Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 30 de outubro de 2024

A Xunta despide o galego


 editorial, por Alberte Mera, no Nós Diario:

Con fachenda, a patadas e pola porta de atrás, así quere o Goberno de Alfonso Rueda expulsar a lingua galega do ámbito público. A Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta da Galiza coñécese como lei de acompañamento dos orzamentos -porque "acompaña" as contas da Xunta- e tamén como lei da porta de atrás xa que, a pesar de ter nacido para mudar automaticamente cuestións relacionadas cos ingresos e gastos, pode mudar as contas públicas mais tamén leis que non teñen a ver cos orzamentos mediante un procedemento de tramitación acelerada e sen debate parlamentario. É así como o Executivo de Alfonso Rueda pretende mudar agora a normativa de tal forma que implicará maior desprestixio para o galego e afondará na expulsión da lingua galega da Administración pública. Esta lei de acompañamento inclúe unha epígrafe pola que para contratación temporal de persoal laboral das categorías 2 do grupo 1, 2 do grupo II e 3 do grupo IV, así como de persoal interino que ocupe con carácter transitorio prazas reservadas a persoal funcionario de corpos ou escalas equivalentes, estarán exentos en 2025 de coñecer a lingua galega de, di a proposta da Xunta, non haber candidatos que o acrediten. E todo isto, tan só uns días despois de coñecérense os peores datos da historia en uso e coñecemento do galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario