Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Minerva. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Minerva. Amosar todas as publicacións

martes, 9 de abril de 2019

Unha resposta para tres chaquetas




O pasado 15 de marzo, nun acto patrocinado pola  Irmandade Xurídica Galega no que se lembrou cunha placa a primeira sentenza en galego nos xulgados de Marín,  homenaxeouse aos maxistrados precursores Sandra Piñeiro e Xermán Varela.


O avogado Avelino Ochoa, vestido cunha americana azul, lembrou que a homenaxe demostra que vivimos nun Impaís,
"que nesta especie de mundo ao revés xa non sei se queda ou non, esperanza para o galego, polo menos, neste ámbito da comunidade xurídica"
"O índice de demandas, resolucións e sentenzas escritas en galego é ínfimo e mentres tanto a Lei de Normalización Lingüística vai cumprindo anos"
O maxistrado Xermán Varela Castro, que gastaba unha chaqueta de punto, destacou o alto uso do galego pola cidadanía cando son os funcionarios da xustiza os primeiros en empregalo, pola contra se non o falan tampouco o falan os cidadáns.
"Seguimos sen ter un sistema informático en galego, seguimos sen ter un sistema informático que permita vehiculizar a actividade cotiá no noso idioma. Non unha mera tradución dalgún documento. Seguimos sen un acceso xeralizado, sen unha promoción seria do que foi o gran dicionario xurídico galego e levamos anos repetindo isto, cada vez que nos atopamos, e seguimos sen conseguilo. Pero iso, estas críticas que xa repetimos e levamos moitos anos, hoxe estamos peor. E estamos peor porque escoitamos tambores de uniformidade que nos chegan de fóra e que nos veñen a dicir que queren que tratemos o galego como pouco menos que un "detallito cultural", unha excentricidade folclórica, pero que non sexa empregado, que non sexa requerido, que non sexa valorado no exercicio da Administración."
A maxistrada Sandra Piñeiro Vilas, cunha chaqueta bordada en dourado,  explicou en que consiste o voluntarismo lingüístico que fan algúns na administración de xustiza: trátase de entrar na aplicación infomática, baleirar de contido os documentos íntegramente en castelán, aplicar un tradutor, revisar o resultado do tradutor, e por fin, comenzar a cubrir o formulario en galego.
"A promoción da lingua ten que vir desde os poderes públicos, e a aplicación informática está íntegramente en castelán."

A resposta
Finalizou o acto coa resposta de Valentín García, secretario xeral de política lingüística, quen se viu na obriga de dar resposta ás demandas expostas polos participantes anteriores

"Se algún ámbito dentro da Administración lle foi negado ao galego e ás demais linguas minoritarias, este foi o da xustiza [---,] nunca o galego tivo presenza na xustiza ata os tempos contemporáneos e isto lévanos a pensar que hai algunha causa [...] A administración de xustiza utiliza unha lingua de especialidade, de orixe culta, e que ten que ser precisa. Isto, xunto con outras condicións de orixe administrativa, estrutural como a dependencia da Administración Xeral do Estado. Tamén o débito coa documentación xerada con anterioridade e tamén as responsabilidades da Administración que seguramente temos moito por facer aínda"
Sobre as reclamacións dun programa de tramitación en galego, a contestación entra do absurdo pois ao non facer referencia á tradución do Minervao ao galego está indicando que o goberno non ten previsto tal actuación. Pero o máis disparatado foi a referencia ao Plan Senda, un proxecto de dixitalización da Xunta que nada ten que ver coas demandas feitas.
"Xa saeu aquí o programa informático Minerva que non ten unha tradución ao galego. É un programa que non foi creado en Galicia e que moi próximatemente imos ter reemprazado dentro do programa Senda que xa levará a que todos os expedientes que manexedes nos xulgados estean en formato dixital"

Velaquí como Valentín respondeu ás tres chaquetas, e deixou sen resposta ás persoas que as levaban. Sempre é así.



venres, 11 de decembro de 2015

En catalá també es de llei. E en galego?



A Generalitat ten aberta unha campaña de normalización no mundo da xustiza da que forman parte testemuñas como as do vídeo. Tamén se destacan sete puntos para romper coas inercias dun ámbito fortemente castelanizado.
1. Os documentos son válidos en catalán, sen necesidade de tradución
2. Os profesionais están preparados para traballar en catalán
3. Podes declarar en catalán e podes facelo en calquera tipo de declaración
4. Dille ao avogado que che represente en catalán
5. Como usuario da administración de xustiza, tes dereito a expresarte en catalán
6. Todos os rexistros están preparados para traballar en catalán
7. Podes solicitar calquer documento público en catalán (compra-venda, testamento,...)

Conviña preguntármonos cantos destes puntos son válidos en Galicia. Tambén estaría ben que nos explicáramos por que a administración galega non fai unha campaña semellante. Non debemos esquecer que desde que o PP entrou no poder, é aínda máis dificultosa a tramitación xudicial en galego xa que o programa que se impuxo na administración de xustiza, o Minerva Nox, está pensado en exclusiva para o seu uso en castelán, sen posibilidade de uso do galego. E xa van alá case 6 anos desde a súa implantación

venres, 14 de xaneiro de 2011

Desaparición da lingua galega da administración de xustiza

Excelente artigo no Galicia Hoxe, certificando unha situación que, tal como se anunciou, parte da case inexistencia da presencia do galego na administración de xustiza, e que grazas á política de agresión á nosa lingua, va camiño da eliminación total da nosa lingua nese ámbito.
No artigo faise referencia á información que A Mesa elaborou sobre o caso.


Se no ano 2009 foran setenta os xuízos rápidos en galego, desde o 4 de maio de 2010 a cantidade reduciuse a cero. A razón desta dramática redución é, en palabras do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, o novo programa informático proporcionado polo Goberno galego, denominado Minerva, impide desde o uso da lingua galega en calquera procedemento da administración de xustiza.
Os datos, apunta Callón, proporcionounos a propia Xunta e demostran o nivel de discriminación que padece o galego na administración de xustiza, "onde as persoas que queren usar o idioma propio do país son tratadas de forma deficiente, irregular e, sobre todo, inxusta".
O programa Minerva substituíu o pasado mes de maio o programa Libra, que permitía realizar en galego o vinte por cento dos impresos da Xustiza. Á Mesa, ese vinte por cento parecíalle insuficiente e protestaron ante a consellería, "pero a situación actual aínda é peor. Eu síntome como cidadán de segunda. Son as consecuencias do vello principio de liberdade lingüística que defende o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo: es libre de escoller se escolles castelán".
O que fixo a Xunta co programa Minerva, engade o presidente da organización, "foi aplicar directamente o programa do Ministerio de Xustiza sen facer tradución dos documentos ou do propio programa. Actúa como se Galicia fose a rexión de Murcia".
Se a Xustiza xa era tradiconalmente un dos ámbitos no que a presenza do galego resultaba máis escasa e, ademais, caracterízase pola súa lentitude, "o que fai o Goberno é poñer máis impedimentos. Un xuíz non pode facer a documentación en galego se non é manualmente e iso faría aínda máis lenta a Xustiza. Nós non estamos dicindo que se vaia utilizar o galego senón que haxa a opción da facelo".
E é que, subliña, "con Feijóo non só non se removeron as dificultades que padecía o noso idioma nese ámbito, senón que se colocaron novos obstáculos. É por iso que se pasou de que en 2009 houbese 57.011 actos xurídicos en galego a case a metade no ano seguinte: 30.334", sinala a entidade. Neste sentido, lembra que o pasado mes de decembro sufriu el mesmo en primeira persoa as consecuencias da política lingüística da Xunta no ámbito xudicial, "pois negáronme o dereito legal a recibir as notificacións e a documentación en galego".
Para Carlos Callón, "a verdade é un dato elocuente" da política lingüística desenvolvida pola Xunta e anuncia que desde a plataforma Queremos Galego -da que el voceiro- e desde Mesa "imos continuar, modulando os actos de protesta social" contra esta política e contra o denominado decreto do plurilingüismo, "porque tamén se demostrou que as grandes mobilizacións dos últimos meses lograron que detrminadas medidas que podían ser agresivas para o idioma non o fosen tanto".Tamén van continuar pola vía xudicial e os contactos internacionais co Consello de Europa. Nesta última vía, "o proceso", recoñece, "está resultando máis lento do que agardabamos porque o Estado español entregou o informe sobre a situación das linguas cooficiais só en castelán e despois de sete meses, aínda non remitiu a versión en inglés".
O 75% do ensino xa é en castelán
A plataforma Queremos Galego está recollendo datos para un ifnrome que fará público antes de fin de curso sobre a presenza do galego no ensino. Con todo, xa teñen algunhas cifras, cun resultado "arrepiante", apunta Callón: o equilibrio ao 50% está hoxe máis lonxe que hai dous anos xa que o castelán ocupa o 75% das materias fronte ao galego, que ocupa o 25%. "Este 25% era do que estabamos falando nos anos 80, e hoxe non chegamos nin a ese obxectivo".
Peor resulta o dato en Educación infantil, segundo unha enquisa dos sindicatos: as familias que reclamaron o ensino en galego foi do 40% e a realidade "é que só o reciben o dez por cento dos alumnos".
Respecto dos profesores que seguen a impartir as matemáticas en galego, malia a orde da Consellería de Educación, Callón loou a decisión dos profesores pero lamenta que "en pouco tempo non teremos ningún libro de matemátcias en galego, sequera de auxiliar porque non vai ser útil e ás editoriais non lle vai ser rendible"