por Mª Pilar García Negro en
Nós Diario:
Non gosto de repetir temas en artigos consecutivos, mais no de hoxe é inevitábel. O meu inmediato anterior, sobre a jeada ou gheada, provocou unha enxurrada de comentarios, o que me levou a pensar que temos unha alta proporción de eruditos por metro cuadrado que saen á palestra cando se trata algo real. Agradézoos e felicítome por suscitar un debate (ou algo semellante) nun tema, o da lingua, que está semi-durmido ou anestesiado de máis. Ao profesor Henrique Monteagudo faltoulle tempo para replicar, mais non o tivo –non tivo tempo– para declarar autoría e título do artigo que provocaron o seu. Fiel ao seu estilo, omite ambos. Eu si me referirei no que segue ás súas observacións. É realmente rechamante que se cite unha tradición letrada amante do galego (no século XIX) para definir os seus autores como reos de clasismo e de superioridade moral. A erudición despregada é, porén, ben fraca, pois H. Monteagudo debera citar, en primeiro lugar, un adefesio con pretensións que vén sendo a primeira gramática do galego no XIX, a de Mirás, que fai uso sistemático da gheada (gindar, fogete, lanjrán...). Curioso que este autor tan "jeadista" aclare no prólogo da súa pretensa gramática que a escrebeu para aclarar voces galegas que, segundo el, non se entendían, "mientras no llegue un tiempo en que la civilización que allana las mayores dificultades nos haga así como formamos una sola nación, también de un mismo lenguaje". Sen comentarios.