Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Fundación Otero Pedrayo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fundación Otero Pedrayo. Amosar todas as publicacións

luns, 13 de marzo de 2023

Otero Pedrayo e Ribadeo

Vídeo documental realizado por un equipo do IES de Ribadeo Dionsio Gamallo. Concedeúselle o II Premio Otero Pedrayo, na categoría de estudantes de ESO e BAC, modalidade de grupos. 

O traballo informa basicamente de tres aspectos que relacionan a Otero Pedrayo con esta zona: as publicacións de Otero Pedrayo no xornal "El Aldeano" de Castropol, a correspondencia de Otero Pedrayo a Dionisio Gamallo Fierros que se conserva no arquivo familiar, e unha serie de artigos de Gamallo Fierros sobre Otero Pedrayo co gallo sa súa xubilación da Universidade de Santiago. Trátase de contido pouco coñecido, no caso das colaboracións na prensa, e inédito no caso do epistolario de Otero a Gamallo.
Na comunicación da decisión nas redes sociais, a Fundación Otero Pedrayo comenta o seguinte: “O premio ao mellor traballo en grupo recaeu no IES Dionisio Gamallo Fierros polo seu traballo sobre Otero Pedrayo e Dionisio Gamallo Fierros. Presentaron un vídeo documental no que aportan e comentan material autógrafo e bibliográfico moi pouco coñecido ata o de agora e que deixou ao xurado totalmente abraiado”.

domingo, 14 de abril de 2019

Roteiro polo cemiterio de San Francisco (Ourense)



Hai un ano Alfonso Vázquez Monxardín guiaba un roteiro polo cemiterio de San Francisco, situado nas abas do Montealegre. Tratábase dunha das actividades programadas pola Fundación Otero Pedrayo. O vídeo non ten outro mérito que o dun certificado dixital da celebración dese roteiro. Con todo, se un accede a este wikiloc creado polo propio Monxardín, comprobará que o paseo paga a pena.


Powered by Wikiloc


Cun ano de atraso fun dar ata este camposanto. O estado de abandono e descoido é a primeira e a última impresión que levei do percorrido. Unha mágoa enorme que un lugar cheo de memoria galeguista e inzado dun rebumbio de tumbas fermosas, se é que tal adxectivo pode acompañar a tal outro substantivo.
No wikiloc de Monxardín hai información abonda sobre a localización e a descrición das personaxes. Con todo, vou deixar por aquí o percorrido que fixen eu, máis modesto, pero que dá para invitar a calquera a que repita a experiencia. A seguinte lista de fotos pode ser guía para un percorrido polo cemiterio e pode axudar a identificar as tumbas xa que, dentro dese estado de desleixo, non hai ningún tipo de indicación que nos permita facelo se non é confiando na propia pericia.

Monumento aos fusilados na Guerra Civil

Florentino López Cuevillas

Valentín Lamas Carvajal

Ramón Otero Pedrayo

Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey)

Rodolfo Prada

Xaquín Lorenzo Fernández (Xocas)

Eduardo Blanco Amor

Para finalizar o percorrido, moi preto da entrada, tamén descansa a pobre Asunción,  muller ourensá, asasinada por unha ex-parella súa o venres santo de 1891, que lle disparou ao vela acompañada doutro home. Cada 25 de novembro, na celebración do Día contra a violencia machista, fáiselle unha ofrenda floral.