- Presentación do acto: 3.00
- “Linguaxela”, do mestre e escritor David Otero. Nesta intervención fai un seguimento exhaustivo da vida e a obra de Xela Arias; 7:55
- O Colectivo RECUNCHO DA LINGUA formado por Natalia, Kenia e Pilar Bernardez, que recitarán o poema colectivo CRISTAL Grupo de alumnas e profesoras do IES UN que recitarán: Sara Espiño Baamonde o poema “NON ME GUSTABAN DE NENA OS PELUCHES”, Helena Castaño Pazos “INTEMPESTIVA”, Beatriz Quintela “TES A CARA INCHADA DE PREGUNTAS” e Andrea Pérez Gañete “SÓ PODE SER” : 45:50
- actuación musical de Jásper, Manu García e Patti Castro; 53:00
- “Dereito a vivirmos en galego” do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira; 58:21
- 2ª parte do recital poético sobre a obra de Xela Arias: Tino Regueira recitará o poema de Xoán Xosé Abella “TRÍPTICO PARA XELA ARIAS”, Sabela Carracedo lerá o texto “NON TE AMOLA” e Xosé Luna recitará o poema “ A POESÍA ESTÁ NA RÚA (25 de abril)”.
- Lectura do Manifesto de Queremos Galego 1:28:10
- Actuación musical de Jásper; 1:31:23
- Despedida; 1:35:38
Páginas
domingo, 16 de maio de 2021
O vídeo do acto "Ámate coa lingua:fálama"
domingo, 9 de maio de 2021
"Ámame coa lingua, fálama". Acto polas Letras na Estrada
A nosa lingua encóntrase nunha situación de emerxencia, corroborada nos últimos días polo estudo sociolingüístico realizado pola RAG, onde se demostra a súa situación de marxinalidade entre a mocidade, tanto no que respecta á competencia como ao uso. Mais, malia os datos negativos, o goberno galego di sentirse satisfeito e anuncia que continuará practicando a mesma política lingüística. Por iso nós, desde a AC Vagalumes, perante as políticas de desprezo e exclusión levadas a cabo pola Xunta de Galiza, entendemos que segue a ser máis necesario que nunca conmemorarmos o Día das Letras Galegas e celebrarmos o orgullo da nosa literatura e da nosa lingua.Este ano, a persoa dedicataria do Día das Letras é a poeta, narrradora e tradutora Xela Arias, que escribiu a súa obra desde un fondo compromiso con Galiza e co galego. Cómpre afondar no coñecemento e no estudo da súa obra, pois ofrece moitas das claves para comprender a historia da creación literaria e da evolución social do noso país.No acto organizado pola AC Vagalumes contaremos coas seguintes intervencións: “Linguaxela”, do mestre e escritor David Otero; “Dereito a vivirmos en galego” do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira; actuación musical de Jásper, Manu García e Patti Castro; e recital poético sobre a obra de Xela Arias, no que convidamos a participar a todas as persoas que o desexen.O acto será retransmitido en directo en streaming a través da páxina Tabeirós Terra de Montes así como nas canles de youtube e facebook desta asociación.. Agardamos que sexa proveitoso para reflexionarmos sobre a situación actual do galego e para non esquecermos que cada un de nós pode colaborar na construción dun futuro digno para a nosa cultura e a nosa lingua. Así o escribiu Xela Arias: “Ámame coa lingaua. Fálama”
martes, 1 de decembro de 2020
A riqueza da lingua
por David Otero en Nós Diario:
Nestes tempos de maior entoación da igualdade e da non violencia, convén pensar no deber de seguir na construción (e non na desfeita) dunha sociedade galega máis xusta, equitativa, que determine o marco soberano que consolide e posibilite máis logros e máis proxectos. Un destes (logro e proxecto) é a nosa lingua hoxe condicionada a uso condicionado. Maltratada de moitas maneiras. Inimiga a combater. E así este goberno de Galicia (ao cubo) teima en disgregar vontades colectivas a través do medo e do odio, si, desa emoción retrógada, cruel e terrible, nacida da sede de poder para desangar a cidadanía, poñendo os dereitos lingüísticos deste pobo a dieta de fame decretada. Un mal remedio que nos fai sufrir violencia para a nosa lingua, nun chulesco uso de poder que, dicíndose democrático, fai maltrato dela e deste pobo. Velaí como nos negan o uso pleno da nosa lingua. Soamente por horas como a toque de queda. Non podemos vivila. Hai que poñer outro prato á mesa para o español. Tanto odio á nosa lingua que dá en violencia estúpida. Un odio refinado a cara de “boiños”, o do sentidiño cordial, que semellando amor, o que trata e de anestesiar. Un odio moi rendible, co que buscan a desaparición da discrepancia, anulando a igualdade e a soberanía da lingua.
martes, 13 de outubro de 2020
Céntrese, presidente
por David Otero en Nós Diario:
O señor Feijoo non quere, nin emenda, que se usen os nosos topónimos no noso idioma e así el, na súa liberdade, acolledor fino, consente, tanto na cartelaría como nos contidos, que no Foro da Toxa, se diga “ La Toja” e tamén en afrontas como a non presenza de mulleres en equidade no Foro. O asunto dá para un traballo máis extenso, pois estamos de punta. Isto vén de actitudes propias de acoutadiños de bisagra lixeira, que tendo que facer pan do país, quédanse con frangullas que lle veñan de fóra e sorrín triunfantes como quen gañou a marabilla. O presidente de Galicia, gañador de eleccións, como galego daquela maneira, pasa do noso idioma. Pasa de nós. Non cre que sexamos nacionalidade histórica (nación) declarada no noso Estatuto. El válese deste pobo (iso si, gañando eleccións) para manobrar como lle convén, tanto para el como para os seus, sexan do partido, amigos, donos de portas xiratorias etc. Faino así, oufanándose Presidente, en presente e para futuro. Nós diriámoslle que se centre e como nas palabras do señor Presidente da República Portuguesa, que pense nas persoas (galegas e galegos) e que traballe pola nosa felicidade. Non se adique a botarlle lume exclusivamente ao Goberno do Estado e ocúpese deste pobo. Pénsese galego de contido e de idioma e sírvanos. Non todo é pillar de Madrid. Hai que gobernar aquí.
sábado, 5 de maio de 2018
Os nomes da Estrada: Codeseda
Hai xa dúas semanas que comenzou a xeira de presentacións polo rural do libro de Clara Iglesias, Os nomes da estrada. (Edicións Fervenza 2018). Nestes vídeos vemos como se desenvolveu o acto, presentado por David Otero. No primeiro interveñen dous estudosos desta parroquia, Xesús Ameixeiras e Luís Ferro.
No seguinte vídeo temos a intervención da autora, no que ademais de dar referencias toponímicas da Estrada, recolle algunhas particularidades da comarca de Codeseda.
domingo, 11 de marzo de 2018
"Os nomes da Estrada" por David Otero, Calros Solla e Manuel Cabada
Aínda que os medios de comunicación deron fe do acto, [1, 2], non achegaron ningunha nota do que realmente aconteceu no local de Abanca na tardiña do 09/02/18.
O primeiro en intervir foi David Otero. A súa presenza é sempre unha garantía de dinamismo pois todos coñecemos e coñecémonos, tal e como diría el, nese volcán de palabras coas que nos regala en cada presentación.
David Otero falounos do pensar dun pobo, que se materializaba nas follas do libro que tiña entre as mans, "Os nomes da Estrada" e corporizou os nomes da súa Compostela natal. Os outros intervintes habían de facer o mesmo, referirse ao topónimo do seu lugar de nacemento. Tal é a forza da terra que nos dá á vida.
Calros Solla referiuse en repetidas veces á súa Abeleira natal. A súa intervención merecía ser recollida en papel para poder gozar dunha lectura demorada. Por momentos parecía un poema: "noméote para que existas, ármote coa vareta máxica da palabra. Un ermo é aínda máis ermo cando do difunto leva á microtoponimia para o outro mundo. Cando unha lingua morre, un ecosistema desaparece con ela"
Manuel Cabada destacou que o libro que estaba a presentar dignificaba as parroquias e lugares nos que nacemos, vivimos ou finamos. El é natural de Sabucedo, a única das 51 parroquias que non ten máis que un lugar. O topónimo desta parroquia procede do nome dunha árbore, o sabugueiro, que se daba no lugar. Cabada referiu a historia dun bispo non galego de Compostela (a maioría non foron galegos) que nalgún documento antigo cambiara este nome polo castelanizado *Sauquedo. A colonización política e eclesiástica castelanizaba sen máis tanto seres vivos como entes inanimados.
xoves, 1 de decembro de 2016
O mestre Don Olimpio
Esencialmente e fundamentalmente foi mestre. Toda a súa actividade, facer e creación, estivo presidida pola sustantividade da educación. Non foi un simple funcionario do ensino. Viviu a educación como xeito de abrir camiños, de alumar vidas e horizontes, e establecendo na liberdade a pluralidade de referentes para conductas e actitudes que consolidan o sentir liberdade. Sempre mantivo a idea de levar consigo, a carón e nunca en fronte, a persoas, a nenas e nenos, a mozas e mozos, e non simplemente alumnado. Por iso el mesmo nesa tarefa común compartida, ensinando, aprendeu dúas veces. As mellores competencias.
venres, 6 de maio de 2016
Manuel María vai pola vila
Foron moitas veces as que o poeta Manuel María (a quen se lle adican as Letras Galegas deste ano) estivo na nosa vila da Estrada. Que recorde as veces máis salientables forono as moitas na AC A Estrada, tamén por cando o tema da nosa Lingua no Colexio do Foxo, na manifestación que houbo na vila, nas Xornadas de Manuel García Barros, por cando quedou deserto o Premio Literario e coido que a última foino por cando as alegacións e argumentos veciñais ao encoro de Arca.
domingo, 3 de abril de 2016
Abril de libros
Non hai dúbida de que todos os meses de todos os anos serán de libros. Pero abril éo de maneira especial en dous días. Por unha parte o dous sendo o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL e pola outro o vintetrés DÍA MUNDIAL DO LIBRO. Dous días aos que lles aplicar maiores tons, fermosos gustares e saberes enormes, no andar marabilloso das lecturas polos soportes de non pasar endexamáis os tempos que son os libros. Velaí pois que neses obxectos tan feitos nosos aos que lle chamamos libros, neles, podemos vivir actividades de altas voltaxes, ben doces ou ben amarguechas por veces, chamadas lecturas (verdadeiros exercícios dos pensamentos) e así podernos sentir vivos en moreas de mundos inmedibles ou pequeniños, sempre amorosos, elásticos, que nos axudarán a facer máis sensible, sostible e habitable, este noso cheo de pobos con culturas e linguas de seu.
xoves, 25 de febreiro de 2016
Rosalía
Día grande en Galicia. Día nacional de Rosalía.Xa como case que á porta da primavera, unha máis das que tanto arelou Alvaro Cunqueiro para a nosa Lingua Galega e que nós outro tanto queremos ver cumpridas, a nosa cultura literaria, corpus universal, da man da nosa dona excelsa e primorosa, ponse fachendosa neste día e así coa nosa palabra, a abondosa lectura de frescura, vestirémola de gala a campar de marabilla tallando de galegas e de galegos como así é debido e como así compre ben.Hoxe día de Rosalía os nosos lexítimos desexos de pobo a se determinar máis galego, pasiño a pasiño sen dar marcha atrás e así será dicilo irrenunciablemente, como afirmou Antón Vilar Ponte, queren facérense un algo máis de sentir, algo máis realizados, postos a papel de agasallo, desde a memoria viva e activa a Rosalía, desde a alegría de tanto termos que celebrar na e coa obra da nosa universal cantora.
xoves, 2 de xullo de 2015
Entrega de premios do uso do galego nos comercios estradenses
O veciño e compañeiro de loita na lingua, David Otero, como primeiro motor desta inciativa, fai a presentación da entrega do 3º premio do IES nº 1 da Estrada ao uso do galego no comercio no concello. Nesta ocasión o comercio que recibe a homenaxe é Copistrada pero na entrega do premio tamén están os representantes das outras dúas empresas premiadas nas dúas primeiras edicións, a liberería Marxe e a tenda de roupa Treixa.
A asociación local de comerciantes, ACOE, tivo a boa iniciativa de gravar o acto e divulgalo polas redes sociais, velaquí pois unha outra nova iniciativa construída por particulares, asociación de comerciantes, centro de ensino, e co agradecemento da veciñanza por facer visible aquelo que debería ser normal, pero que aínda é unha heroicidade no eido comercial. Iso si é facer cousas na boa dirección, outras cousas cheiran a propaganda para ocultar o puro baleiro.
martes, 24 de marzo de 2015
Sr. Presidente (III)
Sr Presidente: non vou ser eu ( nin ninguén con quen eu amigo ou convivo) quen lle teña envexa algunha polos milleiros de quilómetros que faga polo mundo adiante, pero si aplicareille o conto polo que desas viaxes nos trae de ben para o noso pobo.Que se din que para que vai ? “ Para o que trae·”( contestamos).Que se non vai ? “ Total… para o que trae” ( dicimos). Así que mire, sen envexa ningunha , alá vostede. Faga o que entenda e lle fale a súa conciencia ( porque de noite coa almofada falará… ou?), que nós sacaremos as nosas conclusións, pois vostede abofé que de dar explicacións nada de nada. Xa nos ten afeitos. E por aquí hai que ver o ben que o pasa mitineando por terras de (“La”, din os seus) A Coruña, polas do (“El”) Ferrol ( del caudillo?) disfrutando do aquel de “ Ferrol quiere” ( non galego precisamente). Si señor, como diría don Anxel Fole, si señor, repetía. Actitude e consenso no horizonte.Vaites, vaites, diría Daniel.
xoves, 5 de marzo de 2015
Sr. Presidente (II)
Quen se dirixe a vostede e xa avisa de antemán para os listos titulados, uns poucos, ou os cargos de ilustrísima, outros poucos, avisa digo de que non é sociolingüista ( nin lingüista siquer), como así se lle avergoñou ( que máis quixesen conseguilo ) a algún compañeiro meu, pero iso si, como xa lle dicen anteriormente noutra carta, si eu sonlle galego. Un galego de ser e de estar, polo que vou seguir dando nos aros das duelas para que estes bailen o menos posible e así as duelas aperten ben ( xunten) e asemade se garde no pipo de todas a de todos ( como é debido) a esencia mellor de nós: a Lingua ( que hai algúns e vostede coñéceos aos que lle gustaría vela picada, agreteira, vinagre, vamos que de mal labio, mesmo ata perdida, e mire que vostede vén de por cerca do Ribeiro e pasa ben veces por xunto dos seus e así eles pasan de “ Riveira e Puebla”, que lle parece entón o choio ?). E mire que por moito que se airee o pano, non lle é doado saír dela, se un non se mete e vostede ten moito onde meterse. Píllao?
mércores, 18 de febreiro de 2015
Sr. Presidente (I)
Quen se dirixe a Vde é un galego, mestre con corenta anos de servizo, entre aldeán e urbano, pois nacín en Compostela, pero a tribu élle do Ribeiro alto, Punxín e San Amaro. Estou contento e feliz de ir de camiño a dicirse, como Manuel María, aínda que el xa o fixo en vida, galego normalizado e xa que logo todos os días esperta na marabilla de sentir ( un pouco máis que onte) como se vai construíndo Galicia e en especial o Pobo do Galego e por iso, se o tiver Vde a ben, referirlle o que segue para que me dea atención ( e grazas pois de antemán se así for).
domingo, 26 de outubro de 2014
Cartas de Ken Keirades a Ben Cho Shey e outros documentos. Recompilación en Tabeirós Montes
Comenzou o acto coa presentación por parte de Xoán Carlos Garrido como o fornecedor do material que se estaba a divulgar e xestor da páxina na que se aloxa toda a documentación. De seguido Clara Iglesias explicou os temas tratados nas cartas que Ken Keirades lle escribiu a Ben Cho Shey. Diferenciou tres bloques principais: un deles sobre lecturas e opinións de García Barros sobre as novidades editoriais, outro das súas relacións co galeguismo do interior (Galaxia e RAG), e unha última sobre temas máis persoais arredor da labranza, a casa e a familia.
A última intervención foi levada por David Otero quen fixo un repaso polo resto da documentación que de Ken Keirades: anotacións, cartas non enviadas, reflexións,...
Un exemplo pode ser este texto de Ken Keirades, 'Xa que son académico', no que nos ofrece unha crítica demoledora do uso que os membros da Academia facían (ou máis ben deixaban de facer) do galego:
“Xa que son académico, anque aínda me custe traballo crelo, coido ter que ir pensando na maneira de facer algo que poida corresponder dalgún xeito ao feito ese de o ser.Non teño aínda o regramento nin me vale o selo de oficio por ter o lema en latín, idioma que descoñezo, apesares de habelo practicado bastante en tempos lonxanos axudando a misa os domingos e días de novena cando o sancristán me deixaba, pois había que contar coa súa venia. Pero tampouco coido necesario para comprender que o obxecto e fins da nosa Academia serán, terán que ser, o depuramento e fixación da lingua galega, que é a nosa, a de todos os galegos, quéirase ou non, anque haxa desleigados que a repudien, “imbéciles e escuros” que dixo Pondal. E velar polo seu prestixio e expandimento ata conseguir que non haxa ningún nado na Terra, ou fillo de quen o fose, que deixe de falala.
Non quixera deixar de poñer por escrito o primeiro que pensei cando comencei a escribir esta entrada. Con algo de maldade imaxinei nos problemas que tería Ramón Nicolás se un día quixera escoller só un manuscrito de Ken Keirades para a súa colección do Caderno da crítica.
Ofrenda lírica.
Para completar o acto tamén se presentou a gravación que X. R. Fernández Oxea lle fixo á súa filla Isabel con motivo da súa primeira comunión con poemas de Xosé Mª Álvarez Blázquez, Fermín Bouza Brey, Ramón Cabanillas, Ricardo Carballo Calero, Augusto Casas, Xosé Díaz Jácome, Avelino Gómez Ledo, Ánxel Xoán, Ramón Otero Pedrayo, Victoriano Taibo, Celso Emilio Ferreiro e o propio Ben Cho Shey, Jesús Carballeira López e Anisia Miranda. Esta ofrenda lírica podemos escoitala no portal de Tabeirós Montes.

Un Manuel García Barros moi completo.
Non son éstes os únicos recursos que nos ofrece a Asociación Cultural Vagalumes sobre García Barros. A colección sobre o autor é moitísimo máis completa. Ademais dunha biografía hai vídeos con actos de homenaxe, documentos, fotos, e arquivos diversos sobre un congreso arredor de Ken Keirades celebrado na Estrada no ano 1992 ou libros sobre a súa figura.
Teño a completa seguridade de que non será, nin con moito, ésta a última vez que teña que facer referencia ao portal Tabeirós Montes pois se non é pouco ao que se fixo referencia aquí, a cantidade de documentos que xa hai recompilados é como para ter este web ben á vista no escritorio do computador.
luns, 16 de setembro de 2013
E veña a marear... (e dalle)
Andamos na soleira do novo curso e así xa que logo nos preparatorios, como quecendo, e xa tardaba en chegar unha de coma sempre por estas para poñer lío e cortar leite. Falo do señor pai que deixou un traballo en Vigo por mor de que o seu fillo tería que aprendEr, estudar, ( vivir?) galego. E claro as cornetas desa organización chamada Galicia Bilingüe, van e a todo bufo póñense a botar gasolina no lume. Xa o dicíamos nós, xa ben que avisamos de que tanto galego… ( velaí máis ou menos o que andan e veñen dicir): E collemos e nós e cabreámonos ( e non sen causa) pois somos ensinantes, mestras e mestres. Facémolo no principio de que a/o profesora é o referente central de todos os procesos educativos. E falo así de nós ( e atendan ben as e os controladores absurdos e patéticos a maior parte direi de Galicia Bilingüe e con eles o “ celoso “ entramado votante e “ enrrollado”da Consellería de Educación), porque para nós e non poucos, educadoras e educadores, mestras e mestres, educar é moito máis que instruír e polo mesmo incidimos de xeito de moita atención ( orientamos) cara á persoa do alumno/a e así reflexionamos nas dimensións sicológicas, socias e morais do mesmo, claro, da personalidade deste/a. Por isocomo ensinantes galegos cabreámonos. Pois o feito preocúpanos e en especial referido ao ámbito, espazo e tempo, do ensino galego, público,gratuito e de cualidade. Por aí vai a nosa ética.
sábado, 7 de setembro de 2013
A navalla de Manuel a Paco Martín
Non hai pegha. Cada ano desde o ano cinco deste século e xustamente o oito de setembro, logo do acto de cabodano, a afectos e lealdades, de Manuel María, coa presenza de tantas e de tantos e en especial de Saleta e outros membros da Fundación Manuel María, alí na Campa de Outeiro de Rei, con ofrenda floral e poética e despois cantando a unha voz o poema O Carro musicado por Mini e Mero ( estando tamén os cantores Tino Vaz, Miro Casabella, Quintas Canella e o gaiteiro nubeiro Raul Galego), collemos e imos á carballeira da Sta Isabel, lugar determinado a moi significado para o noso poeta nacional e de advocación por tal,ben sabida por todas e todos nós.Pois ben, alí ao andar das augas do río pai Miño ( con fillo ilustre de cerca o reghato do Cepelo), ano a ano e de man a man, a cada delas máis xenerosas e merecentes, celebramos o acto de entrega da NAVALLA DE MANUEL MARÍA, e así foron téndoa Alfonso B.Torrado, Mini e Mero, Camilo Gómez Torres, Avelino Pousa, Xulio Xiz, Darío X. Cabana, quen lles escribe, Valdi e este ano Paco Martín ( e direino tamén a chamo como no título de arriba PACO RAMÓN MARTÍN LAMOTE, decátanse o por que…?).
xoves, 6 de xuño de 2013
Que se deixen de coñas e de querer parecer sen seren
Teñamos a prudencia necesaria. Diso estamos avisados.Ollo ao que nos queren meter. El algo buscan para tornar a auga para eles.Falo da man tendida ( que nós non mordemos, que somos outra cousa). Falo así do noso idioma, da nosa Lingua Galega. De princípio dicir que a normalización da nosa Lingua ( a galega para que non haxa medias tintas) é tamén primordialmente unha cuestión política xa que mesmo…que é tamén , si, esa Secretaría Xeral de…cargada de orzamento…?
mércores, 15 de maio de 2013
Don Avelino Pousa Antelo
O día catorce deste mes das nosas letras ( ao ir de Roberto Vidal Bolaño), así como tamén lle atinxe a Chuchiño o fillo de Virxínia Pereiras e de Daniel Castelao, fanse 99 anos de vida de Don Avelino Pousa Antelo ( dicir disto que 98 anos en animosa andadura en clave de resistencia e case que un xa en viaxe para térmolo sempre en nós e connosco).Si, serán noventa e nove anos que debemos ter en presenza e así sen dúbida na nosa memoria ( que é dicir lealdade) e na nosa admiración ( que son afectos militantes). Lucho do Peto, como así lle chamaban na súa casa da Baña de Negreira ( casa con Peto das ánimas) , Lucho de neno, e asemade quen o queríamos e compartíamos tanto de tanto, permanece como un referente necesario na nosa historia e no noso futuro desenvolvemento nacional. O seu estar aquí ( e digo Galicia) foi de traballo e de intencións coherentes a prol de facermos unha Galicia de seu e determinada. Interviu niso con ánimos e entregas a distintas intensidades consonte aos momentos, limitacións, e tempos que lle tocou apandar. Non o tivo doado que se diga. Nunca renunciou ao seu ser galeguista ( na referencia do PG fundacional).
luns, 11 de marzo de 2013
E son así e non cambian
E SON ASÍ E NON CAMBIAN O destes nosos “gobernantes” en Galicia non ten estremas no tocante ás súas formas de entendernos. Neste momento, referido á nosa Lingua, a galega, fan que fan, van non indo ou indo, entran a medias e saen un algo a que se lles vexa, pero o claro é que defenden os horizontes faesmente e niso non dan o brazo a torcer aínda que digan que nos botan unha man ( a onde e para que…?) e anuncian consensos ( de que e para que…?).Penso que algún aviso teñen de que deben conterse e de que alguén, listo e intuitivo, xa lle viu as orellas ao lobo e avisa de que se ande con coidado. Seica o Partido Popular de Galicia pide intensificar as relacións coas asociacións e demáis colectivos, para dinamizaren ( normalizar?) a cultura ( galega?).






