Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Xosé A. Perozo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé A. Perozo. Amosar todas as publicacións

domingo, 3 de xullo de 2011

Existe a galegofobia?

por Xosé A. Perozo, no Xornal:

Cando nos comezos dos anos setenta, acabado de instalar en Galicia, decidín falar e escribir en galego nos medios de comunicación, a decisión viña precedida por unha reflexión cultural e un compromiso político moi habitual na xente da miña xeración. A percepción era que a cultura galega tiña no idioma o principal territorio de identidade, unha identidade maltratada pola historia e a burguesía foránea instalada na terra, e de que os seus valores só terían proxección no futuro se a lingua progresaba universalizándose en todos os ámbitos da sociedade.
O compromiso político de esquerdas non necesitou moito para camiñar parello con aquela ollada á realidade. Aínda que tiven a fortuna de trabar unha amizade enriquecedora con galeguistas de dereitas como Álvaro Cunqueiro ou Filgueira Valverde, por mencionar dous intelectuais conservadores defensores do galego, a xente moza non tardamos en darlle ao uso da galeguidade un significado progresista e de oposición á ditadura franquista. Seguramente foi unha apropiación indebida pero necesaria. Chegado o tempo das liberdades e a implantación da España das autonomías, moitos consideramos que manter a bandeira política de esquerdas como sinal da lingua resultaba improcedente para o seu progreso e normalización. Ninguén debería ser depositario monopolista dos valores lingüísticos e culturais de Galicia e, aínda que seguiron en pé redutos defensores daquela ortodoxia, a man aberta deu resultados e froitos mesmo no longo goberno de Manuel Fraga. Pensamos que a nosa sementeira, aquela que versificou Luís Álvarez Pousa e cantou Milladoiro, non coñecería o agosto da seitura. O soño de ter escola en galego, medios de comunicación en galego, leis en galego... estaba cumprido.
Pero as magnolias tamén murchan e coa escusa da crise vemos como pechan as voces galegas, Vieiros, A Nosa Terra, A Peneira, Galicia Hoxe... e nas aulas calan os mestres. É unha casualidade? Correspóndese cunha galegofobia natural do PPdeG? Non, no partido conservador tamén hai quen chora pola lingua. A análise da catástrofe está por facer, pero eu coido que deberemos ver a situación tendo en conta dous puntos importantes. Un, a instalación natural dos actuais dirixentes do PPdeG no castelán, aínda que contan con maiores e mellor coñecemento da lingua galega que os seus antecesores. Falar galego, por imperativo legal, resúltalles incómodo. Semella unha simpleza pero é unha realidade poderosa. Contra o que acontecía con persoeiros como Pepe Cuíña, Portomeñe, Baltar..., nos que a súa lingua de instalación real era o galego, Feijóo e a súa cuadrilla sente a lingua como unha lousa imposta. E dous, probablemente nin sexa unha manobra consciente, pode que a ruptura informal co galego teña moito que ver co derradeiro capítulo da loita entre a boina e o barrete dentro do PPdeG. Ademais, para desgraza da cultura galega, e polo tanto para a identidade de Galicia, de novo a lingua volve ter atributos de posicións de esquerdas. Retrocedemos, como comunidade, catro décadas en dous anos. Digo eu que moito traballo van ter os psiquiatras no futuro inmediato.

mércores, 30 de marzo de 2011

Talvez no psiquiatra

por Xosé A. Perozo, diagnosticando acertadamente o tratamento da zunia,  n´A Nosa Terra:


A miña filla pequena vén de cumprir catro anos. Distingue sen problemas entre galego e castelán. Na casa falámoslle as dúas linguas indistintamente, seica, quizais máis en galego. A rapaza, como é habitual nas persoas con educación realmente bilingüe, abertas ás capacidades de comprensión idiomática, xa ten rudimentos de inglés e tampouco confunde nin confronta entre as lingas. Seica ás veces emprega os conceptos que lle son máis acaídos de calquera dos tres idiomas con absoluta normalidade. Seguramente porque na casa somos xentes normais e utilizamos a expresión oral para comunicar, sen outro obxecto agochado.
No centro escolar público ó que vai a miña filla, na clase de infantil decidiuse, por esa estraña teoría das maiorías de pais intervindo na materia, que se imparta o ensino en castelán. Por fortuna a profesora é tamén galegofalante e actúa con normalidade fronte á expresión espontánea dos alumnos. Non hai conflito. Por descontado, a miña filla non ten pesadelos cando xoga cun libro en castelán ou cando aprende que as bolboretas se chaman tamén mariposas. Gústanlle moito as bolboretas e as fadas, que tamén son hadas, nos contos do cole e na televisión. Nos seus soños aparecen bolboretas e fadas normais. Dorme ben.
Como o noso interese é que a rapaza teña unha educación equilibrada, contra os nosos desexos máis íntimos sobre o aprendizaxe do idioma, nós non tivemos a ocorrencia de mandar a nena con contos en galego cando a profe os pide en castelán. Ou viceversa. Non queremos ter unha filla vítima da intransixencia nin esquizofrénica, como semella que vai suceder co fillo desa amiga de Gloria Lago, que manda o seu neno ó colexio co mesmo entusiasmo de mártir que se envía un rapaz a unha guerra perdida.
A resultas do que acontece con esa nai e o seu fillo de seis anos, está claro que esa asociación, mal chamada Galicia Bilingüe, é unha estupenda escola para futuros e futuras clientes de psicólogos e psiquiatras. Talvez no psiquiatra estea a solución lingüística ó problema electoral que a señora Lago saca á rúa, así que os galegos e galegas somos chamados a votar. Tal vez no psiquiatra.

martes, 1 de marzo de 2011

Castelao na diana

por Xosé A. Perozo, escritor, na Nosa Terra:


O que vou dicir non é politicamente correcto dentro da cultura galega. Mesmo desatará iras e serei considerado un herexe. Tanto ten. Vou falar de Castelao, con todo o respecto do mundo, pero desde a óptica de quen o descubriu por casualidade antes de coñecer a lingua galega, antes de coñecer a cultura de Galicia, antes de saber da historia deste país, antes de ser solidario con esta terra e as súas xentes.
Descubrín a Castelao, lonxe de aquí, a finais dos 60 do século pasado por mor das críticas que facía e da visión deformada que tiña de Extremadura (con x). Caeume mal, moi mal. Logo tentei comprendelo e aceptalo, mesmo o día que recibimos os seus restos, eu estaba en San Domingos de Bonaval e sufrín o impacto dun ovo lanzado polos nacionalistas alporizados. Con todo, nin o tempo nin o coñecemento cambiaron moitas das miñas apreciacións.
Considerei e considero a Castelao un símbolo sobredimensionado. Pero a historia está infestada deles. Paréceme un autor teatral mediocre. Como tantos. Algún, incluso, recibiu o Nobel. Como pensador, resúltame confuso e pesado, ademais de anacrónico en moitas das súas reflexións políticas e sociais. Pero foi un home do seu tempo e das súas circunstancias. Como pintor coido que chegou tarde á historia da arte. Como humorista, considéroo excelente aínda que a súa orixinalidade gráfica non chega á potencia doutros contemporáneos como, por exemplo, Bagaría. Ese é o Castelao que eu respecto como político, pensador e personaxe dentro da historia de Galicia.
Porén, non podo aceptar a decisión da Xunta de non nomear o Ano Castelao por consideralo materia de propaganda nacionalista. Non acepto que o Goberno de todos/as galegos/as actúe dun xeito tan sectario e excluínte porque, ademais, deste xeito contamina e perverte calquera outra conmemoración cultural que propoña ou avale. O PPdeG está dicindo que Gonzalo Torrente Ballester ou Álvaro Cunqueiro, que contan con esa distinción, non están nos altares da cultura polos seus méritos literarios e a traxectoria pública, senón por unha evidente militancia política de dereitas. Teño a certeza de que nin Cunqueiro nin Torrente, por pór dous exemplos inmediatos, sen renunciar ás circunstancias que lles correspondeu vivir, aceptarían semellante afronta.
Castelao é unha peza histórica, unha parte de Galicia, unha icona que merece as mesmas consideracións e respecto que calquera outra figura. O tempo dirá se queda nun capítulo circunstancial ou consegue unha proxección indeleble. De momento, colocado na diana, semella un espello que reflicte a intolerancia dun Goberno de Galicia a cada paso menos galego.

xoves, 20 de xaneiro de 2011

Estado plurilingüe

por Xosé A. Perozo, sobre a prohibición que pesa sobre o galego a se usar nas cámaras de de repesentación estatal, no Galicia Hoxe:

Que no Senado se falen as catro linguas do Estado é realmente innecesario. Tamén a propia cámara senatorial, tal como funciona na actualidade, é innecesaria. Como é innecesario que nos balcóns e tellados dos edificios oficiais ondeen as bandeiras. Como é innecesario que os escudos representativos do Estado, das comunidades, provincias e concellos teñan os seus espazos propios. Como é innecesaria a interpretación dos himnos. E innecesarios son infinidade de símbolos e actos que determinan a configuración da identidade dos pobos. Innecesarios, naturalmente, desde o punto de vista unificador e alienador, como era aqueloutra España, unha, grande e libre, pola que aínda suspiran algúns dirixentes deste país, decididos a revirar o Estado das autonomías coa coartada da crise.
Que a cámara de representación territorial fale as catro linguas do Estado plurilingüe podémolo considerar ridículo, pero de momento é bo para evidenciar unha realidade que algúns, especialmente no PP, están dispostos a negar. Ese Senado innecesario acaba de converterse nun símbolo dun valor incalculable para un mellor coñecemento e o entendemento das xeracións futuras. Todo o contrario dos argumentos que esgrimen o detractores da fórmula.

venres, 7 de xaneiro de 2011

Consultar os pais

por Xosé A. Perozo, no Galicia Hoxe:

O borrador da Lei de convivencia e participación chegou no Nadal, en tempo de vacacións, como vén sendo costume en asuntos de importancia educativa por parte da Consellería do ramo. Non foi un agasallo de Papá Noel nin dos Reis Magos, tampouco un globo sonda para ver que pensan nas aulas, porque os centros estaban pechados. Isto é, recibimos un borrador a traizón e, aínda que debemos amosar prudencia e proceder ó seu estudo para calibrar os pros e contras, semella unha nova manobra de ataque pola retagarda ó ensino público.
A RAG anuncia un estudo respecto da intención da Consellería de Educación de institucionalizar e legalizar as consultas ós pais en temas curriculares como a lingua. Non sei se algunha outra institución entrará a valorar as consultas en temas de organización como o uso de uniformes nos centros, pero estaría ben que sucedese. A coartada de utilizar os pais é indecente e unha trampa con careta democrática. Imaxinan esta práctica aplicada ós centros concertados? Imaxinan un consello escolar ou a consulta nun centro relixioso concertado contra o ensino da relixión? A RAG amosa a súa preocupación en relación coa lingua, pero esta non é máis ca unha lanza da loita da Xunta contra o ensino público, laico e libre.

luns, 26 de xullo de 2010

O Panteón de Bonaval

por Xosé Antonio Perozo, na Nosa Terra:
A manifestación cívica para reivindicar a laicidade e apertura permanente do Panteón de Galegos Ilustres da igrexa de San Domingos de Bonaval foi un acerto. Pero, desgraciadamente, un éxito máis, reivindicativo, que topará co silencio da institución relixiosa e a estéril boa vontade da Consellería de Cultura, que correrá co mantemento das instalacións.

O proceso de recuperación por parte da Igrexa católica deste templo volve ser unha mostra máis do gran poder eclesiástico no Estado español e da inadmisible voracidade material da curia, da dobre moral coa que predican a pobreza e acaparan riquezas improdutivas. O templo, o mosteiro, o cemiterio e as hortas permaneceron en abandono e decadencia ata que o poder civil tomou a decisión de asumir a súa recuperación, rehabilitación e posta en servizo, xa que se trataba dun edificio exclaustrado. Só unha vez salvado da ruína, a Igrexa decidiu reivindicar a propiedade. Para que? Para que, como tantos templos, permaneza pechado, sen utilidade e consumindo subvencións públicas para a súa conservación.
Teño a certeza de que se a Igrexa católica pagase os mesmos impostos con que todos contribuímos ós concellos polas nosas propiedades, semellante voracidade posesiva decaería. Sería unha boa solución para que revertesen á sociedade esas propiedades, produto de 500 anos de monopolio relixioso, ou para que moitas delas pasasen a usos produtivos como museos, centros culturais, instalacións hostaleiras... que mesmo axudarían ó mantemento da Igrexa, sen recorrer ó erario público e ós impostos de crentes e non crentes.

xoves, 1 de xullo de 2010

Cine en catalán

U-lo o cine en galego?, pregunto eu. O libro de Carlos Callón, "En castellano no hay problema", fíxome lembrar o día que eu fun ao cine a ver a primeira película dobrada en galego, era "O pico das viúvas", e se querías vela en galego tiñas que ir á sesión das catro da tarde. E aínda así tiñas que llo agradecer a Filmax, a distribuidora, non á Xunta, que non preocupara do caso para nada. Esta é a normalización que temos, pois aínda hoxe a distribución de cine é galego é prácticamente nula.
Galicia Hoxe informa que o parlamento catalán aprobou onte a nova Lei do cine de Cataluña, que establece que o 50 por cento das películas estranxeiras que se exhiban deben estar dobradas ou subtituladas en catalán.A nova lei obtivo 117 votos a favor e 17 en contra, dos deputados do PP e do grupo mixto.
O conseller de Cultura e Medios de Comunicación, Joan Manuel Tresserras, defendeu que coa nova lexislación se pretende apoiar a industria do cine, mellorar a oferta do sector e garantir a diversidade lingüística. Neste sentido, aseverou que a lei "vén corrixir unha anomalía democrática", posto que na actualidade só se exhiben un 3% das películas dobradas ou subtituladas en catalán. Pois iso.

por Xosé A. Perozo, no Galicia Hoxe:
Eu son partidario de ver as películas dobradas ós meus idiomas propios: castelán e galego. Resúltame incómodo ler os subtítulos. Ademais, non teño nada contra ningunha outra lingua nin cultura, o cine é unha expresión artística de conxunto na que o entendemento dos diálogos é básico. De aí que sempre considerase snobs os contrarios ás dobraxes, e un xogo imperialista do inglés o seu desprezo. Dígoo sen ningún tipo de complexo e sinto unha gran satisfacción por contar en España cunha industria da dobraxe, das mellores do mundo, da que viven excelentes e cualificados profesionais, e coa que por engado defendemos as nosas culturas lingüísticas.
Os cataláns deben pensar o mesmo e onte aprobaron no Parlament unha lei do cine que, partindo do 1 de xaneiro de 2011, nun proceso de adaptación que chegará a 2018, a metade das cintas que se exhiban en Cataluña deberán estar dobradas ó catalán. Agora non chegan ó 3%. A lei saíu adiante cos votos do Goberno tripartito e CiU, 117 contra 17 do PP e o grupo mixto. Os conservadores, unha vez máis, amosaron o seu desprezo polas linguas autóctonas, polo que deduzo que unha lei semellante dificilmente vai ser tramitada no Parlamento galego, nunha comunidade na que a exhibición de cine en galego non existe.

luns, 28 de xuño de 2010

Volve Piñeiro

Sempre é grato ver como hai outros que opinan igual ca un.
por Xosé A. Perozo, en Galicia Hoxe:
Dixo Goya que os soños da razón producen monstros. Digo eu, parodiando o xenio, que os delirios dos políticos producen estupideces. Os monstros e as estupideces ás veces danse a man e mesmo producen mitos que nunca desexaron selo. Algo así acontece con ese gran comunicador galego chamado Xosé Manuel Piñeiro, que vai quedar nos anais da televisión autonómica como superpiñeiro e a quen os amigos o nomean co agarimoso diminutivo de "pi". Na pasada semana saltou a noticia do retorno de Piñeiro á programación de verán da TVG e unha veciña comentoume:
-¡Vaia, volve o río á súa canle! ¡Será que é verán e ten pouca auga a teuvegá!
-Pode -respondín sen dar máis corda ó comentario.
Para min é unha boa noticia o retorno de Piñeiro á pantalla porque el nunca marchou do imaxinario popular da nosa Galicia. Nun país no que non sobra ninguén é un desbarate prescindir dos bos profesionais por estúpidos e imaxinarios motivos, con sospeitosos selos ideolóxicos. O fenómeno Piñeiro na TVG é realmente curioso. Na última etapa dos gobernos de Fraga unha suposta corrente culta tratou de vincular este personaxe, xunto con Xosé Ramón Gayoso, coa imaxe daquel PPdeG decadente. Co cambio do Goberno, grises pensadores do bipartito decretaron a desaparición de ambos da pantalla. Por fortuna, a realidade e a profesionalidade dos dous comunicadores gañou a partida á estupidez.
Desaparecido o bipartito, os novos xestores da imaxe institucional volveron contra Piñeiro, para eles convertido na imaxe do Goberno derrotado, desterrando da programación un espazo diario no que o comunicador conseguía manter fronte á tele a media Galicia, cun esquema fresco, ameno, informativo e, mesmo, educativo. Piñeiro conseguira desprenderse do sambenito de simple presentador de concursos e programas populares, acadando o aplauso de sectores da cultura que antes o ignoraban. Desaparecido o programa os responsables da TVG non puxeron nada mellor no seu lugar. O termómetro da estupidez sectaria chegou á temperatura máis alta posible. Neste verán volveremos ver a Piñeiro presentando verbenas. Tanto ten o que faga porque o fará ben, pero é unha mágoa que este home teña que volver facer todo o camiño xa andado como un mítico peregrino. Polo menos volveu gañar a sensatez.

martes, 18 de maio de 2010

Día da Ligua Perseguida

por Xosé A. Perozo, en Galicia Hoxe
A marea non cesa e se no PPdG agardan a que chegue a podredume do problema para saír do túnel, están nun erro. O Día das Letras Galegas, que debería ser unha festa da cultura, converteuse onte nun día de loita e reivindicación política. Sorprende que o presidente Feijóo considere actitudes ditatoriais as daqueles, sen distincións, que defendemos a lingua galega e a necesidade de ser discriminada positivamente. Para avalar as súas teorías partidistas coloca o péndulo no extremo contrario. Non escoita a unha parte do país que goberna. Non exerce o deber de equilibrar que a todo gobernante lle corresponde. Non goberna para todos.
Fronte ás teorías dos nacionalistas, que os conservadores consideran corredoiras excluíntes, o PPdeG toma a autoestrada da exclusión. A idea é emendar un presunto erro con outro maior. Así, o Goberno da Xunta conseguiu pór fronte a si non só os nacionalistas senón tamén a todos os sectores da cultura de Galicia. Lograron que o Día das Letras Galegas pasara a ser o Día da Lingua Perseguida. Unha desmesura innecesaria e improcedente que tamén molesta en moitos sectores conservadores defensores da lingua e da cultura de Novoneyra, de Rosalía, de Curros, de Pondal, de Cabanillas, de Otero Pedrayo, de Risco...