Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Editorial. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Editorial. Amosar todas as publicacións

sábado, 25 de xullo de 2026

Actualizar o diagnóstico

 


por Xoán Costa, no Nós Diario:


O pasado 15 de xullo, 141 aniversario da morte de Rosalía, coincidiron dous feitos arredor da lingua galega. A Xunta presentou a actualización do seu Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e Galiza Cultura, unha reedición de Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza. A coincidencia convida á reflexión: cincuenta anos despois, o libro segue a ofrecer o diagnóstico que o Plan evita asumir.


En 1976 Francisco Rodríguez non buscou novas respostas. Cambiou o foco da análise. O galego non retrocedía por unha evolución espontánea, senón por unha relación histórica de dominación. Se o problema fose individual, abondarían campañas de sensibilización; como é estrutural, cómpre transformar as relacións de poder.


Desde a década de 1980, a política lingüística autonómica escolleu outro diagnóstico: concibe as linguas nun equilibrio administrábel, non nunha desigualdade que cumpra corrixir. O Plan Xeral de 2004 xa partía dese marco. O de agora repite o xesto. O propio conselleiro xa avisou de que o decreto que limita o galego no ensino non se toca. Sábese ben cal é o problema, porén elíxese non resolvelo.


Actualizar un plan é doado. Actualizar o diagnóstico exixe unha análise rigorosa que, ao que parece, a Xunta non está disposta a asumir. Rosalía, se cadra, xa o sabía cando chamou a non desertar da bandeira levantada.

sábado, 18 de abril de 2026

Orgullo e prexuízo

 


editorial por Xoán Costa, no Nós Diario:

"Somos orgullosamente bilingües", dixo Alfonso Rueda no Parlamento. A frase soa ben, mais importa perguntarse quen é ese "somos", que significa realmente ser "bilingües" e de onde vén tanta fachenda. Ese "somos" dá por común o que non é, xa que na Galiza unhas persoas poden viver sempre en castelán sen obstáculos e outras atopan trabas constantes para usar o galego, mesmo onde debería estar garantido. Non é unha vivencia compartida, é unha desigualdade imposta.

mércores, 30 de xullo de 2025

Vivir en galego


 por Yuri Carrazoni no Nós Diario:

Que tempos vivimos, nos que unha traballadora pode ser increpada por empregar a súa lingua no seu propio país. O caso do dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños, é máis unha mostra do longo camiño que aínda nos queda por percorrer para garantirmos uns dereitos lingüísticos básicos que a Xunta da Galiza non parece interesada en nos brindar. Seica aquilo do "bilingüismo harmónico", que noutrora foi a política estrela de Núñez Feixoo e que hoxe o seu sucesor aínda segue a replicar, consiste na práctica en falar en galego "na intimidade" –que diría Aznar–, onde non molestes a ninguén, e cando esteas exposto ao público botes man de "la lengua común", como porfían en nos vender o castelán os españolistas. Aínda que esteas na túa terra e no teu posto de traballo, e aínda que o obxectivo das institucións sexa dar a coñecer o noso patrimonio na nosa lingua propia. 

sábado, 22 de febreiro de 2025

Por que vetan o galego?


editorial de Nós Diario, por Alberte Mera:

 Dous ex altos cargos das institucións galegas, quen presidiu o Parlamento da Galiza entre 2009 e 2016, Pilar Rojo; e quen exerceu de vicepresidente do Goberno galego no último mandato de Alberto Núñez Feixoo, Francisco Conde, votaron onte na Comisión Mixta das Cortes españolas vetar que o galego sexa idioma oficial da Unión Europea. Feixoo levounos con el a Madrid como núcleo de confianza. Que triste presentarse por Galiza para defender con dentes un 'non ao galego', aínda que no caso de Rojo lémbrese que para entrar no Senado tivo que presentarse por Albacete. E todo, na semana en que a emerxencia lingüística protagoniza a axenda social, con protestas de entidades sociais como Queremos Galego no seo do Parlamento para reivindicar políticas a prol do idioma e protesta tamén na reunión para a reforma do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, após o Executivo galego sacar do sombreiro de copa –por non dicir que pagou unha empresa– unha enquisa feita á súa medida a 1.200 persoas para afirmaren que existe unha ledicia social co decreto da Xunta que limita o galego nas aulas. Neste febreiro, porén, hai unha luz que alumea, Rosalía, a quen o 23 lembramos no seu día. Canta falta fas, Rosalía, para embarcar coas túas palabras de actualidade e vixencia máis pobo na causa da lingua e dos intereses das galegas e dos galego.

mércores, 19 de febreiro de 2025

Obxectivos para o idioma. Cales?


 editorial do Nós Diario, por Alberte Mera:

Decorre hoxe a primeira reunión dos membros que participan na elaboración da Renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega 2025. Haberá saúdo do conselleiro de Cultura e Lingua, José López, presentación do informe do presidente da Comisión Técnica, Manuel González, constitución das comisións sectoriais... Terían nas súas mans unha grande empresa ante a emerxencia do idioma que demostra os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Por iso, os obxectivos deberan ser ambiciosos, como é a total normalización da lingua galega, cumprir e facer cumprir o Plan Xeral de Normalización que nin o Goberno galego ten a ben respectar na práctica diaria, eliminar as limitacións ao galego... Mais a Xunta, no seu ofrecemento de "pacto do galego" marcou liñas vermellas: non cuestionar o decreto que limita o galego no ensino e, para afianzalo, uns días antes de que hoxe transcorra a cita, o conselleiro e o presidente da Comisión Técnica  para a Renovación do Plan Xeral de Normalización presentaban un estudo pagado pola Xunta a unha empresa privada que, con apenas 1.200 enquisas, sitúa o galego como un foguete na mocidade e no ensino, autovalidándose o decreto que reduce o galego nas aulas -fronte ás 9.200  enquisas do IGE que certifican a emerxencia lingüística e a perda do galego entre o estudantado-. A pesar destes precedentes, sería bon que na cita de hoxe non poñan límites ao galego.

sábado, 16 de novembro de 2024

A lingua que nos fai ser


 editorial do Nós Diario asinado por Xoán Costa:

Así é o título da publicación que se vai distribuír con Nós Diario o próximo día 16. Un título que concibe o galego como esencia, como existencia. Díxoo Castelao: “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma” e díxoo Carvalho Calero en certeira aseveración que sitúa a lingua como o primeiro e fundamental dos elementos identificadores da nosa identidade: “Galiza existe desde que existe o galego”.

 

mércores, 30 de outubro de 2024

A Xunta despide o galego


 editorial, por Alberte Mera, no Nós Diario:

Con fachenda, a patadas e pola porta de atrás, así quere o Goberno de Alfonso Rueda expulsar a lingua galega do ámbito público. A Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta da Galiza coñécese como lei de acompañamento dos orzamentos -porque "acompaña" as contas da Xunta- e tamén como lei da porta de atrás xa que, a pesar de ter nacido para mudar automaticamente cuestións relacionadas cos ingresos e gastos, pode mudar as contas públicas mais tamén leis que non teñen a ver cos orzamentos mediante un procedemento de tramitación acelerada e sen debate parlamentario. É así como o Executivo de Alfonso Rueda pretende mudar agora a normativa de tal forma que implicará maior desprestixio para o galego e afondará na expulsión da lingua galega da Administración pública. Esta lei de acompañamento inclúe unha epígrafe pola que para contratación temporal de persoal laboral das categorías 2 do grupo 1, 2 do grupo II e 3 do grupo IV, así como de persoal interino que ocupe con carácter transitorio prazas reservadas a persoal funcionario de corpos ou escalas equivalentes, estarán exentos en 2025 de coñecer a lingua galega de, di a proposta da Xunta, non haber candidatos que o acrediten. E todo isto, tan só uns días despois de coñecérense os peores datos da historia en uso e coñecemento do galego.

martes, 1 de outubro de 2024

A falsa harmonía

 Editorial de Nós Diario:

Cantas veces escoitamos o presidente Alfonso Rueda, e previamente Alberto Núñez Feixoo, enarborar a bandeira dese suposto "bilingüismo harmónico" que, segundo os dirixentes do PP, existe na Galiza? O discurso da Xunta bateu onte unha vez máis coa realidade a través do informe publicado polo Consello de Europa advertindo do incumprimento de diferentes compromisos adquiridos polos Gobernos galego e estatal en materia lingüística no marco da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas nas súas relacións coa xustiza, na sanidade ou no ensino. O documento saca as cores á Administración e urxe "eliminar as limitacións" que impiden, entre outros aspectos, que a lingua propia do país —só o galego, malia que no pasado Rueda outorgara tamén esta distinción ao castelán— poida usarse cando se imparten as materias de ciencias. O uso do galego tampouco está garantido na atención sanitaria ou nos servizos sociais, algo que xa sabiamos pero que agora constata o Consello de Europa.

 

sábado, 25 de maio de 2024

Galego 365


editorial por Alberte Mera, en Nós Diario:

Despois de onte a maioría de xornais levaren a súa capa en galego polo 17 de maio, hoxe voltarán a aparecer en castelán. Sería lóxico nun país normal que a prensa empregase a lingua propia; porén, o 18 de maio de 2024 este xornal continúa a ser o único diario impreso en galego. Reducir a lingua galega a un día é levala a ritualismo. Pola contra, prestixiar o galego é facer xornalismo crítico e riguroso na lingua propia os 365 días do ano. Hoxe como onte e desde o número 1 de 2 de xaneiro de 2020, a razón de ser e de existir deste medio é servir aos intereses galegos e normalizar o idioma. Ofreceuse esta semana desde a Xunta un pacto en prol do galego. Que necesario sería un pacto que restitúa o idioma da Galiza como lingua vehicular e de aprendizaxe no ensino, levantado a prohibición de impartir materias como as matemáticas en galego. Pídeno milleiros de persoas que onte se mobilizaron en Compostela con Queremos Galego e reclamouno esta semana nunha entrevista concedida a este xornal a doutora en Matemáticas Elena Vázquez, que vén de recibir o Premio á Divulgación Científica da Real Academia Galega das Ciencias. Pasou o día de homenaxes institucionais a Luísa Villalta, mais a súa letra, sentimento, integridade e creación están vivas cando escribimos e falamos en galego. A letra de Luísa en nós sempre.

xoves, 6 de xullo de 2023

Existe un problema lingüístico?


 por María Obelleiro no Nós Diario:

Si, na Galiza existe un problema lingüístico. Un problema lingüístico que é de carácter político e que leva a que se nos negue o dereito a vivir en galego, a que se perdan falantes no idioma propio e a que entidades de carácter ultraespañolista teñan vía libre para faceren apoloxía do odio e para apelaren a incumprir a lexislación vixente. Existe un problema lingüístico, gordo, aínda que nos últimos tempos ficara nunha marxe da axenda política. Non hai máis que ser conscientes da imposibilidade práctica de empregar con normalidade o idioma propio na meirande parte dos ámbitos.

 

mércores, 5 de maio de 2021

Incompetentes


Editorial de Nós Diario a cargo de María Obelleiro:

A Real Academia Galega presentou onte os resultados do proxecto de avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO. Un estudo que volve demostrar o obvio: as mozas e mozos galegofalantes son bilingües, ao teren competencia en ambas as linguas, mais as castelanfalantes non o son, pois carecen dunha competencia aceptábel no idioma propio da Galiza. Da análise tamén chama a atención o feito de que o alumnado que estuda en centros de titularidade privada teñan un dominio bastante máis deficiente en galego que en castelán.

venres, 6 de febreiro de 2015

8F: respostas xa para o galego

editorial do Sermos Galiza:

A lingua está nunha situación límite, dramática, e as respostas deben ser agora e, visto o visto, só poderán vir do impulso social. Estamos no tempo do desconto, por empregarmos terminoloxía deportiva, e ou se reverten as políticas en curso ou en moi poucos anos o galego terá na Galiza un status similar ao do gaélico en Irlanda. Ou talvez peor, pois que o gaélico na república celta goza dunha protección legal da que carece o galego na Galiza, tratado como se fose unha lingua estranxeira de segunda (a lingua estranxeira de primeira, o inglés, camiña cara se converter na segunda do ensino no país).
De nada vale facermos un exercicio de profecía apocalíptica se non contribuírmos para pór remedio á situación. E o remedio pasa inescusabelmente por exercermos os nosos dereitos como cidadás e cidadáns. Facelo no día a día e no plano individual, séndomos esixentes coas administracións públicas e até coas empresas privadas, póndomos no debate social que hai un dereito humano elemental, o dereito a vivir con normalidade na nosa lingua, que está moi lonxe de se respectar.

domingo, 7 de decembro de 2014

Pasmados, mentres agoniza o galego



editorial de El Correo Galego

DICIR QUE AGONIZA aos poucos -ou aos moitos, tal como imos- a lingua galega non é practicar catastrofismo, nin querer resucitar o informe dramático do profesor Alonso Montero; é un exercicio de responsabilidade crítica, do que esta Casa -que mantivo con vida durante case dúas décadas, contra vento e marea, a fermosa aventura de sacar á rúa todos os días un periódico en galego-

sábado, 25 de outubro de 2014

Organizarse para salvar o galego

editorial do Sermos Galiza:

Que o goberno galego faga valoración positiva dunha enquisa que sitúa a nosa lingua, por vez primeira na historia, por debaixo do 50% nos usos sociais é a demostración palpábel de que o idioma producido polos galegos e as galegas durante xeracións ten no executivo liderado por Feijóo o seu inimigo número un. Non deberiamos sorprendérmonos moito. En 2005, Feijóo alicerzou parte do seu asalto ao poder sobre a base dunha monstruosa falsificación: a de que na Galiza, e durante o breve período do goberno de coligazón PSdeG-BNG, se estaba a impor o galego. A operación de engano masivo tivo éxito porque a nosa sociedade é moi vulnerábel aos prexuízos contra a nosa lingua e éo non por acaso mais por levarmos soportado séculos de colonización e dun proceso que o españolismo chama agora bilingüismo harmónico, embora non sexa máis que un proceso de substitución do galego como lingua socialmente maioritaria polo español.

sábado, 17 de maio de 2014

Por que en galego?

Editorial da Praza Pública para os días que non sexan o 17 de maio:


Na rimavera de 2011 unha campaña da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística espallou un deseño no que o debuxante Fran Bueno amosaba un elocuente diálogo: “Por qué hablas gallego?”, preguntaba un home alto. “Por que o preguntas?”, contestaba unha nena con cara de incredulidade. Os prexuízos contra os que loitaba aquela campaña e que pretendía reflectir este cadriño abordáronse tamén en anos pasados sen abandonar a retranca a través da rede social Twitter, onde un grupo de usuarias e usuarios popularizaron a etiqueta #díadelgallego para, en clave de humor, poñer o foco nalgúns usos máis ou menos rituais que a lingua sofre cada 17 de maio.

xoves, 24 de outubro de 2013

"Siempre la lengua fue compañera del imperio"

Editorial do Sermos Galiza. Na edición en papel desta semana ten unha ampla reportaxe sobre as consecuencias da LOMCE no retroceso normalizador no ensino.


O españolismo, na súa cruzada galegófoba, acusou historicamente o nacionalismo de querer impoñer o galego na Galiza. O ataque carece de todo fundamento, embora é obxectivo que como alegato eleitoral deu os seus réditos, nomeadamente na campaña que levou a Feijóo a Monte Pío. En realidade, e como ten dito a profesora Pilar García Negro, o nacionalismo non tenciona impoñer o galego, senón "poñer" o galego alí onde non existe, en ámbitos dos que secularmente foi expulso pola lingua de Castela. Poñer o galego no ensino. Poñer o galego nas empresas. Poñer o galego na normalidade da rúa. Poñer o galego na Galiza, o seu país. Normal e revolucionario.

xoves, 17 de maio de 2012

Reivindicar, festexar, vivir o galego

Editorial do dixital Praza. Bótanse en falta editoriais sentidos coma éste. Parabéns.

Hoxe é día de reivindicar. Día de reivindicar o galego como un dos principais bens comúns do país e das súas xentes, de reivindicalo como lingua que nos une ao pasado e ao porvir, de reivindicar a súa lexitimidade e a súa vixencia fronte ás insólitas agresións sofridas ao largo desta lexislatura que chega á súa fin preñada de incertezas e temores.

domingo, 17 de outubro de 2010

Madrid exporta a Baleares a política lingüística galega

Editorial  do Xornal:

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, xa ten quen o tome por exemplo a seguir. É nas Illas Baleares, onde o Partido Popular que lidera José Ramón Bauzá estase afanando en sumar un deputado máis aos seus actuais 28 e lograr así a maioría absoluta coa que desbancar o executivo socialista balear. Para iso, atopou na campaña electoral sobre a lingua que fixeron os populares galegos antes dos comicios do 1 de marzo o modelo a seguir. As mensaxes que alertan dunha suposta “imposición” por parte do catalán a respecto do castelán nas illas afloran nos seus discursos, algo que en Galicia xa se puido ver –e, de feito, séguese a comprobar– nas actuacións e comparecencias dos membros da Xunta e o PPdeG.
E é que a situación das Baleares aseméllase bastante á que se deu na Galicia anterior ao 1-M. Teñen actualmente un presidente socialista –Fransc Antich–, apoiado por grupos políticos de corte nacionalista, o que, trasladado a terras galegas aseméllase ao Executivo encabezado por Touriño e apoiado polo BNG. En ámbolos dous casos o PP tamén se atopaba ante o reto de acadar un pequeno pulo máis no seu electorado de cara a lograr facerse coa maioría e, por tanto, converterse na cabeza do Goberno. E, en ámbolos dous casos, semella que a política lingüística se converteu nun bo modo de acadalo.
Deste xeito, nas aparicións públicas de Bauzá aparecen frases e mensaxes que lles poden soar moi coñecidos aos galegos. “Permitiremos empregar a lingua con total normalidade”, “derrogaremos o decreto de mínimos”, “garantiremos a liberdade de elección dos pais da lingua vehicular na educación e a incorporación dunha terceira lingua as aulas”, sinalan Bauzá e os seus compañeiros de partido. E todo isto, por mor do que consideran unha “imposición” da lingua catalá sobre a castelá.
Se non se dixese o nome da persoa que pronuncia estas mensaxes, moitos pensarían que proceden dalgún político da Xunta ou do PPdeG, porque son precisamente estes anuncios, promesas e alertas as que se utilizaron de xeito electoral –e agora lexislativo– de cara a facerse con máis apoio do electorado.
Dáse, ademais, a circunstancia de que o Partido Popular das Balears foi precisamente o que elaborou o decreto lingüístico que agora quere derrogar, nunha mostra máis de que o seu xiro cara as posicións defendidas en Galicia son as elixidas para dar un golpe de efecto electoral.
E por iso mesmo é que as sospeitas dunha estratexia trazada dende a rúa Génova se fan máis evidentes, á vista de que o argumentario é máis que semellante, idéntico. Despois de que a aposta con Feijóo resultase efectiva para facerse co goberno, dende o PP estatal poden estar a querer repetir a xogada nas Baleares.
O discurso da imposición da lingua, coa súa exitosa aplicación en probas nos comicios autonómicos galegos semella unha nova estratexia marcada dende Madrid polos conservadores e con vista á súa aplicación en ámbitos territoriais onde o bilingüismo se manexa como opción normal. Ou o que é o mesmo, Génova parece ter descuberto o valioso laboratorio de probas que constitúe Galicia.

sábado, 9 de outubro de 2010

Se a maioría o pide

por Caetano Díaz, director do Galicia Hoxe, outra achega máis sobre o disparate da muda do topónimo da Coruña,  no Galicia Hoxe:

Señor presidente da Xunta, leo que vostede apoia as aspiracións de don Carlos Negreira de aprobar o uso deturpado do topónimo da Coruña. Leo que lle abre vostede a porta á modificación da Lei de Normalización Lingüística, un dos poucos monumentos de consenso erguidos no noso Parlamento. Leo o seu argumento: “Se a maioría o pide, A Coruña será bilingüe”. E boto as mans á cabeza, dígollo con todo o respecto, cun arrepío que creo compartir con ducias de milleiros de galegos. Convertido nun Atila ultraliberal, cabalga vostede, don Alberto, sobre o cabalo do idioma que aínda falan os labregos dos Peares e os mariñeiros de Corrubedo, tamén os universitarios da USC, e por onde vostede pisa non volve crecer a herba da harmonía lingüística. Quere vostede, señor Feijóo, unha Galicia plurilingüe. Eu aplaudo ese soño, pero algo falla gravemente cando o plurilingüismo implica castigos continuos ao idioma matrio do noso país, que é utilizado como caladoiro de pesca de votos e que é aldraxado pola máis alta institución política de Galicia. O argumento trampón do que pide a maioría –levado ao absurdo, se a maioría o pide, vostede tería que deixar a Presidencia da Xunta, porque houbo máis galegos que votaron bipartito– agocha un inaceptable desprezo dos sinais de identidade do noso pobo. Unha deserción que doe. Non sei o que pide a maioría. Sei o que eu reclamo: uns gobernantes á altura do seu país. Despídome lembrándolle a grande achega do ex presidente Albor á ciencia política: sentidiño, señor Feijóo.

sábado, 24 de xullo de 2010

Menos vieiros para a lingua galega

Pasmadiño e triste quedei.
Quedámonos sen chuza! nin Vieiros.
Do primeiro non vou comentar nada, eu son un inútil disto do uso das TIC, e a cousa quedábame fóra do meu mundo. Do segundo: aquí á dereita deste blogue, en lugar principal, están as ligazóns aos medios galegos (medios en galego, aclaro para os despistados),  hoxe cando como todos os días abro a páxina de Vieiros, leo: Até sempre. Non si por que, pero algo xa ventaba eu, nas últimas semanas Vieiros decaera moito, renovábase menos, era menos dinámico. Pregúntome que pasaría se os cartos que se desvían co pretexto da promoción do galego para medios que o insulta a diario, fosen parar aos medios que realmente están comprometidos coa normalización da nosa lingua. Pecharía entón Vieiros? Pregúntome que pasaría se no canto de promocionar castelos no ar como o novo concurso-plaxio que inventou a Radio Galega, vas sacar nota, continuara coa fórmula do a polo ghit que demostrou ter bo funcionamento durante anos. Será que á Radio Galega lle interesa agora moito máis a nosa música?
Con estes dous peches os vieiros do galego serán mañán menos que os que había onte, e onte as cousas non estaban para botar moitos foguetes.  Está claro que non vivimos nun país normal e que como norma xeral os medios carecen de independencia, creatividade, e moito menos, esplendor.
Deixo aquí, por último, as ligazóns ás últimas editoriais de Vieiros.
Hoxe, 24 de xullo de 2010 e véspera do Día Nacional, Vieiros pecha logo de 15 anos de ilusión e esforzo por manter o medio que sempre soñaramos.