Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Xunta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xunta. Amosar todas as publicacións

xoves, 22 de xaneiro de 2026

Atenea: xustiza e sabedoría


 por Xosé-Henrique Costas no Nós Diario:

A situación calamitosa da lingua galega no eido da Xustiza podería comezar a mellorar significativamente nos vindeiros meses. Algúns datos din que apenas 3% das sentenzas se redactan en galego. Que lle pregunten aos servizos xurídicos da CIG, no eido laboral, ou aos do Concello de Vigo, no administrativo, de cantos dos miles de preitos nos que interveñen lles chegan as sentenzas en galego (e en non poucos casos nun castelán incumpridor das leis autonómicas, por exemplo incorrendo na vulneración do artigo 10 da Lei de Normalización referida ao uso das formas oficiais dos topónimos).

domingo, 21 de decembro de 2025

O profesorado non debe entender o galego

O profesorado non debe entender o galego. Esta é a conclusión que podemos tirar da carta de felicitación enviada polo conselleiro de educación, Román Rodríguez porque non nola envía só en galego.  Ben sei que non é a única razón pola que Román nos fai ese agravio, mais se chego a esa conclusión é por non ser mal pensado. Podería haber outra motivación para actuar así, sería que o conselleiro considerase que o galego é unha lingua menor polo que, no absurdo caso de empregala sempre debe ir acompañada da súa irmá maior, o castelán.


sábado, 16 de novembro de 2024

O inglés primeiro, o galego postremeiro

 Galicia sitúase líder de España en inglés e no nivel alto do mundo, tal e como o corrobora o estudo máis amplo a nivel internacional que cada ano realiza Education First (EF)

Estes datos referendan as distintas accións da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para a aprendizaxe de inglés enmarcadas na Estratexia galega de linguas estranxeiras como é a rede de centros plurilingües,

Esta é a ampulosa declaración da Xunta. Cal é a realidade?
En primeiro lugar, Education First é unha empresa de educación de linguas enfocada na realización de viaxes. A enquisa que realiza é un mecanismo de mercadotecnia evidente. A propia empresa avisa que 
A poboación examina neste índice elixiu examinarse por sí mesma, polo que non se garantiza que sexa representativa. As probas só as realizaron persoas que queren profundizar no coñecemento do inglés.
Isto que significa? Que deste estudo non podemos tirar ningún tipo de conclusión. Non hai ningunha garantía estatística de que os datos obtidos por este estudo indiquen, por exemplo, que mellorara a comptencia en inglés na poboación galega. Ademais, nas notas emitidas por Education First, non se dá ningún tipo de información sobre o tamaño da mostra galega nin da española. En defintiva, non hai ningún dato que nos garanta que o estudo é aplicable á realidade galega. 
Alén do ránking por comunidades do que recolle medallas a nota de prensa da Xunta, o único que se relaciona no infome emitido por Education First é a evolución da puntuación que utilizan entre os anos 2015-2024 en España (ver gráfico máis abaixo). Chama a atención que precisamente do que se gaba a Consellaría de Educación é onde os datos son peores. A evolución do índice no período indicado daqueles que teñen entre 18 e 20 anos foi caendo substancialmente. A media sobe, sobre todo grazas aos maiores de 31 anos, isto é, a aqueles que eventualmente melloran o seu inglés grazas a cursos non regrados como os que ofrece Education First. Todo moi sospeitoso.En todo caso, a única conclusión que poderiamos sacar destes datos, se é que se poidera sacar algún, é que o ensino regrado do inglés está sendo un fracaso.

A gran pregunta que debe contestar a Consellaría é: e o galego que? O recente estudo do IGE demostra un fracaso completo e absoluto especialmente no ensino da nosa lingua. Neste caso a Consellaría de Educación non se apurou a facer un acto de contrición. Non comentou absolutamente nada. A conclusión é que o ensino do galego non ten nada que ver con eles. Eu non lles vou quitar a razón. É ben certo que as competencias lingüísticas na nosa lingua hai que adquirilas a pesar das trabas que pon a Xunta de Galicia. Velaí que o lema máis acaído para explicar a política lingüística é o que encabeza o título desta entrada: "o inglés primeiro, o galego postremeiro"

mércores, 30 de outubro de 2024

A Xunta despide o galego


 editorial, por Alberte Mera, no Nós Diario:

Con fachenda, a patadas e pola porta de atrás, así quere o Goberno de Alfonso Rueda expulsar a lingua galega do ámbito público. A Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta da Galiza coñécese como lei de acompañamento dos orzamentos -porque "acompaña" as contas da Xunta- e tamén como lei da porta de atrás xa que, a pesar de ter nacido para mudar automaticamente cuestións relacionadas cos ingresos e gastos, pode mudar as contas públicas mais tamén leis que non teñen a ver cos orzamentos mediante un procedemento de tramitación acelerada e sen debate parlamentario. É así como o Executivo de Alfonso Rueda pretende mudar agora a normativa de tal forma que implicará maior desprestixio para o galego e afondará na expulsión da lingua galega da Administración pública. Esta lei de acompañamento inclúe unha epígrafe pola que para contratación temporal de persoal laboral das categorías 2 do grupo 1, 2 do grupo II e 3 do grupo IV, así como de persoal interino que ocupe con carácter transitorio prazas reservadas a persoal funcionario de corpos ou escalas equivalentes, estarán exentos en 2025 de coñecer a lingua galega de, di a proposta da Xunta, non haber candidatos que o acrediten. E todo isto, tan só uns días despois de coñecérense os peores datos da historia en uso e coñecemento do galego.

sábado, 26 de outubro de 2024

Vontade de pacto lingüístico?


 por Bieito Lobeira en Nós Diario:

Cando o Partido Popular tivo coñecemento dos datos do IGE sobre uso e coñecemento do galego fixo dúas cousas: a primeira –cónstame– congratularse coa confirmación da tendencia lingüisticamente españolizadora. E a segunda, adiar deliberadamente o coñecemento público deses datos co fin de gañar tempo para articular unha estratexia que intentase suavizar as evidentes responsabilidades propias, dispersándoas e colectivizándoas a través dun "pacto polo lingua" entre as forzas políticas.

O PP é consciente da existencia dun sector significativo da sociedade galega cun evidente sentimento de apego á Galiza e á súa lingua, sexa ou non galego falante. Cumpría por tanto construír un discurso "galeguista" especificamente dirixido a este segmento social para o seducir e, ao tempo, repartir culpas sobre a responsabilidade do desastre. E chamar ao consenso, mais dun xeito ben pintoresco. Porque quen pretende pactar fará o posíbel para xerar as condicións de diálogo e acordo. E o que fixeron foi, seguindo a orde de maior a menor responsabilidade, o seguinte:

Alfonso Rueda anuncia que vai convocar as forzas políticas, mais establece a "liña vermella" no que el denomina "imposición monolingüística". Santo rostro ten este señor. Porque, tal e como puidemos comprobar nun vídeo electoral de campaña (por iso o poño aquí de manifesto, porque foi un vídeo público) hai máis galego na atmosfera de Marte que na súa casa, sexa por liña familiar ascendente ou descendente, ou de afinidade matrimonial. Tanto ten. Curiosa ecuación: se falasen en galego sería imposición monolingüe; se o monolongüismo é español é un acto de pura liberdade. Hipócrita.

O conselleiro de cultura, máis bucólico, comeza autodefiníndose como "galeguista" e "neno do rural", e propón "un gran pacto pola lingua que nos encamiñe a restablecer o consenso político" para –agárrate Manuel– "liberarnos de imposicións, apropiacións patrióticas ou discursos identitarios". A ver, conselleiro. É de primeiro curso de pactos: se foses honesto, habería primeiro unha autocrítica polo resultado da acción gobernamental. E despois, estendes a man con educación e tacto. E sobre o da imposición, só lembrarei que a única lingua "imposta" (e non só historicamente) e ligada ao verbo "deber" (de coñecemento) é o español; o galego, de momento, é só un dereito.

E logo está ese estómago agradecido que interpreta o papel de secretario xeral de política lingüística, que afirma –manda truco!– que con estes datos "o galego vive o seu mellor momento" e que "o sistema educativo está a facer o seu papel". Aí si. Totalmente de acordo. Executa o papel previsto polo PP de exterminio do galego na infancia e na mocidade. Por certo, téñolle escoitado discursos xenófobos a xente da dereita e ultradereita, facendo responsábeis a inmigrantes da perda de postos de traballo ou da inseguranza na rúa. O que nunca escoitara é que se as crianzas non saben galego é tamén por culpa deles.
PS: Non é pacto o que queren. É pantomima.

venres, 6 de setembro de 2024

Unha CRTVG sen lingua (galega)

Actualmente a lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia é a lei 9/2011 especifica no seu

Artigo 6. Uso da lingua galega. A lingua da Corporación RTVG é o galego; xa que logo, a prestación do servizo de comunicación audiovisual por parte da devandita sociedade e as comunicacións que efectúe ao persoal dependente dela no exercicio das súas tarefas serán en lingua galega.
Ademaiis, engádese unha referencia á lusofonía no
Artigo 3.4. A Corporación RTVG poderá subscribir convenios de colaboración con entidades prestadoras de servizos audiovisuais para a produción ou difusión de contidos audiovisuais en lingua galega e portuguesa en Galicia e nos países de cultura lusófona.  
O goberno do PP pretende reducir a presenza do galego, tal e como se deduce do Anteproxecto de lei dos servizos públicos de comunicación audiovisual. O primeiro que chama a atención é a propia denominación do artigo no que se elimina o concepto de "lingua galega" que vén ser substituído polo xenérico de "lingua". Fica claro que "lingua" significa "lingua española". O artigo, en cuestión non se usa para garantir o uso da lingua galega. Os seus obxectivos son
  • Eliminar a garantía de que a liingua do audiovisual público sexa o galego
  • Reducir a produción propia (en galego) e blindar a edición e difusión de contidos de produción allea.
  • Xustificar e, en consecuencia, garantir por lei, o uso do castelán nos medios públicos de comunicación. 
  • Borrar toda referencia á lusofonía. Ben se ve que a finalidade é que se camiña para que o marco de referencia da lingua galega sexa o castelán.
Vexamos a redación do 
Artigo 7. Uso da lingua. Os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia producirán os seus programas, contidos e servizos en lingua galega e garantirán a edición e difusión en galego dos programas, contidos e servizos de produción allea, sen prexuízo da utilización doutras linguas cando así o xustifique o cumprimento da misión de servizo público definida nesta lei e, en particular, co fin de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra do territorio da comunidade autónoma. 

É de supoñer que este anteproxecto conta co apoio de todo o organigrama da Xunta, en especial da SXPL. Revélase así outra vez máis cal é o sentido da política lingüística do PP, levar á anorexia a lingua galega.

Xa que estas son as directrices, non vou opoñerme, senón que, polo contrario, colaborarei a este novo agravio ao galego. Voulles aforrar o traballo aos responsables desta nova tele galega e aquí lles deixo o seu novo logo 


mércores, 1 de maio de 2024

El gallego es la leche

 A Consellaría de Cultura, Lingua e Xunventude en colaboración con Feiraco anunciaron unha nova edición, a 12ª, do Certame de Microrelatos. Se un se pregunta se isto é verdadeiramente un paso adiante na normalización lingüística pouco terá que rascar para decatarse de que o principal obxectivo da Consellaría e un lavado de cara, ofrecerse diante da cidadanía como o brazo armado dunha Xunta de fasquía galeguista. A pátina do galego, poderiamos dicir. 

Certamente nada lle podemos reprochar a Feiraco, todo o contrario, é unha empresa á que debemos aplaudir por apostar polo uso da lingua galega na súa comunicación coa sociedade.   O que ten máis volta é o da Xunta. Cal é a credibilidade que ten un organismo que insulta a nosa lingua coa campaña Gal(l)ega 100%, de presunta promoción do leite galego?

A ver se achas a *diferencia


domingo, 17 de decembro de 2023

A Xunta patrocina a exclusión do galego nos novos proxectos audiovisuais


Neste anuncio da SXPL dáselle publicidade ao Conecta LAB da Asociación audiovisual CREA pois ten patrocinio da Xunta e da Deputación de Pontevedra. Alí infórmasenos de que

Os seis proxectos que participarán na nova entrega do laboratorio de CREA serán elixidos entre as máis de 200 propostas recibidas, das que un 40% están asinadas por mulleres e un 30% son en lingua galega.

 Isto é, dos participantes, un 30% están en galego. Dos 6 proxectos escollidos non se di nada, quizais ningún sexa en galego. Esta é a promoción que fai a SXPL da lingua galega. Non, non me estou equivocando de organismo, a nova aparece no portal da SXPL que presuntamente debería dedicarse a iso da normalización. O que vemos é que se dedica á destrución da presenza da lingua por todas partes. Pero isto non é todo, aínda hai máis.

Se un quer informarse máis, no propio portal do Conecta LAB, verá que lle aparecerá unha páxina na que o galego está excluído. En segundo lugar, nas bases do proxecto vemos que nestes proxectos audiovisuais o da lingua é o que menos importa pois que o proxecto se desenvolva en galego, non conta para nada. Velaquí o único punto onde aparece algo que teña que ver co asunto, puntuarase con 25 puntos (de 100) a relación do proxecto con Galicia e coa lingua galega. Hai que ser un idiota ou un radical anti-galego para non ver a trampa e o desprezo á nosa lingua en toda esta farramallada. Normalización? u-la?

xoves, 2 de marzo de 2023

(P)Orcinus, a app da Consellaría do Mar que destroza a toponimia

*Ría de Muros y Noya, *Puerto del Son, *Puebla del Caramiñal, *Villanueva de Arosa, *Isla de La Toja, *Bayona, *Rianjo...
Non é que a app Orcinus, financiada por Portos de Galicia (Consellaría do Mar), se nos presente só en castelán, é que ademais usa un mapa no que destroza a toponimia galega con exemplos como os relatados anteriormente. 
A app foi concibida para o a xeolocalización de candorcas polos navíos que permita unha navegación  máis segura. Non temos noticia da súa efectividade no medio mariño pero o que podemos certificar é que a  Consellaría do Mar está manifestamente de costas á lingua galega. A mostra de falta de coidado e sensibilidade co galego é apabullante. Non só o galego está excluído da app, senón que o trato que se fai no mapa desta aplicación é un instulto á dignidade do pobo galego.
A xente que está ocupando as nosas institucións trátanos cun desprezo tal que por ningures veremos desculpas, a conselleira do mar non só non dará marcha atrás senón que reforzará aos resposables desta desfeita e o secretario xeral de política lingüística non só reincidirá en que a normalización non sexa cousa súa, senón que confirmará outra vez pola vía dos feitos que o seu obxectivo é minar o estatus do galego sen que se note demasiado. Que pareza un accidente.
A nova chegoume por esta vía

xoves, 23 de febreiro de 2023

Contra o Día de Rosalía

Esta era a imaxe que un vería ao pasar onte por diante do concello da Estrada. Unha boa forma de estragar o Día de Rosalía de Castro, co apoio da Xunta e do concello.

 

venres, 4 de novembro de 2022

Mes da Ciencia Sen Galego

Chegou o mes de novembro, e con el a posta en funcionamento dun novo capítulo do lavado de cara da Consellaría de Cultura e da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) fronte a unha decidida política educativa de redución do galego. A denominación do invento é Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Para iso montaron un acto para maior gloria de Anxo Lorenzo, director xeral de cultura, e Valentín García, secretario xeral de política lingüística. Na nota de prensa emitida pola Xunta destacan as palabras deste último:

 “O mes de novembro é o momento en que chamamos a atención sobre os recursos con que contamos para divulgar ciencia en galego, pero o uso destes materiais e creación de actividades no noso idioma pode e debe continuar todo o ano, nos centros educativos e nas casas”.

Quizais deberiamos lembrar que o funesto decreto 79/2010, que contou cunha grande oposición de toda a comunidade educativa, di que " "Os materiais e libros de texto de cada materia [científica] estarán redactados en [castelán]". Como consecuencia disto a escaseza de materiais en galego nestas materias é total. Como isto é un agravio tan grande para a cidadanía, estes políticos adican todos os seus esforzos a presentarse diante nosa coma se fosen xusto o contrario do que son cando deberían estar esforzándose en garantir a existencia de materiais científicos (e de toda clase) en lingua galega. Gaban o uso de recursos inexistentes en galego porque van promover o uso de recursos en castelán (os únicos existentes) para despois divulgalos coma se fixeran algo pola normalización. A hipocrisía alcanzou o seu nivel top.

As declaracións de Anxo Lorenzo xa están noutro plano espazo-temporal pois asevera que a importancia da iniciativa que presentan axuda a 

“dar a coñecer e prestixiar a ciencia e as tecnoloxías” 

Pregúntome se cómpre prestixiar a ciencia e as tecnoloxías, acaso están desprestixidadas. Destaquemos que non fai referencia ningunha á lingua, pois como xa ten demostrado reiteradamente, iso non vai con el. Pois sendo así deberían retitular a iniciativa que debería pasar a chamarse Mes da Ciencia Sen Galego nas Bibliotecas. Pola miña parte propoño levar a cabo outra semellante o mes de decembro, o Mes da Ciencia Sen Galego nas Aulas para lembrar a todo o mundo a prohibición que pesa sobre o ensino en galego (e só en galego) das Matemáticas, a Física e Química e a Tecnoloxía.


Se lle damos un repaso ás actividades que nos ofrece a Xunta, baixo o cualificativo de galego, non veremos nada de galego. Por exemplo anúnciase un Festival da canción científica CSIC Visión cando, se imos á fonte limpa, o CSIC (organismo refractario ao galego, por certo), que atopamos? Pois si, un Festival de la cancíón científicia CSIC Visión. A ciencia en galego está en castelán. E nin tan siquera fixeron unha versión en galego do cartel que anuncia o despropósito. 

Outra das actividades de promoción do galego (teñamos sempre presente que a SXPL é un dos entes que sustentan todo o tinglado ) é o obradoiro Deseñando o noso escudo familiar, coa Delegación do CSIC en Galicia. Segundo o CSIC trátase do *taller Diseñando nuestro escudo familiar Outra vez, na portada da Xunta aparece o galego, na realidade, volve a converterse en español.

Máis?, pois si. Segundo informa a Xunta, programouse un contacontos sobre o cómic E que rico sabe o mar!. Resulta que o cómic é Y que rico sabe el mar! 

Como mostra do dano que están a facer estas políticas de proscripción da nosa lingua, recollo unha das propostas que, sengundo a Xunta, van "sensibilizar aos rapaces sobre a necesidade de uso do galego na literatura científica". Copio e pego:

Con motivo da Semana da Ciencia o alumnado de 4º da ESO preparou cartelería relacionada co libro de lectura obrigada "El diablo de los números". Deste xeito, cada cartel expoñía un concepto matemático ou curiosidade para dar a coñecer á comunidade educativa e divulgar así dun xeito visual o mundo das matemáticas, empregando ademais a lingua galega en troques do habitual castelán.

Se o noso obxectivo é a normalización, aquí hai algo que non se está a facer ben. Quizais o obxectivo sexa outro.

xoves, 22 de setembro de 2022

O galego vai contigo


Campaña de Galiza Nova para que a mocidade tome consciencia da lingua na que se relaciona e que aposte por usar o galego.
Esta iniciativa ben podía estar asinada pola Xunta, pero o goberno galego hai ben de tempo que abandonou toda promoción da lingua, mais ben a súa política lingüística vai na dirección contraria, na de manter as estruturas que levan ao abandono e mesmo ao descoñecemento do galego entre a mocidade.

 

martes, 22 de febreiro de 2022

Fálalle(s) galego

 Esta é a campaña que lanxodu A Mesa polo Día Internacional da Lingua Propia


Lémbranos a primeira campaña de promoción do galego da Xunta de Galcia, do ano 1984.


Por certo, hai canto tempo a Xunta deixou de facer campañas de transmisión xeneracional? Baixo a ideoloxía actual do goberno do PP a campaña tería que ser: "Fálalle galego, háblale español"

martes, 21 de decembro de 2021

Vento ou convento

 


por Mª Pilar García Negro no Nós Diario:

Na semana pasada, amiudaron as mensaxes da “Dirección General de Tráfico” (máis unha competencia estatal, nen transferida nen con trazas de o ser) para comunicar benéficas recomendacións na chamada operación retorno e, sobre todo, para evitar riscos causados pola neve a causa do temporal “en el Norte”. Aconsellábase, pois, adiantar a viaxe desde “el Norte”, suponse que ao centro e ao sul, isto é, Madrid-Madrid-Madrid, o embigo de toda a información. A cousa é cómica, por non dicer estupidamente anacrónica, para quen viaxamos dentro do “Norte”, que non se caracteriza mesmamente pola súa homoxeneidade. Non se me ocorre dubidar da bondade dos consellos atinentes ao tránsito daquela dirección xeral, mais constato que continúan vinculados ao esquema radial español da máis rancia rotina. Os amantes do simplismo que cualifica o rexime anterior, a ditadura, de sociedade en “blanco y negro”, supostamente mutada milagrosamente en sociedade colorida con todas as gamas cromáticas, deberan reparar no mantemento e reforzo de vellos esquemas non caducados nen cancelados. Meter no mesmo saco a Galiza, Asturias, provincia de Santander, Euzkadi, Logroño e Cataluña, do ponto de vista meteorolóxico e/ou climático, non é unicamente resaibo do pasado, senón unha contravención absoluta da xeografía e da realidade do “tempo” en cada unha delas. Xa non digamos atribuír á Galiza un “tempo” uniforme e homoxéneo, mais esta distinción é demasiado subtil para a cegueira do centro-Madrid.

 

venres, 22 de outubro de 2021

Fálalle galego


por Moncho Paz en Nós Diario: 

En pleno debate sobre o estado da autonomía, e cando se fan trinta e oito anos da entrada en vigor da lei de normalización lingüística de Galicia, o último estudo da Real Academia Galega constata unha realidade denunciada nos últimos tempos dende diferentes ámbitos: o efecto de substitución lingüística que exerce o sistema educativo nos menores e, en particular, sobre aqueles que se incorporan á escola falando en galego e o abandonan progresivamente a medida que avanzan de etapa. Dende 1983, cando entrou en vigor a devandita norma, tivemos tempo dabondo para avanzar no uso progresivo da lingua nos distintos eidos, en sintonía co espírito da norma e o esforzo construtivo de recuperación da nosa personalidade colectiva; pero lamentablemente non é así.

 

martes, 28 de setembro de 2021

Os galegos non sabemos ler español


 por Pilar García Negro en Nós Diario:

Non son leitora habitual do DOG; mais, na procura doutro asunto, batín cunha información da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro que me chamou poderosamente a atención: a resolución provisoria das axudas á tradución (activa e pasiva) de obras literarias a que poden concorrer editoras varias. Lembrei entón informacións deste diario en que se denunciaban prácticas intrusas, adxudicacións máis que problemáticas e, aínda, carencia absoluta de criterios na selección e concesión das mesmas. Verifiqueino agora pola miña conta. Tratar de achar criterios obxectivos de conveniencia e/ou utilidade na escolla de obras merecentes de seren traducidas ao galego ou ben desta lingua a outra é labor imposíbel.

 

xoves, 15 de xullo de 2021

‘A Galicia estragada’. O novo proxecto da Xunta de Galicia


 por Fernando Groba en Nós Diario:

Hai uns meses, asistía á presentación dun proxecto da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para recoller moita da inesgotábel riqueza toponímica do país: https://galicianomeada.xunta.gal/sixtop/inicio. Todo moi bonito. Un proxecto necesario, plural, participativo, sinxelo no que calquera persoa, asociación ou institución pode colaborar.

venres, 9 de xullo de 2021

Proxecto toponímico do colexio SEI San Narciso de Marín

 

Vídeo no que se mostra o traballo realizado polo polo Equipo de Normalización do colexio SEI San Narciso (Marín) sobre a toponimia deste concello. Tomando como base a tese doutoral de Elixio Rivas Quintas sobre a toponimia de Marín realizaron un traballo de xeolocalizaron en Galicia Nomeada 

mércores, 23 de xuño de 2021

O devalo (xacobeo) da política lingüística

En decembro do 2016 ProLingua denunciaba que a Secretaría Xeral de Política Lingüística estaba disposta a subvencionar un premio no que o galego podería estar ausente. A denuncia parecía increíble, pero desafortunadamente todo apuntaba a que era certa. Comprobámolo pouco despois. En colaboración cunha ultrasubvencionada Academia Xacobea puxeron en marcha un concurso  (xacobeo, por suposto) de obras narrativas no que podían concursar obras en castelán e que, aínda que gañase unha obra na nosa lingua, a SXPL contribuiría a que se publicase traducida ao castelán. E despois aínda hai quen di que o subvencionado é o galego!

Nese mesmo ano xa vimos como a SXPL promocionaba un concurso de relatos da Fundación Camilo José Cela na que se excluía o galego.

Por se todo isto non chegase, o concurso tivo unha segunda edición e ameaza con continuar así un ano tras outro, subvención tras subvención, proclamando que é unha . Aínda máis, no ano 2019 ampliaron a desfeita a un novo concurso (xacobeo) de poesía. Tamén o subvenciona a SXPL. Tirando do fío, no 2020 convocaron tamén un premio de ensaio (xacobeo) coas mesmas bases. Isto significa que se poden premiar obras en castelán e que, en caso de ser premiada unha obra en galego, tamén se publicará en castelán.  Se non paramos isto para a vindeira ocasión aínda teremos outro de teatro (xacobeo), pero sempre difundido que se promociona o galego como irmán menor do castelán. A diglosia!, amigos, velaquí a razón última da política lingüística.

Como todo isto lles debe parecer pouco oprobio, aos responsables da política lingüística galega, acaban de dar un paso máis ao difundir con orgullo que, como representantes desa política lingüística participaron na presentación do libro "Un camino de cine Xacobeo. La recopilación más completa del Camino de Santiago", de Pilar Falcón. Superando todos os niveis de hipocrisía, atrevéronse non só a publicar esta nota no portal da SXPL deturpando o título do libro para disimular que estaba escrito en castelán, senón aínda a reivindicar "a importancia que ten para a difusión da cultura e a lingua galega o feito de que a industria cinematográfica incorpore o fito Xacobeo nas súas producións" cando vemos que unha e outra vez se utiliza o maldito xacobeo para excluir a lingua galega.

xoves, 29 de abril de 2021

Anotacións sobre o informe da RAG da avaliación da incompetencia en galego

O informe "Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO" publicado pola Real Academia Galega pon en evidencia, entre outras cousas, que o ensino privado exclúe o galego. Isto é, no ensino privado non se aprende galego. De aí a súa teima de que non sexa obrigatorio na selectividade.
No gráfico vemos que o ensino privado, cun 95% de ensino en castelán, e o concertado, cun 81%, están expulsando o galego de facto do sistema educativo. Verifícase a ecuación:
ensino privado + decreto de plurilingüismo = exclusión do galego

Declaracións dos responsables políticos

O conselleiro de educación, Román Rodríguez xa o dixo no parlamento

o ensino está cumprindo a súa función

Concordo, se a súa función é a de non ensinar a lingua galega.

No Nós Diario obtiveron declaracións do secretario xeral de política lingüística:

"é un problema da sociedade en conxunto", e que a escola só é un reflexo da sociedade na que se enmarca.

Está claro que a escola non forma parte da sociedade. Que o decreto do plurilingüismo prohíba o ensino en galego en moitas materias e expulsara o galego de boa parte do ensino infantil, é por acción reflexa, non? Sigamos

O  secretario  xeral  non  considera  axeitado  situar  a  presión  sobre a situación do galego no ensino e pon o foco do problema nas actividades cotiás como facer deporte ou ir á compra, onde o uso do galego diminúe.

Seica o problema está fóra da escola. Fixo algo o seu departamento (ou a Xunta) para solucionar ese problema? Ou aínda o agravou reducindo o galego na escola para formar incompetentes nesta lingua? Sigamos.

Di Valentín García con respecto ao estudo da RAG indica que "non nos consta que isto sexa así", e mantén que o uso do galego aumenta ao superar os 15 anos, idade arredor da cal remata o ensino obrigatorio.

O suliñado é meu. Se é certo que o uso do galego aumenta cando remata o ensino obrigatorio, o que cae baixo as gadoupas do decreto 79/2010, non habería que imputarlle a ese decreto o decrecemento asociado? En segundo, lugar, o decreto que tanto defende, na súa disposición adicional quinta, establece que se avaliarán anualmente os resultados derivados da súa aplicación. Non o fixeron nin a primeira vez. Agora que o fai a RAG, a resposta é "non nos consta". Pechar os ollos á realidade porque mostra o monstruo que creáchedes e que estades mantendo.

Apunta  García  que  non  é  necesario facer modificacións de calado, "cremos que coas ferramentas que temos non debería haber máis problemas de competencia", 

Entón, hai ou non hai problemas de competencia? Establécese que coa súa política lingüística, sen contrate ningún, non hai problemas. Isto volve a ser outra vez, negar a realidade evidenciada no informe da RAG.

e explica estes datos porque "o castelán tiña sempre un  peso  específico",  e  é  esta  consideración de lingua "útil" o que para o secretario xeral explica unha maior "motivación" a aprender e usar o castelán

Un momento! Entón eses datos da RAG son certos! Teñen explicación material na realidade social. Entón haberá que tomar medidas.... Ah! non porque teóricamente (!)  non debería haber problemas de competencia.

E por que o galego non ten ese "peso específico"?  Quizais sexa unha eiva intrínseca á nosa lingua. Uo será por leis como o decreto 79/2010 que llo reducen?

E por que non se considera lingua "útil" o galego? A ver se outra vez o funesto decreto vai ter algo que ver no asunto. Será pola política lingüística que leva a cabo a Xunta? Se o fai ben, e eu non o poño en dúbida, seguro que si.