Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 6 de xuño de 2025

As declaracións de Valentín García sobre o galego en Europa son unha vergoña

 por Xosé Manuel Sarille no Nós Diario:

O xornal ABC titulaba, neste mes de maio de 2025, que Núñez Feijó, expresidente da Xunta de Galicia e actual líder do PP, “intenta frear o sprint final de Sánchez para impoñer o catalán na UE”. Afonso Rueda valorou máis tarde que o gasto en lingua é un malgasto, deslizando a insinuación de que en calquera circunstancia. Valentín García, secretario de política lingüística de Galicia, coroou a escornada afirmando nunha declaración desprezábel que converter o galego en lingua oficial da UE é unha imposición. 


A obriga de García como autoridade é a de apoiar vehementemente a aprobación e amecer propostas enriquecedoras para que o estándar do galego se combine co do portugués na UE, seguindo o ronsel da Lei Paz Andrade. En troca de comunicar barbaridades ultras á opinión pública. Esta hostilidade verbal non ten precedentes nos organismos destinados ao fomento do galego.  


No artigo “Boicotear a lingua catalá”, en La Vanguardia, Jordi Basté  afirma que o PP combate activamente o catalán, que o sabotea, e pregúntase por que esa aversión tan profunda, case patolóxica. Di que non se trata dunha posición pasiva e silenciosa, senón dunha operación orquestrada e planificada buscando apoios en contra da propia lingua en toda a UE. Onde Basté escrebe catalán deberemos poñer nós galego. 

Jordi Juan, director dese mesmo xornal, valora “a contumaz campaña dos populares para frear como sexa a oficialidade destas linguas en Europa” e Salvador Illa, presidente da Generalitat de Cataluña, considera que o obstrucionismo do PP inhabilita a Núñez Feijó para ser presidente do goberno español.


Ao mesmo tempo que se atacan as linguas con semellante virulencia, Valentín García e o seu equipo pretenden actualizar o Plan Xeral de Normalización Lingüística e din que buscan todos os apoios. A xesticulación positiva é o cebo do PP.  Porque satisfai en certa medida os seus votantes e clientes favorábeis á lingua. Agora con García disparado en horas pico. O núcleo duro comprende esa xesticulación como unha necesidade, sabendo que nunca se cumprirán  os obxectivos marcados.

A actualización do Plan limítase á formulación escrita do desexo. A hipótese de poñelo en práctica é absurda. Os actores sociais que participan na nova redacción incorporarán medidas, mais as autoridades do PP non as implementarán. Non haberá traslado ningún á práctica do fomento. Só xestualización cordial. Porque o PP sitúa os seus límites nesa fronteira, absolutamente precisa. As linguas periféricas deben someterse ás leis do darwinismo, ditadas pola lingua dominante, sen intervención que  modifique o proceso evolutivo. 


Nos momentos determinantes móstranse como son, agresivos e radicalmente contrarios a calquera avance. Cando o momento resulta concluínte para golpear, fano sen dubidalo. Son saboteadores, segundo as palabras de Jordi Basté. 


Nos longos períodos de calma obran como serenos xestores, tratando de inculcar a mensaxe de que non hai máis nada que facer, que  todo está determinado pola realidade social e culturalmente inerte de Galicia. Neste medio século lograron instalar unha inhibición colectiva practicamente absoluta. Entre os cidadáns non se fala do valor do idioma, do vínculo sentimental e moito menos da utilidade. 

Observando o escenario xorden preguntas. Algunhas para os defensores da lingua que arestora colaboran na renovación do Plan. A principal é se lles paga a pena seguir nestas condicións. 


Mais cómpre preguntarse tamén se os límites da aceptación da lingua por parte do PP non se seguirán restrinxindo. O actual presidente da Xunta proclama abertamente que se perdesen o goberno galego e pasasen á oposición, arremeterían contra as medidas incluídas no PXNL que supoñan obrigatoriedade legal. Pero tolerarían as de sensibilización? Opoñeríanse ás campañas que fomentasen o uso voluntario? Axitarían a rúa en contra do malgasto en actividades sensibilizadoras sabendo que o diñeiro se podería dedicar a “prioridades maiores”? 



Ningún comentario:

Publicar un comentario