Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta cousas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cousas. Amosar todas as publicacións

xoves, 11 de setembro de 2025

Edixgal: unha ferramenta para reducir o uso do galego no ensino

O Edixgal é a gran aposta da Consellaría de Educación de materiais didácticos para os dous últimos curos de Primaria e os catro da ESO. Tamén é unha aposta clara da Xunta para continuar no camiño de que a cidadanía sexa cada vez máis ignorante da lingua galega. Os malos resultados de coñecemento de galego teñen unha causa ben clara: a política lingüística radical contra o galego do PP. Vexamos o exemplo do Edixgal.

Eu este ano imparto 4º da ESO. Miremos a lingua na que están os materiais que se lle ofrece á comunidade educativa neste curso. Non comentaremos nada das materias de Lingua Galega, Lingua Castelá e Francés pois os materais están nas respectivas linguas. O primeiro caso curioso é que unha das 5 editoriais que teñen contidos de Inglés, ten algunhas cuestións en castelán (e ningunha en galego).

Hai 3 materias que, dependendo da editorial, ofrecen os contidos en cadansúa lingua. Filosofía, Relixión  e Expresión Artística aparecen en galego na editorial Edebé e en castelán en Planeta nas dúas primeiras e en Netex a última das tres.

Hai 3 materias que teñen recursos exclusivamente en galego: Bioloxía e Xeoloxía, Economía e Xeografía e Historia. Serán outras 3 as que teñan recursos só en castelán? De ser así aínda se podería  tirar da bandeira do "equilibrio lingüístico" co que se promocionara ata a náusea o funesto decreto 79/2010, o de redución e exclusión do galego no ensino non universitario? Pois non.

No Edixgal encontramos as seguintes materias con contido exclusivamente en castelán: Cultura Clásica, Educación Física, Física e Química, Latín, Música, Dixitalización, Matemáticas A, Matemáticas B, Tecnoloxía e "Formación y Orientación Personal y Profesional"(sic), neste último caso, incluso o nome da materia aparece así escrito, supoño que será ese o seu nome oficial para a Consellaría de educación. Non sei se as contáchedes. Son 10 en castelán, fronte as 3 en galego. Non hai máis que explicar.

sábado, 16 de novembro de 2024

O inglés primeiro, o galego postremeiro

 Galicia sitúase líder de España en inglés e no nivel alto do mundo, tal e como o corrobora o estudo máis amplo a nivel internacional que cada ano realiza Education First (EF)

Estes datos referendan as distintas accións da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para a aprendizaxe de inglés enmarcadas na Estratexia galega de linguas estranxeiras como é a rede de centros plurilingües,

Esta é a ampulosa declaración da Xunta. Cal é a realidade?
En primeiro lugar, Education First é unha empresa de educación de linguas enfocada na realización de viaxes. A enquisa que realiza é un mecanismo de mercadotecnia evidente. A propia empresa avisa que 
A poboación examina neste índice elixiu examinarse por sí mesma, polo que non se garantiza que sexa representativa. As probas só as realizaron persoas que queren profundizar no coñecemento do inglés.
Isto que significa? Que deste estudo non podemos tirar ningún tipo de conclusión. Non hai ningunha garantía estatística de que os datos obtidos por este estudo indiquen, por exemplo, que mellorara a comptencia en inglés na poboación galega. Ademais, nas notas emitidas por Education First, non se dá ningún tipo de información sobre o tamaño da mostra galega nin da española. En defintiva, non hai ningún dato que nos garanta que o estudo é aplicable á realidade galega. 
Alén do ránking por comunidades do que recolle medallas a nota de prensa da Xunta, o único que se relaciona no infome emitido por Education First é a evolución da puntuación que utilizan entre os anos 2015-2024 en España (ver gráfico máis abaixo). Chama a atención que precisamente do que se gaba a Consellaría de Educación é onde os datos son peores. A evolución do índice no período indicado daqueles que teñen entre 18 e 20 anos foi caendo substancialmente. A media sobe, sobre todo grazas aos maiores de 31 anos, isto é, a aqueles que eventualmente melloran o seu inglés grazas a cursos non regrados como os que ofrece Education First. Todo moi sospeitoso.En todo caso, a única conclusión que poderiamos sacar destes datos, se é que se poidera sacar algún, é que o ensino regrado do inglés está sendo un fracaso.

A gran pregunta que debe contestar a Consellaría é: e o galego que? O recente estudo do IGE demostra un fracaso completo e absoluto especialmente no ensino da nosa lingua. Neste caso a Consellaría de Educación non se apurou a facer un acto de contrición. Non comentou absolutamente nada. A conclusión é que o ensino do galego non ten nada que ver con eles. Eu non lles vou quitar a razón. É ben certo que as competencias lingüísticas na nosa lingua hai que adquirilas a pesar das trabas que pon a Xunta de Galicia. Velaí que o lema máis acaído para explicar a política lingüística é o que encabeza o título desta entrada: "o inglés primeiro, o galego postremeiro"

luns, 4 de novembro de 2024

15 anos, 13 liñas, 4 parágrafos, 0 propostas

9 parágrafos, iso é o que ocupa a resposta de Valentín García, Secretario Xeral da Lingua, nun artigo publicado no Nós Diario explicando os 15 anos de política lingüística do PP despois do bipartito. 

Valentín destaca un obxectivo que, segundo el, guiou a política lingüística neste período, "conseguir que o galego se introducira nos novos e mutantes escenarios que xurdían". Desbota, polo tanto, asentar e reforzar os logros obtidos ata o momento. Non lle importa a realidade lingüística. Aposta con construír castelos no ar. Contra a crúa realidade receita unha fantasía lingüística. 

O centro do artigo está adicado a explicar os proxectos desenvolvidos pola Xunta nestes 15 anos no ámbito da normalización lingüística. Son só 4 parágrafos curtos, apenas 13 liñas. Que nos conta aí? Destaca 4 proxectos. En primeiro lugar fai referencia á Rede de Dinamización Lingüística, un ente que naceu pechando 15 servizos de normalización doutros tantos concellos e que morreu incluso antes de nacer. O seu maior logro foi pasear aos Bolechas, que acabaron convertidos nuns zombies de photocall. Nin dan medo, nin serven para outra cousa que para retratarse co secretario xeral a cambio duns 400.000 € anuais. 

O segundo gran proxecto que destaca deste período foi o Portal de Teleformación da Lingua Galega. Así, Valentín García pasa como unha apisoadora por enriba de todo o conflito dos CELGA, cursos que nun principio eran impartidos por persoal contradado. A CTNL fixera unha proposta no 2012 para regularizar a situación deste profesorado. A SXPL non fixo caso e nos anos seguintes rebentou un conflito laboral que durou varios anos e que desbaldiu anos de traballo, experiencia e coñecementos. A CTNL cualificou a actuación da Xunta como un "desmantelamento económico, técnico, e humano".  Nunha ampulosa, esaxerada e mentireira linguaxe afirma Valentín que o sistema de teleformación serviu para "incorporar á comunidade galegofalante as máis de 115.000 persoas foráneas chegadas nos últimos cinco anos". Nun panfleto propagandístico do 2018 a SXPL fachandeaba de que se matricularan nalgún curso 2.285 persoas (11.425 en 5 anos). Se comparamos esta ultima cifra coa de 115.000, ponse de manifesto que a mentira é considerable, dun 1000%. Xa temos unha medida da súa falta de vergoña.

O terceiro punto destacable da política lingüística destes tres quinquenios é o de dar apoio aos que usan a lingua galega no ámbito creativo (escrita, música, investigación, espectáculo). Hai que ter moito papo para afirmar isto despois dunha campaña soterrada contra a edición en galego e o incumprimento sistemático da lei do libro. Cómpre lembrar análises como as de M. Bragado en A lei zombie do libro. Un informe do CCG do ano 2015 daba conta da crise e devalo do teatro galego a partir do 2009; as artes escénicas galegas están en estado de coma. En canto á investigación en Galicia, só podemos destacar novas que aparecen cada pouco da falta de apoio da Administración Galega. De que nos está a falar Valentín? Pois dos Bolechas, outra vez,  e das presentacións de libriños de interese reducido. Por exemplo, cando estou escribindo isto acaba de presentar un libro dunha concelleira do PP da Golada. Non é casualidade, sempre é así.

O cuarto e derradeiro aspecto que menciona é o Proxecto Nós. Se fose hai uns anos falaríanos do Plan de dinamización do galego no tecido económico. Que foi del? Teño a completa seguridade de que ninguén sabe o que é, nin o que foi por dúas razóns. Porque non foi nada, agás propaganda que comezaba e remataba nas propias oficinas da SXPL, e porque daquilo non se obtivo nada. Alguén sabe que foi do portelo único para o galego? Alguén sabe das medidas para mellorar a hostelería vía o galego na internet? Quizais se lle quitamos a plabra "galego" e a substituímos por "castelán", quizais si. Alguén veu algunha vez o decálogo da Xunta sobre as vantaxes do galego na empresa? Máis aínda, todos puidemos comprobar como unha e outra vez, conselleiros e presidente da Xunta renegaban do galego diante de reunións con empresarios. Todo iso, e moito máis, aparecía nese plan pantasma, tan pantasma que nin a Valentín lle acordou citalo neste lacónico artigo pois resulta que isto é todo. Xa sei que este "todo" se reduce a "nada". Este é o mellor resumo da política lingüística dos 15 últimos anos. Non o digo eu, volvo a citar o artigo:

Aínda que podería seguir indefinidamente expoñendo consecucións da política lingüística dos últimos 15 anos, considero, porén, que cómpre aludir a que esta non constitúe só unha cuestión de proxectos e medios. Quero dicir que, para que ela teña éxito, debe lograr a implicación dunha cidadanía que estea disposta a participar do proxecto

Exactamente da mesma maneira eu podería seguir indefinidamente expoñendo os fracasos da política lingüística dos últimos 15 anos. Aínda máis, podería argumentar como cada un deles foi mil veces máis lesivo para a normalización que ficar fitando a punta do nariz. Porén eu non lle vou botar a culpa á cidadanía galega pois sei que os que brandiron as armas asasinas son aqueles que pousaron as súas nádegas nas cadeiras reservadas aos membros do goberno da Xunta. 

As últimas liñas do artigo adícanse a negar os resultados postos en evidiencia polo IGE. A mensaxe é que o panorama sociolingüístico galego está tan ben que os defectos apuntados na enquisa do IGE deben estar mal. Se o IGE nos dá uns datos, Valentín inventará outros para tranquilizar a súa conciencia de liquidador da lingua galega. 

Dito máis directamente: "Negamos a realidade que nos pon diante o IGE. Non fixemos outra cousa que prohibir o galego, reducilo, desprezalo, manter prexuízos vellos e crear outros novos e continuaremos así. A isto é ao que chamamos cordialidade lingüística de todo o que fique fóra deste marco diremos que rompe o consenso"

luns, 14 de outubro de 2024

9 mentiras e unha omisión da SXPL

O IGE acaba de publicar os resultados de 2023 da enquisa estrutural a fogares sobre o coñecemento e uso do galego. Trátase dunha enquisa que vén realizado cada cinco anos  desde o ano 2003. A anterior foi a do 2018. 
Pola súa banda, e sendo a principal entidade afectada polos resultados desta enquisa, a Secretaría Xeral de Política Lingüística emitiu un comunicando facendo unha valoración dos mesmos. Como os resultados da enquisa poñen en cuestión a política levada a cabo pola SXPL, este organismo optou por manipular e mentir en todos e cada un dos aspectos da súa valoración. Vexamos que isto é así. Nos seguintes parágrafos recorto algunhas das afirmacións da SXPL extraídas dese comunicado e despois confróntanse cos datos ofrecidos polo IGE.

O que di a SXPL.1. A Enquisa estrutural a fogares, coñecemento e uso do idioma galego publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística reflicte que 7 de cada 10 persoas se comunican en lingua galega
A realidade. O 29'66% di que a súa lingua habitual na fala é sempre o castelán. Iso non significa que a lingua habitual do resto das persoas, 7 de cada 10, sexa o galego pois hai outras epígrafes (máis castelán que galego e máis galego que castelán). Moito menos se pode afirmar que 7 de cada 10 persoas se comunican en lingua galega pois hai tipos e comunicación que non son mediante a lingua falada á que se refire o dato do IGE; podemos comunicarnos por escrito, os medios representan unha forma masiva de comunicación, recibimos moitas mensaxes navegando por internet..

O que di a SXPL.2.Valentín García destacou que dos datos publicados hoxe, e que recollen o resultado das entrevistas realizadas ao longo do ano 2023, despréndese que se relaciona en lingua galega un 69,25% da poboación que vive en Galicia.

A realidade. O 69'25% é a suma dos que falan sempre en galego + os que falan máis en galego que en castelán + (atentos ao último sumando) os que falan máis en castelán que en galego. Polo tanto ese 69'25% non representa unha categoría en si mesma, trátase máis ben da negación doutra categoría, da dos que empregan exclusivamente o castelán. Hai que ser moi retorcido para facer unha análise con categorías complementarias, que ademais non aportan ningunha outra cousa mais que confusión. Outra vez non podemos falar de "que se relaciona en lingua galega" porque o IGE neste caso fai referencia á lingua falada máis habitual, non a relacións escritas, dos medios de comunicación ou da internet. 

O que non comenta a SXPL sobre os resultados da lingua máis habitual son quizais os datos máis relevantes que ofrece o IGE. Por unha banda as porcentaxes dalqueles que manifestan falar en ambas linguas (máis galego que castelán ou máis castelán que galego) mantivéronse respecto dos resultados do 2018. No entanto os que usan sempre o galego reduciron a súa porcentaxe nun 6'34% mentres que os que usan sempre o castelán aumentaron nun 4'99%. 

O que di a SXPL.3. O galego “continúa na senda de ser a lingua cooficial máis empregada no conxunto do Estado e a maioritaria no territorio, sendo un 29,20% os que manifestan utilizar unicamente o castelán de maneira habitual”

A realidade.O 29,66% (non un 29,20%) din empregar exclusivamente o castelán cando falan. Iso non significa que poidamos afirmar que 7 de cada 10 persoas se comunican en galego. Da mesma enquisa sabemos que o 24,37% falan habitualmente só galego. Isto tampouco significa que o 75% das persoas se comuniquen en castelán, o que significa é que a SXPL está manipulando os datos.

Miremos con máis detalle este parámetro: o da lingua habitual na fala. No ano 2018 a porcentaxe dos que falaban en galego/máis galego que castelán era do 52'29%. No 2023 esta porcentaxe baixa un 6'06% ata siturarse nun 46'23%. Neste sentido poderiamos dicir que o galego deixou de ser a lingua maioritaria na fala por primeira vez na súa historia. Quizais este sexa o éxito dunha política lingüística asentada no espallamento de prexuízos sobre a nosa lingua.

O que di a SXPL.4.“practicamente o 100% da poboación é quen de desenvolverse en galego na súa vida”

A realidade. Desenvolverse como? preguntamos. Falando?, oíndo falar?, escribindo? lendo?

Un dos datos dinos que un 5'37% non sabe falar nada en galego. Esta porcentaxe duplicouse respecto do ano 2018. O máis preocupante é que a maioría dos incompetententes na fala en galego están entre a xente nova. A terceira parte dos mozos non é que de falar en galego.

Outro dato, un 6'63% entende pouco ou nada o galego falado. Esta porcentaxe incrementouse nun 2'09% respecto do ano 2018. Este grupo debe estar formado por inmigrantes. O incremento pon en evidencia que non hai ningún tipo de acollida lingüística por parte da Administración.

Hai un 15'66% que non sabe escribir en galego. Ademais esta cifra aumentou un 2'45% respecto do ano 2018. Isto é especialmente grave porque o analfabetismo na escrita en galego está esencialmente relacionado con que ata os anos 80 a poboación non tivera clase de lingua galega polo que sería de esperar que esta falta de coñecemento se aplique á poboación máis vella. En consecuencia, este valor, de modo natural, debería reducirse. Algo debe estar a facerse moi mal para que se incremente. 

Hai un 16'17% de persoas que entenden pouco ou nada o galego escrito. Como no caso anterior, esta cifra incrementouse un 1'22% en comparación cos datos do 2018. 

O que di a SXPL.5....dominando a expresión oral o 94,62% das persoas, mentres que, en canto á escrita, o 84,35% da sociedade recoñece ter competencias neste eido

A realidade.O IGE informa que o 16,6% da poboación non sabe falar o galego, polo que, como moito podemos dicir que domina a expresión oral un 83'4%. Hai un 5,37% que non sabe falalo nada, do cal non se pode concluir que o resto, un 94,63% é quen de dominalo pois hai outro 11,23% que ten pouco dominio do galego oral. Tampouco se ten en conta que estes resultados son os peores de toda a serie histórica. 

O 15,66% non sabe escribir nada en galego. Isto, outra vez, non significa que o resto, o 84,34% domine a escrita en galego pois non estariamos tendo en conta o 23,36% que sabe escribir pouco en galego. 

O que di a SXPL.6. Por outra banda, no que respecta á comprensión, en maior ou menor medida o galego falado é entendido nun 93,37%, mentres que o 96,35% asegura poder ler neste idioma.

A realidade.Non entende o galego falado un 5,79%. Enténdeoo moito ou bastante o resto, un 94,21% (non un 93,37%). En canto á lectura, hai un 3,65% que non entende nada do galego escrito. Outra vez, isto non significa que o resto, o 96'35% "asegure poder ler neste idioma" pois hai 12'53% que ten pouco entrendemento do galego escrito.

O que di a SXPL.7.os datos demostran que sempre utilizan o galego o 53,01% das persoas ás que os avós lles transmitiron esta fala de cativos, fronte ao 23,35% que o fai en castelán, consolidándose a tendencia de cada vez máis fogares bilingües, un 63,89%.

A realidade. Efecivamente, ao 53,01 da poboación galega os seus avós falábanlle galego sempre. Isto é o que di a enquisa. O que é falso é que todas esas persoas empreguen sempre o galego . En canto ao termo de fogares bilingües, non sabemos o que significa. O concepto máis próximo podería ser a lingua de uso no ámbito familiar pero segundo os datos da enquisa, o emprego de ambas linguas con pais, fillos e avós está entre un 19% e un 25%, moi lonxe do 63'89% que aparece na nota da SXPL 
O que di a SXPL.8....no eido dixital, respecto á última análise publicada en 2018 polo IGE, navegan na actualidade en galego un 1,65% máis dos usuarios,
A realidade.A porcentaxe dos que navegan sempre en galego é dun 0'71%. Produciuse unha redución dun 0'58% con respecto aos datos do 2018. Ao que se refiren na nota de prensa é a que no 2018 un 4'96% dos usuarios de internet navegaban en galego ou máis en galego que en castelán. Nos datos do 2023 esta última porcentaxe incrementouse ata un 6'72%. Fica claro que o panorama non está para sacar peito pois un 93'28% navega máis en castelán ou exclusivamente en castelán; ou, tal e como diría a SXPL, na actualidade navegan en castelán un 1'65% dos usuarios. 

O que di a SXPL.9. ...mentres que nos medios tradicionais a lingua aumenta a súa presenza na prensa escrita, pasando dun 40,9% en 2018 a un 44,62% no 2023, un incremento do 3,72%.

A realidade. Segundo o IGE no 2018 un 59'1% lían prensa escrita excusivamente en castelán. Se restamos esta porcentaxe do 100% temos ese 40'9% do que fala a SXPL. No 2023 pasa a haber un 55'38% de lectores exclusivamente en castelán. A resta dá o 44'62% que aparece na nota. O dato non fai referencia á cantidade de prensa escrita publicada, senón á porcentaxe de lectura nunha determinada lingua. Por completar os datos, no 2023 a porcentaxe dos lectores de prensa escrita en castelán/máis en castelán é dun 95'21% polo que a porcentaxe dos que len só en galego/máis en galego fica nun 4'79%. Como vemos, todo un éxito da política lingüística do PP. A pesar da esmagadora presenza do castelán nos medios de comunicación a Xunta subvenciona dez veces máis aos que o fan nesta lingua que aos que o fan en galego.

O que non di a SXPL.10. A SXPL non di nada sobre os principais datos da enquisa do IGE. Por exemplo, non comenta nada de que unha terceira parte dos rapaces entre 5 e 14 anos non sabe falar en galego. Os datos comparativos das enquisas dos ultimos 20 anos sobre a lingua habitual falada dan un panorama de descenso continuo en todas as franxas de idade. 
Miremos o seguinte gráfico realizado por Praza  onde se observa que o descenso máis acusado é, outra vez, na franxa de idade correspondente aos máis novos. Quizais o decreto de prohibición e redución de uso do galego no ensino teña algo que ver con todo isto.

López Campos, o Conselleiro de Lingua, convocou aos grupos paralamentarios abrir un proceso de diálogo para consensuar un Pacto pola lingua. Esta serie de mentiras e omisións non son un bo principio para fundamentar ese pretendido Pacto. Lembremos que se acaban de cumprir 20 anos da aprobación, por unanimidade, no Parlamento do PXNLG. Quen rachou este consenso foi o PP. A política lingüística está en mans duns extremistas antigalegos que se disfrazan do que non son para non seren rexeitados. Eles xa fixeron un pacto, o pacto de Dorian Gray. Se desvelamos a realidade veremos o monstro corrupto e decadente que se oculta tras o retrato que nos queren facer ver a través das gafas do diabo.

venres, 6 de setembro de 2024

Unha CRTVG sen lingua (galega)

Actualmente a lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia é a lei 9/2011 especifica no seu

Artigo 6. Uso da lingua galega. A lingua da Corporación RTVG é o galego; xa que logo, a prestación do servizo de comunicación audiovisual por parte da devandita sociedade e as comunicacións que efectúe ao persoal dependente dela no exercicio das súas tarefas serán en lingua galega.
Ademaiis, engádese unha referencia á lusofonía no
Artigo 3.4. A Corporación RTVG poderá subscribir convenios de colaboración con entidades prestadoras de servizos audiovisuais para a produción ou difusión de contidos audiovisuais en lingua galega e portuguesa en Galicia e nos países de cultura lusófona.  
O goberno do PP pretende reducir a presenza do galego, tal e como se deduce do Anteproxecto de lei dos servizos públicos de comunicación audiovisual. O primeiro que chama a atención é a propia denominación do artigo no que se elimina o concepto de "lingua galega" que vén ser substituído polo xenérico de "lingua". Fica claro que "lingua" significa "lingua española". O artigo, en cuestión non se usa para garantir o uso da lingua galega. Os seus obxectivos son
  • Eliminar a garantía de que a liingua do audiovisual público sexa o galego
  • Reducir a produción propia (en galego) e blindar a edición e difusión de contidos de produción allea.
  • Xustificar e, en consecuencia, garantir por lei, o uso do castelán nos medios públicos de comunicación. 
  • Borrar toda referencia á lusofonía. Ben se ve que a finalidade é que se camiña para que o marco de referencia da lingua galega sexa o castelán.
Vexamos a redación do 
Artigo 7. Uso da lingua. Os medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia producirán os seus programas, contidos e servizos en lingua galega e garantirán a edición e difusión en galego dos programas, contidos e servizos de produción allea, sen prexuízo da utilización doutras linguas cando así o xustifique o cumprimento da misión de servizo público definida nesta lei e, en particular, co fin de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra do territorio da comunidade autónoma. 

É de supoñer que este anteproxecto conta co apoio de todo o organigrama da Xunta, en especial da SXPL. Revélase así outra vez máis cal é o sentido da política lingüística do PP, levar á anorexia a lingua galega.

Xa que estas son as directrices, non vou opoñerme, senón que, polo contrario, colaborarei a este novo agravio ao galego. Voulles aforrar o traballo aos responsables desta nova tele galega e aquí lles deixo o seu novo logo 


mércores, 14 de decembro de 2022

13 de decembro de 1987, alí estabamos

 

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca o 13 de decembro de 1987 a primeira grande manifestación pola lingua. Participan todas as forzas políticas, sindicatos, anpas, movemento veciñal… Recordo perfectamente aquela manifestación polo que me subiu un calor polo peito cando me vin nesta foto de Xan Carballa que difundiu a Mesa polas redes sociais.



martes, 22 de novembro de 2022

Onde está o plurilingüismo do decreto do plurilingüismo?

 


Se a política lingüística do goberno popular ten como obxectivo principal revitalizar o uso e a presenza do galego en todos os ámbitos é un completo fracaso. Atendendo ás autoproclamacións de contínuos éxitos e avances, temos que entender que o que procura esa política lingüístca é a progresiva laminación da nosa lingua. Así o certifica o último estudo sociolingüístico Prácticas lingüística na infancia. A xestión lingüística nos primeiros contextos de socialización. En concreto cítase ao Decreto 79/2010, publicitado como decreto do plurilingüismo, como a principal arma para facer efectivo este ataque á normalización:

" o Decreto do plurilingüismo está a restrinxir o ámbito do galego no ensino e favorece ao castelán, de xeito especial nas cidades, podéndose considerar como unha política lingüística de erosión do status do galego."

Este proceso destrutivo vese acompañado da desatención normalizadora das actividades extraescolares, de ocio e tempo libre. Lembremos que Valentín García, o secretario xeral de política lingüística, cando era preguntado polo funesto decreto derivaba o discurso precisamente sobre a importancia do uso do galego fóra da escola. En primeiro lugar, cada vez o peso da escola na aprendizaxe do galego é maior, tal e como se reflicte neste gráfico extraído da publicación.


En segundo lugar, agora vemos que fóra da escola faise o mesmo que dentro da mesma. Alén disto, calquera que saiba as catro primeiras letras de sociolingüística ten presente que os programas de normalización, para seren efectivos, deben implementarse en todos os ámbitos. Por outa banda, o decreto 79/2010 só rebaixou e restrinxiu espazos e oportunidades para a lingua galega con respecto ao anterior, o decreto 124/2007, impulsado polo bipartito. Neste sentido, no informe do Seminario se Sociolingüística da RAG afírmase que 

"O Decreto 124/2007 relacionouse cunha maior presenza do idioma galego na docencia; segundo o 72% dos enquisados e enquisadas recibiron a maior parte da docencia en galego, mentres que na actualidade, estando en vigor o Decreto 79/2010, a cifra redúcese ao 53%. [...]. A aplicación do decreto do galego (Decreto 124/2007) tivo unha repercusión directa no retroceso nos usos non formais e durante eses anos as prácticas dos galegofalantes mantivéronse. A aplicación do Decreto do plurilingüismo (Decreto 79/2010) estivo relacionado coa volta do desprazamento que se viña a producindo no marco das relacións horizontais."

Non é que se diga só neste informe, todos os estudos ao respecto certifican a contribución do decreto 79/2010 ao asasinato do galego. Os asasinos apoltrónanse nas cadeiras de San Caetano. Todos os seus esforzos van encamiñados a ocultar a autoría deste xenocidio lingüístico. O decreto 79/2010 está revelándose fundamental na profundización da fenda da transmisión interxeracional da lingua.

"Respecto á situación do galego, estudos precedentes sinalan que o novo marco lexislativo supuxo unha clara diminución respecto á situación anterior da presenza da lingua autonómica nas escolas en todos os niveis comunicativos."

Unha dos aspectos máis rechamantes do decreto 79/2010 é que proclamara, divulgara e publicitara como "decreto do plurilingüismo". Isto tamén chamou a atención dos autores do estudo da RAG que destacan que "para manter unha cerca sincronía coa ideda da diversidade lingüística [establecen a ] garantía do máximo equilibrio posible nas horas semanais e nas materias" impartidas en galego e castelán. Velaquí que esta garantía 

sempre queda supeditada á máxima da igual presenza curricular, que mesmo chega a ser proposta como a vía axeitada para acadar o obxectivo da paridade competencial. Porén, sabemos pola experiencia recollida na bibliografía que na práctica o sistema educativo tende a favorecer a asimilación cultural no grupo dominante (Laponce 1987, p. 170) e que, nunha situación regresiva, é aconsellable que a lingua minorizada reforce a súa presenza no sistema educativo de xeito compensatorio (Gradín 2020). Se aceptamos isto, debemos considerar a formulación do segundo dos principios do decreto —garantir a igualdade horaria como vía para acadar a igualdade competencial— falaz ou polo menos contraditoria, ao tentar facer pasar por medios o que en realidade son os fins do decreto. "

Isto toma corpo ocultando o conflito lingüístico, propio de calquera situación de linguas en contacto, e focalizando a atención na adquisición dalgunhas habilidades comunicativas. Con todo, non hai garantía de que as competencias en galego sexan parellas ás adquiridas en castelán. Máis ben hai indicios que certifican que a capacidade para desenvolverse en galego da xente máis nova está baixando a valores escandalosos e xa sabemos que onde non hai competencia, o uso fica dobremente desaparecido. Así o explican Henrique Monteagudo, Xaquín Loredo, Sabino S. Vázquez-Grandío e Anik Nandi na publicación da RAG:

" Á vista disto, e considerando o contexto social da súa publicación (Regueira 2009; Silva 2011), podemos pensar que o decreto prioriza ante todo evitar a concreción do conflito lingüístico inherente a unha situación de pluralidade. Para iso, apóiase nalgunhas das ideas máis asentadas no discurso social, en especial aquelas que naturalizan a posición diferencial das linguas, e sérvese de estratexias simbólicas como un exercicio de equilibrio horario que ten máis de ideolóxico que de efectivo"

O decreto 79/2010 é un atentado contra o plurilingüismo. Por unha banda debemos constatar que, perversamente, o prefixo pluri significa realmente o seu contrario. Non se trata, nunca se tratou, de acadar un maior dominio de moitas linguas. No contexto do plurilingüismo non oímos falar, por exemplo, do portugués. Velaí que o portugués non debe ser plurilingüismo. Fagamos a proba e preguntémonos en cantos centros hai implantado ensino de lingua portuguesa en virtude do decreto 79/2010. Aclaremos a cuestión con outra pregunta, hai algún centro plurilingüe nalgunha lingua que non sexa o inglés? Por outra banda, a implantación do inglés neses centros serviu para refozar os procesos de diglosia ao realizarse nun proceso de distribución de distintos usos para cada unha das linguas. Dito máis claramente, o inglés está sendo usado como arma contra a normalización da lingua galega. Se nos paramos a pensar cal é a práctica e o discurso promovido desde a Consellaría de Educación veremos como o galego foi expulsado da oralidade mentres que o inglés ocupa cada vez máis este espazo. Cada vez hai máis campamentos de inmersión en inglés. A inmersión en galego, tan necesaria, é anatema. É isto plurilingüismo? Pode cualificarse así un decreto que profundiza na anorexización do galego? Escoitemos aos sociolingüistas da RAG outra vez:

"Deste xeito, o Decreto non atende axeitadamente a dous obxectivos fundamentais do plurilingüismo que son evitar a consolidación do inglés como lingua hexemónica e protexer a integridade das linguas minorizadas. No caso dos centros plurilingües analizados, os tres comezaron pola introdución de seccións bilingües como paso previo á transformación integral do modelo lingüístico. De xeito unánime, a escolla foi o inglés como lingua estranxeira. [...] Por outro lado, os datos debuxan un sistema educativo no que non se consegue acadar un tratamento verdadeiramente integrado —condición pedagóxica fundamental dun proxecto verdadeiramente plurilingüe— da cuestión lingüística, e no que se segue a outorgar uns espazos e usos diferentes e especializados a cada lingua. O castelán segue a tender nas escolas a asumir de facto un papel central, un carácter de lingua neutral, non marcada e de referencia. Isto pode ser así mesmo en contextos de maioría galegofalante e transmitido polo profesorado. O inglés introdúcese como unha nova lingua de prestixio, fortemente marcada polas súas asociacións coa globalización, o mundo laboral e a tecnoloxía, reflectíndose na súa orientación ao ámbito STEM. Finalmente, o galego asume o papel de lingua en situación de excepción cun valor fundamentalmente patrimonial e simbólico."

Coñecemos hoxe máis linguas? Coñecémolas mellor? Eliminamos os prexuízos? Acadou o galego un estatus de normalidade? As respostas son non rotundos. A regresión é evidente. 

o Decreto 79/2010 renuncia así na práctica ao carácter transformador, innovador e integrador da proposta europea, establecendo el mesmo as trabas fundamentais do seu pretendido plurilingüismo e deixando reducido este a unha estratexia retórica para xustificar a volta ao marco ideolóxico do bilingüismo harmónico e a un enfoque reproducionista, de mantemento e mesmo reforzo das tendencias sociolingüísticas dominantes e en contradición ao expresado nas normas que rexen os currículos.

Outra das derivas ideolóxicas do citado decreto é a da eliminación do discurso social do concepto de "normalización lingüística" e a súa substitución polo de "dinamización", ocultándose así a realidade sociolingüística co fin de inmobilizar as accións transformadoras desa realidade. Os espazos da normalización da lingua galega pasan así a ser ocupados pola normalidade xa establecida, e agora reafirmada, do español. A asunción acrítica do decreto 79/2010, ou mesmo o seu cumprimento forzado dá lugar a que

"a través da influencia do profesorado, o castelán asúmese como a lingua oficiosa das relacións informais. Por unha banda, isto ten un efecto sobre a poboación galegofalante, que incorpora estas pautas coa escolarización, o que explica parcialmente o efecto desgaleguizador detectado en traballos recentes (Monteagudo, Loredo, Gómez e Vázquez-Grandío 2021). Por outra, isto favorece que, a pesar das previsións do marco legal, o castelán se converta de feito na lingua matriz da xestión lingüística, estendéndose o efecto á maioría das decisións pedagóxicas. Así, por exemplo, o castelán será polo xeral a lingua que primeiro se lle introducirá ao alumnado de orixe non latina."

Velaí que só unha oposición frontal e insubmisa ao decreto 79/2010, o do xenocidio do galego,  sexa a única vía para avanzar na normalización. 

mércores, 2 de novembro de 2022

A escola non é cousa de xuíces

Campaña de Omnium para defender unha escola fronte aos ataques da xudicatura. A escola debeser creada polos seus membros e non se deben tolerar intrusións dunha caste negacionista como a da xustiza.

En Galicia o asunto, coma sempre, é moito máis grave. Fronte a un caso ben claro de conculcación da lei, o funesto decreto do plurilingüismo atenta contra unha implantación progresiva do galego no ensino. O TSXG desprezando por completo o mandato popular, nin tivo en conta esta esixencia cando foi recorrido o citado decreto. Aínda estamos agardando a que se pronuncien as instancias europeas, en contestación á reclamación da RAG. Mentres levamos 12 anos de regresión na implantación da lingua no ámbito educativo. 

domingo, 29 de maio de 2022

Vexo, veo, XaJAcobeo ou o paviBEllón para nenos

 


A manipulación dos nenos por parte da Xunta do PP no ámbito sociolingüístico acada niveis esperpénticos. A Axencia Galega de Turismo sacou un videoxogo cunha mestura perversa de galego e castelán, o videoxogo "Vexo, veo, Xacobeo" , así anunciado polo Consejo Jacobeo. Non lles chegou con expulsar o galego das aulas de infantil, agora promoven unha visión charramangueira da sociolingüística nun asqueroso acto de manipulación dos máis pequenos. Se por unha banda, un de cada catro nenos é incapaz de expresarse en galego, agora engadimos nas aulas nesgadas visións da lingua.

Para completar a desfeita da lingua, o pasado venres 27/05/2022 Nava Castro, a directora de Turismo entregoulles aos rapaciños de Caldas uns diplomas en castelán para reafirmar cal é a lingua da Xunta, a lingua do poder, e a lingua da exclusión.

Isto recórdanos a inauguración do Pavibellón de Baiona no 2011 co agravante de que agora os afectados son rapaciños. A intención da Axencia Galega de Turismo de do Consejo Jacobeo é estender esta adulteración aos 193.000 estudantes de infantil e primaria. 

sábado, 26 de marzo de 2022

Uns Bocados que abren o apetito

 

Foto da Libraría Paz

O pasado 23 de febreiro presentouse na Libraría Paz de Pontevedra o libro Bocados matemáticos (Xerais 2022), de Paulo González Ogando. Así foi como puiden desvirtualizar ao autor. Achei unha persoa que me dou a impresión de ser moi sistemática e ordenada e á que lle gustan os libros de divulgación das matemáticas. Todas estas cualidades son puntais fundamentais para un autor desa clase de libros.

O primeiro en intervir na presentación foi Fran Alonso, moi preocupado polos resultados dos informes da lectura, especialmente da lectura en galego. Só un 4% da poboación le na nosa lingua, todo un síntoma dun enorme problema que non recibe nin a atención nin as solucións que precisa. Fran Alonso enmarcou os Bocados matemáticos baixo dous parámetros. En primeiro lugar identificouno como pertencente á tradición anglosaxona da divulgación. En segundo lugar, é un volume máis da colección Básicos de ciencia, unha colección que todos aos que nos gusta a divulgación agradecemos infititamente e que certifica que a editorial é fiel á súas orixes. O director de Xerais lembrounos que o primeiro libro da editorial foi un libro de texto de matemáticas de 1º de BUP, o do colectivo Vacaloura. Un libro, que baixo a lexisación actual estaría prohibido publicar por ser un libro de texto de matemáticas en galego. Con esta intervención, Fran Alonso pisou o que tiña preparado eu, con todo, aproveitei para lembrar que o libro do colectivo Vacaloura publicouse a comezos do curso do ano 1979. Uns poucos meses antes publícase o "Decreto do bilingüismo", que segundo a propaganda oficial do momento era o da incorporación da lingua galega ao sistema educativo. Na realidade, se un profesor quería impartir aulas en galego, debía pedir permiso á dirección, ao claustro de profesores, aos pais do alumnado e, de ter o permiso de todos eles, podería elaborar un informe solicitando ao Ministerio de Educación a aprobación do uso da lingua galega na docencia. Para o castelán non había ningún requisito: iso era o bilingüismo. Co soporte dese decreto non se impartiu nin unha hora en galego; pola contra, serviu para fustigar a represión do uso da lingua no ensino. Basta lembrar os casos de Alfonso Castro no colexio do Foxo, na Estrada ou o de Pepa Bahamonde en Rois.

O decreto do bilingüismo do século XXI chámase "decreto de plurilingüismo". Era imprescindible falar del na presentación deste libro, aínda con máis razón se sabemos que nas primeiras páxinas faise referencia ao mesmo:

[este libro] Foi escrito nun tempo en que a materia de Matemáticas na Educación Secundaria Obrigatoria se debe impartir obrigatoriamente en castelán, o cal contribuiu notablemente a ocultarlle ao alumnado o vocabulario específico en galego e a minimizar nesta nosa lingua tanto a expresión oral das matemáticas como a produción escrita de material, tanto didáctico coma tamén divulgtivo. [o subliñado é meu]

Fálase de minimizar. Respecto aos libros de texto foise máis alá: aniquilación completa da lingua galega. Fálase de ocultar. Un verbo terrible cando estamos tratando de educación. A ocultación implica descoñecemento. O descoñecemento leva ao desleixo, ao desprezo e incluso ao dodio á lingua. Todo iso é o decreto 79/2010. 

Tamén se fala de divulgación científica. A este respecto, cal é o panorama? Cantos libros de divulgación das matemáticas en galego se publicaron no século XXI?. Como non son moitos, vou citalos todos:

Podémolo poñer nun gráfico:

Parece un número escrito en binario


Para entender mellor a situación, comparémolo co caso do castelán. Cantos libros divulgativos de matemáticas se publicaron neste século en castelán?. Isto non é fácil de responder. Por sorte hai un portal, Divulgamat,  que fai recensión de moitos deles. Se o consultamos veremos que no mesmo período teñen un rexistro dun 985 (coa data desta entrada). Isto significa que seguro que hai máis de 1000. A poboación española é unhas 17 veces a galega. 1000 dividido entre 17 dá aproximadamente 60. Para falarmos dunha situación parella (de bilingüismo?) terían que terse publicado 60 libros de divulgación das matemáticas durante este século. Publicáronse 6. Xa temos unha cifra redonda que nos aclara que vivimos 10 veces por debaixo das nosas necesidades. Esa é a a medida da exclusión do galego no ámbito da divulgación das matemáticas.

Centrémonos agora algo nos Bocados matemáticos. Non vou facer spoiler, pero si dar trazas dos sabores que nos deixan eses petiscos, pois tal e como explicou Paulo, trátase dunha colección de 36 relatos independentes sobre curiosidades matemáticas que lle interesaron. Ao seren independentes podémolas ler en calquera orde. 
Nun dos capítulos contrapóñense as matemáticas centradas nos algoritmos fronte a outras máis profundas, asentadas nos por que, nas ideas, as razóns. Por exemplo, todos sabemos que non se pode dividir por 0, pero por que? Se facemos memoria da época escolar recordaremos que $a^{0}=1$, pero cal é a razón? Velaquí onde residen as matemáticas fermosas, nesta indagación.
Outro lugar onde esperariamos achar beleza matemática sería na xeometría. No libro hai un capítulo adicado a ela, pero non se falará dunha xeometría con listados de fórmulas de áreas, perímetros ou volumes. Falarase, por exemplo da forma dos folios como os DIN A3 ou A4. Por que esa esa proporción entre os lados e non outra? A seguinte figura suxírenos algunha resposta
Un dos problemas a afrontar para achegar as matemáticas á xente é o da utilidade. Cando se presenta un tema de carácter matemático é habitual escoitar a acusación de que non serve para nada: "cando vou eu usar un espazo vectorial?, se vou á compra non necesito polinomios.... " Fronte a isto, podemos retrucar co xa tratado asunto do tamaño das follas de papel da norma DIN, ou incluso co contido dun capítulo completo dos Bocados adicado ás chamadas matemáticas do reloxo, a aritmética modular que trata os segredos do NIF, o IBAN, o ISBN ou os sistemas de encriptación.
O propio Paulo repasaría os aspectos máis importantes de moitos dos bocados do seu libro. Tamén comentaría que todo comezara da lectura doutros libros divulgativos, dos que foi tomando notas para uso persoal. Só cando tivo unha boa cantidade acumulada decidiu dar o paso de expurgar, organizar e reelaborar o que acabaría sendo o contido dos Bocados matemáticos.

Para finalizar non resisto comentar unha impresión persoal que me asaltou cando lin o libro. Un dos capítulos está adicado aos paradoxos. Alegroume moito esta escolla porque o primeiro libro de divulgación científica que lin foi precisamente ¡Ajá! Paradojas que hacen pensar, de Martin Gardner nesa marabillosa edición de Labor do ano 1983. E por que paradoxos? Unha das características máis ligadas á esencia das matemáticas é o ben construídas que están. Na matemática todo funciona de forma excepcionalmente coherente. É o que en lóxica se chama consistencia. Ata onde Gödel nos permite, as matemáticas conforman unha excepcional maquinaria perfectamente engraxada, sen contradicións. Por iso mostrar un paradoxo dentro do ámbito das matemáticas chama moito máis a atención que en calquera outro campo. Os paradoxos matemáticos enganchan porque sentimos unha necesidade perentoria de desfacernos deles. Aí reside o acerto de Paulo en escoller este tema como o fío condutor dun dos capítulos dos Bocados
Ademais das miñas teimas, comentei catro aspectos dun libro que agardo lle abran o apetito a quen pase os ollos por estas liñas. O bo é que quen lea o libro non vai empachar, quedará con gañas de máis bocados de matemáticas. 

luns, 21 de febreiro de 2022

As dúas mortes de Cristina Calderón



Un bo comenzo para un conto é unha pregunta. Se o alén estivera neste mundo, onde situalo? 
Unha escolla acertada sería Ushuaia, esa terra fría localizada no extremo sur do continente americano. Daquela poderíamos dicir que a illa Navarino, ubicada ao sur de Ushuaia, está máis alá do alén. Alí vive Cristina Calderón, unha muller de 85 anos, a única falante da lingua yagán. 
Cristina editou un bonito libro titulado Hai Kur Mamasu Shis (Quero contarche un conto), porén era unha obra que ninguén podía entender; quixo dar clases da súa lingua, pero non tivo aprendices motivados. As razóns deste fracaso son múltiples pero fáisenos evidente que a falta dun sistema educativo en yagán, a inexistencia dun comercio ou dun aparato xudicial e administrativo na lingua de Ushuaia son factores decisivos que determinaron a súa evolución. Xa é demasiado tarde, a lingua yagán ten o seu futuro unido ao da súa última falante. Con todo, o yagán non morrerá ata que ela morra. E isto será así aínda que Cristina Calderón non poida falar en yagán con ninguén. Velaí que a lingua non só é un instrumento para acomunicación, é un órgano da existencia. 
Unha parte importante da sociedade galega vive tamén máis alá do alén. Exclúen ao galego de determinados usos, danlle un estatus inferior e viven sen trauma a situación de discriminación que sofre a lingua de noso. Incluso asumen como natural ese proceso glacial polo que a lingua dos avós acaba sendo distinta da lingua dos netos. Vivimos un momento preocupante así que o natural é compartir esa inquedanza para actuar responsablemente mediante políticas lingüísticas de normalización. A ausencia destas é necesaria para levar a cabo o que hoxe se chama lingüicidio. Un bo exemplo que o demostra é a situación dramática da lingua yagán. 
Aínda que a morte a Cristina Calderón lle chegue de forma natural, a da súa lingua non o será. Todos os días sabemos de falecementos ao noso arredor, e non por iso certificamos a morte da nosa lingua. Non, as causas da defunción temos que buscalas precisamente entre os vivos. Na medida en que Cristina é falante de yagán, ela non é partícipe da desaparición da súa lingua. Porén se non lla transmitiu aos seus fillos, se participou do abandono do seu uso para determinadas funcións, entón si que é corresponsable. 
"Cristina Calderón" é un nome que non esperaríamos atopar entre os descententes dun pobo dos antípodas. Entre os primeiros yagáns dos que temos noticia están os tres que compartiron viaxe con Darwin no mítico barco Beagle. Os ingleses enseguida os rebautizaron cunha clara falta de empatía. Por exemplo a O'run-del'lico chamábano Jemmy Button porque fora cambiado por un botón de nácara. O primeiro paso dun lingüicido consiste no borrado dos referentes, dos nomes das persoas e dos lugares. É por isto que todo proceso de normalización necesita estar instalado no orgullo polo propio. 
Afortunadamente os galegos temos construída unha representación colectiva do mundo orixinal desde a que sentimos dor ante o desprezo da nosa lingua. Hai moitos galegos vivindo neste territorio, no aquén do alén, na realidade. Sabemos que non somos inmortais pero temos a tranquilidade de que morreremos só unha vez. 
Un bo final para un conto é unha pregunta: estás seguro de que non terás unha segunda morte? 

venres, 3 de decembro de 2021

Que pareza un accidente

Primeiro acometéronse unha serie de medidas moi lesivas para a lingua galega: rebaixa do estatus na función pública, decreto 79/2010 de prohibición do seu uso no ensino, eliminación das liñas de galego, retirada dos usos mínimos en Infantil, recorte do orzamento dos ENL, programa de eliminación dos SNL dos concellos, volta atrás na normalización na xustiza, desmantelamento do audiovisual, baleirado da Lei do Libro, abandono do uso do galego nos organismos oficiais, campañas de desprestixio e estigmatización da lingua, desvío orzamentario a entidades que renegan do seu uso, subvención por parte da propia SXPL de diversos concursos literarios en castelán,... En definitiva, todo un programa de asasinato da lingua galega.

Como segunda vía de actuación temos a de tapar o crime.  "Que pareza un accidente", esta é a frase que mellor define a política lingüística do goberno do PP. Velaquí un exemplo. Despois de prohibir impartir aulas de matemáticas en galego en todo o ensino primario e secundario, despois de prohibir a edición de materiais didácticos de matemáticas en galego, despois de destruir milleiros de libros de texto de matemáticas en galego, despois de frear e intentar bloquear a produción de recursos didáticos dixitais de matemáticas en galego, esta é a cara que queren ofrecer

mércores, 16 de xuño de 2021

Pola nosa lingua

"Pola nosa lingua" (2021, autoedición)  podía ser o título dun manifesto ou ben o lema dun escudo que levar sempre con orgullo no peito. Mais neste caso o "Lema" era outro, Xosé María Lema. El é o autor dun libro deste título que se presentou o  pasado venres 11/06/2021 na Biblioteca do Grilo, en Cacheiras (Teo). Alí estivo acompañado de Francisco Fernández Rei e Héitor Picallo.

Trátase dunha recompilación de artigos aparecidos en diferentes medios durante a última década, todos arredor do tema da lingua e a súa relación coa sociedade. Por detrás enxérgase a pantasma do decreto de exclusión do galego, protagonista de moitos deles. Lembro con especial emoción o titulado "Unha gran pira (de libros galegos) no Obradoiro", do que recollo estas palabras que fan referencia á eliminación e posterior prohibición dos libros de texto das materias científicas en galego

Como o “noso” Goberno xa decidiu a extinción do noso idioma, facilitémoslle o traballo e na noite das cacharelas desta véspera de San Xoán xuntemos diante da catedral compostelá o maior número de libros escolares de materias científicas escritos nesa espuria lingua de Galicia e fagamos unha gran pira; digo eu que, en vez de tiralos ó lixo ou mandalos á máquina trituradora como pensan facer, será mellor queimalos publicamente na nosa praza máis coñecida para dar exemplo cívico nun solemne auto de fe castelanista, para que o lume purificador erradique todo vestixio de vocábulos científicos no idioma de Rosalía e Castelao

O autor non aforra en calificativos aos supremacistas que nos gobernaron nesta funesta década para a normalización. De Jesús Vazquez Abad, o conselleiro que promulgou o decreto de exclusión, di que é un podador de bonsais. A Santiago Amor, do que fora alcalde de Ames, repróchalle a súa hipocrisía recollendo o premio Lois Peña Novo para aniquilar o SNL catro meses despois. Sobre todos os demais está Feijóo, ao que acusa de practicar coa lingua políticas franquistas, fronte a el o ex-ministro de Franco, Manuel Fraga pode gabarse de ser todo un demócrata.

As teimas de Lema abrollan unha e outra vez en varios dos artigos nos que aparecen a figura do Balbino de "Memorias dun neno labrego" ou a activista Rosa Parks. Tamén destacaría outros aparecidos no portal de ProLingua como os adicados ao cornuallés ou á situación lingüística belga (I e II). En definitiva, estamos diante dun bo fateixo de reflexións sobre a lingua que non pode faltar na biblioteca de calquera cun mínimo de sensibilidade co galego. 

Todo un acerto foi contar coa colaboración de Héitor Picallo para ilustrar a edición, desde a acertadísima portada ás múltiples caricaturas, achéganos unha chuvia de cores e, tal e como comentou o propio ilustrador, achega unha carga de modernidade que o fai máis atractivo para un público ben precisado deste tipo de lecturas, os rapaces novos. 

martes, 4 de maio de 2021

Matemáticas, lingua e outros asuntos. Unha conferencia de Victoria Otero


A catástrofe da pandemia da COVID 19 obrigou a que a programación de conferencias presenciais, reservadas para o público da localidade, multiplicase un tipo de charlas paradoxalmente máis próximas, máis cara a cara e máis preparadas para poder ver en vídeo. Presento aquí a conferencia que M. Victoria Otero Espinar impartiu telemáticamente para o Ateneo de Santiago baixo o título "Matemáticas, linguas e outros asuntos"

Na conferencia explícanse varios modelos matemáticos que desenvolven a dinámica entre dúas linguas en conflito. Botei en falta unha perspectiva normalizadora. Fálase da morte de tal forma que parece natural e non se incide en que o declive dunha lingua vén dado pola implantación dunha política lingüística co obxectivo do asasinato lingüístico. 

As matemáticas poden sintetizar a evolución lingüística nun territorio? O problema consiste en cuantificar a dinámica lingüística

Pártese das seguintes hipóteses: o uso da lingua aumenta cando aumenta o número de falantes e tamén cando aumenta o seu prestixio.

Establécese o cambio lingüístico dunha lingua X a outra lingua Y en función das hipóteses anteriores. A partir de aquí establécese unha ecuación diferencial

$$\frac{dx}{dt}=c\cdot {\left ( 1-x \right )}^a s - cx{\left ( 1-x \right )}^a \left ( 1-s \right )$$

onde tanto  s coma o resto dos parámetros, toma valores no intervalo [0,1] e mide o estatus da lingua X  fronte a 1-s que nos daría o estatus da outra lingua. O parámetro a pondera a fracción de membros dun grupo para atraer novos falantes. Demostrouse que este parámetro a é prácticamente igual independentemente das linguas que estean en competición.O primeiro sumando representa os falantes de Y que cambian a X e o segundo o dos falantes de X que pasan a falar en Y.

Este modelo, publicado por Daniel M. Abrahams e Steven H. Strogatz en Nature no 2003 predice a morte dunha das linguas. O problema deste modelo é que considera linguas  moi diferentes como o éuscaro e castelán e considera unha dinámica entre grupos estrictamente monolingües. Por iso introduciuse outro parámetro, k, que cuantifica a proximidade entre dúas linguas e tamén se introduce un grupo B de bilingües.

$$\frac{dx}{dt}=c\left [\left ( 1-x \right )\left ( 1-k \right )\left ( \left ( 1-s \right ) \right ) {\left ( 1-y \right )}^a  -x\left ( 1-s \right )\left ( 1-x \right )^{a} \right ]\\\frac{dy}{dt}=c\left [ \left ( 1-y  \right )\left ( 1-k \right ) \left ( 1-s \right )\left ( 1-x \right )^{a}-ys\left ( 1-y \right )^{a}\right ]$$

Este novo modelo, de Otero Espinar, Seoane, Nieto e Mira,  axustouse para Galicia atendendo á evolución do galego e o castelán entre os anos 1875 a 1975. O seguinte paso consistiría en empregar este modelo para predecir a evolución da dinámica lingüística no futuro e establecer simulacións segundo cambien as condicións iniciais.

Partindo dunha alta similaridade entre galego e castelán: k=0.8 (o 1 sería a coincidencia), e dunha medida para o estatus do galego s=0.26 (versus un prestixio do castelán de 1-s=0.74) situariamonos onde está marcado o punto vermello. Como vemos está na zona verde, isto indica que as dúas linguas coexistirían pero cun claro declive do uso do galego. Como referencia, ao final do vídeo coméntase que os valores do éuscaro eran k=0,22 e s=0,4.

Este modelo de Otero Espinar et al  é máis elaborado que o de Abrahams-Strogatz, pero desde o meu punto de vista ten aspectos cuestionables. Introdúcese mediante o parámetro k o concepto de "similaridade lingüística" pero isto pode ocultar un fenómeno cada vez máis presente en casos como o galego e o catalán. Resulta que a lingua minorizada, por ser semellante á dominante e tamén por esa minorización, vai recollendo como propias as estruturas da lingua A. Así temos un galego cada vez máis inzado de castelanismos, pero tamén, e isto é moito máis perigoso para a supervivencia da nosa lingua,  a sintaxe galega está perdendo forza e converxendo cada vez máis cara a española. Neste sentido a similaridade entre linguas ten un efecto de dilución da lingua B que non vexo tratado neste modelo e que aceleraría a súa decadencia nun aspecto aínda máis preocupante que a da simple perda de falantes. Como se ve, hai campo para seguir elaborando modelos. O que teño claro é que en todos eles, unha perspectiva social normalizadora de defensa sen ataduras da lingua minorizada dará prediccións con perspectivas de crecemento e afianzamento da lingua ameazada nas condicións iniciais.

Pero, pódese medir a similitude entre linguas? Como se fai? Neste artigo do GCiencia divúlgase o traballo do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) e, entre outras cousas coméntase un estudo de Xulio Sousa no que se mide mediante un índice a proximidade da fala de cada lugar co estándar. Entre outras cousas desmóntase o mito da enorme diferenza entre o galego falado e o normativo. Este tipo de estudos dialectolóxicos inclúen mapas tan fermososos como o seguinte, elaborado con diagramas de Voronoi ,como o deste chío do ILG sobre a denominación do derradeiro día do ano

Na última parte da conferencia Victoria Otero toca fala do uso do big-data, supuxo un cambio moi importante na análise da evolución das linguas. Están a crearse mundos virtuais no que o sofware pode crear linguas novas. Conta o caso duns investigadores de facebook que deixaron a dúas máquinas manter unha conversa entre elas. O resultado foi que crearon unha nova lingua, máis eficiente que o inglés.

Finalmente tamén se fala do problema da escaseza de licenciados en matemáticas que teñan como perspectiva profesional o ensino. 

 

domingo, 11 de abril de 2021

Na Estrada, en galego... a pesar de todo


Andrea Mosteiro, a protagonista deste vídeo, foi alumna miña. Por fortuna para ela, xa escapou das gadoupas ameazadoras das aulas de matemáticas e agora, desde a súa admiración por Rosalía de Castro, tece proxectos como a páxina de facebook Na Estada en galego. Trátase dunha iniciativa con perspectiva normalizadora desde a que dar acompañamento aos comercios da vila que apostan polo galego. 
Andrea puido abrir este espazo porque o SNL do concello da Estrada ficou reducido ao ámbito culturalista. O seu labor fundaméntase nunha restra de premios a distintos tipos de actividades artísticas ou literarias. Esta é a razón de que quen se ocupara de outorgar premios á normalización  ao comercio fose o IES nº 1. Agora foi Andrea quen herdou este espazo. Resulta moi significativo que unha rapaza de 17 anos sexa quen de arrombar nas súas costas o traballo que nunca tivo por seu o SNL do concello. Debémoslle dar grazas por esta oportunidade a Valentín García, o actual secretario xeral da cousa da lingua, que segundo se dá a entender neste mesmo audiovisual, foi e segue a ser o alfa e o omega da dinamización na Estrada. 
Aproveitando a circunstancia, Nós Televisión tamén entrevistou a Anxos Sobriño, presidenta da CTNL 

mércores, 3 de febreiro de 2021

A integración lingüística: un exemplo de mala praxe da política lingüística

No pasado mes de novembro celebráronse as XXII Encontros para a Normalización Lingüística organizados polo Consello da Cultura Galega. Nesta ocasión estiveron adicados á "Integración lingüística como ferramenta de cohesión social". Despois dun par de xornadas virtuais cargadas de achegas e propostas, obtivéronse unhas conclusións finais que certifican que se está a desenvolver unha mala praxe na política lingüística tamén no tratamento do acollemento lingüístico. Calquera que teña un par de ollos ou un mínimo de contacto con estes aspectos sábeo. 
Como experiencia propia podo comentar varios casos de alumnos lusófonos ( un 21% do total) que como método de integración teñen a exención da materia de lingua galega, e só desa materia. No ensino regrado non hai ningún plan para a atención de alumnado estranxeiro. A solución é sempre a acción esmagadadora do poder do castelán e o seu corolario da aprendizaxe de prexuízos lingüísticos.
Do documento de conclusións vou extraer algúns parágrafos:
 
A realidade amosa que en Galicia non se están aplicando as políticas necesarias para que a poboación inmigrante poida adquirir competencias lingüísticas en galego.

 As carencias na planificación son evidentes no ámbito educativo, onde a Administración establece un marco lexislativo que só proporciona unhas directrices xenéricas [e sen planificación]

Ese traballo de planificación debe concretarse nunha oferta maior e máis diversificada de actuacións formativas, superando o escenario actual, basicamente limitado a uns cursos CELGA que, tal e como están formulados, non serven para garantir o acollemento, a integración e a cohesión social destas poboacións. 

Ademais desa planificación “vertical”, cómpre tamén fomentar outra “horizontal”, que promova a colaboración e a coordinación entre diferentes administracións, entre departamentos da mesma Administración, e entre administracións e entidades públicas e privadas (ONG, asociacións de inmigrantes, profesionais, deportivas, culturais...). Dentro do sistema educativo, ese labor debería vertebrarse arredor do CAFI
 
A formación non se debe limitar a transmitir habilidades comunicativas, senón que ten que traballar tamén sobre os prexuízos lingüísticos presentes tanto na poboación estranxeira coma na poboación galega.
 
O que coñecemos como CELGA é un sistema de avaliación, e non un sistema de formación en lingua galega para adultos. É o sistema de formación en lingua galega para adultos o que presenta numerosas eivas á hora de garantir o acollemento, a integración e a cohesión social.


Na Consellería de Educación e na Política Social  e na de Turismo (á que pertence a cousa da política lingüística), seguen mirando para outro lado. Esta é a sociedade que queremos?

mércores, 10 de xuño de 2020

Aniquilación da normalización lingüística

Cando o pasado 23 de maio a Consellería de Turismo, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) , presentaba o "novo fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021"  (FX21) eu comencei a osmar que algo non cadraba. No acto infórmase que se trata dun proxecto saído da crise da COVID-19 que pretende reactivar tanto o sector cultural como o turístico. Entón, que pintaba aí a SXPL?
Cando se publica o anuncio no portal da propia SXPL ocúltase deliberadamente que eses fondos poden ter como destino empresas do mundo da gastronomía, de organización de festas ou do sector turístico en xeral. Por que esta ocultación?
Outro aspecto destacable é que mentres a SXPL destacaba que o principal obxectivo dos FX21 é o de "dinamizar a lingua galega", a Consellaría de Turismo desentendíase do mesmo. Aínda máis, engaden que
"poderán promover igualmente o plurilingüismo sempre que se inclúa unha versión en galego ou habiliten mecanismos de subtitulado". Traduzo a neolingua: isto significa que se subvencionarán proxectos que secundaricen a lingua galega. E nisto participa a SXPL?
Pois ben, non é que participe, é que o orzamento do FX21 foi detraído na súa totalidade do orzamento adicado á promoción da lingua galega. Concretamente, neste ano 2020, case 1 de cada 5 € destinados a este fin van ser desviados para estes novos fondos. Aquí cómpre recordar que ano tras ano os gobernos de Feijóo foron acusados pola infradotación para a política lingüística. Agora este desprezo orzamentario súmase o desvío de boa parte do minguado orzamento da SXPL cun destino incerto pero baixo principios que fican ben lonxe do seu primeiro destino, a normalización.
Pódese precisar aínda máis, os 1.500 millóns dos FX21 son practicamente a totalidade do orzamento previsto para as campañas de normalización lingüística deste 2020. Isto é que significa que a resolución pola que crea o FX21 diga que a asignación do crédito para este plan é a da aplicación orzamentaria 11.40.151A.640.0. Números e códigos que ocultan unha realidade, a da dilapidación da normalización.
Despois disto, poucas posibilidades había de que os promotores e defensores da nosa lingua recibisen unha nova puñalada. Todo apunta a que mañá mesmo a van recibir.  Segundo esta imaxe xa temos confirmado que a SXPL deixa sen efecto as axudas aos ENDL dos centros de ensino. A causa é a mesma pola que se desviaron os orzamentos das campañas de normalización para outros fins, a crise da COVID-19. A crise sanitaria está sendo aproveitada para aniquilar a normalización en todas as súas facetas. Merecemos isto?

venres, 24 de abril de 2020

4000 libros e 40 motobombas

Non os toques! son libros!
Onte foi o Día do Libro. Foi un Día do Libro moi especial. As librerías estaban pechadas e só desde as institucións podían ofrecernos unha aposta organizada a favor da lectura en galego. Unha pequena mostra de apoio tanto ao libro como á lingua. Pero, como xa é habitual, isto non foi así.
Primeiro vai a nova, divulgada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), entre outros organismos da Xunta. Despois virá a explicación.
Titular: "A Xunta distribúe polo Día do Libro 4000 obras entre pacientes, acompañantes e persoal dos 14 hospitais públicos"

Este é o típico titular co que nos bombardea o servizo de información da Xunta de Galicia. Tanto ten que sexan 1000 ordenadores, como 4000 libros como 40 motobombas.Os números non están postos aí para dar conta dunha boa xestión, senón que están aí, simplemente. Son unha morea colocada para impresionar.
Non sei se estades afeitos a sofrir o telexornal da TVG. Durante todo o verán sempre hai unha nova na que se di "controlado o incencio de .... no que participaron 3, brigadas, 2 helicópteros e 5 motobombas". Sempre rematan coas motobombas. A conclusión é que en Galicia non hai eucaliptos, nin hai incendios. Só hai motobombas.

Entrada: "A partir de hoxe e durante os vindeiros días poranse en circulación estes volumes que buscan fornecer dunha opción de lecer para quen así o desexe e visibilizar o importante papel que o libro galego desempeña dentro da sociedade"

Ese "a partir de hoxe" indica que no Día do Libro só se sacaron fotos para dar a nova e que todo foi unha improvisación. "A ver, Balseiro, chama aos departamentos de cultura e que che baixen uns poucos libros ao CHUS. Si, fáloche desa farramallada que temos ocupando sitio no almacén. Imos facer como daquela, que llos mandamos aos colexios. Agora van para os hospitais.... e bulindo que é con présa". Un facer que se fai. Isto está mal, pero non é o peor. O peor é que é así acotío. A ninguén en San Caetano lle importa o sector do libro, aínda máis, ven con malos ollos se o libro ese está en galego. Para disimular este desprezo teñen a SXPL que retransmite a fazaña sen decatarse de que no vídeo de propaganda o libro que se ve con máis claridade é un de fotografía de Carlos Rodríguez, que tal e como vemos na imaxe, non foi pensado en galego. Do porco, todo se aproveita.

mércores, 1 de abril de 2020

Grazas Carmen Pomar, grazas Valentín García

Grazas, Carmen Pomar. Grazas por excluír outra vez a lingua galega dos mínimos de uso pola Consellería de Educación. En días pasados podiamos ver como a plataforma de vídeoconferencia contratada por esta consellería para os tempos do confinamento accesible en 16 linguas, non estaba dispoñible en galego. Agora este desprezo amplíase á distribución dos contidos E-Dixgal aos centros que non forman parte desta rede. Resulta que estes centros deben solicitalos ás empresas que publican estes contidos. Para iso habilitáronse uns formularios. Os dous de Planeta [1, 2] e o de Edebé [3] , a pesar dos centos de miles de euros que reciben da Xunta polo material para a plataforma E-Dixgal, os formularios de petición, que se fan en cinco minutos, esqueceron a lingua galega.
Se o que queremos é mostrar, unha e outra vez que o galego é prescindible, a señora Pomar está a facelo moi ben.
Tampouco vin á Secretaría Xeral de Política Lingüística interesándose por estas desfeitas. Debe ser porque desde este organismo aportan todo o que poden para secundarizar a lingua galega pois a última das súas propostas foi a de subvencionar un concurso (xacobeo, por suposto) de obras de ensaio (de tema xacobeo, por suposto) que poderán estar redactadas en español, e no caso de cometer a indignidade de premiar a unha obra en galego, tamén a publicarán en español [ver as bases]. Por todo iso, grazas tamén Valentín García.