Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta lecer. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lecer. Amosar todas as publicacións

xoves, 14 de setembro de 2017

Unha lingua para a festa, e viceversa

por Nel Vidal no Praza Pública:

"A mí me gustan más grandes / Que no me quepan en la boca”, “Chingan cuando yo les digo / Ninguna me pone pero”, “Me dice papi vente adentro así me preñas”, “Tengo puta nueva to' los fines de semana”, “A ella le gusta que le den duro y se la coman”, “Agárrala, pégala, azótala, pégala”... É triste recoñecer que a única vez que vin unha atracción infantil de festa en Euskadi me chamara a atención que non soase ningunha canción do tipo destas de Becky G., Maluma, Arcángel, Daddy Yankee ou Trébol Clan. Sorprendentemente para min estaba a soar música infantil en éuscaro. E é que, si, no noso país é frecuente escoitar nas festas que pagamos todas e todos, a todo volume, eses temas nas chilindradas ás que levamos as nosas nenas e os nosos nenos, sen que nos chame xa a atención, porque, ademais, son semellantes a algunhas das que soan en festas infantís de aniversario ou comuñóns, que as rapazas e os rapaces bailan e cantan en festas ou bailes, e non tan diferentes, incluso, dalgunhas sobre as que se teñen preparado coreografías en campamentos de verán ou festivais escolares. Escollín exemplos dos máis explícitos dalgunhas das cancións máis duras, é certo, pero todas reais e escoitadas por min nun paseo pola zona de atraccións dunha festa hai un par de semanas.

xoves, 7 de xullo de 2016

Rabela: Entrevistas arredor da lingua

Nesta entrada recompilo as entrevistas que Nós TV realizou a persoas de distintos ámbitos no programa Rabela do pasado 28 de xuño











mércores, 3 de setembro de 2014

Outra (vez) *Riveira

Xa van ben de veces que denunciei a zunia que ocupa o concello de Ribeira por deturpar conscientemente a súa propia denominación nun exemplo de auto-odio que desafortunadamente xa se convertiu en paradigma. Desta volta non se trata do concello coruñés, senón a comisión de festas dunha parroquia da Estrada do mesmo nome, a que se montou no carro do desprezo á toponimia.
Na actualidade estou seguro de que non podemos falar de ignorancia, así que etiqueto o caso como de puro desdén polo propio, por asumir que somos quen somos. En definitiva, que o cartel lles quedou como se pintaran un Cristo con pistolas.

martes, 19 de agosto de 2014

O galego campa... pola súa ausencia

A agrupación Queremos Galego de Marín vén de denunciar un novo desprezo á nosa lingua por parte do concello:
"Desta volta podemos comprobar indo á propia páxina web e perfil de facebook do concello como a programación da chamada "Festa Corsaria", está única e exclusivamente en castellano."
Efectivamente, agás o título do programa, o resto do programa está redactado en español.
Ademáis Queremos Galego denuncia na mesma nota que esta práctica non foi a única na que o concello mostrou o seu desprezo pola lingua de noso xa que parece ser que emitiu panfletos de turismo e de actividades de praia sen que o galego aparecese por parte ningunha.
Ante noticias coma éstas un pregúntase ata que punto as presuntas actividades normalizadoras das que se gaba a SXPL teñen efecto algún. Nestas mesmas datas este organismo da Xunta anunciaba que no seu programa O galego campa!, participaran 600 nenos. Pois ben, vimos de ver como en só un dos 315 concellos de Galicia, o galego foi escluído das actividades de lecer. A cantas persoas debemos contabilizar que lle chegou esta outra mensaxe? .... E se a isto lle sumamos outros casos, como o da famoso Mercado Medieval de Corcubión, onde sucedeu outro caso semellante, cal pode ser o balance do desprezo á nosa lingua na xoldra estival? De certo que o que falsamente anuncia a SXPL non.
De regalo unha imaxe da progamación de actividades que se desenvolveron na praia de Aguete (Marín) nestes días pasados:

venres, 25 de xullo de 2014

En galego... Festa Rachada!




Desde a Mesa pola Normalización Lingüística piden que se difunda este vídeo. A invitación vén con estas palabras:

O galego é a lingua propia de Galiza . Porén, en moitos ámbitos, o galego non é visíbel. Persisten os prexuízos de que o galego non serve para as cousas importantes, para o que ten unha dimensión social, para o público. Mantense a vinculación do galego ao atraso, tamén aos ámbitos informais.
Hai quen pensa que o galego está ben para o falar na casa, cos amigos e amigas mais non ten o prestixio suficiente para o empregar na administración, nos medios de comunicación, no ensino... e tampouco na festa.
U-lo galego nas festas? A nosa lingua non está presente en moitas festas que hai no noso país ao longo de todo o ano. A presenza da música en galego é anecdótica, unha ou dúas pezas para contentar o público máis nostálxico... O emprego do galego é algo folclórico. Mesmo ante un público galegofalante non usan a nosa lingua ou esta é obxecto de burla.
No verán estamos expostos e expostas á música española de moda. Non temos cancións galegas do verán.
Isto non é normal!
A música galega está viva.
Podemos escoller entre centos de grupos que usan a nosa lingua.
Podemos escoller o estilo do que máis gustemos: pop, rock, indie, blues, electrónica, heavy, rap, jazz, clásica, punk, reggae...ahhhh!!!, e tamén, folk.
Podemos rir, chorar, pensar, relaxarnos, desconectar, correr, bailar, ligar ou ir de troula coa música galega.
A música en galego chega ao corazón, emociona; é parte da nosa historia, da nosa identidade; non nos deixa indiferentes.
É tradición, é parte de nós. Compartimos cancións varias xeracións. As nosas nais, avoas, os nosos pais, avós e demais parentes transmitíronnos este patrimonio musical que nos alegra o ouvido e a vida.
Queremos máis festas como os festivais de Pardiñas, como o Revenidas, como o Intercéltico de Moaña, como a Festa da poesía, como o Irmandiño de Moeche, como o Lugnasad, como o Castañazo Rock, como a Festa da Carballeira...Non queremos música casposa, nin discursos homófobos e sexistas nas festas.
Gustamos da festa rachada, de ir de troula, de esmorga, de ruada e, sobre todo, de ir de festa coa música galega.
EN GALEGO... FESTA RACHADA!



mércores, 16 de outubro de 2013

Lingua do público do Luar



Fran Rei e Pedro Brandariz (Os Sete Magníficos máis Un) no programa Luar celebrando o Día das Letras Galegas 2013.
Tratan moitos aspectos sobre a lingua e a sociedade. O discurso xeral do scketch pode ser un material moi aproveitable nas aulas.

sábado, 17 de agosto de 2013

SurfGZ




Unha canle para Noticias galegas de surf, longboard, bodyboard e paddle surf, iso é SurfGZ
Trátase dun portal moi completo, no que se poden seguir as novas desta curiosa modalidade deportiva de moitas formas distintas. Por poñer un exemplo ten a posibilidade de buscar as novidades en formato blogue.
Chama a atención a gran cantidade de entidades de empresas amigas que axudan a esta actividade.
Unha actividade promocionada polos surferos galegos é a chamada á ecoloxía con iniciativas tales como limpeza de praias ou o apoio á iniciativa para declarar o Monte Pindo como Parque Natural
A un que vive completamente alonxado deste mundo alégralle especialmente que a xente do surf galego viva a súa a afición na nosa lingua.

mércores, 23 de febreiro de 2011

Entre o barullo e a comunicación

por Antón Dobao, levando o discurso da normalización polo camiño correcto. Faranlle caso as empresas do audiovisual, e as institucións? . No dixital  A Nosa Terra:


Nos arredores dos Premios Goya, o barullo de certos asuntos accesorios gañou protagonismo. Non o barullo físico, que o houbo na cerimonia de entrega dos premios, senón o discursivo e de conceptos, que coincidiu coa iniciativa gobernamental matriz da Lei Sinde, cuxa función, precisamente, é introducir moito ruído en canles de comunicación insistentemente abertas. E perante ese ruído, todos van posando no photo call
con bo ánimo de se deixaren retratar. Desde o presidente da Academia do cine español, armado con dignidade intelectual, ata a súa vicepresidenta, presa de afectación oportunista, pasando por innumerables actores, directores, guionistas e produtores. Cada cal vaise orientando conforme se sitúa ante a realidade: comprender ou negar o desenvolvemento das forzas produtivas e os camiños que propician; ancorarse aos modos de produción do pasado ou esculcar os do presente e intervir neles para condicionar os do futuro; distinguir entre produtores, homes de negocios e usuarios ou confundirse nun magma de artistas, executivos e consumidores. E, sobre todo, concibir os produtos cinematográficos como un ben cultural de uso público ou como unha mercadoría destinada ao consumo privado e ao negocio. O valor de uso fronte ao valor de cambio. A comprensión da realidade e a intervención nela para transformala marcan fronteiras entre posicións progresistas e reaccionarias. É a relación co real quen impón lindes entre o compromiso cun pasado que mimetiza as relacións de produción do capitalismo –traballo asalariado, explotación, mercadoría, plusvalía, valor de cambio e lucro– e a implicación nun futuro que invente novas relacións de produción: cooperación, produto cultural, distribución da riqueza, valor de uso, riqueza colectiva.
Pero os Premios Goya foron tamén os dunha película pequena, sen gula mercantil, inzada de actores e actrices que non son masivamente coñecidos, que foxe do grande espectáculo e se refuxia no ordinariamente humano, que dialoga cun texto dun campo literario minorizado e ousa asumir o catalán como lingua de comunicación e expresión, con normalidade, sen máis. O triunfo de Pa Negre rompe tópicos, por iso orixinou explicacións externas: que o enfrontamento entre Álex de la Iglesia e Icíar Bollaín dividiu o voto ou que olobby catalán funcionou con eficacia, a dicir dos osos cavernarios. O mundo audiovisual abrazou a perplexidade: como era posible que triunfase unha película que moi pouca xente puido ver en salas comerciais. Coma se a cantidade determinase a calidade dun produto cinematográfico. Coma se as distribuidoras e empresas de exhibición se movesen por criterios de calidade e as súas barreiras fosen artisticamente xustas e non orientadas polo negocio. Ou coma se non urxisen xa novos modelos de relación entre os filmes e o público receptor libres das aduanas que as multinacionais da distribución e da exhibición impoñen. Pa Negre saíu con poucas copias no Estado español, cuxo mercado detesta por principio os produtos periféricos cando non os dá incorporado como pintorescas mostras de exotismo, pero é moi probable que os premios recibidos lle sirvan para ampliar a súa relación cos públicos potenciais.
Sen o querer, ademais, Pa Negre pode en Galicia crebar cun asubío leve o axioma que determina con norma de ferro o audiovisual galego: o discurso do imposible. É dicir, desmonta coa súa praxe a idea de que aquí todos quererían facer un cine galego en lingua galega e con actores e actrices galegos, pero non é posible. A normalidade imposible. E non é posible, segundo explicita ese discurso, porque o mercado español non o admitiría, porque toda película que queira éxito necesita actores españois, porque o público español non acepta producións noutras linguas nin dobraxes ou subtitulacións, seica. A realidade, por contra, expón que se non existe cine en lingua galega é simplemente porque directores, guionistas, produtores e demais participantes no negocio non queren. Probablemente porque non conciben unha lingua galega que exprese a totalidade, que asuma calquera clase de situación comunicativa e que se somerxa en todo tipo de personaxe real, imaxinario ou fantasmal. Algún actor galego ten recoñecido en entrevista a dificultade que lle ofrece concibir que certos personaxes se poidan expresar en galego, e iso en por si xa xustifica que a lingua estea ausente de case a totalidade de producións cinematográficas de Galicia. No mellor dos casos, hai aproximacións a unha presenza exótica, pintoresca e diglósica. O prexuízo lingüístico máis primario inunda un campo cultural de primeira magnitude. A lingua galega non merece a totalidade. Algúns actores e actrices cataláns teñen máis minutos rodados en lingua galega que certos actores galegos. Vivimos na anomalía constante.
O discurso do imposible é unha xustificación feble que oculta un desexo en negativo. Pero se non hai películas rodadas e exhibidas en galego é porque non queren; non se considera esa posibilidade cando se arma un proxecto nin se aposta por fortalecer unha dinámica cultural autónoma, arredada da subalternidade. Porque é subalternidade a marca hexemónica do sector, no que o negocio é preponderante en relación co valor de uso cultural. O valor de cambio e o lucro privado sobre o valor de uso e o enriquecemento social.
O triunfo da película Pa Negre é unha boa noticia para quen desexe un cinema galego, identificado, que dialogue cos nosos campos culturais, fundamentalmente o literario, e que se exprese con naturalidade en lingua galega e non recorra a ela como unha expresión diglósica e de exotismo. Unha utopía. Un desexo e unha necesidade que se deben constituír en proxecto a partir do compromiso artístico dos creadores, do compromiso cultural dos produtores e tamén dunha reorientación das políticas de subvención pública. E cumprirá tamén que algúns sectores de público esixan novas formas audiovisuais.
O exemplo de Pa Negre demostra que é más que posible un cinema en lingua galega. Só hai que empezar a facelo e parar xa de lle rir as burlas á subalternidade.

venres, 10 de setembro de 2010

As verbenas do país: entre o posíbel e o indesexábel (II)

por Francisco Xosé Rei García, en Terra e Tempo:

Para alén da evidente desgaleguización do repertorio musical, o uso do galego no campo da festa é escaso e sempre residual e subalterno, cando non caricaturizado
Na primeira parte da que pretendeu ser unha inicial e moi persoal achega ao microcosmos das verbenas do país facíamos referencia a un eido caracterizado polo seu grao de españolización tanto na forma como no fondo do espectáculo, dunha parte, e por ser tamén representativo, en non poucas das súas expresións concretas, duns valores abertamente machistas, xenófobos, homófobos...e antagónicos ao que obxectivamente se debería entender como expresión cultural, por moita adxectivación ou matiz que queiramos apor. Falábamos tamén da grande oportunidade perdida que para a nosa cultura musical, nas máis variadas expresións e estilos, supuña que hoxe o "universo" dos festexos populares estea completamente tomado por unha única maneira de entender a "festa", a da música considerada "comercial"; e que o enorme potencial de futuro que supón termos un país de músicas e de músicos sexa, de facto, excluído do campo da festa e fique reducido á "oportunidade "de dar por pura casualidade cun concello ou unha comisión disposta a apostar por unha programación diferente. Falábamos, por último, de que no medio dun panorama moi desolador e decadente hai excepcións honrosas e, aínda que ás veces o gran público non o perciba, un moi alto nivel musical nos cadros das orquestras; mesmo unha formación académica que só ve saída nestes conxuntos.
Quixen deixar a mantenta para unha segunda reflexión a cuestión dos usos lingüísticos das orquestras, tanto no que ten a ver co repertorio musical como nas súas interaccións co público, no momento da festa, ou mesmo nos soportes escritos que poidan empregar (publicidade, materiais á venda, etc). É, sen dúbida, a parte máis visíbel e audíbel da españolización evidente na que se moven a práctica totalidade dos conxuntos musicais -de orixe e asentamento galego -que se moven nas nosas festas; da mesma maneira que en condicións de normalidad sería ao contrario: a expresión "externa" do compromiso ou, simplemente, da incardinación destas orquestras na cultura do país comezaría polo uso do galego.
Mais, hai galego ou non hai galego abaixo, entre o público, e arriba, nos escenarios? Certamente si. Sobre todo, abaixo: o fenómeno das verbenas, aínda que tamén existente no mundo urbano desgaleguizado, é característico do rural e, ademais, é doado comprobar en case calquera lugar que para un público moi maioritariamente galegofalante. As orquestras isto sábeno. Porén, como se comportan perante unha realidade lingüística que non descoñecen? As máis, nos momentos de interacción co público, o que fan é alternar harmonicamente galego e español -variando bastante en función da composición do público que perciban (xente maior/xente nova) e, sobre todo, do lugar en que actúen (comportamento lingüístico diferente -aínda que sexa parcialmente -dependendo de se a contorna é máis urbana ou máis rural). Na práctica, todas -case sen excepción que, cando menos, eu coñeza -reproducen os clásicos esquemas diglósicos ou de distribución desigual de funcións: para as cousas "importantes", para as "modernas", para dirixirse á xente máis nova, ás cativas e cativos, etc, úsase sen máis o español, no entanto para as brincadeiras co público máis vello, para os temas folclóricos...úsase máis o galego. Non é allea tampouco a algúns conxuntos dos que percorren as nosas festas, por exemplo, a distribución de uso lingüístico en función do xénero: o home fala ao público en galego, mentres a muller faino en español. Este verán, de feito sorprendeume que unha orquestra -coido que a Foliada -fixese xusto o contrario.
O uso natural ou espontáneo do galego, que nalgúns casos si se podía dar, está a recuar tanto en termos de repertorio -moitas orquestras, a diferenza de hai uns anos, xa case non incorporan temas clásicos da música festeira en galego ou dos nosos cantares populares e moi poucas son xa as que acaban, como en tempos, coa Muiñeira de Chantada -como tamén na interactuación coa xente. Poño de exemplo unha orquestra tan coñecida e en auxe como a Panorama: calquera que seguir as súas actuacións desde hai tempo pode comprobar, a pouco que reparase, como hai uns anos os dous solistas masculinos adoitaban empregar case en exclusiva o galego -ben é certo que nunha variante híbrida co español -e desde hai uns anos xa incorporan moito máis a lingua de Castela.
Aínda non sei de ningunha orquestra -das máis vellas ás máis novas que se van formando -que faga unha aposta decidida polo galego, mais si de experiencias abondo coñecidas que están a traballar, con excelentes resultados musicais e de público por certo, na fusión coa música, ímoslle chamar, verbeneira: refírome a grupos como Lamatumbá, O Sonoro Maxín, A Banda Potemkim ou os Festicultores, que che montan unha boa festa onde queira que van. E sempre ou moi maioritariamente desde o galego. Se cadra, están chamados a ser os dignos continuadores dos Pucho Boedo, Prudencio Romo, Sito Sedes ou Ana Kiro, que apostaron por cantar en galego en tempos ben difíciles, no que ao cabo foi unha aposta decidida pola normalización na súa xusta definición sociolingüística (por máis que, probabelmente, ningún deles a estudase nunca). Tamén no campo da festa, ao que se ve, na mestizaxe e na fusión pode estar o futuro

As verbenas do país: entre o posíbel e o indesexábel (I)

por Francisco Xosé Rei García, en Terra e Tempo:

Gozar das verbenas e festexos que se organizan por todo o país, especialmente no verán, non equivale a ter que aturar resignadamente os valores reaccionarios dalgunhas das “nosas” orquestras
Nun artigo de hai xa algúns meses publicado neste mesmo dixital de Rosa Bugallo debullábase con acerto a evolución das festas populares do país cara ao actual modelo das chamadas "verbenas", moito máis mercantilizado e, sen ningunha dúbida, alleo á nosa tradición cultural e festeira. Uns espazos privilexiados, e moi concorridos en boa parte dos casos, especialmente nas festas consideradas de máis sona, que ben podían ser aproveitados para popularizar os nosos produtos culturais autóctonos, a comezar polos nosos creadores musicais, moitos dos cales nada lle teñen que envexar aos grupos e artistas foráneos de moda canto a "modernidade", vangardismo e xa non digamos calidade.
Que tería de mao unha festa onde puidesemos bailar ao ritmo popeiro de The Homens ou Loretta Martin, ao son electrónico de Fanny+Alexander ou Sónico DB, mesmo coas impresionantes rimas dos Deus que te crew (DQTC) e, por suposto, coa música bailábel por natureza de Lamatumbá, por pór só algúns dos exemplos máis coñecidos? Divertiríase a xente menos que cos consabidos temas de sempre? A proba do algodón de que a nosa lingua, na súa variante intercontinental, goza de grande aceptación popular témola na música brasileira ou, máis recentemente no tempo, no tema angolano Wiki Wiki, cuxa letra calquera compatriota entende afinando un chisquiño de nada o ouvido. Mesmo orquestras do país históricas, como Os Satélites, "experimentaron" en galego con ritmos como a salsa ou o merengue: velaí temos a sintonía de cabeceira da coñecida serie de TV Libro de Familia, que enche a pista cada vez que soa, ou o tema insignia deste conxunto nacido na Coruña, ben coñecido por toda aquela persoa que frecuentar os festexos do verán, o Esta fin de semana quero bailar.
Lamentabelmente, o escenario desexábel e posíbel, malia o evidente potencial, contrasta cunha realidade ben máis negativa e, mesmo en ocasións, abertamente decadente. Para alguén coma min, verbeneiro por natureza, resulta unha delicia ler, por exemplo, a Xurxo Souto a falar das orixes dos primeiros conxuntos musicais galegos que ían tocando polas festas e, ao tempo, unha tristura comparar aquilo co actual ronsel de orquestras que temos, sempre con excepcións -que habelas hainas -e, por supostísimo, co debido respecto para os profesionais da música que gañan a vida nestes conxuntos, moitas veces, por certo, non por pracer ou identificación cos estilos do repertorio musical que empregan, senón por pura e dura necesidade económica e, tamén, por ser moitas veces a única vía no propio país para poderen facer o que lles gusta: música.
Outro dos aspectos que debera preocupar -e canto! -é a terrorífica transmisión de valores reaccionarios que a través de concorridas verbenas chega á multitude desde os propios escenarios; e non precisamente por parte de orquestras de pouca entidade -senón, moi ao contrario, por parte dos conxuntos máis coñecidos no actual panorama orquestral galego e que máis público atraen, grazas a un espectáculo que acaba por condenar a música a un absoluto segundo plano.
Poñamos de exemplo -se cadra poderían ser outros -as orquestras Panorama e Olympus. Ambas as dúas, no seu ¿espectáculo?, para alén do dubidoso gusto, semellan ás veces empregar todas as súas forzas en reproducir todos os tópicos machistas, patriarcais, racistas e homófobos que o público poida dixerir no menor tempo posíbel. Como no caso dos valores machistas e patriarcais, onde o rol das mulleres fica reducido ao máximo a obxecto de consumo, a "ornamento" que fai parte do espectáculo visual -canta menos roupa, mellor -non é, por desgraza, novidade, agora estas orquestras están a esforzarse en explorar até o infinito o tópico do "maricón", mesmo nunha sorte de aburda competición entre elas. Se ao solista principal da Panorama hai que aturarlle, unha e outra vez, a preguntiña: "Cantos de aquí pensades que son maricón?", os da Olympus non se conforman e pasan directamente a acabar un dos seus pases cunha canción mexicana que leva precisamente por título: Matarile al maricón. Nada menos!
Despois disto, moitas e moitos poderán lexitimamente opinaren que o problema é que me gusten as verbenas deste tipo e que, con non ir a elas, téñoo solucionado. Respectando todo criterio, non son en absoluto desa opinión. Persoalmente, nin penso nin teño porque renunciar a o pasar ben facendo o que me agrada -sabendo, porén, analizar que moitas cousas poderían ser doutro xeito. E, da mesma maneira, non penso que teñamos que aturar comportamentos que nada teñen de natural, de "socialmente asumido" -como algunha xente me di cando non podo máis e estoupo -, nin de inevitábel: desde as comisións de festas, desde os concellos, desde as asociacións veciñais e outros movementos sociais, desde cada unha e cada un de nós podemos traballar arreo para mudar situacións, actitudes e comportamentos que, sinxelamente, non só non son admisíbeis, senón que desvirtúan as festas en si e contribúen -e de que xeito! -á súa decandencia e esmorecemento, antes ou despois.