Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Suso de Toro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Suso de Toro. Amosar todas as publicacións

mércores, 22 de xuño de 2022

E dalle coa "gheada"



 por Suso de Toro en Nós Diario:

Nin son filólogo nin teño titulo de Filoloxia, non teño autoridade nese campo e, dun modo máis xeral, non teño autoridade en cousa ningunha. Son un mero particular, aínda que utente da lingua galega e como é natural teño os meus pareceres, particulares e sen autoridade. 

mércores, 24 de febreiro de 2016

Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2016

Manifesto do Día de Rosalía 2016, que será leído nos actos que se celebran o 24 de febreiro, vía AELG;


Non podemos saber como sería hoxe Rosalía de Castro. Ou si: sería como era, como foi, como segue a ser, como é Rosalía. E como é Rosalía, que agora non o podemos saber?Sabemos, sabemos. Sabemos que foi verdadeira, que viviu toda a súa vida converdade e que foi unha persoa libre, e sabemos que a liberdade hai que pagala e por iso a súa vida foi dura.

venres, 17 de abril de 2015

Así foi, doutor



Recollo neste espazo a actividade coa que se celebrou o Día Mundial do Teatro no IES Leiras Pulpeiro (Lugo). O alumnado de 4º da ESO deste centro escenificou o texto de Suso de Toro, Así foi, doutor. Trátase dunha obra de indubidable valor sociolingüístico porque nela aparecen retratados moitos prexuízos cos que acotío se lle carga ao galego. Todo un acerto. Unha magnífica idea para levar este texto ás aulas xunto co debate arredor da situación que se xenera no relato. Veredes que non é o mesmo chamarse José que Xosé.
Un traballo excelente e que merece a pena que se divulgue.
Nesta dirección podemos acceder ás fotos da representación.

mércores, 9 de xullo de 2014

Un ano para Filgueira Valverde: burla, loucura ou provocación?

por Suso de Toro en El País


O “Día das Letras Galegas” é esencialmente mortuorio tal como el se celebra. Ese modo triste de celebrar a vida da nosa lingua naceu nun tempo que era hostil e naceu encollido, o triste é que chegou así até aquí. A sociedade galega debera ser capaz nesta altura de darlle forma a outra maneira de pór en valor a creatividade na nosa lingua e a afouteza duns falantes que seguen a sostela contra a Historia e contra todo. Non insisto, xa o repetín moitas veces. E sobre as academias en xeral e a RAG en concreto tampouco vou insistir.

xoves, 8 de maio de 2014

Entrevista a Suso de Toro


Hai un mes Suso de Toro visitaba o IES Pintor Colmeiro (Silleda) para unha xornada maratoniana. Impartiulle unha longa conferencia ao alumnado de 3º e 4º da ESO, participou nunha lectura/presentación das súas obras cos grupos de bacharelato, inaugurou unha aula co seu nome, e compartiu o traballo realizado polo alumnado do centro arredor da súa obra con achegas tan orixinais como esta representación en teatro de papel xaponés (kamishibai) de "Unha rosa é unha rosa" ou o audiovisual dun artigo de prensa titulado Non marchedes sen loitar antes.
E o home aínda tivo folgos para reglarnos esta excelente entrevista que dúas alumnas de 4º da ESO, Sonia Framiñán e Martina Domínguez lle realizaron na Aula de Vídeo e Radio do Colmeiro. Paga a pena escoitala. Nela fálase de literatura, da súa función, do papel do escritor, da falta de apoio da Xunta á escrita en galego,  situación actual da lingua galega, de política, de Zapatero....en definitiva, unha entrevista ben preparada e con respostas substanciosas.

mércores, 6 de marzo de 2013

Sentido da medida

por Suso de Toro en Praza Pública:


Cando comecei a publicar, van alá uns anos, fíxeno coa conciencia de que a cultura galega sobrevivía nun limbo administrado por institucións e que a tarefa era achegar as creacións a sociedade a través dunha industria cultural ( Supoño que esas ideas son hoxe máis aceptadas, porén daquela comprobei o que xa intuía, que eran a peor carta de presentación dun autor). Así e todo nestas décadas pasadas as cousas foron cambiando e hoxe a cultura galega son dúcias de actores e actrices, de artistas e técnicos do audiovisual, pintores e ilustradores, escritores de libro ou para a cena teatral, pensadores, editores e, desde logo, xeracións de científicos. A cultura galega ten hoxe unha dimensión como nunca, abolutamente nunca, tivo antes desde a Idade Media.

venres, 23 de marzo de 2012

Spanglish

por Suso de Toro, nun dos mellores artigos que eu nunca vin en anos, nas páxinas de El País:

Spanglish é un filme norteamericano entre a comedia e o drama, sóbranlle caras lindas e un cuarto de hora de prebe de azucre e con todo... Con semellar banal, trata de asuntos serios e complexos como as relacións de clase, de nais e fillas, o matrimonio, as linguas, a identidade persoal e colectiva.

Censuras en vida, censuras póstumas

por Pilar García Negro, profesora da UDC, en El País:


Cadroume ler no día 2 deste mes o artigo de Suso de Toro Aquilinaria carballesa, en que se facía eco da censura que se cerneu no seu día sobre a persoa e obra de Ricardo Carvalho Calero, no comezo da cativa institucionalización autonómica. Agradoume moito o seu contido, pois o escritor evocaba os termos principais dun conflito onde o profesor mantivo a súa independencia de criterio e a súa defensa da lingua de xeito tal que non cabía no marco de control e distribución regulada da mesma e da súa literatura.
Dúas semanas despois, lin tamén con atención o artigo da profesora Helena Miguélez Carballeira, O outro tabú sobre Carvalho Calero, indubitabelmente provocado polo que citei de Suso de Toro, mais que non aparece nomeado por nengures. Nen este artigo nen nengún outro, ou estudo ou análise onde se examine a obra do profesor e se reivindique o seu legado. Bon comezo, abofé: denunciar pretensamente un silencio, aplicalo estritamente a quen se critica! Mais vaiamos aos termos principais do que á autora lle produce, seica, grande irritación.

venres, 1 de abril de 2011

Domingo Fontán, matemático sublime

Este artigo de Suso de Toro non ten unha relación directa co tema que se trata neste blogue, mais si explica algunha das razóns do mesmo. Se un día, sen moito tempo para o pensar tiven a ocurrencia de poñerlle o título de Carta Xeométrica foi precisamente polas cuestións que comenta Suso de Toro aquí abaixo e entre as que están unha das páxinas que segundo o meu punto de vista é das máis emotivas de toda a literatura galega, na que o tío cura de Adrián Solovio ás portas da morte solicita que lle acheguen a Carta Xeométrica de Fontán para, case cego, poder apalpala e sentir a alma da terra por última vez en vida. No diario El País:


Galicia ou Galiza é e mais foi unha preocupación, unha pasión ou mesmo unha obsesión para moitas persoas. Houbo un tempo no que para algúns a semente desa preocupación prendeu neles coa xeografía, en vendo por primeira vez un mapa, a Carta Geométrica de Galicia de Domingo Fontán.
Adrián Solovio, o personaxe en que se retrata a si mesmo Otero Pedrayo na novela Arredor de si, remata a súa peregrinación por España e Europa diante do leito no que está a finar o seu tío, quen lle pide que ilumine coa candea o mapa de Fontán para que el poida pasar a a súa man polos nomes dos lugares coñecidos. E así é como comeza a nova vida de Solovio, descubrindo Galiza no debuxo exacto do país. Cunqueiro lembra que o tropezou un día nos corredores do instituto de Lugo: "Fue mi gran encuentro con mi país gallego: allí estaba mi tierra, la tierra de mi vocación y de mis días, la tierra temporal y la eterna [...]. Allí me detuve a contemplar las comarcas conocidas [...]". E Castelao fixou no Sempre en Galiza, "para uns a Terra é o pequeno berce no que naceron: apenas un fermoso val [...]. Para outros, a Terra é tan grande que soamente alcanzan a vela no mapa de Fontán". A imaxinación da xente de aquí ten un lugar para esa idea poética, "a Terra", mais quen lle tirou un retrato axustado por primeira vez foi o matemático Domingo Fontán Rodríguez.
Naceu na Porta do Conde, concello de Portas, no 1788. Estivo en Noia, ao pé do seu tío cura que o educou en saberes moi diversos, conservou toda a vida ese interese polo estudo de cousas tan disímiles como a teoloxía, a matemática, as leis, a lingua francesa, a filosofía, a lingua castellana e todo o referente a Galiza. Fontán foi o retrato calcado dun humanista. Matriculouse en Filosofía e entrou así na Universidade de Santiago, á que pertenceu boa parte da súa vida, e incorpórase aos grupos liberais da cidade. Humanista e liberal, implicado na loita política. Iso tróuxolle serios problemas persoais e profesionais en distintos momentos da súa vida. E iso, tras a chegada do reaccionario rei Fernando VII, conduciuno a el e a outros profesores membros da masonería santiaguesa ante un tribunal universitario acusado de "formar parte del número de los corifeos del Partido Liberal (o lo que es lo mismo, de los traidores al Rey)". Foi absolto da acusación e conservou a praza de profesor universitario nesa ocasión, anos máis tarde sería novamente sancionado e "purificado".
Foi discípulo de José Rodríguez González, "o matemático de Bermés". Rodríguez impartira aulas na universidade de Gottinga, fixera medicións xeodésicas para a armada británica, ensaiara a triangular o meridiano entre Dunkerke e Barcelona, fora convidado polo tzar das Rusias para astrónomo e recibira os encargos de levantar o mapa da Península e fixar un novo sistema de pesos e medidas. Tamén recibiu represalias polo seu compromiso coas ideas liberais. Pódese dicir que a posterior vida pública de Fontán vai ser unha continuidade plena da do seu mestre, os mesmos ideais e afáns. Até foi calcando os seus pasos profisionais: gañou a praza de catedrático de Matemáticas Elementais e ao ano seguinte ocupa a cátedra de Rodríguez González, "Matemáticas Sublimes".
E do seu mestre recibiu a súa gran tarefa, levantar a carta de Galiza segundo un método científico, a triangulación xeodésica; o sistema de medición co que xa se deseñara o mapa de Francia había tempo e co que se estaban a deseñar os doutros reinos europeos. Sen outro respaldo que o da universidade e as achegas dalgúns amigos, o mapa é unha fazaña científica prácticamente solitaria. "Levantar la Carta Geográfica de un reino es emprender una obra original en su clase, y en nada parecida a los mapas que diariamente se publican. No se recurre para ello a datos ajenos cuya exactitud no esté comprobada; es forzoso adquirirlos sobre el terreno, trasladándose a el para dibujarle; elegir las estaciones o vértices de los triángulos que a manera de una red han de abarcar toda su extensión [...]".
Un traballo de tal envergadura que tiña de ser realizado por un só individuo obrigouno a ir pouco e pouco e dun xeito moi doméstico. Comezou establecendo a primeira estación xeodésica no pombal dun amigo nunha aldea do concello de Ordes. A continuación, en 1817 fai a medición astronómica e xeométrica da torre Berenguela, tres anos despois comeza a triangulación do territorio. Foron moitos esforzos interrumpidos facendo campañas de verán, aproveitando as vacacións universitarias, que concluirán en 1834, cando lle entrega formalmente a Carta á raíña rexente María Cristina. "[...] aspirando tan sólo a ser útil a Galicia consagré a este objeto mis ahorros, mi salud y mis tareas científicas por más de docena y media de años, logrando resultados que sabrá apreciar la posteridad cuando se sometan á la censura pública la Carta Geográfica de este antiguro reino y las operaciones que le sirvieron de base [...]".
Aínda había ter dificultades para poder imprimir a Carta coa escala desexada, véndose obrigado a viaxar a Francia para supervisar o traballo. Porén, unha vez finalizada comezou unha nova época na cartografía española caracterizada polo rigor científico e, tamén, pola introdución do sistema métrico decimal.
Con todo recibir represalias e atrancos da monarquía reaccionaria, na demora dos traballos de medición para a Carta tamén influiu a súa actividade en toda canta cousa pública había. Alén do traballo universitario e das medicións xeodésicas, foi secretario da Deputación Provincial de Galicia en 1820 e cando o Reino foi dividido en catro provincias pasou a ser secretario da Deputación da Coruña. No 1826 encargóuselle a delimitación municipal e xudicial da Galiza e tres anos despois o trazado de todas as estradas que eran para abrir, Fontán foi non só quen retratou o territorio do país senón o deseñador das súas comunicacións. Posteriormente, en 1860, trázase a liña do primeiro camiño de ferro entre Santiago e Carril e o enxeñeiro Tomás Rumbal recoñece que é "sacado del excelente mapa de Galicia hecho por el distinguido señor Don Domingo Fontán".
Foi tamén un político activo, deputado por Pontevedra, por Lugo e por Pontevedra novamente. A ideoloxía que formou a Fontán, do mesmo xeito que aos seus contemporáneos liberais, aínda non contemplaba a Galiza politicamente, mais o seu coñecemento polo miúdo da situación que vivía o reino deulle unha visión que podemos chamar galeguista. Así, o seu inxente labor como deputado fíxoo conscientemente desde un "perspectivismo político gallego".
E foi un empresario non menos activo en distintos momentos da súa vida. Xunto co seu irmán, herdou do seu pai e do seu tío, o cura de Noia, accións nunha papeleira en Lousame. Ambos os dous irmáns acabaron por facerse con toda a propiedade da empresa. O seu enderezo en Compostela almacenaba toneladas de trapos vellos para facer papel. Puxou tamén pola contrata para ser o distribuidor de papel na provincia da Coruña. Por eses anos, fíxose retratar por Esquivel, o pintor real, mostrando orgulloso o seu compás na man sabia. Aínda había participar nunha empresa que simbolizaba as arelas de progreso e os novos tempos, xunto con outros dous socios conseguiu a concesión do ferrocarril compostelán. Aínda fará un último estudo para a construción dun ferrocarril entre Santiago, Betanzo e Ferrol.
Polo medio innúmeras tarefas, encargas e responsabilidades. Bibliotecario e presidente da Sociedade Económica de Amigos do País santiaguesa, membro da Societé de Geographie, director do Observatorio Astronómico de Madrid, da Escola de Enxeñeiros e Xeógrafos... Morreu nos baños de Cuntis a onde acudira por aliviar as dores dunha "cistite aguda", segundo o diagnóstico médico. "A las diez de la mañana del día veinte y cuatro del mes de Octubre, año de mil ochocientos sesenta y seis, fue servido Dios nuestro Señor llamar a juicio el alma de Don Domingo Fontán", escribiu o párroco. Caso de haber ese xuízo os vivos deberiamos acudir a testemuñar que foi un galego bo e xeneroso e que, se por el for, o noso país había estar doutro modo de como está.

domingo, 2 de maio de 2010

Eloxio da amizade


por Camilo Nogueira, ex-deputado do BNG, no Xornal de Galicia

Suso de Toro anunciaba este día que abandonaba a condición de escritor de oficio e regresaba á de profesor no Instituto onde comezou a traballar hai máis de vinte anos. Sentiu a necesidade de reflexionar sobre a súa aventura da literatura como profesión e o por que do remate. Fai un alto depois de ter escrito máis libros que anos hai que comezara a traballar como educador e cando con Sete palabras nos dera unha das súas mellores obras. Creo que son o enxeñeiro que aparece nun liña desa obra, chamándoo desde Santiago, perturbándoo desde o “outro mundo” seu, cando estaba á beira da casa que fora dos seus avós en Formariz, entre Toro e Fermoselle, procurando as raices paternas da sua personalidade.

Desde 1977 partillamos anos de chamadas e conversas e ­unha angueira política, aínda inacabada, na que a cultura ocupa un lugar principal. Daquela el comezaba e eu xa en Santiago tivera a experiencia de Vigo. Continuabamos as tradicións do movemento nacional galego e da esquerda democrática europea, no momento crucial da queda da ditadura.

Comprobo que a súa primeira novela, Caixón desastre foi publicada en 1983, durante a primeira lexislatura do Parlamento de Galiza, e a segunda, Polaroid, en 1986, na seguinte. Cando terminou a terceira lexislatura, xa enchera con outros libros, o último deles Tic Tac en 1993, un ciclo que contribuía a revolucionar a literatura galega. Con Suso de Toro, emerxía a literatura da Galiza urbana, recollendo toda a tradición dos precursores do século XIX e da primeira parte do XX, mais tomando nota da mudanza que se producía na sociedade galega, abríndose ao mundo como sempre. No houbo para min nin para os nosos compañeiros unha cuarta lexislatura no Parlamento. Nese momento o meu amigo empeñouse en facer un libro sobre todo o que pasara, facendo intervir tamén moitas voces que viviran directamente aquela época.

Desde aquel 1983, co fito recente de Home sen nome, unha dura aproximación ao tempo da Guerra Civil, furando na personalidade dos individuos que a provocaron ou a padeceron, Suso de Toro construíu unha obra singular, tendo parte como poucos en a literatura propia ser un territorio liberado. A súa obra está entre as mellores da historia da literatura galega e entre as máis atrevidas en procura dunha personalidade. Constituíu un elo necesario e precioso na liña creativa reiniciada por Rosalía de Castro en 1863.

Neste tempo problemático e de incomprensión, no que a independencia de espírito e de propósitos é posta baixo sospeita e no que a literatura, e non só ela, está sometida ao monopolio mediático, Suso de Toro quere deixar de ser empresario autónomo da escritura; di que garda os seus papeis e que retorna á vida de profesor. Está ben, se el así o decide, mais non está demostrado que ter outra profesión esmague a expresión literaria. De Kafka a Valente, coa manchea de escritores e escritoras que o acompañan aquí nese labor imprescindíbel, a vida literaria está inzada de persoas que tendo outro traballo deixaron unha pegada literaria indelébel. Depois de todo, el mesmo xa o fixo deste xeito en boa parte do seu tempo de escritor e a todos nos convén un tempo de reflexión, como o que el se outorga. Porén, coido que depois de ter matinado, entre Santiago e o mar de Louro, máis pronto que tarde encetará a segunda parte da súa obra literaria, coa xente e os días como norte.

El para min responde ás palabras do Eclesiastés: “Un amigo fiel, amigo seguro / quen o atopa, encontra un tesouro”.

venres, 30 de abril de 2010

Suso de Toro contra Andrés Dobarro

Hai algúns días que Suso de Toro anunciou que deixaba de escribir para volver á docencia. Debe estar tolo o home, volver á docencia tal e como están as cousas! Que mire antes se non o van a poñer a dar clase en español... Si xa sei que é profesor de lingua e literatura galega, pero cos recortes de personal seguramente lle toque impartir algunha afín... entón xa falaremos.
Que Suso de Toro non rexía moi ben xa o sabíamos desde hai ben de anos, pois, a quen co sentido completo se lle ocorrería hai 16 anos deixar a docencia para dedicarse ao oficio de escritor?
De todas formas, podemos comprobar que se deixa de escribir literatura non será porque non sexa quen de establecer reflexións moi acertadas sobre a situación social de hoxe en comparación coa de hai algúns anos, vaivos aquí un anaco do artigo de hoxe de Suso de Toro no xornal El País.
E sorte na túa volta ao ensino.

[...]o escritor interioriza o seu país, víveo dentro súa mental e emocionalmente até un punto no que chega a sentir afogamento: de aí unha necesidade de fuxir ou romper que leva a escritores a pór terra ou océano de por medio, sequera unha tempada. Ou a quitarse do escenario como se poida.
Naturalmente trátase do éxito dun fracaso e do fracaso dun éxito. Ser escritor profesional para min foi un ensaio persoal e da literatura galega: ese desexo de escritores anteriores era posíbel naquel contexto histórico? A democracia na España estabase a consolidar e transformar a sociedade, dunha banda. Da outra, o autogoberno, logo da promulgación do Estatuto de Autonomía, parecía abrir a posibilidade de normalizar a lingua, crear unha cultura descolonizada e autocentrada. Nin os medios de comunicación nin o poder político galego axudaron, a atención e o respecto que se lle dea hoxe aquí á nosa cultura é mérito exclusivo da cidadanía. E a España democrática reconfigurouse sobre o mesmo nacionalismo españolista, o integrismo identitario: os españois son os que falan castelán.
A consecuencia é que un escritor mexicano ou peruano é considerado como propio, porén quen escriba en galego é outra cousa, categoría a parte. Dannos un trato extraño: non nos recoñecen nacionalidade española, tampouco a galega, e trátannos como a estranxeiros. A xenofobia explícita e implícita dos media madrileños é un escándalo: hoxe o éxito de Andrés Dobarro sería absolutamente imposíbel.
Chegado aquí pode ter aparecido o comentario, "e que nos importa o que diga España de nós, que somos galegos?!". Non entro a discutir iso no plano ideolóxico e político, só constato que para que un escritor poida vivir da súa obra ten que estar traducido a outras linguas. O castelán é a primeira lingua á que desexo que se traduza a miña obra. Agora ben, a realidade das relacións de poder fai que o que sería un desexo limpo constitúa unha obriga: dada a nosa debilidade política, para chegar a outras linguas do mundo hai que pasar obrigadamente polo ámbito castelán español, unha verdadeira alfándega que empece a difusión de autores e libros.