Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Galegizar Galicia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Galegizar Galicia. Amosar todas as publicacións

martes, 26 de novembro de 2013

Fausto Galdo e o galego



O noso idioma está enfermo. Dase o paradoxo de que a mocidade ten un coñecemento da gramática moi superior ás anteriores xeracions, pero a súa vida diaria desenvólvena en castelán. Isto xa non sucede só nas cidades; nas vilas e no medio rural son cada vez máis os xóves que coñecen a lingua mais non a usan.

domingo, 15 de setembro de 2013

O maxistrado Francisco de Cominges impartíu xustiza cunha sentenza que fai patria

por Xosé González Martínez en Mundiario:

O dicionario galego define a argallada como unha mentira dita a mantenta co único obxectivo de conseguir un beneficio persoal por procedementos espúreos. Esta definición é a que mellor lle acae a un cidadán ourensán que quixo eludir unha sanción de tráfico por estacionar en zona limitada debidamente sinalizada: “Prohibido aparcar. Agás carga e descarga”. No seu recurso perante o xulgado do contencioso-administrativo núm. 1 de Ourense argalla a súa defensa alegando descoñecer o sginificado da preposición “agás”. O texto íntegro da sentenza podese ler en www.galeguizargalicia.com.

luns, 6 de agosto de 2012

Consumo responsable en galego

por Manuel Bragado no Faro de Vigo:

Cando merco un produto ou escollo un servizo, ademais de ter en conta o prezo e valorar as condicións de calidade, gosto de coñecer tamén a súa trazabilidade, esa información imprescindible para saber da súa orixe e do itinerario do seu proceso de comercialización. Utilizando estes criterios de consumo responsable non teño vergonza ningunha en confesar que a miña preferencia primeira está a prol dos produtos alimentarios que teñan a súa orixe en Galicia. Unha opción que nada ten que ver cun chovinismo visceral e si, pola contra, co seu excelente nivel de calidade e co apoio que precisan os seus produtores para facerse un oco nas canles de comercialización cada vez máis pechadas polos intereses do mercado maiorista. Por ventura hai moitos e excelentes produtos galegos, a prezos moi competitivos, onde cadaquén pode escoller en función dos seus gustos.

martes, 20 de marzo de 2012

Mil festas máis para a lingua galega

por Xosé González Martínez, presidente do foro Enrique Peinador, no Faro de Vigo; aínda que os do Faro colocaron o artigo o máis escondido que puideron. Tamén o reproduce Galicia Confidencial:

Un pobo que non canta na súa lingua é un pobo sen identidade de seu. Con palabras semellantes dixérao Prudencio Romo, músico e compositor, "alma mater" dá orquestra "Os Tamara" pouco antes do seu pasamento nunha entrevista emitida pola TVG ao comentar as razóns que vos moverán a cantar en galego. Ou seu acerto consistíu en recrear as vellas cantigas presentándoas en ritmos modernos que lles reportaron notables éxitos.

venres, 18 de febreiro de 2011

A lingua das festas populares

por Xosé González, presidente do foro Enrique Peinador, no Xornal, nun artigo no que trata da importancia da normalización nas festas:


As festas populares constitúen un referente na vida social dos galegos. Forman espazos para a socialización da nosa cultura e lingua. Isto demóstrao o gran número de celebracións que se organizan durante todo o ano en aldeas e vilas. Calculamos que poden ser máis de sete mil; unhas, de carácter relixioso, e outras, cada vez máis numerosas, gastronómicas. Para a súa organización destínanse ao pé de 190 millóns de euros. Unha inmensa fortuna da que viven moitas persoas, nomeadamente as catrocentas orquestras que son as que levan a maior tallada.
Esa astronómica cantidade de cartos financia espectáculos alleos á nosa idiosincrasia cultural. Con ese impacto da chamada “cultura da globalización”, que todo o uniformiza eliminando as singularidades, a programación das nosas festas culturais, contaminadas por esa perversa crenza de que o propio non ten valor fronte ao alleo, revestido sempre dun excesivo prestixio social, marxinan as nosas tradicións e lingua nos contidos das programacións. Teixeira de Pascoaes no seu libro “A arte de ser portugués” alertaba aos seus coetáneos dese perigo: “non hai maior erro que a pretendida substitución das cualidades propias por aquelas que admiramos nos outros pobos”. Ser existente é ser diferente, dixera o filósofo francés René Descartes, e que en Galicia divulgou Vicente Risco.
As comisións de festas, parroquiais ou municipais, son as responsables destas desfeitas. Estamos a falar da corresponsabilidade que se estende a un amplo espectro ideolóxico que lle vira as costas aos nosos sinais de identidade. O patrimonio inmaterial, que sempre servirá para fomentar a cohesión social é reempranzado por modelos alleos que se escenifican repetitivamente aquí e acolá, por toda a xeografía galega. O desleixo demostrado polas comisións organizadoras das festas é de tal natureza que as súas consecuencias están a producir a marxinación dos elementos definitorios da nosa identidade. O exemplo máis evidente témolo na escasa utilización da lingua galega, por exemplo, nos repertorios das orquestras. Falamos moitas veces de aplicarlles unha política de cotas, como as que nos anos sesenta puxo en práctica o Ministerio de Información e Turismo do que era titular Fraga Iribarne; mediante un decreto obrigouselle á radiodifusión española a emitir un 25% da súa programación musical “en español” para poñerlle cancelas á invasión da música anglosaxona.
Desde hai máis de quince anos vimos insistindo na proposta galeguizadora baixo o rubro das “Mil festas máis para a lingua galega”. O ano 2008 o 40% dos concellos galegos asinaron unha declaración que recollía as medidas seguintes:1) Utilización correcta dos topónimos; 2) Maior coidado da redacción da cartelería, seguindo as normas morfolóxicas oficiais da lingua galega; 3) Nos documentos contratuais asinados coas orquestras fixarase a obriga de interpretar unha porcentaxe do repertorio en lingua galega; 4) Conseguir a colaboración dos cregos para que os actos litúrxicos das festas incorporen a lingua galega; 5) Velar polo cumprimento da Lei de Símbolos de Galicia, evitando usos indebidos de bandeiras e a desigualdade numérica, incorporando tamén o Himno Galego nos actos centrais; e 6º) Exaltación dos valores patrimoniais e identitarios dos lugares de celebración da festa incorporándoos a súa programación.
Despois do San Brais ábrese o período festivo do ciclo anual, e unha vez máis teimamos na necesidade de que os concellos e as comisións organizadoras de festas presten maior atención aos programas, incorporando neles o espírito e contidos anteriormente expresados na campaña das “Mil festas máis para a lingua galega”, que hoxe queremos reiterar.

mércores, 2 de febreiro de 2011

Daniel García Ramos en galeguizargalicia.tv

Acabo de ver na web da CTNL a nova do nacemento da canle galeguizargalicia.tv, vencellada ao dominio do mesmo nome. Eu pediríalles que comenzaran por galeguizar esta nova canle: as pestanas documentales e promocionales. Espero que non tardarán en facelo.

Para celebrar a apertura desta iniciativa colocarei máis abaixo un dos seus vídeos, un sobre a figura de Daniel García Ramos.
Eu tiven a sorte de oir algunha vez a Daniel García Ramos, quen fora maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e quen fora sobre todo defensor da lingua galega especialmente no mundo xudicial. A finais dos anos 90 tiña unha idea moi clara: había unha gran porcentaxe de casos nos xulgados nos que unha das partes estaba representada por un concello. Os concellos eran institucións razonablemente galeguizadas, se se establecía un plan para que os servizos xurícos dos concellos actuasen sempre en galego, estaría dado tamén un paso de xigante no camiño da normalización da xustiza. Ao pouco García Ramos morreu e ninguén lle colleu o testigo.
Os pasos seguidos no ámbito xudicial foron, desde aquela, ou ben nulos, ou ben na dirección da anormalización. O caso máis grave foi que o cambio ao sistema de xestión informatizado Minerva, non permite realizar ningún trámite habitual dun xulgado na nosa lingua e isto temos que llo agradecer á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, comandada por Alfonso Rueda.

martes, 16 de novembro de 2010

Viños idiomáticos

por Xosé González Martínez, fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, en Galicia Confidencial:

As que teñen máis prestixio no mercado, as preferidas polos padais máis esixentes, falan en distintas linguas que as dos consumidores, como norma de distinción. Esa circunstancia non lles impide aos que descoñecen esas linguas mostrar as súas preferencia por eles, pois ofrecénlles confianza e garantía da autenticidade da súa orixe.
En Galicia son cada vez máis os adegueiros que saben que a lingua galega nas etiquetas dos seus envases é un valor engadido que singulariza a súa oferta nos mercados globais. Máis do 40% dos adegueiros sumáronse, xa, ás sucesivas campañas promovidas pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e Foro E.Peinador para predicar nas súas etiquetas en galego as bondades dos seus viños. É certo que aínda quedan condutas residuais que seguen equivocadas na súa estratexia comercial, facendo do idioma español a única lingua de comunicación cos consumidores. Pero a realidade está mudando. Para ben, ademais.
Os viños galego, de excelente calidade, vánse abrindo paso e compartindo espazos de mercado cos franceses, italianos  ou do Rhin. Estes preséntanse etiquetados nas linguas das respectivas denominacións de orixe. E velai están, cobizados polos sibaritas, entendan ou non o idioma das súas etiquetas.
Cómpre estimular aos nosos adegueiros e convencelos dos beneficios que lles pode reportar etiquetar os seus envases en lingua galega. Os estudos de mercado realizados din que os consumidores prefiren os viños pola súa calidade, independentemente do idioma  das etiquetas, pero que estas son determinantes para disipiraren as dúbidas sobre a veracidade das denominacións de orixe. A autoestima do adegueiro pode ser un bo antídoto para fuxir dos tópicos comerciais que aconsellan etiquetar en castelán para vender mellor. “Cando estas botellas viaxen, quero que cando lean as súas etiquetas, algunhas desas palabran soen nas súas mesas e nos imaxinen como nós os imaxinamos a eles”, así se expresa un adegueiro que ten clara a súa opción lingüística. Outro, máis contundente, di: “Os nosos viños son, xa que logo, a expresión milenaria dunha cultura que debe pervivir. Velaí a razón de que eu procure identificar o meu coa lingua galega”. Do mesmo parecer era  o escritor arxentino  José Luís Borges que pedía  que o viño lle ensinase a arte de ver a súa propia historia.
Neste proceso da galeguización da economía van ser decisivas as actitudes patrióticas dos consumidores galegos. Preferir un viño etiquetado en galego significa garantirlle á nosa lingua un futuro certo. O novelista de orixe galega, Manuel Vázquez Montalbán, tíñao claro cando dicía que “un pobo que non bebe o seu viño ten un grave problema de identidade”.
Continuando co reiterado bo facer pedagóxico do Foro E.Peinador,  presentará o próximo día 20, nas instalacións da  Adega Virmadeus, en Cenlle,  unha nova campaña de galeguización da etiquetaxe co lema “A lingua do padal. Colleita 2010. Máis galega”

mércores, 6 de outubro de 2010

Día de Defuntos

por Xosé González, presidente do foro Enrique Peinador, no Xornal:

Polo verán e nadal insistimos, aproveitando que son meses de moito cosumo familiar, para que se elixan produtos etiquetados en galego, nomeadamente os viños, como unha maneira de apoiar a difusión da nosa lingua e galeguizar a economía. E nos primeiros meses do ano facemos outro chamamento para buscarmos a mesma fin nas máis de oito mil festas que se celebran en Galicia. As propostas resúmense nun decálogo baixo o rubro Mil festas máis para a lingua galega.
Ambos os dous chamamentos van dirixidos aos sectores máis conscientes da sociedade galega; a aqueles aos que máis lles preocupa a preservación dos nosos sinais de identidades: lingua e cultura. A eles compételles a tarefa de regaleguizar o país con innovadores métodos pedagóxicos.
Ben están as mobilizacións sociais, pero estas deixarán de surtiren o efecto desexado no momento en que os seus participantes se crucen de brazos o resto do ano sen practicaren esa galeguización silandeira, tan necesaria en tempos complexos, marcados, ademais, pola remuda xeracional. As tradicionais celebracións do Día das Letras Galegas e da Patria non teñen de seu efectos taumatúrxicos. Cómpre que acentuemos a responsabilidade que desde a esfera privada e familiar nos é propia para procurarmos outros ámbitos de uso.
A celebración do próximo Día de Defuntos é unha boa ocasión para poñermos en práctica esa actitude individual e responsable. A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística vai dar a coñecer, por enésima vez, a convocatoria En galego,agora e sempre, destinada a sensibilizar a opinión pública da necesidade de reparar a memoria cultural e lingüística dos nosos devanceiros.
Os cemiterios son espellos que ofrecen unha imaxe distorsionada da nosa identidade. E a iso temos que poñerlle remedio. Só unha de cada mil lápidas está redactada en galego; e únicamente un 2% das esquelas se publican no noso idioma. Coa agravante, moi frecuente, de que as esquelas publicadas polas familias dos falecidos están en castelán cando a carón delas se publican outras en galego por inicitiva dos compañeiros de traballo. Sorprenden estas porcentaxes se se contrastan coas que a cotío ofrecen as páxinas necrolóxicas dos xornais editados noutras nacionalidades do Estado. Alí é ao revés: o 98% das esquelas publícanse en catalán ou euskera. Algo está a fallar na transmisión do galego no eido familiar, e a responsabilidade hai que asumila de vez.
A proposta da AFNLG vai dirixida aos concellos e particulares. Aos concellos, para que rehabiliten a memoria cultural de “todos os que aquí dormen o sono eterno, porque grazas a eles Galicia segue a ter lingua e cultura de seu”, colocando unha placa na porta do cemiterio, parroquial ou municipal.
Sería tamén oportuno substituír algunhas lápidas en castelán por outras en galego dos falecidos que na vida foron defensores do noso patrimonio. Tamén é precisa que esta iniciativa a asuman os particulares. Non ten moito xeito que unha lápida en castelán identifique o nicho ou tumba dalguén que sempre foi monolingüe, sobre todo nas relacións familiares.
A unión dos afectos e o sentimento patrio, a querencia por aqueles elementos que conforman a nosa identidade, non debe ser disociables. É certo que os poderes públicos teñen a obriga de protexer e fomentar o noso idioma. Pero no ámbito privado a decisión é nosa. Cos defuntos nós temos a palabra.

domingo, 11 de xullo de 2010

Pecado lingüístico?

por Xosé María Lema, catedrático de Xeografía e Historia,  no Xornal de Galicia:
Atendendo á invitación asistimos o 30 de xuño no Castelo de Soutomaior á entrega dos premios que anualmente a Fundación Lois Peña Novo concede a persoas e entidades que se distingan polo seu labor a prol da lingua galega. Nesta ocasión os distinguidos foron o notario de Lalín Victorino Gutiérrez Aller, gran impulsor da documentación notarial en galego; o bufete de avogados Lugo, de Lugo, do que é cabeza visible o ex deputado do BNG Alberte X. Rodríguez Feixó; a Corporación Municipal de Burela, pola exemplar integración dos inmigrantes do concello a través do galego, e o catedrático emérito de Filoloxía Galega e Portuguesa da USC Ramón Lorenzo Vázquez.
Todos con méritos máis que suficientes a prol da normalización da nosa lingua. Fixo unha excelente glosa dos méritos de todos eles Manuel González, membro da RAG. A guinda púxoa Xulio Alberte cando observou que, ben mirado, eles non merecían o premio, pois non facían máis que usar a lingua propia de Galicia; iso nun país normal non sería un acto merecedor dun premio –usar a propia lingua a cotío en calquera situación-, pero en Galicia si, e agora aínda máis.
Chamou a atención o caso do Concello de Burela, onde, mediante as escolas municipais e co acordo unánime de todos os grupos políticos, se está levando a cabo un exemplar labor de integración do inmigrantes a través da aprendizaxe da lingua. Ademais dos xa ben coñecidos inmigrantes caboverdianos, conviven na vila mariñá moitas nacionalidades distintas –máis de trinta-, e ata agora non se deu nin o máis mínimo problema de integración, nin a máis mínimo protesta porque esta fose a través do galego. Resultado: máis do 80 por cento da poboación exprésase normalmente en galego. Tanto é así que se pediu que o modelo burelés se exportase a outros concellos de Galicia. Mentres se relataban estes logros, a min veume á cabeza unha anécdota que o xa falecido polígrafo Xosé Filgueira Valverde contaba de cando se oficiara unha das primeiras misas en galego; ó seu remate unha velliña achegouse ó oficiante e díxolle: “Ai, señor cura, nunca tanto me gustara unha misa! E non será pecado?”
Por iso, en vez de sentir unha sensación enteiramente positiva por esa experiencia exemplar de Burela, o que sentín foi inquedanza, certo medo, pois axiña pensei que, ó funcionar tan ben esa experiencia positiva para a lingua galega, ó goberno de Núñez Feijóo –no acto estaba presente o Secretario Xeral de Política Lingüística– entraríanlle ganas de prohibila, como o acaba de facer coas clases de inmersión lingüística en galego nalgunhas cidades coma A Coruña, que seica tan ben viñan funcionando e sen problemas.
Pode soar a sarcasmo, pero o certo é que non fun o único que pensou así, pois ó final do acto houbo quen lles advertiu a algúns concelleiros bureleses deste perigo. Mentres non se demostre o contrario, temos un Goberno en Galicia que unicamente se preocupa de amputar todo indicio de normalización do galego (eliminándoo das oposicións, prohibindo dar as clases de matemáticas, física e química…). En suma, que o Modelo Burela tan loado por todos, non sei se será “pecado” para Feijóo e o seu equipo de cazafantasmas, pois ademais ten o agravante de que conta co consenso de todos os grupos políticos do concello, incluído o seu (quizais roden cabezas!). Ó contrario do ano pasado, que aínda se parara a falar cos asistentes ó final do acto, o citado Secretario Xeral marchou moi axiña; eu desconfiaría. l

venres, 2 de xullo de 2010

Premios Lois Peña Novo 2010

O pasado día 30 de xuño foron entregados no castelo de Soutomaior os premios Lois Peña Novo deste ano que corresponderon a:
CONCELLO DE BURELA, pola política de inculturización da numerosa comunidade internacional asentada no seu territorio. Unha experiencia pioneira modélica para o resto dos concellos galegos nos que se asentan inmigrandes de distintas procedencias e culturas.
FORO AVOGADOS LUGO, S.C.P. Un bufete profesional de avogados que leva vinteún anos utilizando a lingua galega en tódos os órganos xurisdicacionais, sen que esta práctica supoña dificultades engadidas perante os xulgados e tribunais de xustiza nin indefensión para os seus clientes
Don RAMÓN LORENZO VÁZQUEZ. Pola súa traxectoria como mestre da filoloxía galega medieval, recoñecida dentro e fóra de Galicia, a través da súa condición de membro de prestixiosas institucións como o Instituto da Lingua Galega, Real Academia Galega, Instituto de Estudos Padre Sarmiento e outras entidades académicas de ámbito europeo e internacional, e as súas publicacións.
O que renxe neste asunto é que como invitado especial tiñan a Anxo Lorenzo.