Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Nais e Pais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Nais e Pais. Amosar todas as publicacións

sábado, 3 de xullo de 2021

Foanpas e Jon Amil vs. Valentín García


No momento da publicación desta entrada a iniciativa de FOANPAS (Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e comarca) titulada "Mes da lingua" leva xa cargados 65 vídeos. Trátase de pezas audiovisuais curtiñas nas que alguén nos convida a falarmos en galego. Pode seguirse co cancelo #verandalingua.
Xa había tempo que tiña ganas de compartir esta iniciativa pero cando vin o vídeo de Jon Amil xa non tiña desculpa. Este vídeo recordoume a intervención de Valentín García, o secretario xeral de política lingüística,  nunha comparececia na comisión parlamentar de finais do mes de abril pasado na que como resposta a unha interpelación da deputada do BNG Mercedes Queixas Zas, declara que a liña fundamental da súa actuación sería a do uso do galego nas novas tecnoloxías. Desde aquela ata o día de hoxe non volvemos a saber nada sobre o asunto. Mentres, un tal Jon Amil, con este vídeo xa fixo moito máis polo galego que Valentín García en todo o tempo que leva detentando o cargo.

xoves, 10 de marzo de 2016

Carta instando á RAG a interpoñer unha denuncia contra o decreto no Tribunal de Estrasburgo

Acaba de divulgarse no portal de ProLingua un modelo de carta para que os pais cuxos fillos se viron ou ven sometidos ás funestas consecuencias do decreto 79/2010, autotitulado decreto do plurilingüismo, inste á Real Academia Galega (RAG) a interpoñer un recurso ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo.
A RAG non pode acudir como institución ao Tribunal de Estrasburgo, só pode facelo en representación das vítimas da conculcación dos seus dereitos por verse sometidas a un decreto que conculca os seus dereitos como galego-falantes.
Así que invito a todas a nais e a todos os pais a que descarguen ou copien este modelo de carta e lla envíen á RAG para que, como institución que ten atribuída estatutariamente a función de defensa e promoción da nosa lingua común, faga efectivas esta funcións.

xoves, 21 de maio de 2015

Na rúa e na escola o galego mola



Impresionante, alegre e agarimoso vídeo realizado polo Equipo de Normalización do CEIP da Ramallosa, un traballo co que pretenden concienciar a toda a contorna da importancia de conservar e potenciar a nosa lingua como un dos máis grandes patrimonios dos que dispoñemos. Na súa realización colaborou toda a comunidade educativa, especialmente a ANPA Río Tella e unha chea de comercios da zona. Os rapaces elaboraron pareados que reivindican o uso da lingua nos máis variados ámbitos sociais. Podémolos oir no transcurso de toda unha curta chea de ilusión e mensaxes positivas.
Deste vídeo terían moito que aprender os responsables da política lingüística do noso país. Cando se lle reclama á Xunta que deixe de excluir a lingua na escola, a resposta máis habitual é que é un erro centrarse en exclusiva na escola, que onde hai que activar as políticas de promoción do uso da lingua é na rúa. Mais cando se lle reclama á Xunta que responda destas políticas a resposta vén sendo que a xente é libre de usar a lingua que queira. En conclusión, como na escola non aprenderon a desfacerse dos prexuízos, non se pode facer unha política lingüística para os ámbitos de fóra da escola, pero tampouco pode facerse dentro da escola porque o importante é que se realice fóra. E así estamos. No CEIP da Ramallosa romperon este aparente nó gordiano explicándonos neste documento audiovisual cal é co camiño: unha política normalizadora transversal.
Vía Xosé Eixo

xoves, 4 de outubro de 2012

Ollos de aula.1

A CGENDL achegaranos novos números desta publicación todos os meses. Trátase dunha revista para as familias na que a lingua e a normalización terán sempre o seu espazo.  Á marxe da portada, a revista conta con 6 seccións que xa aparecen explicadas na páxina 3 deste primeiro número
Ollos de Aula_n1

xoves, 10 de maio de 2012

Plurilingüismo para pais

Velaí o documento que elaborou a CGENDL para informas aos pais sobre o trasunto do 'plurilingüismo'. Para os que andan despistados co tema, pódese consultar o web da propia Coordinadora encol do caso ou mesmo na etiqueta 'plurilingüismo' que aparece na columna da dereita.
2012.05.05.plurilingüismo folleto_familiaspdf

martes, 7 de setembro de 2010

As ANPAS de Ferrolterra invitan a manter os libros en galego

Por que se os textos son os mesmos, temos que tirar cos libros en galego e gastar os cartos comprándoos en castelán? Esta é a pregunta que se fixeron as ANPAS de Ferrolterra, polo que invitan aos pais que non gasten os cartos en mercar libros dos que xa dispoñen.
Nun entrevista concedida a Radiofusión, o presidente destas ANPAS, Xabier Sánchez, asegurou que do mesmo xeito que nunca se penalizou a un mestre que falara en castelán cando o debería facer en galego, tampouco poderán castigar a un mestre que fale en galego

luns, 5 de xullo de 2010

Reflexións da Coordinadora para Pais e Nais sobre a lingua en infantil

A Cooridnadora de ENDL vén de publicar o seguinte documento. Atentos os pais:
Ante a entrada en vigor do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, a CGENDL quere transmitirlles ás nais e pais do alumnado da etapa de educación infantil as seguintes reflexións:

- A desprotección cara á lingua galega que se respira no actual decreto agrávase especialmente nos casos daquel alumnado que ten o galego como lingua materna en contextos urbanos e semiurbanos, lingua esta moi pouco frecuente nos espazos e momentos de lecer (parques, debuxos, cine, xoguetes, música…) nos que se moven.
- Este decreto non respecta leis de rango superior (a Lei de normalización lingüística: LNL, Lei Orgánica de Educación: LOE…) ao non garantir que todos os rapaces e rapazas adquiran competencias nas dúas linguas oficias, xa que non arbitra medidas que aseguren que aprendan a lingua galega.

Que din outras normativas vixentes ao respecto do ensino do galego?

LEI 3/1983, DO 15 DE XUÑO, DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA,D.O.G. núm. 84, do 14 de xullo de 1983.
Nesta lei recoñécese o dereito de todos os nenos e nenas a recibiren o seu primeiro ensino na súa lingua materna. Ademais insiste en que a administración ten que arbitrar medidas que promovan o uso progresivo do galego no ensino.
Título III
Do uso do galego no ensino
Artigo 12
1. O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en tódolos niveis educativos.
2. A Xunta de Galicia regulamentará a normalización do uso das linguas oficiais no ensino, de acordo coas disposicións da presente Lei.
Artigo 13
1. Os nenos teñen dereito a recibi-lo primeiro ensino na súa lingua materna. O Goberno Galego arbitrará as medidas necesarias para facer efectivo este dereito.
2. As Autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promove-lo uso progresivo do galego no ensino.
3. Os alumnos non poderán ser separados en centros diferentes por razón da lingua. Tamén se evitará, a non ser que con carácter excepcional as necesidades pedagóxicas así o aconsellaren, a separación en aulas diferentes.

Este último punto recolle a posibilidade de aplicar medidas con carácter excepcional que son necesarias en contextos castelanfalantes para permitir que o alumnado galegofalante sexa atendido na súa lingua materna.


A Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias
É un documento lexislativo, que foi asinado polo Estado Español en 1992 e ratificado en 2001 e que segue vixente. Neste documento obrígase aos estados ratificadores a garantir un ensino na lingua minoritaria (neste caso o galego) ou a garantir unha presenza substancial desta lingua no ensino infantil:
Artigo 8. Ensino
1. En materia de ensino e, polo que se refire ao territorio en que se falan estas linguas e segundo sexa a situación de cada unha delas, sen prexuízo do ensino da(s) lingua(s) oficial(is) do Estado, as partes comprométense a:
a i) prever unha educación preescolar garantida nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes; ou
ii) prever que unha parte substancial da educación preescolar se faga nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes; ou
iii) aplicar unha das medidas a que se refiren os puntos i) e ii) anteriores, polo menos, para os alumnos cuxas familias o desexen e cuxo número se considere suficiente;

A Lei Orgánica de Educación (LOE)
É o marco xurídico para o sistema educativo de todo o Estado español. Esta estabelece como fin educativo esencial no seu capítulo 1, artigo 2.j “La capacitación para la comunicación en la lengua oficial y cooficial, si la hubiere…”.

CONCLUSIÓNS
A lexislación vixente (internacional, estatal e galega) en materia de linguas parte da necesidade de impulsar a lingua galega no ensino, especialmente na etapa de infantil para poder acadar competencia oral e escrita en igualdade co castelán. Esta igualdade no proceso de ensino-aprendizaxe, tan enriquecedora para o futuro dos nosos fillos, é imposible de acadar se os nenos e nenas non teñen contacto coa lingua galega.
Ademais parécenos gravísimo que a administración educativa non dispoña de ferramentas que permitan medir a competencia do uso das linguas, xa que no programa informático de xestión académica das ensinanzas (XADE) non existen ítems para que o profesorado poida indicar se os nenos e nenas comprenden e se expresan correctamente en lingua galega.

Carta das Nais e Pais de Lugo aos centros

Tamén da CGENDL sacamos a carta das nais e pais de Lugo aos centros escolares ante a inseguranza normativa creada pola aprobación do decreto 79/2010 a respecto da presenza da lingua galega en infantil
Destacamos as seguintes liñas:
Como conclusión, observamos que a lexislación vixente (internacional, estatal e galega) en materia de linguas fornece as nosas crianzas de garantías para recibiren aulas cunha presenza substancial en lingua galega que lles permita acadar unha competencia oral e escrita en igualdade co castelán, alén de calquera interpretación negativa do decreto do plurilingüismo.
Agardamos que a redacción do Proxecto Lingüístico de Centro, o deseño de estratexias de aula e a relación de materiais educativos a empregar nesta etapa educativa teña en conta o anteriormente descrito para así actuar coa máxima legalidade e a máxima eficacia no tratamento das competencias lingüísticas das nosas fillas e fillos.

O documento completo:

sábado, 22 de maio de 2010

Todos contra o decreto

No Xornal de Galicia, baixo o título de "Golpe contra o  galego" publican unha serie de artigos aos que se pode acceder desde este que anunciamos, sobre a aprobación do funesto decreto contra o galego no ensino non universitario.
Hai varios artigos de opiníón dos que xa deixamos constancia no noso blogue, pero tamén hai unha lista de reaccións:
O BNG cre "unha imposición" que Feijóo faga "unha lei a medida"
“Consúmase o ataque á lingua”, di a oposición
O galego, de letras ata nova orde
Sindicatos e asociacións anuncian que recorrerán a norma na xustiza
Un decreto contra a lei
Post scriptum: unha reacción máis: As APA dos centros públicos advirten de que a nova lei sería anticonstitucional