Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 16 de setembro de 2015

E logo ¿Deus non entende o galego?

por Adolfo de Abel Vilela, no Terra e Tempo:


O día 9 de xullo celebrouse unha misa na catedral de Lugo oficiada polo bispo e concelebrada por varios cóengos e sacerdotes da diocese, para festexar a declaración do Camiño Primitivo, e tamén a Catedral, como Patrimonio da Humanidade. Aínda que a misa era a que habitualmente se celebra nos chamados Xoves Eucarísticos, polo feito de que a UNESCO o incluíseo na súa lista de bens patrimoniais de importancia mundial, quixeron darlle un especial realce tanto desde o punto de vista relixioso como civil invitando a autoridades. Non era pois a misa vespertina ordinaria ou coral que se oficia todos os días na capela maior, e por iso esperaba que se celebrase en galego. Pero non, como xa é tamén habitual, o oficio fíxose en castelán.
Na catedral de Lugo só hai unha misa en galego ao ano, a da Ofrenda do Reino de Galicia. Claro que tampouco se oficia ningunha en latín, que segue sendo o idioma oficial da Igrexa. A recomendación do Concilio Vaticano II, sobre o uso na liturxia das linguas vernáculas, aquí debeuse mal interpretar pola maioría dos eclesiásticos que polo que se ve deben considerar que a lingua propia de Galicia é o castelán. Estaría ben que nos dixeran a que estatus relegan o galego. Tal proceder carece de toda lóxica si temos en conta que a maior parte deste colectivo procede do medio rural, e xa que logo a súa lingua materna e de uso social é o galego.
Ao saír da catedral atopeime cun cóengo que me dixo si non me quedaba aos actos que se ían a celebrar na Praza de Santa María, e manifesteille a miña contrariedade polo feito de que esa misa non se oficiase en galego. Deume a razón, pero estaba presente un matrimonio ao que tamén coñecía que escoitou as miñas queixas pero que se mostraron contrarios a que a misa se oficiase en galego. É a estes son aos que lles fan caso.
A responsabilidade do clero
Cheguei a casa e púxenme a escribir un artigo que se publicou na edición local de La Voz de Galicia o 11 de setembro co título "Faltou ou Galego". Argumentaba nel que os asistentes a aquel acto relixioso e conmemorativo para festexar o recoñecemento dun elemento universal de cultura, como o é a peregrinación a Santiago, que non se fixera en galego cando os oficiantes e os asistentes eramos maioritariamente da aldea en primeira ou segunda xeración, xa que logo ninguén podía alegar que non entendía o galego.
As linguas son elementos culturais, patrimonio, non só dos que as falan, senón de toda a humanidade, e xa que logo todos debemos de contribuír a conservalas. Se cae unha pedra dun edificio con valor histórico e artístico, sempre haberá quen a repoña facendo un gasto para que non desapareza ese ben material. Pero os idiomas son patrimonios inmateriais que só os falantes poden conservar, sen facer ningún gasto, só coa súa vontade e colaboración. E aquí é onde o clero e a xerarquía eclesiástica teñen un papel importante na normalización do galego na liturxia, pola influencia que aínda exercen entre os fieis. Sería unha colaboración importante nun momento crítico para a supervivencia do galego.
Poucos días despois tiven ocasión de falar do tema co bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, e o vicario Mario Vázquez Carballo. O primeiro indicoume que cando estivera de párroco en Sargadelos, os fieis pedíronlle que oficiase en castelán. E o segundo dixo que percorrera a diocese co anterior bispo, frei José Gómez repartindo misais en galego pero que non houbo unha resposta adecuada, non so por parte dos cregos, senón tamén dos fieis. Un dos motivos podería ser que moitas veces non comprendían determinadas lecturas ou que certas pasaxes provocaban a hilaridade nos rapaces polo sentido en que está feita a traducción dos textos sagrados, considerando que se debía estudiar a posibilidade de facer unha revisión. Na catedral uno dos cóengos comezou a oficiar en galego e a xente non asistía a esa misa, posiblemente porque non sabían responder.
Unha experiencia persoal
É vedade que existe en certa medida esta postura refractaria cara á liturxia en galego, pero hai que poñer os medios para combatela. A finais dos anos 80 do século pasado, cando saíu o misal en galego, ofrecinlle un ao cura da parroquia de Cadoalla (Becerreá), onde está a casa da miña nai, para que dixese a misa en galego e rexeitouno. Aínda hoxe segue á fronte da mesma parroquia dándose a contradición, ou a esquizofrenia, de que os saúdos e as conversacións do cura cos parroquianos son en galego, o oficio é en castelán e a homilía en galego. Entón, se empregamos o galego coloquialmente e na relación social ¿por que non se emprega na liturxia?
A conclusión que algúns poden sacar deste xeito de proceder é que si hai liturxia en español, francés, portugués, italiano, alemán, inglés, polaco, ruso, rumano, armenio e todos os demais idiomas do mundo, é porque Deus os entende, pero en Galicia a maioría dos curas deben de estar convencidos de que Deus non entende o galego.
Pero o que para uns é dificultade para outros non o é. Hai curas que sempre ofician en galego e non teñen ningún problema cos fieis, o que parece que é unha cuestión de actitude e de facer normal o que é habitual. Certo que haberá fieis que queiran a misa en castelán, como o lucense que esixiu ao Concello que lle emitisen o recibo da auga en galego, non por imposibilidade de entendelo (ten trinta palabras, o demais son números, das que quince son igual en español, e as outras quince doadamente comprensibles), pero quixo facer valer o seu dereito. O malo é que no caso que nos ocupa non existe reciprocidade.
Un problema de secularizaciónPoucos días despois, o 29 de xullo, lía en La Voz de Galicia un artigo de Pedro Castelao, director da revista Encrucillada, sobre as razóns polas que a Igrexa galega non utiliza na liturxia o idioma dos seus fieis, afirmando que especialmente os seus dirixentes teñen un serio déficit de normalización da lingua, mostrándose insensibles aos problemas do galego.
O artigo estaba motivado polos 50 anos transcorridos desde que se dixo a primeira misa en galego en recordo de Rosalía, oficiada polo padre Seixas na igrexa de Santo Domingo de Bonaval.
Enumera a doutrina social da Igrexa, o Concilio Vaticano II e o Concilio Pastoral de Galicia, sobre a defensa, do coidado e do respecto que merecen as culturas e as linguas dos pobos da terra, e pregúntase como é posible que os bispos e os curas de Galicia non atendan con urxencia a tal situación sendo o galego a lingua propia do seu pobo eclesial.
A hipótese que utiliza para poder comprender esta postura, é que obedece a dous criterios mundanos, secularistas e sociolóxicos, antes que evanxélicos. Por unha banda a disglosia imperante na sociedade reflíctese na Igrexa e a Igrexa reforza o clasismo da sociedade:
"O castelán é cool. O galego non. O castelán é universal e útil. O galego local e inútil. O castelán ten futuro. Ou galego só ten pasado".
Por outro, a lingua galega é percibida como un instrumento de politización:
"Se un fala castelán non pasa nada. Esta é a realidade cotiá, neutral e non tendenciosa. Se, porén, un opta polo galego ¿como non ver aí unha sospeitosa, ideolóxica e perigosa opción política?".
Á mantenta de que o galego "é local e inútil", contoume un cura que foi profesor no Seminario de Lugo, que lles dicía aos seus alumnos que lles tiña que impartir galego porque era unha materia do currículo escolar, pero que unha vez que pasasen Pedrafita non lles valería para nada. Con esta motivación ¿cantos curas dos que foron seus alumnos ofician en galego? O argumento é pobre porque tamén se lle pode aplicar ao castelán, así que se pasan os lindes do territorio xa non serve.
E para terminar, compre preguntarse canto se avanzou en medio século na normalización do galego na liturxia. Visto o relatado a resposta é desalentadora.


Ningún comentario:

Publicar un comentario