como presentación da proposta para actualizar o Plan xeral de normalización da lingua galega, coa idea de renovar o de 2004 —após os datos do IGE de 2024 certificaren a perda récord de galegofalantes—. A base do plan ían ser as conclusións das comisións de expertos convocadas pola Consellaría de Cultura e Lingua. Ora ben, Rueda xa deixou claro esta semana que o plan era da Xunta e non dos expertos; así o dixo o día antes de que o coordinador das comisións, Manuel González, entregase ao conselleiro as conclusións dos devanditos grupos de expertos. Finalmente, o documento presentado pola Xunta ten moito de desexo bonito e pouco de propostas prácticas. Para mostra, un botón —que coincide coa liña vermella imposta por Rueda e o sector duro do PP—: o decreto de Núñez Feixoo que desde 2010 limita o galego nas aulas non se cuestiona nin se toca. De novo, no PP galego impúxose o sector máis radical fronte ás voces internas que pedían remodelar o decreto do ensino para que a intención do plan fose críbel. Lémbrese que a situación do galego é reversíbel se hai vontade normalizadora.

sábado, 22 de febreiro de 2025

Por que vetan o galego?


editorial de Nós Diario, por Alberte Mera:

 Dous ex altos cargos das institucións galegas, quen presidiu o Parlamento da Galiza entre 2009 e 2016, Pilar Rojo; e quen exerceu de vicepresidente do Goberno galego no último mandato de Alberto Núñez Feixoo, Francisco Conde, votaron onte na Comisión Mixta das Cortes españolas vetar que o galego sexa idioma oficial da Unión Europea. Feixoo levounos con el a Madrid como núcleo de confianza. Que triste presentarse por Galiza para defender con dentes un 'non ao galego', aínda que no caso de Rojo lémbrese que para entrar no Senado tivo que presentarse por Albacete. E todo, na semana en que a emerxencia lingüística protagoniza a axenda social, con protestas de entidades sociais como Queremos Galego no seo do Parlamento para reivindicar políticas a prol do idioma e protesta tamén na reunión para a reforma do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, após o Executivo galego sacar do sombreiro de copa –por non dicir que pagou unha empresa– unha enquisa feita á súa medida a 1.200 persoas para afirmaren que existe unha ledicia social co decreto da Xunta que limita o galego nas aulas. Neste febreiro, porén, hai unha luz que alumea, Rosalía, a quen o 23 lembramos no seu día. Canta falta fas, Rosalía, para embarcar coas túas palabras de actualidade e vixencia máis pobo na causa da lingua e dos intereses das galegas e dos galego.

mércores, 19 de febreiro de 2025

Obxectivos para o idioma. Cales?


 editorial do Nós Diario, por Alberte Mera:

Decorre hoxe a primeira reunión dos membros que participan na elaboración da Renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega 2025. Haberá saúdo do conselleiro de Cultura e Lingua, José López, presentación do informe do presidente da Comisión Técnica, Manuel González, constitución das comisións sectoriais... Terían nas súas mans unha grande empresa ante a emerxencia do idioma que demostra os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Por iso, os obxectivos deberan ser ambiciosos, como é a total normalización da lingua galega, cumprir e facer cumprir o Plan Xeral de Normalización que nin o Goberno galego ten a ben respectar na práctica diaria, eliminar as limitacións ao galego... Mais a Xunta, no seu ofrecemento de "pacto do galego" marcou liñas vermellas: non cuestionar o decreto que limita o galego no ensino e, para afianzalo, uns días antes de que hoxe transcorra a cita, o conselleiro e o presidente da Comisión Técnica  para a Renovación do Plan Xeral de Normalización presentaban un estudo pagado pola Xunta a unha empresa privada que, con apenas 1.200 enquisas, sitúa o galego como un foguete na mocidade e no ensino, autovalidándose o decreto que reduce o galego nas aulas -fronte ás 9.200  enquisas do IGE que certifican a emerxencia lingüística e a perda do galego entre o estudantado-. A pesar destes precedentes, sería bon que na cita de hoxe non poñan límites ao galego.

venres, 8 de novembro de 2024

Desleixo co galego


por Alberte Mera, Editorial no Diario Nós:

 

Após os datos do Instituto Galego (IGE) que certifican a maior perda de galegofalantes da historia da Galiza, o conselleiro de Cultura e Lingua informou onte dos orzamentos do seu departamento para o ano 2025. O proxecto de contas do Executivo que preside Alfonso Rueda certifica que as partidas para normalización lingüística serán de 11,96 millóns o ano que vén. As mozas e os mozos que non teñen o galego como primeira lingua minguaron desde 2008 en 133,3%, segundo os datos do IGE. Pola contra, naquel ano, 2008, o orzamento da Xunta da Galiza para normalización lingüística eran de 23,6 millóns de euros, case o dobre do que se dedicará para o ano que vén, e tendo en conta os efectos da inflación entre 2008 e o momento actual, aquela cifra do Goberno galego do PSdeG e do BNG equivalería a uns 31,4 millóns de hoxe. Iso si, o Executivo galego destinará no exercicio que vén o triple de cartos a aulas de relixión que á lingua. Así que nun día como o deste 31 de outubro, de Samaín, ás portas de Todos os Santos e Defuntos, cómpre reivindicar o pobo como coidador do idioma e cultura propias, mais tamén a non defunción do galego, do idioma e do pobo. A lingua precisa recursos, coidado e políticas de promoción. Implíquense, levanten os vetos ao galego no ensino e doten de recursos a normalización lingüística. É de dereito.

mércores, 30 de outubro de 2024

A Xunta despide o galego


 editorial, por Alberte Mera, no Nós Diario:

Con fachenda, a patadas e pola porta de atrás, así quere o Goberno de Alfonso Rueda expulsar a lingua galega do ámbito público. A Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta da Galiza coñécese como lei de acompañamento dos orzamentos -porque "acompaña" as contas da Xunta- e tamén como lei da porta de atrás xa que, a pesar de ter nacido para mudar automaticamente cuestións relacionadas cos ingresos e gastos, pode mudar as contas públicas mais tamén leis que non teñen a ver cos orzamentos mediante un procedemento de tramitación acelerada e sen debate parlamentario. É así como o Executivo de Alfonso Rueda pretende mudar agora a normativa de tal forma que implicará maior desprestixio para o galego e afondará na expulsión da lingua galega da Administración pública. Esta lei de acompañamento inclúe unha epígrafe pola que para contratación temporal de persoal laboral das categorías 2 do grupo 1, 2 do grupo II e 3 do grupo IV, así como de persoal interino que ocupe con carácter transitorio prazas reservadas a persoal funcionario de corpos ou escalas equivalentes, estarán exentos en 2025 de coñecer a lingua galega de, di a proposta da Xunta, non haber candidatos que o acrediten. E todo isto, tan só uns días despois de coñecérense os peores datos da historia en uso e coñecemento do galego.

sábado, 25 de maio de 2024

Galego 365


editorial por Alberte Mera, en Nós Diario:

Despois de onte a maioría de xornais levaren a súa capa en galego polo 17 de maio, hoxe voltarán a aparecer en castelán. Sería lóxico nun país normal que a prensa empregase a lingua propia; porén, o 18 de maio de 2024 este xornal continúa a ser o único diario impreso en galego. Reducir a lingua galega a un día é levala a ritualismo. Pola contra, prestixiar o galego é facer xornalismo crítico e riguroso na lingua propia os 365 días do ano. Hoxe como onte e desde o número 1 de 2 de xaneiro de 2020, a razón de ser e de existir deste medio é servir aos intereses galegos e normalizar o idioma. Ofreceuse esta semana desde a Xunta un pacto en prol do galego. Que necesario sería un pacto que restitúa o idioma da Galiza como lingua vehicular e de aprendizaxe no ensino, levantado a prohibición de impartir materias como as matemáticas en galego. Pídeno milleiros de persoas que onte se mobilizaron en Compostela con Queremos Galego e reclamouno esta semana nunha entrevista concedida a este xornal a doutora en Matemáticas Elena Vázquez, que vén de recibir o Premio á Divulgación Científica da Real Academia Galega das Ciencias. Pasou o día de homenaxes institucionais a Luísa Villalta, mais a súa letra, sentimento, integridade e creación están vivas cando escribimos e falamos en galego. A letra de Luísa en nós sempre.

xoves, 28 de setembro de 2023

Lingua de primeira

 


por Alberte Mera en Nós Diario:

O Estado español decidiu priorizar o catalán sobre o galego á hora de procurar un acordo na UE para oficializar como linguas da Unión os idiomas da Galiza, Euskal Herria e os Països Catalans. Di o Executivo de Pedro Sánchez que empeza polo catalán por ser o que máis falantes ten. Isto é a secundarización da Galiza e responde á aritmética electoral, a do tanto tes, tanto vales. 

 

xoves, 21 de setembro de 2023

Rueda, Feixoo: galegofobia

 


por Alberte Mera en Nós Diario:

É ben triste ter que recoñecer que as galegas e os galegos temos un presidente e un ex presidente do noso país que son galegófobos. Escribía a semana pasada sobre, precisamente, esa tristeza, non só a que nos toca a nós como habitantes dun país a quen os seus mandatarios tratan de pór límites á súa lingua e cultura propias, senón tamén sobre a tristeza que provoca ver xente -máxime cando son os dirixentes dun país- que operen nesas coordenadas de autoodio. Pregúntome recorrentemente a que se deberá ese autorrexeitamento, que mágoa unha vida enteira autonegándose, agochándose.

 

mércores, 12 de outubro de 2011

VOSG, un modelo necesario para un cinema galego

por Alberte Mera García, en Terra e Tempo:

Uns multicines galegos veñen de renovar a carteleira incorporando a versión orixinal subtitulada; un servizo demandado polos espectadores desde hai tempo. Sería unha oportunidade que se impulsase a VOSG (versión orixinal subtitulada ao galego), pois se comezaría a introducir a nosa lingua nos cinemas. 

Estes multicines de Vigo nada teñen que ver cos grandes estabelecementos habituais que nos últimos anos inundaron o país causando o peche das medianas salas a pé de rúa. Eses cines de multinacionais son fomentadores dunha forma de lecer baseada no consumismo ao seren situados no interior de centros comerciais, estar ligados e ser dependentes das grandes majors estadounidenses que ditan o que se proxecta e o que non na gran pantalla.

Os pequenos multicines 'resistentes' en Vigo non son un centro de cinema independente, alternativo nin moito menos de autor (salvando algunha proxección ocasional nesta liña). Ás veces se lles denomina coma cines alternativos xa que, lamentabelmente, son os únicos onde poder ver filmes de éxito internacional, comerciais mais fóra da órbita das 'iankiladas', así o caso por exemplo de Beginners (Mike Mills, 2010) estreada días atrás. 

Semella que a iniciativa destes multicines vén atraendo nos últimos meses un lixeiro maior número de espectadores, pois certo é que se trataba dunha demanda reiterada.

É unha experiencia que, independentemente do seu éxito ou non, xa marcou un punto de inflexión na oferta e na satisfacción da demanda de bo número de espectadores, que lle dan importancia a un sistema no que a voz, ton e timbre orixinais dos e das intérpretes se valora coma feito narrativo cargado de significado, fronte á posibilidade de que estes valores poidan ser susceptíbeis de seren variábeis dependendo do orzamento e profesionalidade da dobraxe. Do mesmo xeito, óptase por unha revalorización da atmosfera creada polos sons intradiexéticos e extradiexéticos de cara á redución da distancia entre espectador e filme, distancia que pode ser modificábel na dobraxe ao reducirse a intensidade de sons da atmosfera ou ao alterarse a textura das voces en relación aos espazos onde se sitúan.  

Ademais da preferencia pola versión orixinal subtitulada que algúns teñamos, este tipo de oferta, no caso de realizarse na nosa lingua, cumpriría valorala como unha aposta factíbel para a normalización do galego; outra cuestión é que haxa vontade desde as institucións da Xunta para fomentar a súa realización e exhibición. 

É obvio que nos cines, en competencia entre filmes dobrados e en VO subtitulada, os primeiros ostentarían unha demanda moi superior. A dobraxe é por tanto un servizo no que tamén hai que reclamar os dereitos lingüísticos dos galegos e galegas á hora de podermos ver unha película na nosa lingua. Hai que loitar para romper as barreiras de acceso do galego aos cines esixindo tanto a oferta da VOSG como dunha dobraxe ao noso idioma. 

Mais a mesquindade coa que se trata á lingua reflíctese de forma alarmante na indiferenza da legalidade e das subvencións públicas. Non pode ser que as produtoras e empresas que reciben ou recibiron cartos públicos da Xunta para a realización dunha película en lingua galega, roden o filme en castelán. Posteriormente realizan unha dobraxe ao galego (moitas veces de forma apresurada) para unicamente entregar copia á administración, dando cumprimento ás esixencias legais para a acceder á subvención. Iso si, finalmente o filme exhíbese en castelán. A copia dobrada ao galego visualízase no mellor dos casos case de forma testemuñal.

Fronte a esa desidia, cómpre sermos esixentes no cumprimento dos nosos dereitos, temos dereito ao acceso á cultura na nosa lingua, temos dereito a acudir ás salas de cine para vermos unha película dobrada ao noso idioma e temos tamén dereito á versión orixinal subtitulada ao galego.