Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Gonzalo Constenla Bergueiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Gonzalo Constenla Bergueiro. Amosar todas as publicacións

xoves, 13 de novembro de 2025

Galego-portugués: chave para abrir novos cadeados lingüísticos

 por Gonzalo Constenla no Nós Diario:

A discusión pública sobre o "deber" de dominar o inglés –e o impacto no equilibrio do noso ecosistema lingüístico– merece un tratamento demorado. Con todo, e para non mesturar planos, esta análise trata doutra cuestión: explicar por que, máis alá de calquera obriga sobre unha lingua, as persoas galego-falantes, ao seren bilingües plenas en galego e español, costuman aprender con máis facilidade unha terceira lingua (L3), neste caso estranxeira. Non discutimos o "para que", senón o "por que" e o "como" que a investigación avala.


En primeiro termo, convén lembrar o que sinala a evidencia: o bilingüismo individual funcional reforza dous piares para a L3. O primeiro é a conciencia metalingüística: quen alterna códigos segmenta mellor a forma, compara estruturas, induce regras con menor custo e tolera a ambigüidade. O segundo, en paralelo, é un perfil atitudinal favorábel: motivación elevada, expectativas realistas de éxito e apertura á diversidade lingüística, que favorecen persistencia e autorregulación. Así, aínda que os efectos nos contextos non foren uniformes, obsérvase unha vantaxe na aprendizaxe de terceiras linguas entre persoas bilingües fronte a monolingües.


Chegados a este punto, cumpre unha precisión decisiva: todas as persoas galego-falantes son bilingües totais; pola contra, non todas as persoas español-falantes na Galiza acadan un dominio activo e funcional do galego. Esta asimetría ten unha derivada práctica. Quen domina as dúas linguas manexa con soltura dous sistemas gramaticais, dous repertorios e dous mapas fonolóxicos, o que multiplica as opcións de transferencia positiva (aproveitar semellanzas) e adestra a vixilancia fronte á interferencia (identificar falsos amigos, reorganizar acentos, reaxustar categorías). En consecuencia, cando se inicia a L3, ese adestramento previo opera como panca que reduce a incerteza e acelera a construción de regras.


Afortalar o galego-portugués, sumando todas as súas variantes, lonxe de competir coa aprendizaxe doutras linguas, impulsiónaa


Con todo, non abonda con posuír dous códigos; cómpre mantelos equilibrados. Cando o galego se retrae a ámbitos residuais, o suposto bilingüismo degrádase e a vantaxe mingua. Por iso cumpre garantir usos efectivos –tamén na lectura crítica, na argumentación escrita e na produción oral formal–, pois só así a L3 terá terreo fértil. Ademais, a calidade da exposición á terceira lingua, o deseño das tarefas e a práctica dos procesos (formular, contrastar, reformular) marcan a diferenza entre un impulso inicial e un progreso sostido. Así pois, non existen fórmulas máxicas: hai unha probabilidade favorábel que depende do equilibrio previo e das condicións de aprendizaxe.


A máis-valía do portugués

A este panorama súmase unha derivada salientábel: o estudo, o coñecemento e a práctica de todas as variantes do sistema galego-portugués –especialmente entre as persoas galego–falantes, constitúen unha máis-valía adicional. A proximidade estrutural e léxica e as converxencias prosódicas e segmentais facilitan pontes cara a terceiras linguas cun perfil fonolóxico afín.


Así, as competencias na percepción de timbres vocálicos, na xestión de ditongos e na identificación de patróns acentuais de todas esas variantes poden transferirse con rendemento ao francés, ao inglés e a outras linguas. O portugués non substitúe, pois, a L3: aceléraa, porque fornece rutinas de discriminación fonética, inferencia morfosintáctica e lectura variada que despois se voltan a empregar.


Desde esta perspectiva, política lingüística e práctica docente han confluír nunha mesma dirección. Por unha parte, consolidar o verdadeiro bilingüismo individual de base implica asegurar espazos reais e prestixiosos de uso do galego, para que o equilibrio sexa real. Por outra, unha didáctica comparativa da L3 –que faga explícitas semellanzas e diferenzas co galego-portugués e co español– permite activar a transferencia positiva e anticipar interferencias. Cumpren ademais exposición suficiente á L3, tarefas auténticas, avaliación formativa e orientación continuada.


En definitiva, podemos afirmar que afortalar o galego-portugués, sumando todas as súas variantes, lonxe de competir coa aprendizaxe doutras linguas, impulsiónaa. Como consecuencia, a suma dun bilingüismo individual pleno e o contacto coas diferentes variantes do galego-portugués oferece ao alumnado galego valiosas chaves para abrir cadeados de novas linguas.

xoves, 7 de novembro de 2024

Que é a imposición lingüística?

 


por Gonzalo Constenla, en Nós Diario:

Nas últimas semanas, por causa do denominado Pacto polo Galego proposto polo Goberno da Galiza aos grupos da oposición parlamentar, voltouse a escoitar o argumento da imposición lingüística. A linguaxe política costuma afastarse, e mesmo diverxer, da verdade das cousas. Porén, nun tema basilar como é o da nosa lingua parecería que se deberían empregar os termos cun mínimo de rigor e propriedade.

mércores, 5 de xuño de 2024

O Plan do consenso lingüístico


 por Gonzalo Constenla, en Nós Diario:


O día 21 de setembro de 2004, o Pleno do Parlamento Galego aprobaba por unanimidade o Plan xeral de normalización da lingua galega (PNL). Por primeira vez na historia, a Cámara que simboliza a soberanía popular do pobo galego e na que naquel momento o Partido Popular tiña maioría absoluta e que sustentaba o último goberno Fraga, acadaba un consenso unánime sobre a política lingüística que había guiar a normalización do galego nos anos vindeiros.

sábado, 20 de agosto de 2022

A lingua como síntoma

 por Gonzalo Constenla en Nós Diario:

Todas as linguas son un bon termómetro, quer na perspectiva sincrónica quer na diacrónica, para medir o estado de saúde das sociedades para as que os seus respectivos pobos criaron como vehículo de comunicación. Nesa perspectiva diacrónica, a historia do noso idioma reflite tambén a propria historia do país.

martes, 20 de xullo de 2021

(Re)nomear as rúas

 por Gonzalo Constenla en Nós Diario:

Na que se auto atribúe como a maior plataforma de abaixo-asinados do mundo, iniciouse unha petición, que xa chega a perto de cincuenta mil asinaturas, para lle mudar o nome á coruñesa avenida de Buenos Aires polo de Samuel Luiz. É comprensíbel unha reacción así, que reflicte a conmoción social provocada por un salvaxe asasinato tinguido de odio. Porén, tais decisións transcendentais non se deberan fechar en quente, sen a necesaria perspectiva temporal e a debida coherencia con que cumpre abordar, na súa globalidade, os rueiros dos nosos concellos. 

martes, 27 de abril de 2021

Plurilingüismos


 por Gonzalo Constenla en Nós Diario:

Non era preciso que nolo viñeran dicer os de fóra, xa nós o levábamos pregoando por activa e por pasiva. Porén, para contentamento, ou, nos máis dos casos, desgusto de quen non confía en si proprio, mais outro ano o Consello de Europa emitiu un relatorio que dá conta do retroceso do galego, que ten ocorrido no ensino desde a promulgación do mal chamado Decreto do plurilingüismo. Unha normativa que visaba o progresivo desaparecimento do idioma proprio do país no ámbito educativo, como as estatísticas confirman ano após ano, a pesar do tal decreto definir como meta a plena competencia bilingüe galego/español do alumnado. Fracaso das súas proprias mentiras. Non. Plurilingüismo non é iso, maltrato da lingua nacional con base na imposición das vellas tácticas do imperialismo lingüístico. Apor unha lingua para extinguir outra, máxime cando esoutra é a xenuína dun territorio.

 

martes, 13 de outubro de 2020

Toponimia nos tempos dos bárbaros



 por Gonzalo Constenla en NósDiario:

 O que aconteceu na fin de semana pasada en torno do uso do barbarismo La Toja por parte dun grupo empresarial autóctone fala claramente sobre as manobras de cerco que contra a cultura e a identidade galegas son lanzadas desde determinados estamentos políticos, empresariais, mediáticos e, no seu conxunto, desde o españolismo.

 

mércores, 15 de decembro de 2010

É a normalización...compatriotas!

por Gonzalo Constenla,  veciño,  indicando a boa dirección. A ver se se nos pega algo. No Xornal:

Non é o problema principal do galego unha cuestión de terminoloxía que entenden uns poucos e que á maioría lles soa a chinés, máis aínda cando os que debaten din perseguir os mesmos fins. O grande problema do galego é o dunha sociedade que interiorizou a mensaxe mil veces repetidas do autoodio e a subordinación, dunha sociedade que enxendrou a maior creación inmaterial colectiva e, como Saturno devorando o seu fillo, parece que camiña cara a súa autodestrución.
Parece mais non o é, pois no seo desa sociedade sempre houbo unha forza vital que nos empurrou a sobrevivir, a seguir existíndomos, a non estarmos dispostos á autoinmolación. E o idioma mantivo e mantén aceso o facho da nosa vontade de ser. Porque a lingua é o elemento que nos une a todos os galegos e galegas, desde Ortegal ao Miño, do Courel a Compostela.
E de aí o ataque dos que queren que o galego desapareza que, sen dúbida, o que finalmente perseguen é que despareza Galiza e se funda para sempre na súa España imposíbel. E por iso, a maior resposta popular que se produciu en Galiza nos últimos tempos a unha agresión contra dela foi a da defensa da lingua. Porque, a pesar de parecermos unha nación resignada que quixer destruír en poucos anos o que creou en moitos centos deles, o pobo galego existe.
O movemento restaurador da lingua e da cultura galega nunca desertou do seu empeño, sabendo que a súa era unha causa nacional e patriótica e, portanto, democratica e maioritaria. Unha causa popular, do pobo, co pobo e para todo o pobo. E así ten e terá que seguir sendo, sen entreguismos nin dogmatismos, combativa e amábel, coa forza da razón e co sentir do corazón.
E porque esta causa non é conxuntural nin responde a modas, porque vai para longo e navega contracorrente, porque nela cabemos todos e todas os que queremos exercer de galegos e galegas, segue cumprindo a irmandade e a mutua comprensión entre todos e todas nós. Cumpre admitirmos as diferencias, recoñecermos os desiguais puntos de vista e sabermos que temos un obxectivo común, o da defensa dos nosos dereitos lingüísticos e a normalización do noso idioma.
Os e as galegas que non desertamos de tais non podemos permitírmonos o luxo de darlle razóns aos lingüicidas nin deixar que os seus ataques nos dividan. Porque temos moito máis en común do que nos separa. Porque nós queremos que a nosa lingua teña futuro e eles queren acabar con ela. Por iso debemos pór por diante a defensa da causa común e esquecernos de debates nominalistas e técnicos, que están ben para especialistas pero que despistan,confunden e fan con que a nosa xente se sinta aborrecida.
Para alén, se desde o inicio dos anos setenta houbo un termo e unha metodoloxía que logrou concitar un consenso progresivamente maioritario e que mesmo se convertiu en oficial, ese foi o da normalización: aprobouse unha Lei de Normalización; normalizáronse os topónimos deturpados; comezou o proceso de normalización no ensino; intentouse normalizar a administración pública, a xustiza, a sanidade; creáronse equipos de normalización en todos os centros educativos; naceron os gabinetes de normalización lingüística nos concellos; medrou e afortalouse a maior asociación cidadá pro-normalización, acordouse por unanimidade o Plan Xeral de Normalización Lingüística no Parlamento Galego... En definitiva, a nosa sociedade, como un todo, asumira, aínda que moitas veces en precario, un discurso, un método e unha práctica comúns.
E cando todo estaba medianamente encarreirado, chega o Partido Popular e lanza unha bomba de destrución en masa contra o galego que, como vemos, pretende causar danos colateriais que non podemos permitírmonos o luxo de llos consentir. Para conseguilo, comeza a demolición do proceso de restauración social do idioma, empezando por eliminar a palabra normalización das propostas, documentos e órganos que leven tal denominación. Por algo será.
De aí que debamos concentrármonos en seguir traballando por ela e póla como obxectivo común de todos e todas nós; deixar de nos enguedellar, os uns e os outros, en polémicas nominalistas e de preocupármonos tanto polo español, que nin ten problemas en Galiza nin é parte da solución. Cando logremos volver encarreirar a situación, xa debatiremos os matices. Aquí e agora, cómpre tirarmos do carro todos e todas na mesma dirección. A normalización ten que ser o eixo, a guía e o camiño.