Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Alfonso Castro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alfonso Castro. Amosar todas as publicacións

martes, 8 de maio de 2012

Órbita 2009


Revista do ENDL do IES Ribeira do Louro: Órbita 2009.
Contén unha entrevista a Afonso Castro, mestre expedientado no ano 1980 polo decreto do plurilingüismo do 1979

domingo, 16 de xaneiro de 2011

A loita polo ensino en galego na Estrada

Na Nosa Terra comenza unha nova sección titulada "Historia recente de Galiza". A primeira entrega, obra de Alfonso Eiré, trata o caso da loita contra o funesto Decreto de Bilingüismo do 1979 no colexio do Foxo, na Estrada. [1], [2], [3]
Para consultar unha entrevista actual a Alfonso Castro, protagonista desta historia,  premer aquí.


A primeira entrega lévanos á Estrada, no 1980, cando a entrada en vigor do Decreto do Bilingüismo no ensino provocou unha gran protesta dos profesores que apostaran, a pesar das dificultades, pola nosa lingua na educación. 


“O neno fala galego coma min, porque non sabe falar outra cousa”. Así de contundente se expresaba Xosé Castro, construtor do Foxo (A Estrada), cando o entrevistei na súa casa unha noite de invernía de 1980.
Foran moitas as portas que se me pecharan aquel día na parroquia de Rubín cando ía preguntar pola denuncia que lle interpuxera a APA do colexio  ao mestre Afonso Castro, por dar as clases en galego.
Os país e nais dicíanme que falase coa APA, e a asociación de pais, sobre todo o seu máximo activista, membro do Consello Local da UCD, estaban calados.
Estaban calados pero actuaban.
Dentro de dúas semanas (16 de marzo) tería lugar a primeira manifestación que se celebraba contra o Decreto do Bilingüismo (promulgado o 21 de agosto de 1979). Comezaba a longa loita a prol do idioma nun contexto (o preautonómico) diferente  e tamén a promulgación de leis que o nacionalismo denuncia que utilizan precisamente contra o galego: só se permitía dar tres horas de clase á semana no noso idioma.
Na Estrada todo comezara a fins de novembro de 1979.
O mestre Afonso Castro recibe a visita do Inspector de ensino primario. O Inspector, como sempre adoitan a facer nas súas visitas, formuloulles preguntas aos nenos que estes, a maior parte das veces, contestaron con un “si”, un “non” ou un nome concreto polo que eran inquiridos.
Cando lle pareceu ao Inspector rematou a díxolle ao mestre: “mire usted como los niños saben hablar castellano”.



Afonso Castro fora denunciado pola Asociación de Pais e Nais (ANPA) por dar as clases en galego e até chegaron a formular cargos contra del por “castigar os nenos que falan en castelán”.
Castro comentábanos aquela noite a min e a Francisco Rodríguez (daquelas profesor no Instituto da Estrada), mentres viaxabamos no seu Dyane 6: “Como vou facer iso se os nenos son todos galegofalantes”.
Pouco importaba, a ANPA o que teimaba era que dese as clases en castelán. Defendía que os seus nenos falaban castelán e, como declarou Xesús Castro, se falaban galego era porque non sabían falar outra cousa.
As argumentacións tiñan o seu aquel pois, nun primeiro momento, o debate estaba situado se era mellor para os nenos ensinarlles na súa lingua materna ou na foránea.
Logo se deixaron de andrómenas e o que comezaron a exiiir era que se aplicase o Decreto de Bilingüismo e santas pascuas. Tres horas de galego e non máis.
Como medida de presión, todos os pais deixaron de mandar os 22 nenos a clase.
O 29 febreiro de 1980 todos os nenos xa levaban 15 días sen asistir á clase.
A ANPA tenta instaurar unha clase paralela.
A Comisión Mixta non é partidaria de abrir expediente e aínda declara para A Nosa Terra que “o Decreto de Bilingüismo é unha fenda para poder conseguir algo”.
Antón Santamarina, membro desa Comisión Mixta, aconséllame que é mellor non informar “pois imos encirrar máis a situación”.
Pero ao saír a denuncia á luz, as cousas comezan a mudar.
O Señor Manuel (así o teño recollido nas miñas notas) é o primeiro pai en rachar a unanimidade e decide mandar a súa filla ás clases. "Eu, nun principio, asinei dous papeis contra o mestre", explica. "Pero logo non quixen saber nada máis diso. Se o idioma que nos falamos é o galego, pois non sei por que non se van poder dar clases en galego. Ademais, a miña cativa está moi contenta na escola con ese mestre", non ten reparos en declarar, rachando a lei do silencio imposta pola ANPA.
A Asemblea de Profesores do centro, ao primeiro moi tímida, asina un escrito a prol do seu compañeiro. Nese mes de febreiro 13 dos 22 pais xa se negan a asinar os escritos que a ANPA lles presenta contra Afonso Castro.
Un mestre que o está a pasar moi mal. Non é un militante político nacionalista. Só é un mestre consecuente coa pedagoxía, contrario aos “desaxustes de ensinarlles aos cativos nunha lingua que non é a súa”. Unha persoa moi sentida e moi sensíbel que nunca gustou do protagonismo nin do enfrontamento e que pasa de impartir sociais a dar galego para “salvar a situación” e logo trasládase ao colexio de Oia, el que era veciño da Estrada.



Afonso Castro era a primeira vítima directa da loita pola normalización lingüística, ferida pola arma do Decreto do Bilingüismo. Loita que pagou moi cara persoalmente naqueles días e naqueles anos.
Aínda así, mantívose rexo e forte: “o ensino en galego non é negociábel”, diría na súa intervención coa que se puxo ramo á manifestación celebrada na Estrada. Hoxe, aos seus 58 anos segue a defender os mesmos principios.
Unha manifestación convocada polos sindicatos UTEG (ING) e máis o EGTE, que congregou unhas 6.000 persoas contadas.
Manifestantes vidos desde toda Galiza, pois os da Estrada, con medo, preferiron pecharse nas súas casa e atrancar as fiestras.
Pero un medo que tamén se ollaba como ía minguando pois esta manifestación foi a primeira na que comezaron a aparecer os nenos, imaxe que logo se faría moi visíbel e patente nas diversas manifestación a prol da nosa lingua.
O Decreto de Bilingüismo, que divide á poboación escolar galega entre galego-falantes e españois-falantes é un instrumento legal ao que se acollen e xustifican para comezar un rosario de represión lingüística contra os mestres que dan clases en galego.
Durante os cursos 1979-80 e 1980-81 os mentres e profesores represaliados foron moitos.
Na Laracha os profesores prohíbenlles aos nenos falar en galego dentro das aulas e fóra delas. Na Picota unha profesora deixa un curso xa que dez pais, de 30 que son, non queren o ensino en galego. O claustro ampara esa actitude antigalega. No Pindo pasa algo semellante. En Ortigueira o movemento social paralizou o despido dun profesor. En Lalín é expedientado o profesor Varela Puñal. Á alumna de Marín Luísa Lavandeira prohíbenlle facer o exame de matemáticas da selectividade en galego...  En decembro de 1982 en Baiona, as mestras Maite Herrero e Nucha Pérez son denunciadas por dar clases en galego. Os pais retíranlles os alumnos e montan piquetes para que os nenos non vaian ás clases.
Xosefa Baamonde
Pero, logo do de Foxo, o conflito de máis sona foi o de Dices-Rois, con Xosefa Baamonde como protagonista, cando é expedientada logo que o 25 de outubro de 1980 o secretario do concello retirase á súa filla das clases de Xosefa e outros dous pais denunciaran á mestra porque “priva os nosos fillos do coñecemento do español”.
A manifestación celebrada en Padrón superou aínda a da Estrada e, aquí o conflito reflectiuse claramente como político. Baamande era unha militante nacionalista á que lle había que pór unha dura sanción como escarmento e a dialéctica xa estaba claramente entre o castelán dominante e o galego oprimido.
Do 20 ao 25 de outubro de 1980 tiveron lugar en Compostela unha xornadas de “Denuncia contra o Decreto de Bilingüismo”, organizadas polas Asociacións Culturais das cidades galegas e apoiadas pola AN-PG, PSG, MCG, POG,PST, UPG e PG.
As xornadas rematarían cun macrofestial que encheu o Pavillón do Obradoiro compostelán, no que actuarían Milladoiro, Fuxan Os Ventos, Tarangaño e a Banda de Merza.
Alí, Manuel María dixo: “renunciade á vella língua/dádevos ás framenquerias/ e os amos quedarán/ para sempre satisfeitos:/veredes que ben/vos han de pagar/ do seu desprezo”.

venres, 14 de maio de 2010

Sobre o tema da lingua, veñen tempos de compromiso

Onte estivo no noso centro Xoán Carlos Garrido ofrecéndonos un vídeo e unha conferencia sobre o mesmo. Nese vídeo había imaxes dunha manifestación en apoio dun mestre do colexio do Foxo.Hoxe acabamos de atopar unha entrevista a
Afonso Castro, o profesor expedientado no 1980 polo delito de impartir clases en galego, na revista do IES Ribeira do Louro do ano pasado.
Reproducímola íntegramente como complemento á xornada de onte.



Entrevista a Afonso Castro, profesor de Ciencias Sociais en Adultos, expedientado en 1980 por impartir as súas clases en galego O 13 de febreiro deste ano, o noso profesor Afonso Castro recibiu unha homenaxe no Teatro Principal da Estrada polo seu compromiso coa lingua galega no ensino en momentos moi duros da transición política, cando era mestre no CEIP O Foxo, no concello da Estrada. No acto presentouse a película documental de Xoán Carlos Garrido: Breve historia do ensino estradense (“A derradeira lección do mestre”) e salientouse o labor deste escolante que arriscou a súa carreira profesional por reivindicar o dereito a un ensino en galego. Órbita quixo estar co noso homenaxeado, e máis nun momento decisivo coma o presente, no que se quere cuestionar o uso vehicular da nosa lingua nos centros educativos.
REDACCIÓN
Como definirías a situación da nosa lingua na sociedade galega de 1980?
Pois lamentablemente en moitos aspectos, dun xeito semellante á de hoxe. O galego non estaba na realidade social nunha situación de igualdade co castelán. A nosa realidade lingüística era a de diglosia. O castelán ocupaba (e ocupa) os espazos de maior relevancia na estrutura socio-económica, nos medios de   comunicación de masas (radio, prensa, televisión), no cine, no comercio, na igrexa… Polo tanto, cumpría (e cómpre) a defensa da normalización do idioma galego, que debería ser para todos os que traballamos na educación, e para os galegos en xeral, un tema prioritario.
Cal era a ambiente político que se respiraba?
Eran os primeiros tempos dunha democracia que sucedía ao réxime ditatorial de Franco. Moitos viamos con ollos críticos que non se optase por unha ruptura co réxime anterior, senón por unha reforma propiciada por políticos moi vencellados coa situación anterior, e que coutaba as nosas aspiracións republicanas e de posible autodeterminación para Galiza.
Pódesnos falar da túa situación profesional?
Exercía os meus primeiros anos de docencia como mestre especialista en Ciencias Sociais, no colexio do Foxo, un centro educativo típico do rural galego, no que se concentraran as distintas escolas unitarias da zona. No contorno, os alumnos e os pais expresábanse totalmente en galego.
Podíanse impartir as clases en galego?
Non. O uso da lingua galega estaba prohibido nas escolas. O 20 de xullo de 1979 publícase o chamado Decreto de bilingüismo, pero este regulaba de forma moi escasa a incorporación da lingua galega ao sistema
educativo: no E.X.B., 3 horas semanais para o galego como materia e 22 horas en castelán para o resto das áreas.
Cal foi a túa actuación persoal?
Comezar a impartir as clases de Ciencias Sociais en galego, en coherencia cos prinpais referentes  pedagóxicos do noso país (Frei Martín Sarmiento, Viqueira, as galescolas de 1924 a 1930, algunhas escolas da emigración) e internacionais, como Paulo Freire ou as propias recomendacións da UNESCO.
Que consecucias tivo a túa decisión de defender o uso da nosa lingua?
A escasa normativa legal permitía que os pais puideran denunciar aos profesionais da educación que impartiran as clases en galego. No meu caso uns pais denunciáronme e sucedéronse as presións de certos grupos de poderes sociais ocultos.
Recibiches moitos apoios na túa decisión?
Recibín. A resposta social queda reflectida nunha importante manisfestación o 16 de marzo de 1980 na vila da Estrada, no que milleiros de galegos de toda Galiza defendemos o dereito irrenunciable ao uso do noso idioma e o NON a aquel Decreto, chamado de bilingüismo, pero que discriminaba enormemente á nosa lingua.
Como se resolveu o conflito?
Diante da miña negativa a dar as clases de sociais en castelán, a inspección educativa propúxome que impartira eu a materia de lingua galega, e acabei aceptando.
Que aconteceu nos anos posteriores?
As cousas continuaron moi complicadas para nós fundamentalmente ata a aparición do Decreto 247/1995, que introduciu na educación secundaria obrigatoria a área de Ciencias Sociais (Xeografía e Historia) en  galego, e que supuxo un alivio para os especialistas desta materia, xa que por fin se recoñecía o dereito a  impartir esta disciplina no idioma propio.
Que che parece o último Decreto sobre o uso do galego (124/2007) que agora se quere derrogar?
Ese Decreto paréceme un avance, xa que o único que pretende é que se chegue polo menos a un reparto igualitario no uso dos dous idiomas oficiais do país. Querer derrogalo é querer voltar outra vez a situcións
de manifesto desequilibrio. O sistema debe garantir que os nenos, unha vez que acaben a educación  secundaria, teñan unha boa competencia lingüística tanto en galego como en castelán.
Falar neste caso de liberdade para aprender ben unha lingua e non a outra, e querer utilizar os pais neste tema, paréceme un disparate.
Comparto a interrogante retranqueira que se expuxo na recente Semana Galega de Filosofía sobre a educación: “O novo Goberno separará o alumnado en función dos que queiran aprender a multiplicar pero non a restar? Ou haberá que lles preguntar aos pais se lles parece ben que a capital de Francia sexa París?"
Por favor, sexamos serios. A verdade é que pensei que todo isto xa estaba superado, pero en fin..., vexo que veñen novos tempos de loita e compromiso.