Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 17 de maio de 2012

De Navia ata o Brasil: o mapa do idioma segundo Paz-Andrade

por Montse Dopico, no Dioivo:

O mapa do idioma de Camões e Rosalía exténdese a catro continentes. É a terceira en importancia entre as linguas neo-latinas. Despois do inglés e do castelán, é a falada por maior número de persoas no hemisferio austral. Pero os datos reveladores da expansión que alcanzou palidecen ante os que permiten deducir o desenvolvemento futuro do mesmo fenómeno. Abonda ter presente o índice de acelerado crecemento demográfico e económico de Brasil, e valorar o seu porvir como potencia mundial, para comprender que un auxe paralelo experimentará o censo dos que falan o idioma galego-portugués en América. E non só o censo directo. Imperativos de orde económica e cultural abriranlle cada día maiores cauces para o intercambio, nos países anglosaxóns. Ten, por tanto, brillantemente asegurado o seu destino entre os grandes idiomas atlánticos". Son palabras de Valentín Paz-Andrade, recollidas no seu libro 'Galicia como tarea' (1959). O homenaxeado neste 17 de maio concibía o galego e o portugués como dúas variantes dunha mesma lingua.

As citas son claras, ao respecto, na súa obra ensaística. En 'La Marginación de Galicia', (1970), que amplía e complementa as reflexións de 'Galicia como tarea', asegura que "se quixeramos poñer lindes ao territorio lingüístico, básicamente uniforme, do galego-portugués, teriamos que situar o do Norte en Navia e o do Oeste en Corumbá, co Atlántico polo medio". Por iso, pregunta máis adiante no mesmo texto, "O galego debe manter unha línea autónoma na súa evolución como idioma, ou debe ter a máis estreita similaridade coa lingua falada, e sobre todo escrita, de Portugal e de Brasil?".

E contesta el mesmo: "Os termos en que a cuestión se formula non deben ser tomados no sentido de que o galego, para marchar en maior paralelismo formal co portugués, teña que deixar de ser o que sempre foi. Ninguén soña con alcanzar a unificación lineal. Mais debe tratarse de conter a disociación, facendo os axustes necesarios, mediante o diálogo interno. E en todo caso, aproveitar as vantaxes mutuas que dun máis permanente intercambio poidan derivarse".

A preocupación polo futuro do idioma é un aspecto fundamental do pensamento de Paz-Andrade, xa desde os primeiros anos da súa traxectoria política, sendo moi novo, nas Irmandades da Fala. O xornal 'Galicia', que creou e dirixiu durante a ditadura de Primo de Rivera, publicaba parte dos seus artigos en galego, o mesmo idioma que utilizaba nos mítines nos que acompañou a Castelao e a outras figuras do galeguismo a primeiros dos anos 30. No anteproxecto de Estatuto elaborado polo Seminario de Estudos Galegos, do que foi un dos redactores, recoñécese como linguas oficiáis "no Estado galego" ao galego e ao castelán, "indistintamente", mais establécese que non poderán desempeñar na Galiza cargos públicos as persoas que non coñezan a lingua galega. No Compromiso de Barrantes, adoptado pouco antes da integración do seu partido, o Grupo Autonomista Galego, no Partido Galeguista, pedíase a cooficialidade do galego co castelán e a galeguización da Universidade.

Mais a súa sensibilidade pola lingua, que demostrou tamén na súa obra literaria, non tiña a súa orixe só no activismo político. Paz-Andrade non tiña formación filolóxica. Foise especializando, desde o seu labor profesional como avogado da patronal pesqueira viguesa, en economía. E consideraba a lingua como un dos eixos irrenunciables para acadar un maior desenvolmento do país. Ese é o motivo de que inclúa, en dous ensaios económicos como son 'Galicia como tarea' e 'La Marginación de Galicia', varios capítulos sobre a cultura e a lingua.

Paz-Andrade perfilou, nestas obras, un proxecto para o impulso da industrialización de Galiza. Mais, aínda enfocando a cuestión do idioma desde o ámbito estrictamente español, non deixou de reivindicar a importancia do galego. "Galicia posúe unha das catro grandes linguas atlánticas, difundidas desde o Mediterráneo a Filipinas. Esta circunstancia pon en mans de España dous dos imperios lingüísticos occidentais. ¿Pode alguén que se titule bo español, pretender que España renuncie a un deles", escribe en 'Galicia como tarea'. Este libro recolle, precisamente, as reflexións que realizou a partir das súas viaxes a América, chamado polo Centro Galego de Bos Aires para falar sobre economía e cultura galegas nas Xornadas Patrióticas de 1957. Na súa ideoloxía lingüística debeu de influír, tamén, a súa experiencia como conferenciante convidado pola FAO en latinoamérica.

A estratexia que Paz-Andrade propoñía para a lingua pasaba, por outra banda, pola superación do que chamou, en 'Galicia como tarea', "superposición" do castelán sobre o galego pois, -escribe-, no caso de Galiza, máis que bilingüismo atopamos "un país de dúas falas superpostas" no que, por motivos históricos, "a capa superior da sociedade abandonou o uso da propia" e "a inferior mantívose fiel ao patrimonio verbal herdado". E, xa que "a conservación e cultivo do idioma propio é un imperativo ligado á economía e a vida dos habitantes de Galicia, tanto como á súa cultura e a súa historia", a solución para esa, chamaríamoslle hoxe, diglosia, pasa para el por unha política de "rehabilitación" do galego sen renunciar ao castelán, a través dun ensino bilingüe partindo da fala materna, que permitise pasar do "bilingüismo tosco" apreciable na sociedade a un "bilingüismo culto", tal como di en 'La Marginación de Galicia'.

O homenaxeado polo Día das Letras ingresou como membro numerario na Real Academia Galega no 1978, cunha intervención sobre Guimarães Rosa, a quen lle dedicara un libro que rematara no 75. Despois colaborou co reintegracionismo lingüístico organizado, sendo vicepresidente da Comisión Galega do Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa, o cal posibilitou que houbese representación galega nas reunións celebradas en Rio de Janeiro no 86 e en Lisboa no 90. A súa concepción da lingua conectaba coa sostida por moitos galeguistas históricos, xa antes ca el. No 1985 publicou o seu libro 'Galiza lavra a sua imagen', cunha grafía próxima á portuguesa. Pero, máis que de cuestións normativas, preocupouse de que a filosofía reintegracionista fose comprendida. Así o explicou nun artigo publicado polo Círculo das Artes de Lugo, no 1968: "As diferencias de fonación ou de grafía non son barreira infranqueábel para o entendemento recíproco. Non anulan, nin moito menos, o valemento do sistema común, nin como medio de comunicación, nin como 'outillage' mental da cultura". Senón que "o que importa, por enriba de todo, é o destino conxunto da lingua galaico-portuguesa. A integración e desenvolvemento dun dos grandes dominios lingüísticos da civilización atlántica".

E, para levar á práctica as ideas de Paz-Andrade, foi posta xa en marcha unha Iniciativa Lexislativa Popular que, segundo explican os seus promotores nun comunicado, “procura uma série de medidas que facilitem o acesso dos galegos ao universo de língua portuguesa e um maior relacionamento com a Lusofonia” como “a progressiva incorporação do português no ensino, o fomento da participação das instituições e empresas galegas nos foros económicos, culturais e desportivos lusófonos, a recepção aberta das televisões e rádios portuguesas e o reconhecimento desta competência linguística para o aceso à função pública”. Presentada xa no rexistro do Parlamento, a ILP precisa agora de 15.000 sinaturas para ser considerada na Cámara galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario