Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta web. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta web. Amosar todas as publicacións

martes, 3 de xuño de 2025

A Biblia.gal

 A Biblia.gal é o austero portal desde o que a Editorial Sept ofrece a versión on-line do libro sagrado dos cristiáns. A editorial publicara por primeira vez a Biblia na nosa lingua no 1989. A tradución fixérase con moito rigor, a partir das fontes orixinais, non a partir da versión noutras linguas. De aí que o documento tivese unha calidade extraordinaria. 

Posteriormente no ano 2022 actualizouse cunha revisión lingüística por un grupo filólogos. Esta última versión é que agora se pon a disposición libre desde o portal que se presenta estes días.

A publicación tamén se pode descargar en PDF desde aquí

A Galilpedia ten máis información sobre a historia das traducións da Biblia ao galego.

Con todo, o fundamental neste punto é que a Igrexa sempre foi un vector de desgaleguización. De pouco serve ter unha moi boa edición da Biblia se a lingua de relación ou da liturxia segue a ser o castelán. Hai un informe do Consello da Cultura que trata, en parte, este tema: Receptividade do galego na liturxia


domingo, 27 de abril de 2025

Universo Cantigas

 

Acaba de publicarse Universo Cantigas I. Cantigas de Amor, unha obra que recolle a edición das 704 cantigas de amor galego-portuguesas transmitidas polos cancioneiros medievais. O  texto crítico de cada cantiga vai acompañado dunha paráfrase en galego actual, ademais da indicación das fontes manuscritas, das edicións anteriores existentes e dun código QR que liga cada poema coa súa edición dixital completa na web Universo Cantigas. En datas próximas, sairá o segundo volume, coas Cantigas de Amigo.

A obra é froito dun intenso labor de investigación filolóxica iniciado en 2010, que ten por obxectivo fixar un texto crítico das 1680 cantigas galego-portuguesas que se conservan na actualidade. O financiamento ministerial dos sucesivos proxectos permitiu a creación dunha plataforma dixital, Universo Cantigas,  de acceso libre na que se pode consultar a edición completa de cada composición.



xoves, 30 de xaneiro de 2025

Apelidos galegos, nomes galegos


 No ano 2016 a RAG publicara "Os apelidos en galego: orientacións para a súa normalización" con 1500 referencias. Agora acaba de presentar unha nova ferramenta en liña con máis de 6000 apelidos que, afirman, abranguen a máis do 95% da poboación galega. Trátase da Guía de apelidos galegos, unha ferramenta que ten o claro obxectivo de restaurar os apelidos bárbaramente castelanizados. A plataforma ofrece un informe do Seminario de Onomástica da RAG acreditando a forma oficial do apelido (ver imaxe de abaixo a modo de exemplo). O coñecemento dos apelidos pódese ampliar desde outro portal, o da Cartografía dos apelidos de Galicia, un proxecto do ILG.

Non é esta a única ferramenta sobre onomástica. No ano 2022 xa publicara a Guía de nomes galegos, que tamén é accesible nunha plataforma específica que ademais contén información sobre cada nome como é a súa distribución xeográfica. 


mércores, 2 de febreiro de 2022

Neofalantes: o portal

 


O pasado luns a USC por medio da Facultade de Ciencias da Comunicación e a Xunta, por medio da SXPL, presentaron o portal Neofalantes

O portal conta con varias seccións sobre o mundo neofalante, sobre actualidade da lingua galega, investigacións lingüísticas, polémicas en redes relacionadas co galego, unha sección de vídeos e, finalmente, unha de opinión. Ademais contará cunha activa presenza en redes sociais, sobre todo, nas predilectas da mocidade: Instagram e Tik Tok, aínda que tamén terá canle de Youtube, Facebook e Twitter.

Nun dos seus artigos dan 5 recomendacións para os primeiros momentos dun neofalante:
  • Escoller un plan
  • Expoñerse todo o posible ao galego
  • Bucar entornos amigos
  • Procurar alianzas nas redes sociais
  • Desfacerse dos prexuízos
Aquí vai esta entrada cos meus mellores desexos. Dun paleo-neofalante

venres, 16 de xullo de 2021

Marzo mes das matemáticas, en galego

Marzo, mes das matemáticas. Sempre me pareceu un mal nome para esta enorme iniciativa pois sobarda con moito o citado mes. A rede de divulgación das matemáticas DIMa, a partir da proclamación por parte da UNESCO do 14 de marzo como Día das Matemáticas, decidiu participar cunha serie de eventos durante todo o mes. Pero parece que o asunto botou por fóra e o listado de actividades xa ocupa máis de medio ano e non se lle ve trazas de que teña finalización. 

Entre outros proxectos divulgativos hai unha gorentosa colección de exposicións. Agora podemos acceder á versión en galego dalgunha delas. En concreto:

O primeiro destes recursos lévanos á descarga do material desta exposición. O segundo é un portal no que podemos acceder á exposición Matemáticas para un mundo mellor, con 10 pósteres distintos xunto con outra exposición de 12 fotografías matemáticas comentadas.

De toda esta colección de recursos sabemos grazas a Elena Vázquez Abal, profesoa do Departamento de Matemáticas na Área de Xeometría e Topoloxía da USC quen comparte todo isto coa seguinte petición:

A descarga de todo este material é libre, o único que pedimos é que no caso de realizar unha exposición pública se nos informe (por motivo de recollida de impacto) ao enderezo marzomates@ull.edu.es do lugar e período da exposición e, se é posible, que nos envíen fotos. Se comparten información en redes da exposición, por favor, inclúan #MarzoMates DiMa - Divulgación Matemáticas F E C Y T ·

Sen dúbida ningunha son unha boa colección de recursos que permiten abordar novas miradas ás matemáticas. Tamén aparecen recollidos no web Retallos de matemáticas, no seu apartado de Material didáctico.

 

luns, 20 de abril de 2020

Caranvexo TV

Os centros CEIP A Guía, CEIP de Abelendo, CEIP de Quintela, CEIP de ReibónCEIP de Seara, CEIP de Tirán,  CEIP DomaioEEI de VerducedoEEI do ConIES A Paralaia e o IES As Barxas xuntáronse arredor do proxecto Caranvexo TV e fixeron esta enorme marabilla co patrocinio da Área de Normalización Lingüística do concello de Moaña.
O portal está inzado de vídeos e escoller un para compartir aquí non só é difícil, senón tamén inxusto cos moitos outros proxectos cheos de traballo e ilusión. Con todo atrevinme a deixar aquí unha elección. Forma parte tamén do audiovisual do IES As Barxas, que xoga noutra liga. Na seguinte peza, de Manuel Currás, entendo que un alumno do centro, cóntase a verdadeira historia da película "Los lunes al sol". Para min moito máis emocionante esta curta documental sobre o conflito de Ascón contado por Manuel Currás. Unha marabilla.

mércores, 18 de marzo de 2020

Aulas Galegas



Velaquí un novo e gorentoso proxecto da comunidade do ensino galego: Aulas Galegas
Trátase dun portal educativo realizado por un colectivo de profesoras e profesores sen ánimo de lucro que cren que ante a situación de illamento provocada polo coronavirus Covid-19 deben ofrecerlle unha axuda educativa á sociedade.
Segundo se declara no propio portal, Aulas Galegas

nace para axudar o alumnado, as familias e o resto de profesorado a atopar recursos e materiais educativos en galego.

A vocación deste portal educativo non é substituír as indicacións educativas que o profesorado lle faga ao seu alumnado no ensino regrado nin o papel das administracións educativas.

A nosa intención é ser unha fonte de recursos que sume no panorama educativo galego.

 Como comentario aparte, encantoume poder neste vídeo de presentación semi-desvirtualizar a Luz Beloso, a Xano, a Alberto Fortes ou María Loureiro

mércores, 11 de marzo de 2020

Retallos de matemáticas: un portal de matemáticas en galego

Un portal para as matemáticas en galego



Velaquí está, Retallos de matemáticas, un portal para as matemáticas en galego. A publicación do funesto decreto 79/2010, de expulsión do galego no ensino non universitario, foi o máis grave ataque á normalización dos últimos 40 anos. Unha das consecuencias do mesmo foi a prohibición de edición e uso de materiais en galego nas matemáticas. Como resultado temos una xeración con máis prexuízos e menor estima e coñecemento da lingua galega.

Con todo, a pesar das prohibicións, a resistencia social mantense e faise patente en toda unha serie de prácticas, documentos e recursos. Este portal quere ser unha porta aberta a todas as achegas ás matemáticas en galego. Por iso, se hai erros ou faltas, agradécese calquera contribución para ir mellorando o portal.


As súas seccións son:
  • Publicacións Todo comenzou porque en novembro publicara unha entrada neste mesmo blogue na que recollía algunhas reflexións sobre a lectura científica en galego xunto cunha recompilación de todo o material de matemáticas que coñecía que se publicara na nosa lingua durante os últimos 20 anos. Na miña fachenda pensei que a información podería ser útil polo que consideraba unha mágoa que ficase nun blogue, nunha entrada que vai desaparecendo nos cavorcos da publicación. Esta foi a motivación que me levou a crear o portal. Nesta sección engadinlle un apartado adicado a revistas de matemáticas.
  • Material didáctico. Na páxina principal desta sección hai unidades didácticas (U.D.) adicadas á historia das matemáticas así como un par de referencias a exposicións. Hai ademais tres subseccións con U.D. de Primaria, Secundaria e Universidade.
  • Non creo que haxa que explicar o que se recolle en Vídeos. Só un apunte: comparado con linguas próximas, a cantidade de vídeos en galego sobrte matemáticas é ridícula.
  • Na rede pódense atopar portais con recursos de matemáticas, así como unha sección de blogues
  • No apartado Normalización  hai campañas e referencias ao uso social das matemáticas na nosa lingua. Inclúese unha sección de Terminoloxía, pois o uso dunha lingua de calidade é un presuposto previo de calquera actuación normalizadora.
Espero que a alguén, algunha vez, lle sexa útil.

venres, 12 de abril de 2019

Lingua e sociedade. Guía didáctica sobre os procesos sociolingüísticos en Moaña


A principios de mes Martín Vázquez e Rubén Moralejo, da Universidade de Vigo, presentaron 
"Lingua e sociedade. Guía didáctica sobre os procesos sociolingüísticos en Moaña"  no que contaron co apoio da Universidade e a Deputación. Os resultados do traballo poden consultarse no portal Lingua e sociedade que permite unha navegación por múltiples camiños.
Remexendo no portal atoparemos referencias sobre a alternancia de códigos, a desgaleguización, a lingua na educación, a normativización da lingua, a minorización, a política lingüística, a normalizacióntransmisión interxeracional, as ideoloxías lingüísticas ou a variación lingüística. 
En cada un destes apartados temos textos explicativos, así como vídeos nos que algún veciño relata algunha opinión ou historia que ilustra o tema. Tamén hai varios mapas e gráficos que explican as características da poboación, ben galega, ben moañesa, arredor dalgún tópico sociolingüístico. Por exemplo, o seguinte gráfico revela moi claramente cal é o estarrecedor panorama da lingua nas escolas de Infantil de Primaria no concello de Moaña. Pode alguén, que non sexa un radical inimigo da lingua galega, defender o funesto decreto 79/2010, de exclusión do galego na escola?


Lingua habitual do alumnado de Infantil e Primaria de Moaña
Este outro gráfico recórdanos o do que explica a política lingüística da Xunta, pois é prácticamente igual a este que aparecía no informe Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992-2016 (RAG, 2016)

Uso das linguas en Galicia segundo idade


En conclusión, abriuse un novo recurso educativo/informativo/divulgativo no que podemos botar un ollo para enxergar cales son os principais conceptos que se empregan na sociolingüística, así como unha boa serie de datos e recursos para entender mellor o panorama galego en relación coa normalización, comenzando polo feito de que a palabra está prohibida nos cenáculos do poder.

sábado, 9 de febreiro de 2019

#galegoempresas




#galegoempresas é unha plataforma dos concellos de Santiago, Ames e Teo que achega información sobre os negocios que ofrecen produtos e servizos en galego. Ademais serán doados de identificar mediante un logo como o que se presenta no portal desta campaña. Este portal funciona como buscador de empresas que ofrecen os seus servizos en galego e permite tamén ás empresas inscribirse no listado.
Unha excelente iniciativa dos SNL dos concellos de Santiago, Ames e Teo.

xoves, 24 de novembro de 2016

CienciaNOSA e o Proxecto Funil




O Proxecto Funil presentouse no XXIX Congreso ENCIGA celebrado os días 17, 18 e 19 de novembro no IES Xulián Magariños (Negreira). Por esta noticia chegamos ao portal CienciaNOSA, o escaparate dun grupo de innovación docente que desenvolve a sua actividade en tres liñas fundamentais das que Funil.gal forma parte importante:
i) Didáctica da Química, coa elaboración de novos materiais docentes incluídos novos materiais audiovisuais como ferramentas docentes;
ii) Historia da ciencia e patrimonio histórico-científico galego, cun traballo de concienciación da importancia do legado científico e unha posta en valor do traballo das científicas e dos científicos galegos;
iii) Mulleres e ciencia, mediante a inclusión da perspectiva de xénero na docencia.

O Proxecto Funil susténtase en dous tipos de recursos: un libro electrónico de prácticas de laboratorio de química e unha serie de vídeos onde se visualizan os procedementos,as técnicas e o desenvolvemento práctico no laboratorio de química, as operacións básicas e de certas preparacións elementais.
Só nos queda dar os parabéns e o agradecemento de todos os que respectamos e amamos a lingua galega aos colaboradores do Grupo CienciaNOSA.
Velaquí, xa que logo, unpar de fontes de recursos de enorme calidade e con vontade normalizadora. En consecuencia, o X premio Luísa Vilalta foi parar a este proxecto, que está financiado pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística da que forma parte a SXPL. Nunca, desde a SXPL  se fixo promoción, nin tan siquera noticia, destes gorentosos traballos. Sospeitoso, non?

Como mostra do enorme poder normalizador vai un segundo vídeo coa terminoloxía propia do material de laboratorio.


sábado, 30 de abril de 2016

A Chave e a artesa

A Chave
A carta de presentación do proxecto A Chave é un canto á normalización:
O proxecto da Chave súmase ao esforzo colectivo de lle dar valor e prestixio á lingua galega. A Chave quere contribuír a que abandonemos os vellos prexuízos lingüísticos e, antes polo contrario, que sexamos unha sociedade con maior consciencia lingüística, máis animada a coñecer e a usar o galego.
Polo de agora A Chave ofrece unha colección de léxicos de elaboración propia cos nomes galegos das algas, os cogomelos, as bolboretas, os anfibios, os réptiles, as aves e os cetáceos. No futuro tamén teñen previsto traballar na elaboración de dicionarios. Ademais, A Chave ofrece un directorio coas ligazóns a sitios web de referencia do ámbito da lingua, a cultura e a sociedade.

A artesa
A artesa nace dos XVIII Encontros para a Normalización. Consiste nunha caixa de recursos que nos permitirán crear espazos propios para o galego:

xoves, 31 de marzo de 2016

O Protocolo de Garantía dos Dereitos Lingüísticos



O Protocolo de Garantía dos Dereitos Lingüísticos será un documento que recollerá as medidas concretas para garantir os Dereitos Lingüísticos dos falantes . O Protocolo confeccionarase sobre a base da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, asinada en 1996 en Barcelona. Un Comité Científico composto por dezasete expertos, intelectuais e investigadores, con experiencia en diversas disciplinas e procedentes de diversos ámbitos. Unha das funcións deste comité será garantir a incorporación de todas as perspectivas no Protocoloserá o último responsable de redactar o Protocolo. O documento contrastarase con numerosos axentes e institucións sociais e presentarase en decembro de 2016 en San Sebastián, no marco do Cume Europeo da Diversidad Lingüística.
Para facerse unha idea do proxecto pódese consultar a súa páxina web ou ler este documento

P.S.: O pasado mes de decembro A Mesa informaba que o Comité Científico contaría con participación galega. En concreto coa profesora da Universidade da Coruña, Pilar García Negro.

luns, 14 de marzo de 2016

Almanaque das Irmandades e Historia da literatura galega. Dous grandes portais da nosa cultura.

Alamanaque das Irmandades
No presente ano 2016 estase a celebrar o centenario das Irmandades da Fala. Para facelo cada día a AS-PG e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda argallaron e manteñen a páxina do Almanaque das Irmandades na que cada día se recollen anécdotas, feitos e persoas.
Non se trata dun proxecto pechado. Hai unha xanela aberta para aqueles que queiran incorporar a súa achega.

Historia da literatura galega

Non é este o único proxecto que mantén aberto a AS-PG. Hai uns poucos días saltaba a noticia da publicación doutro portal. Neste caso trátase dunha enciclopedia con 1.600 páxinas de texto que recollen a Historia da Literatura Galega, pero adaptadas á linguaxe dixital, que se irá ampliando coa incorporación de elementos multimedia.
Polo momento podemos acceder a unha enorme base de datos na que acharemos obras da nosa literatura e autores en orde alfabética e cunha rede de ligazóns realmente abraiante.
Temos que lle agradecer a inciativa tanto á AS-PG como á Deputación de Lugo.

domingo, 14 de febreiro de 2016

O asombro de Mr. Darwin

Portada do portal
Grazas ao blogue Cultura Científica Boiro, do IES Praia de Barraña, entereime de que o pasado 12 de febreiro celebrábase o 207 aniversario do nacemento de Charles Darwin (Shrewsbury1807-Down House 1882). Tirando do fío cheguei a saber dunha exposición producida polos Museos Coruñeses no bicentenario e para a que crearon un portal web, O asombro de Mr. Darwin,  que aínda pode disfrutarse, cargado de recursos e posibilidades didácticas. Entre elas está esta wikiteca, unha guía para o profesorado, un vídeo dunha representación teatral protagonizada por Manuel Lourenzo e Santiago Fernánzdes, ou  esta outra presentación de Daniel Soutullo pensada tamén para o uso na aula:



luns, 18 de xaneiro de 2016

Cantigas de Santa María

Noutra ocasión fixéramos neste blogue referencia a un portal, o das Cantigas Medievais Galego-Portuguesas, que nos ofrece múltiples posibilidades de consulta. Nesta ocasión recollemos algúns recursos da areñeira referentes ás Cantigas de Santa María.
Podemos comenzar a andaina co portal de Cantigas de Santa María for singers, un portal que nos proporciona as 427 cantigas a partir dun índice numérico a partir da edición de Mettmann (1986-1989). As peculiaridades desta recompilación están en que nos ofrece a posibilidade de acceder a unha trsanscrición fonética das cantigas ou á separación silábica. Tamén nos mostra as partituras musicais de cada cantiga. O título do portal non engana.
Un segundo e gorentoso chanzo represéntao o portal da Universidade de Oxford, The Centre for the Study of the Cantigas de Santa Maria, creado no 2005 a partir de dous proxectos de investigación. Un deles centrado en elaborar unha base de datos sobre as Cantigas de Santa María e o outro en elaborar unha nova edición crítica. En moitas das súas páxinas a información é bilingüe (inglés-galego)
Existen catro manuscritos das Cantigas de Santa María. Podemos acceder a unha dixitalización do exemplar da Biblioteca Capitular de Toledo. Outros dous consérvanse no Escorial. Tamén hai un exemplar en Florencia pero lamentablemente sen a transcrición musical.
Como podemos observar, estas alfaias literarias, escritas en galego medieval, non están en Galicia. Fixemos referencia a dous portais británicos, a outro da Universidade Nova de Lisboa e incluso poderíamos ligar a un en xaponés. Non é que na terra non haxa quen teña interese na recuperación e dignificación da nosa historia, especialmente da nosa lingua na época medieval, pero está claro que algo falta.

sábado, 21 de novembro de 2015

O portal dos apelidos galegos

Grazas a unha entrada do blogue Normarín, do ENDL do Colexio San Narciso (Marín) souben deste recomendable portal dos apelidos galegos. Aparecen ordenados alfabéticamente, cun acceso moi doado a información sobre calquera deles.
Nun dos seus apartados temos unha lista dos apelidos menos frecuentes. Así entereime de que na miña vila, A Estrada, temos un apelido a piques de desaparecer, Quiveo. No ano 2001 había en total 15 persoas en toda Galicia con este apelido, aínda que había tamén 74 Quibén, 13 Quiveu e 26 Quivén. Hai outros con tan poucos rexistros, como o fermoso Augalevada, que nin tan siquera aparecen no mapa cartográfico de apelidos da USC do 2001, que é unha das ferramentas fundamentais que usa este portal.

P.S.: tal e como me fixo ver H. Villar Janeiro, mágoa da lingua que usan no portal. Na portada podemos ler "Os apelidos nos foron transmitidos ó longo dos séculos como sinal identitario e forman parte do noso patrimonio familiar e cultural."

sábado, 19 de setembro de 2015

Xuventude Galicia Net ou Juventud Net?

Xuventude Galicia Net anúnciase como a maior party informática de Galicia. Estase a celebrar estes días na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda. Pódese comprobar que o seu portal exclúe por completo o galego. As normas do encontro non existen en galego, tampouco no formulario de inscrición, nin en apartado nin noticia algunha.
O evento recibiu o apoio da Xunta coa visita o pasado xoves 17 do vicepresidente, Alfonso Rueda, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. Ademáis da Xunta, Xuventude Galicia Net está patrocinado pola Deputación de Pontevedra, o Concello de Silleda, ABANCA, e Coca-Cola.
Nas redes sociais facebook e twitter dáse o caso de que a lingua galega desapareceu por completo, pero se buscamos polo time-line comprobaremos que en edicións anteriores si que era a lingua de referencia. Malas novas.

sábado, 12 de setembro de 2015

O novo portal da SXPL non ten memoria

Onte presentouse un novo portal na arañeira que será a imaxe a partir de agora da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O anuncio publicita a novidade como un paso adiante para facelo máis actual e máis transparente. Se o primeiro é certo o segundo é mentira.
Efectivamente, a renovación vai permitir que a SXPL nos ofreza unha imaxe máis actual, e en moitos casos con máis facilidade para acceder á información e aos seus recursos. Por exemplo, se imos ao apartado de lexislación, agora dispoñemos dun filtro que nos permite escoller en función de distintos parámetros (organismo que lexislou, tipo de lei ou tema da mesma).
Outra novidade positiva é a liberación do tradutor Gaio, ferramenta que antes só estaba dispoñible para o uso interno da Administración, pero que a partir de agora está a disposición de calquera na rede.
Pola contra se buscamos as noticias sobre a lingua, do que anteriormente había un arquivo de máis de sete anos, agora atopámonos con que a primeira entrada é de hai tres meses. Aínda máis, fixeron desaparecer todas as ligazóns ás entradas de toda a historia anterior da SXPL. Nada existía antes de onte. Así que agora non ficarán desaparecidas cousas como:


  1. A mentira do incremento dun 45% na dotación orzamentaria da SXPL para a USC
  2. A evidencia de que a Xunta silencia unha proposta de edición multilingüe de obras literarias galegas, catalás e vascas
  3. O maltrato aos ENDL dos centros de ensino que fixo que a CGENDL pedira a dimisión do secretario xeral de política lingüística
  4. Non termos coñecemento da Suspensión dos cursos de lingua galega no Espazo das Linguas Ibéricas en Madrid nin da promesa dunha nova convocatoria antes de finais deste ano.
  5. Non veremos as fotos dos altos cargos homenaxeando aos científicos galego cando a un tempo prohiben o ensino das ciencias en galego. Polo menos tampouco temos á nosa disposición ese insulto que viña sendo o Outono de ciencia, ese hipócrita apoio ao Día da Ciencia en Galego (lembremos que nin tan siquera o nomeaban así senón "Día da ciencia", sen galego)
  6. Tampouco teremos onde comprobar o cinismo no defenestramento dos cursos Celga, nin da atoleirada forma de actuar nas oficinas da SXPL cando se lle presentaban alegacións ao disparatado proxecto dos cursos Celga. Supoño que a pretensión é que esquezamos que sucederon cousas como que desde o profesorado de linguaxes específicas houbo sempre un intento de diálogo que nunca foi escoitado por parte das oficinas da SXPL. Cantas cousas teremos que esqucer? [1], [2], [3], [4], [5], [6], [7]
  7. Política Lingüística apoia un concurso literario en español de dous colexios do Opus, pero nós non o recordaremos.
  8. E que dicir da carta enviada pola CGENDL denunciando a inexistencia de materiais en galego nas ensinanzas da FP. Cambiou algo a cousa desde aquela?
  9. Tampouco teremos constancia do rexeitamento que a SXPL fixo do Plan Xeral de Normalización Lingüística, a pesar das mentiras verquidas nalgún artigo de opinión, que sabiamente foi contestado por ProLingua. +[8]. Por certo, algo deben ter as cadeiras da SXPL que fan que quen senta nelas se lle vire por completo o sentido. Postos a lembrar, que tal aquel artigo de Anxo Lorenzo, Política lingüística e 'consenso' en Galicia, no que gababa o decreto de uso do galego do bipartito.
  10. Non falaremos tampouco da negativa a insituir oficialmete o Día de Rosalía como data relevante para a celebración por parte do tecido cultural e escolar galego.
  11. Con esta xogada desapareceu tamén Nadal na rede, para que non vexamos que ano tras ano, non se ofrecía nada novo para a clebración dunhas festas en galego.
  12. Non volveremos a tratar o tema da redución dos orzamentos da política lingüística porque tampouco teremos a man as notas de prensa na que mentían sobre a cuestión.+[9]
  13. E que temos que dicir sobre o ensino?, cal é a valoración da Xunta? Estes artigos de David Lombao son moi esclarecedores([10][11][12] e [13]). No caso de querermos valorar ata que punto é profundo e transversal o ataque á lingua, teñamos presente que non se salvaron nin as avaliacións de diagnóstico nin as probas de competencias. Un aviso para as futuras reválidas da LOMCE?
  14. Nada teremos que contar sobre a exterminación do galego no Bierzo
  15. Pecharon o anterior portal da SXPL cando despois de anos e anos, aínda tiñan apartados sen estrear, ou [14]
  16. A SXPL vai poder anunciar falsamente, outra vez, que os orzamentos para os ENDL dos centros volveron a incrementarse., mais agora non poderemos comparar esta comunicación con outras semellantes de anos anteriores.
  17. A quen lle acorda aquel anuncio falso da SXPL ofertando material audiovisual inexistente sobre Vidal Bolaño?
  18. E que foi do intento fracasado de crear un competidor do Correlingua
  19. Quen vai poder ponderar o, polo momento inexistente, Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico se non podemos botar man da campaña de exportación en galego... e que fora anunciado en castelán? +[15]
  20. Agora, por fin a Rede de Dinamización Lingüística vai ser un invento que sempre funcionou a toda máquina, ao falar dela non amentaremos a inanición, nin a matanza, nin a redución de técnicos dos SNL, nin o mal funcionamento da actividades da Rede +[16], nin a súa defensa dos que deturpan a toponimia +[17], nin a extensión dos seus servizos a alguna Deputación.
  21. Tampouco traeremos ao primeiro plano a manipulación da celebración do Día da lingua materna nin do Día da Ciencia en Galego, nin do esquecemento do Día Europeo das Linguas
  22. Lembrarase alguén dos intentos da SXPL de monopolizar a posta en marcha do twitter en galego?, supoño que agora xa non.+[8]. Xa sabemos que os gobernos de Feijóo teñen un gran interese pola normalización no ámbito das novas tecnoloxías.
  23. Ao non ter memoria, non teremos en conta que o secretario xeral de política lingüística é da opinión de que só o 4% da poboación que fala galego é pola influencia da escola, argumento que usa para xustificar a redución do uso da lingua no ensino imposta polo funesto decreto do plurilingüismo.
  24. Ao non termos memoria, non invocaremos aquel anuncio cheo de faltas ortográficas emitido pola SXPL, nin lembraremos a avaliación negativa á Xunta ditaminada polo Consello de Europa polo incumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias despois dunha vergoñenta carreira de mentiras e estridencias capitaneada polo xefe da SXPL. 
  25. Se cadra, o peor de todo, é que aínda o que se está ben, tamén se fai mal. Velaí o bUSCatermos, para que o queremos se a un tempo prohibimos o seu uso nas escolas? 
  26. Finalmente, se alguén quer un resumo..., ou dous resumos, tres resumos, catro resumos, para non enterrar toda a política lingüística dos últimos anos no esquecemento.

martes, 7 de xullo de 2015

Setestrelo


Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do CCG, Marilar Aleixandre, catedrática da USC e membro da Sección, a xornalista Iolanda Casal e Manuel Gago, director de culturagalega.gal presentaron onte Setestrelo, un espazo do Consello da Cultura Galega (CCG) adicado en exclusiva á ciencia. Así amplíase o apoio do CCG á difusión do coñecemento científico galego xa demostrado coa apertura e mantemento da páxina do Álbum da ciencia.
Unha boa nova que a divulgación da ciencia en galego conte co apoio do portal Culturagalega.gal. A presentación coincidiu cun magnífico artigo asinado por Iolanda Casal sobre a visita de Schrödinger a Galicia no verán do ano 1934.
O obxectivo declarado desta  iniciativa é " achegar ao público a ciencia que se fai, se divulga, se ensina e se aprende en Galicia, así como a ciencia que fan galegos e galegas noutras partes do mundo. Dar a coñecer a nosa actividade científica no sentido máis amplo."
Aquí atoparemos, entre outras moitos contidos, material para as clases de ciencia en galego; xusto o contrario do que propugna a zunia gobernante, quen, dálle que dálle, continúa a defender un funesto decreto do plurilingüismo que prohíbe precisamente as aulas de ciencias en galego.