Tantas veces temos escoitado esa expresión de "a lingua que nos une" para referirse ao castelán (coma se as outras linguas nos separasen), que non puiden evitar volver a ela nun contexto totalmente diferente. Hai uns días que estou na miña segunda casa, en Támil Nadu, pero no voo de chegada ao Estado indio dirixido a Delhi, unha muller maior quixo sentar ao meu carón, no canto de sentar á beira dunha irlandesa branca, coa expectativa de latricar, pois é habitual que a xente non me identifique como estranxeira. Ela e o outro home que compartían fila comigo ficaron coa boca aberta cando lles dixen que non falaba hindi, que o que falaba era támil.
Vídeo promocional da campaña de valorización da lingua galega elaborado pola Asociación Faladoiros de Vigo entre febreiro e maio de 2022 coa axuda de galegofalantes de todas as partes do mundo.
Alí onde están non poden desenvolver o seu día a día en galego, mais os que vivimos en Galicia non temos desculpa para non falalo.
Esta campaña foi feita grazas á colaboración de galegofalantes que, a pesar de non vivir na nosa terra, se esforzan por manter a lingua galega alá onde están. Desde todas as partes do mundo anímannos a empregala: "Fálao, ti que podes!"
Na entrevista en Nós Diario do pasado día 16, Davyth Hicks, de Cornualla (R.U.), secretario xeral da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN nas súas siglas en inglés), describía a grave situación do idioma propio do seu país, aínda que deixaba entrever certa airexa de esperanza. Isto tróuxome á memoria a placa de Zennor, que motivara que anos atrás publicase unha serie de artigos sobre a lingua córnica que refundín no recente libro Pola nosa lingua. Unha década de artigos en defensa do galego (2021) co título “Cómpre mirarnos no espello do idioma córnico”.
Nos próximos 80 anos poderían desaparecer ata 3.000 linguas, o que practicamente silenciaría culturas enteiras. Nesta breve charla, o activista lingüístico Daniel Bögre Udell mostra cómo pobos de todo o mundo están encontrando novas maneiras de rescatar as súas linguas ancestrais e reconstruír as súas tradicións. Anímanos a todos a investigar as linguas dos nosos ancestros e afirma que "reclamar a túa lingua e aceptar a túa cultura é un xeito poderoso de ser ti mesmo".
Monanga, esta youtubeira de Guinea Ecuatorial, reflexiona sobre a perda da súa lingua, o Ndowé. Conta como os castigaban por falar a súa lingua e como non se usa na escola. A súa nai fálalle en Ndowé pero ela responde en español. Neste vídeo explica os seus sentimentos. Algo que ver co estado da nosa lingua?
A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) é unha organización sen ánimo de lucro, formada por un colectivo de profesionais do mundo da comunicación en Galicia que ten como obxectivo a formación Social mediante as ferramentas de comunicación. Acaban de presentar unha iniciativa titulada Dicionarios audiovisuais de ida e volta na que, a partir de historias de persoas de distintos países, achégannos parte da súa cultura a través dunha expresión na súa lingua natal ao tempo que escollen unha expresión nosa que lles sexa útil para o mellor coñecemento da nosa cultura.
Neste vído é Mame quen nos presenta o seu relato sobre Senegal.
Mira quen fala galego e unha nova canle de You Tube na que este mestre do estado de Nova York, nos Estados Unidos, explica as razóns polas que se interesou pola nosa lingua e se botou a falala.
Comenta que lle dá moita mágoa ver a falta de aprecio polo galego dalgúns cidadáns. Conta o caso dun veciño da Coruña que se puxo en contacto con el para ter un compañeiro de conversa. El escribiulle en galego, e o coruñés reprochoullo. "Sentinme moi insultado", comenta o mestre.
A película O que arde empoleirouse no máis alto do cine galego, e fíxoo, tal e como comentaba nun artigo Maka Arka, publicado por ProLingua, levando con orgullo no seu exitoso camiño, as formas léxicas propias do galego oriental. Non queda aquí o respecto e agarimo pola lingua. Chega con escoitar os discursos de agradecemento do director e o produtor, Oliver Laxe e Xavi Font, na entrega do premio á mellor película europea nos Premis Gaudí. Tanto un coma o outro falaron en galego e catalán.
Que cousas! cando se fai o normal, por ser tan raro, temos sair a aplaudir con todas as nosas forzas.
En visita institucional á Galiza, o presidente do Instituto Camões, Luís Faro Ramos, afirma que galego e portugués non son a mesma lingua, ben que entre elas hai proximidade, maior da que hai entre o portugués e o castellano. Resulta lamentábel -dígoo así, ás claras, sen ceder á pretensa ambigüidade caracterolóxica galega- que un alto representante cultural de Portugal se manifeste deste xeito ignorante. O portugués, señor Faro, naceu do galego, que se expandiu de norte a sul (como o castellano, como o catalán), nun tempo en que a fronteira Galiza-Portugal simplemente non existía: nobres con patrimonio común aquén e alén do Minho, alianzas estratéxicas entre a aristocracia de ambos lugares, trobadores dun e doutro lado coa mesma lingua e os mesmos códigos literarios... O portugués é o galego do Sul, cunha diferenza fundamental provocada pola separación política: tal e como afirmaban os nosos clásicos, o portugués non é máis que o galego moderno e oficial, quer dicer, o que tivo a oportunidade de se desenvolver como tal, con todas as institucións do poder político, do Estado, detrás, en canto o galego orixinal ficou oprimido, reprimido, comprimido e deprimido (e asegúrolle que non é un xogo inútil de palabras coa mesma raíz).
O forno da fala é o blogue que crearon no IES Francisco Daviña Rey ( Monforte de Lemos) dentro do programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, desenvolvido polo ILG en colaboración co Centro de Linguística da Universidade do Porto. Este programa é un dos que forman ese totum revolutum que é o plan Proxecta.
O alumnado recolleu ao longo do curso o léxico relacionado co pan, xunto a refráns, cantigas e diversas cuestións etnográficas arredor desta temática.
Como cada un tira polo seu, recollo un dos traballos dese blogue relacionado coas medidas.
Segundo a nota de prensa oficial, nestes días de atrás o secretario xeral de política lingüística
estivo "difundindo o legado de Antonio Fraguas na cidade brasileira de Baía". Efectivamente, todo indica que houbo unha estreita colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e a Associação Cultural Hispano-Galega Caballeros de Santiago. Por unha banda os membros da entidade asistiron a unha conferencia impartida por Valentín García e por outra este último estivo presente na renovación da directiva da asociación. Polo que se ve, houbo un perfecto entendemento, unha total conexión. Non é de estrañar. Se visitamos o portal da Associação dos Caballeros de Santiago non veremos outra cousa que cursos de español. Esta é a actividade principal, por non dicir a única, dos Caballeros.
Para sermos xustos debemos explicitar un pouco mellor cales son as outras accións dos Caballeros. Tamén imparten aulas de baile, especialmente de flamenco, e con bastante regularidade proxectan unha película.... en español.
Teñen unha frase que repiten decote en todos os anuncios nos que fan publicidade das súas actuacións:
Pensou em espanhol, pensou em Caballeros
Tendo en conta que agora a SXPL, nunha nova reviravolta da política lingüística da Xunta, se adica a subvencionar premios tanto de narrativa como de poesía en español, non podemos negar unha perfecta sintonía entre este organismo e a asociación dos Caballeros. De aí que nos atrevamos a propoñer un lema para todas as actividades nas que, de aquí en diante, teña parte esta Secretaría Xeral:
Pensou en español, pensou na SXPL
Espero que o usen, é o máis acaído ás súas prácticas.
Digámolo ben claro, Rosalía de Castro é unha molestia para un goberno da Xunta empeñado en laminar a identidade galega. Cando todos os condicionantes estaban na súa contra, Rosalía escribiu en galego. Esta é a razón fundamental (e non declarada) pola que a Consellería de Educación non secunda a convocatoria de celebración do Día de Rosalía.
Só nunha ocasión, no 2018, a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) se atreveu a darlle pulo a esta xornada. O seu obxectivo era a da visibilización dos Centros de Estudos Galegos (CEG), e tivo a feliz idea de que desde cada un deles se recitara algún poema rosaliano. Entre outros os CEG de Cork, Granada, Budapest, Barcelona, Kiel, e Edimburgo participaron no evento. Isto debeu ser demasiado para unha Xunta que odia a identidade galega. Así que acabaron por eliminar todos os vídeos da canle da SXPL. Agora, se accedemos a esta páxina só veremos unha triste recompilación de vídeos eliminados. Unha metáfora da política lingüística que sufrimos durante esta década negra.
Como exemplo do que a SXPL eliminou deixo este vídeo do CEG da University College Cork (Irlanda), cunha versión trilingüe de Adiós ríos. Se accedemos ao You Tube veremos como na información sobre o vídeo se indica que
foi enviado á Secretaría de Política Lingüística para sumarse á campaña de vídeos dos Centros de Estudos Galegos para celebrar o día do nacemento da poeta.
Pois hoxe, este vídeo non o podemos ver no portal da SXPL, porque o eliminaron. Cómpre preguntarse que mal ten.
A Cátedra UNESCO de Patrimonio Lingüístico Mundial (MHOUK) da Universidade do País Vasco (UPV/EHU), co apoio da Fundación AZKUE, creou esta animación dixital para o Dia Internacional da Lingua materna e para lemvrar que o 2019 é o Ano Mundial das Linguas Indíxenas.
Adolfo Flores é un mexicano que gosta das linguas. Segundo el mismo confesa neste vídeo, sabe falar en portugués, e agora meteuse a aprender a nosa lingua. Levaba 6 días cando gravou esta vídeo-confesión na que incluso achega algunha pequena reflexión de corte sociolingüístico: "A lingua galega en Galiza, *non úsase todo o tempo e non sei por que"
Neste impresionante documental escoitaremos falar unha lingua morta hai 100 anos. Blas Jaime conserva as falas herdadas da súa bisavoa por unha cadea que pasou pola avoa e a nai. Nunha reportaxe xornalística Blas Jaime explica que "los nombres aborígenes fueron prohibidos (...) Y a las niñas que hablaban chaná les cortaban la punta de la lengua"
Cando quixo ensinarlle esta lingua á súa filla Evangelina, ésta respondeulle que "no quería ser india, que la iban a maltratar e insultar". Evangelina cambiou de opinión cando ela mesma tivo unha filla. Agora quer transmitirlle os seus coñecementos.
A min encantoume a explicación da numeración chaná:
1 = gui,
2 = ama,
3 = jeit,
4= colí,
5 = nam,
6 = nam ati gui,
10 = nam ati nam = ama nam,
25 = nam nam
Un diálogo entre o alumnado do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e o alumnado de galego do Centro de Estudos Galegos de Varsovia. Sabedes que é un fato? un cocho? os chuchos? un pícaro? Ademais de escoitar aos polacos falando a nosa lingua, non convén perder a tertulia final. Moito teñen que aprender os tertulianos das nosas teles deles!
Chegoume este vídeo de Trafegando Ronseis. Ao premer o play, Lera Boroditsky, profesora de ciencias cognitivas da Universidade de California ofrece neste relatorio TED varios exemplos de como a lingua modela a forma do noso pensamento.
Hai linguas que teñen unha gran cantidade de palabras para identificar as cores do espectro, outras apenas diferencian "claro" de "escuro". Os Kuuk Thaayorre, de Pormpuraaw na costa oeste do Cabo York, no continente australiano, foron obxecto de estudo de Lera Boroditsky. Eles non usan conceptos como "esquerda" ou "dereita" pois todo o refiren aos puntos cardinais. Esta forma de comunicación está moi ligada ao territorio, xa que Pormpuraaw é un lugar desértico, sen referencias xeográficas que indiquen as direccións. Pola contra, os galegos temos todo o territorio nomeado. A nosa lingua é xeografía, de aí que só nós teñamos un Otero Pedrayo. Tal é o noso apego á xeografía que cando nos pregunta por unha dirección, contestamos: "vai por ese camiño e á man dereita verás un desvío e unha casa de pedra. Por aí non é. Segue dereito...."
En español "ponte" é masculino, en alemán (e en galego) é feminino. Lera comenta que os españois atribúenlle ás pontes cualificativos que os prexuízos e as convencións sociais asocian ao "masculino", porén os alemáns danlle atributos "femininos". Pregúntome cal é a conformación galega do concepto "ponte".
"Hai 7000 línguas faladas en todo o mundo e podemos crear moitas mais. O tráxico é que estamos a perder moita desa diversidade linguística a cada momento Perdemos cerca de unha língua por semana e segundo as estimacións, a metade das línguas do mundo desaparecerán nos próximos 100 anos. Unha notícia ainda peor é que agora, case todo que sabemos sobre o espírito e o cerebro humanos baséase en estudos de estudantes universitarios normalmente americanos e anglófonos. Isto exclúe a case todos os seres humanos."
Co título que encabeza estas liñas viu a luz hai uns anos a publicación que as acolle e nel sintetízase a vontade de ser e de existir dunha nación con nome e con idioma propios, o primeiro posto en cuestionamento e o segundo en situación preocupante. O galego, a pesar das modificacións no seu status nas últimas décadas, pasa por un dos momentos máis críticos da súa historia, fundamentalmente pola acelerada perda de falantes que se produciu no tránsito intersecular, como pon en relevo a comparación dos datos do mapa sociolingüístico de 1992 cos do mapa de 2004. A situación inverteuse de forma dramática, pois a posición cuantitativa amplamente maioritaria do galego virou minoritaria nese breve período temporal. E aínda nun estudo da Real Academia Galega, de 2016, se afirma que na década de 2003-2013 se perderon 280.000 galegofalantes habituais, o que equivalería a case 20% do total dese grupo. Só en 10 anos!