Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 16 de setembro de 2010

Liberdade de elección de lingua

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:

Unha señora que pasará á historia en pobrísimo lugar e en representación do tristísimo grupo daqueles que erguen valados de odio (puras formas de acción etnocida) contra a lingua galega, leva tempo a falar e a se presentar ela mesma -"baduar", diría Noriega-como unha defensora da "liberdade de elección de lingua". Cousas veremos. Aqueles que se manifestan publicamente con grupos políticos radicais de extrema dereita falan de liberdade e denuncian a "politización" dos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros educativos, que actúan, como é ben sabido, no marco das leis existentes. Mais a reacción etnocida, a estrañísima secta -¿quen son realmente, que luces extremistas aniñan nos seus ollos?-, vai máis alá -típico delirio autorreferente- e acusa tamén aos docentes encargados de dinamizar a lingua galega de introducir no ensino cuestións "ideolóxicas". Cousas veremos de novo. "No se metan ustedes en política", dicíalles Franco aos seus ministros, e estes seguían o consello ao pé da letra. Os etnocidas de aquí e de agora falan de liberdade e son incapaces de se veren eles mesmos no espello que reflicte a súa ideoloxía liberticida. Mais vaiamos por partes e a ver se o entenden. Non pode haber liberdade de elección, facendo auténtico uso da liberdade, sen coñecemento previo e integrado das opcións existentes. ¿Pode existir liberdade de elección de lingua cando se descoñece o galego, cando se dispara contra o galego, cando se sementa desprezo contra o galego? ¿Que tipo de liberdade é esa, baseada na ignorancia e na condena a priori dunha das opcións? Calquera persoa con mediana intelixencia entende que a liberdade de utilizar un idioma ou outro só pode ser real sobre a base do seu coñecemento. Ou dito doutro xeito: os alumnos galegos que descoñezan o idioma propio de Galicia non poden ser libres para optar por un idioma que nin sequera lles foi ensinado con naturalidade e normalidade. Só hai liberdade de elección se hai coñecemento pleno de galego e castelán. ¿Entenderano?

mércores, 15 de setembro de 2010

Grazas á Mesa por intentalo

Onte podíamos ler algunhas reflexións de Carlos Callón, presidente da Mesa, a respecto do previsible auto do TSXG sobre a suspensión cautelar do funesto decreto 79/2010:  "é difícil que un tribunal conceda" este tipo de medidas cautelares pero "a gravidade da situación" levou á asociación a pedir que se adopten medidas urxentes debido á entrada en vigor do Decreto neste curso académico 2010-2011
Na xustiza funciona máis a tradición que os argumentos e os tribunais teñen por costume non conceder este tipo de medidas cautelares porque supoñen, en moitos casos erróneamente, que os gobernos lexislan respectando o ordenamento xurídico. Aínda así, a Mesa presentou a petición, sabendo que tería que pagar un prezo ben alto cando o TSXG non a admitira, por iso todos os que lle temos un mínimo de cariño á nosa lingua, debémoslle agradecer á Mesa este novo acto de sacrificio pola lingua.
Desde esta asociación lémbranos que “unha resolución denegando unhas medidas cautelares non fornece o decretazo de ningún verniz de legalidade”. Polo momento os defensores do tal decreto pasaron por riba de asociacións de pais, de profesores e alumnos, de directores, de equipos de normalización, de sindicatos, do Consello da Cultura Galega, da Real Academia, da Mesa Sectorial de Educación, do Consello Consultivo, da legalidade vixente, e incluso dunha asociación de minusválidos. Pero o peor é que todo isto non é gratis, non pode facerse sen manipular a realidade, e sen destrozar a cachón a cultura e o ensino en Galicia.

A CGENDL contesta ás ameazas

É tempo de facer, de pór mans a obra, ensino en galego

por Francisco (de Limiar) López, presidente da Comisión Promotora, Galiza co Galego,  en Terra e Tempo:

En 1978, en decembro, votase a constitución do reino de España, ábrese a porta de que o galego sexa oficial en Galicia se así determinase no estatuto. En 1979, referendo dos estatutos de autonomía de Catalunya e Euskadi, participan máis do 59%. En 1980, en Catalunya e Euskadi nas primeiras autonómicas o voto procastelán-español foi sobre do 13%. En 1980, decembro, referendo para aprobación do estatuto de autonomía, "a lingua propia de Galicia é o galego", participa o 28,27%. O 23 de Febreiro de 1981 prodúcese o golpe de estado, coñecido como 23 F, en contra da constitución e o estado das autonomías. En outubro de 1981, na Galiza ca pantasma da represión franquista, nas primeiras eleccións ao parlamento galego, o voto as posturas españolas antigaleguistas, supón sobre do 60%. Entre 1975 a 1981, a maioría da poboación consideraba o galego como residual e secundario, senón un dialecto do castelán (na teoría franquista), e que na política era utilizado case en exclusividade polo nacionalismo de esquerdas.
Eu teño o convencemento, e a certeza (a falar noutro tempo) de que si for posíbel si faríamos, na década dos anos 80, unha aposta polo ensino privado autorganizado e popular en galego. A defensa da lingua realizada polo nacionalismo deu como resultado a recuperación da lectura e a escrita, pese a debates normativos. Mais o fundamental non está na lectura e a escrita, o latín e grego son linguas mortas que pódense ler e escribir.
Non fai falla ter estudos de sociolingüística para concluír que a perda da transmisión oral dunha lingua supón a súa morte. A dereita excluínte do reino de España, sabe que cos medios de comunicación impídese o espazo ao galego, e que ás crianzas se lles manipula, vende e fala maioritariamente en castelán. Resta dicir que estanse a perder falantes, primeiros falantes (as crianzas), de xeito debidamente planificado polo sector unionista español, que usa a escola en Galiza (pública e privada) para limpar calquera uso do galego, e impor o castelán.
A educación infantil pública, impulsada dende o galeguismo, (proxecto de galescolas, e inmersión lingüística nas cidades), na cal a lingua da infancia era o galego, no breve tempo que durou, supuxo a vivencia, e a recuperación de falantes. Esta situación non foi do agrado dos impositores do castelán, que utilizaron todos os seus recursos mediáticos para recuperar o poder político e pechar os espazos en galego e as galescolas.
Cerca do 65% dos Pais e Nais (na enquisa trampa do PP) manifestaron que queren que os seus fillos aprendan a ler e escribir en galego. Un mal resultado para a dereita española que tenta amañar impoñendo cunha pregunta (¿en que lengua le habla al niño?) ás familias a súa lingua castelá. Pretende ademais, esta dereita, usar ás familias no ensino para impor a toda a cidadanía, como lingua propia (principal) de Galiza, o castelán.
Así convén non esquecer que o ensino público, sostido co diñeiro da cidadanía, está dirixido pola maioría política e económica gobernante, no caso en Galiza a dereita do reino de España. Por elo e ante a imposibilidade de que haxa un ensino público en galego, agroma unha iniciativa privada, sen ánimo de lucro, de ámbito social, laico e popular: Galiza co Galego.
Por riba da forma da empresa de ensino ou a súa titularidade, está o dereito a educación das crianzas, os dereitos da cidadanía que desexa que os seus fillos/as aprendan en galego. A educación non é un dereito que se poda postergar, adiar, exercer pasado un tempo, xa que non é doadamente recuperábel. As crianzas aprenden dende que nacen, non agardan a ter os dereitos, teñen que acomodarse ao momento. Así non son estes dereitos (da educación) como aqueles de indemnización por despido, ou por expropiación forzosa. Os dereitos das crianzas non poden nin deben agardar, este é tempo de facer, de por mans a obra como dicía Castelao.
Neste mes de setembro máis de 2000 galegas e galegos teñen dado o seu apoio a idea de Galiza co galego, porque é un proxecto de ensino plural, sen ánimo de lucro, popular, laico, social, democrático, integrador, transparente, transformador, universal, de traballo, de valores, de futuro.

Na procura da paz lingüística

por Pablo González Mariñas, profesor da UDC, no Xornal:

Vén de afirmar Núñez Feijóo a bombo e platos que quere baixar a tensión coa lingua galega neste curso político que agora comeza. Actuarían como heraldos desta pretensión algunhas decisións de natureza económica en relación co galego que estes días anuncian varios dos seus conselleiros. Para iso –dise tamén– que o presidente buscará un pacto coa oposición, aínda que o decreto do galego seguirá adiante.
A pretensión de establecer a paz lingüística debería ser recibida cun punto de alegría, xa que é moito o dano que as agresivas normas gubernamentais están a producir na nosa lingua, neste momento e máis aínda cara ao futuro. Porén, non se pode agochar que causa perplexidade a afirmación de que o decreto seguirá adiante, como se a tensión viñese doutro lado distinto do decreto mesmo. O correcto e plausíbel sería comenzar por aí, por non pechar a porta a unha derrogación ou modificación da norma, en troques de facelo con aquela contradición in terminis. Mais tal como falou o presidente, calquera observador da situación política poderá pensar lexítimamente que o presidente non busca a paz lingüística con sinceridade e convicción, senón movido polo temor a unha permanente revolta profesoral nas aulas e nas organizacións sociais, que poden facer moito dano nas xa próximas eleccións municipais. O anuncio tería neste caso unha insoportable intencionalidade táctica, e xogaría tamén como unha especie de cambadela a oposición para, propondo un pacto imposíbel, intentar lle cargar, a pretexto dun presunto radicalismo impositivo, a factura da falta de acordo nun tema tan sensíbel como a lingua.
A proposta non conta coa suficiente credibilidade. Tal como se formula, farían falta moreas de fe no presidente que, en cuestión da defensa do galego non anda presisamente sobrado; tanta fe que a un vénselle á memoria aquela máxima tan coñecida de San Anselmo para penetrar na esencia do pensamento e intencións divinas: “creo para entender”, en troques do máis humano e humilde “entender para crer”.
En calquera caso, eu preferiría equivocarme e que a vontade do presidente sexa a de rectificar. Se cadra acordou doutro conservador, don Antonio Maura, cando dicía que as contradicións son infamantes cando son desvergoñadas mudanzas por interés, “mais eu vos digo que se algunha vez ouvise a voz do meu deber en contra do que con máis calor houbese antes sustentado, consideraríame indigno da vosa estimación e na miña conciencia teríame prevaricador se non pisoteaba as miñas palabras anteriores e axustaba os meus actos aos meus deberes”.

Entrevista a Berto Yáñez

Galicia Confidencial entrevista a Berto Yáñez
Deseñador de Acordar-Vieros, pai e finiquitador de Chuza, agora coordinador d'A Navalla Suíza, consultora coñecida por proxectos vencellados á cultura galega na rede, como Eufalo.tv ou galegoLab. Gústelle ou non, vostede xa é parte da historia da internet galega ...
Non creo que o curto camiño que leva percorrendo iso que se lle dá por chamar rede galega poida chamárselle historia; pero si, eu, como moitos outros que coñezo, e moitos outros que non, levo traballando neste sector en Galicia dende hai máis de dez anos. Un tempo moi curtiño pero no que pasaron moitas cousas :-)
Dende esa experiencia, como ve a crise dos medios electrónicos do país? Chuza, a rede social que deseñou vostede morreu este verán malia que mantiña unha audiencia considerábel. Tantos usuarios non lle daban ingresos publicitarios abondo?
Primeiro, o peche de Chuza non tivo que ver cos ingresos publicitarios, tratábase dunha rede social onde a información era xerada polos seus membros e os únicos gastos eran o servidor web, o ancho de banda e unhas horas de traballo miñas á semana.
Vale, eran pequenos, pero como cubría eses gastos?
Como dixen moitas veces nos anos de existencia de Chuza, máis do 90% dos ingresos publicitarios eran de publicidade institucional, o que significaba que aínda que eran cartos reais non era unha publicidade "real". Eu non xestionaba a publicidade de Chuza, esta era xestionada por unha axencia de Vigo, Elogia Media [a antiga Galiciabanner], como moitos outros medios galegos, micromedios, redes sociais etc,...
Até que punto influíu a falta de tempo para desenvolver o portal na súa decisión?
Iso si foi moi importante. Canda o meu progresivo alonxamento do cerne do proxecto, a falta de tempo fíxome imposible que facer os cambios necesarios para evolucionar o portal.
Tentou 'traspasalo' ...
Hai uns meses comecei a ofrecer a xestión do proxecto a varias entidades e asociacións galegas, pero ningunha quixo asumilo. O traspaso tiña unha certa complexidade e as miñas condicións para a cesión obrigaban a un certo traballo colectivo. En xullo considerei que un peche sería un revulsivo abondo para que alguén quixera xuntar un grupo para darlle continuidade ao proxecto. E así foi! Nos seguintes dias ao peche montouse un grupo que xa ten unha versión funcional da nova "Chuza". Unha asociación do mesmo nome xestionarase e lanzarase en pouco tempo.
Que lle parece esa tentativa de resurrección de Chuza?
Dende o primeiro día fixen un seguimento do avance ofrecendo a axuda que me pedisen, que foi case ningunha. Xa teñen unha versión case rematada, cun software actualizado, cun pequeno redeseño, accesible en dúas normativas e que lles está quedando moi ben. Cando se lance definitivamente, estará en chuza.gl e dende alí poderase entrar ao arquivo do Chuza "classic".
Dominio editorial do medio por unha minoría moi activa, formada sobre todo por lusistas e independentistas, que levou a caida de audiencia e a perda de pluralidade na web. Está é unha das eivas que moitos viron na fase final de Chuza ...
Chuza é para quen a traballa! Igual que calquera outra rede de valoración de novas con sistema de karma. De todos os xeitos, tomei varias decisións que afectaban ao funcionamento ao longo dos anos que afectaron á reducir a "entropía" do proxecto e que co tempo considero que afectaron negativamente á evolución da comunidade. Outras cousas tamén se fixeron ben, pero unha rede social é un sistema bastante complexo e pequenas decisións poden afectar en última instancia dun xeito moito maior e diferente do que se agarda.
Como viviu vostede o peche de Vieiros, portal que vostede codiseñou? Que cre que significou esta cabeceira para a internet galega?
Pois creo que foi un final longo e agónico, que creo que non merece un medio con esa traxectoria e significación. Pero sobre todo doeume pola xente que traballaba aló, colegas meus algúns deles que por unha mala xestión do proxecto tiveron que apandar cun final triste.
A crise económica é tan grande que explica por si soa a caída de anunciantes nestes medios?
Unha parte moi grande da publicidade en liña galega é institucional, cando esta publicidade desaparece, redúcese a medios máis tradicionais, ou repártase doutro xeito, hai danos colaterais deste tipo.
Non influíu nada máis?
O asunto é máis complexo. Non se pode basear un modelo de negocio con gastos, empregados, etc baseándose nesa publicidade, nas axudas e nas subvencións. A iso hai que sumarlle esa crise económica con todo o que implica, uns equipos de xestión que tomaron decisións de longo alcance cando o contexto era moi diferente ou que directamente tomaron decisións equivocadas, etc…
É posíbel vivir da internet en Galicia?
Sen dúbida. Hai moito que facer e temos un bo potencial que está florecendo. Precisamos bos proxectos, bos clientes con necesidades reais e ir formando unha industria mantendo os pes na terra.
Que lle parece o manifesto “Os medios en galego importan"? Asinouno?
Non o asinei, porque non me parece ben.
E logo?
Cada medio ten a súa historia pero en xeral, os medios galegos importan se fan ben o seu traballo, non só porque están en galego. Non penso que se podan perdoar erros de xestión derivados de vicios provocados pola seguridade que dá a teta da administración, veña no formato que veña: subvencións, subscricións masivas, axudas… Do mesmo xeito que non me parece ben que o Estado rescatase aos bancos tampouco me parece ben que en xeral os medios en galego, privados, teñan esa dependencia da administración, e que cando as cousas lles van mal, monten un manifesto e unha recollida de sinaturas.
Deberían reflexionar e ver se se fixeron as cousas ben antes de tirar balóns fóra aproveitando o rexeitamento que hai por unha parte da sociedade á política da Xunta co galego, que tampouco penso que sexa a correcta.
En fin, ao final os máis afectados sempre son os traballadores.
Falando de lingua, a súa compañía, A Navalla Suíza, é un dos pais de galegoLab, plataforma que naceu para mobilizar á xente a prol do idioma. Leva xa uns meses a funcionar, como lle vai?
Pois estamos experimentando bastante, porque é a primeira experiencia de crowdsourcing galega, está a funcionar pouco a pouco tendo en conta o verán polo medio, hai moitos proxectos que se actualizan diariamente e xa hai 2 proxectos que foron finalizados, e varios cerca diso. Creo que ao proxecto aínda lle falta percorrido e análise sobre o seu funcionamento, a ver como evoluciona.
Time levaba a portada que Google morrera e que ao Facebook lle quedaban dous telediarios. Onde migrará en masa a audiencia de internet?
Ao IRC :-D....

martes, 14 de setembro de 2010

Profes co galego. Fala Xosé Rodríguez

O racismo lingüístico, explicado polo profesor Xosé Rodríguez.


Xosé Rodríguez. Profes co galego from vagalumes on Vimeo.

Hoxe xa entendo a portada de onte

Acabo de caer da burra, por fin entendo a portada do Galicia Hoxe de onte.
Estaba claro: Anxo Lorenzo estaba a facerlle a pelota aos gardas civís, policías,... e á comisaria.

Portada incomprensible

Non entendo a portada da edición dixital do Galicia Hoxe. Unha foto de gran tamaño co secretario xeral de política lingüística sentado cun grupo de persoas nunha mesa e o titular: "Anxo Lorenzo pídelles a policías e gardas civís que falen máis o galego".
O único que pode xenerar isto é confusión. O titular vai por un lado, e a foto por outro, pois ésta refírese ao  proceso selectivo da convocatoria de lectorados de lingua e literatura galega para diversas universidades.
E unha cousa máis: é tan importante a noticia como para destacala así?
De ser ésta unha noticia que mereza tal titular na primeira dun xornal, por que non destacar tamén esta outra?: Anxo Lorenzo mantivo unha conversa cun fulano que veu de Manila (e nada máis, que ninguén prema na ligazón porque lles aseguro que a noticia non ten máis voltas)

“Non podo apoiar os que postergan o noso idioma”

Manuel Vidal Villaverde entrevista a  Maribel Longueira (A Coruña, 1951) é licenciada en Historia da Arte Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela. Experta en xestión de Patrimonio e Bens Culturais, realiza desde 1972 e colabora en actividades de interese plástico, cine, teatro cerámica e pintura.

O idioma galego é un sinal identitario que non podemos perder, pois é o noso principal referente como pobo, como cultura, como nación. A barbarie que nos desgoberna, intenta por todos os medios procurar un idioma de precariedade e subsidiario do castelán que impuxeron e impoñen cando o noso idioma está a vivir unha situación certamente dramática… Diglosia estarrecedora, auto-odio, lingüicidas, fascismo lingüístico, galegofobia, etc. Todo isto enarborado con ignorante fachenda polos mediocres instalado nas cadeiras do poder. Moitos deles son os que agora foron mendigar a Madrid un texto "aprobado por unanimidade" no Parlamentiño galego do Hórreo. O mesmo PP e os social-demócratas que votaron: aquí que si, alá dixeron que non. Non fondo dos "ideais mesetarios" aínda subxace "la unidad sagrada de la Patria española" e "España es una unidad de destino en lo universal". Un tufo fascista estremecedor, digo eu. Así, cal é a túa opinión Maribel, a propósito desta miña reflexión?
A lingua é o noso sinal de identidade, a Constitución española de 1978 , no seu artigo 3.2. así o contempla e o Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artº 5. Tamén. O malo para a nosa lingua é que en lugar de amala, usala, respectala, e engrandecela, foi, denigrada, envilecida, menosprezada e vilipendiada, nos últimos séculos, e cando parecía que a roseira da lingua comezaba a perfumar os aires de Galicia, ruíns e mesquiños intentan esnaquizar a roseira. Non podo apoiar a ninguén que postergue a brillantez do noso idioma. Todos os grupos políticos, gobernen ou non, si realmente están ó servizo de Galicia, deberían exaltala como parte do seu patrimonio cultural, con especial respecto e protección, de non facelo así, non se lles pode recoñecer que sirvan os intereses de Galicia.

luns, 13 de setembro de 2010

Ameazas contra argumentos

Acaba de saír á arañeira da rede o blogue do grupo de facebook Profes co galego. Nel podemos atopar un modelo de carta para lle entregar aos pais ao comenzo de curso explicando as razóns polas que o profesorado vai continuar a impartir as aulas en galego: "Como profesorado contrario a esta medida [a de excluir o galego das clases de ciencias] que consideramos prexudicial para os seus fillos, e para que vostedes poidan xulgar dun xeito obxectivo a nosa postura, que como verán está legalmente fundamentada, queremos que dispoñan de toda a información necesaria"
De seguido explican os principais aspecto polos que o nomeado decreto incumpre coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, o Estatuto, a Lei de Normalización Lingüística, a Lei Orgánica da Educación e a Constitución e que eles, os profesores, están obrigados a "respectar o principio de xerarquía normativa, é dicir, cando dúas normas son contraditorias, como é o caso do Decreto para o Plurilingüismo e as leis anteriores, hai obriga de cumprir a de maior rango". Estes son argumentos de tipo xurídico.
"Seguiremos impartindo as nosas clases en galego, xa que consideramos que é a mellor opción para que o noso alumnado adquira competencias plenas en galego e castelán e a eliminación dos prexuízos lingüísticos contra o galego". Estes son argumentos de tipo pedagóxico e social e demostran que o seu interese é sobre todo que o alumnado teña unha mellor formación.

Cal é a resposta por parte da Xunta? Pois a mesma que utilizarían os grupos terroristas: as ameazas, a imposición do imperio do medo. Os argumentos de por parte da Xunta, u-los?

Apagóns informativos

por Antón Patiño, artista plástico, no Xornal:

Coa desaparición de A NosaTerra (que pasa a unha vida virtual) perdemos unha cabeceira decisiva. Por iso a tristeira nova petou con tanta forza xerando unha cadea de solidariedade no mundo cultural e social galego. A Nosa Terra representa historicamente un dos contados referentes de prensa no idioma propio. O amplo arquivo cultural e de análise social da historia moderna da nosa comunidade é un activo decisivo desta lendaria publicación (que pasou ao longo da súa existencia por varias etapas). Non se pode coñecer a historia contemporánea do noso país sen a valiosa aportación documental gardada nesa extraordinaria publicación. Agardamos de feito que ista decisión coxuntural poida ser superada en pouco tempo ata recuperar axiña de novo a normalidade.
Tivemos neste tempo do verán en Galicia unha curiosa peneira na información oficial con relación á vaga de incendios. Dosificando as informacións cunha certa penumbra: semellaba que había incendios en medio mundo menos en Galicia. Falouse mesmo neste tempo de apagón informativo con relación aos escasos datos oficiais que se aportaron dos incendios. Ata que a morte de dous mozos que traballaban na extinción fixo imposíbel manter a opacidade. Ao tempo o tratamento que lle deu a Xunta á tráxica nova foi lamentábel dabondo. Non souberon estar á altura das circunstancias. Dá a sensación de que é unha axencia de publicidade quen xestiona a comunicación oficial. Cunha frialdade estarrecedora rexistraron a estatística das baixas sen amosar apenas outro sentimento ca ríxida faciana dun optimismo forzado. Con criterios de propaganda e poñendo escaso énfase na dimensión humana. O tema do lume é complexo dabondo e cómpre unha eficaz rede de solidariedade cara superar este atranco recorrente. Non se soluciona dende logo poñéndolle un veto á liberdade de información. Nun contexto democrático sinxelamente isa opción non pode ter cabida.
Por iso non podemos aceptar os apagóns informativos: nin o que ignora as lapas do lume nin tampouco esoutro que representa a desaparición, no papel, dun medio como A Nosa Terra. Sinxelamente porque temos moi poucos medios que se expresen na nosa lingua. Figura como se da mediocre política actual derivara de facto un programa de galegoesclerose. Precisamente agora baixo a actual coxuntura política deste Goberno desaparece A Nosa Terra (que continuará no mundo virtual). O mesmo aconteceu hai pouco con Vieiros, na propia rede. Non sabemos se pode existir unha relación causal. Cómpre esculcar nas axudas aos medios e esixir transparencia das cantidades económicas que se invisten nesta cuestión. O que dende logo é ben certo é que un país non pode deixar morrer aos medios que se expresan no seu idioma. A non ser que deixemos que a galegoesclerose (programada ou non) avance. E que a verba “arrecastado” que hai pouco emitiu Avelino Pousa Antelo estea xustificada dabondo.

domingo, 12 de setembro de 2010

Luís Villares debulla as ilegalidades do decreto 79/2010

Luis Villares explica que "dar as clases en galego non é só un compromiso, é un deber legal". Para velo enteiriño.
O fondo do vídeo é moi significativo da situación actual nos centros de ensino. A conferencia gravouse no IES Ramón Mª Aller de Lalín e as bolsas que se ven detrás do relator están cargadas de libros do sistema de préstamo que se lle entregarán aos alumnos no inicio do curso. Son libros en castelán porque os libros en galego estarán nalgún soto precisamente polas disposicións administrativas da Xunta na aplicación do funesto decreto 79/2010.

Luís Villares. Dar aulas en galego: compromiso ou desobediencia? from vagalumes on Vimeo.

Alba Nogueira explica a ilegalidade do decreto

Acabo de poñer a presentación en power point no anterior post. Se queredes ter unha explicación máis clara, o mellor é escoitar á autora da mesma, a profesora de derito da USC, Alba Nogueira. Esta intervención foi gravada o pasado xoves en Lalín, despois da reunión do colectivo de Facebook, Profes co galego.
A intención de Alba Nogueira con esta conferencia é  que circule polos centros  para darlle un mínimo de seguridade ao profesorado: "os que impartades as aulas en galego ides a estar cumprindo a normativa porque o decreto, en moitos aspectos, é ilegal"

Alba Nogueira: "Dar aulas en galego: compromiso ou desobediencia?" from vagalumes on Vimeo.

Decreto da lingua: ameazas e ilegalidades

Alba Nogueira e Manuel Bermúdez son os autores desta presentación na que se expoñen os principais motivos polos que o funesto decreto de plurilingüismo é ilegal.
Cómpre ter en conta que os profesores deben cumprir as leis de rango superior ás do nomeado decreto: a Carta Europea da Linguas Rexionais e Minoritarias, a LOE, a Lei de Normalización Lingüísitica. O goberno galego, só pode actuar con ameazas e non con razóns e coa legalidade, cando insta ao profesorado a incumprir a Constitución e o resto do ordenamento xurídico ao que se fai refencia aquí.

De(s)equilibrios

O parlamento votou unánimemente una resolución que fará do galego a lingua de contacto inicial, así como a de referencia de todos os organismos da Xunta. Isto é unha pedrada ao proceso de elaboración do funesto decreto 79/2010. Lembremos que no seu primeiro rascuño, coñecido como Bases, establecíase o equilibrio lingüístico na administración educativa, isto é, que a metade dos documentos deberían estar redactados en galego, e a outra metade en castelán. Este equilibrio na atención aos administrados converteríase en que os que chegaran á oficina serían atendidos nunha ou noutra lingua segundo que o seu número de chegada fose par ou impar. O equilibrio levado ao alumnado podería desenvolverse sempre que en cada hora de clase establecéramos, por exemplo, os 30 primeiros minutos de intervención necesaria en castelán, e os outros 30 en galego.
Finalmente o equilibrio quedou só para os profesores, mais se temos en conta que a situación sociolingüística de Galicia se califica como diglósica, e que ó 20% dos  que saen do ensino obrigatorio non teñen adquiridas as competencias lingüísticas básicas en lingua galega a pesares de que os decretos baixo os que estudaron establecían unha maior implantación do galego no ensino,  de onde van sair os funcionarios do futuro, preparados para atender e xestionar unha administración co galego como lingua de referencia?
Por iso a Xunta eliminou as probas de galego para o acceso á administración. Isto é o que se chama lóxica lingüística.

sábado, 11 de setembro de 2010

A eficacia comercial das linguas

por Marcelino F. Mallo, economista e escritor, no Xornal:

Permítanme que lles relate unha conversa mantida durante un xantar de hai poucos días. Principiou tras amosar un dos presentes unhas pezas de olería de Buño que viñan acompañadas dun texto ilustrativo en clave de lenda, escrito en castelán. Outro dos comensais, home culto e veterano, alegou que cando menos debería estar en bilingüe sendo a olería do Buño un produto tradicional galego. Estendeuse o debate cara ó uso comercial da lingua poñendo eu coma exemplo unha nova marca de leite galego que igualmente utilizaba o castelán en exclusiva. Entón foi cando un empresario vinculado ó sector primario emite a frase clave: “Lechera Asturiana é a empresa máis forte que distribúe en Galicia e faino sempre en castelán. Cuestión de eficacia comercial. A eficacia comercial é a que manda na empresa”.
A frase soa lóxica pero resulta xustamente contraditoria respecto do marketing, a comunicación e, se me apuran, ata das matemáticas. Precisamente porque a empresa máis forte utiliza o castelán como elemento de comunicación, un novo competidor debe facelo no idioma do produtor ou do mercado, coincidentes neste caso. Se utiliza a lingua da empresa produtora, está emitindo un sinal de autenticidade e calidade respecto da súa oferta, o cal se reforza cando o territorio de orixe amosa unha longa tradición asociada ó produto. Se utiliza a lingua do mercado, está lanzando unha mensaxe de complicidade respecto do consumidor que este agradecerá aumentando as posibilidades de compra do produto referido.
Mais hai unha razón aínda máis poderosa para utilizar neste caso a lingua galega: a capacidade de diferenciación. Competir cunha gran empresa utilizando as súas mesmas ferramentas é condenarse ó fracaso. Precisamente porque a empresa forte emprega o castelán, a nova empresa debe utilizar o galego. Deste xeito, non compite no terreo onde vai perder –custos de produción, distribución, capacidade de negociación, publicidade– senón que consegue abrir un ámbito novo onde pode gañar: o da diferenciación de marca. Utilizando a lingua autóctona, a nova empresa distínguese da empresa líder como xenuinamente galega, acada unha posición de afinidade co consumidor e inculca no produto o carimbo de calidade que se asocia ó leite galego.
Citabamos antes as matemáticas. Pois si, os números tamén apoian a moción: se no lineal dun supermercado se expoñen, digamos, 5 marcas, en condicións de neutralidade, cada marca pode obter un 20% de cota. Se unha das marcas utiliza a lingua galega, no lineal haberá uns envases rotulados en castelán e outros en galego co cal, para o consumidor que valore ese tal factor, a cota potencial pasa a ser do 50%. Xa o diciamos: cuestión de eficacia comercial.

Dúbida

Estes días pode verse no portal da Xunta un vídeo dunha campaña para a doazón de sangue baixo o lema: "O teu sangue é vida. Compártea"
Pero, que é o que me piden!!!!. A vida?

Anxo Lorenzo: modernizador, transmisor, motivador, vitalizador e prestixiador

Anxo Lorenzo, o secretario xeral de política lingüística, afirma que “precisamos unha lingua con variedade e riqueza, con profundidade, con amplitude de rexistros, con neoloxismos que adapten o idioma ás novas necesidades sociais”, porén aproba e defende un decreto para o ensino que exclúe o galego do ámbito científico-tecnolóxico. As novas necesidades sociais deberían pasar polas novas tecnoloxías, pola ciencia máis avanzada. Ou é que o galego debe ficar excluído do que identificamos co progreso? Modernizador.
"O secretario xeral incidiu tamén, xunto co coidado no plano da forma, na función da lingua, e destacou aspectos tan importantes como a transmisión familiar do galego", porén quer aplicar un decreto que pode excluir o galego das escolas infantís, sobre todo naquelas de ámbitos castelanizados, onde os cativos non teñen contacto ningún co galego. Deste xeito, como será posble que acaden igual competencia en galego e castelán? Transmisor.
Anxo Lorenzo continúa destacando "a importancia [...] da capacidade e motivación para usar o idioma", no entanto pretende excluir a boa parte do profesorado so uso desta lingua, ou eliminando as probas de galego nas probas de acceso ás administracións públicas, ou dicíndolle aos alumnos que aínda que o profesor fale en galego eles teñen o sagrado dereito a facelo en castelán. Motivador.
E o secretario xeral tamén ve fundamental " a actitude positiva cara a lingua", mais el da un pobre exemplo cando hai só uns meses defendía que a lingua da administración educativa debía ser o castelán polo menos co mesmo peso que o galego, ou é que non lembra que el presentou as Bases para o decreto? Proactivo. Demóstrao reducindo o galego das oficinas.
Conclúe: “a defensa e pervivencia do galego na función e na forma conducen á vitalidade e mais ao prestixio do idioma”. Pero mediante a trapallada  lexislativa que el mesmo pariu, reduce funcións da lingua prohibindo o galego para as matemáticas e coutando a creatividade do espírito galego contribúe á dialectalización do noso idioma. Vitalizador e prestixiador.