Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Antonio Fraga Mandián. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Antonio Fraga Mandián. Amosar todas as publicacións

xoves, 16 de maio de 2013

Libro de auto-axuda

Tal e como anunciabamos Carlos Callón pasou pola Estrada a presentar o seu último libro. O acto foi introducido por X. C. Garrido como membro da A. C. Vagalumes, organizadora do acto.
As primeiras palabras do portavoz de Queremos Galego foron para agradecer a asistencia "nun día no que a pesar de que penisca un pouco, aínda quenta o sol". Había ben de tempo que non lle oía a ninguén  usar o verbo peniscar e que me trouxo á memoria unha das primeiras leccións de sociolingüística que recibín cando era un un neno moi novo. Un familiar meu, que estaba fachendoso de abandonar Ribeira por unha cidade grande comentara con sorna unhas palabras da miña avoa aquel lonxano día. "Mira como penisca!, leva o paraguas", dixera ela. A resposta do meu familiar fóra algo así: "peniscar!, peniscar! Que palabra é esa? Falando así nunca sairedes do atraso no que estades en Ribeira". Desde ese día eu souben o que era o auto-odio.

Un libro de auto-axuda.
Carlos Callón comenzou comentando que se  o seu anterior libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos,  podía enmarcarse dentro do que en sociolingüística se chama planificación do estatus, o libro que viña a presentar caería dentro do marco da planificación do corpus.
Callón apuntou qu exogara co modelo que fornecen os libros de auto-axuda. O propio título é indicativo disto: Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Nesta mesma liña comentou que o texto comenza cun decálogo. Como exemplo citou a máxima: "nunca comences unha frase cun pronome átono". A respecto disto citou algunha frase de Núñez Feijóo, moi dado ao incumprimento deste principio básico do bo uso da lingua como, por exemplo, "llo digo e llo repito".
O presidente da Mesa comentou varios outros aspectos gramaticais e aproveitou a ocasión para criticar que nin a Xunta nin a RAG, en 30 anos, nin publicaran nin fixeran unha campaña de divulgación da norma. Lamentou que, por exemplo, non se aproveitara o acordo normativo do 2003 para facelo e comparou este abandono insitucional co caso catlán. En cataluña a primeira campaña insitucional da democracia foi para difundir e afirmar o estándar.

Tres novas e unha invitación
Como retrato da actual agresividade e radicalidade do odio e desprezo á nosa lingua fíxose referencia a tres noticias recentes. Unha delas foi a supresión por parte de AUDASA, de toda a cartelería en galego. Se desde a aprobación da LNL AUDASA incumpriu sistemáticamente a normativa argumentando motivos económicos, agora en plena crise gasta os cartos en eliminar a escasa sinalización en galego que había na autopista. Só podemos comprender o caso desde un posicionamento de incomprensible odio lingüístico.
A segunda noticia que se destacou foi a do kafkiano proceso reaberto contra Carlos Callón, que foi acosado polo xuiz Fraga Mandián de que lle lembrara que debía cumprir as leis en materia toponímica. A día de hoxe Fraga Mandián segue a emdditir sentenzas que atentan conta a LNL e moi posiblemente Callón será condenado contra toda lóxica social e xudicial. Eis a administración de xustiza que padecemos, una xustiza refractaria á normalización, mesmo ao cumprimento da escuálida nromativa pro-galego existente. A administración de xustiza vive na ilegalidade.
A última pnova comentada foi a da longa lista de disparates de Alonso Montero no escaso tempo que leva como presidente da RAG. Carlos Callón cualificou as declaracións do académico como propias de programas do corazón, máis que a dunha figura cun simbolismo especial desde o punto de vista da normalización. Callón explicou que lle doe especialmente que sexa o presidente desta institución quen invite a falar en castelán para que o vexan como a alguén normal. Xa é tempo sobrado de que dimita.
Finalmente, como non, fíxose unha agarimosa invitación a acudir á manifestación do 17 M convodada por Queremos Galego.

xoves, 9 de maio de 2013

Perseguidos por defender a lei e estranxeiras na propia patria.

por Susana Méndez, no Sermos Galiza:

Estes días áchome inmersa nos traballos de organización previos á manifestación que desde a Plataforma Queremos Galego vimos de convocar para o vindeiro día 17 de maio (12h, Alameda de Santiago).

sábado, 1 de decembro de 2012

A imparcialidade que se supón

por Susana Méndez, en Sermos Galiza:

Vivimos nun mundo onde aos homes se lles supón o valor, ás mulleres se nos supón a capacidade de coidar, e aos xuíces e xuízas se lles supón a imparcialidade. En calquera dos casos, igual é demasiado supoñer.

venres, 3 de febreiro de 2012

Un xuiz contra unha palabra, contra unha lingua, contra un pobo

Comenzos.
Ano 2006. Eduardo Álvarez, veciño da Coruña, e secretario comarcal da CIG-ensino reclamou que tiña dereito a recibir a súa notificación xudicial en galego, topónimo oficial incluído. O xuiz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, negoulle esta petición ao tempo que atribuía a un 'erro ortográfico' o uso da deturpación *La Coruña. Os medios recibiron esta notificación antes que o interesado.
Aparentemente o xuíz Antonio Fraga comenzou desprezando só un topónimo, unha palabra.


Enceréllase o asunto.
Entón foi cando Eduardo Álvarez denunciou públicamente o cinismo do xuiz Fraga Mandián: 'segundo o dicionario, cínico é aquel que mente descaradamente para xustificar unha ilegalidade, e iso é o que fai o xuíz'
Entón Fraga Mandián denúnciao por inxurias e nomea a unha xuíza substituta para que levase este novo xuízo que non había de estar exento de polémica pois a Eduardo Álvarez non se lle permitiu exercer as funcións propias da defensa. Como era previsible, a sentenza, de agosto do 2007, condenaba a Eduardo Álvarez a pagar 5.200 €. A cousa non queda aquí.
Recúrrese o xuízo no que se lle impuxera a multa ante a Audiencia Provincial. En xaneiro do 2008 declárase a súa nulidade.
Para manter o tirón mediático do caso, o xuíz fai unhas declaracións na radio nas que asegura que as queixas contra o uso do curioso topónimo non teñen sentido, pois tamén  non ten sentido pois no xulgado tamén 'tamén se escribe vivenda con dous bes'.
A Mesa presenta entón unha denuncia ao Consello Xeral do Poder Xudicial contra Fraga Mandián por 'facer apoloxía da desobediencia da legalidade', en concreto da Lei de Normalización Lingüística. Estamos en xuño do 2008.
Un ano despois sabemos que o xuíz contraatacou de novo, con outra denuncia por inxurias, desta volta contra Carlos Callón, o presidente da Mesa. No xuízo, decembro do 2010, Callón negouse a declarar porque non recibira as notificacións en galego, demostrándose así que neses cinco anos, a normalización na xustiza non avanzanra nin un milímetro. Xullo 2011: arquívase a denuncia. Porén o xuíz decano apelou e ten que se celebrar outro xuízo o vindeiro día 10.
Cantos xuízos!, cantos cartos gastados! cantos recursos mal empregados! E todo porque hai xentiña empeñada en que a nosa lingua non poida usarse con normalidade.

Diagnóstico social
Actuar contra unha palabra, como neste caso, contra un topónimo, non é un simple erro ortográfico. Comprobouse ben neste caso que a aparente desconsideración lingüística é moito máis, é un ataque a toda unha lingua, á esencia da nosa identidade. O xuíz ao escribir á mantenta o topónimo deturpado actúa contra todos nós como pobo. E se o pobo non se escandaliza, é que pouco importa a súa lingua nin súa forma de estar no mundo.
Cando vexo estas cousas son eu o que me escandalizo cando non vexo reaxir ao mundo da xustiza e, en xeral, a toda a sociedade desaprobando os ataques do xuíz decano contra un topónimo, contra unha persoa, e contra outra, e contra todos nós.
Despois de todas estas voltas confímase unha unha sospeita que manteño desde hai tempo: que na práctica social vivimos cos modos e as normas da época da ditadura franquista. Mantemos as formas democráticas pero o cerne dunha boa parte da  sociedade mantén as súas raíces nun proceder que sorbe os seus fundamentos na podremia do máis escuro espíritu fascista.