Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 20 de decembro de 2010

Toponimias

por Carlos Callón, no Galicia Hoxe:


No mundo hai diversos criterios para fixar a toponimia. Así, en español non se usa Mastrique, como chamaba Lope de Vega a Maästricht; unha cidade importante dos USA é Los Angeles, e non The Angels; Sri Lanka é hoxe chamada así e non polo nome colonial de Ceilán. Este último caso, con evidentes diferenzas, é o que máis se semella ao da Galiza. Sri Lanka é chamado hoxe así internacionalmente porque pediu ao mundo que se lle chamase polo seu nome xenuíno e natural, non o adoptado polo desprezo dos colonizadores. Foi unha cuestión de dignidade e de soberanía. É, tamén para nós, unha cuestión de dignidade e soberanía.
Na Galiza, coa restauración da democracia, decidiuse pórlle fin ás deturpacións castelanizadoras e caprichosas que os nosos nomes de lugar padeceron durante anos e anos. Foron normas legais aprobadas por unanimidade, tanto no Parlamento Galego como no Congreso dos Deputados, e a Administración está seriamente obrigada a cumprir co lexislado, tal e como é obriga dun Estado de Dereito. A Lei de Normalización Lingüística indica no seu artigo 10:
1. Os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega.
2. Correspóndelle á Xunta de Galiza a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galiza. O nome das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente.
3. Estas denominacións son as legais a todos os efectos e a rotulaxe terá que concordar con elas. A Xunta de Galiza regulamentará a normalización da rotulación pública respeitando en todos os casos as normas internacionais que subscriba o Estado.
Esta lei foi aprobada con todos os votos favorábeis no Parlamento Galego o día 15 de Xuño de 1983. Vai, pois, xa camiño das tres décadas de vixencia.
Ao longo destes anos, ante o desinterese e deixamento do Goberno galego, foi o movemento cidadán quen tivo que pular para que a poboación coñecese o que estipula esta lei, así como para que as Administracións a acatasen. Así, algunhas das campañas máis importantes realizadas historicamente pola Mesa pola Normalización Lingüística foron relacionadas con este tema (p. ex., "A Coruña, así a queremos!", "Ourense, por dignidade", "Arousa si, Arosa non" etc).
Na última década e media A Mesa enviou máis de 20.000 cartas a empresas, colectivos e Administracións co recordatorio de que os topónimos galegos teñen como única forma oficial a galega. Foi o empeño cidadán o que conseguiu que, nestes momentos, as formas maioritariamente utilizadas e preferidas, a pesar dos histrionismos periódicos de Núñez Feijóo ou Carlos Negreira, sexan as xenuínas. Por exemplo, xa durante os últimos mandatos de Francisco Vázquez na alcaldía coruñesa os inquéritos amosaban unha clara predilección por "A Coruña", especialmente entre a xente nova. Nestes momentos non hai dúbida de que existe un consenso moi maioritario no relativo aos topónimos restaurados.
Aínda así, a Administración (mesmo a autonómica) continúa a facer uso de topónimos deturpados nalgunhas ocasións. Mais existen posibilidades reais de erradicar do noso espazo social a toponimia deturpada. Para iso, urxe que todas as forzas políticas sen excepcións cumpran co lexislado e que o Goberno galego deixe de lado a súa galegofobia e asuma decididamente o seu papel.
Obstáculos
É incríbel sabermos que a nosa toponimia marítima aínda vai agora mesmo camiño de se oficializar. Tras o impulso de anos e anos do BNG en diferentes cámaras de representantes, conseguiuse hai escasas semanas a aprobación no Congreso dos Deputados dunha proposición de lei para que as capitanías marítimas, distritos e accidentes xeográficos da costa de Galiza unicamente se nomeen en galego desde as Administracións. Séguese así o espírito e a letra da Lei de normalización lingüística do 83.
Até o de agora, as provincias marítimas, reguladas polo Decreto 3209/1973, estando aínda vivo o ditador, continuaban sen se adecuar á lexislación posterior e ignoraban a denominación xenuína galega. Así, achabámonos cun distrito marítimo denominado "Vivero" pertecente até hai nada á provincia marítima de "El Ferrol del Caudillo" (!!!), ou os distritos de "La Coruña" e "Noya" adscritos á provincia marítima de "La Coruña".
O mesmo acontecía na provincia marítima de Vigo cos distritos de "Bayona" ou "Tuy". E na provincia marítima de "Villagarcía de Arosa", figuraban distritos como o de "Santa Eugenia de Ribeira", "Villagarcía", ou "El Grove". Así, os buques pertecentes a estes portos teñen a día de hoxe que lucir obrigatoriamente nas súas proas a matriculación (o folio) coas siglas "VILL".
Ademais, recibían o mesmo tratamento oficial os topónimos relativos a accidentes xeográficos que fixan os limites dos distritos e provincias, como "punta Fajilda", "punta Morcejos", "punta Domayo", "cabo Estay", "rio Barjas", "isla de La Toja", "isla de Arosa", "isla Quiebra", "punta de La Vela", etc.
Parece incríbel, mais nestas seguimos. A estas alturas aínda temos que continuar a lembrar e defender principios tan básicos como que os nomes de lugar do noso país se nomearon en galego e que esta debe ser a súa única forma oficial. Se as dificultades se manteñen e os ataques por parte da contra continúan é porque saben do relevo simbólico desta causa. Os topónimos son en galego porque o galego é a única lingua propia, natural e xenuína de Galiza. Do contrario, debería admitirse a oficialización das deturpacións castelanizadoras, que non formas castelás, porque non o son. Ou El Carballino, Sangenjo, La Gaiteira, La Grela... significan algo en español?

domingo, 19 de decembro de 2010

Medios en galego. Habelos, hainos.

Da web de Converxencia Galega recollemos este post que tamén é unha boa recompilación de medios en galego, toda unha lista de recursos.


Ninguén pode negar que o 2010 está sendo un ano negro para os que amamos e sentimos a nosa lingua. Nas vésperas do 25 de xullo, vieiros.com  -decano do xornalismo en galego e referencia do galeguismo na net- anunciaba o seu peche. Poucas semanas despois, A Nosa Terra, cabeceira histórica do xornalismo galego, coñecida polo seu compromiso co idioma e coa defensa dos intereses do país, comunicaba que deixaría de editarse despois de ser vendida semanalmente durante máis de 30 anos.

Á Nosa Terra, seguiríalle A Peneira, xornal tamén escrito en galego, cunha traxectoria de mais de 25 anos e referente no que a información de tipo comarcal e local se refire.

Finalmente chuza!, rede social de promoción de noticias de ámbito fundamentalmente galego, e gznacion.com, portal de información xeral  anunciarían tamén o seu peche.

Ante estas nefastas noticias para a nosa lingua, acontecidas nun intervalo menor de dous meses, diferentes movementos sociais do país publicaron un manifesto pola defensa do galego nos medios de comunicación, chamado “Os medios en galego importan”, ao que se adheriron milleiros de persoas e colectivos.

Está claro que este tipo de manifestos son necesarios para activar a conciencia colectiva do país así como para alertar da importancia que teñen os medios para a supervivencia da nosa lingua, xa que resulta evidente que o número de medios de comunicación en galego é insuficiente. Mais non é menos certo que de pouco serve que por un lado nos queixemos desta carencia se polo outro non apoiamos nin o máis mínimo aos medios que se publican actualmente na nosa fala.

Se o 20% dos que asinaron ese manifesto tiveran comprado no seu dia A Nosa Terra, hoxe non terían que lamentar o seu peche. O fácil é botarlle a culpa ás administracións públicas, aínda que estas podan ter parte de responsabilidade, pero non esquezamos o noso deber como lectores: “Algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego”, afirma con razón o manifesto.

Desde Converxencia Galega animamos a todos os galegos a apoiar os medios existentes en galego. Está claro que poderían ser máis. Que parte deles poderían ter unha maior periodicidade e extensión, depender menos das axudas públicas ou mesmo ter unha maior calidade. Pero tamén está claro que é innegable o seu compromiso coa nosa lingua e polo tanto co noso país –o máis cómodo e práctico sería editar en castelán-. Só co noso apoio poderán ser mellores, máis numerosos e independentes.

Velaquí unha mostra de 28 medios escritos en galego. Porque habelos, hainos:

- De Luns a Venres, xornal gratuíto en galego nacido a finais de 2005, distribúe diariamente de balde máis de 40.000 exemplares nas sete grandes cidades de Galicia así como en varios centros galegos da emigración. Unhas dúas mil persoas tamén reciben o xornal en formato pdf  gratuitamente vía e-mail.  Editado polo Grupo El Progreso é actualmente o medio en galego máis lido. Nas súas páxinas escriben entre outros Bieito Iglesias, Jaureguízar, Angel Vaqueiro ou Lucía Etxeberría.

- Galicia Hoxe, fundado en 2003, é o sucesor de O Correo Galego, que naceu como a versión en galego do seu irmán maior escrito en castelán. Publicado pola Editorial Compostela, segue sendo o único xornal de pago escrito integramente en galego. Nas súas páxinas destacan as noticias sociais e as relacionadas coa cultura e a vida universitaria. Nos últimos anos tamén empezou a dar maior protagonismo as informacións de carácter político coa incorporación de plumas como as de Xosé Manuel Beiras ou Antón Losada.

- Xornal de Galicia, editado polo Grupo San José e enfocado a un público progresista e galeguista, é o primeiro diario bilingüe que se publica na nosa terra. A presenza do galego neste xornal é aproximadamente dun 40%. Nas súas páxinas priman as noticias de carácter político e económico. Tamén teñen cabida as páxinas de opinión e análise. José Luis Gómez, Xavier Vence, Rafael Cuíña, X.A. Pérez Lerma, Antón Reixa, Camilo Nogueira, Iolanda Castaño ou Pablo González Mariñas son algúns dos seus colaboradores. A súa edición dixital, xornal.com, é a terceira máis seguida na internet, só por detrás de La Voz de Galicia e Faro de Vigo.

- Tempos Novos é unha revista de periodicidade mensual editada por Atlántica de Información e Comunicación, editorial fundada en 1997 por máis de 150 intelectuais, profesionais, escritores, políticos…Desde entón leva publicados máis de 140 números ininterrompidamente. TN é a referencia e o punto de encontro do galeguismo intelectual, até o punto de poder considerala como a sucesora natural de revistas históricas como Teima e Mancomún. Nas súas páxinas ponderan os debates, análises ou espazos de reflexión de temas políticos, socioeconómicos e culturais. Dirixida por Luís Álvarez Pousa conta con numerosos colaboradores como Xosé Luís Barreiro Rivas, Xan López Facal, Xavier Alcalá ou Xusto Beramendi.

- Código Cero é unha publicación de carácter mensual, no que teñen cabida todas as informacións referentes ás novas tecnoloxías (redes, I+D+I, internet, xogos, software, avances tecnolóxicos…). Fundado en xaneiro de 2002, leva publicados case 90 números desde entón. O xornal pódese descargar de balde en pdf, tendo case 3.000 subscritores que o reciben neste formato vía email.

- ECO, Revista do Eixo Atlántico, é unha revista bilingüe enfocada á información de carácter económico e político. Con case 20 anos nas súas costas, leva vendidos máis de 230 números todos os meses. Veñen de estrear novo deseño e páxina web. Nas súas páxinas escriben, entre outros, Xulio Ríos ou Ernesto Sánchez Pombo.

- A revista Grial é  a publicación cultural de referencia na nosa terra. Publicada pola editorial Galaxia, véndese ininterrompidamente cada tres meses desde 1963. Nela escribiron históricos galeguistas como Ramón Piñeiro, Carvalho Calero, Fernandez del Riego, Basilio Losada ou Carlos Casares. Actualmente está dirixida por Vítor Freixanes e Henrique Monteagudo. 

- Novas da Galiza é un periódico mensual creado hai 8 anos por Minho Media. Dirixido por Carlos Barros, presenta unha orientación política de esquerdas e antisistema. Está escrito integramente en galego reintegrado.

- Retranca é unha revista de humor gráfico bimensual que se vende exclusivamente nos quioscos desde hai máis de tres anos. Cada número está dedicado a un tema concreto (feísmo urbanístico, cidade da cultura, tren de Alta Velocidade, entroido, cambio climático, series televisivas galegas,  bilingüismo…), pero tamén conta con seccións fixas. Vende perto de 5.000 exemplares. Nas súas páxinas debuxan autores da talla de Kiko da Silva (director), Xaquín Marín, Xosé Lois - O Carrabouxo ou Pinto e Chinto, entre outros moitos.

- Casa Nova é primeira revista de decoración escrita en galego. Nela o lector atopará diversas reportaxes relacionadas co interiorismo, a decoración ou a xardinería. Pero tamén poderá descubrir o proceso de rehabilitación das aldeas, dos cascos históricos e das cidades. Dirixida por Francisco Nóvoa Rodríguez e editada desde Ourense por Viadazaoito Comunicación (AVC), ten unha periodicidade bimestral.
- Biblos é a revista do clube de lectores que leva o mesmo nome. A través desta publicación temos a posibilidade de coñecer puntualmente cada dous meses, practicamente a totalidade dos libros galegos que son novidade así como os discos e as películas que saen ao mercado na nosa lingua, ou mesmo unha selección dos produtos que aparecen no mercado portugués. O clube ten case 7.000 referencias de libros, publicacións, cd´s ou filmes feitos en galego. Aínda que a revista é enviada por correo aos seus socios (máis de 1.500) tamén se pode descargar gratuitamente desde a súa web.

- Ao Vivo Música é unha revista de información e promoción da música galega que se distribúe de xeito gratuíto nos locais da Rede Galega de Música ao Vivo. Tamén se podedescargar desde a rede. Editada pola Axencia Galega das Industrias Culturais, ten unha tiraxe de 9.000 exemplares.

- A revista Cerna é a principal publicación galega especializada en medio ambiente de Galicia e promovida desde o eido ecoloxista. Distribúese en librarías de toda Galicia, bibliotecas, centros de ensino e institucións relacionadas co medioambiente galego, ademais do milleiro e medio de exemplares que envía regularmente a persoas subscritas e colaboradoras. Está editada por ADEGA (Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza). Os números atrasados pódense descargar desde a web deste colectivo.

- Sprint Motor, editada mensualmente desde hai 15 anos, é unha publicación que intenta reflectir a realidade do motor tanto da competición como do sector comercial de Galicia, en especial da área de Compostela. Esta publicación naceu da man dun grupo de xornalistas afeccionados ao motor convencidos da necesidade de ter un medio que se expresase na lingua galega e que recollese aspectos e contidos que xeralmente non eran divulgados por outras revistas ou xornais de carácter estatal ou mesmo autonómico. Dirixida por Xurxo Sobrino Morán e editada por Arrincamos , leva publicados máis de 160 números. Os números atrasados pódense descargar de balde.
- A Revista Galega de Teatro (RGT) é editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinasdende 1983. Publícase trimestralmente co apoio do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais de Galicia). A liña da revista sempre estivo presidida pola independencia de calquera opción partidista ou corporativa e a atención preferente ao teatro galego pero con curiosidade por calquera aspecto de interese do teatro en xeral. Alén diso, dentro da RGT publícanse textos dramáticos.
- Galimatías, é unha revista xuvenil de historieta publicada pola Xunta de Galicia quincenalmente. Distribúese en centros de ensino públicos e co xornal “El Correo Gallego”. A súa tiraxe é de 30.000 exemplares podéndose tamén descargar directamente desde a web.

- ProTexta é unha revista trimestral de libros publicada en formato e papel de xornal. Está editada por Atlántica de Información e distribúese coa revista Tempos Novos e os xornais da Editorial Capital ( El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños).

- A Trabe de Ouro, Publicación Galega de Pensamento Crítico, leva editados máis de 80 números desde que naceu en 1990. Editada por Sotelo Blanco, o seu Consello de Redacción está formado por importantes persoeiros da vida cultural galega: X. L. Méndez Ferrín (director), Rosa López, Francisco Fernández Rei , Miguel A. Seixas, Francisco Sampedro, Antón Figueroa, Marcial Gondar Portasany, Xavier Vence, Margarita Ledo Andión, Paco Martín, Darío Xohán Cabana, X. M. García Crego, Manuel Outeiriño, X. M. Salgado, X. Antón L. Dobao, J. Viale Moutinho e Carlos García Martínez. Todos eles pensadores, profesores ou escritores de primeira orde.
- Moto Galicia Sport, é unha publicación en galego dedicada ao mundo das motos, onde teñen cabida todo tipo de información relacionada co motocross, o trial ou as carreiras de velocidade en circuíto. As competicións e concentracións moteiras teñen especial relevancia.

- Galegos é unha revista trimestral bilingüe editada por Ézaro Ediciones e dirixida por Carlos Reigosa. Nos seus contidos conxúganse as tradicións e a cultura popular cos novos valores no ámbito empresarial, artístico, científico ou culinario.Nas súas páxinas escriben autores como  Xosé Luís Barreiro Rivas, Perfecto Conde, Fernando Ónega, Luis Mariñas, ou Ramón Villares.
- Análise Empresarial é un magazine semestral de información económica editada en Pontevedra por Unipro desde hai 20 anos.

- Murguía, Revista Galega de Historia é unha publicación cuadrimestral centrada na Historia de Galiza. Nacida no ano 2003 baixo a dirección de Uxío-Breogán Diéguez e a coordinación de Alexandra Cabana Outeiro, da man do "Colectivo Murguía", mantén un protocolo de colaboración coa Asociación Galega de Historiadores, entidade creada no ano 1991 no marco da USC e co-editora da publicación.

- Paraíso é unha revista de información e promoción das actividades da Rede Galega de Teatros e Auditorios e da Rede Galega de Salas que se distribúe de xeito gratuíto en espazos escénicos galegos. Editada pola Axencia Galega das Industrias Culturais, pódesedescargar de balde desde a rede. Ten unha tiraxe de 9.000 exemplares.

- Irimia, Revista quincenal de crentes galegos, como o seu nome indica é un publicación de carácter relixioso, achegando un punto de vista crítico das cousas que ocorren no mundo (Igrexa incluída). Edítase cada dúas semanas desde hai trinta anos. Editada pola Asociación Irimia ten unha tiraxe de 1.300 exemplares contando cun elevado número de colaboradores entre o que destaca Xosé Chao Rego. Outra publicación de carácter relixioso é Encrucillada, Revista Galega de Pensamento Cristián bimestral que se edita desde 1977 por unha asociación pontevedresa que leva o mesmo nome.

- Fadamorgana é unha publicación dedicada á literatura infantil, editada por Atlántica de Información.

- Revista Galega de Educación edítase cada catro meses por Nova Escola Galega desde 1986. Defínese como unha publicación pedagóxica, en lingua galega, dirixida ao profesorado e, en xeral, aos educadores/as e técnicos/as da educación en Galicia.

- Tempo Exterior é unha publicación semestral elaborada polo IGADI na que se aborda a análise de conflitos e problemas internacionais de certa actualidade. Re-fundada en 2000, Tempo exterior, abarca todas as tendencias ou correntes do pensamento e conta coa colaboración de especialistas de recoñecido prestixio de destacadas institucións de Galicia e do exterior. Está dirixida por Xulio Ríos.
- Terceiro Tempo é a única revista deportiva en galego. Aínda que na actualidade se edita en Vigo deu os seus primeiros pasos na Estrada. Ten máis de 280 números e 18 anos de vida nas súas costas. Nesta publicación teñen cabida todos os deportes por igual, recibindo o fútbol un tratamento similar ao doutras disciplinas.

- A revista Andaina é unha publicación de pensamento feminista no que priman as noticias relacionadas coa igualdade e loita pola defensa dos dereitos da muller. Deu os seus primeiros pasos en 1983. Desde entón publicou máis de 50 números. Os números atrasados pódense consultar de balde.








A Santa Compaña salvará a lingua

por Manuel Rivas, o paasado venres 17/12/2010 no xornal El País:

Está a espallarse un novo esplendor da arquitectura galega: o do tanatorios. En Galicia vivimos un tempo de futuro pretérito. Por iso a arquitectura máis viva é a dos tanatorios. Ocupan os mellores locais. Os lugares estratéxicos. Agora a vangarda son os tanatorios.
A da morte é unha das máis interesantes reconversións producida en Galicia nos últimos anos. Hai quen pensa que a desaparición dos velorios no fogar é unha grave perda etnográfica. O que eu penso é que os mortos, con ese sentido solidario que adoitan ter os defuntos, levaron a etnografía aos tanatorios. Cada día nótase máis. Non é que a xente deveza ou teña présa por morrer, mais o tanatorio xa non ten esa connotación de frigorífico, de penoso presidio no camiño do Xuízo Final. Até hai pouco o defunto galego aínda rexurdía para que non o levasen ao Tanatorio. Rebulía na caixa. Oíanse toses, xuramentos. O que pasa é que todo o mundo se facía o despistado.
-E iso que foi?
-O que?
-Pareceume oír a voz do avó. Un xuramento.
-Será o aire acondicionado!
O defunto galego ía ao tanatorio como se o levasen á pensión de Psicose, de Alfred Hitchcock. Mais agora os sen-lugar son lugares de información. De encontro. De transmisión de experiencias. As esquelas fanse en castelán, pero onde máis galego se fala é nos tanatorios. E un aprende alí de marabilla o que é o "e" paragóxico. A Santa Compaña salvará a lingua! Mágoa que non teñan un bo ambigú para os brindes de despedida. Pero todo se andará.
Aquí a crise non é da construción, senón do enfoque. E é que se orientaron mal as cousas. Veña masa, veña tixolo, veña urbanizacións. O negocio só pensaba nos vivos. Tiña esa miraxe colonial. Esa cousa da imitación da gran soleira mediterránea ou dos formigueiros metropolitanos, onde pousan as grandes migracións. Mais en Galicia, os vivos van a menos. Os vivos son o pasado. Como quen di, os vivos en Galicia son unha minoría. Unha minoría minoritaria.
Os mortos, dalgún xeito, son os que mellor resisten a crise. Os que nos botan unha man. Un dos propósitos do capitalismo foi converter os mortos en eliminados, romper a conexión entre as dúas parroquias, as dos vivos e as dos mortos.
Durante anos de confusión, a maior produción foi a de Baleiro. A xente pensaba que se estaban a facer edificios, polígonos, casas. Pois non. O que se estaba a construír era o Baleiro. Hoxe temos un excedente brutal de Baleiro. O problema do Baleiro e que é un produto moi difícil de colocar. É un produto triste. Unha cousa son os metros cadrados de esperanza e outra os metros cúbicos de baleiro.
O baleiro, ademais, é caro. Moi caro.
Unha das cousas máis impresionantes na Galicia de hoxe son os polígonos industrias desertos. Non é que pecharan ou marcharan as industrias. É que nunca estiveron. Talvez esa era a idea inconsciente. Que a terra criase industria. Se non hai fábricas, xa naceran. Hai que ter paciencia. O caso é facerlle sitio. Hoxe sae unha toxeira no polígono, pero se cadra mañá medra unha colleita de pneumáticos Pirelli con calendario de nus e todo. Esa é unha confianza cega. O que vai medrar é o baleiro.
Producimos menos leite. Menos barcos. Menos investigación. Mais somos os campións na produción de baleiro.
O grande monumento ao baleiro é, claro, a Cidade da Cultura. Velaí vemos o determinismo histórico. O baleiro, que é a Nada, facéndose co Todo. O gran espectáculo do goce sadomasoquista: todo un país a debater o como se enche algo que naceu para albergar... o baleiro. Todo este absurdo teríase solucionado de sermos realmente informados do que se pretendía facer. Agora todo o mundo di que non se sabía o porqué da obra de Gaiás, o que sería un auténtico delito merecente de "estado de alarma": gastar centos de millóns de euros, o que non temos, en algo que non se sabía o que era e para que!
Mais non é así. Fraga sabía o que quería e Peter Eisenman, tamén. Sendo diferentes os intereses, a coincidencia era tácita. Houbo quen o suxeriu, mais foi acalado. Non se recoñeceu a verdade. E até certo punto era lóxico. A natureza da Cidade da Cultura é o segredo. Como nas pirámides. Fraga quería o mausoleo, sen proclamalo. E Peter Eisenman quería elevar o concepto e a sensación do baleiro a sublime arquitectura. No fondo, a sintonía de obxectivos era perfecta, sen necesidade de ser expresada: tratábase de construír a Catedral do Baleiro, o perfecto Mausoleo da Postmodernidade. A funcionalidade nunca foi contemplada. Iso é cousa da arquitectura de Niemeyer, o autor brasileiro que vén de revolucionar Avilés transformando a vella siderurxia en epicentro internacional de cultura. O mundo á espreita desa obra, feita con sentido, a escala, e con imaxinación, e non a golpe de talonario. Mais Óscar Niemeyer é comunista e ten 103 anos. E pensa no destino da obra. As desgrazas nunca veñen soas. Que importaba o destino da obra en Gaiás? Estaba á marxe, ou era o de menos, nesa arquitectura da Nova Idade Media, obxecto de feitizo, de adoración, símbolo de si mesma e do concepto do poder que a pariu. O mestre Mateo levou o universo do ben e o mal, mediante a Apocalipse, ao Pórtico da Gloria. Rosalía de Castro escribiu: "Como me miran estes demos, /e aqueles mortos!". Só hai un xeito de encher de verdade o inmenso baleiro de Gaiás. Cos demos e cos mortos. Co falar e co mirar da pedra. Si, só hai un xeito de acabar con Baleiro Totalitario. Coa Santa Compaña. E o resto xa se irá dando. Cando estaba no sanatorio en Santiago, a Valle-Inclán encontráronlle un cesto de nécoras debaixo da cama. O médico pregúntolle: "E este marisco?". E don Ramón, que mesmo de enfermo era xenial, respondeu con naturalidade: "Aquí, con este clima, cría de todo". Ese é o medo que eu teño. Que en Gaiás metan moito deshumidificador. Hai que deixar á natureza que traballe. Que críe. Que encha o baleiro.
Os mortos aquí sempre foron por diante. A comezar polo último rei de Galicia, amante das artes, tamén da ars amandi, e que aborrecía a guerra, aquel Don García que morreu traizoado e cuberto de cadeas no castelo da Lúa. E Valle-Inclán, ao seu xeito, tamén era un rei galego. Non é casual que o enterro fose o día de Reis de 1936. E na comitiva, baixo a chuvia, ía o pobo e non os das cadeas. Na fosa, o caixón de táboas aboiou como unha barca. E cando un mozo tirou do crucifixo, destapouse o cadaleito e alí estaba don Ramón como un céltico rei Lear a botar a última ollada dende a última nave. Aquela ollada ía do tempo ao intemporal.
A mellor historia de Galicia, e da humanidade, é a dos que combateron o baleiro con retallos de luz.
O poema de Nazim Hikmet:
"Estes homes, Dino,
con retallos de luz nas mans,
u-lo van
nesta penumbra, Dino?"
Na Coruña, na mañá do sábado, día 18, no cemiterio de Santo Amaro, vaise lembrar cun roteiro organizado pola Academia Galega vaise homenaxear a Luís Seoane e as portadores de retallos de luz que alí repousan. E ao día seguinte, moi perto do camposanto, vaise inaugurar o memorial, impulsado pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, no que figuran os nomes de seiscentos loitadores pola liberdade asasinados polo fascismo na bisbarra coruñesa. O último libro de John Berger títulase Coa esperanza nos dentes. Así viviron eles, coa esperanza nos dentes, para encher o noso baleiro.

Estado de alarma cultural

por Antón Reixa, no Xornal:


Coraxe. Ningunha constitución recolle as circunstancias de emerxencia e as condicións nas que se puidese declarar o “estado de alarma cultural”, pero respecto a esta parte de Europa e a súa industria cultural ben nos cumpriría. A crise ten un veleno e é que se convirte nun mantra supersticioso e acrítico. As mesmas razóns restritivas serven de xustificación para retirar os catrocentos euros dos parados, eliminar o “noite bus”, reducir cóckteles oficiais, restrinxir cargos públicos, desatender comedores escolares, privatizar a saúde pública ou desmontar os servizos de dependencia.
Este mesmo criterio tramposo aplícase aos orzamentos públicos referidos á industria cultural. En Galicia, o recorte vai ir por encima do 50%. A primeira dúbida é de ónde sae ese 50% (por qué non un 20 ou 30 % ou xa postos a reducir por que non un 70%?) Todos podemos identificar a situación xeral de carencia de diñeiro público, pero os criterios de redución si que necesitan unha explicación política e social. En xeral, a contificación dos mínimos irrenunciables dos servizos públicos xa son ben complexas. No caso da cultura, isto vese afectado porque o poder sempre ten a tentación de considerala un ornamento non imprescindible.
Polo tanto en Galicia, en 2011 vai haber menos teatro en galego, menos libros en galego ou menos audiovisual en galego. E iso non vai afectar só ás máis de 11.000 persoas que traballan no sector, senón tamén á cidadanía que aspira ao acceso mínimo de produtos culturais na lingua propia.
Desde as institucións culturais, os xestores transmítennos estes recortes como irreversibles e reproducindo unha perniciosa síndrome de Estocolmo. Eles e nós, os axentes culturais, debiamos considerar seriamente mecanismos de reivindicación e solidariedade coa convición de formarmos parte importante do PIB e da vida da xente (os tempos de crise fan aumentar os usuarios de bens culturais).
Melancolía. Para ben ou para mal, na industria cultural non existen “controladores” que poidan colapsar o “espazo cultural”. Pero coa mesma preocupación coa que se acolle a eminencia dun ERE na factoría Citröen de Vigo, debería acollerse este temerario recorte cultural.

sábado, 18 de decembro de 2010

A esperanza do conselleiro e "Profes co galego"

Acabo de mirar o correo e vexo que acabo de recibir unha postal de nadal do conselleiro de educación, Jesús Vázquez Abad, quen tivo o acerto de escoller os seguintes versos de Novoneyra para a ocasión:

Brilan as estrelas,
brilan cunha luz moi clara, 
máis brila Xesús meniño
deitadiño nunhas pallas.

De seguido, o conselleiro dexésame un esperanzador ano 2011.
Pois debe ter razón o señor Vázquez Abad calificando de esperanzador o vindeiro ano xa que ao acabar de ler a súa tarxeta vexo unha nova mensaxe de esperanza no meu correo. Desta vez a súa orixe era do grupo de facebook "Profes co galego", quen no canto da tradicional tarxeta me envía o seguinte vídeo:


O galego segue nas aulas. Felicidades a todos! from Profes Galego on Vimeo.

O nome da cousa: bilingüismo restitutivo

por Henrique Monteagudo, que retruca as críticas ao seu informe para o IGEA,  no Xornal:

Onte expresouno moi ben Uxía (o nome é ficticio), cando rematei de presentar na Facultade de Ciencias Políticas da USC un relatorio en que explicaba o documento Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica, o xa medio célebre ‘Informe do IGEA’. Uxía, que se presentou á audiencia como militante nacionalista, despois de expresar a súa sintonía de fondo coa proposta do IGEA, lamentábase da encarnizada polémica en curso, e preguntábase: “Como podemos evitar esta loita entre irmáns? Non sería preferible evitar o conflitivo termo bilingüismo por outro menos connotado, como equilingüismo?”. Nunha conversa privada que mantivemos ao final do acto, contoume: “Sabes como me enteirei eu da existencia do Informe do IGEA? Por unha amiga, galeguista coma min, que me dixo: Quintana, Reixa e Monteagudo tolearon!!! Acaban de publicar un manifesto polo bilingüismo!”. Esa amiga de Uxía interpretaba tal defensa como unha claudicación ante o Partido Popular.
Na miña opinión, a anécdota expresa moi ben o desconcerto dun sector non pequeno do nacionalismo galego perante a reivindicación do bilingüismo restitutivo, noción esta que constitúe a cerna do novo discurso a prol do galego que se propón no dito Informe. É obvio que ese desconcerto está a ser entusiasticamente alimentado polo sector do nacionalismo que se sente directamente cuestionado pola nova proposta, que, por simplificar, podemos identificar como o máis próximo á liña tradicional da UPG. Pero non é menos obvio que tal reacción non se pode explicar só por iso, senón que ten unhas motivacións máis profundas, que funden as súas raíces nunha cultura política (e especificamente, político-lingüística) amplamente, e en parte inconscientemente, asumida por boa parte do nacionalismo. Explicareime.
Dáse o caso que esa cultura política fundaméntase nun discurso que no fundamental foi elaborado basicamente por dous dos nosos polemistas máis salientables. Non pode estrañar a súa furiosa reacción, aínda que un non pode tampouco deixar de asombrarse ante a falla dunha mínima ética do debate dunha persoa que foi eleita repetidamente co voto de un mesmo para unha institución democrática tan representativa coma o Parlamento de Galicia. Un, coa súa experiencia histórica ao lombo (militante de diversas organizacións nacionalistas de xeito ininterrompido desde 1976), tampouco pode facer coma quen que non se decata de ata que punto persisten os inveterados tics sectarios, as vellas tácticas manipuladores e a radical alerxia polo diálogo, aliadas a unha ansia compulsiva polo control, daquel sector do nacionalismo político que antes mencionei. Unha cadea de vicios que, lamentablemente, poden volver levar a ruína non só ao BNG, senón tamén á CIG, a Mesa e todo o que se poña por diante. O tempo dirá.
Volvendo ao rego, tentarei de resumir a resposta que dei á amiga Uxía no acto de onte, por se esa resposta pode resultar esclarecedora. Díxenlle a esta militante galeguista que se non fose para revisar os dous puntos centrais do caduco discurso político-lingüístico do nacionalismo, isto é, a concepción que sostén do conflito lingüístico e o rexeitamento do bilingüismo (ao que necesariamente vai asociado, de xeito máis ou menos implícito, a defensa do monolingüismo), eu, persoalmente, non me poría a redactar o texto que presentou o IGEA. Isto mesmo sabían, cando aceptei redactar o informe, os responsables deste honorable Instituto, e particularmente, o seu distinguido presidente, Anxo Quintana, candidato nas dúas últimas eleccións autonómicas á Presidencia da Xunta de Galicia polo BNG. Son perfectamente consciente de que na práctica, o groso do nacionalismo, e particularmente as organizacións cívicas da súa órbita, actúan coma se aqueles dous dogmas xa non vigorasen, ou ao menos de xeito ambivalente perante eles. Precisamente, a nosa proposta ofrécese como unha ferramenta útil para unha nova fundamentación, máis coherente, máis axeitada e con maiores posibilidades de conseguir a hexemonía social, desas prácticas do galeguismo activo.
Canto ao conflito lingüístico, a ambivalencia do nacionalismo político e as súas organizacións cívicas é obvia: dunha banda, hai quen defende a conveniencia de fomentar o conflito lingüístico, como procedemento para desvelar a marxinación do galego e espertar a conciencia lingüística da poboación. Pero cando a outra parte do tal conflito, isto é, os sectores contrarios á promoción do galego, consideran que a eles lles convén avivar ese mesmo conflito lingüístico, daquela, o galeguismo esquécese da dita recomendación e, sensatamente, denuncia o conflito para reclamar a convivencia. Cousa non moi distinta acontece co irmán xémeo da convivencia, que é o consenso. Pola miña banda, estou convencido de que a última mensaxe é a correcta: polo ben do idioma galego e en estrita coherencia coas nosas conviccións democráticas, debemos procurar o consenso e defender a convivencia, iso si, en condicións de xustiza e equidade, o cal evidentemente implica a posta en marcha de políticas de discriminación positiva para o galego. Pero se defendemos a convivencia, daquela é obvio que temos que revisar ou abandonar ou revisar en profundidade a revellida fórmula do conflito lingüístico. Non si?

LECTURA POSITIVA DO BILINGÜÍSMO
Pero non se escapa a ninguén que a posta en cuestión do dogma anti-bilingüista constitúe o nó gordiano deste debate. Tiña razón Uxía cando argumentaba que a defensa do bilingüismo na Galicia de hoxe está inevitablemente connotada coas políticas historicamente tépedas e actualmente regresivas do Partido Popular e mesmo coa acción de grupos anti-galego como Galicia Bilingüe. Pero, retruqueille eu, en boa medida a responsabilidade diso correspóndenos a nosoutros, des que primeiro fixemos nosa e máis tarde non nos preocupamos de revisar a malfadada teoría do conflito lingüístico (elaborada nos anos ’70 por certa glotopolítica catalá e importada aquí sen grandes adaptacións), segundo a cal as sociedades que partimos dunha situación de diglosia e vivimos un proceso de substitución lingüística estamos abocadas a un dilema inexorable, sen terceiras vías: a extinción da lingua subalterna (no noso caso, o galego), ou a súa normalización, entendida esta como a conquista do monolingüismo social. Para entender iso, convén lembrar que esta teoría partía dunha asisada crítica a unha formulación dun certo bilingüismo, utilizada como estrataxema para dar cobertura aos procesos de imposición do castelán, lexitimando os procesos de minorización e substitución do galego e as outras linguas nacionais da periferia.
Esta formulación dun tal bilingüismo (en realidade, un bilingüismo substitutorio) comezaron a circular nos finais do franquismo e teñen a súa continuidade nas liñas de GB e o actual PPdeG, entre outros grupos. Pero un dos puntos máis fracos da teoría consiste en equiparar a normalización da lingua coa consecución, como obxectivo final, do monolingüismo social, refugando de plano e xenericamente o bilingüismo.
Arestora temos diante todos os argumentos para concluír que a resposta axeitada a aquela formulación do (falso) bilingüismo substitutorio non consistía na denuncia e o combate xenérico contra o bilingüismo. Como demostración disto, véxase como a defensa dun bilingüismo correctamente entendido, o bilingüismo restitutivo, deu eficaz cobertura social ás políticas de promoción do eusquera e o catalán, con resultados ben mellores cás aplicadas en Galicia. É que o bilingüismo resulta ser a chave para conseguir a hexemonía social en materia de política da lingua (glotopolítica), pois boa parte da cidadanía o percibe positivamente: neste país fálanse dúas linguas, unha delas, a propia do país, atópase ameazada; para conservarmos as dúas linguas, é preciso apoiar enerxicamente a nosa. O nacionalismo galego cometeu o erro histórico de abandonar o bilingüismo ás mans dos sectores políticos e sociais que o utilizaron como cobertura para discursos lexitimadores da diglosia, para xustificar o desleixo do idioma galego, ou para lexitimar accións de goberno ineficaces ou mal deseñadas. Estes sectores elaboraron unha lectura abandonista dun falso bilingüismo (realmente substitutorio) e impuxérona como socialmente hexemónica.
A tarefa que ten por diante o galeguismo (enténdase: corrente defensora do galego) é elaborarmos nós unha lectura positiva do bilingüismo, que no informe do IGEA denominamos bilingüismo restitutivo (quen teña propostas para outra denominación mellor está a tempo de presentalas), unha noción que dea cobertura a políticas efectivas de promoción da lingua. Trátase dunha tarefa esgrevia, pero a alternativa, que consistiu ata agora na renuncia e na denuncia xenérica do bilingüismo, consumiunos moitas máis forzas e deu o cativo resultado que está a vista; sendo que previsiblemente dará peores resultados no futuro, tendo en conta a evolución da situación sociolingüística de Galicia. Na miña opinión, fronte a esta tarefa non valen os subterfuxios nin os escapismos, por moito que aquela lectura positiva do bilingüismo ten que apoiarse, moi lexitimamente, en nocións como diversidade lingüística, plurilingüismo, e, xaora, normalización do idioma.
Para rematar, voume referir brevemente a algunhas reaccións ante a proposta do IGEA. Non vou entrar nos argumentos, inxenuos ou hipócritas, do estilo de ‘“claudicamos ante o PP” ou “estamos facendo o xogo ao PP”. Está comprobado que hai un sector do nacionalismo galego que compatibiliza unha retórica vitriólica e non raramente incendiaria cunha máxima moi pragmática: “contra o PP vívese mellor’”. Xa se sabe, gobernar é máis difícil. Eu, modesta pero obviamente, inclúome no sector ao que non lle satisfai vivir contra ninguén, pero lle gustaría vivir a favor do progreso de Galicia, e por tanto, mandando o PP (e sobre todo o PP de Feijoo, Corina e Negreira) á oposición, e se for posible en terceiro ou cuarto lugar nas preferencias do electorado galego.

A NECESIDADE A DEBATE
Outra xente, honestamente, critica o Informe non tanto por discrepancias de fondo, como por cuestións de oportunidade. Canto a isto, coido que é un erro contrapoñer o activismo e a unidade de acción, que me parecen totalmente imprescindibles, coa intelixencia e a liberdade no debate, sen coutar a expresión da discrepancia, que non son menos importantes. Segundo outros puntos de vista, elaborar un novo discurso é unha perda de tempo, cando non manifestamente un incordio. Pola miña banda, coido que, como dixo o sociólogo, “non existe cousa máis práctica ca unha boa teoría”. Máis en concreto, sosteño que é unha absoluta prioridade que a corrente social a favor do galego (afortunadamente ampla, difusa e diversa) se dote dun discurso e dun proxecto coherentes e atractivos para a maioría da sociedade. Os feitos mostran ás claras que non dispón deles. Negarse a aceptalo é seguramente cómodo, e ata se cadra beneficioso para grupos e individuos moi concretos, pero non vai darnos mellores resultados dos que xa temos. Política da avestruz, chámase iso.
O galeguismo político e o nacionalismo cívico teñen unha magnífica oportunidade para mostrar ao conxunto da sociedade galega a súa capacidade para desenvolver un debate libre, intelixente e respectuoso, que exprese a súa real pluralidade interna (reflexo da propia diversidade do país), para renovarse e para elaborar propostas de futuro para o conxunto do país, e moi particularmente, do seu idioma. Se non o consegue, con certeza non será pola falta de compromiso, vontade e competencia de quen redactou, subscribiu ou apoiou ao informe do IGEA. E naturalmente, co espírito aberto á deliberación libre e á crítica ou revisión da súa proposta.

A TVG e os erros ortográficos

por Cris Moss, no Xornal:


A páxina web da CRTVG publicou estes días os resultados dunhas probas da compañía para prazas de operador-montador de vídeo. Máis aló da maior ou menor dificultade do exame, se algo destaca ao ver o texto é a enorme cantidade de erros ortográficos ou gramaticais que se acumulan entre preguntas e solucións.
En 33 preguntas con catro opcións de resposta para cada unha hai, nada máis e nada menos, que preto de 100 erros. Uns 96 para ser exactos. Por présas ou descoñecemento, o caso é que no texto referido pódense ler cousas como “no” en lugar de “non”, “rodillas” en vez de “xeonllos” ou “análisis” por “análise”.
Son moitos os erros. Se nos fixamos, atopamos tamén “primer” por “primeiro”, “grabación” por “gravación”, “qué” en lugar de “que”, “compuesto” en vez de “composto”, “sonido” por “son”, “relleno” por “recheo”, “solo” por “só”, “lonxitudinales” por “lonxitudinais”... Un documento feito sen ganas ou sen saber.

Agasallos galegos, agasallos en galego

A CTNL e a Deputación da Coruña agasállanos con esta guía, e co seguinte desexo:
"Queremos con ela contribuír a visibilizar a lingua galega e recomendar os agasallos que a usan"
Grazas.

venres, 17 de decembro de 2010

flzta o ndl e o annov n glg!

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) bota por fóra coa gran cantidade de actividades e recursos que nos achega últimamente.
Hai ben pouco inzábase a súa web con ducias de recursos entre os que podemos contar cancións, vídeos, modelos de cartas aos Reis Magos, actividades do Apalpador, contos, teatro, refráns, ...
Tamén poñen á nosa disposición postais de nadal para que lle engadamos o noso texto co fin de que as enviemos ás nosas amistades.


Por último a CGENDL vén de convocar un concurso de sms arredor do tema das felicitacións de nadal e ano novo. Está pensado sobre todo para o alumnado do ensino non universitario (o afectado polo funesto decreto de plurilingüismo), no entanto a convocatoria está aberta a todo o mundo.
Podemos participar enviando a nosa mensaxe ou ben cubrindo  un formulario para votar as que máis nos gusten.
Para os torpes coma min neste tipo de historias desde a CGENDL fornécenos dun diccionario de termos sms, ...ntndsm?

O traballo que realiza esta xente é enorme. Parabéns, unha vez máis, para a Coordinadora.

Linguas que soan mal

por Manuel Núñez Singala, na Nosa Terra:


Hai anos que acudo a centros de ensino de Galicia a compartir reflexións cos rapaces e –cómpre dicilo– a aprender deles. Moitas veces falamos de prexuízos, e entre outros xorde con frecuencia un moi común: a percepción do galego como unha lingua bruta, que soa mal.
Para guiar a reflexión propóñolles que fagamos unha clasificación dos idiomas en función de se os perciben como linguas que soan ben ou mal. Os resultados soen ser bastante previsibles: castelán, francés, inglés e italiano adoitan ser idiomas sobre os que todos coinciden na súa agradable sonoridade. Cando se trata de escoller aqueles que soan mal, hai sempre acordo arredor dun: o alemán. E a miúdo tamén sobre outros que soen resultar afastados ou exóticos: o árabe, o ruso, o xaponés...  Non é agora o momento de lle dar voltas a este asunto que precisa de máis espazo para ser tratado con profundidade. Só quero chamar a atención sobre un feito que cada vez ocorre máis a miúdo: dun tempo a esta parte, e falo de non hai máis de dous ou tres anos, a espontánea e valiosa opinión dos rapaces comezou a engadir dúas linguas máis á nómina dos idiomas malsoantes, dúas linguas que anteriormente, durante anos, non xurdiron xamais, pero que agora agroman con insistente frecuencia: o éuscaro e o catalán.
Esta percepción non deixa de ser un síntoma claro da involución que en materia de tolerancia lingüística está a vivir a nosa sociedade, sinal dun alarmante retroceso nos avances acadados de cara á convivencia das linguas e froito do éxito de determinadas políticas reaccionarias. Trátase dun feito que cada día se fai máis patente e que precisará dun esforzo titánico para ser contrarrestado... no caso de que aínda sexa posible facelo.

Comenza a navegar A Nave das Ideas

 A Nave das Ideas nace en Vigo coa vontade de unir, mediante redes, a visión do mundo imaxinada e conformada nesta beira do Atlántico cos remuíños e correntes de pensamento e cultura que circulan polo resto dos océanos.
O pasado 10 de decembro organizaron unha charla-coloquio: "Pero,... que raios é iso dos neofalantes?". Nela participaron  Séchu Sende, con moito humor; Daria Shornikova, tal e como ela mesma di, se descartamos que é rusa a súa historia é bastante común; e Belén Regueira, simplemente excepcional. Tres neofalantes, tres vídos dignos dun documental do estilo do das Candongas do Quirombo.






Callón no xulgado por defender o galego

O secretario comarcal da CIG-ensino, Eduardo Álvarez, presentara unha queixa por recibir unha notificación do xulgado en castelán, na que ademais se usaba o presunto topónimo *La Coruña. O xuiz Antonio Fraga Mandián respondeulle que era só un erro ortográfico.
O sindicalista respondeu que "din os diccionarios que cínico é quen mente para xustificar unha ilegalidade". O xuiz presenta unha denuncia por inxurias. Durante o xuízo Mandián, xuiz decano da Coruña declara que "no tengo ningún rubor en utilizar la ilegalidad del topónimo La Coruña".
Carlos Callón, como presidente da Mesa, denuncia públicamente a manifestación do xuiz: "por apoloxía de desobediencia da legalidade" que sería especialmente grave ao se tratar dun maxistrado". O xuiz, demanda a Callón.
Onte o presidente da Mesa comparece nos xulgados para facer frente a esta demanda e alí négase a declarar por lle negaren o dereito a recibir a documentación e notificacións en galego, quen subliñou que "parte da documentación non pode estar en galego porque o impide o programa informático da Xunta".


Carlos Callón, denunciado por lembrarlle ao xuíz decano da Coruña que ten que cumprir a Lei de normalización from Fundación Bautista Álvarez on Vimeo.

xoves, 16 de decembro de 2010

A loita polo galego e a farsa do bilingüismo

por Bieito Lobeira, outra vez co debate co sobre o informe IGEA, en Terra e Tempo:

Parabéns ás e aos integrantes da Plataforma Queremos Galego da Estrada. A convocatoria, o pasado 3 de decembro, dun acto lúdico-reivindicativo en homenaxe aos mestres represaliados no ano escolar 1980-81 por daren aulas en galego foi todo un suceso, tanto pola asistencia masiva como polo admirábel, dinámico e participativo desenvolvemento do evento. Non se trataba de recrear a nostalxia e a lembranza, senón de as proxectar nun presente ben difícil para o idioma de noso. Mestres reprimidos por ensinar en galego na súa Terra, á altura de 1980, en aplicación do "Decreto de Bilingüismo". E trinta anos despois, como se a historia non avanzara na Galiza, mestres ameazados pola mesma razón, neste caso baixo coacción e intimidación do "Decreto de Plurilingüismo".

Canto traballo, canto esforzo, canta entrega, canto sacrificio houbo na historia do noso país para combater a imposición do alleo e defender o orgullo e o dereito do propio. Para nos valer por nós mesmos sen complexos. Con erros cometidos, de certo, mais cunha vontade e un resultado final realmente meritorio, en función dos medios existentes. Algún día teremos que pór en valor esa loita e honrar os seus protagonistas. Mais, mentres, cumpre seguir, sempre adiante, sen recuar, desfacendo a trampa do inimigo. Esa trampa, ese engado falso e trapalleiro chámase agora, como se chamaba hai 30 anos, bilingüismo. No seu nome pretenden perpetrar, hoxe como onte, a aniquilación da lingua galega. Sabe perfeitamente o Goberno do Partido Popular que na Galiza non hai bilingüismo: o que temos é un proceso claro e acelerado de substitución lingüística do galego polo español. Ou que a nosa non é unha sociedade bilingüe, porque non a hai, senón submetida ao conflito diglósico desde hai ben tempo. A loita polo noso idioma precisa de clarificación, tamén terminolóxica, para non confundir e desconcertar unha sociedade á que lle inculcaron terroríficos prexuízos sobre ela mesma.

Aquí temos unha boa proba. O 14 de decembro, no Parlamento de Galiza, o Partido Popular utilizou como argumentos políticos fundamentais para xustificar os seus votos contrarios á Proposición de Lei presentada polo BNG (tratábase en realidade da vetada -por decisión do PP e do PSOE na Mesa do Parlamento- ILP da Plataforma Queremos Galego) sobre uso do galego polas administracións de Galiza e no ámbito do ensino,  os seguintes:

a) Caricaturización da defensa da lingua. Chega a manifestar o portavoz do PP que esta iniciativa lexislativa inclúe, literalmente, a instauración dun "Estado Nacional Monolingüe Galego".

b) Deturpación da realidade e da historia. Rosalía de Castro, segundo esta tese esquizoide, era unha bilingüe que escribiu "Castellanos de Castilla, tratad bien a los gallegos. Cuando van, van como rosas. Cuando vienen, vienen negros" (sic). Nin vergoña teñen. Nin respecto. Nin rigor intelectual. E, por suposto, Galiza é unha sociedade bilingüe na que non se dá o menor conflito lingüístico, e onde galego e español coexisten e conviven de xeito harmónico.

c) Utilización do informe do IGEA como coartada ao servizo do proxecto lingüístico do PP. En esencia: Porfín hai nacionalistas que admiten que temos unha sociedade bilingüe, e cumpre practicar, defender e reivindicar o bilingüismo (non explicado se na súa vertente harmónica ou na restitutiva) con naturalidade. Ollo tamén cunha defensa pechada do galego, porque pode conducir a un indesexado monolingüismo propio de sociedades pechadas e autoritarias (descoñezo se a referencia é o pobre monolingüismo practicado en Madrid). Este mesmo argumento foi utilizado polo PSOE no debate parlamentar.

Este é o problema. Onde situar a antítese da tese oficial? Máis perto da tese, a fin de favorecer unha síntese máis achegada aos posicionamentos de quen pretende exterminar o noso idioma? En construír unha nova doutrina baixo a inxenuidade de atraer xente á causa do galego, cando en realidade actuaría como morfina ideolóxica para atenuar a dor do conflito e procurar unha morte doce, con agonía máis ou menos prolongada? Ou xa, directamente, en criminalizar unha liña de actuación coerente e historicamente funcional na defensa do galego?

Non é xusto nin merecido colocar ao movemento sociopolítico que dá a cara pola nosa lingua, singularmente ao nacionalismo galego, como un dos problemas para o avanzo do proceso normalizador. É ademais irresponsábel, no momento da historia do noso país no que se está a producir a resposta popular máis intensa contra o intento de destrución do galego. Contestación social, por certo, da que tamén participan persoas neofalantes, ou mesmo españolfalantes (por razóns do tipo máis diverso), mais cunha actitude favorábel ao galego. A confusión e a división non constrúen, destrúen. A clareza e a unidade, dentro da diversidade, son a nosa mellor arma, a dos defensores do galego, neste momento histórico. Por iso nunca entendín como en artigos xornalísticos asinados hai xa algúns meses polo director ou coordenador deste informe do IGEA, non se aforraban críticas públicas e prexuizos hiperbólicos sobre A Mesa pola Normalización Lingüística e o nacionalismo galego. Non é comprensíbel tanta zunia autodestrutiva, tanta obsesión desproporcionada, tanto ofuscamento contra unha corrente histórica de pensamento e acción que se encontra inequivocamente situada na trincheira histórica de defensa do galego. E isto, para min o máis grave, no contexto do maior ataque do PP ao idioma de noso e, simultaneamente, da maior resposta social ao mesmo.

Escoiteillo a Pilar García Negro. Non hai ningún documento legal no que apareza mención algunha ao bilingüismo. Nin na Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, nin no propio Estatuto de Autonomía. Isto é, nin na arquitectura legal do poder. A que ven, logo, tanta teimosía en aderir á linguaxe do inimigo? Por suposto, tampouco en ningún documento político de ningunha organización nacionalista. Daquela, é evidente que se está a practicar un outro xogo, claramente político. Porque o correlato ideolóxico desta tese lingüística sitúase no campo autonomista, non no nacionalista. Estou convencido de que este, e non outro, é o auténtico problema de fondo.

Era o incansábel Manuel María, compañeiro noso e referencia de coerencia, quen na súa "Canción do bilingüismo" dicía:

 

        "O bilingüismo,

         pai do castrapo,

         é conformismo

         paleto e parvo.

        (...)

         O bilingüismo

         que é si e non

         ¡é aparello

         de castración!"