Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta televisión. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta televisión. Amosar todas as publicacións

mércores, 8 de outubro de 2025

"Hallelujah". Catalán en Cataluña


Neste vídeo musical do programa Polónia da TV3 ofrécese unha versión sociolingüística do Hallelujah de Leonard Cohen. Todo comeza precisamente cun "Hallelujah" celebrando unha circunstancia que os galegos coñecemos ben. Cando pedimos un "café con leite" temos que entoar a canción se o camareiro non nos responde coa pregunta "un café con que?". 
Este capítulo de Polónia xoga coa confusión que oídos pouco afeitos a escoitar falar en catalán xeran palabras ou expresións como "cafè amb llet" (café con leite), "tomàquet amb pernil" (tomate con xamón) ou "maduixa" (amorodo).
Por certo, na TVG un programa deste estilo é algo co que non podemos nin soñar.

sábado, 8 de xuño de 2024

La selectivitat de català en Polònia


O programa humorístico Polònia, emitido pola TV3 é todo un clásico (pouco lle falta para facer os 20 anos). Con breves sketchs debulla a actualidade con intelixente acidez. Agora que estamos no tempo de desenvolvemento dos exames da Selectividade, aproveitaron o tema para dar unha lección sobre o discurso supremacista do español.

 

venres, 21 de abril de 2023

"Non son paleta [por falar galego], seralo ti"


Segunda situación do programa da TVG, "Xente marabillosa"
Nesta ocasión a actriz María Mera protagoniza a situación de cámara oculta. Destaco dúas frases dela:
"o galego é o que me dá de comer" e "intento educar ás miñas fillas en galego,  QUE É MOI DIFÍCIL"    

xoves, 20 de abril de 2023

"¡No queremos que aquí se hable en gallego!"


Primeiro vídeo do progerama de cámara oculta "Xente marabillosa".
Neste caso fórzase unha situación de imposición lingüística nunha tenda na que dúas clientas se posicionan contra a discriminación que está a sufrir a empregada dunha tenda. 

mércores, 18 de maio de 2022

Clase con Anxo González Guerra: o Día das Letras

 A noite do venres, desde os tempos inmemoriais é a noite do Luar. Este espazo é unha fiestra á que se abren milleiros de fogares do país. Por esta razón as clases de Anxo González Guerra impartidas desde este programa son unha excelente forma der achegamento da lingua a boa parte da poboación. Ademais do programa dos venres, podedes seguir estas clases desde a canle de You Tube do profesor, tamén coresponsable do portal ogalego.eu. Nesta ocasión o tema principal é o Día das Letras. 

luns, 26 de abril de 2021

O #DígochoEu do CEIP As Nogais


Visto o éxito do programa da TVG, #DígochoEu, era visto que nalgún momento nalgún centro de ensino aproveitarían para remedalo. Meu dito, meu feito, os alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria do CEIP As Nogais  montaron este programa que vai ser a envexa de Esther Estévez e compañía.

 

mércores, 24 de marzo de 2021

Ikastolas, un berce para o éuscaro


 Vin que este informativo de Nós TV estaba a ter moito éxito, así que decidín espallalo tamén por aquí. Tratase dunha entrevista a Koldo Tellitu, presidente da confederación de Ikastolas

venres, 12 de febreiro de 2021

A eterna invisibilidade do galego, agora en 'streaming'


por Silvia Caeiro, en Praza Pública:

A estrea de ‘3 Caminos’ en Amazon Prime Video o pasado 22 de xaneiro abriu un melón que leva tempo madurando. Que dita serie recibira un financiamento de 1,5 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia e que non se ofreza o galego como opción de visualización nin sequera entre os subtítulos foi motivo de gran crítica. 

domingo, 24 de xaneiro de 2021

Non é lingua para mozos


Velaquí o resultado da política lingüística da Xunta, e de España. Os reporteiros da cadea La Sexta fixeron o experimento de pedirlle a tradución ao galego de varias frases a rapaces da Coruña. O resultado foi un desastre total. Hai algún mozo galego que coñeza palabras de uso tan común como "maceira" ou "porco"?
O descoñecemento total da nosa lingua por parte das novas xeracións no que o funesto decreto contra o uso do galego no ensino ten moita culpa. Pois, que viva o Xacobeo!

martes, 15 de decembro de 2020

O máis viral do #Dígocho Eu


Cando a TVG comezou a emitir os programas de #Dígocho Eu, non me parecía que fose a ter nin moito nin moi bo percorrido porque nun principio parecía unha restra de tiróns de orellas por falarmos mal a lingua. Ficou claro que a miña apreciación estaba errada. Co tempo os vídeos foron diversificándose, pero sobre todo, contan cunha xornalista, Esther Estévez, cunha moi boa dicción e desenfado diante das cámaras. Todo apunta non só cara unha lingua de calidade, senón, por esta vía, cara a normalización.
O éxito do programa fixo que se meteran na aventura do Tik Tok, onde alcanzaron novas cotas de éxito. Neste vídeo resúmese o máis visto

 

domingo, 22 de novembro de 2020

Unha trabe de Carvalho

Ricardo Carvalho Calero entrevistado no programa 'A trabe de ouro' da TVG (1987) from Multimedia on Vimeo.

Estamos no estraño ano das Letras Galegas a Carvalho Calero. Bo momento para lembrar esta entrevista que o actual presidente da Academia lle fixo ao homenaxeado no ano 1987 no programa "A trabe de ouro"

 

martes, 13 de outubro de 2020

TVG3, a canle do Xabarín


 por Manuel Bragado no Faro de Vigo:

No nadal de 1982, Xerais publicaba A chamada da selva, a noveliña de aventuras de Jack London traducida para o galego por un Gonzalo Navaza moi novo. Abríase así a colección «Xabarín», a primeira da edición galega destinada ao público infantil e xuvenil na que o editor Xulián Maure pretendía traducir boa parte dos títulos clásicos para crianzas de autores como Oscar Wilde, Herman Melville, Jules Verne, Lewis Carroll ou E.A. Poe, entre outros. Dende entón os inconfundibles volumes azuis de Xabarín, con cubertas deseñadas e ilustradas por M. Fragoso, comezaron a entrar en moitas casas, sendo para moitos mozos e mozas da década dos oitenta a súa primeira lectura en lingua galega. Títulos identificables, tamén, pola presenza na contra capa da icona da serie, unha cacheira frontal do xabaril cos cadanseus cairos ben afiados, unha imaxe moi divertida que hoxe identificamos cunha emoji que expresa ledicia

venres, 26 de abril de 2019

Doa a Doa: o tesouro da lingua



Doa a Doa foi un programa da TVG que se emitiu entre os anos 2007 e 2010. A idea que o sostiña era a proxección da transmisión oral. En cada capítulo, de 13 minutos de duración, varias persoas relataban ideas ou feitos arredor dun tema. No vídeo que se presenta aquí o tema era "o tesouro da lingua"

xoves, 7 de marzo de 2019

Transmisión da lingua, o valor máis importante do discurso de Rodrigo Vázquez nos Mestre Mateo


O discurso de recollida do premio Mestre Mateo ao mellor comunicador de televisión de Rodrigo Vázquez, o do chuculú, tróuxonos á memoria aqueloutra perla de Marga Pazos do 2015 da que lembramos estas palabras:

"a maior parte do mérito de que eu saíra na televisión era deles, porque eran dúas persoas moi valentes, moi comprometidas coa súa identidade, que me criaron, que me educaron, que me berraron temén algunha vez, pero me acariñaron sempre no meu idioma...en galego. [...]Grazas ao meu idioma teño traballo, e teño traballo no meu país, que hoxe non é fácil, traballo no meu país, para o meu país, e nese idioma sigo eu acariñando eu os meus pelouros"

xoves, 20 de decembro de 2018

Con Voz Propia: Cibrán Santamarina





Que se chame Cibrán xa sería suficiente desculpa para que colgara por aquí o vídeo. Pero ademais nunca deixa de perder a ocasión de defender a lingua galega. Cibrán Santamarina é profesor na Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela. Traballou no CERN e en Montreal, especialmente no experimento ATLAS. 

Este vídeo tráenos ao primeiro plano o recordo de que desde o ano 2010 está prohibido o ensino en galego nas materias científicas, entre elas a física.


Con Voz Propia é unha serie de audiovisuais de Correo Televisión onde profesionais destacados en diversos ámbitos, falan do importante que é o galego para eles, especialmente en relación coas súas profesións.

Vexo que subvenciona a SXPL. E non tería capacidade esa tal SXPL de abrirlle un oco a estes vídeos (ou a outros semellantes) na TVG? Vese que non.

Tiven coñecemento deste espazo grazas a este chío da CTNL 

martes, 21 de agosto de 2018

Ben falado!: Ciencia en galego


Aproveitando que a canle de You Tube da TVG se encheu estes días cunha chea de capítulos do ben querido programa Ben falado!, quixen recoller un deles, o 326, adicado á miña teima, o uso do galego na ciencia.
O capítulo en cuestión é do ano 2010, un ano funesto para a lingua galega pola publicación do ignominioso decreto do plurilingüismo. Nótese como neste capítulo aínda se respiran ansias de normalización, que proveñen da etapa gubernamental do bipartito. Pouco despois, todo este discurso eliminaríase desde as institucións, sendo substituído por outro consistente en "canto menos galego, mellor para o galego" para xustificar as prohibicións que aínda a día de hoxe penan sobre o uso da lingua de noso.

luns, 19 de decembro de 2016

Ñuqanchik



Segundo o ethnologue  o quechua é unha colección de 25 linguas que conta con 7,734,620 falantes. O pasado mes de xullo entrou en vigor a lei N° 29735, que regula o uso, preservación, desenvolvemento, recuperación, fomento e difusión das linguas orixinarias do Perú.
Desde o pasado 12/12/16 a TV Perú comenzou a emitir o seu primeiro programa en quechua, Ñuqanchik. Emítese de luns a venres. É un pequeno paso na normalización do quechua. Como todos os procesos de dignificación da lingua, ten que facer fronte a unha discriminación moi enraizada na poboación peruana. Polo de agora, o programa emítese a unha hora que explica moitas cousas, as 5:30 da mañán.

venres, 14 de outubro de 2016

Julian Brock, un alemán desmontando prexuízos



El gran dictat é un concurso da TV3 que se emite desde o 2009. Tal e como se pode enxergar no seu nome, é un programa de entretemento centrado nos coñecementos lingüísticos. Entre os contidos deste espazo están os anglicismos, a linguaxe coloquial, os erros de pronuncia, léxico pouco usado, o xogo do aforcado, definicións sui generis,...
Julian Brock non foi o concursante que máis tempo estivo no programa nin o que máis cartos gañou (725 €), pero posiblemente fose o que máis impacto tivo ata o momento por ser quen de desmontar moitos prexuízos. Julian é alemán, pero non ten un carácter nada seco. Os os seguidores do programa puidérono ver tocando o ukelele e cantando "L'estaca". Cargado de simpatía, cando lle preguntaron para que aprendeu o catalán, ofreceu unha resposta cargada de sorna: "para sair na tele".
Na súa canle de YouTube, Julian Brock explica as razóns polas que lle gusta o catalán, todo unha lección contra os prexuízos que determinan que as únicas linguas útiles son o inglés e o español.

xoves, 30 de xuño de 2016

Rabela: debate sobre o galego na mocidade



Cando hai uns días recollía un debate sobre o ensino da nova canle de televisión Nós TV xa osmaba que non sería a última vez que faría referencia ás achegas desta nova emisora radicada en Lalín. O que non esperaba era esta explosión, a do pasado 28/06/16 coa emisión do espazo Rabela, cun especial pola a lingua, con varias horas de emisión e cargado de contidos, dos que se teño tempo irei dando noticia neste espazo.
O primeiro que vou destacar é esta mesa de debate moderada por Pablo "Chichas"e na que interveñen profesores de recoñecida experiencia no mundo da normalización: Séchu Sende, escritor e toda unha referencia, Hortensia Bautista con experiencia como concelleira de normalización e  Bernardo Penabade, o ideólogo do "Modelo Burela", xunto á presidenta da CTNL, Anxos Sobirño, falan da perda de falantes na mocidade galega e por onde deben camiñar as prácticas normalizadoras.
Ademais do faladoiro, o programa contén moitas entrevistas, sobre todo a rapaces.

domingo, 10 de xaneiro de 2016

Éche así



Éche así é un programa de divulgación científica da TVG. Mellor dito, é o programa de divulgación científica da TVG. En menos de media hora tratan varios temas de carácter científico que teñen que ver coa nosa vida cotiá. Ademais o programa ten vocación de entretenemento polo que sempre está presente o (bo) humor. 
O programa ten catro presentadores: un químico, Manuel Vicente (director de Efervescencia), un biólogo, David Rodríguez, un xeólogo, David Ballesteros, e unha actriz, Saamira Ganay. 
Neste vídeo que recollo aquí trátase o tema das filas. As filas dos supermercados, dos servizos públicos, pero tamén das redes de ordenadores, das telecomunicacións, vehículos que pasan por unha rúa ou unha gasolineira,... poden ser tratadas desde o punto de vista matemático. Hai unha parte da estatística, a teoría das filas, adicada a este tipo de problemas.
O único malo do programa é o do día e hora de emisión: os domingos ás 10:30. Merecía emitirse no horario de máxima audiencia. Pero as cousas sonche así.
(Sempre temos a posibilidade de pegarlle un ollo no apartado de á carta, da TVG)