por Xosé-Henrique Costas, no Nós Diario:
Este 27 de maio soubemos dunha nova que por desgraza non nos colleu por sorpresa: que a UE adiaba de novo a votación sobre o oficialidade de galego, vasco e catalán como propuxo o Goberno español. Este adiamento debeuse ás manobras rastreiras que o PP español argallou cos seus socios da dereita e da extrema dereita europeas, e todo isto co aplauso do PP galego nas voces de Rueda e Valentín García, o responsable de Lingua.
O 14/12/23 publicabamos en Nós un artigo titulado "A chave tena Andorra". Nel deixabamos ben claro que o art. 4.2. do Tratado explicitaba que "cando un estado ten máis dunha lingua oficial, todas elas serán oficiais", e por agora a única lingua oficial de España é o castelán. Diciamos naquel artigo que "se España quixera que galego, vasco e catalán fosen oficiais na UE teríao doado: declaralos xunto co castelán linguas oficiais en todo o Estado", aínda que o ámbito de aplicación desa oficialidade fose acoutado a uns determinados territorios. O luxemburgués (unha variedade alemá falada por 300.000 persoas) foi declarado oficial en Luxemburgo en 1984, e desde aquela tamén é oficial da UE. O gaélico irlandés (falado por 90.000 persoas) é oficial da UE porque Irlanda ten dúas linguas oficiais: gaélico e inglés. O maltés (falado por 400.000 persoas) é oficial na UE porque en Malta é cooficial co inglés. Pero para esa oficialidade estatal das catro linguas do Estado español cumpriría unha reforma constitucional que, dada a composición das cámaras e o supremacismo españolista imperante na política, na xudicatura e nos medios, hoxe sería impensable. Por iso escribiamos daquela que o catalán sería oficial na UE o día que Andorra (con 45.000 falantes de catalán) entrase na UE. A chave tíñaa Andorra.
O Goberno español, para cumprir cos pactos co nacionalismo catalán, malia estas barreiras normativas, comprometeuse a buscar o xeito de facer que o catalán fose oficial na UE. E este martes levou de novo esta proposta ao Consello de Asuntos Xerais pero sen ter asegurados os votos positivos dos 27 estados membros. Houbo sete deles que forzaron a retirada da proposta, "tocados" por Feixoo e polo PP europeo na súa estratexia de torpedear o Goberno español, como recoñeceu o propio PP.
Amor e coiteladas
Hai dúas semanas, o 7 de maio, no Parlamento galego aprobábase por unanimidade a solicitude de que o galego fose declarado oficial na UE. Xa vemos canto lle durou o amor polo galego a Rueda que antonte mesmo desculpaba a actuación do seu partido en Europa alegando que os recursos económicos destinados a esta oficialidade (44 millóns de euros) se poderían investir en "prioridades maiores". Fixo moito ben a deputada socialista Lara Méndez en lle champar na cara que "a oficialidade custaría doce veces menos que o sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro", case 600 millóns de euros, iso si que é caro. E o secretario de Lingua, Valentín García, volvía á carga coa ladaíña da "imposición". Delirante. En que pozo negro choupará este niquiriqueiro! Impor o galego en Europa!
Esta é a xente que quere un pacto polo galego? A mesma que exclúe nas escolas o único xornal en galego?
E esta é a xente que quere un pacto polo galego? De veras? A mesma que exclúe da distribución nas escolas o único xornal en galego? A que promove na práctica desde hai 15 anos a exclusión do galego das escolas? A mesmiña que un día xura que quere un pacto porque ama moito a lingua e ao outro día lle crava máis coitelos? Pero non sexamos malpensados: crávanllos por amor, para lle aliviar máis agonía e sufrimento.
O ministro español de Exteriores, J. Manuel Albares, cualificou onte con razón de "escándalo" a manobra do PP para boicotear esta oficialidade: "Españois indo contra as linguas de España! E Rueda indo contra o galego!" Eu non sei se era retórica ou non sabe o Estado en que vive, porque dentro do seu propio partido tamén hai xente en contra das linguas de España, e mesmo algún alcalde do seu partido moi pouco ou nada galegofriendly. Sería fantástico que desta feita aproveitase para facer moita pedagoxía da "riqueza lingüística de España" tamén entre os seus.
Hai galegos que din que todo isto non importa porque xa temos o portugués na UE. Non me vale, porque simbolicamente é moi importante que se recoñeza o galego e renunciarmos a iso é renunciarmos ao galego. Así de claro. E, por certo, Portugal onte apoiaba o recoñecemento do galego como lingua oficial da UE. Muito bem, irmãos! Con este ánimo, agora só falta que Portugal ratifique por fin a Carta Europea das Linguas Minorizadas e oficialice dunha vez o mirandés en Tierra de Miranda. Outramente, non será nada crible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario