Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Forcarei. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Forcarei. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de abril de 2021

Cara a cara cos libros. A importancia da tradución

Velaquí un exemplo do que podería aprender a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Hoxe é o Día do Libro. No IES Chano Piñeiro (Forcarei) o Equipo de Normalización en colaboración coa Biblioteca do centro e o Club de Lectura poñen o foco na importancia de dispoñermos de traducións na nosa lingua. Escolleron 32 clásicos da literatura universal e puxéronlle cara aos seus autores co fin de difundir a idea de que os clásicos clásicos están vivos e animar á súa lectura en galego. Recollo as palabras da presentación deste proxecto no blogue do ENDL do centro:

Sen ningunha dúbida, en galego estamos no mundo e a través da nosa lingua podemos acceder ás grandes obras da literatura universal. 

Para enxergar todo o traballo que hai detrás, un par de exemplos das moitas entradas que cargaron nos seus perfís de facebook e de twitter, aínda que isto non foi todo, pois tamén tiveron un concurso, unha exposición de carteis,...

mércores, 24 de febreiro de 2021

Rosalía e o mar

 No IES Chano Piñeiro (Forcarei) fixeron uns vídeos ben vistosos para anunciar unha sesión en streaming adicada ao tópico "Rosalía e o mar"

   

Presentan con estas palabaras a síua iniciativa:
 
A natureza foi moi importante na obra de Rosalía de Castro; toda a natureza de Galicia, o mar e a montaña, as veigas e os prados, as fontes e os regatos pequenos, os montes e os ríos, a vexetación e a fauna... Neste momento en que vivimos, limitados nos movementos, lembrámonos especialmente do mar, porque está lonxe de nós, non podemos achegarnos a el e sentir a súa fermosura e a súa forza. Na obra de Rosalía o mar foi moi importante e aparece en moitas ocasións, con distintos significados e diferentes simboloxías. Segundo deixou escrito o seu marido, Manuel Murguía, “o mar foi, na natureza, o seu amor predilecto”.


mércores, 27 de xaneiro de 2021

2021: o ano do encantos de Terra de Montes


Nos anos anteriores xa nos chegaron diversos e moi orixinais calendarios do IES Chano Piñeiro (Forcarei) (2018: ano de Forcarei, 2019: ano de Cerdedo, 2020: ano do Lérez). Desta volta as lendas de Terra de montes son as protagonistas dun calendario que se nos presenta en vídeo.
Un gran traballo de posta en valor do entorno no que vive o alumnado que acude ao centro.

 

venres, 14 de febreiro de 2020

Os apelidos en Forcarei, ao dereito

Roubada do Chaniño
No IES Chano Piñeiro  (Forcarei) están desenvolvendo unha campaña de estudo e información sobre a antroponimia dos membros da comunidade educativa. A cousa non queda aí, ponse o foco no dereito a vivir e a expresármonos na nosa lingua en todos os ámbitos da vida, así que, unha vez identificadas as incorreccións nos apelidos, tamén se ofrecen indicacións de como restarurar as súas formas correctas e libres de deturpacións. "Do mesmo xeito que moitos topónimos se foron castelanizando á forza, moitos apelidos galegos tamén foron acastrapados e deturpados"


Tanto no portal O Chaniño, como nos paneis dos corredores do centro encontramos preguntas pertinentes con respostas moi ben argumentadas. Velaquí as cuestións que invito a que vexades respondidas no Chaniño:
  • Cando comenzou a deturpación dos apelidos galegos?
  • Por que os nosos topónimos están regularizados e os apelidos non?
  • É posíbel volver os nosos apelidos castelanizados á súa forma orixinal?
  • Por que hai persoas que se resisten a corrixir o seu apelido castelanizado?
  • Como galeguizar o teu nome e apelidos

O traballo, no que participaron o ENDL e a Biblioteca do centro, non está feito no aire, senón que se recolleron os apelidos dos membros do centro, tanto na súa forma deturpada como na orixinal, explicando o seu significado e a súa orixe.



Instancia de galeguización do nome



Instancia de regularización dos apelidos








domingo, 19 de xaneiro de 2020

2020: o ano do Lérez

O ENDL do IES Chano Piñeiro (Forcarei), outro ano máis, volveu repartir entre todos os membros do centro un fermoso calendario. Se en pasadas ocasións o tema-guía do calendario foi a toponimia das parroquias de Forcarei (2018) ou de Cerdedo (2019), nesta ocasión o Lérez é quen nos guía no devalar do ano, desde as súas orixes ata a desembocadura en Pontevedra

luns, 31 de decembro de 2018

2019: O ano de Cerdedo

Hai un ano dábamos conta de que o IES de Forcarei publicaba un calendario adicado enorgullecerse do patrimonio do concello. Coa mesma idea, elaboraron un novo calendario no que se explica a toponimia das parroquias de Cerdedo (Castro, Cerdedo, Figueiroa, Folgoso, Parada, Pedre, Quireza e Tomonde) e no que se divulgan os principais puntos do seu patrimonio: as pontes do Lérez, os petróglifos, as eiras de hórreos e os muíños).
Detrás deste calendario podemos enxergar, unha vez máis, a irracionalidade da fusión de Cerdedo e Cotobade nun único concello. Ao IES de Forcarei acude o alumnado de Cerdedo, mais non o de Cotobade pois nin propia xeografía o permite. Cerdedo e Cotobade nin pertencen á mesma comarca nin ao mesmo partido xudicial

luns, 19 de marzo de 2018

A fiestra de Rosalía



A resaca do Día de Rosalía non remata, e isto a pesar de que a Consellaría de Educación lle virou as costas á celebración escolar da xornada. Velaquí un exemplo máis de como a longa sombra de Rosalía chega ata nós. No IES Chano Piñeiro (Forcarei), aproveitando o lema do Día de Rosalía deste ano, #AbrideAfiestra, construíron unha fiestra a mantenta para abrirlla a Rosalía.

mércores, 31 de xaneiro de 2018

O "outro" Día da Ciencia en Galego



Como todo o  mundo debería saber, o Día da Ciencia en Galego instituíuse para denunciar o ataque ao ensino en galego, especialmente nas materias científicas, que se deriva do funesto decreto do plurilingüismo. A súa data de celebración é o 4 de novembro, pero velaquí que no IES Chano Piñeiro (Forcarei) non quixeron que pasara o curso sen sumarse á reivindicación do uso da lingua galega nas aulas de ciencias e aínda que fose no mes de xaneiro. O certo é que as reivindicacións xustas non teñen caducidade.
No vídeo que divulga as actividades realizadas no IES de Forcarei veremos imaxes de diversas actividades:
01. Voando con drons
02. Extraendo o ADN
03. Experimentando con robots
04. Montando o cubo soma.
05. Aplicacións da topografía
06. Litofanías
07. Coñeces a Darwin?
08. Satélites NOAA
09. Curiosidades dos ovos
10. Realización de gravados

domingo, 31 de decembro de 2017

2018: o ano de Forcarei


Publish at Calameo

Xa sei que esta entrada, dalgunha maneira, é repetición doutra que publicamos hai un par de meses. Daquela dábase conta do bautizo das aulas do IES Chano Piñeiro (Forcarei) cos nomes das parroquias dese concello. Cada aula tería unha placa coa identificación da parroquia nun mapa, tres fotos da mesma, a relación de lugares, e a explicación da orixe e significado do topónimo. Deste xeito o instituto enorgullecíase do territorio próximo. Agora este orgullo trasládase dun espazo, os corredores e aulas do IES Chano Piñeiro, a todo o ano 2018 mediante a publicación dun calendario coa mesma cartelería explicada anteriormente. O seu título: 2018 Nomes de Terra de Montes (Forcarei).  
Moi boa iniciativa, e moi boa idea. Parabéns ao ENDL do Chano Piñeiro.

mércores, 18 de outubro de 2017

Orgullo pola toponimia en Forcarei

As 12 aulas do IES Chano Piñeiro (Forcarei) veñen de ser bautizadas cos nomes das 13 parroquias do concello (unha delas, a de Presqueiras fai referencia ás parroquias de Santa Mariña e San Miguel). A carón da porta de cada aula teñen un cartel que podemos ver un estudo filolóxico do topónimo, un mapa de Forcarei no que se localiza a parroquia, unha relación de todos as súas aldeas e tres fotos con monumentos ou lugares. Un fermoso traballo que afonda no orgullo da comunidade escolar pola lingua que identifica o territorio no que viven e estudan.





luns, 8 de maio de 2017

Xeometría a pé de rúa


Desde o Departmento de Matemáticas do IES Chano Piñeiro (Forcarei) chéganos este vídeo no que se recolle unha restra de imaxes capturada polo alumnado de 4º da ESO. Trátase dun paseo fotográfico- matemático por Forcarei centrado en elementos xeométricos.
Demostando que as matemáticas son compañeiras da normalización, por moito que lle pese aos defensores do funesto decreto do plurilingüismo.


mércores, 15 de marzo de 2017

Unha poesía prima no día pi



Nos últimos anos vén espallándose cada vez máis a celebración do Día Pi, o 14 de marzo (3/14 no formato anglosaxón, e que corresponde coas primeiras cifras do número π). No IES Chano Piñeiro (Forcarei) xa teñen celebrado esta data cun concurso de esopías (narracións que conteñen sucesivamente palabras co número de letras indicadas polas cifras do número π), mais desta vez optaron pola declamación dun poema matemático sobre os números primos.

mércores, 8 de febreiro de 2017

Un bengalí pola Terra de Montes


Uns días atrás, o blogue Lingua de Montes do ENDL do IES Chano Piñeiro (Forcarei), divulgaba a noticia da visita do sociolingüista bengalí Anik Nandi. Un día despois xa colgaban esta entrevista que lle fixeron dúas alumnas de 1º de bacharelato.
Anik Nandi, falante de bengalí, lingua minoritaria de 260 millóns de falantes chegou por primeira vez a Galicia no ano 2007, despertóuselle o interese pola nosa lingua e este interese fixo que non lle custase moito aprendela.
"O galego é a lingua do corazón", esta é unha das súas frases, coas que Anik Nandi explica que o futuro da nosa lingua pasa porque nos sintamos orgullosos da lingua que falamos.

Esta visita non foi a única que Anik Nandi realizou aos centros de ensino. Durante algo máis dun mes o sociolingüista pasará por unha ducia de institutos. Trátase dunha iniciativa ben orientada, o cal, non deixa de ser sorprendente por vir de quen vén. En todo caso é unha mágoa que a voz deste galego bengalí non se achegara a máis lugares da nosa xeografía.

Máis:
IES San Clemente (Santiago de Compostela), 10 de xaneiro de 2017
IES Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis), 17 de xaneiro de 2017
IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, 18 de xaneiro de 2017
IES Félix Muriel (Rianxo), 19 de xaneiro de 2017

mércores, 16 de novembro de 2016

Narf: o caldo da casa


Onte chegounos a noticia do falecemento de Fran Pérez, máis coñecido polo seu nome artístico, Narf.
Para unha crónica chea de coñecemento e sentimento, a de Montse Dopico, no dixital Praza Pública.
Aquí traemos unha pequena entrevista que lle fixeron hai medio ano canda Uxía os rapaces de 4º da ESO do IES Chano Piñeiro (Forcarei). Os músicos foran alí a presentar o seu disco Baladas dunha Galiza imaxinaria e ao rematar comenzaron esta conversa que é unha lección de orgullo polo propio. Narf explica como se lle queres mostrar a alguén de fóra o que ten valor para ti, non o vas levar ao Mcdonalds, vas levalo a tomar un caldo da casa. O mesmo pasa coa cultura, coa lingua,.. con todo.
Velaí onde estaban as raíces da música de Narf. No mesmo lugar no que residen as balada das nosa Galiza imaxinaria, a única Galiza real.
Cando así se explicaba Fran Pérez, seguramente non se decataba de que se estaba definindo a si mesmo. El é ese saboroso caldo feito coa receita da avoa.

sábado, 21 de xuño de 2014

Constelación de palabras



Nesta peza audiovisual repásanse os campos semánticos da choiva, os útiles agrícolas e as pezas dos carros. Todo un exemplo de riqueza semántica, máis aínda cando podemos comprobar como en dous concellos limítrofes, as denominacións varían.
Forcarei e Silleda  distan entre sí 15 quilómetros en liña recta e entre Cerdedo e Pazos hai 26 km. Unha distancia ben pequena! Porén, a riqueza semántica da nosa lingua é tal que xa en algo tan esencial para o noso agro como os apeiros de labranza atopamos diferenzas. E que dicir das partes do carro!
O alumnado de 4º ESO do IES Chano Piñeiro e o de 3º ESO-B do IES Pintor Colmeiro de Silleda andou a pescudar estes nomes. E David Cabaleiro aínda chegou máis alá, dánnonos a base do traballo que vos amosamos; música e presentación serviron de puntos de partida para este vídeo que ilumina o que nunca debemos perder: a nosa lingua.

De agasallo, cos apeiros vai asemade unha choiva de palabras molladas, un son característico de noso que agardamos o cambio climático non nos roube.

venres, 9 de maio de 2014

Desde o mundo a Forcarei



Gustoume moito esta entrevista a Nicoleta Rasuceanu, alumna de 1º de bacharelato do IES Chano Piñeiro (Forcarei), que leva oito anos en Soutelo de Montes.
No blogue do ENDL coméntase que éste pretende ser o primeiro dunha serie de vídeos que realizarán dando protagonismo ao alumnado procedente doutros países tratando a cuestión da relación que manteñen coa nosa lingua e as reflexións que realizan sobre a situación da mesma.
Cómpre escoitar a Nicoleta con atención e decatármonos da importancia da lingua ambiental. Na súa estancia en Pontevedra  falaba en castelán, pero ao chegar a Forcarei enganchouse á lingua dos seus compañeiros.

luns, 17 de decembro de 2012

#recitandocelsoemilio: desde Forcarei



Poño aquí este vídeo porque si, porque me gosta,porque me peta e quero e dáme a gana; porque me sai de dentro, alá do fondo dunha ledicia doce que me abrangue ao ver tantos rapaces leais á súa lingua.
Tamén escollín este vídeo porque pode servirnos perfectamente para reflexionar por todo o traballo que hai detrás. Houbo que facer guións, un traballo sobre Celso Emilio, buscar localizacións, procurar voluntarios que colaboraran diante e detrás da cámara, aprender versos, entrenalos, editar o vídeo... Canto traballo e cantas horas extras, non remuneradas, de profesores e alumnos! Unha enorme demostración de amor á lingua galega, un exemplo dos moitos que xurdirán pola arañeira da rede certificando o enorme éxito da xornada #recitandocelsoemilio. Un éxito só atribuible á CGENDL e a todos os colaboradores en ducias de centros de toda Galicia.