Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Twitter. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Twitter. Amosar todas as publicacións

xoves, 31 de outubro de 2019

Cuenta oficial en español da Xunta de Galicia


Cuenta ofical en español da Xunta de Galicia. Non hai conta paralela en galego sobre o mesmo tema. Así é como a Xunta fomenta o uso do galego.
O Xacobeo que nos espera! Lembremos a Xacopedia, que despois das denuncias acabou tendo unha pátina exterior de galego, pero que se un intenta facer calquera búsqueda, próbese por exemplo "praia", non obterá nada. Pola contra, con "playa" aparecen 20 resultados. Velaquí a igualdade da Xunta coa nosa lingua.

mércores, 8 de maio de 2019

Unha clase de trigonometría

Estes días compartín polo twitter algunhas ideas do desenvolvemento dunha clase de trigonometría que se poden seguir neste fío (premendo sobre el pódese ver completo)



martes, 14 de outubro de 2014

Chiando e rechouchiando



No seu día xa se comentara neste mesmo blogue o proceso do nacemento do twitter en galego. Agora atopamos esta reportaxe sobre o twitter en galego na que entrevistan ao seu promotor, Carlos García Vieito.
Aproveitando a ocasión recollo unha anotación do Portal das Palabras sobre o termo rechiar (rechío, rechiado) no que se destaca que segundo o Dicionario da RAG é 'producir ao rozar un son áspero e desagradable', un significado sen relación semántica co cantar dos paxaros. Porén desde hai ben pouco, seguramente con posterioridade ao artigo do Portal das Palabras, si que aparece rechouchiar (e consecuentemente rechouchío, rechouchiado) como 'Compartir [un chío alleo] na rede social Twitter'. Penso que non sería mala idea recoller esta aportación terminolóxica para trasladala á rede social.

sábado, 5 de xullo de 2014

#sempreenGZ


O Consello da Cultura Galega tivo a acertada idea de poñer en funcionamento un novo espazo para recordarnos os 70 anos da publicación do Sempre en Galiza, e sobre todo para promover accións de visibilización desta obra, fundamental na historia e no espírito dos galegos. 
Desde o web habilidado polo CCG podemos descargar unha edición dixital aumentada do Sempre en Galiza e podemos escoitar a persoas desde distintos lugares de Galicia como do mundo facendo lecturas da obra de Castelao.Ah!, e tamén podemos ver este vídeo que acompaña esta entrada, no que colaboraron os rapaces do IES Félix Muriel (Rianxo). 
Desde hai varias semanas a conta de twitter do CCG tamén nos ofrece chíos con retallos desta obra que se poden seguir co hashtag #sempreengz

mércores, 19 de marzo de 2014

Lingua estranxeira para a Consellería de Educación

O pasado 12/03/14, por medio dun chío de J.J. Rodríguez, chegábame a noticia de que desde a perspectiva da Xunta, o galego é unha lingua estranxeira. Polo menos así aparecía ese día como etiqueta dun anuncio dos agora polémicos cursos Celga.
Un par de días despois reproducían a noticia desde a Confederación de Anpas.

O conto non tería moito que comentar... se a política lingüística da Xunta fose moi outra. O que non nos estraña xa é a identificación da Xunta co desprezo da lingua galega, por algo será.
Neste erro (?) o que vemos é un retrato da súa forma de actuar respecto da nosa lingua, que polo que se ve, non é a deles. Nós, os que falamos galego, somos de facto os estranxeiros na nosa patria, somos os que, sen lar nin arrrimo,  contemplamos as palabras da nosa lingua  como se fosen lumes fuxitivos esvaéndose nesta podremia pantanosa.



luns, 25 de novembro de 2013

#mundiala



O vindeiro 3 de decembro é o Día Internacional do Euskera. O Goberno Vasco puxo en marcha unha campaña desde un novo portal www.mundiala.net animando á cidadanía a enviar un chío co hastag #mundiala co obxectivo de que o euskera ocupe espazos non formais.
No seguinte spot dous xaponeses podemos ver a dous xaponeses que xa hai tres décadas aprenderon a falar en euskera. O anuncio forma parte da campaña #mundiala.
E nós aquí a velas vir. Cun goberno que só chega a producir mentiras querendo colgarse medallas que non lle corresponden no proceso da tradución do Twitter ao galego.



luns, 25 de febreiro de 2013

Manipulación do Día da Lingua Materna

Velaquí esta reflexión que me publicaron no Sermos Galiza:

O 21 de febreiro foi declarado pola UNESCO o Día Internacional da Lingua Materna. E así se celebra en todo o mundo... agás en Galicia.
Ano tras ano, a Xunta ven deturpando o significado que a UNESCO lle outorgou desde a súa institución. O sentido da celebración do Día Internacional da Lingua Materna é o de actuar frente á cada vez maior ameaza que pesa sobre a maioría das linguas do planeta. En concreto a UNESCO denuncia que "O uso -ou o desuso- de determinadas linguas pode hoxe abrir ou cerrar portas a amplos sectores sociais en moitos lugares do mundo."
O que transmiten estas palabras é tamén o noso pan diario e o maior responsable das ameazas que hoxe cercan ao galego é paradoxalmente a Xunta. Por iso o goberno nunca perde a ocasión para confundir. Queren facernos ver que o concepto de lingua materna é o de ser a lingua da infancia, aquela na que aprendemos a falar, cando desde a UNESCO en ningún momento se refiren a isto, senón ao establecemento real dos dereitos lingüísticos universais esmagados pola secular tendencia unificadora dos estados e o modelo economicista de crecemento propugnado polos grupos económicos transnacionais [ver Preámbulo da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos].
Para nós a cuestión non é menor.  Paulo Gamallo  denunciou moi acertadamente que a lectura que ofrece a Xunta da Lei de Normalización Lingüística (LNL) ten efectos realmente perversos  pois en base ao dereito a percibir o primeiro ensino na lingua materna, a administración podería obrigar a que a totalidade do ensino infantil dos centros das cidades se realice en español. É ese o espírito da LNL? Ou é quizais o do goberno de Feijóo?. De asumirmos esta deturpación, ben podería suceder que unha lei que pretendidamente sería o garante da promoción e mantemento da lingua galega, sirva precisamente para todo o contrario. As liñas directrices do discurso do goberno parecen desenvolverse así: "Se non podemos manipular a historia, manipulemos a linguaxe. Acto seguido, esnaquicemos a lingua (non a nosa, senón a galega)."
Un ano máis a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) emite unha declaración motivada por esta celebración. Só unha lectura moi superficial e pouco atenta da mesma pode pasar por alto a contradición entre o tema central do Día da Lingua Materna deste ano -o libro, eixo da educación na lingua materna- e a interpretación deturpada que a Xunta nos ofrece do que significa do concepto lingua materna.
O decreto para o plurilingüismo foi moi efectivo na retirada dos libros de texto que cometían o terrible irregularidade administrativa de estaren redactados en galego. Pola contra a mensaxe da directora da UNESCO indica que:
A vitalidade das linguas depende tanto da palabra compartida polos falantes como da produción abundante de material pedagóxico e de textos impresos. Nalgúns países, a falta de libros e de manuais escolares escritos nas linguas locais constitúe un obstáculo para o desenvolvemento e para a inclusión social.
Como nos vai explicar a Consellería de Educación que a lingua materna é a un tempo aquela na que o neno aprende as primeiras palabras mentres se considera fundamental a lectura para o asentamento desa mesma lingua materna? O disparate está á altura da que foi unha das primeiras zocadas en materia lingüística cometida polo primeiro goberno de Feijóo: a emisión na versión orixinal en inglés do programa infantil Teletubbies con subtítulos en galego.

A declaración do Día da Lingua Materna no seu contexto.
A política lingüistica das últimas lexislaturas do PP consistiu nun continuo acoso e redución do galego en todos os ámbitos. En primeiro lugar, pasouse de ter unha Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) dependente da Presidencia a circunscribila á Consellería de Educación. A mensaxe ficou clara: a política lingüística reducíase só ao mundo escolar e o goberno de Feijóo así renunciaba a implantar políticas normalizadoras na empresa, no comercio, na xustiza, na sanidade,... mesmo na propia administración. De seguido esfarelouse por completo o consenso construído traballosamente arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega no 2003 e entrando como raposos nun galiñeiro, Jesús Vázquez e Anxo Lorenzo acometeron o maior ataque á lingua galega dos últimos 30 anos  aprobando unilateralmente un decreto do plurilingüismo que fede a ideoloxía racista.
Xa temos todos os brazos do goberno excluídos dos procesos normalizadores: o educativo por medio dun decreto e o resto pola absoluta falta de transversalidade. Só queda a SXPL. Pero nin este organismo pode emitir unha nota de prensa no Día da Lingua Materna. por ser contraditorio co decreto que exclúe do ensino en galego na educación  infantil.. Non tería sentido facer un chamamento a educar aos nenos en galego cando desde a Xunta se mantén contra o clamor social evidenciado nos apoios a Queremos galego. Non entraría dentro do discurso da Xunta facer un chamamento ás familias á implicación na transmisión da lingua cando  incluso se enroca contra as sentenzas do TSXG que precisamente determinan a ilegalidade do mantemento da exclusión da poboación infantil do ensino en galego. Por iso quen emite a nota de prensa non pode ser a Xunta, nin a Consellería de Educación, nin tan sequera é a SXPL. Ten que ser un organismo subordinado desta última: a Rede de Dinamización Lingüística (RDL), un chiringuito que pretendidamente sería o coordinador da normalización nos concellos pero cuxa única acción coñecida foi o peche de 16 servizos de normalización das administracións locais. Alén disto, que é o que pode facer un técnico dun concello para contribuir á educación infantil en galego? Non será iso labor máis propio dun mestre? Iso si, dun mestre que incumpra o decreto para o plurilingüismo.
Ultrapasando os límites do cinismo, a declaración da RDL anima "aos educadores en xeral, a transmitir a lingua galega dende a primeira infancia". Bastaba con que o goberno admitira o fracaso da súa política lingüística e dera un paso atrás acatando as sentenzas do TSXG e derrogando o funesto decreto contra o galego. Pero non o van facer, non. Pois o goberno galego non goberna. Cedeulle todos os poderes a Madrid. Fundamenta o seu poder en transferilo aos aparatos centrais do partido. E en Madrid o galego non é unha lingua, nin o fundamento dunha cultura; é únicamente problema. Así é como funciona a política lingüística da Xunta: contra a política e contra a lingua.

domingo, 24 de febreiro de 2013

A Xunta con David Cal vs. a Xunta contra Rosalía

A conta oficial da Xunta de Galicia no Twitter, @Xunta estivo máis interesada en promover o Premio Píncipe de Asturias para David Cal que en divulgar e celebrar o Día de Rosalía.
Moitos twiteiros fixéronlle un chamamento a que contribuíra a espallar hastags que fixeran referencia á figura da poeta, pero a Xunta respondeu ofrecendo un chío en español e divulgando o hastag #GaliciaconDavid  

Un comentario aparte: a pesar de que a Xunta quixo aproveitarse do traballo dos tradutores do Twitter ao galego en beneficio propio, tres días despois de termos esa posibilidade aínda non fixeron ningún chamamento, ningún anuncio, de que están a usar a versión galega.

xoves, 21 de febreiro de 2013

A pesar da Xunta, temos Twitter en galego.

Tal e como se pode comprobar nesta imaxe, Twitter anunciaba onte, 20/02/2013, que a comunidade romanesa e a galega dispoñían das súas respectivas versións.
Este novo tanto no haber da normalización debémosllo a @tweet_en_galego e a toda unha comunidade desinteresada de tradutores que, sen outro interese que a de acadar novos espazos para a nosa lingua, realizaron un enorme traballo desde o anonimato.
Para celebralo, a partir de hoxe, dixarei colgado neste blogue os chíos da conta @cartaxeometrica.

A historia do proceso.
A iniciativa Twitter en galego comenza a súa historia 7 de maio do 2011, da man de Carlos García Vieito, un estudante de Ciencias Políticas, cando crea @tweet_en_galego co fin de reivindicar a dispoñibilidade en galego desta ferramenta tecnolóxica. Desde aquela, toda unha comunidade de internautas colaborou para facer posible o que hoxe, por fin, é unha realidade, o poder dispoñermos de Twitter na nosa lingua. No proceso puxéronse en marcha varias iniciativas para facer chamamentos á comunidade internauta galega a incorporarse ao proceso de tradución dos que cómpre destacar a creación dun web e dun blogue.

A polémica do intento de apropiación da Xunta
Pouco antes das pasadas  eleccións autonómicas, unha noxenta nota de prensa da Secetaría Xeral de Política Lingüística que anunciaba: “O Twitter falará galego grazas a unha campaña respaldada pola Xunta”, o organismo autonómico intentaba apropiarse do traballo dunha comunidade anónima e desinteresada para o seu propio beneficio político.
Só houbo un contacto entre os promotores da tradución de Twitter e diferentes representantes culturais e institucionais, na que o único que se fixo foi darlle voltas ao discurso da  importancia do galego na rede, sen indagar nas posibles solucións ou respostas ante este problema. Foi un encontro do que o único que se sacou en limpo foi unha iniciativa en change.org de petición de sinaturas para apoiar a iniciativa do Twitter en galego. A repercusión disto no proceso foi nula, e a Xunta non aportou ningún tipo de axuda, nin técnica nin económica, nin institucional, nin de ningunha outra clase que desembocara no que por fin, o grupo de tradutores voluntarios, acabou conseguindo. Por iso a eles, e só a eles, lle debemos agradecemento.

Como configurar a conta de Twitter en galego
Basta con seguir estes poucos pasos: Ferramentas > Configuración >Conta > Idioma

O proceso non remata aquí. Hai que facer unha revisión de toda a tradución feita, correxir erros, amplicar o proceso para que as apps dos móbilies ou das tabletas tamén poidan dispoñer da súa versión en galego... Aquí a Xunta aínda podería apuntarse a botar unha man, pero despois do visto...

mércores, 16 de xaneiro de 2013

Análise da RAG das Bases para o decreto do plurilingüismo

Hai uns poucos días a RAG abría a súa conta de Twitter. Un dos primeiros chíos que dou foi para ofrecernos a ligazón este documento que se presenta aquí: "Análise académica das Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia" e que ten data dun día coma hoxe de hai tres anos. Con este documento diante nosa podemos facer ben máis presente a zunia do goberno que xustifica, incluso conta o ditame do TSXG, a defensa dun decreto que só ten como fin o de reducir o máis posible o uso do galego.
Acceso ao documento en PDF

mércores, 21 de novembro de 2012

Web para o Twiter en galego

A conta de Twiter @tweet_en_galego, creouse para reivindicar a normalización do galego dentro das redes socias e o dereito das e dos usuarios para poder empregalo. Agora o seu creador, Carlos García, acaba de publicar un web co obxectivo de divulgar os pasos a seguir para realizar o proceso de tradución para atraer a máis internautas ao proceso de tradución do Twiter.
Posiblemente o máis interesante do web sexa a lapela do Centro de tradución na que se explica en que consiste esta ferramenta e cales son as apotacións que os tradutores poden facer tan pronto como se dispoña dun perfil de tradutor.

Segundo informa Sermos Galiza,"Hai unha lapela sobre a cronoloxía da iniciativa, onde se deixa clara a súa base popular, sen intervencións por parte das institucións e o protagonismo que quería e o parecer aínda queren seguir tendo por parte do PP, sobre este logro na rede". Isto fai referencia á vergoñenta apropiación que a Xunta quixo facer do traballo que están a realizar desinteresadamente unha gran cantidade de tradutores anónimos.
Outras páxinas do web ofrécennos unha lista das novas en distintos medios e portais encol do proceso de tradución, etiquetas en galego que foron tendencia, imaxes destacadas: os PromoChíos,...


xoves, 18 de outubro de 2012

#OHomeQueOrdenouAMaiorDestruciónDeLibrosEnGalegoDesde1936NonMereceSerReelixidoPresidenteDaXunta



Vídeo d´A Mesa baixo o mesmo lema que a campaña que xa presentamos aquí hai uns poucos dias “Alberto Núñez Feijóo non merece ser reelixido”
Ademais disto, Carlos Callón invita a todos os que teñan perfil de Twitter, a participar nunha acción para recordarmos o aniversario da primeira manifestación da plataforma unitaria Queremos Galego, impulsada e coordinada pola Mesa. Así, a proposta é que o día 18 de outubro, entre as 12 e as 13 h, escribas mensaxes coas seguintes etiquetas:
#OHomeQueOrdenouAMaiorDestruciónDeLibrosEnGalegoDesde1936NonMereceSerReelixidoPresidenteDaXunta
#FeijóoFahrenheit451

Máis información no Sermos Galiza e en Praza Pública

mércores, 17 de outubro de 2012

Mentiráns e lingüicidas

Pasáraseme no seu dia este artigo. Como é habitual no autor, claro, sistemático e imprescindible. Así que non podía deixalo pasar. Lembramos así o escuro asunto no que a Xunta quixo pasar por ser quen conseguiu que o Twiter comenzara o seu proceso de tradución ao galego. Por Xavier Gómez Guinovart en Terra e Tempo:

O Twitter falará galego grazas á iniciativa de Carlos García Vieito secundada por milleiros de seguidores e ao traballo de centos de tradutores voluntarios

venres, 21 de setembro de 2012

Twitter en galego con tecnoloxía sen galego

A Xunta, segundo unha nota de prensa da propia Xunta, dá a entender que foi  grazas ao seu apoio a unha campaña de Twiter en galego que se conseguiu que esta rede social fale galego nun futuro próximo.
O que fixo a Xunta foi o que fixen eu, ou centos de persoas cunha conta de Twiter: solicitarlle á compañía a galeguización da plataforma. Eu non podía facer moito máis, pero a Xunta si. Se realmente tivese interese podería publicitar no seu portal (ou nas ducias de páxinas que mantén, nas publicacións,...) esta iniciativa para acelerar o proceso. Pero non fixo nada diso.
Por non facer, por exemplo, aínda non traduciu os manuais das autoescolas a pesar de ser unha promesa continuada ano tras ano das memorias da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Pero é que tampouco sen fixo a tradución do programa de tramitación dos xulgados, polo que desde hai case tres anos o galego está completamente excluído da administración de xustiza.
Que foi logo o que se fixo?
Prohibir a impartición das aulas de tecnoloxía en galego. Claro que se a tecnoloxía fica excluída da nosa lingua tal e como o asinou o conselleiro Jesús Vázquez no decreto de plurilingüísmo, vai ser moi dificil crer que ese mesmo conselleiro ande dando botes de alegría por aí ao enterarse de próxima galeguización do Twiter.
A plataforma 'Twiter en galego' foi quen realmente  traballou para galeguizar esta rede social, e se alguén ten mérito son os seus mantedores. Por iso cando a Xunta quixo arrebatarllo non tiveron máis remedio que contestar. Por iso, cada vez que a Xunta divulga esas noticias de que todo o seu traballo vai dirixido á galeguización das TIC, sabemos que todo é mentira pois na convocatoria para dotar de móbiles aos parlamentario da vindeira lexilatura xa retiraron o excesivo requisito de viren configurados en galego.

NOTA para a Xunta: conviña ter algo máis de coidado coa lingua ao elaborar estes comunicados: *respaldada e *promoviuse

P.S.: A nova en Praza Pública e en Galicia Confidencial