Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 8 de agosto de 2011

Datos sociolingüísticos contra políticas lingüísticas

Segundo informa a SXPL nunha nota que é reproducida, punto por punto, polo Galicia Hoxe, nun estudo realizado para o Observatorio Galego da Xuventude de 120 páxinas, destacan os resultados dunha delas centrados no uso social do galego na etapa de 15 a 29 anos.
No estudo, referido ao ano 2010, dáse a entender que foron realizadas 11 preguntas nentre as que se encontraban a lingua de uso habitual na familia, aquela que usarías para un SMS ou para dirixirte a un municipal. Despois de realizar unha simple media destes 11 datos obtiveron para o galego unha cifra dun 34,1%.  Nese mesmo informe indican que a cifra obtida no ano 2007 foi dun 28,8%. A diferenza: 34,1 - 28,8 = 5,3 puntos porcentuais, ou como se di no informe, case un 6% de incremento de uso do galego. 
Do cal se deduce que está moi ben a política lingüística que se está a levar a cabo, reducindo en todos os ámbitos, especialmente no ensino, o uso da lingua galega... porque isto, máxicamente leva emparellado o efecto contrario: incremento do seu uso.
Claro que non din que se refiren únicamente aos tópicos cuestionados e que todos eles, tanto o uso da lingua no ámbito familiar como de cando o xoven se dirixe a un municipal, teñen todos o mesmo valor á hora de dar a cifra final. Isto lévame a pensar que a SXPL vai centrarse, máis que na transmisión interxeneracional do galego nas familias, en procurar que a policia municipal sexa vista como un referente na defensa da nosa lingua.
Claro, que se eu fose tan pouco respectuoso coa realidade social como o é o informe do Observatorio Galego da Xuventude, ou polo menos os seus propagandistas,  podería aducir as cifras dun informe tamén moi serio, oficial, e de prestixio, a Enquisa de Condicións de Vida das Familias, realizada polo Instituto Galego de Estatística, e que para o ano 2008 daba para o tramo de idade dos mozos galegos de 15 a 29 anos, un uso do galego dun 42,96% frente a un 67,05 do castelán. Neste caso a resta: 42,96 - 34,1 = 8,86 indicaría que nestes dous anos (2008-2010) houbo unha redución do uso do galego de case 9 puntos. En calquera caso, cando un mozo galego se dirixe a un descoñecido, segue a predominar o castelan, (64%).
Do cal se deduce que está moi ben a política lingüística que se está a levar a cabo, reducindo en todos os ámbitos, especialmente no ensino, o uso da lingua galega... se o que realmente pretendemos é iso, fomentar desde as institucións, en todo o posible, esa redución.

domingo, 7 de agosto de 2011

Conclusións do Curso de Verán de Dinamización Lingüísica de Carballo

Entre o 20 e 22 de xullo celebrouse en Carballo o VII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística. Da man da web da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) chégannos estes apuntamentos sobre as conclusións do curso.

CTNL.apuntamentos Conclusions Cursoveran.xullo 2011

O idioma e a ideoloxía

por Xosé A. Gaciño, no Xornal:


Parece que non é só cuestión de idioma, aínda que quizais sexa a causa principal. Despois de todo, en Xornal de Galicia (agora de novo só xornal.com), coexisten harmonicamente galego e castelán, pero parece que tampouco iso é suficiente. Tamén conta a ideoloxía: a restra de publicacións que veñen desaparecendo total ou parcialmente (do papel a dixital) en Galicia desde hai pouco máis dun ano (o dixital Vieiros apareceu por última vez o 24 de xullo de 2010) teñen en común o emprego do idioma galego e a súa orientación progresista.
De acordo cos principios do capitalismo puro e duro, o da libre competencia no libre mercado da oferta e da demanda, a conclusión lóxica sería que non hai mercado para produtos xornalísticos con ese perfil ou que están mal feitos. Non parece que outros xornais teñan unha calidade superior (algúns dos de máis vendas son do máis aburrido) e pode que os lectores progresistas teñan desenvolto certa tendencia masoquista, despois de tantos anos de soportar unha gran maioría de medios conservadores.
Pero o caso é que o mercado non é tan libre como se di, que tampouco os medios conservadores e castelán-falantes poden sobrevivir só coas súas vendas, e que a publicidade e as subvencións se reparten con criterios subxectivos e, por suposto, idiomáticos e ideolóxicos.

sábado, 6 de agosto de 2011

Consumir galego

por Elías Pérez Sánchez no Galicia Hoxe:


Agora tocoulle ao Xornal de Galicia. Esta é a estratexia feijoniana. Non regar a árbore da cultura galega co fin de que lentamente, polo seu propio peso e coa seca, as ramas debilítense e provoquen o esborralle do froito caendo como froita madura ou podrecida, aos poucos, provocando un ruído xordo no chan. Antes foi o programa Onda Curta no que se proxectaban curtametraxes de realizadores galegos; despois Flocos.tv, filmoteca on-line gratuíta que ofrecía parte da produción cinematográfica de Galicia; no seu momento tamén desapareceu Destino Galicia, unha canle dedicada ao turismo galego que facía as delicias de calquera que se puxese diante da televisión; todos recordamos Vieiros, A Nosa Terra ou Galicia Hoxe. Tanto o audiovisual galego como os xornais, semanais ou revistas de pensamento en galego están lentamente, sen présas pero sen pausas, desaparecendo dos quioscos, da rede internet e das ofertas televisivas.
O que lles une a todos eles é o feito de ser produtos galegos e en galego, algúns con liñas editoriais diferentes ás ortodoxas demostrando o que xa é unha obviedade: que o goberno da actual Xunta detesta o pluralismo e o respecto cara ás raíces e manifestacións culturais dun pobo que é o seu. Moito se escribiu sobre este tema e, francamente, un servidor pouco máis pode achegar ao debate. Noutras ocasións tratei estes asuntos con rabia e indignación. Con todo, convén recordar que esta dereita e a cultura nunca mantiveron unha relación moi estreita. A cultura en xeral e a galega en particular é demasiado para esa xente. Non son capaces de dixerila.
Dicía arriba que a árbore da cultura galega está a perder as súas ramas e os seus froitos pola desidia e o desinterese patolóxico da Xunta. Pero convén ser coidadoso xa que hai un punto no asunto dos recortes orzamentarios no que un gobernante pódese pasar da raia e chegar a cortar as raíces culturais dun pobo, a súa lingua, os seus sentimentos e a súa historia. E renegar diso é como renegar de nós mesmos e dos nosos antepasados. E quedan aínda sectores sensibles á desaparición como son as editoriais galegas. Ao tempo.
Coñecida xa a aposta do PP pola cultura galega, convén que a cidadanía aposte decididamente polo consumo da cultura galega e en galego se desexamos que sobreviva ante a indolencia gobernamental. E é que nos xogamos nada menos que a perda da nosa riqueza cultural. Porque, entre outras cousas, tampouco a globalización axuda a preservala.

Henrique Monteagudo: 'O decreto de plurilingüismo é un paso atrás innecesario'

entrevista a Henrique Monteagudo no programa Bos Días da TVG do 04/08/2011:

null

venres, 5 de agosto de 2011

A Deputación de Pontevedra contra o galego


O Concello da Coruña terá na súa historia escura o asunto do empeño por deturpar o seu topónimo, actuando mesmo en contra de diversas sentencias xudiciais presentadas e gañadas sitemáticamete pola Mesa. Agora parece ser a Deputación de Pontevedra quen se apunta á moda de desprezar á nosa lingua, e por extensión, a todos os galegos. O primeiro capítulo deste novo vía crucis vén de ser escrito polo  Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra condena a Deputación provincial “ao exacto cumprimento da ordenanza referida coa íntegra publicación en galego do Boletín Oficial da Provincia (BOP), tanto no referido ao formato (...) como aos textos propios da administración provincial”.
Pode parecer curioso que a propia Deputación sexa quen noutras ocasións apareza como defensora e promotora do galego, pero niso consiste a actual vaga de ataques contra a lingua: dar boas palabras para a lingua, presentarse diante dos medios como defensores do galego e, a un tempo, atacala sistemáticamente de facto.
A Deputación, desde o BOP, renega da nosa lingua. Non é a primeira vez que temos noticia disto e de seguro que volveremos sobre o tema.

Menos mal que Marilyn Monroe está no museo de cera de Madrid

 Os medios de comunicación adican espazos destacados ás noticias principais, lugares menores ás que consideran de menor importancia e deixan ficar na escuridade aqueloutras que nunca chegan a difundirse neles.
O 4 de agosto do 2011, no Telexornal do mediodía, despois de informar sobre os temas de máis importancia por fin nos contan que no Museo de Cera de Madrid vén de ser instalada a seductora figura de Marilyn Monroe. A pobre muller leva morreu un 4 de agosto do 1962, hai exactamente 49 anos.
Hoxe tamén é o día do falecemento da edición do  Xornal de Galicia. Segundo a TVG esta nova é de menor importancia para os televidentes galegos pois só é comentada, moi brevemente, xusto antes dos deportes; e desaparece do Telexornal da noite.

O peche da edición en papel do Xornal é un triste titular co que deberían abrir todos os medios galegos hoxe. Como non deben quedar medios galegos, o único que destaca a nova é o propio Xornal. Velaí a razón fundamental do seu peche.
Menos mal que nos podemos consolar, ... visitando en Madrid a figura de cera de Marilyn

null

xoves, 4 de agosto de 2011

A voz precisa

por Néstor Rego Candamil, en Terra e Tempo:
Diante das circunstancias polas que está a pasar a imprensa en galego, podemos limitarnos á lamentación ou podemos mobilizarnos para reclamar unha mudanza das políticas públicas e, ademais, actuar. Isto é o que representa Sermos Galiza: a decisión firme de non ficar á espera. A vontade de axir para pór remedio a unha situación que progresivamente está a empobrecer o panorama da comunicación na Galiza e a deteriorar aínda máis a condición da lingua nos medios e, por tanto, na sociedade.

mércores, 3 de agosto de 2011

Queremos galego ou impoñemos galego?

Relatorio de Iván Méndez, do Servizo de Normalización da Universidade da Coruña, no Curso de Verán de Dinamización Lingüística (Re)pensando o discurso celebrado en Carballo o pasado mes de xullo. A pesar do que di o autor, que está sen rematar, cómpre dárlle un par de lecturas con vagar porque explica con moita claridade os vieiros polos que debemos camiñar se queremos realmente normalizar a nosa lingua.


CTNL.Queremos galego ou impoñemos galego.Iván_Méndez. xullo_2011

Co peche do 'Xornal de Galicia' desaparece o galego da prensa en papel


Neste blogue, á dereita, hai un epígrafe de ligazóns adicado a Medios (esencialmente en galego) que cada vez fica máis adelgazado. Isto non é máis que un triste síntoma de en que consiste a política lingüística que está a desenvolver o aniquilador goberno galego.
Tal e como comentan desde o Colexio de Xornalistas,

A fin da edición en papel de Xornal de Galicia incide nunha senda perigosa para a información en Galicia que, con este peche e os anteriores de Vieiros, A Nosa Terra ou A Peneira, perde lentamente o espazo comunicativo propio que tanto custou construír.


Segundo a propia dirección do Xornal os motivos do peche substéntase, como nos outros casos, na falta de apoio institucional. Un apoio institucional que si vai para os medios en castelán. Os cartos dos nosos impostos sí teñen lingua, e non é a nosa.
No ámbito socioeconómico é ben sabido que o galego hai ben de tempo que, agás excepcionais casos aillados, está excluído. A Xunta para aforndar nesta desfeita aproba unha lei de comercio sen ningunha referencia á normalización lingüística.
Como o aspecto máis normalizado da nosa sociedade é o do ensino, a Xunta destroza o traballo realizado nos últimos 30 anos coa aprobación do funesto decreto 79/2010 que pon mil e un atrancos ao uso do galego na escola. E para que seguir?, este goberno non fixo outra cousa desde o seus inicios que poñerlle cancelas á nosa lingua.
E como sempre, a SXPL, cala diante de todas estas accións contra a lingua e, mediante a mentira, procura presentar como un avance todo o que é retroceso.

P.S.: Está claro que o goberno galego actúa claramente contra a Lei de Normalización Lingüística que proclama no seu artigo 19 que 'o Goberno Galego prestará apoio económico e material  aos medios de comunicación que empreguen o galego de xeito habitual e progresivo' 

martes, 2 de agosto de 2011

Presentación de 'Como defenderes os teus dereitos lingüísticos' no Festigal

Presentación no Festigal do libro de Carlos Callón "Como defenderes os teus dereitos lingüísticos". Participan  Manuel Bragado, director da editorial Xerais, Carlos Outeiro, responsable da Mesa de Ferrolterra, Dalila Dopazo, maxistrada do social de Lugo,  Anxo Louzao, secretario xeral da CIG-ensino, e o propio autor.
Vía Brétemas


Presentación do libro "Como defenderes os teus dereitos lingüísticos" from Redelibros on Vimeo.

luns, 1 de agosto de 2011

Sermos ou non sermos. Eis a cuestión

por Xosé Ramón Freixeiro Mato, no Terra e Tempo:

Somos moitas as persoas galegas que nos sentimos identificadas cunha historia, cunha cultura e cunha lingua propias, persoas que nos sentimos posuidoras dunha identidade a que non queremos renunciar e que estamos comprometidas coa súa preservación. A estas persoas únense outras moitas que, sen teren consciencia tan clara desa identidade diferencial nin se sentiren especialmente comprometidas na súa defensa, teñen aquí as súas raíces e mostran vontade de seren galegas e de exerceren como tales. E aínda existe outro grupo importante de persoas que, sen seren galegas de nación, moran entre nós e asumen o dereito a existirmos como pobo con características de noso. Hai, de certo, outras persoas, nadas ou non en territorio galego, que teñen distintos sentimentos identitarios ou que subordinan a condición de galegos e galegas a identidades diferentes. Todas en conxunto, en unión co territorio, a historia, a cultura, a lingua ou as tradicións, constituímos a Galiza, vella nación europea definida constitucionalmente como nacionalidade histórica, isto é, comunidade nacional historicamente conformada.

A Galiza, pois, existe. E, como existe, ten dereito a continuar a existir. Mais para isto é preciso que as persoas que acreditamos nela e no seu porvir deixemos ouvir a nosa voz na súa defensa e nomeadamente na defensa do seu principal sinal de identidade, a lingua galega, sen a cal esa Galiza do futuro resultaría inviábel. Porén, semella evidente que non todas as persoas nin grupos sociais poden facer ouvir a súa voz; na realidade, só o poden facer con eficacia aqueles que posúen medios de comunicación propios. E por regra xeral hoxe na Galiza os medios de comunicación están nas mans de persoas ou grupos que non acreditan na condición nacional da Galiza nin no futuro do seu idioma propio (e que por tanto non o utilizan), de modo que neste momento hai un amplo sector da sociedade galega, precisamente aquel que acredita na nación e que está comprometido co uso da súa lingua, que non se ve reflectido nos medios existentes, isto é, que carece de voz perante o conxunto da sociedade galega e do mundo. Ben sabemos a importancia, na sociedade actual, do acceso aos medios de comunicación, tanta que xa se converteu nun tópico o dito de que o que non sae nos medios é como se realmente non existise. Mais a nación galega existe, a lingua galega existe, e tamén existe o nacionalismo galego. No entanto, fáltalles a voz, a voz que a Galiza precisa, que o idioma galego precisa, que o nacionalismo galego precisa. Termos ou non termos voz hoxe equivale a sermos ou non sermos. Eis o dilema.

Após 300 anos de silenciamento da lingua galega na escrita, no século XIX uns poucos galeguistas, con poucos recursos, foron quen de crearen algúns medios escritos na nosa lingua, como A Monteira en Lugo ou O Tío Marcos da Portela en Ourense. No século XX apareceu e reapareceu A Nosa Terra, fundouse a revista Nós, máis tarde Grial etc., todas elas nunhas circunstancias de grande precariedade e mesmo en contextos políticos de ausencia total de liberdade por momentos. Algunhas perviviron no tránsito intersecular e así comezamos o século XXI coa presenza nos quiosques e librarías de publicacións como A Nosa Terra, Galiza Hoxe, A Peneira, Tempos Novos ou Grial. Alén destas dúas últimas, de contido máis cultural e periodicidade dilatada, que aínda perduran nestes momentos xunto con algunha outra publicación académica especializada, o vendaval político que se produciu na Galiza en marzo de 2009 e que nos deixou un goberno lingüicida foi arrasando con todas elas, até podermos afirmar que na actualidade non existe ningunha publicación diaria ou semanal en lingua galega.

Adentrámonos, pois, na segunda década do século XXI sen xornais nin semanarios en letra impresa na nosa lingua -tamén os dixitais son escasos, eis o encerramento de Vieiros-, nunha situación tan deficitaria que nos retrotrae a épocas recuadas da nosa historia. E isto acontece nun momento en que a Galiza posúe institucións propias de autogoberno que teñen a obriga legal de apoiaren e promoveren o uso do galego nos medios de comunición, tamén escritos. Prodúcese, por consecuencia, unha clara irresponsabilidade institucional e mesmo un quebrantamento da legalidade. Mais isto non pode servir de escusa para que as persoas que nos sentimos nacionalistas ou galeguistas e que queremos medios de comunicación en lingua galega nos manteñamos na pasividade, sen tentarmos mudar unha realidade tan adversa. Somos menos ou somos máis que os nosos devanceiros que crearon medios en galego? Temos menos ou temos máis posibilidades e recursos materiais para enfrontarmos a empresa requirida? A resposta parece clara: somos moitas máis persoas e posuímos moitos máis medios económicos. Alén das que militan en organizacións políticas, sindicais ou culturais de carácter nacionalista -ben máis de 100.000 felizmente-, existe hoxe un amplo grupo de profesorado de lingua galega en todos niveis educativos -talvez uns 3.000?- e moito máis profesorado doutras materias que ten a obriga legal -e ética- de impartir docencia en lingua galega, igual que acontece con todo o funcionariado da Administración autonómica, que debe coñecer e usar o idioma propio por imperativo legal e moral -viven dun exercicio profesional que deriva da existencia dunha comunidade política sustentada basicamente na posesión dunha lingua propia-; entre este persoal temos de contar nomeadamente aquel que traballa na radio e na televisión públicas da Galiza, que cobra un salario por usar o galego e porque o galego existe.

Todas estas persoas sumamos miles e miles; e moitas -trinta mil, cincuenta mil, setenta mil ou se callar cen mil segundo os casos- xa temos ateigado as rúas compostelás en defensa e reivindicación da lingua galega, con expresa invocación nalgunha ocasión á necesidade de termos medios impresos na nosa lingua. Nunca houbo historicamente tal potencial humano en prol do idioma e, paradoxalmente, ficamos sen medios escritos que o utilicen. É posíbel que toda esta masa crítica non sexa quen de soster un grupo de comunicación propio que, utilizando a lingua galega, defenda esta e defenda tamén o país no seu conxunto? Será que aquelas persoas que traballan coa lingua galega, que militan en organizacións creadas para a defenderen ou que cobran un salario porque esta aínda existe rexeitan recibir información nesa mesma lingua e, por tanto, están dispostas a compraren un xornal en español mais non no idioma que saen a defender? Isto non semella críbel. Por que non rexeitan igualmente a información audiovisual que lles dan en galego a RG e a TVG, que gozan dunha audiencia considerábel? Ten de haber outras razóns que o expliquen, pois tamén non posúe forza suficiente o argumento da secular carencia de alfabetización en galego após catro décadas de ensino obrigatorio nesta lingua e de centos de cursos de formación realizados por miles de persoas. Ocórrenseme dous posíbeis motivos: rutina, desleixo e ausencia de compromiso real na defensa do galego, por unha parte, ou oferta insuficiente e inadecuada de produtos informativos en galego até ao momento, por outra. Se callar, o máis probábel é unha mestura dos dous.

Bon, pois nestas circunstancias unhas cantas persoas constituíronse en promotoras dun grupo de comunicación en galego e comprometido coa Galiza. O proxecto nace so a denominación de Sermos Galiza porque en certo modo diso se trata, da vontade de continuarmos a manter a existencia da nación galega, para o cal se precisan, a noso ver, dous requisitos fundamentais, ambos interdependentes: a conservación da lingua propia e a existencia de medios de comunicación que acrediten na Galiza e que se comprometan co seu futuro. O que fai este grupo é lanzar o proxecto e convocar a sociedade galega para que o apoie e faga viábel. No estudo de viabilidade económica en que o proxecto se sustenta fálase de que se precisan 3.000 subscritores, por unha parte, e, por outra, accionistas que reúnan un capital inicial de 300.000 euros. Con isto poderiamos ter nun prazo curto de tempo un semanario en papel e un diario dixital, coa porta aberta a novas metas no futuro de a resposta social ser positiva. Non parece en principio difícil nin moito menos imposíbel -non debería selo- reunir as persoas precisas (arredor de 6.000 na opción máis popular e participativa, a metade subscritoras e a metade accionistas, aínda que o normal é que en moitos casos coincidan), entre todos aqueles miles de que antes falabamos, para pór o proxecto en marcha. As cantidades son modestas: tanto o prezo da subscrición anual ao semanario (uns 160 euros) como as accións a 100 euros cada unha deberían posibilitar que se puidesen reunir esas 3.000 persoas requiridas para cada un dos obxectivos económicos. Fomos moitas máis as que nos manifestamos en defensa do galego hai uns cantos meses e tamén moitas máis as que ateigamos a Praza da Quintana este último 25 de xullo, hai só uns días, en reivindicación da nosa identidade nacional. Infelizmente, non todas teñen unha situación económica favorábel, mais moitas outras si podemos, aínda que sexa facendo un esforzo. Nós temos, pois, a palabra. 

Se realmente hai vontade e compromiso, a tarefa semella doada. En Euskadi, cando clausuraron Egin, ao día seguinte reuniuse o diñeiro preciso para un novo xornal. Nós non precisamos tanto. Mais ben sabemos que as persoas nacionalistas galegas somos moito críticas e inconformistas; como dixera Rafael Dieste, a crítica está ben, mais tamén debemos fuxir do hipercriticismo destrutor que aniquila calquera posibilidade de construción en común; deseguida tendemos a deostar un proxecto afín (político, cultural, lingüístico, comunicativo etc.) por algún pormenor de que non gostamos, en canto nos mostramos máis comprensivos cos que nos son alleos ou mesmo hostís. Con certeza, todos os proxectos e empresas colectivas, tamén as nacionalistas, teñen e van ter  deficiencias e imperfeccións, pois non existe a obra perfecta. No entanto, debemos ser máis flexíbeis e tolerantes coas iniciativas do noso ámbito ideolóxico, máis comprensivos en definitivo coas entidades e persoas que son ideoloxicamente próximas e que traballan por obxectivos comúns. Neste sentido, temos de admitir a urxencia e a necesidade dun grupo de comunicación en galego imprescindibelmente plural e con vocación de permanencia, en que todas as sensibilidades nacionalistas se sintan reflectidas, mais onde non existan constrinximentos para o desempeño dun labor xornalístico profesional, crítico e transformador. Iso si, feito nun galego de calidade e con futuro, non sexista e aberto ao mundo de expresión galego-portuguesa.

De non axirmos así e de nos mostrarmos en exceso reticentes, pouco xenerosos e hipercríticos cos nosos propios medios de comunicación en canto compramos e lemos os alleos (en español, de certo), estaremos a servir os intereses destes e estaremos a renunciar ao futuro da nosa lingua e da nosa nación. De nós depende, pois, sermos ou non sermos informativamente dependentes, sermos ou non sermos unha nación cos seus propios medios de comunicación. 

En fin, sermos ou non sermos Galiza.

Ensino plurilingüe: o que debería ser

por Eduardo García Parada, no Terra e Tempo:

A ensinanza plurilingüe non foi inventada polo actual conselleiro de Educación. Isto convén aclaralo previamente, pois como todo no goberno Feijóo véndesenos unha cousa a través dos seus medios de comunicación (ou sexa case todos) cando ou non é certa ou van facer o contrario do que pregoan. A ensinanza plurilingüe nas escolas tal como se entende hoxe en día é unha tendencia pedagóxica a nivel mundial e baséase na metodoloxía CLIL, chamada de diferentes maneiras en diferentes partes do mundo atendendo as diferentes tradicións pedagóxicas e aos diferentes contextos lingüísticos.

A Lei Orgánica de Educación establece como obxectivo para o ensino obrigatorio que o noso alumnado sexa plurilingüe conseguindo a competencia cando menos nas linguas oficiais e nunha lingua estranxeira. O marco europeo común de referencia para as linguas é xa do ano 2002. As linguas non son compartimentos estancos no noso cerebro, senón que se relacionan entre si e interactúan, tendo as que teñen presenza maioritaria nas nosas escolas (galego, castelán, inglés e francés) elementos comúns que se poden compartir e facilitan a súa aprendizaxe. De feito, deberíase promover a coordinación entre o profesorado específico de linguas para planificar a súa aprendizaxe e atender de xeito común ao que as linguas teñen de común entre si. Ademais, debería asegurarse -na miña opinión- nas idades máis temperás de escolarización a aprendizaxe do galego a aqueles nenos e nenas procedentes de contornos castelán falantes, pois non esquezamos que actualmente o único alumnado realmente bilingüe (galego-castelán) no noso país é aquel que entra na escola co galego como lingua materna.

A metodoloxía CLIL (Content and Language Integrated Learning), na que se basean as chamadas "Seccións Bilingües" e os "Centros Plurilingües" dos nosos centros escolares, consiste na aprendizaxe integrada de contidos e lingua, nomeadamente unha lingua estranxeira, ainda que tamén pode ser unha lingua oficial (por exemplo catalán para inmigrantes en Cataluña). Basicamente consiste en utilizar unha lingua estranxeira en materias non lingüísticas, como a Física e Química ou a Música. En Galiza, non se segue polo de agora ningún criterio na elección das materias nin das escolas. Depende exclusivamente da dispoñibilidade de profesorado formado (escaso) e de que teñan a vontade de facer ese esforzo. Este tipo de ensinanza estaba até agora case de xeito exclusivo en mans de colexios privados de elite, referíndome co de "elite" a que o alumnado provén fundamentalmente de familias de elevados recursos económicos. En certa medida, o CLIL democratiza o acceso a este tipo de ensinanzas, desposuindo aos colexios privados da exclusividade.

A ensinanza CLIL refírese á integración das catro "C": Contidos, Comunicación, Coñecemento e Cultura. O elemento cultural é fulcral. Debemos fuxir da idea do idioma inglés, actual lingua franca da nosa sociedade global, como monstro homoxenizador que devora as linguas e culturas minorizadas para impoñer uns xeitos de vida, sociais e culturais determinados. Debemos ademais loitar contra ela. En todo caso, son os modelos económicos e de poder dominantes os que nos colonizan; as culturas e os pobos sempre nos enriquecen. A C de Cultura na ensinanza CLIL tamén se pode substituír por Cidadanía ou Comunitarismo. Aprender sobre outras culturas é moito máis que coñecer os seus costumes, receitas de cociña ou estereotipos. Significa comprendérmonos a nós mesmos como pobo e a nosa relación con outras culturas, presentes no noso país ou non. A interculturalidade significa intercambio, interacción e cooperación entre culturas, poñendo en valor as semellanzas e considerando a diferenza como elemento enriquecedor. Non debemos -nin podemos- pecharlle as portas. Non podemos terlle medo. 

A lingua estranxeira fai de mediadora intercultural e de posibilidades laborais de calidade. Un bo dominio dela proporciónanos a suficiente confianza e autoestima para abrirnos ao mundo, ao mundo global no que vivimos; o mundo de hoxe nada teñen que ver co de hai tan só uns anos: internet, a facilidade para viaxar e a rapidez nas comunicacións, os movementos de seres humanos por traballo, estudos, relacións... Debemos velo como unha ocasión para poñer en valor a nosa lingua, pois desde o global e desde a aceptación e a comprensión doutras culturas, as novas xeracións poden estimar o que teñen de seu, a riqueza cultural que atesouran e que nos fai singulares no mundo, eliminando o autoodio e desprezo polo noso. E ademais, tendo en conta a escasa produción e tradución de contidos en galego en internet, na comunicación audiovisual e incluso escrita, o dominio da lingua estranxeira permítenos acceder a moita información á que doutro xeito só poderiamos achegarnos -só a unha parte- en castelán, o que na miña opinión é ainda máis devastador para o noso idioma.

De novo o galego no punto de Mira. Estamos nun novo tempo educativo que chega sen que poidamos evitalo. Non podemos ficar inmóbiles. Son as políticas antigalegas e galegofóbicas de Feijóo, Vázquez Abad e os que executan e consenten o seu desprezo e ataque á nosa lingua (como Anxo Lorenzo) os que nos fan desconfiar da potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras. 

O fundamental é ter claro que o galego é a lingua débil fronte ás linguas do poder, quer castelán quer inglés, pero que somos nós, os galegos e galegas os que debemos querer e apreciar a nosa lingua e a nosa cultura, os que debemos "empoderala". E cando menos, os que debemos esixir e contribuír a que as novas xeracións adquiran plena competencia nela para poderen usala con orgullo e dignidade. Debemos ver este xiro como unha nova oportunidade perante un proceso esgotado e unha lexislación actual moi agresiva e involucionista co noso idioma. Novos tempos, novos xeitos de seguir loitando

Galego-fobia

por Susana de la Gala no Galicia Hoxe do 29/07/2011:


As fobias cóllense por ansiedade. Unha crianza pérdese nunha gran superficie e co tempo pode desenvolver un medo ás multitudes. Non sei que fixemos os galegos e galegas para xerar esa reacción psicofísica en certas persoas. Aínda que teño uns cantos indicios. En primeiro lugar, a percepción da diferencia: os españois vennos como ‘raros’, por falaren unha lingua antiga, non bailar sevillanas e non lidar touros. En cambio, os turistas achéganse á nosa hostalería, á nosa xente, e asómbranse da proverbial amabilidade e xenerosidade para co estranxeiro. Facémoslle a estadía máis agradable do que nunca pensaran: "coma señor, coma, non se quede con fame". E cando fóra de Galicia se atopan cun galego ou galega lémbranse desa cordialidade, desa lingua, e pensan que é boa terra e boa a súa xente.
Non é casualidade que en Castela e Andalucía os galegos e galegas sexan pouco valorados, mentres que en Suíza e Alemaña teñan tan boa imaxe de nós. Pasa igual nas parroquias rurais: os veciños de cerca son máis temidos que os que non poden observármonos dende o lonxe. Así que os españois con celme castizo espántanse de que sexamos particulares, de que teñamos feitos distintivos, de que o noso patrimonio material e inmaterial sexa tan rico e diverso. E debuxan unha caricatura de nós que, de cando en vez, algún dos nosos fai súa. Por iso non hai cousa peor que o auto-odio: crer de boas a primeiras a imaxe que outros, pouco empáticos, quixeron pasar por verdadeira. As críticas escóitanse e despois se esquecen. Porque, que somos se vivimos como outros nos din que debemos vivir?

venres, 29 de xullo de 2011

Bilingüismo hipócrita

Nin equilibrado nin harmónico, o adxectivo máis acaído para explicarmos o bilingüismo en Galicia é hipócrita.
Non fixen grandes estudos para chegar a esta conclusión, tampouco consultei manuais de sociolingüística nin as estatísticas da RAG ou do Instituto Galego de Estatística. Decateime de súpeto desta evidencia o domingo pasado cando fun á compra ao mercado de Cee, e supoño que calquera que esté un pouco atento pode contar capítulos semellantes ao que relato aquí e que demostran ben claramente como se desenvolve a relación entre o galego e o castelán na sociedade galega. No caso de estar eu no certo estaríamos diante dunha sociedade enferma de hipocrisía que cómpre tratar desvelando aquelo que se oculta continuamente para que abrolle a realidade espida de finximentos pois unha sociedade hipócrita é unha sociedade autodestrutiva.
En Cee hai feira os domingos. A vila énchese de xente e nun dos postos de peixe do mercado estabamos moitos agardando o turno. Levaba polo menos dez minutos agardando. Foi cando a dependenta da pescadería limpaba unha pescada do pincho cando unha muller cunha chaqueta vermella se achegou pola miña dereita e berrou abrouxándome o oído:
- Mira, perdona. Sólo quería saber a cuanto están los bueyes.
- A diez el kilo -contéstalle a dependenta sen deixar o seu traballo. Todos nos enteramos do prezo do marisco.
Ao pouco a parella da muller da chaqueta vermella xúntase ao grupo e, en voz baixa, que eu puden oir por estaren á miña beira:
- Que? levamos bois?
- Non. Están a des. Non sei que che parese,.... será mellor procurar outra cousa - contestoulle ela. E marchan ao tempo que chega un home con botas de auga e cunha caixa de xelo. Entra no despacho e repárteo entre as caixas expostas.
- Le parto la cabeza a la mitad? - preguntaba en voz alta a peixeira á clienta que estaba atentendo nese momento.
- ... si. Mejor si. A la mitad.
O home das botas de auga murmúralle á peixeira ao marchar cando pasa ao seu carón:
- Coidado co machete, que está ben afiado.
- Xa teño conta, xa teño - respóndelle ela, tamén moi en baixo. Entón diríxese cara a min e continúa, pero agora falando claro e alto:
- Es usted el siguiente, no?

xoves, 28 de xullo de 2011

Problemática das linguas sen normalizar. Situación do galego e alternativas

Libro da AS-PG editado por Xistral no15 de marzo 1980, na véspera da celebración da marcha sobre o Foxo (A Estrada) baixo o lema "polo uso irrenunciabel do noso idioma, contra o decreto de bilingüismo", convocada pola Asamblea Nacional de Ensinantes de Galicia.
Autores: Luís V. Aracil, profesor de sociolingüística da Universidade de Barcelona,  María Pilar García Negro, profesora no Instituto Eusebio da Guardia, Francisco Rodríguez, profesor no instituto d´A Estrada, Pilar Vázquez Cuesta, profesora da Universidade de Salamanca, e Carvalho Calero, profesor da Universidade de Santiago.
Un libro para ler coa perspectiva dos 31 anos xa pasados desde a súa publicación.

martes, 26 de xullo de 2011

Entre bois

Unha de Davila que me quedara no arquivo desde hai ben de tempo pero que desafortunadamente sempre é actual:

luns, 25 de xullo de 2011

Ángel Carracedo, ciencia en galego

Acabo de poñer aquí abaixo un post sobre as Medallas de Galicia. Este ano danlle unha a Ángel M. Carracedo, director do Instituto de Mecidina Legal da USC. Todos os recoñecementos son poucos para este científico galego que se sinte orgulloso de o ser.
Cantos outros sabios galegos colaborarian nunha campaña como a de En galego tamén se fai ciencia?


Ángel Carracedo from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.