Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta AGE. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta AGE. Amosar todas as publicacións

mércores, 14 de xuño de 2017

Xunto a varios eurodeputados, Lídia Senra denuncia a conculcación da CELRM



O pasado mes decembro (2/12/16) Lídia Senra, deputada de AGE no parlamento europeo, xa fixera unha intervención no mesmo sentido denunciando o funesto decreto do plurilingüsmo. Xusto 6 meses depois (12/06/17) volve a realizar unha intervención no mesmo sentido. Mil veces se ten dito que se está a conculcar a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), mesmo a Real Academia Galega se pronunciou no seu día sobre o IV informe do Consello de Europa no que se manifestaba "a súa preocupación polo efecto negativo da "redución gradual" do galego no ensino en Galicia, unha advertencia que concorda coa posición da Real Academia Galega fronte ao Decreto 79/2010 da Xunta de Galicia". A RAG emitira este pronunciamento despois de que a Xunta fixera unha retorcida valoración do IV informe.
Xunto a Lídia Senra, outros eurodeputados denunciaron o incumprimento da CELRM, foi o caso de Marina Albiol, de Izquierda Unida e Josep M. Terricabras, de ERC, Ramon Tremosa, de CDC ou Liad Ní Riada, do Sinn Fein.

mércores, 14 de decembro de 2016

Denuncia do decreto do plurilingüismo no parlamento europeo


A deputada de AGE Lidia Senra, denunciou este pasado luns no parlamento europeo as prohibicións impostas polo funesto decreto do plurilingüismo que prohibe que se impartan en galego materias científicas. Reclamou o cumprimento da Carta Europea da Linguas Rexionais ou Minoritarias e reivindicou o compromiso cos dereitos lingüísticos para o galego.

venres, 26 de febreiro de 2016

Ramón Vázquez: "A política lingüística do PP é absolutamente autoritaria"



O deputado de AGE, Ramón Vázquez, pon de relevo que o PP retirou o seu proxecto de lei de acuicultura fronte á aposición do sector. Pola contra mantense nunha política lingüística autoritaria a pesar de que todos os informes concordan en que se trata dun ataque á lingua galega. Así o informe para o Consello de Europa para o cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias puxo, por segunda vez, en cuestión as políticas derivadas do decreto. A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, a Real Academia Galega recurso tras recurso, os informes do Instituto Galego de Estatística, o Consello Escolar de Galicia, o Consello Consultivo, a Mesa Sectorial de Educación,..., tamén se pronunciaron en contra do funesto decreto. Tamén o fixo a sociedade galega, en múltiples manifestacións, como aquela do 21 de xaneiro do 2010. Mais o PP, continúa coa que Ramón Vázquez cualificou moi acertademente de política lingüística absolutamente autoritaria... e exclusivista, engadiría eu.

xoves, 20 de febreiro de 2014

A cultura galega, a nosa angueira

O mundo editorial galego pégalle unha boa zorregada á Consellería de Educación e Cultura polo abandono das industrias culturais e o ataque ao uso da lingua, especialmente nas aulas co funesto decreto que chamaron do plurilingüismo.
Comunicado conxunto da AELG, AGE e GÁLIX

O panorama cultural galego identifícase hoxe máis ca nunca con aqueles lembrados versos de Díaz Castro no poema Penélope. Porque son tantos e tan dolorosos os pasos atrás ...
Hoxe, tantos anos despois daquelas iniciativas culturais que na década dos 70 do pasado século ergueron o facho para alumearen o camiño da recuperación cultural de Galiza, segue sendo a iniciativa popular asentada en asociacións, colectivos, estruturas profesionais e algunhas institucións conscientes, a que mantén viva a nosa cultura, moitas veces contra o vento e a marea institucional que, escusándose na crise, practican a destrución cultural de noso e, por tanto, da industria cultural, empobrecendo o noso país ao privalo dun dos medios de produción propios.

xoves, 17 de xuño de 2010

Indecencia, malgasto e galegofobia

por Carlos Callón, no Galicia Hoxe do pasado luns 14/06/2010:
190.000 libros de texto gratuítos para as familias, adquiridos polo goberno bipartito, van ir parar ao lixo, a pesar de teren unha vida útil de dous anos máis. Así o recoñece a propia Consellaría de Educación aos medios de comunicación que se fixeron eco da noticia. O motivo? Eses manuais están en galego e refírense a materias científico-técnicas cuxa docencia no noso idioma quere prohibir o goberno Feijóo a través do decretazo 79/2010.
Cómpre que a sociedade o saiba. Temos que movernos por riba das mordazas mediáticas do PP para que se coñeza que o presidente da Xunta ordena deitar ao caldeiro do lixo todos estes manuais, cuxo valor económico a Asociación Galega de Editores estima en 3,8 millóns de euros. Todos estes libros de texto non son substituídos porque houbese algunha descuberta excepcional neses ámbitos de coñecemento que os convertese en anticuados, nin porque houbese mudanzas no temario, nin porque tivesen erros pedagóxicos, nin por ningún outro motivo racional e comprensíbel. O único que lles acontece é que teñen un erro insubsanábel, un pecado orixinal: están escritos en galego, ese idioma que "por tradición" (Jesús Vázquez Abad dixit) non está feito para disciplinas como as matemáticas, a física, a química e a tecnoloxía.
Cultural e pedagoxicamente, é unha vergoña, pois supón darlle un mazazo ao proceso de recuperación e extensión social da nosa desfavorecida lingua. Mais nos aspectos político e económico, non podemos menos que falar de indecencia. Porque é indecente que, na situación actual desta grave crise económica, o presidente da Xunta obrigue as familias a adquiriren 190.000 libros de texto novos, cun desembolso monetario importantísimo.
Trascendeu nalgún medio de comunicación que o Goberno galego valorou facer unha moratoria para que, a pesar da prohibición de docencia na lingua de Galiza nalgunhas materias, cando menos se permitise a utilización de todos estes miles de libros de texto. No entanto, os grupos máis reaccionarios dentro do PP, os que teñen a capacidade decisoria a día de hoxe neste partido, concluíron que era fundamental deixar clara a mensaxe de que non se ía permitir nada de galego. Que así se tiran polo desaugadoiro 3,8 millóns de euros? Pois xa se sabe, esta Xunta non sabe nada do que significa a austeridade cando de atacar o noso idioma se trata.
Esta decisión é sintomática da forma de gobernar de Núñez Feijóo: propaganda sobre aforro da administración que despois non se corresponde coa realidade, discursos ampulosos sobre liberdade lingüística que se concretan en limitacións e prohibicións do galego, despreocupación polas economías familiares e comprensión polas grandes fortunas... Co que nos encontramos, en definitiva, é cun xestor pésimo que só é coñecido pola súa falaz propaganda da austeridade e polos seus ataques contra o galego.
Que a moderación no gasto por parte de Núñez Feijóo é pura mentira vese ben cando nos decatamos de que, en pouco máis dun ano, a Xunta malgasta un mínimo de 5 millóns de euros só en reducir o galego no ensino. Sumemos, se non, e para que ninguén acuse de engano nin manipulación, fagamos as contas tendo en conta só os datos oficiais (que, é curioso, son sempre as estimacións máis baixas).
Collamos, pois, a calculadora. A Xunta recoñeceu que nas próximas semanas vai presentar unha campaña para convencernos das bondades do decretazo contra o galego; o seu custo, segundo o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, é dun millón de euros (819.000 euros máis o IVE). O cambio das Galescolas a Galiñas Azuis, destruíndo o modelo pedagóxico en galego que fora eloxiado polo Consello de Europa, significou un desembolso das arcas públicas, segundo datos achegados pola Consellaría de Traballo e Benestar, de 40.000 euros. A pseudoconsulta trampeada que se formulou ás familias o ano pasado significou un gasto público de 160.995 euros, segundo indicou o secretario xeral de Política Lingüística (aínda que este dato ten moi pouca fiabilidade, é o oficial). A todo isto teriamos que agrecentarlle agora os 3,8 millóns de euros en libros de texto que irán para a cañeira, segundo a valoración da Asociación Galega de Editores. Seguro que faltan cousas por termos presentes, mais só con isto dá a cifra calafriante dos cinco millóns de euros. E só no referido a reducir a presenza do galego no ámbito educativo.
Mais sabe a cidadanía isto? Sabe que o presidente que realiza discursos inzados de chulería e prepotencia sobre "liberdade lingüística" e "austeridade" está a malgastar o diñeiro público en atacar o galego e en reducir os dereitos lingüísticos? Na nosa man está utilizarmos todas as ferramentas ao noso dispor para que se saiba.
Revolta das familias
Ademais desta indecencia económica cos libros de texto, o decretazo contra o galego -lembrémolo- non garante que un neno ou unha nena poida recibir ningún ensino en galego na etapa de infantil.
Desde a plataforma Queremos Galego chámase ás nais e pais a que se revolten contra esta situación. Que unha crianza non poida recibir ningún ensino na lingua propia até que faga os seis anos de idade é unha situación que non se produce en ningunha outra comunidade do Estado español e que leva o galego a unha situación preautonómica, alén de conculcar o dereito a un ensino igualitario e de calidade.
Por iso, desde Queremos Galego anímase a todas as nais, pais ou titoras e titores de nenas e nenos na etapa de educación infantil a que cubran un escrito ao respecto (que se pode descargar do web da plataforma: queremosgalego.org) e o remitan ao enderezo da entidade cívica: Queremos Galego, Rúa do Vilar, 15 - 1º dereita, 15705 Santiago de Compostela.
Desde Queremos Galego entregaranse todos os escritos no rexistro da Xunta, dirixidos ao conselleiro de Educación, e achegaranse tamén as copias correspondentes a cada centro de ensino á dirección do mesmo, para que teñan constancia.
Este documento está pensado para todas as familias que, falen galego ou castelán, desexen que o seu fillo ou a súa filla teña as garantías para unha educación en galego. Hai que subliñar isto porque o actual decreto non só dificulta que unha familia falante de galego poida ter ensino neste idioma para o seu fillo/a, senón que imposibilita que un neno dunha familia falante de castelán poida adquirir competencias comunicativas en galego.

martes, 15 de xuño de 2010

Os libros arden ben


Non podemos facer nada mellor que reproducir este magnífico artigo de Galicia Hoxe, con foto incluída, outra vez volveron a crear unha perla de periodismo informativo:
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, considera "necesario" poñer "o contador a cero e facelo canto antes" para axustar o idioma dos libros de texto de determinadas materias e adaptalos "ao novo marco normativo" do decreto do plurilingüismo. Lorenzo, que onte participou en Lugo xunto ao alcalde da cidade, Xosé Clemente López Orozco, na presentación dunha edición facsimilar da revista Ronsel, fíxolle un chamamento urxente aos editores para axilizar o proceso se "a transición implica modificar algúns libros de texto e cambiar as edicións para adaptalos ás linguas correspondentes".
Desde a Asociación Galega de Editores (AGE), o seu presidente Alfonso García Sanmartín, asegurou que non entende o término "poñer o contador a cero" e desbotou que as empresas galegas vaian crear algún tipo de problema, "o único problema será das propias editoras porque as que tivesen feita a edición en galego para Matemáticas ou Físicas terán que comela". Deste xeito, facía referencia á obriga que o Decreto fai para ensinar unicamente en castelán estas dúas materias.
Sobre este feito, o presidente a Mesa, Carlos Callón, denunciou onte que Educación tirará 190.000 libros por estar escritos en galego por non responder á planificación do decreto. Serán, en cifras, case catro millóns de euros, que se unen ao millón comprometido para difundir o texto polo Goberno de Feijóo, ademais doutros varios flocos.
Para Anxo Lorenzo, porén, a preocupación é que as editoras non cumpran e sobre a posibilidade de que a pregunta da Consellería de Educación aos pais implicará aulas monolingües en castelán durante o ensino infantil, manifestou que o alumnado non só "terá contacto" cos dous idiomas , senón que serán "dúas linguas activas".
"Independentemente de que cada quen faga as súas valoracións e, mesmo, se dedique a desinformar", sinalou o secretario xeral, tras recordar que o papel que xogarán galego e castelán se fará "a partir da lingua materna predominante".
No que respecta a Ronsel, publicada polo Centro Ramón Piñeiro, o Concello de Lugo e Política Lingüística, Lorenzo fixo fincapé no feito de que os promotores da revista levaran, naquel momento histórico, "a lingua das feiras e dos mercados ás páxinas de revista tan moderna".


Callón fai contas dos cartos dilapidados
O voceiro da plataforma Queremos Galego, Carlos Callón, cifrou onte en "cinco millóns de euros" o gasto executado pola Xunta durante o primeiro ano de Goberno do PPdeG, para "reducir a presenza do galego" en diferentes ámbitos da sociedade.
Acompañado do secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao e dun grupo de pais e nais, Callón denunciou que os "3.800.000 euros" "tirados" polo goberno nos libros que xa non valerán este ano, se suman ao cambio de cartelería das galescolas (40.000 euros), o custo da primeira consulta aos pais (160.000 euros) e a próxima campaña de promoción do novo decreto (1.000.000 euros), se eleva "a cinco millóns" o gasto "para reducir a presenza do galego".
"Tirar diñeiro simplemente porque hai libros de texto na nosa lingua propia", lamentou o voceiro da plataforma, quen recordou que o texto do decreto foi aprobado polo Executivo galego "contra a opinión das asociacións estudantes, de asociacións educativas, movementos de renovación pedagóxica, sindicatos e ANPA".
Deste modo, anunciou que impulsarán unha nova campaña como "alternativa" á pregunta ás familias sobre a lingua materna en educación infantil, na que remitirán "a todas as ANPA" dos centros educativos unha serie de solicitudes, para que os pais demanden á Xunta "que informe das medidas concretas" que adoptará "para que os seus fillos aprendan en galego" nesta etapa educativa.
Os proxenitores poderán pedir, ademais, que o departamento autonómico "informe das medidas concretas de atención individualizada", que prevé o texto do decreto para os alumnos en aulas nas que o galego -ou o castelán- non sexa a lingua predominante.
Callón explicou que nos formularios nos que se recolle a pregunta sobre a lingua ás familias "non se indican as consecuencias dunha opción ou doutra" -galego ou castelán-, nin que o idioma de "todo o ensino da aula" dependerá da decisión dos pais.
Sobre todo, advertiu de que, en caso de que o castelán sexa o idioma maioritario como resultado dese proceso de consulta, suporá que os alumnos que utilicen máis esa lingua "non teñan acceso ao ensino" en galego". "E necesaria unha revolta cívica", dixo.
Queremos Galego recollerá todas as solicitudes dos pais que desexen ensino en galego para eviarllas ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, no Rexistro Xeral de la Xunta.
Un grupo de pais e nais participou na presentación da iniciativa para dar a coñecer o texto das solicitudes elaboradas pola plataforma sobre a lingua en infantil. No escrito, os proxenitores recordan que "en ningunha outra comunidade do Estado" se rexistra o caso de que un neno "poida non recibir ensino na lingua propia" ata os seis anos de idade".
Así mesmo, recordan que "todos os estudos oficiais demostran que os nenos que entran na escola falando castelán non conseguen as competencias comunicativas en galego", polo que reclaman medidas "considerando que a lingua galega é patrimonio de todos".