Cláudia Morán no Nós Diario:
Hai menos dunha semana que Moraima pasou a ser moito máis que un nome propio e un poema de amor. “Porque eu falo en galego, sabes, Siri?”, dille a pequena de envexable sotaque ao robot máis internacional. E dillo porque a máquina, tan limitada para ser global, responde que non a entende. Esa Moraima de pelo loiro, tan adorable como viral, é a viva representación de tantas rapazas galegas que abrazan con forza a lingua, como ao osiño de peluche que simboliza o amor e o fogar, ignorando a ameaza latente de que alguén llo arrebate. Tan real, que e a nai e o pai da nena, a piques de ser escolarizada, xa o temen.
