Páginas
luns, 24 de maio de 2010
Pedrón contra o decreto
Aínda bo é que os premios últimamente van acertando. Tirado do Galicia Hoxe:
A defensa da lingua galega, como “elemento clave da supervivencia dun país e da autoestima dun pobo”, e o rexeitamento ó “decretazo” do goberno de Alberto Núñez Feijóo, centrou onte gran parte dos discursos no acto de entrega dos premios Pedrón de Ouro, unha das citas históricas do galeguismo con independencia das súas filiacións políticas. Os galardoados nesta edición foron o político, economista e ensaísta, Camilo Nogueira, e o sociólogo Fermín Bouza Álvarez .
Sobre o Pedrón a Camilo Nogueira tamén hai un artigo de Bragado.
domingo, 2 de maio de 2010
Eloxio da amizade

por Camilo Nogueira, ex-deputado do BNG, no Xornal de Galicia
Suso de Toro anunciaba este día que abandonaba a condición de escritor de oficio e regresaba á de profesor no Instituto onde comezou a traballar hai máis de vinte anos. Sentiu a necesidade de reflexionar sobre a súa aventura da literatura como profesión e o por que do remate. Fai un alto depois de ter escrito máis libros que anos hai que comezara a traballar como educador e cando con Sete palabras nos dera unha das súas mellores obras. Creo que son o enxeñeiro que aparece nun liña desa obra, chamándoo desde Santiago, perturbándoo desde o “outro mundo” seu, cando estaba á beira da casa que fora dos seus avós en Formariz, entre Toro e Fermoselle, procurando as raices paternas da sua personalidade.
Desde 1977 partillamos anos de chamadas e conversas e unha angueira política, aínda inacabada, na que a cultura ocupa un lugar principal. Daquela el comezaba e eu xa en Santiago tivera a experiencia de Vigo. Continuabamos as tradicións do movemento nacional galego e da esquerda democrática europea, no momento crucial da queda da ditadura.
Comprobo que a súa primeira novela, Caixón desastre foi publicada en 1983, durante a primeira lexislatura do Parlamento de Galiza, e a segunda, Polaroid, en 1986, na seguinte. Cando terminou a terceira lexislatura, xa enchera con outros libros, o último deles Tic Tac en 1993, un ciclo que contribuía a revolucionar a literatura galega. Con Suso de Toro, emerxía a literatura da Galiza urbana, recollendo toda a tradición dos precursores do século XIX e da primeira parte do XX, mais tomando nota da mudanza que se producía na sociedade galega, abríndose ao mundo como sempre. No houbo para min nin para os nosos compañeiros unha cuarta lexislatura no Parlamento. Nese momento o meu amigo empeñouse en facer un libro sobre todo o que pasara, facendo intervir tamén moitas voces que viviran directamente aquela época.
Desde aquel 1983, co fito recente de Home sen nome, unha dura aproximación ao tempo da Guerra Civil, furando na personalidade dos individuos que a provocaron ou a padeceron, Suso de Toro construíu unha obra singular, tendo parte como poucos en a literatura propia ser un territorio liberado. A súa obra está entre as mellores da historia da literatura galega e entre as máis atrevidas en procura dunha personalidade. Constituíu un elo necesario e precioso na liña creativa reiniciada por Rosalía de Castro en 1863.
Neste tempo problemático e de incomprensión, no que a independencia de espírito e de propósitos é posta baixo sospeita e no que a literatura, e non só ela, está sometida ao monopolio mediático, Suso de Toro quere deixar de ser empresario autónomo da escritura; di que garda os seus papeis e que retorna á vida de profesor. Está ben, se el así o decide, mais non está demostrado que ter outra profesión esmague a expresión literaria. De Kafka a Valente, coa manchea de escritores e escritoras que o acompañan aquí nese labor imprescindíbel, a vida literaria está inzada de persoas que tendo outro traballo deixaron unha pegada literaria indelébel. Depois de todo, el mesmo xa o fixo deste xeito en boa parte do seu tempo de escritor e a todos nos convén un tempo de reflexión, como o que el se outorga. Porén, coido que depois de ter matinado, entre Santiago e o mar de Louro, máis pronto que tarde encetará a segunda parte da súa obra literaria, coa xente e os días como norte.
El para min responde ás palabras do Eclesiastés: “Un amigo fiel, amigo seguro / quen o atopa, encontra un tesouro”.
domingo, 21 de marzo de 2010
O renorno dos demos
Non todo comezou coa formación deste Goberno autonómico en 2009. Antes de 2005, nos longos anos en que gobernou o mesmo partido, a política praticada tampouco se librou dos resesos atavismos que xustificaban a condena da lingua propia de Galiza, expulsada durante séculos das institucións políticas, administrativas, xudiciais e educativas e do culto relixioso, manténdose viva no uso popular e na rica cultura agraria, mariñeira e artesana. Mais, como demostra o contido do Proxecto de Decreto para o Plurilingüismo no ensino non universitario, foi con este Goberno cando retornaron os demos históricos, tratando de cerrarlle o paso ao proceso de normalización do uso da lingua galega e á crecente conciencia colectiva sobre o valor imenso e a transcendencia de dispormos dela.
Depois de cinco séculos de imposición do castelán e de proscrición do galego, o tratamento dado á lingua de Galiza na Constitución de 1978 non foi xusto. Malia ser falada pola esmagadora maioría dos galegos e sendo o tronco orixinario e unha póla vizosa dun dos idiomas intercontinentais, foi acurralada como minoritaria e subordinada. Non se instrumentaron fórmulas democráticas constitucionais respectuosas da diversidade, como entre outras as de Bélxica ou da Confederación Helvética, manténdose o estatus privilexiado do castelán, ao que se lle deu o carácter exclusivo de lingua oficial do Estado español.
Foi a resistencia política e cultural de Galiza, Cataluña e Euskadi a que obrigou a recoñecer as súas linguas como oficiais no seu territorio, sendo o galego ratificado no Estatuto de Autonomía como “a lingua propia de Galiza”. Un tratamento reservado para el, de maneira que se o castelán foi declarado oficial foi por causa de ter ese carácter en todo o territorio estatal.
Ao mesmo tempo, e en consecuencia, as institucións autonómicas recibiron a responsabilidade de garantir o emprego do galego en todos os planos da “vida pública, cultural e informativa, dispondo dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”, abríndose así un camiño posíbel para a súa plena normalización. As normas estatutarias ficaron recollidas na Lei de Normalización Lingüística aprobada no Parlamento de Galiza en 1983 por todos os deputados e deputadas presentes, resgardando o carácter do galego “como idioma oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades dependentes da Comunidade Autónoma”. A respecto do castelán limitouse a recoller os termos do Estatuto.
No referente á educación, a Lei de Normalización Lingüística insistiu na oficialidade da lingua propia en todos os niveis educativos, establecendo obrigas que non poden prescribir nin seren reinterpretadas máis que modificando o Estatuto de Autonomía, previa a aprobación polo Parlamento de Galiza e as Cortes estatais e mediante un referendo.
Porén, ignorando deberes inexcusábeis e pretendendo ampararse nunha vitoria electoral, precaria e sempre reversíbel, no proxecto de Decreto o goberno galego nega mesmo determinacións legais que forman parte do corpo constitucional. Non tendo por obxectivo principal a potenciación do pleno uso do galego, senón a utilización da aprendizaxe do castelán –que en si mesma non presenta ningún problema– como instrumento para impedir a plena normalización da lingua propia, este revirado propósito reflíctese no conxunto do proxecto
