Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 22 de febreiro de 2010

Feijóo contra o decreto

Xa se posicionou todo o mundo contra o decreto. Só faltaba Feijóo e uns poucos máis. Agora tócalle o turno a estes.
Efectivamente, Feijóo promete que sempre defenderá o galego, pero máis claramente, o proxecto de decreto tiña como un dos seus obxectivos fundamentais, a intodución do idioma estranxeiro nun 33% da docencia non universitaria, agora Feijóo declárase contra este principio e di 'O obxectivo agora é 50% en galego e 50% en castelán'


“Teño a convicción de que o galego será unha lingua viva por moitos séculos”

entrevista a Miguel Pereiras, bibliotecario e arquiveiro do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, en Galicia Hoxe

Miguel: teatro, poesía, pintura, cal é o teu campo de acción, o de máis importancia ou interese a nivel íntimo. Que complemento ten a distribución do idioma e as súas consecuencias?

En teatro, dende hai moitos anos, son un mero espectador aínda que tiven 5 anos consecutivos e intensos de participación escénica. Persoalmente gústame que o teatro galego sexa en galego, en poesía síntome tamén máis lector que creador e anque os meus primeiros poemas foron escritos en castelán, os dos últimos 25 anos son maioritariamente pensados e escritos en galego; finalmente en pintura considérome simplemente un persistente traballador e pinto ademais coa mente máis universalizada do que son capaz. Quero dicir que non pinto nin en galego nin en castelán. Desde unha perspectiva íntima non sabería distinguir cal domina, aínda que é a pintura a que me produce máis satisfaccións persoais.

Tes moita máis obra pictórica que literaria, é unha decisión propia e sentimental?

Naturalmente teño moita máis obra pictórica, o eido literario é anecdótico, resulta máis desexo que realidade minimamente profesional. De calquera modo os sentimentos son moi variables, e por iso algunhas veces síntome con moitas máis ganas de escribir que de pintar.

Con respecto á lea do galego, en liñas xerais, cal é o teu posicionamento, a posibilidade da túa ou túas propostas?

O galego é unha lingua en toda plenitude e como tal é una parte moi importante do noso patrimonio cultural diferencial, polo tanto é necesario o seu coñecemento e recoñecemento e iso é o autenticamente relevante.

Mais non debemos esquecer que como toda lingua ten a súa realidade e finalidade na intercomunicación non sendo esta nunca unha filosofía, ideoloxía ou bandeira nas que un poida posicionarse. En canto a propostas non me sinto capacitado nin suficientemente informado como para poder facer propostas que teñan un sustento mínimo de seriedade.

Cres que Galicia é de si bilingüe?

Si creo que é bilingüe, mais non como o entende "Galicia bilingue" asociación. Creo que ninguén pode poñer en dúbida esta realidade tan contundente das dúas falas que deben coexistir sen que necesiten quen as dirixa ou manipule. Creo que a nosa burguesía urbana non soubo ou non quixo historicamente asumir a lingua como expresión propia e culta, como lle sucedeu á lingua catalá por exemplo. Con todo nestes últimos anos temos por forza que recoñecer o importante esforzo que fixo Galicia por acadar un corpus bibliográfico de certa relevancia que creo axudará moito a manter forte a nosa lingua.

Hai bilingüísmo harmónico ou diglosia perversa, substitución dun idioma polo outro que semella conducir á desaparición e polo tanto morte do outro?

Non creo que haxa perversión intencionada ningunha, si creo que o decorrer histórico-social vai marcando diferenzas. Creo que o efecto que ti atribúes á perversión é un efecto máis sociolóxico que garda certa relación coa desruralización da poboación e algunhas outras razóns máis. Non creo na desaparición de ningunha das dúas linguas, aínda que por tempos poida parecelo.

Pode ter momentos diferenciados en intensidade ou interese pero teño a convicción de que o galego será unha lingua autenwticamente viva por moitos séculos porque a súa desaparición sería tanto como a desaparición da nosa cultura e isto a min non me parece nada previsible.

O castelán ti cres que en certa maneira foi imposto en Galicia a sangue e fogo?

Esta é una expresión desafortunada e mesmo ridícula para amosar a realidade actual. O sucedido en Galicia e nas outras culturas con lingua propia ten máis que ver co acontecer histórico e a política de reunificación dos reinos de Isabel e Fernando que coa lingua en si mesma, aínda que esta acción afectase naturalmente á riqueza lingüística da península. Debemos ter en conta que ben puido ser o galego a lingua elixida para o novo territorio unificado, posto que tamén, nun determinado momento, foi esta a lingua de fala cortesá. Con todo, e pasados cincocentos anos, todas as linguas perviven e con certa vitalidade.

Un novo artellamento do país galego é algo necesario, condición sine qua non… Artellamento xeográfico, administrativo, humano?

Non sei, non teño un criterio moi claro ao respecto, creo que calquera novidade imposta dende a administración política non terá especial incidencia na cotidianeidade da cidadanía. Tamén creo que esta non é condición indispensable nin para a construción política nin administrativa porque realmente as culturas son as que definen os pobos. O artellamento xeográfico ou administrativo garda máis relación coa efectividade que coa cohesión da galeguidade.

Cal a a túa opinión de Galicia ou Galiza como nación?

Creo que Galicia é moito máis que un pronunciamento institucional, político, social ou cultural. Non comparto o discurso nacionalista; interésanme moito máis as persoas, os pobos, os seus comportamentos e a súa convivencia. Aínda que teño que recoñecer o meu fervor por todo o que representa a nosa cultura e o seu patrimonio polo que estou sempre en disposición de loitar e porque este é o meu traballo e o meu convencemento.

Apostar polo independentismo é delituoso?

De ningunha maneira, o independentismo é un posicionamento absolutamente lexítimo, calquera idea da conformación dun pobo ten, obrigatoriamente, cabida na democracia. Outra cousa é a concepción maioritaria deste.

Como pintor, escritor e poeta, cal sería o retrato que ti farías do tempo?

Como escritor e poeta non sei porque estou moi lonxe de asumir tal estatus. Como artista e mais como persoa, creo que meu retrato do actual tempo sería en tons grises escuros, moi escuros, como reflexo da triste realidade dunha alta porcentaxe da poboación humana que sofre de miseria. Creo que no occidente opulento temos pouco tempo xa para reflexionar e pensar en clave de solidariedade, fermosa palabra aínda moi recente e escasa no noso vocabulario. Creo que en occidente vivimos na máis cómoda e inconsciente consciencia e conciencia.

Cal é a túa relación co ontolóxico, o metafísico, as crenzas?

Lamentablemente para min, síntome impregnado dunha grande asepsia metafísica que unicamente se compensa coa feble crenza na bondade do humano como individuo aínda que non tanto como colectividade. As miñas crenzas son poucas, moi poucas e moi debilitadas pola realidade.

Non estamos maltratados dende o punto lingüístico e mesmo histórico-cultural?

Se te refires os galegos como colectividade cultural e social é posible que si, pero eu non estou disposto a seguir "chorando". O que creo que temos que facer os galegos é esforzarnos por modificalo sen lamentacións que non axudan nada agás para o remate do entroido.

Monarquía e democracia… Non é un antagonismo?

Conceptualmente pode ser, pero algún dos valores da democracia é precisamente convivir con tódalas posicións. De calquera modo creo que isto é absolutamente irrelevante.

Que é a vida?

Para min semella ser unha oportunidade para manifestarse como individuo e como comunidade. A vida, as nosas vidas, forman parte do que representa o conxunto da natureza sen que a ela lle pareza importar moito a nosa existencia. Creo humildemente que os humanos non transcendemos tanto, cada vida humana non é máis que un pequeno bocexo da natureza.

Retornemos á pintura… é o universo que te move?

Non sei o que realmente me invita á creación pictórica, o que me move a pintar máis ben parece obedecer a un impulso de carácter biolóxico que unha necesidade psicolóxica ou cultural. Eu tamén teño o meu microscópico universo, que é o que me direcciona no traballo creativo. Pinto, creo, non únicamente para satisfacer as miñas necesidades creativas, tamén pinto para ser visto, comunicarme, coincidir, diferenciar…

Regreso a unha anterior pregunta… Retratar o tempo non sería a obra dun grande artista, desde a pintura á literatura?

Efectivamente, todo creador e aínda innovador non fai máis que transportar na obra a súa realidade vivida, os seus sentimentos, aconteceres, teimas… Persoalmente sempre tiven unha teima co tempo, sempre quixen comprendelo, pescudar nel. Unha boa parte da miña obra está relacionada coa necesidade de recoñecer, atrapar o tempo ou máis ben as vivenzas que se producen nel.

A poesía é unha circunstancia na vida dos homes e das mulleres?

Si, é unha constante que se repite nos humanos, xa que todos semellamos ter "alma poética" sinxelamente porque o home sente a necesidade de comunicarse cos demais e sexa na lingua que sexa.

Que libro que aínda non escribiches pensas escribir?

Hai máis dun; un sobre a comprensión antropolóxica do xogo infantil que leva acompañándome uns 40 anos, outro sobre a antropoloxía da arte, que levo tamén moito tempo tentando escribir, e finalmente unha novela que xa ten título, "Piollo", que ten todo o corpo central composto, e tal vez, e con moitas reservas, unha pequena escolla dos meus poemas.

Cal cadro?

Dos meus, todos os que faltan, que agardo sexan moitos, e tal vez un que teña a virtude de non poder ser visto.

Cal retrato do amor segundo a definición de Leonardo de Médicis?

Creo que o amor se pode representar nunha balanza na que unhas veces resulta equilibrado e outras moitas absolutamente descompensado.

domingo, 21 de febreiro de 2010

Hoxe é o Día da Lingua Materna


O concepto de lingua materna pode levar a erros, enganos, prexuízos. Hoxe celébrase o seu día internacional poque así o instaurou a UNESCO. O obxectivo desta institución é denunciar a situación na que se encontran aquelas falas non institucionalizadas, as que non teñen unha academia e un estado forte que as defenda e protexa. De seguir o estado de destrución actual, o normal é que desapareza unha lingua cada 14 días.

Máis infomación no artigo de Galicia Hoxe: A protección do idioma

Por certo, a noticia aparece na televisión española, mais non na galega. Na TVG, ocúpanse da festa da filloa

Lingua, ciencia, normalización, anormalización...

Ciencia:Segundo un especialista bibliotecario informático catalán, Tomàs Baiget, ‘Catalán e galego son idiomas de III nivel na ciencia’, só o inglés ocuparía o nivel I, e idiomas como o francés ou o español. Mais iso, supoño, que non significa que deixemos de usar a nosa lingua para usar o castelán.
Normalización: A Coordinadora de Equipos de Normalización de Dinamización Lingüística vai realizar unha campaña normalizadora. Luís Tosar, María Castro e Martiño Rivas, co galego. Será Martiño Rivas?, será Martín Rivas? Cal dos dous participará. O lema da campaña será Orgullosos do noso, orgullosos do galego


Anormalización: Xa dábamos conta onte da noticia, Feijóo imparte docencia na Escola de Formación: o PP non se entrega "á minoría da lingua", e continúa coa historia da "imposición" a voltas. Por se o que escribíamos nas mensaxes de onte non chega, tendes aquí unha relación dalglunas das leis vixentes que obrigan ao uso do castelán. Nesta recompilación hai máis de 100, e non están todas. Pois iso debe ser a imposición.


A situación actual do galego e perspectivas de futuro

Francisco Rodríguez é posiblemente o autor que mellor describe a relación entre a identidade (ser galego vs. ser Michael Jackson) e usos lingüísticos. Nesta conferencia impartida na Estrada o pasado 19 de xaneiro, noutro dos actos de Queremos Galego da Estrada, Francisco Rodríguez volve a incidir sobre este e outros temas con incomparable mestría e claridade.


Conferencia de Francisco Rodríguez: "Galego e perspectivas de futuro" from Fundación Bautista Álvarez on Vimeo.

A síndrome de Michael Jackson


"Michael Jackson, o negro que non quería ser negro, que renegaba dos seus, que quería ser branco e derivou nun triste androide"

Así é como se explica o significado da chamada síndrome de Michael Jackson no celebrado libro "55 mentiras sobre a lingua galega". Nesta mesma liña temos os galegos que renegan de selo, que non falan galego, que tampouco defenden o seu uso, nin a normalización da nosa lingua, que non queren que os seus fillos falen en galego, e que o falen ben.Son xentes que teñen por menos aos que falamos en galego, que desprezan á lingua máis desfavorecida. Se algunha vez falan galego, fálano mal a propósito, para que se note que o falan con desprezo, e que non o fan por ruralismo nin porque o defendan, nin porque o sintan. Sonche unha xentiña que procuran disimular o seu acento e gostan de que o galego sexa discriminado, ocultado, acoutado, minimizado. Son galegos que, como Michael Jackson, renegan de o seren, e quixeran ser outra cousa. E acaban sendo... algo así como un híbrido fracasado. Todo por renegar da súa identidade.

sábado, 20 de febreiro de 2010

Ser ou non

por Rosa Aneiros, xornalista, na Nosa Terra

Hai meses, a controvertida pregunta no país galo de qué significa para ti ser francés tivo o seu inevitable eco nos medios de comunicación propios. Ah si? formula Alba. Si, moito se botou a lingua a pacer con respostas complexas que tecían cestos con vimbios procedentes da antropoloxía, da cultura, da psicoloxía ou do marketing para definirmos que é ser galego. E que é?, ri Alba. E eu que sei!, advirto. Porén, ás veces descúbrome ofrecendo respostas sen sabelo. Cando entro nunha tenda, cando escollo un ou outro produto no supermercado, cando vexo unha obra de arte, cando decido a roupa que poño ou onde deposito os meus cartos. A pertenza ao “noso” ten máis de vontade e de empatía ca de designio. Esa é a liberdade que a todos lles esquece cando enarboran a bandeira neoliberal da libre escolla. Non existe liberdade sen coñecemento. Non existe propio sen a vontade de selo. Por iso a cidadanía, convertida en consumidores na sociedade actual, deberiamos exercer o noso dereito de elección con máis contundencia.
Falemos das caixas, de consumo de lácteos ou de téxtil ou mesmo de arte. A partida de nacemento e o domicilio fiscal xa non son determinantes absolutos se non existe unha vontade de formar parte do compartido. Talvez por iso cando Luís Tosar ergue o premio Goya nas súas mans sentimos unha alegría que vén de dentro porque o sabemos de noso. Talvez por iso, optamos por refugar produtos de empresas que teñen de noso o prezo exacto das subvencións que pagamos por medio da Administración que nos representa. Talvez por iso, o verbo ser non sexa tan importante como o de exercer. E velaquí a nosa gran responsabilidade, creo.

O mago do Luar contra Luis Tosar

Eu non creo que Luís Tosar exista. Se existira sería un mostruo, un animal extraterrestre.
Din del que falou en galego! Raro me parece.
Porque o normal é que os xogadores do Deportivo, os de brasil incluídos, falen sempre en castelán, en Galicia.
Porque o normal é que os do Celta, falen sempre en castelán, en Galicia.
Porque o normal é que moitos conselleiros, vicepresidentes, alcaldes, galegos, falen, ben por veces, ben sempre, en castelán, en Galicia.
Porque o que realmente sucede, é que cando imos ao banco, todos nos falen en castelán, en Galicia.
Porque o que realmente sucede, é que cando imos ao xulgado, a falar cun avogado, todos nos falen en castelén, en Galicia.
Porque o que realmente sucede, é que cando abrimos un periódico feito en Galicia, estea escrito en castelán, en Galicia.
Porque o que realmente sucede, é que toda a rotulación, as etiquetas e prospectos, só aparezan en castelán, en Galicia.
Porque o que realmente sucede, é que cando estamos mirando a TVG, o Luar, por exemplo, e aparece alí un mago portugués, éste se esforce por falar en castelán, en Galicia.

Din de Tosar que falou ...en galego!....e que foi fóra de Galicia!....en Madrid!....e cando lle estaban recoñecendo o seu labor profesional!
Xa vedes por que non creo que ese tal Tosar exista. Eu, por aquí non o vexo. En Galicia.

O mago do Luar

Este señor, o mago do Luar, Luís de Matos, creo que é portugués. Escoitádeo falar.
Que necesidade ten este señor de falar así, en castelán, na TVG?
Pasa algo así en Cataluña? Por que a resposta é non?

Carta Aberta a Don Mauro Fernández

Xabier Docampo non escribe, pule pequenas perlas nestas súas cartas abertas. Nós agora presentamos aquí a última, pero, aproveitade a ligazón que vos deixamos á orixinal e pegádelle un repaso a todas estas cartas.

por Xabier P. Docampo, escritor, en Vieiros:

Prezado señor: Lin antonte un seu artigo titulado Entre impostor y galegófobo que, aínda que non me sorprendeu despois de telo escoitado a vostede no “Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia” celebrado o 1 de decembro do pasado ano no CCG, contén cousas que me producen unha gran perplexidade.
Comezo por non dar comprendido a razón do uso que vostede fai da primeira persoa do plural. Certo que ese nós pode ter raíz maiestática en virtude de que vostede quere darlle ao texto un ton episcopal, o dunha carta pastoral dirixida aos fieis da súa doutrina. Outra razón para dirixirse aos lectores desde ese nosoutros pode estar en que porta vostede a representatividade dalgún grupo ou pluralidade. Entón sería ben poder identificalo, así que, vostede sabe quen son, fágao público. Eu barrunto de quen se trata, mais debo recoñecer que só son xogos da miña dedución, que é tanto como dicir da miña imaxinación.Do contido do artigo quería atender a un par de cousas que non creo que se deban deixar sen comentar. En primeiro lugar ben sabe vostede que o xogo de dicirse equidistante a base de se arrogar o dereito a situar os extremos onde a un lle peta, é un xogo falsario de lado a lado. Porque, mire señor Fernández, se eu fago o mesmo, quero dicir, se poño o extremo dereito nas súas teses, vostede é, sen dúbida algunha, un galegófobo. O mesmo ocorre cando fala de equilibrio. A que equilibrio se refire? A aquel que, no mellor dos casos, só podería contribuír a manter a situación actual na balanza social do binomio galego-castelán? Pois mire, iso está moi perto das teses da galegofobia: deixar todo como está, que a inercia social se encargará de facer desaparecer o galego. Hai que se asegurar, din, de que non se leven a cabo ningún tipo de accións que promovan o uso do galego, facer del unha lingua inútil. Deixalo na escola (iso si, baixo férreo control), porque as competencias inútiles abandónanse.Vese por onde quere ir vostede, señor Fernández, está claro que o obxectivo que ten posto no punto de mira é o PXNLG. E non está só neste camiño, non nos enganemos, o señor Secretario Xeral de Política Lingüística xa fixo declaracións nese mesmo ton. E para iso non se lle ocorre cousa mellor que negarlle lexitimidade ao Plan porque propón medidas de protección do galego e de promoción do seu uso. Vostede non é unha anomalía por falar castelán, cadaquén fala o que lle peta e nada teño eu contra o castelán nin contra os seus falantes, éo por negar o dereito á promoción do uso do galego. Agora compréndense ben as súas teimas, por máis que a realidade e a maioría dos expertos digan o contrario, en afirmar que o galego está a recuperar falantes: desarmar calquera acción de recuperación, conseguir que baixemos os brazos e os entreguemos ás alxemas. O seu (de vostedes, sexan quen sexan) intento de desprestixiar o PXNLG é unha argucia miserábel. Eliminar as referencias, desarmar as defensas para que o baleiro trague e destrúa a nosa lingua, merece o desprezo do pobo galego. Señor Fernández abandone calquera disimulo. Negarlle ao pobo galego o dereito a se dotar de medios normativos de promoción do uso da súa lingua propia nunha situación coma a actual é un acto claro de galegofobia.

O enterro do burrador do decreto na Estrada.2

Se alguén aínda quedou con ganas dun vídeo máis longo: máis enterro do burrador, de Quermos Galego da Estrada:

O enterro do burrador do decreto na Estrada

O pasao mércores 17, Queremos Galego da Estrada, no canto do enterro da sadiña, fixo o enterro do burrador. Así o contaban no informativo local:

A Carta das Linguas Minoritarias e a imposición de Feijóo

A aplicación da Carta das Linguas Minoritarias, a debate no CCG
Feijóo retoma en Allariz o discurso da "imposición" lingüística
A respecto do asunto da imposición, convén que leades o que temos máis abaixo. Podedes completalo na bitácora de Galicia monlingüe:
El Consejo de Castilla al rey Felipe V, después de la caída de Barcelona en 1714
Que en las escuelas de primeras letras y de Gramática no se permitan libros en lengua catalana, escribir ni hablar en ella dentro de las escuelas, y que la Doctrina cristiana sea y la aprendan en castellano."
Felipe V, 1717, ‘Carta del Rey a los Corregidores’, sobre la aplicación del Decreto de Nueva Planta
"Pondrá el corregidor el mayor cuidado en introducir la lengua castellana, ...

Real cédula de Carlos III de 23 de mayo de 1768
"(...) Para que en todo el Reyno se actúe y enseñe en lengua castellana. (...)

Real cédula de Carlos III de 10 de mayo de 1770
(...), para que de una vez se llegue a conseguir el que estingan los diferentes idiomas, de que se una en los mismos dominios, y sólo se hable el castellano, ....
Real Decreto del 28 de Diciembre de 1799
"En ningún teatro de España se podrán representar, cantar ni bailar piezas que no sean en idioma castellano....

Gobierno Superior Político de Baleares, Mallorca Regencia de Maria, 22 de febrero de 1837
"...advirtiendo á los demás que dentro del umbral de la escuela ninguno hable palabra que no sea en castellano, ....

Ley de Instrucción Pública de 9 de septiembre de 1857
"Art. 88. La Gramática y Ortografía de la Academia Española serán texto obligatorio y único para estas materias en la enseñanza pública."....
Ley de 28 de mayo de 1862, del Notariado
"Art. 25. Los instrumentos públicos se redactarán en lengua castellana....

Boletín Oficial de la Provincia de Barcelona 29 de enero de 1867
en adelante no se admitan a la censura obras escritas en qualquiera de los dialectos de las provincias de España."
Real Decreto de 21 de noviembre de 1902
"Los maestros y maestras de Instrucción Primaria que enseñasen a sus discípulos la Doctrina Cristiana u otra cualquiera materia en un idioma o dialecto que no sea la lengua castellana serán castigados

Real Decreto contra el separatismo de 1923
"Art. 2. No podrá usarse por las personas investidas de autoridad otro idioma que el castellano (...)

Decreto de 11 de junio de 1926
“Art 1. Los Maestros nacionales que proscriban, abandonen o entorpezcan la enseñanza en su Escuela del idioma oficial

Orden Ministerial sobre el Registro Civil del 18-V-1938
“Art. 1º En todo caso , tratándose de españoles, los nombres deberán consignarse en castellano."
Orden Ministerial sobre Cooperativas de 21-V-1938
“Queda terminantemente prohibido el uso de otro idioma que no sea el castellano(...)”
Orden Ministerial del 26-V-1938
"Queda terminantemente prohibido el uso de otro idioma que no sea el castellano

Orden del gobernador de Barcelona de 28 de julio de 1940
“1.-A partir de 1 de agosto todos los funcionarios contractuales de las corporaciones municipales de la región que se expresen en el exterior o en el interior de los edificios municipales en una lengua que no sea la del Estado serán inmediatamente destituidos, sin que tengan derecho a reclamar.
2.-Por lo que se refiere a maestros públicos y particulares, tal falta comportará la pérdida de los derechos a enseñar.
3.-Ninguna investigación contra los funcionarios será suspendida por falta de pruebas, y los indicios serán suficientes.”
Orden gobernativa de 31 de diciembre de 1951
Prohíbense os descursos en língua galega na Real Academia Galega.

Hai infinidade de exemplos máis.
E para que vexade que a cousa non é de tempos anteriores:

Real Decreto 1246/2008 de 18 de julio
“Anexo III. Parte I. 14. Las informaciones estipuladas en el apartado 1 deberán ser redactadas en la caja y en el envase de los medicamentos al menos en castellano.”

Sobre a obrigatoriedade de etiquetaxe en castelán hai vixentes na actualidade do orde de 160 leis e decretos.
Pois iso, imposición.

Nunca llo perdoarei

por Francisco Castro, escritor, na Nosa Terra

Algo que nunca lle perdoarei ao PP é que na barafunda da discusión sobre o asunto do Decreto e os cristos con Galicia Bi ou Tri ou Cunninlingüe ou como sexa que se chaman eses apocalípticos e desintegrados, lanzaran o bulo, interesado, repetitivo, mentirán, monocorde, monolítico, monoabsurdo e monoparvo de que o BNG e o PSOE estaban radicalizando o debate.
Porque a palabra radical é unha palabra que, semántica, pero sobre todo, politicamente, ten moitísimas implicacións. Aínda que non tería por que significar nada malo a priori (ser radicais, por exemplo, na defensa ecolóxica ou na igualdade de oportunidades non é ningún disparate), o certo é que é empregada interesadamente para asociar con violencia e, sobre todo, con irracionalidade. Un radical, xa que logo, é un tipo que non as pensa, un arroutado que, en canto ten ocasión, vai e pega un bombazo nun caixeiro. Un radical é un infrahumano indigno de vivir entre os racionais normais de gravata seria e discurso moderado. Iso é o que din, seica.
Por iso digo que non vou perdoarlles que provocasen este problema artificial e forzado converténdonos, diante dos veciños que nada sabían de que había un conflito lingüístico en Galicia, en xente perigosa. Porque é sabido: os que defendemos o galego somos galeguistas (non tería por que ser así), somos de esquerdas (non tería por que ser así) e votamos o Bloque (non tería por que ser así). E o máis grave: os que estamos co galego estamos contra o inglés (non tería por que así), estamos contra o progreso educativo (non tería por que ser así), e estamos contra desas mellores oportunidades que na vida as nosas crianzas poderían ter se triunfase o plurilingüísmo. Ou sexa, que somos uns radicais, é dicir, infrahumanos indignos de vivir entre os racionais normais de gravata seria e discurso moderado.
E eu sonlles un tipo do máis decente. Que fala galego. Pero do máis decente.
Así que nunca llo perdoarei.

xoves, 18 de febreiro de 2010

Linguas esquecidas nunha chamada telefónica



A India conta con 30 linguas recoñecidas, pero hai ata unhas 2000 variantes. A nova é que Microsoft Portugal e o MIT (Massachusetts Institut of Tecnology), están colaborando nun proxecto para que se poida informar en linguas esquecidas e permitir que unha gran parte da poboación acceda a esta nova forma de información

O PSdeG comprométese coa RAG

Ferrín fala: “Tosar demostrou que o galego non crispa”
e o PSdeG comprométese a axudar á RAG, que está nunha situción precaria.

Os cargos públicos falarán en galego

Moitos son os deputados do PP que non usan o galego:
Alberto Núñez Feijóo,
a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás,
o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela,
a conselleira de Traballo, Beatriz Mato,
o conselleiro de Industria, Javier Guerra, a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas,
Pero de hoxe en diante, pode que a cousa cambie: Os cargos públicos falarán en galego ao ser aprobada unha inciativa do BNG.
A ver se agora fan caso, pois o uso do galego xa era preceptivo en todos os cargos dependentes da Xunta.

mércores, 17 de febreiro de 2010

Deitado frente ao mar.4

Para rematar, unha trasnada de Celso Alvarez Caccamo, que parece dos nosos tempos, por iso do plurilingüismo. Trátase outra vez de Laying Rente The Sea, ou, como é máis coñecida: Lingua Proletarian de Mi People



Lingua proletarian de mi people!
Eu hábloa because sí, porque I like it,
because me peta and quiero y dame a gana,
because me sae de inside, allá do bottom
de una sadness aceda que me encircles
al ver so many idiotas desleigados,
pequeños mequetrefes without roots,
que ao wearing la corbata xa don’t know
afirmarse in the love of devanceiros,
to speak a fala madre,
the speech of our abuelos we have mortos,
y ser, co face erguido,
mariñeiros, labriegos of the language,
oar and arado, bow y rella siempre.

Eu speak it porque yes, because me gusta,
e quero be with mine, coa people mía,
next to the homes good que suffer largo
una history told en otra lingua.

I don’t falo for soberbios,
non hablo para os vile and poderosos,
no speak for the finchados,
non hablo for the stupid,
yo non speak prós empty,
que hablo prós que endure reciamente
mentiras and injustice de cotío;
for those que sweat y choran
a llanto cotián de butterflies,
de fire y vento sobre os ojos naked.

Eu non can separar las miñas words
from todos los que suffer neste mundo.
Y you vives no world, tierra miña,
craddle de my estirpe,
Galicia, dulce mágoa of las Spains,
laying rente the sea, ise camino...

Deitado frente ao mar.3

Xesús Rábade Paredes recita o poema de Celso Emilio

Deitado frente ao mar.2

Desta volta é Isaac Alonso Estravís quen recita o poema de Celso Emilio