por Mª Pilar García Negro en La Voz de Galicia:
Polo meu oficio, colecciono textos varios sobre a lingua galega. O abano é heteroxéneo, pois é un tema-imán que suscita moitas opinións e, mesmo, altisonantes ditames. Tamén prognósticos que, polo xeral, predican máis do emisor que do obxecto comentado. Concordo co xuízo expresado por Xosé Luís Barreiro cando valora que cómpre falar do tema con liberdade. A ela apelo para me declarar fascinada pola tese que sostén que o declive da lingua galega se debe a quen a usa. Claro que esta atribución non se expresa así. Dise que o problema reside en ela ser distintiva do nacionalismo e, por aquí, contaminada por parcial ou grupal, adherida a unha militancia e, xa que logo, limitada a súa expansión.