Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta inglés. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta inglés. Amosar todas as publicacións

xoves, 13 de novembro de 2025

Galego-portugués: chave para abrir novos cadeados lingüísticos

 por Gonzalo Constenla no Nós Diario:

A discusión pública sobre o "deber" de dominar o inglés –e o impacto no equilibrio do noso ecosistema lingüístico– merece un tratamento demorado. Con todo, e para non mesturar planos, esta análise trata doutra cuestión: explicar por que, máis alá de calquera obriga sobre unha lingua, as persoas galego-falantes, ao seren bilingües plenas en galego e español, costuman aprender con máis facilidade unha terceira lingua (L3), neste caso estranxeira. Non discutimos o "para que", senón o "por que" e o "como" que a investigación avala.


En primeiro termo, convén lembrar o que sinala a evidencia: o bilingüismo individual funcional reforza dous piares para a L3. O primeiro é a conciencia metalingüística: quen alterna códigos segmenta mellor a forma, compara estruturas, induce regras con menor custo e tolera a ambigüidade. O segundo, en paralelo, é un perfil atitudinal favorábel: motivación elevada, expectativas realistas de éxito e apertura á diversidade lingüística, que favorecen persistencia e autorregulación. Así, aínda que os efectos nos contextos non foren uniformes, obsérvase unha vantaxe na aprendizaxe de terceiras linguas entre persoas bilingües fronte a monolingües.


Chegados a este punto, cumpre unha precisión decisiva: todas as persoas galego-falantes son bilingües totais; pola contra, non todas as persoas español-falantes na Galiza acadan un dominio activo e funcional do galego. Esta asimetría ten unha derivada práctica. Quen domina as dúas linguas manexa con soltura dous sistemas gramaticais, dous repertorios e dous mapas fonolóxicos, o que multiplica as opcións de transferencia positiva (aproveitar semellanzas) e adestra a vixilancia fronte á interferencia (identificar falsos amigos, reorganizar acentos, reaxustar categorías). En consecuencia, cando se inicia a L3, ese adestramento previo opera como panca que reduce a incerteza e acelera a construción de regras.


Afortalar o galego-portugués, sumando todas as súas variantes, lonxe de competir coa aprendizaxe doutras linguas, impulsiónaa


Con todo, non abonda con posuír dous códigos; cómpre mantelos equilibrados. Cando o galego se retrae a ámbitos residuais, o suposto bilingüismo degrádase e a vantaxe mingua. Por iso cumpre garantir usos efectivos –tamén na lectura crítica, na argumentación escrita e na produción oral formal–, pois só así a L3 terá terreo fértil. Ademais, a calidade da exposición á terceira lingua, o deseño das tarefas e a práctica dos procesos (formular, contrastar, reformular) marcan a diferenza entre un impulso inicial e un progreso sostido. Así pois, non existen fórmulas máxicas: hai unha probabilidade favorábel que depende do equilibrio previo e das condicións de aprendizaxe.


A máis-valía do portugués

A este panorama súmase unha derivada salientábel: o estudo, o coñecemento e a práctica de todas as variantes do sistema galego-portugués –especialmente entre as persoas galego–falantes, constitúen unha máis-valía adicional. A proximidade estrutural e léxica e as converxencias prosódicas e segmentais facilitan pontes cara a terceiras linguas cun perfil fonolóxico afín.


Así, as competencias na percepción de timbres vocálicos, na xestión de ditongos e na identificación de patróns acentuais de todas esas variantes poden transferirse con rendemento ao francés, ao inglés e a outras linguas. O portugués non substitúe, pois, a L3: aceléraa, porque fornece rutinas de discriminación fonética, inferencia morfosintáctica e lectura variada que despois se voltan a empregar.


Desde esta perspectiva, política lingüística e práctica docente han confluír nunha mesma dirección. Por unha parte, consolidar o verdadeiro bilingüismo individual de base implica asegurar espazos reais e prestixiosos de uso do galego, para que o equilibrio sexa real. Por outra, unha didáctica comparativa da L3 –que faga explícitas semellanzas e diferenzas co galego-portugués e co español– permite activar a transferencia positiva e anticipar interferencias. Cumpren ademais exposición suficiente á L3, tarefas auténticas, avaliación formativa e orientación continuada.


En definitiva, podemos afirmar que afortalar o galego-portugués, sumando todas as súas variantes, lonxe de competir coa aprendizaxe doutras linguas, impulsiónaa. Como consecuencia, a suma dun bilingüismo individual pleno e o contacto coas diferentes variantes do galego-portugués oferece ao alumnado galego valiosas chaves para abrir cadeados de novas linguas.

sábado, 16 de novembro de 2024

O inglés primeiro, o galego postremeiro

 Galicia sitúase líder de España en inglés e no nivel alto do mundo, tal e como o corrobora o estudo máis amplo a nivel internacional que cada ano realiza Education First (EF)

Estes datos referendan as distintas accións da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para a aprendizaxe de inglés enmarcadas na Estratexia galega de linguas estranxeiras como é a rede de centros plurilingües,

Esta é a ampulosa declaración da Xunta. Cal é a realidade?
En primeiro lugar, Education First é unha empresa de educación de linguas enfocada na realización de viaxes. A enquisa que realiza é un mecanismo de mercadotecnia evidente. A propia empresa avisa que 
A poboación examina neste índice elixiu examinarse por sí mesma, polo que non se garantiza que sexa representativa. As probas só as realizaron persoas que queren profundizar no coñecemento do inglés.
Isto que significa? Que deste estudo non podemos tirar ningún tipo de conclusión. Non hai ningunha garantía estatística de que os datos obtidos por este estudo indiquen, por exemplo, que mellorara a comptencia en inglés na poboación galega. Ademais, nas notas emitidas por Education First, non se dá ningún tipo de información sobre o tamaño da mostra galega nin da española. En defintiva, non hai ningún dato que nos garanta que o estudo é aplicable á realidade galega. 
Alén do ránking por comunidades do que recolle medallas a nota de prensa da Xunta, o único que se relaciona no infome emitido por Education First é a evolución da puntuación que utilizan entre os anos 2015-2024 en España (ver gráfico máis abaixo). Chama a atención que precisamente do que se gaba a Consellaría de Educación é onde os datos son peores. A evolución do índice no período indicado daqueles que teñen entre 18 e 20 anos foi caendo substancialmente. A media sobe, sobre todo grazas aos maiores de 31 anos, isto é, a aqueles que eventualmente melloran o seu inglés grazas a cursos non regrados como os que ofrece Education First. Todo moi sospeitoso.En todo caso, a única conclusión que poderiamos sacar destes datos, se é que se poidera sacar algún, é que o ensino regrado do inglés está sendo un fracaso.

A gran pregunta que debe contestar a Consellaría é: e o galego que? O recente estudo do IGE demostra un fracaso completo e absoluto especialmente no ensino da nosa lingua. Neste caso a Consellaría de Educación non se apurou a facer un acto de contrición. Non comentou absolutamente nada. A conclusión é que o ensino do galego non ten nada que ver con eles. Eu non lles vou quitar a razón. É ben certo que as competencias lingüísticas na nosa lingua hai que adquirilas a pesar das trabas que pon a Xunta de Galicia. Velaí que o lema máis acaído para explicar a política lingüística é o que encabeza o título desta entrada: "o inglés primeiro, o galego postremeiro"

mércores, 9 de maio de 2018

Dío en inglés, que queda máis moderno: o caso dos ‘badges’

por Xusto Rodríguez, no GCiencia:

Se algunha vez cursastes un MOOC, estaredes familiarizados cunha palabra coa que eu batín hai unhas poucas semanas, ao rematar a miña primeira experiencia de formación por esta vía. Xa comezara algún outro, pero… ai, a falta de constancia!

xoves, 5 de febreiro de 2015

Suzanne Talhouk fala dos prexuízos lingüísticos no Líbano



Suzanne Talhouk é libanesa. Os seus sentimentos sobre o árabe son os mesmos que os que podemos sentir nós coa nosa lingua. Non está de moda falar do imperialismo, máis neste documento séntese a súa presenza nun acto cotián: ao pedir a carta nun retaurante e ver como lle respondían cunha mirada de certo desprezo. Quen non sentiu o mesmo algunha vez ao pedir un café con leite, logo de que lle responderan: con leche?
Este exemplo é a evidencia de que hai moitos axentes colonizadores entre nós. Xente que tragou o discurso da negación da cultura e a historia de Galicia e que hoxe actúan como peóns do barbarismo uniformizador. Son os soldados da ignorancia e do auto-odio.
Fronte a isto cómpre tomar exemplo de persoas como Suzanne,  presidenta de Feil Amer, unha asociación que promove o uso do árabe entre a mocidade libanesa, Aquí podemos escoitala demandando iniciativas para revitalizar esa lingua, modernizándoa e usándoa como medio de expresión creativa. A súa intervención pon o foco na recuperación da identidade da poboación arabefalante, e en liberarse do seu complexo de inferioridade.
Entre o seu discurso recollo un par de retallos que soan ben cando se len, pero que chegan ao corazón cando os oímos na voz emocionada de Suzanne:
"se alguén quere matar un pobo, o único xeito de matar un pobo, é matar a súa lingua. Esta realidade coñécena ben as sociedades desenvolvidas. Os alemáns, os franceses, os xaponeses ou os chineses, todos os pobos son conscientes diso. Por iso lexislan para protexer as súas linguas. Santifícanas."

"A lingua non é só para falar, simples palabras saíndonos pola boca. A lingua representa etapas específicas das nosas vidas, e os termos que están ligados ás nosas emocións Entón, cando digo: "liberdade", "soberanía", "independencia" cada un de vostedes crea unha imaxe específica no seu cerebro. Hai sentimentos específicos dun día específico nun período histórico específico. A lingua non son unha, dúas ou tres palabras ou letras postas en fila. "
A información chegoume vía Xusto Rodríguez

mércores, 3 de decembro de 2014

Traballar para o inglés

por Robert Neal Baxter, no Terra e Tempo:


Volto a un tema sobre o cal xa escribín hai case dous anos mais que, infelizmente, segue a ser de actualidade: a imposición do inglés como suposto mérito universal e necesidade vital maquillada de ‘internacionalismo’ e ‘plurilingüismo’.

xoves, 22 de agosto de 2013

A palabra do día


Either scripts and active content are not permitted to run or Adobe Flash Player version 10.0.0 or greater is not installed.

Get Adobe Flash Player


Nesta aplicación aparece unha nova palabra ou construción en inglés cada día xunto coa súa pronuncia e un exemplo de uso xunto coa súa tradución ao portugués.
Unha forma de que os galegos poidamos achegarnos ao inglés. Non se se a isto na Consellería de Educación lle chamarían plurilingüismo.