Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Alfonso Daniel R. Castelao. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alfonso Daniel R. Castelao. Amosar todas as publicacións

venres, 1 de agosto de 2025

Unha Alba de Gloria para o noso idioma


 por Henrique Monteagudo no Praza Pública:

A celebración do Día de Galicia convida a unha reflexión que sobrevoe os atafegos, inquedanzas e controversias conxunturais. Estamos no Ano Castelao, conmemorando o seu 75 cabodano, e na data de hoxe non podemos menos que lembrar o seu discurso “Alba de Gloria”, pronunciado en Buenos Aires o 25 de xullo de 1948 ante unha escolleita representación da diáspora galega, en que se daban a man a colectividade de emigrantes que fuxiran da fame, e a enxurrada de exiliados que fuxían da represión, Castelao o primeiro. Catro anos antes, o rianxeiro presentara na mesma cidade a súa obra Sempre en Galiza, testemuño e testamento do autor e da súa enteira xeración, a das Irmandades da Fala e a revista Nós.

xoves, 20 de febreiro de 2025

As viñetas de Castelao segundo o alumnado do IES Avelina Valladares

O ano 2025 foi declarado pola Xunta de Galicia ano Castelao pois conmemórase o 75 aniversario da súa morte en Buenos Aires. No IES Avelina Valladares (A Estrada) elaboraron esta reinterpretación do álbum Nós e de Cousas da vida que tamén se pode consultar nesta publicación virtual.

Vía IES Avelina Valladares

venres, 26 de xullo de 2024

Alba de Groria

 

Vídeo do concello de Santiago de Compostela para celebrar o Día da Patria.  Adicado á Alba de Groria, obra de Castelao no 1948

domingo, 21 de marzo de 2021

O retrato de Castelao

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:

 

No ano 1927, primeiro na revista Nós e logo en Alma Gallega (Montevideo), Castelao publica o relato O retrato, que despois agruparía con outros textos no libro Retrincos (1934). Durante a epidemia de gripe do ano 1918, o escritor, daquela xa recoñecido caricaturista e pintor, empregado de Estatística en Pontevedra, trasládase dende a capital da provincia á súa vila natal de Rianxo para atender as demandas dos seus veciños, avivado en parte tamén polo seu pai, que sufrían o que as crónicas denominaban gripe española, soldado ruso, catarro de Nápoles. A peste causou unha altísima mortandade en polo menos tres ou catro vagas sucesivas, que comezaron contra a primavera de 1918 e duraron case tres anos. Fálase de entre 25 e 50 millóns de mortos en Europa, que saía da Gran Guerra. Só na vila de Rianxo morreron nos primeiros meses 108 persoas, e en toda Galicia catorce médicos que atendían os infectados. Dende o Goberno Civil prohibiron que as campás das igrexas tocasen a morto, porque non daban feito, e mais para aliviar no posible a alarma xeral.

 

martes, 23 de outubro de 2018

Forever in Galiza



Non creo que haxa que explicar o que significa o "Sempre en Galiza" de Castelao. Hoxe este libro, que debería formar parte do imaxinario de calquera galego digno de cualificarse con este adxectivo, pode consultarse en inglés grazas ao traballo de tradución feito por Craig Paterson.
Grazas ao blogue da biblioteca do IES  Ollos Grandes (Lugo), tiven coñecemento do vídeo que comparto ao inicio da entrada no que se informa da presentación da tradución na terra natal de Castelao. Unha segunda presentación tivo lugar no IES Félix Muriel, da mesma localidade.
Posiblemente a mellor introdución a este traballo será a que acharemos nesta entrevista de Marcos Pérez Pena para o dixital Praza Pública. Destaco dela algunhas palabras de Craig Paterson:


Optamos á mantenta por non buscar ou aceptar calquera subvención por parte dunha Xunta de Galicia que, dende 2009, por medio das súas políticas lingüísticas, educativas e culturais, fixo o maior dano á lingua galega dende a morte de Franco. En particular, eu creo que sería unha falta de respecto ao legado de Castelao vincular o proxecto con semellante filisteísmo, sendo a obra unha defensa magna dos dereitos insubornábeis e humanos de Galicia e os galegos. Colaborar con semellantes forzas representaría, para min, unha incoherencia hipócrita, contraproducente e destrutiva, que de paso lexitimaría os feitos inefábeis do goberno de Feijoo en contra da cultura e lingua galega.

 Velaquí que me pareceu ésta unha excelente oportunidade de lembrar aquela iniciativa do Consello da Cultura Galega para conmemorar o 70 aniversario da obra, #sempreengz

mércores, 11 de abril de 2018

A lingua non para. Vídeos gañadores do Correlingua 2018



Espectacular. Este primeiro é o vídeo gañador, na categoría de educación secundaria e bacharelato, do concurso de vídeo do Correlingua 2018, a lingua non para!, . Os creadores desta proposta foron os alumnos da ESO do CPR Seminario Menor a Inmaculada (Ourense), que puxeron en audiovisual un retallo do inmorrente Sempre en Galiza, de Castelao.



O segundo que presentamos aquí é o gañador na categoría de educación infantil e primaria. Este vídeo foi feito polo alumnado de 5ºA do CEIP Ramón Cabanillas (Santiago de Compostela).

P.S.: A organización do Correlingua tamén otorgou o premio ao Manifesto: 3ºC do IES Antón Fraguas (Santiago de Compostela). A súa proposta, Rapea, que a lingua non para!, abrirá todas as festas finais do Correlingua 2018.
A Banda Deseñad gañadora foi a de 5ºB do CEIP Albeiros (Lugo)-  A súa banda deseñada titúlase De viaxe por Galicia. A lingua non para.

sábado, 10 de febreiro de 2018

Imaxes de Castelao en Buenos Aires



Filme de 1972 que recolle a presenza do escritor Castelao en Arxentina dende a súa chegada en 1940 ata o seu pasamento. A fita foi un agasallo do reporteiro gráfico Eligio González, de orixe ourensá e emigrado a Bos Aires, que lle ofreceu ao Centro Galego da cidade. Durante anos filmara o escritor en diversas aparicións, que ordea neste filme documental de fondo valor patrimonial. A película foi restaurada polo CGAI en 1995.

luns, 15 de xaneiro de 2018

C(r)oma galeg@s: Castelao



Todos os galegos temos algo de Castelao. Así o quixeron demostrar na EEI Barrionovo (Arteixo) retratando a todo o alumnado coma se fosen o rianxeiro.

xoves, 2 de febreiro de 2017

Sempre Castelao

por Xosé Lois García, no Sermos Galiza


Estamos no mes de Castelao. O 30 de xaneiro de 1886 naceu e o 7 de xaneiro de 1950 faleceu. Dúas efemérides conxuntadas nun mes iniciático que nos envolve arredor de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, dunha maneira pragmática e na descuberta dunha nación que aínda moitos galegos descoñecen e outros negan, chamada Galiza. Sen Castelao posiblemente non houbese ese segundo Rexurdimento -neste caso, un rexurdir político-patriótico- que se manifesta no intenso legado da obra de Castelao, no que se configuran temarios e abordaxes que contemplan a problemática nacional e social do noso país. Con frecuencia, Castelao é o gran descoñecido para os galegos, refírome a que aínda o seu ideario está exento dun exercicio de lectura que nos faga reflexionar sobre as problemáticas que laceran á sociedade galega mais desprotexida e tamén a unha toma de conciencia nacional. Isto non quere dicir que a imaxe de Castelao sexa descoñecida para os galegos, dado que con frecuencia a vemos nos medios de comunicación, tantas veces terxiversada e dunha maneira superficial e sen contido do que a súa personalidade e obra esixen. Mais a mediocridade histriónica que desgoberna Galiza elixiu ese escenario para ocultar, dunha maneira grotesca, as esencias vivas da ideoloxía nacionalista que emerxeron do ideario de Castelao.

luns, 30 de xaneiro de 2017

Os enterros de Castelao

Seguro que esta histórica retransmisión do segundo enterro de Castelao, en Bonaval, o 28 de xuño de 1984, coa voz de Tareixa Navaza é coñecida por todos.



Pero nesta entrada quería recoller o que sucedeu para que se producira este segundo enterramento. Neste segundo vídeo achegámonos á habitación 203 do hospital do Centro Galego, onde pasou os últimos momentos Castelao. A habitación foi pechada e convertiuse nun pequeno museo con obxetos da vida do autor de "Sempre en Galiza", entre elas unha mascarillla mortuoria que lle sacara escultor galego Domingo Maza.
Castelao foi sepultado no panteón do Centro Galego, no cemiterio da Chacarita, en Bos Aires. Alí repousaron os seus restos ata o 1984.



Como é sabido, o Parlamento Galego decidiu traer os restos de Castelao a Galicia. O que xa non é tan coñecido é o proceso de exhumación dos restos do rianxeiro na capital arxentina. Grazas a esta entrada do blogue Fotos de Rianxo chegamos a este documento audiovisual sobre este capítulo.
No seguinte vídeo Juan Antonio Fierro, presidente do Centro Galego de Buenos Aires entre o 1983-1984 e Luís Sobreira,  Presidente do Instituto de la Cultura Gallega. explican como se desenvolveron os acontecementos da exhumación. Tamén hai imaxes da misa que lle fixeron na igrexa de Santa Rosa de Lima, previa ao traslado á capela ardente no Centro Galego.



Para pechar o círculo, un documental reflexionando sobre o significado do traslado dos restos mortais ao Panteón de Galegos Ilustres


Traslado dos restos mortais de Castelao a Galicia from mayte araujo on Vimeo.

martes, 26 de abril de 2016

Precisamos a lingua se queremos vencer


Xa o ano pasado Marga Pazos foi protagonista nos Premios Mestre Mateo do 2015 por unha dobre razón. Por recibir o premio á mellor comunicadora, e polo seu discurso na recepción do premio que fóra destacado por ProLingua por amosar o seu compromiso como (re)transmisora da nosa lingua. Na gala deste ano volvimos a escoitarlle un discurso na mesma liña no que recollendo do imaxinario colectivo a impoñente figura de Castelao, e tomando como punto de partida o centenario a súa participación na primeira película de ficción galega, Miss Ledya, comenta:

se cadra, hai cen anos Castelao non podía supoñer que cen anos despois Galicia ía ter o seu propio sector audiovisual...., ou se cadra si. Seguramente si, porque Castelao era un home que tiña fe en nós. En nós como país quen de se erguer e de crer, e de crear. [...]

Temos unha televisión pública que ten como único accionariado os galegos e as galegas. E ao redor de todo isto toda unha industria que xera unha riqueza moi difícil de cuantificar. Eu non sei canto vale a supervivencia dun idioma, dunha cultura, dunha identidade. Como se pode tasar o que vale unha forma de ser, de pensar de vivir, que é o que nos define. Dicíao moi ben Manuel María:

“O idioma idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.
O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.
O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
Se perdemos a fala
non seremos ninguén!”
O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.
Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
Precisamos a lingua
se queremos vencer!

Con todo, a lingua parece ser o que menos importa nestes premios. A película que levou case todos, non estaba en galego. Nin tan siquera se sabe de ninguén que a puidera ver en ningún cine en galego. ... Ben, nin esa película nin ningunha outra. 

Máis en Saborea a lingua

venres, 8 de xaneiro de 2016

Castelao, presentado por Neira Vilas



Todos sentimos un enorme respecto polos difuntos, e os galegos máis. A lingua é o espello da nosa alma e unha palabra moi nosa é a de finado. Neira Vilas non é un morto, cando falamos del, falamos do finado, que é moi outra cousa. O noso respeto por el multiplicouse, así que as súas palabras hoxe valen un cento de veces máis que hai uns meses. Por iso, estas catro frases que lle adica a Castelao neste vídeo teñen tanta forza como toda unha enciclopedia.
A peza audiovisual que se presenta aquí forma parte dun proxecto da RAG no que se recollen recursos e un perfil dos homenaxeados no Día das Letras. O segundo ano que se celebraron, o 1964, estiveron adicadas a Castelao. Como en todos os outros casos, a RAG realizou un vídeo no que unha figura destacada da cultura fala do escritor homenaxeado. Neira Vilas comenta que chega a Buenos Aires ao pouco de morrer Castelao. Nesa cidade "quedaría a súa pegada por moitos anos, na capital cultural de Galicia, na capital patiótrica de Galcia". 
Onte fixéronse 66 anos da morte de Castelao.

A culpa desta entrada foi deste recordatorio de Agustín Fernández Paz, sempre fiel á cultura galega.

luns, 12 de outubro de 2015

Filmando a Castelao



Como hai uns días os parlamentarios do PP fusilaron a Castelao ao votaren en contra dunha Iniciativa Lexislativa Popular na que se procuraba para o pobo galego o dereito a coñecer a obra do galeguista, botei un anzol pola rede a ver se podía traer a esta cabeceira algún vídeo ou documento que recuperara a máis ilustre figura do nacionalismo galego. E atopei este documental, Filmando a Castelao, presentado por Antón Reixa, no que conta a historia dun filme do ano 1980 titulado Castelao, biografía dun ilustre galego, dirixido por Jorge Prelorán e que conta con filmacións do fotógrafo Manuel Ferrol. O autor do guión foi Antonio Pérez Prado, quen aínda que nacido no barco que levaba aos seus pais para Arxentina, podemos escoitalo no documental falando en galego, e declarándose galeguista.
No documental Antón Reixa entrevista a Jorge Prelorán, exiliado no Estados Unidos, e a Antonio Pérez Prado en Buenos Aires.

Na película Castelao, biografía dun ilustre galego, veremos decote dramatizados os debuxos de Castelao, así como as imaxes do rianxeiro de Elixio González, o reporteiro gráfico da emigración. Foi emitida cando a traída dos restos de Castelao a Galcia, no ano 1984 en TVE-Galicia. A copia fora adquirida por Isaac Díaz Pardo ao Centro Galego de Buenos Aires. Volveu a emitirse no 1992 na TVG, pero censurando os 27 segundos nos que aparece Alfonso XIII satirizado cun pasodoble de fondo musical (minuto 15 do primeiro vídeo)
A versión da película que vén de seguido é unha restauración de Carlos Larrondo, do ano 2007,  con voces en galego de Luís Tosar e María Liaño. Non se pode deixar ser ver.








mércores, 30 de setembro de 2015

O fusilamento de Castelao no parlamento

Queren a Castelao ben oculto. Os membros do PP votaron en contra da Iniciativa Lexistlativa Popular na que se procuraba para o pobo galego o dereito a coñecer a obra do galeguista.
De non ser polo esforzo de Castelao e a súa insistencia en, primeiro tramitar o Estatuto do 36 en plena guerra civil, e despois loitar contra todos os atrancos interpostos para conseguir a súa aprobación no exilio, seguramente non existiría a institución que hoxe votou pola ocultación da súa obra.
Unha das propostas máis destacadas da ILP era a da recuperación do cadro A derradeira lección do mestre, que actualmente está no Centro Galicia de Buenos Aires. Trátase dun retrato das atrocidades do franquismo, unha obra que debería estar presente nos materiais de ensino de todas as escolas xa que mostra sen concesións a crueldade do fanatismo. O mestre, asesinado, xacente no chan, debería quedar como lección para as futuras xeneracións. Onte, no parlamento ben se veu que moitos dos deputados non asistiron a esta clase e queren que a sociedade galega fique orfa do máis grande galeguista de toda a historia. Precisamente por iso, por ser galeguista. Así, non é de estrañar atopármonos no mesmo día con noticias como a da negativa de Portos de Galicia a permitir unha inscrición de homenaxe á vítimas do franquismo en Vilaboa. E despois din que o franquismo está morto.
Despois veremos a eses mesmos parlamentarios inchado o peito na entrega das medallas Castelao. Pero que Castelao é o que vai nese galardón se despois vemos que non se respecta a súa obra. Por que permanece oculta nos arquivos do Museo de Pontevedra ou espallada por múltiples lugares sen que haxa ningunha institución que procure a súa recompilación e catalogación?
Onte, executouse o fusilamento de Castelao no parlamento de Galicia. É o que ten non ter memoria nin amor polo país nin pola lingua.


Na prensa:

  • Intervención de Mª Pilar García Negro en defensa da ILP a prol da difusión da obra de Castelao, 29/09/15 GZ Cultura
  • O Partido Popular impide a toma en consideración a ILP sobre o dereito ao coñecemento e á contemplación da obra de Castelao polo pobo galego no Parlamento, 29/09/15 GZ Cultura
  • O PP evita saír noutra foto galeguista a dous meses das xerais, 29/09/15, Praza
  • O Partido Popular impede a toma en consideración a ILP sobre o dereito ao coñecemento e á contempalción da obra de Castelao polo pobo galego no Parlamento., 29/09/15, A Mesa
  • A ILP de Castelao, a debate no Parlamento, 29/11/15,Sermos Galiza
  • O PP fecha a porta a debater no Parlamento sobre o coñecemento da obra de Castelao, 29/11/15, Sermos Galiza

venres, 30 de xaneiro de 2015

Estrela na alba, o pensamento político de Castelao


Trátase dun documental do ano 2011, realizado con motivo do 125 aniversario do nacemento de Castelao. Se había unha data para recollelo neste andel virtual era a de hoxe, cando lembramos o seu nacemento.

xoves, 8 de xaneiro de 2015

Can castelán


Calquera que visite O Carballiño ten que dar unha volta polo Templo da Veracruz, esa espectacular construción do arquitecto Antonio Palacios. Pois alí mesmo, na explanada que rodea ao templo, será prácticamente imposible que non vexa este sinal. Ben podedes imaxinar o que opino eu sobre os que o colocaron aí. Non sei por que esta xente supón que os cans só entende o castelán.
Ao ver este sinal pasoume o que supoño que lle pasaría a moitos outros. Viñeronme á cabeza as palabras de Castelao:  "Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para a toda a nosa especie, Sons os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses. e renegan das inquedanzas que produce a sabiduría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca, e un cabalo das Pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. E sabedes por qué? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal."
Está claro que os que puxeron o sinal ao pé do Templo da Veracruz non leron a Castelao.

sábado, 20 de decembro de 2014

Tempo de nadal



O alumnado de debuxo artístico do IES As Barxas (Moaña) dirixido por Luz Beloso puxo en pé esta perla inspirada na obra de Castelao.
Vía CGENDL

venres, 18 de xullo de 2014

90 aniversario da viaxe de Castelao ao Pico Sacro

por Xoán Carlos Garrido no Faro de Vigo:


Hai 90 anos, por mor dunhas vacacións forzosas da actividade política e cultural imposta pola ditadura de Primo, Castelao ía ter oportunidade de realizar a ansiada viaxe ao cumio do Pico Sacro xunto cos seus amigos estradenses de El Emigrado.

domingo, 6 de xullo de 2014

Castelao

por Francisco Rodríguez, no Sermos Galiza:

Un non sabe como comezar para dar conta da magnitude da ocultación, a destrución e a ignorancia desprezativa que soportan a figura, a obra e a traxectoria política de Castelao, no marco da xa de por si marxinal e desprezada cultura e historia da Galiza. Só é comparábel á súa magnitude e importancia obxectivas como manifestación artística, cultural, intelectual, ideolóxica e política, que ten como referencia o pobo galego e expresa unha perspectiva galega do mundo. Manifestación e expresión, en moitos aspectos, antitéticas ás dominantes na cultura española da época, como é lóxico, pois se afirman no que esta trata de negar, combater ou ignorar. De entre todos os membros da Xeración de 1916, Castelao é o seu cumio máis sobresaliente, pola súa ocupación multifacética, a calidade da súa obra e a exemplaridade da súa contribución á causa do nacionalismo, que é como dicir á causa dunha Galiza consciente, digna e liberada. Hai moitas figuras senlleiras e mesmo proteicas nesa Xeración, pero ningunha reúne tantos aspectos diversos compaxinados de forma que o resultado puider acadar un valor simbólico tan claro como o de Castelao. Após Rosalía, é a figura e a obra más emblemáticas da cultura galega e, digámolo xa, a que encarnou mellor o esforzo do que debemos entender como política ao servizo de Galiza. É moito dicir no contexto dun período histórico, o da Primeira Grande Guerra, no que se produce, por fin, unha literatura nacional galega plenamente unilingüe e se asentan as bases para contarmos cunhas artes plásticas propias do país. Son manifestacións de mudanzas cualitativas que van parellas ás grandes mobilizacións agrarias a prol da redención ou abolición dos foros e aos intentos de autoorganización nacional, como As Irmandades da Fala (1916) ou a Asemblea Nacionalista de Lugo (1918).