Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 17 de outubro de 2024

Na nosa lingua

 


por María Xosé Bravo, no Nós Diario:

Os medios de comunicación foron considerados unha das pezas chave no proceso de recuperación e normalización da lingua galega. Hai vinte anos, en setembro de 2004, aprobábase por unanimidade no Parlamento galego o Plan xeral de normalización da lingua galega. Moito choveu desde aquela e na presenza do galego nos medios de comunicación pouco se progresou. Cando non se retrocedeu.

 

Nestes días as traballadoras e traballadores da Corporación de Radio e Televisión de Galicia están en folga indefinida para pedir que se aposte pola produción propia e para denunciar o desmantelamento do medio e a perda de calidade dos contidos que se vai producir coas externalizacións que se queren levar a cabo. En vez dunha televisión pública ao servizo da lingua e do país, o que temos é manipulación e desprezo pola lingua propia. "Non á propaganda, si á información", berran as traballadoras que impulsan os Venres Negros.

 

Tivemos onte na AC Alexandre Bóveda un debate sobre a prensa en galego. É verdadeiramente inaudito que exista unha única cabeceira nacional en papel en galego no noso país, máis alá dalgunha comarcal-provincial como é o caso de O Sil, e a isto temos que engadir a escasísima presenza da lingua galega no resto de xornais en papel. A posibilidade das galegofalantes de poder facer a lectura diaria de prensa en papel, e pensemos que segue a ser a que goza de máis prestixio, con normalidade, na nosa lingua, redúcese a un único xornal mentres en castelán podemos elixir unha ducia de medios. E nestes últimos, a presenza da lingua galega non chega a 1%. Noutros territorios do Estado con lingua propia a oferta é maior e teñen moito avanzado no uso da lingua nos medios de comunicación escritos.

 

E non falemos xa das moi escasas posibilidades que temos de asistir á proxección dunha película dobrada en lingua galega. O maior escarnio é que, ás veces, nin tan sequera podemos ver a versión orixinal dun filme en galego e temos que conformarnos coa versión dobrada ao español.

Ningún comentario:

Publicar un comentario