por Celia Armas García, no Sermos Galiza:
Eu teño unha ferramenta. Unha ferramenta case única, pouca xente (poucos miles, algún millón) a posúe. A miña ferramenta é moi práctica: úsase para todo o que calquera poida imaxinar. A ferramenta é grande, enorme, ten un tamaño realmente impresionante. Mais a ferramenta é á vez miúda, pequeniña, doce, suaviña. Podo empregar a ferramenta de día e de noite, no solpor e no amencer, polo lusco e fusco e máis pola mañanciña. A ferramenta serve para comer, como quen di para xantar, para o almorzo, sexa pequeno ou grande, para merendar, para tomar a parva, para a cea, para as paparotas, as enchentas e as revodas. Unha ferramenta multicolorida e multiforme, que se malea, que se adapta, permeábel, fluída, cambiante. Esta ferramenta tamén é antiga, tamén é de toda a vida, tradicional, logo. Aínda así a ferramentá está de plena actualidade, é moderna e está á última. É algo lampantina esta ferramenta, gusta moito da troula, do balbordo, das festas e das romarías. Mais non só: a ferramenta consola na dor, nas desgrazas e nos velorios, na enfermidade e na pena, mesmo na penuria. Gusta a ferramenta de axudar, sempre podes contar con ela. Cando emprego a miña ferramenta sempre me sinto acompañada, aínda que estea soa. Os meus fillos están aprendendo a usala, a ferramenta, e eles incluso lle dan outra saídas: xogan coa ferramenta, fabulan con ela, berran, saloucan, consólanse… Porque esta é unha das propiedades máis gorentosas da miña ferramenta: serve para amar, para bicar, para acariñarse, para se apertar, para acubillarse ao calor da casiña, para mirarse, para escoitarse, para sentirse. Para todo, serve esta ferramenta antiga e poderosa!