Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 25 de abril de 2011

Roteiro Castelao pola Estrada

O pasado día 20 presentouse na Estrada o Roteiro Castelao, unha interesante publicación con vocación de itinerario turístico-cultural.
A protagonista da presentación foi a concelleira de Medio Rural e Turismo, Raquel López Doce quen indicou que a publicación, necesaria ao celebrarse o 125 aniversario do nacemento de Catelao,  pretendía sumar un novo aliciente para que os visitantes acudan á estrada. Na presentación do Roteiro tamén participaron o escritor David Otero e o cronista da vila estradense, Olimpio Arca Caldas, o pintor Paulo Porta así como a mestra Noni Araújo, amiga perosal da muller de Castelao.
O roteiro pasa polo Museo Reimóndez Portela, a casa da familia de Virxinia Pereira, a antiga igrexa de San Paio, onde casou con Castelao, o bar A Farola que en tempos fora o casino, e o cemiterio de Figueiroa, onde están os restos da muller e o fillo de Castelao. Outros puntos son a Igrexa de Ouzande, a Torre de Guimarei, o Pazo de Oca ou a ponte vella do río Liñares, debuxados polo rianxeiro.
Deixo por aquí o Roteiro que atopei pola arañeira da rede, porén vese mellor o orixinal que non debe ser difícil de conseguir no Concello. E así como Castelao, tal e como se comenta no Roteiro, fixo no seu día unha excursión ao Pico Sacro cos seus amigos da Estrada, invítase a todo o mundo a un paseo polo concello ao tempo que se recorda a figura imprescindible de Castelao. Hoxe e sempre.


Dez anécdotas reais sobre o galego

por Xoán Abeleira, no xornal La Opinión A Coruña:

Traballo nunha célebre xoguetaría, o catálogo da cal, traducido por min, existe na nosa lingua por iniciativa miña. N’A Cruña hai dúas franquicias. De todos os dependentes que traballan nelas, tan só dous falamos en galego: unha rapaza colombiana, de orixe indíxena, que se namorou de todo o noso após ler a Álvaro Cunqueiro, e máis eu, fillo de emigrantes, nado en Venezuela e criado en Madrid. O resto —rapazas galegas e que estudaron o galego— empregan o español. 
–Velaí estou eu. Na tenda. Falando en galego con todo o mundo agás con aquelas persoas que, obviamente, proceden de fóra. Por cortesía cara a elas. Cortesía que, cando un viaxa fóra do seu país, rara vez atopa. Un día, unha pequena nada, a todas luces, na Galiza, cun acento claramente cruñés, achégaseme a min, entre pampa e desconcertada, e pregúntame: “Mira… Y tú… ¿por qué hablas en inglés?
–Outro día vexo entrar un cativo. Sorríolle: “Bos días, feituquiño!” O pequeno vólvese cara ó pai que vén tras dil e con innegable acento do país lle berra: “¡Papá, papá! ¡Aquí dentro hay un señor que es gallego!” E o pai retrúcalle, con traza de indignado: “¡Hijo! ¡Aquí todos somos gallegos!
–Unha mañá sen actividade. Tan só estamos na xoguetería un señor e máis eu, cando chega outra persoa. “Boas tardes. Podo axudala en algo?” A señora, no canto de responderme, bota un bufido e comeza a pasear pola tenda coa vista alzada, ollando prós recunchos do teito da tenda, ata que, en saíndo o señor que entrara denantes ca ela, achégaseme a min paseniño, mirando a un lado e a outro como para asegurarse de que, en efecto, estamos os dous sós, e bísbame ó oído: “Oiga… Usted habla en gallego porque le obligan, ¿verdad?” “Non, señora”, respóndolle cunha mágoa a que, ende mal, xa estou a afacerme. “Eu falo en galego porque estamos na Galiza, porque é a nosa lingua e porque me gusta.” E que diaños buscaba a muller polo teito?, coido eu despois de que ela marche. Cámaras de seguridade internas! Pensaba, ai, que alguén estaba a vixiarme! O Gran Irmao Impositor, si!
–Unha muller, con traza de labrega, sube ó autobús canda a súa filla adolescente. Logo de pagar, a rapaza diríxese a ela —coma sempre, obviamente—, en galego. A muller ponse rubísima de vergoña e, en voz ben alta, pra que todos a sintamos, xirándose ora cara á súa filla, ora cara á nós, os pasaxeiros do autobús, rífaa: “¡Ha! ¿Y tú por qué me hablas ahora en gallego? Porque en la casa hablamos siempre, siempre en castellano…
–Entro nun bar de Elviña. O camareiro está a falar en galego con algúns seareiros habituais. A min non me coñece. “Un café con leite, por favor.” “¿Cómo lo quiere: en taza o en vaso?”, pregúntame il. E eu, pra que se decate do absurdo da situación, dígolle sorrindo, chanceando: “Pero, ho, a istes señores lles falas en galego e a min en castelán. Por que? Acaso son eu menos ca iles?” “Pois tes razón”, comprende il. Ende ben. 
–Soa o teléfono. “Xoán?” “Si, son eu.” “¿Qué es eso de son eu, son eu?”, rífame unha voz que me parece coñecer. “¡Que soy X, tú!”, confírmame unha amiga madrileña, poeta, culta e que fala varias linguas. “A mí háblame en español, ¿eh? Nada de gallegadas…” (Ende mal, iso acontéceme dabondo. Moitos amigos españois, artistas e de esquerdas, téñenme reprochado o feito de escribir e de falar agora en galego. Cousa incomprensible pra elas e pra iles que, ademais, coma a maioría dos españois, teñen unha idea absolutamente equivocada ou ignoran por completo a nosa historia, a nosa cultura e a situación sociolingüística que estamos a padecer. Peor aínda: cando parolamos do tema, cando lles explico que o pobo galego, coma tal, corre perigo de extinción, sempre acabo decatándome de que, no fondo, coma á maioría dos españois, tanto lles ten. O seu é unha mestura de ignorancia e de indiferenza —cando non de desprezo, que tamén. De feito, outro amigo polo que, malia todo, sinto unha enorme estima, me confesou aí atrás que “cuando me mandas algún e-mail en gallego, yo lo borro ipso facto.”)
–Asisto a un concerto dun cantautor galego, afincado en Francia pero que canta e compón en galego. Á saída do Teatro Colón, mentres converso cunha parella amiga, vexo saír unha coruñesa de toda la vida, cuberta cun abrigo de visón, acompañada da súa filla, á quen lle comenta: “Ay, las canciones te me gustaron mucho, pero, hija, ¡qué manía tiene esta gente de cantar en gallego!
–Serán de domingo. Vou no coche coa miña sobriña, buscando unha rúa onde vive unha amiga dela coa que quedou. Ninguén polo rueiro. De súpeto vexo tres persoas maiores: un señor e dúas señoras. Paro. Baixo do coche. “Desculpe”, diríxome a il, “sabe vostede cal é a Rúa Uruguay?” “Sí, la conozco”, dime o señor do abrigo de loden, sorrindo ironicamente. “Podería dicirme onde está?”, insisto, apurado. “Puedo…”, continúa il con seu ar de suficiencia, “si usted me lo pregunta en español”. “Como di?”, sorrío eu sen dar creto ó que escoito. “Digo que si usted me pregunta en español: ¿Dónde está la calle Uruguay?, yo se la indico.” “Non fai falla”, retrúcolle eu facendo un esforzo por conterme e non afogalo alí mesmo. “O único que me faltaba por ver xa é alguén da miña propia cidade, do meu propio país esixíndome que non fale a nosa lingua e obrigándome a falar outra na miña propia cidade e no meu propio país. Abur, señor! Bo serán!”, guíndolle denantes de volver entrar no coche e seguir buscando. Pero o máis gracioso de todo é que, un minuto despois, albisqueino de lonxe todo encabuxado, rubio de ira, facendo grandes acenos e —seguramente— botando pestes de min ás súas acompañantes. Manda carallo!
–Chego cas meus pais, que viven nunha urbanización do Concello de Culleredo. Ó baixar do coche, vexo dous pequenos, un neno e unha nena, vindo cara a min. “¡Hola!”, dime a cativa duns dez anos, a quen non coñezo. “Ola, amiguiños…” “¿Cómo te llamas?”, pregúntame ela. “Eu chámome Xoán, e vós?” “Pero… ¿tú hablas en gallego?”, abráiase a pequena, con acento galego, arregalando os ollos. “Xaora, porque estamos na Galiza e eiquí somos galegos…”, respóndolle eu ó seu silencio. “A ver…”, intento facerlle comprender. “Ti sabes qué lingua falan en Inglaterra?” “Sí, el inglés”. “E en Francia?” “El francés”. “Ben, pois eiquí, como somos galegos, falamos o galego.” “Pero entonces... ¿a ti te gusta el gallego?”, insiste ela, con cara de noxo. “Claro. A min gústanme todas as linguas. E a nosa tamén.” “Pues yo lo odio”, afirma ela rotunda. “E logo?” “Pues porque en el colegio me obligan a estudiar todas las asignaturas en gallego.” “Non”, dígolle eu, con suavidade. “Ti estudas algunhas en galego, outras en castelán e o resto en inglés, que o sei eu.” “Bueno”, acepta ela, “pero da igual. Yo lo odio de todas formas.” 
NOTA: Podería contarlles un cento de anécdotas, tan incribles pero tan reais coma esta, que sufrín en carne propia durante os doce anos que xa levo vividos na Galiza. Pero pra que? Serviría de algo?

A chave

por Carlos Callón, no Galicia Hoxe:

A plataforma Queremos Galego, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística e conformada por máis de 700 entidades, comeza as súas actividades con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. Na propia xornada do 17 de maio realizaranse concentracións expansivas en diferentes localidades de todo o país, para denunciar o desamparo autonómico que vive o noso idioma, chamar a atención social sobre a necesidade de actuarmos para revitalizalo e -xa que estaremos en plena campaña para as eleccións municipais- sinalar tamén a importancia de que os concellos sexan motores da defensa e promoción do noso idioma. Todas as persoas interesadas en participaren ou botaren unha man poden dirixirse á plataforma. Fai moita falta movérmonos na defensa da lingua que nos une como galegas e galegos.
Quince días antes, o vindeiro sábado 30 de abril, estamos convocados a unha festa da nosa lingua e cultura, que usa como lema un coñecido verso do noso poeta nacional Manuel María: "O galego é a chave coa que abrimos o mundo".
O escenario para este acto lúdico e reividindicativo será a Sala Capitol de Santiago de Compostela. Durante o mesmo, alternaranse no escenario as actuacións musicais de Ugia Pedreira, Roi Casal, Miro Casabella e Roberto Sobrado, ás que se sumaran as palabras do actor Ernesto Chao, presidente de Escena Galega; a profesora e ensaísta Pilar García Negro; a escritora Teresa Moure; o escritor e académico Manuel Rivas; o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), e quen isto escribe como presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz nacional de Queremos Galego. O encontro conducirao o humorista e artista gráfico Xosé Lois González O Carrabouxo, creador do "himno oficioso" da plataforma: o "Mamá, eu quero galego", que milleiros de persoas corearon nas multitudinarias mobilizacións convocadas desde que Alberto Núñez Feijóo comezou a desmantelar, pola vía dos feitos, a oficialidade da nosa lingua.
O mundo dos libros
No acto do día 30 achegarannos a súa enerxía unha escritora e un escritor de ficción moi recoñecidos polo público e pola crítica, tanto dentro como fóra de Galiza. Sirva isto para nos determos a pensar que podemos facer, mesmo a nivel individual, para vitalizarmos o mercado editorial no noso idioma e dármoslle forza así á nosa propia cultura.
O fundamental é o máis evidente: escollamos e leamos con frecuencia obras en galego. Tentemos ler tamén volumes en portugués, para coñecermos as outras variedades do noso mesmo sistema lingüístico.
Se a nosa libraría habitual non distribúe novidades en galego, solicitémosllo. É importante que saiban de primeira man que teñen unha clientela potencial para un mercado que sabe e quere ler no idioma de Galiza. Se quixermos comprar un libro e non o vermos en galego, preguntemos nas librarías que distribúen novidades no noso idioma. Aínda que son unha minoría no que di respecto ao conxunto da xeografía galega, temos algunha como mínimo en cada cidade e en moitas vilas. Ademais, todas elas son accesíbeis a través de internet. Apoiemos a quen apoia a nosa cultura!
Se o volume que quixermos non o houber traducido para o galego, pidamos na libraría que nolo consigan en portugués. A través de internet é moi fácil conseguirmos os datos da editora para que poidan contactar coa distribuidora.
Ademais, se un libro traducido ten un prezo maior en galego do que en castelán, sendo do mesmo formato, podemos escribir á editora para protestar.
O mundo da música
O último disco de Mercedes Peón, SÓS, foi durante varios meses número un da World Music Charts Europe (WMCE), a máis prestixiosa lista musical das radios estatais europeas. Publicacións como Songlines escolleron o seu traballo para o Top of the World. E aínda poderiamos pór moitos outros recoñecementos máis que recibiu este traballo. Porén, fagamos un pequeno inquérito ao noso redor. Quen sabe tan sequera cantaruxar algunha canción deste disco? En cantos medios de comunicación puidemos escoitala?
A música galega continúa a ser, como ben dicía o verso de Rosalía de Castro, estranxeira na propia patria. Porén, é moito o que podemos facer, tamén individualmente, para axudar a mudar a situación:
- Tentemos superar a actual infrarrepresentación da música galega nos medios de comunicación facendo un consciente esforzo voluntarista para sabermos que é o que se coce na actualidade musical do país. Levarémonos gratísimas sorpresas!
- Non o dubidemos. Compremos música galega e vaiamos ás actuacións que ofrezan as súas creadoras e os seus creadores.
- Escribamos aos medios de comunicación, especialmente ás radios e televisións, tanto públicas como privadas e tanto de ámbito galego como estatal, para que nos informen da actualidade musical no noso idioma. Parece mentira que a Mercedes Peón, por exemplo, lle sexa máis fácil encabezar unha lista musical europea que pechar unha lista musical a nivel de Estado. Son os prexuízos contra a diversidade lingüística e cultural os que levan a que aconteza isto.
A principal responsabilidade desta promoción está, sen lugar a dúbidas, na Xunta de Galiza, na Radio Galega e na TVG. Fagamos que sintan a nosa voz!
Ademais, é bo que tentemos estar ao día tamén da actualidade musical do conxunto dos territorios do noso sistema lingüístico. Non fai moito sentido que só coñezamos os músicos portugueses, brasileiros ou caboverdianos cando triúnfan en Madrid.
Abrimos o mundo!
Tiña toda a razón Manuel María cando escribiu ese verso que nos convoca para o vindeiro 30 de abril: "O galego é a chave coa que abrimos o mundo". A través da nosa lingua e da nosa cultura, en diálogo co universo todo. Porque cremos nas nosas forzas e nas nosas capacidades. Porque queremos seguir sendo..

Cuidado com a língua: o galego

Vídeo recomendado por ProLingua, unha reportaxe do programa 'Cuidado com a língua' da RTP sobre as diferenzas do galego co estándard lisboeta.

'Orgullosos do galego', un premio merecido

A campaña 'Orgullosos do galego' da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) foi premiada na edición deste ano dos Mestre Mateo.
Tal e como afirman desde a propia Coordinadora:


Con esta iniciativa, a CGENDL pretendeu transmitir no seo da comunidade educativa, e no conxunto da 
sociedade, un sentimento de orgullo pola lingua propia como sentimento común de todos os galegos á 
marxe da orixe, a ideoloxía, o credo ou a idade de  cadaquén. 

Este premio é o recoñecemento ao proxecto que representa a CGENDL coa súa liña na defensa e promoción do galego. A destacar que a Coordinadora fai todo o seu labor sen medios, contando únicamente co traballo dos seus membros. Outros con medios, recursos e posibilidades, dilapidan a súa posición en trangalladas, cando non se adican a atacar directamente a lingua da que se supón deberían ser os primeiros e principais guardiáns.
Tamén se recoñeceu u o activismo social a prol da lingua galega ao premiar como Mellor Obra Interactiva a web da asociación GalegoLab.

Cuestión de coherencia


por Xabier Cordal, artigo do seu blogue Monte Alto. Vía Prolingua:


É moi fácil: se A Coruña pode chamarse La Coruña, está claro que podemos dirixirnos comoNegrera a calquera señor que se apelide Negreira igual que nos empeñamos en dicirlle Feijoo aFeixoo e Rajoy a Raxoi.
Así que se un futuro Concello da Coruña conseguise que o alienLa Coruña fose legal (a ninguén lle importa como o diga vostede falando en español: dicimos se esa forma fose legal), derrogando a Lei de Normalización Lingüística -“os topónimos terán como única forma oficial a galega”-, todo núcleo de poboación da Comunidade Autónoma de Galicia tería dereito a traducir o seu e a esixir da Xunta de Galicia que recoñecese a forma resultante nos sinais, na documentación e nas comunicacións á cidadanía. Do contrario vulneraríase o principio de igualdade ante a lei: os galegófobos de SangenjoLa CoruñaCorujo e Arteijo terían máis dereitos ca os habitantes de Ourense, Vilariño de Conso ou Carballo que se apuntasen a levar o ridículo ás últimas consecuencias.
Para garantir ese patético caos que nos faría definitivamente famosos (en Galicia hai ducias de miles de nomes de lugar) existen dous camiños: o primeiro, vote vostede PP nas municipais. O segundo, permítase o luxo de non asinar esta iniciativa de Prolingua. Tentamos evitar que unha representación de menos do 50% do electorado tire ao lixo a LNL de 1983. Votaróna daquela todos os grupos. Se cadra porque respondía ao máis elemental sentido común.

domingo, 24 de abril de 2011

Situacións idiomáticas

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe do 22/04/2011, facendo de notario da realidade lingüística da sociedade galega real:

A miúdo, na experiencia diaria, asistimos a variadas situacións nas que os falantes de galego, idioma propio de Galicia, sofren no seu propio país clara falta de cordialidade no trato conversacional, cando non rexeitamento de diverso tipo ou desatención evidente. Na miña experiencia persoal, dende hai ben anos, teño sido obxecto de reaccións verbais agresivas por parte de funcionarios da administración ou dependentes de comercio, só por utilizar na miña xestión o idioma que todos din "amar tanto". Nos últimos anos semellaba que este tipo de reaccións contra a lingua galega tiña diminuído (e un, cándido e inxel, pensaba que a democracia e a civilización avanzaban), mais, dun tempo a esta parte, todo indica que estamos de novo diante dunha corrente que despreza e "sinala" (e xa non é só un problema de pésima educación e falta de afabilidade ou cortesía) a aquela persoa que utiliza lexitimamente e con naturalidade o seu idioma, que é propio e oficial noso. O outro día nunha oficina bancaria coruñesa unha señorita funcionaria do banco en cuestión, que utilizaba un incorrecto castelán trufado de acento galego, espetoulle con frío e rudo encono a unha muller que ben pasaba dos setenta anos a seguinte frase: "Señora, es que no la entiendo. Hábleme en castellano". E a señora, tal como dicía García-Sabell que facían os galegos en situación adversa ou comprometida, baixou a cabeza e non soubo por un intre que facer nin que dicir, até que alguén lle dixo á funcionaria: "¡Renuévele la libreta!". Xulguen vostedes. A min o outro día fixéronme repetir tres veces unha mesma frase porque un señorito espelido, mozo de farmacia (a todas luces de procedencia galega), non quería entendela, amosando así unha notábel falta de profesionalidade na atención comercial e exhibindo un desprezo bárbaro, non exento de xenreira, a un cliente do seu establecemento. E todo isto acontece no ano 2011, aquí e agora. Algo se fixo mal, por suposto, e algo se fai mal. Pobo estraño o noso. O veleno inoculado non deixa de actuar.

A lingua galega

por X. L. Rodríguez Pardo, no Xornal:


Non podemos deixar de poñer enriba da táboa, agora que comezan os actos electorais das moitas listas que se presentan para rexer os concellos de Galicia, que un dos asuntos básicos nestas eleccións –e en todas–, acó, é o da nosa lingua e, polo tanto, debemos saber o que quer facer cada lista electoral no seu concello, gañe ou non as eleccións correspondentes.
Porque, teño que facer unha proposta para o mellor desenvolvemento da nosa lingua na Coruña e, deste xeito, engadirlle ao nome do centro comercial que se remata de inaugurar o nome da “terra” e, polo tanto, pasaría a se chamar “A Terra do Marineda City”, co cal xa teríamos o “trilingüismo” e, polo tanto, esqueceríamonos de que ate de agora tan só se usou o castelán en toda a propaganda comercial que se lle fixo.
E xa que falamos de toponomia non podemos esquecernos dun topónimo que fixo sona no concello da Coruña, como é o de “A Grela”, o cal non fai máis que arrombar coa nosa lingua e inventar unha nova que ninguén coñece. Todos sabemos o que é un “grelo”, mais ninguén sabe o que poida ser unha “grela”, o que non pasa se lle damos o seu nome que é o de “agrela”, ou sexa, unha agra pequena, coma eran as agras que arrodeaban A Coruña cando se lle pasou chamar “Agrela” a esa agra que agora escriben como “A Grela”.
Todo isto vén a conto destas eleccións municipais xa que, como primeira obriga da lista que saia elexida en cada concello, deberá se poñer a da suxección á Lei de Normalización Lingüística e a de lle darmos á lingua galega, basicamente nos concellos, o trato especial que, tanto na Constitución coma no noso Estatuto, se lle recoñece á nosa lingua.
Conste, de todos xeitos, que non se pode pechar a campaña electoral nin, polo tanto, o quefacer das listas electorais no tema da lingua galega, mais, o que si hai que apuntar é a obriga de tódolos concellos na Galicia de se poñer a, cando menos, pensar se unha organización político-territorial chamada “Comunidade Autónoma” pode deixar que cada concello vaia por onde queira, sexa Área Metropolitana ou como se lle queiran chamar ás actuacións dos concellosmentres as deputacións van pola súa, deixándolle ao goberno de todos eles, ou sexa, ao goberno que sae do Parlamento galego, coma se fora o goberno dun asilo de incapacitados ou cousa así. É necesario e urxente facer ver a cada lista para gobernar os concellos que o todo que os abrangue se chama Galicia.

De pobos e linguas

por Antón Dobao, n´A Nosa Terra, o pasado 20/04/2011, no cerne na cuestión:


Non sei moi ben se os pobos constrúen linguas ou se son as linguas as que constrúen pobos. Ou se a relación entre linguas e pobos é moito máis complexa do que pensabamos. En calquera caso, se existise formalmente un Pobo Galego como suxeito político en plenitude, é dicir, como orixe dun novo poder constituínte, sabería que facer coas linguas que circulan polo seu territorio. As posibilidades serían múltiples. Ningunha consistiría na exclusión, en fixar como obxectivo o exterminio lingüístico, a glotofaxia como práctica e horizonte. Todo o contrario.
As políticas lingüísticas dos últimos 30 anos son monolíticas. Abanéanse entre o laissez faire que caracterizou a era fraguiana, coa súa protohistoria, e a reconquista simbólica da era Feixóo, unha resposta desmedida á timidez algo covarde do bipartito. Talvez non pretenden esparexer os anacos exánimes dunha lingua que, guste ou non, conformou Galicia durante séculos e que a seguirá conformando mesmo no improbabilísimo caso de desaparecer, pero é patente a abundancia de quites totalitarios nas guerras lingüísticas coas que goza este novo nacionalcatolicismo sociopolítico e cultural: o desprezo, a vulgarización, a mentira como premisa, a distancia entre linguas chamadas de cultura e linguas que seica non o son, a defensa cínica dunha liberdade de elección condicionada, e un moi longo etcétera. Un mal disimulado complexo de inferioridade convida a certos individuos e grupos a se deleitaren coas imaxes dos seus corpos deformadas por espellos cóncavos. Conta Álvaro Cunqueiro que Omar Pequeno decidiu crecer máis de nove cuartas para converterse en xigante e así escapar dos marcos dos espellos deformantes. Os exterminadores, ao contrario, excítanse na deformidade propia porque soñan que así se imitan a aqueles seres superiores que gozan da inmensa fortuna de non coñecer máis lingua ca o castelán, que debeu ser o idioma no que Deus ordenou a imposibilidade de Babel. E nestas, as políticas lingüísticas agresivas viñeron a substituír as tolerantes. Eles, que odian a Charles Darwin, defenden unha selección natural lingüística (condicionada, madia leva) e converten a supremacía e a subalternidade en cuestións de fe ao tempo que desexan expulsarnos do templo da ciencia, á que tamén desprezan, por certo.
Pola nosa parte, antes andabamos preocupados porque só nos toleraban; agora parecemos arelar que nos toleren porque decidiron sinalarnos e excluírnos. Quizais esta mudanza de perspectiva é o seu maior triunfo. Para invalidalo, nós precisamos unha cartografía nova, ou sexa, ante todo negarnos a percorrer os carreiros que nos deixaron as súas invasivas plantacións de eucaliptos. Discutirmos sobre monolingüismo, bilingüismo ou plurilingüismo é innecesario, pois será difícil un futuro de individuos monolingües, pero ademais disólvenos nas súas selvas, ensarillados na terminoloxía que manexa o seu discurso cínico de eliminación. A solución final. Unha guerra empeza a perderse cando se renuncia ao propio discurso e cando se recoñece a inminencia da derrota. Os discursos da catástrofe lingüística teñen que dar paso xa a novos contidos e novas formas de comunicación cos falantes. O galego non é unha lingua moribunda por moito que ese sexa o desexo íntimo dalgúns. O galego somos os seus falantes.
Cómprenos un debate franco que conduza a todas as forzas normalizadoras a tácticas e estratexias eficaces, máis aló de lugares comúns xa desgastados, e que sitúen os falantes como verdadeiro suxeito de toda política normalizadora, sexa oficial ou de base. Só arredor do falante real se poderá construír un futuro máis brillante para a lingua que nos configura. Sería bo que este maio que aí vén servise para reestruturar forzas e atacar os retos do futuro con determinación, coa belixerancia necesaria e co optimismo que nos ofrecen as nosas razóns. Entre elas, a máis importante: sermos nós, ou sexa, os homes e mulleres configurados por unha lingua. Nin máis nin menos.

sábado, 16 de abril de 2011

Matemáticas en galego




Esta unidad interactiva requiere la máquina virtual de Java J2RE.

O Ministerio de Educación acaba de publicar o que desde o meu punto de vista é o mellor material de matemáticas existente na arañeira da rede hoxe en día... en galego (acceder desde aqui). Sonche paradoxos aos que a política galegófoba do goberno da Xunta vai ter que enfrentarse a partir de agora: mentras que desde a Consellería de Educación se prohíbe a impartición das aulas de matemáticas na nosa lingua, desde o MEC, alleos á política lingüística contra o galego, manteñen un programa de divulgación e mellora dos seus materiais.
O MEC desde hai tempo promove a publicación dos seus recursos noutras linguas, especialmente en galego, euskera e inglés. No caso que nos ocupa trátase de 60 unidades didácticas que tratan todo o temario da ESO. O exemplo que puxen aquí é só un dos centos que podería escoller de entre todo ese material. Para unha descripción das unidades didácticas  aquí está  unha breve explicación elaborada por Xosé Eixo, ao que aproveito para agradecerlle todo o traballo e interese mostrado pois el é o principal responsable de que hoxe poidamos dispoñer de todo estes recursos.
Eu fago unha invitación especial aos poucos que poidan caer por aquí para que remexan e espallen este material entre o profesorado galego.

Se non vedes a aplicación que está aquí engadida como exemplo pode ser por non terdes instalada a máquina virtual de JAVA ou plugin DESCARTES
Outros requisitos: Flash Player 7 ou superior, Acrobat Reader