Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Ferrol. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ferrol. Amosar todas as publicacións

xoves, 11 de maio de 2023

O Laboratorio de Apoderamento Lingüístico

 O Laboratorio de Apoderamento Lingüístico, premiado na edición 2023 da Primavera das Letras da CTNL, é un proxecto piloto de dinamización do uso da lingua e de xestión do conflito lingüístico, promovido pola cooperativa Rexenerando

O laboratorio integra metodoloxías de innovación social para a sensibilización sobre a diversiade lingüística e a abordaxe do conflito lingüístico coa finalidade última de activar unha rede de mozas e mozos comprometidos coa lingua, que actúen como axentes de mediación no conflito lingüístico e activación de falantes entre iguais. A primeira edición desenvolveuse en Ferrolterra, coa participación de catro centros de ensino da comarca.

venres, 12 de marzo de 2021

sábado, 9 de novembro de 2019

A ciencia tamén en...



O Colexio Lestonnac de Ferrol volve a achegarnos unha gorentosa peza audiovisual para celebrar o Día da Ciencia en galego. Nesta ocasión poñen o foco no irmanamento con outras linguas. Velaí que a ciencia tamén se conta en...aragonés, asturiano, bretón, catalán, corso, éuscaro, frisón, gaélico escocés, galés, occitano, sardo, yiddish, e, por suposto, en galego

domingo, 23 de xuño de 2019

Antón Fraguas no Xavedes!


Guapísimo (na miña terra dirían ghopísimo) documental sobre Antonio Fraguas. Unha nova achega arredor do Días das Letras deste ano. Vén asinado polo ENDL do IES Lestonnac (Ferrol)

martes, 6 de novembro de 2018

A táboa periódica, tamén en galego



No Colexio Lestonnac (Ferrol) volve a repetir dando na diana con outro audiovisual encantador para celebrar o Día da Cinencia en Galego. Lembremos que hai un ano publicara un vídeo sobre a Física e química e outro sobre as Matemáticas
Precisamente hai uns poucos días presentábase a Guía dos elementos químicos. Historia, propiedades e aplicacións ( editado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades) de Ana María González Noya, Marcelino Maneiro Maneiro e Manuel Bermejo Patiño. Por culpa da nefasta política lingüística que impón o castelán no ensino da Física e a Química, este manual non pode ser utilizado no seu lugar natural, as aulas. En consecuencia a guía só pode abrirse baixo a ameaza dun decreto que actúa contra o galego.
Coma se fose un enterrador que quer asegurarse de que o morto non vai saír da súa tumba, Valentín García oficiou como mestre de ceremonias na presentación da guía. Ben podía levarse todos os exemplares para a súa casa, quizais así durmira máis tranquilo.
Unha gorentosa edición, tamén do Centro Ramón Piñeiro, dun libro divulgativo sobre o mesmo tópico, O nome e o símbolo dos elementos químicos, de M. R. Bermejo, A. M. González Noya e M Vázquez pode descargarse aquí.

xoves, 7 de xuño de 2018

A mocidade coa lingua 2018



Foron dúas horas de festival na que participaron 800 rapaces dos centros de ensino da comarca ferrolán. Foi pasado 5 de abril no Auditorio de Ferrol. Trátase da XXVI edición da "Mocidade coa Lingua"
 A banda da Loba, foi a estrela da programación na que tamén estaban, soben a escenario outros 35 músicos en 8 actuacións en dúas horas de festival.
O primeiro en subir ao escenario será o Coro Solidarium do IES Terra de Trasancos, de Narón, seguidos de Irene Beceiro e Manolo Dopico, do IES Concepción Arenal. En terceiro lugar, Arredemo, do IES de Fene, Raptios, do CPI de Atios (Valdoviño), cunha proposta de rap en galego, o Carvalho Quartet, do IES Carvalho Calero, seguidos de Pay FUNk-Ta, do CPR Tirso e no peche,Indianos, está formado por alumnos do IES Fernando Esquío, de Neda.

luns, 5 de febreiro de 2018

Vindevídeos de Secundaria



Cunha semana de retraso, (pregúntome se era necesario este desprezo polo traballo dos participantes no concurso), a SXPL publica finalmente os vídeos gañadores do certame Vindevídeos. Se hai uns días xa comentabamos o asunto felicitando aos centros de primaria, agora debemos facelo cos de secundaria. Arriba, o vídeo Cantigueando do IES Franciso Asorey (Cambados) [por certo, este foi o meu primeiro destino, alá no século pasado, xusto o ano que o abriron]. Máis abaixo O peque do Coro do Xan Viaño, elaborado polo  Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño, (Ferrol)

venres, 3 de novembro de 2017

As matemáticas, tamén en galego



Se o vídeo de onte me encantara, o de hoxe, aínda máis porque trata da materia que máis me gusta. Continuamos, xa que logo, Colexio Lestonnac (Ferrol), reclamando o uso da ciencia en galego.

P.S.: Este é un dos tres vídeos ([1][2] e [3]) cos que o ENDL do CPR Santa Juana de Lestonnac (Ferrol) celebra a xornada reivindicativa do Día da Ciencia en galego deste ano. Un listado de palabras do vocabulario científico e unha restra de declamantes das mesmas para reivindicar o uso da lingua galega nas materias científicas. Quixera chamar a atención que un dos rapaces do vídeo fainos partícipes da letra "xe", como a letra que fixo súa a matemática e que cómpre, nun sistema normalizado que reivindico acotío, que o profesorado repitamos nas aulas as ducias de veces que a temos que utilizar cada día.
Este vídeo tróxome á memoria aquel "Vocabulario de matemáticas" de Xosé Masa e Belén Fortes, editado no 1995, que sentaba as bases para unha lingua de calidade tanto nos libros de texto hoxe prohibidos, como na lingua oral, hoxe tamén prohibida, en todo o ensino obrigatorio para esta, e outras materias.
Un dos mestres que mellor nos contou como debiamos proceder tanto na escola como na vida foi Agustín Fernández Paz. Ben sabido é que el reclamaba a figura histórica de Rosa Parks como exemplo a seguir. Aquí e hoxe é ben pertinente lembralos pois ambos eran firmes defensores dos oprimidos. A lingua e dos dereitos humanos teñen neles dous referentes. O acoso lingüístico que sofrimos pais, profesores e alumnos por parte da Xunta que ten a encomenda de defender o noso maior sinal de identidade pero que se se vestiu coa casaca supremacista é inenarrable. Compría un exército de redactores para escribilo, aínda que unha soa frase da activista norteamericana sería bo resumo: "canto máis cedíamos e obedecíamos, peor nos trataban". Non digo máis, pero tampouco menos.
Encantáronme os vídeos. Parabéns.

xoves, 2 de novembro de 2017

Físca e química, tamén en galego



Simple e moi ben feito. o vídeo do ENDL do CPR Santa Juana de Lestonnac (Ferrol). Un listado de palabras do vocabulario científico e unha restra de declamantes das mesmas para reivindicar o uso da lingua galega nas materias científicas. Encantoume.

martes, 7 de marzo de 2017

Homenaxe a Agustín Fernández Paz en Ferrol: A banda da Loba



O 17 de febreiro pasado celebrouse no Auditorio de Ferrol unha gala para homenaxear a Agustín Fernández Paz na que participaron artistas como Guadi Galego, María Manuela, Xabier Díaz, BellónMaceiras, Mini e Mero, Miro Casabella e A banda da Loba. Deste último grupo son as actuacións que recollo aquí.


mércores, 16 de febreiro de 2011

Ferrol con Carvalho Calero

A Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística de Ferrolterra e o Concello de Ferrol puxeron en marcha un sitio web para a información e reflexión sobre a vida e a obra do intelectual ferrolán Ricardo Carvalho Calero.
Teñen un espazo que gardan para poemas musicados de Carvalho. Están agardando polas achegas. De momento teñen ao grupo A minha embala con María Silencio, gañadores do concurso Musicando Carvalho Calero. Vía CTNL