Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 14 de setembro de 2011

Nel Vidal: 'Nun ano dramático para a normalización Anxo Lorenzosó pode dimitir'

Entrevista a Nel Vidal, presidente da CTNL, no Xornal:


Nel Vidal (Ribeira, 1980) é dende 2007 o presidente da Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística (CTNL). Esta asociación enviou a semana pasada un comunicado no que esixía a dimisión inmediata de Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística, tras coñecerse que o seu departamento suspendía as axudas para a promoción e fomento da lingua nos concellos. Para Vidal, o secretario xeral xa non ten "credibilidade" e considera que a súa marcha é a única saída que lle queda. Ademais, Vidal afirma que o ano 2011 está a ser "un ano dramático para a normalización lingüística" e que as axudas para o fomento do galego nos concellos pasaron de 800.000 euros en 2008 aos 420.000 euros de 2011, ano no que por vez primeira en dúas décadas estas subvencións quedan anuladas.
No comunicado que enviou a Coordinadora a semana pasada sinalábase que a suspensión destas axudas podía supoñer a desaparición dos servizos de normalización lingüística en varios concellos. De cantos técnicos podemos estar a falar?
Non podemos precisar a cifra exacta, pero esperamos que sexan os mínimos posibles e que, a poder ser, non haxa ningún despedimento. Pero as consecuencias son moi graves. Por un lado, aXunta anunciou que van sacar as axudas de novo con cargo a 2012, pero como é lóxico os concellos non investiron este ano os cartos que aínda non lles concederon. Facelo sería unha irresponsabilidade. Irresponsabilidade que, por outro lado, cometeu a Xunta co Fondo de Compensación do Estado. Esa irresponsabilidade foi a que nos levou a esta situación. Se neste 2011 non se van conceder esas axudas para a normalización, os propios concellos non van levar a cabo actividades de normalización  con cartos que lles vaian dar, supostamente, en 2012. É totalmente imposible. Aínda que a Xunta lles deixe xustificar gastos a cargo de 2012, xa é tarde. O ano está perdido. Toda esta situación lévanos a que moitos concellos estivesen agardando pola resolución das subvencións para levar a cabo actividades de normalización e mesmo para contratar técnicos. Se non hai resolución, como non vai haber neste ano, nin haberá actividades nin contratación. Os concellos mantiveron contratos de técnicos de normalización esperando que chegasen estas axudas que, finalmente non vai haber. É posible que moitos consistorios acaben por prescindir dos técnicos. Dende a Coordinadora, pedímoslles aos concellos que fagan un esforzo para manter estes postos de traballo
No seu comunicado, a Coordinadora denunciaba que esta liña de axudas descendera considerablemente nos últimos dous anos, dende que o PP chegou ao Goberno. De que cifras estamos a falar?
Os cartos que lle dedicou a Xunta en 2008 foron 800.000 euros e agora falamos de 420.000. O ano pasado foran 600.000 euros. Agora estamos xa coa desaparición total destas axudas. As consecuencias que podemos ver é que agora hai menos concellos con servizos de normalización lingüística que en 2008 e os que hai son financiados en moitos casos pola Deputación da Coruña, non pola Xunta. Nestes momentos non sabemos que vai pasar o ano que vén coas axudas da Deputación, polo que as consecuencias poden ser aínda máis dramáticas.
A Coordinadora pedíralle a Política Lingüística nas últimas semanas información ao respecto destas axudas cuxa convocatoria se fixo en marzo. Vostedes acusan a Xunta de negarse a facilitar información ao respecto. Que pasou?
Non contestaron as nosas preguntas, nin sequera nos deron respostas de cordialidade. Reclamamos información ao correo xeral de Política Lingüística. Ao ver que non respondían, decidimos comunicarnos coa xefatura de gabinete, coa subdirectora xeral de Política Lingüística e tamén co propio Anxo Lorenzo. Isto dende o mes de xullo. Nin sequera tivemos unha mínima contestación de cordialidade. É incrible e inaudito, xa que sempre houbo un contacto normal. Un contacto como o que ten que haber  entre o departamento de Política Lingüística, responsable de coordinar os servizos de normalización, e a entidade que aglutina os traballadores de normalización lingüística.
É o 2011 un ano perdido no ámbito da promoción da lingua nos concellos?
Poderíase definir directamente como un ano dramático. Oxalá fose simplemente un ano perdido! Pero cando os retrocesos son tan grandes e non se toman un mínimo de medidas, estase a producir un  grave retroceso. É un ano dramático con consecuencias que estamos vendo e sufrindo. Neste sentido, hai que engadir que tamén resultou vergonzoso e impresentábel que o señor Anxo Lorenzo estivese dous anos presentando a Rede de Dinamización Lingüística ao mesmo tempo que se reducían as axudas aos servizos de normalización. Ao final mesmo chegamos á suspensión total das axudas. É incoherente que se presente esa rede e que se fomente que pechen os servizos de normalización, porque iso é o que está a pasar. Ademais, os concellos foron chantaxeados por Política Lingüística coas axudas deste ano que finalmente non se van dar. Foron chantaxeados, porque nunha das bases se recollía que aqueles concellos que se unisen á rede ían recibir máis cartos. E agora suspéndense as axudas! Os concellos que caeron nesa chantaxe deberon quedar con cara de parvo. Anxo Lorenzo perdeu xa a escasa credibilidade que tiña, xa non é o interlocutor válido para representar a administración autonómica neste eido. Só ten unha saída: dimitir. Se está de acordo con que a Xunta anule estas axudas, ten que marchar. Se non estaba de acordo e as anularon, ten que marchar. Lorenzo só pode dimitir.
Precisamente Anxo Lorenzo cualificou de "noticia lamentable" que o seu departamento tivese que eliminar esas axudas e culpou o Estado. Válelle esta explicación?
É unha explicación ridícula. A competencia de normalización lingüística e a responsabilidade de fomentar a lingua na administración local son do Goberno autonómico. Se a Xunta non soubo facer ben as contas ou incluíu no apartado de ingresos cartos que non tiñan, é culpa dos malos xestores da administración galega. Que non lle boten a culpa a ninguén e, sobre todo, que non llo fagan pagar a lingua

martes, 13 de setembro de 2011

CGENDL: nova bolsa de actividades

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización de Dinamización Lingüística (CGENDL) preséntanos para este comenzo de curso unha nova bolsa de actividades para a normalización no ensino non universitario.
Ésta é unha páxina aberta pois nela iranse incorporando todas aquelas actividades que sexan recibidas pola CGNDL na seguinte conta de correo: correo[arroba]coordinadoraendl.org


A Coordinadora confímase como un referente esencial para a normalización no ensino. Non sucede o mesmo con algunha outra institución que presume acotío de ser o garante da defensa do galego e que non realiza outra actividade máis que a de ser escaparate do seu máximo representante.

luns, 12 de setembro de 2011

A viaxe de Hércules

A viaxe de Hércules é a viaxe de achegamento ao galego do profesor andaluz Domingo Ruiz Pineda. Producida polo IES Perdouro de Burela e realizada por Matías Nicieza. Obra vinculada co Modelo Burela de Planificación Lingüística.
 
Chegoume desde os incansables vieiros da CGENDL

domingo, 11 de setembro de 2011

Nin un céntimo para o galego

Desde hai 18 anos a Feira de Artes Escénicas era o escaparate do teatro galego que servía para que as compañías presentaran as súas propostas aos progamadores culturais. Na Feira establecíanse os contactos fundamentais para asegurar os proxectos da nova temporada da  industria teatral galega. Nun momento en que é imprescindible apoiar os proxectos empresariais, a Xunta decide non organizar a Feira coa desculpa da falta de presuposto: precisaríanse 160.000 € e actualmente só se dispón de 50.000. Porén esa mesma Xunta non ten ningunha dificultade para desviar fondos (225.000 €) a un Festival das Rías Baixas celebrado o pasado mes de xullo e que, agás o contrato de Ana Belén ou Sancho Gracia, nada aportou ao fomento da cultura propia.
Hai 20 anos que se viñan concedendo axudas ás editoriais para a elaboración de libros de texto en galego. Para as editoriais non é negocio ningún, agora menos que nunca, cando se acaba de reducir drásticamente a presenza do galego grazas ás virtudes do decreto de plurilingüismo. Este ano, nin axudas ao sector dos libros que fai o esforzo de innovar e apostar polo galego. Será outra vez por cartos? Non é creíble. O presuposto para este apartado estaba xa enormemente reducido: 400.000 €.
Outras axudas cunha tradición de 20 anos son as que se concedían aos concellos como aportación ao incentivo na normalización lingüística. Neste caso o cinismo chega a límites paroxísticos. Tanto os membros do seu gabinete como o propio Anxo Lorenzo, o responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), a entidade convocante  das axudas, negáronse a darlle información sobre a resolución das mesmas á Coordinadora de Traballadores para a Normalización da Lingua só uns días antes de que publicaran a supresión das mesmas.
Para máis INRI, a política de normalización lingüística para os concellos mudou completamente de dirección desde hai un ano coa publicación da orde que desenvolve a creación da Rede de Dinamización Lingüística. A día de hoxe esta rede é un espectro que só ten existencia nas letras do DOG que a creou. Se temos os folgos suficientes podemos ver os paseos de Anxo Lorenzo visitando concellos facendo propaganda da presunta Rede. Na última destas visitas foi recibido por Gerardo Conde Roa,  alcalde de Santiago que sempre se mostrou moi reticente tanto ao uso como á defensa da lingua galega. Esta entrevista tivo lugar o pasado día 8 e foi destacada desde a SXPL como unha importante achega ao apoio da Rede. Un día antes, o 7, é a data da suspensión das axudas á lingua nos concellos. O presuposto para este capítulo era de 450.000 €. A suma do total retirado é de 850.000 €.
 Hai un ano Anxo Lorenzo declaraba que se retiraba a campaña de propaganda do decreto de plurilingüismo (944.989  €) "por motivos políticos", non presupostarios. Todo o mundo comprenderá que o apoio aos concellos ou ás editoriais é moito máis prioritario que unha campaña publicitaria.  É de supoñer que a función de programar os orzamentos da SXPL é unha das principais funcións do seu responsable. Por esta razón conclúese que Anxo Lorenzo alcanzou uns niveis de falsidade e cinismo que só vai poder superar se el mesmo continúa no cargo.

sábado, 10 de setembro de 2011

Escolma. A Xunta retira as axudas aos libros galegos e á normalización nos concellos


Houbo moitos outros ataques obrados por esta Xunta, pero o  primeiro  paso de grande envergadura en contra do galego foi a aprobación do funesto decreto 79/2010, chamado de plurilingüismo. Vén de consumarse un segundo coa eliminación dos orzamentos destinados ao apoio da edición de libros de texto en galego e á normalización lingüística nos concellos.


Tamén hai novidades sobre as mentiras do Conselleiro de Educación encol do anunciado apoio da comisaria da UE ao decreto de plurilingüismo:



venres, 9 de setembro de 2011

Ser ou non ser

Todo o que reflexionara durante máis de cinco minutos no asunto da normalización sabe o o primeiro chanzo que hai que pisar é o da identidade. An Alfaya explícanolo moi ben neste artigo d´A Nosa Terra:
Non é o mesmo ser galego que sentirse galego. Ser galego vén sendo aquel que nace nun territorio chamado Galicia, aínda que logo non implique necesariamente que utilice o idioma galego como vehículo de comunicación. Porén, dáse o caso de quen nacendo ou non en terra galega, chega a sentir a lingua como propia, incorporándoa ao seu contorno cotián como xeito de expresión verbal ou escrita. Daquela, sentirse galego dános unha clave de identidade, mais tampouco impele a levar tatuado un código de barras na fronte, senón que agroma do íntimo e logo emerxe cara ao universal. Sentir a lingua galega supón aprehendela cos cinco sentidos. Obríganos a defendela dos envites  alleos coa razón e co corazón, tal coma se na tarefa nos fose a vida de quen amamos por enriba de nós mesmos, porque coa súa morte esmorece a nosa ilusión polo presente e a nosa esperanza polo futuro da nosa Cultura. Porén, se un pon os ollos, as orellas, o nariz, a lingua e a pel nas palabras autóctonas, de súpeto espertan os recendos, os sabores, as cores, as texturas e a musicalidade dos vocábulos, é dicir, os motores da degustación lingüística. Porque as nosas palabras son seres orgánicos, e coma tales nacen, medran, nútrense, desenvólvense, e tamén murchan ou desaparecen se caen no limbo do esquecemento dos transmisores e dos oíntes. Co desuso corren o risco de mudar en pura arqueoloxía, de transformarse en obxectos de museo conservados en formol, gardados en urnas de cristal, fosilizados, dispostos para ser analizados e espertar a curiosidade das xeracións vindeiras. Os medios de comunicación, os poderes públicos e o conxunto da cidadanía deben entender que protexer o galego é un deber e un dereito dende calquera parcela ou sector social. Educadores, creadores, administracións e demais, piares dunha ecuación de primeiro grao cunha soa incógnita por resolver, están abocados a camiñar da man na busca da solución, que non pasa pola liorta, senón polo diálogo. Os enfrontamentos das capas sociais, as promesas electoralistas, a escasa argumentación e os desatinos políticos, así como o abandono da nosa lingua condúcenos a escurecela e a facela prisioneira na gaiola do pensamento, sen posibilidade de fitar a luz, sentenciándoa nun xuízo sen lei á pena de morte. Calquera lingua supón un banzo na gran pirámide do que convén preservar e cultivar como patrimonio da humanidade, e o galego está cando menos ao mesmo nivel das outras. Porque non hai concepto ou sentimento que non poida expresarse en galego, e o mundo pode ser entendido, sentido e amado dende o celme, dende a raíz, dende o berce. As palabras recenden, cheiran, feden e olen tamén en galego. As palabras abrasan, abrazan, amansan e acarician, tamén en galego. As palabras degústanse, mastíganse, deglútense e saboréanse, tamén en galego. As palabras pronúncianse, escóitanse e soletréanse, tamén en galego. As palabras escríbense, debúxanse, perfílanse e coloréanse, tamén en galego. Porque ser ou non ser Galego cos cinco sentidos depende tan só do emprego dun: do sentidiño común.

mércores, 7 de setembro de 2011

Ayuntamiento de Sada

O galego está completamente excluído da páxina web do concello de Sada. Cando alguén ten a triste experiencia de visitala pode pensar que Sada está polas latitudes da Arxentina. Pero o maltrato á nosa lingua non se limita a isto. Premendo na lapela de Parroquias podemos comprobar outro exemplo máis de incumprimento da Lei de Normalización Lingüística, desta volta coa curiosa lista de presuntos topónimos formada por:  *Amexeiral, *Granja, *Veloy, *Molino del Viento, *Sadarriba, *San Mamed,  *Villablanca ou  *Las Delicias.
Eu xa lles presentei a miña queixa, pero dubido de que quen despreza aos 15.000 veciños do concello cunha porcentaxe dun 89% de galegofalantes, supoño que pouco terá en conta o meu parecer, por moi asisado que éste sexa.

Teño que lle agradecer a Francisco Xosé Rei García a información que divulgou.

martes, 6 de setembro de 2011

Galego. Á conquista do teu espazo!

Todos os gobernos da Xunta levaron a cabo algunha campaña de promoción de uso do galego. Todos agás o actual que só as realiza na súa contra. Velaquí lles deixo unha idea que fusilei neste outro sitio.

luns, 5 de setembro de 2011

Ti es dos meus

Versión do tema "Ti es dos meus" realizado polos alumnos de música de 2º de Bacharelato do IES Salvaterra de Miño para participar na iniciativa do Galego Lab  "Agasallo sincronizado para o mundo".

domingo, 4 de setembro de 2011

A lección do ataque ao modelo de ensino en catalán

A inmersión lingüística, o modelo catalán no referente ao uso das linguas no sistema de ensino, está en perigo. O Tribunal Superior de Justícia de Catalunya TSJC, seguindo o distado do Tribunal Supremo púxolle un prazo de dous meses ao goberno da Generalitat para recortar a inmersión en catalán.
 Os partidos políticos (agás PP e Ciutadans) demandan que se continúe co actual modelo. No mesmo sentido se manisfestaron as asociacións de pais, os sindicatos e as asociacións de defensa da lingua e da cultura.
A ninguén se lle escapa que estamos frente a un uso perverso das institucións para estender a hexemonía e a imposición do castelán, a única lingua que ten consideración de tal para aqueles que no estado atacan ás periféricas. Os mesmos fundamentos xurídicos que usa o TSJC para forzar a redución do uso do catalán na escola poden usarse xustamente para o contrario pois non lle corresponde a un tribunal determinar se a lingua minorizada deixou xa de estalo e, aínda nese caso é competencia da Generalitat determinar o peso de cada unha no sistema educativo.  Con todo, o mellor garante da defensa do catalán vén da man da consellera de Enseñament quen anunciou un recurso contra a resolución do TSJC argumentando que a inmersión é un patrimonio colectivo que garante a cohesión social, unha cohesión contra a que se atentaría no caso de separar aos escolares por razón de lingua.
Pola contra, en Galicia, o maior perigo para o galego está precisamente nunha Xunta que aproveita todas as oportunidades que ten para reducir a instalación da nosa lingua nesta nosa sociedade. O maior ataque vén precisamente da Consellería de Educación quen primeiro aproba un decreto chamado de plurilingüismo e que na práctica significou o maior paso atrás na normalización lingüística e despois reforza esta involución mediante unha presunta lei de convivencia que non é outra cousa que un salvoconduto para os negacionistas. Aquí a Xunta actúa tamén contra partidos políticos, sindicatos, asociacións profesionais... e enfréntase directamente contra os ditames do Consello Escolar, do Consello da Cultura Galega e do Consello Consultivo. Ata tal punto chega a radicalidade da zunia de quen nos goberna que forza á mesmiña RAG a presentar un recurso contra a farramalla lexistativa argallada en contra da lingua galega.
O modelo lingüístico no ensino en Galicia non é o de inmersión senón o de conxunción de linguas. Este modelo non é ningunha panacea pero podía dar moito de sí tal e como se estaba comenzando a demostrar coas medidas tomadas polo goberno bipartito ao poñeren tímidamente en funcionamento algunhas das directrices do Plan Xeral de Normalización Lingüística que, curiosamente, fora aprobado por unanimidade no Parlamento galego no ano 2004. O primeiro intento de avance, feble pero  serio e transversal, na normalización do ensino promovido polo goberno galego durou ben pouco e a resposta foi a dun retroceso brutal. Agora sabemos o que sucedería se eses primeiros chanzos na galeguización do ensino se fosen consolidando; e sabémolo polo que vemos que acaba de suceder en Cataluña. Nunca se vai permitir que se faga efectiva unha verdadeira normalización das linguas periféricas. O sistema político está construído de tal xeito que a única lingua que nunca terá ningunha dificultade vai ser únicamente o español e, pola contra, tan pronto como se verifiquen uns mínimos avances na consolidación doutras linguas nos seus respectivos territorios, haberá múltiples formas de atrancar o proceso.
Todo reside na disimetría na consideración legal entre as linguas que como o galego e o catalán só figuran secundariamente e a única á que realmente lle son recoñecidos dereitos materiais, a única que se impón, que arrasa coas outras culturas, a única que ten sempre o paso libre,  o castelán. Eis que nunca veremos unha reforma que estableza realmente a igualdade entre as linguas na península e que polo tanto restaure  a igualdade entre os seus utentes.
Claro que isto non significa que os vieiros da normalización conduzan sempre ao fracaso. Velaí a resposta da sociedade catalana, máis unida e máis indignada que nunca arredor do seu ser máis esencial: a súa lingua.  Alí ben saben que non se lle poden poñer cancelas ao vento. Para aprendermos.



xoves, 1 de setembro de 2011

En perigo a normalización dos concellos

A CTNL (Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua)  vén de denunciar que o vindeiro día 11 cumprirase o prazo de 6 meses indicado na convocatoria de axudas de promoción da lingua galega nas administracións locais co que automáticamente se desestimarían as solicitudes de subvención.
A CTNL  denunciou en anos anteriores a ineficacia desta convocatoria debido á tardanza na resolución. Pero este ano supéranse todos os records de ineficacia pois nunca nunca se tardou tanto en publicar a resolución e agora, co agravante da negativa a ofrecer información sobre a convocatoria de axudas. A CTNL non recibiu ningunha resposta da SXPL polo que sospeitan que mediante o procemento do silencio administrativo queren facer desaparecer este tipo de axudas. Unhas axudas das que a pesar de contaren cun orzamento ben cativo, a propia SXPL explicaba que se convocaban para garantir unha maior visibilidade e proxección da lingua galega desde o ámbito local. Será que desde a SXPL o que están a procurar é xusto o contrario do que predican, tal e como demostran acotío os feitos.

mércores, 31 de agosto de 2011

Dicionario de pronuncia

Ven de presentarse un dicionario de pronuncia impulsado polo ILG e dispoñible na rede. 
A pronuncia e as transcricións deste dicionario pretenden representar o galego estándar nun rexistro formal, cun ritmo algo máis lento ca o da fala normal.
Eu invítovos a que fagades unha proba que propoñía a profesora Pilar García Negro. Pensade na palabra 'conexo', e despois, facendo uso deste dicionario, comproba como soa. 

martes, 30 de agosto de 2011

As linguas tamén son para o verán. Algunhas reflexións sociolingüísticas.

por Xosé Ramón Freixeiro Mato, en Terra e Tempo:


O verán é unha época adecuada para os encontros familiares e amicais, que propician longas conversas en restaurantes, cafetarías ou casas particulares, ás veces con participación de persoas pouco habituais ou mesmo estrañas ao noso círculo normal de relación. Tamén na época estival de feiras acostumamos viaxar a outros lugares diferentes ao da nosa morada diaria, entrarmos en museos, visitarmos monumentos ou asistirmos a espectáculos de diversa índole. Inclusive facemos lecturas diferentes das habituais e escoitamos ou ollamos medios de comunicación audiovisual que durante o resto do ano nos pasan desapercibidos. Todo este conxunto de actividades estivais permítenos observar variados comportamentos lingüísticos ou mesmo asistir ou participar de conversas e debates en que a propia lingua se converte en tema de animada controversia, feito bastante frecuente na Galiza en xeral e nomeadamente cando algún dos parceiros é galegofalante consciente e/ou profesional que ten algunha relación coa materia. Nada estraño resulta, pois, que cando se vai aproximando o final do verán moitos e moitas de nós poidamos reunir unha serie da anécdotas arredor da cuestión lingüística e tirarmos delas algunhas reflexións como as que eu quero partillar neste momento con quen tiver a amabilidade de ler estas liñas.

Gustaría de comezar por un tema importante e preocupante para quen acredita na necesidade de termos medios de comunicación en lingua galega e centrados informativamente na Galiza. Neste sentido o presente verán tróuxonos un encadeamento de noticias tremendamente alarmantes, cal o encerramento sucesivo dos escasos medios que utilizaban en exclusiva a lingua propia do país ou que lle daban unha presenza non meramente simbólica. Comezamos con A Nosa Terra, logo veu Galicia Hoxe, finalmenteXornal de Galicia, que se uniron á desaparición doutros medios anteriores como Vieiros ou A Peneira, até chegarmos ao ermo case absoluto actual que nos fai recuar máis dun século. Face a esta lamentábel situación, produciuse un vento de esperanza coa aparición do proxecto 'Sermos Galiza', que convoca a sociedade máis concienciada na procura dos apoios precisos para o pór en funcionamento. En ámbitos galeguistas e nacionalistas a cuestión foi tema de conversa en churrascadas ou sardiñadas, alén dos faladoiros de terraza ou en paseos praieiros. O que se puido escoitar ao respecto vai desde a adhesión entusiasta, con declaración de intencións colaboradoras ou mesmo con feitos consumados de compra de accións, até diferentes graos de desconfianza, prevención ou mesmo indiferenza. Unhas persoas falaban de control político dunha parte -parece non importar o apoio ao proxecto dos máximos dirixentes de practicamente todas as correntes e sensibilidades do nacionalismo político e cultural-, outras apuñan reparos lingüísticos -con opinións enfrontadas e contraditorias entre si sobre aspectos da norma e do modelo de lingua a seguir-, algunhas mostraban escepticismo perante a viabilidade do proxecto e por tanto optaban pola inhibición persoal, mais outras aducían que xa colaboraran en anteriores proxectos que finalmente fracasaron ou que xa tiñan ben cuberta a súa cota de contribución á causa etc. Argumentos para todos os gustos e escusas variadas. Iso si, todas as persoas achaban que o momento era grave e que se debía reaxir. Bon, pois sendo isto así, cómpre confiarmos en que no conxunto do país haxa moitas persoas que, por riba das lóxicas dúbidas e reservas, aposten de forma xenerosa e comprometida por colaboraren tamén economicamente nun proxecto vital para a lingua galega e para a nación. Talvez non fiquen moitas máis oportunidades... Son horas, pois, de nos unirmos e de nos comprometermos nunha empresa que debe ser de todos e de todas. Logo non valerán as lamentacións nin as escusas.

Na desaparición dos medios de comunicación en galego ten moita culpa o Goberno actual do Partido Popular, que está a axir como un ente lingüicida e etnocida. Lembremos só neste sentido todo o percurso seguido pola Consellaría de Educación para a desgaleguización do ensino ou as declaracións agosteñas da nova concelleira de Cultura da Coruña, deste mesmo partido, dicindo que as actividades culturais na cidade foran demasiado galegas e que as festas se deben realizar nunha lingua que se entenda. Do meu punto de vista, a política lingüística seguida por este goberno deslexitima toda a súa acción e descualifica de modo xeral os membros que o compoñen. Na realidade, calquera persoa minimamente respectuosa con este país debería sentir vergoña de facer parte dunha estrutura administrativa que se marcou como obxectivo eliminar os sinais de identidade galegos e exterminar a lingua propia. Isto é o que penso sinceramente. Mais logo veñen as condutas particulares, que presentan moitas variantes e matices diversos. Non coñezo de nada a actual conselleira de Economía e Facenda, Marta Fernández Currás, mais coñezo o que parece ser o segundo cargo da Consellaría, que foi xerente da Universidade da Coruña e que, polo que sei e ollei, mantivo neste posto unha actitude favorábel ao galego. Ambos fan parte da estrutura do goberno e son, por tanto, corresponsábeis da política lingüística da Xunta segundo o meu parecer. Porén, o evento estival que eu quero referir agora é unha entrevista con esta conselleira emitida na TVG nos finais do mes de xuño (27/06/2011), que me suscitou algunha reflexión de carácter sociolingüístico. A señora Fernández Currás, supoño que militante do PP, mantivo durante a longa conversa televisiva un nivel de corrección lingüística altísimo, inaudito na xeneralidade da clase política -coas debidas excepcións­-, demostrando un grande coidado e respecto pola lingua, mesmo no aspecto lexical, co uso da terminoloxía galega acaída en cada caso e sen a mesturar cos habituais castelanismos. Reflexionando sobre isto, un acha que ese debería ser o comportamento lingüístico de calquera responsábel público, mais tamén constata que case nunca é así infelizmente, inclusive naquelas persoas que teñen un claro compromiso coa defensa do idioma. O uso correcto e coidado deste, que loxicamente supón un esforzo persoal, dignifica o galego e dignifica tamén a persoa que o fala, como máis unha forma de autoestima e respecto por si propia e polo país. Eis outra forma de compromiso. O triste do caso é que o que debería ser norma se converta en excepción.

A mudarmos só parcialmente de tema, o período estival ínzase na Galiza de festas por toda a parte, tanto aldeas, vilas ou cidades, e nelas nunca faltan as populares verbenas amenizadas por unha orquestra. Aquelas persoas que xa imos indo vellas lembramos moito ben o engado que estas tiñan tanto para a xente nova como para a xente maior. E tamén lembramos que a única lingua que se ouvía desde o palco era o español, embora todo o público concorrente, incluídas as crianzas, falase en galego. A situación hoxe mudou bastante do punto de vista lingüístico, tanto para ben como para mal. Felizmente, moitas das orquestras utilizan a lingua galega para se dirixiren ao público; infelizmente, unha parte deste -nomeadamente as crianzas- xa fai uso habitual do castelán. No entanto, benvido sexa o emprego da nosa lingua por parte das orquestras como máis unha forma, e non de menor importancia, de normalización lingüística. O que é de lamentar, enlazando co dito anteriormente, é o modelo de lingua utilizado nalgún caso, pois o uso dun galego chocalleiro e acastrapado que pretende reproducir de forma exaxerada e descontextualizada a fala espontánea máis descoidada en pouco pode contribuír para a dignificación e normalización da lingua. En troca, o emprego dun modelo de galego auténtico e coidado, que non por iso deixe de ser ben popular, dignifícao e ennobréceo, contribuíndo para o seu prestixio social. Este verán deume a oportunidade de observar os dous casos e de comprobar con satisfacción que o último correspondía a unha das grandes orquestras do país. Mención á parte merece o magnífico labor dos grupos de música tradicional, como por exemplo a Orquestra Tombalobos da Coruña, entre tantos outros, que, alén de preservaren o noso patrimonio artístico, defenden, divulgan e dignifican militantemente a nosa lingua.

Ao mesmo tempo, no período de feiras son frecuentes as xuntanzas de familiares e amigos arredor dunha mesa, ben con motivo dunhas festas patronais ou ben para conmemorar algún evento concreto. Nelas o tema lingüístico prende con relativa frecuencia e dá pé para ouvirmos opinións ou observarmos comportamentos certamente sorprendentes, ben como para tirarmos reflexións de interese sociolingüístico. Nun deses encontros tiven ocasión de coñecer unha parella formada por unha muller galega e un home estranxeiro; curiosamente, el falaba con naturalidade nun galego máis ou menos correcto que declarou ter aprendido na convivencia con seus sogros na aldea, en canto a súa compañeira e filla destes se expresaba unicamente en español. Por outra parte, tamén puiden ouvir como unha avoa nada e criada na aldea protestaba, falando en galego, porque á súa neta lle daban algunhas aulas nesta lingua e porque nela tamén lle mandaban á casa algunhas comunicacións escritas, que dicía non entender ben; e a seguir pasou a contar que cando ela era nena e ía á escola da súa aldea un día o mestre lle mandou ir á tenda "por un kilo de cebollas y una caja de cerillas"; como non entendía o que isto significaba, foi angustiada todo o camiño repetindo esas palabras en español para as non esquecer e, cando llas soltou de forma dubitativa e atrapallada ao tendeiro, este seica lle respondeu: "Ah, ti o que queres é un quilo de cebolas e unha caixa de mistos". Pois esta avoa agora non quere que a súa neta aprenda galego. Como dixera Einstein, é máis difícil romper un preconcepto do que un átomo.

Tamén non pode faltar na época de verán a visita a algún museo ou exposición, embora sexa, como neste caso, a un modesto local da Costa da Morte. Algo sorprendido o visitante -­non moito, a verdade- de que o folleto explicativo estivese primeiro en español, logo noutros idiomas europeos e, por último, en galego, comentou o feito co compañeiro do lado de forma totalmente discreta. Mais, transcorrido un pouco tempo, unha señora que estaba xunto a eles e que os ouvira, increpounos dicindo "Que veñan eses do galego" e recriminándolles que, por riba de que non cobraban entrada, aínda tiñan más que dicir e que se estaba primeiro en español era porque así tiña de ser por respecto e deferencia coas persoas de fóra. Após a recriminación aínda soltou un "Uff!! Que a gusto me quedé!". Cómpre acrecentar que tanto a localización física ­como a temática corresponden a un contorno plenamente tradicional e galegofalante, sendo desta condición tamén a maioría das persoas alí concorrentes. E o local está sostido con fondos públicos.

Por último, entre os temas estivais, nomeadamente cando nos adentramos no mes de agosto, sempre conseguen facerse un oco as fichaxes futbolísticas. Este ano a equipa do Deportivo da Coruña vén de contratar un xogador portugués e hai só uns días foi entrevistado nun programa radiofónico dunha emisora local desa cidade. Levaba pouco tempo entre nós e a primeira pregunta que lle fai o xornalista -en castelán, naturalmente- é: "¿Como va ese español?" O xogador contestou en portugués que mal, pois aínda non tivera tempo de o aprender, e que se ía defendendo porque algunha xente lle falaba en galego, que entendía moito mellor. Entón o sagaz entrevistador díxolle que se prefería tamén el lle facía as preguntas en galego, ao cal respondeu afirmativamente e así se desenvolveu o resto da entrevista, embora o galego do xornalista fose realmente deficiente por acastrapado. Unha reflexión que se pode tirar deste caso é que o galego nos permite comunicarnos con persoas de fala portuguesa, de modo que renunciarmos a el significa empobrecermos a nosa capacidade de comunicación internacional; outra é que utilizarmos o español cun portugués que nos visita significa negarmos, no fondo, a nosa condición singular de galegos e galegas; unha terceira incide en que canto máis auténtico e de calidade sexa o noso galego, máis útil será e máis futuro vai ter. Aínda poderiamos acrecentar máis outra: a un xornalista que exerce na Galiza debería presupórselle (e esixírselle) un bo nivel de galego, incluídos neste coñecementos sobre a súa variante proxectada internacionalmente.

En fin, cousas do verán e cousas da lingua. Porque no verán tamén precisamos das linguas. Para falarmos delas mais tamén para as usarmos. A nosa a primeira, naturalmente.

Escollo o galego

Reflexionando sobre o libro de Carlos Callón, 'Como defenderes os teus dereitos lingüísticos', o sempre acertado Manuel Bragado, achéganos esta reflexión:

Nacín no Pirulí. O meu berce estivo entre a Falperra e o Paseo de Afonso. Meu pai era fillo dun emigrante de Malva, un pobiño de Zamora, e miña nai dun ebanista do Couto. Na casa nosa non tivemos aldea ningunha da que botar man. Son, pois, un deses vigueses de Vigo, educados na casa e na escola en castelán durante o tardofranquismo. E son, tamén, un deses vigueses que fala sempre galego, unha lingua na que decidín instalar a miña vida dende aquel mes de agosto de 1975. Foi aquela unha decisión adolescente que, como outros moitos membros da miña xeración de neofalantes vigueses, mantiven con fidelidade e firmeza, a pesar de que non é doado nin cómodo facelo nunha cidade na que agroman hoxe faíscas de intolerancia galegófoba.
Sei que algunhas persoas pensan que o meu patrón lingüístico –falo en galego con todas as persoas– é froito das miñas profesións de editor e mestre ou das miñas conviccións galeguistas. Dúas das condicións, xunto coa procedencia aldeana, que para algúns explican as razóns de que non empreguemos por defecto o castelán, en Vigo a lingua considerada de uso preferente. Un reducionismo falso e inútil para explicar o estatus actual do galego e os prexuízos tecidos arredor do seu emprego nunha cidade de acollida, de orixe aldeana e mariñeira, tradicionalmente agarimeira coa cultura e lingua de noso.
No entanto, os galegofalantes enfrontámonos decote a situacións pouco agaradables nos espazos públicos vigueses. Pedimos un “café con leite morno, por favor” e se nos solicita a confirmación como “café con leche templado”, recibindo un eco semellante ao dos estranxeiros que solicitan “warm coffee with milk”. Outro tanto pode acontecer no restaurante cando pedimos robaliza e se nos responde que “hoy no le tenemos lubina”, unha mostra da pobre competencia lingüística como a moi escasa empatía do servizo destes establecementos coa súa clientela. Outrosí acontece nalgúns taxis onde teño comprobado que só con indicar o destino en galego pode ser considerado polo condutor como unha falta de cortesía ou de respecto polo seu traballo. Molestias semellantes prodúcense se cando acudimos a unha consulta médica ambulatoria pretendemos ser atendidos oralmente en galego polo persoal sanitario. Por non falar xa das escasas posibilidades de resolver en galego un asunto nun dos xulgados vigueses, a pesar do dereito que nos asiste, ou de formalizar un trámite nunha das notarías da cidade, onde se solicitamos que un testamento ou unha hipoteca se formalicen en galego, é moi frecuente que se nos ofreza nun prazo de tempo moi superior ao previsto para a súa redacción en castelán.
En todos os ámbitos citados, o castelán é sempre considerada como a lingua por defecto, a lingua escollida, no mellor dos casos, para iniciar o intercambio comunicativo, relegando o galego a un segundo plano, o da lingua subsidiaria, propia dunha minoría en inevitable decadencia. Unha situación que os galegofalantes enfrontamos con paciencia, ironía e cordialidade infinitas, que como sinala Carlos Callón no seu último libro, “Como defenderes os teus dereitos lingüísticos” (Xerais 2011), son as mellores ferramentas para desmontar os prexuízos e as falsidades tecidas arredor do noso idioma. Moi lonxe de desistir na nosa difícil angueira de vivirmos en galego, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística aconsella conxugar tres verbos para que o galego sexa un idioma vivo de verdade, con aspiracións lexítimas de normalidade: “usar, escoller e solicitar”, aos que eu engadiría os de “ler, escribir e sorrir”.
Non dubidemos en solicitar o servizo en galego alí onde non nolo ofrezan: “por favor, podería ser en galego [a factura, o contrato…]”. Escollamos en galego os servizos onde xa teñamos esta posibilidade: no móbil, no Facebook, no Tuenti ou no caixeiro automático. E, sobre todo, usemos o galego con amabilidade en todos os eidos da vida social, sen o deber de dobregarnos a abandonalo polo feito de que o noso interlocutor utilice o castelán. Ademais, podemos escribir en galego en todas as nosas comunicacións, dende anotacións nas redes sociais, correos electrónicos ou cartas aos xornais; como podemos escoller en galego unha oferta de lectura cada vez máis ampla e de maior calidade. Os milleiros de galegofalantes urbanos, conscientes de que unha lingua é un mercado, tamén podemos escoller o galego como outro criterio de consumo responsable, apostando por aqueles produtos etiquetados en galego, aqueles establecementos que tamén atenden en galego ou por aquelas empresas que o utilicen na súa publicidade.
Quen pode dubidar que as políticas públicas de promoción e uso do galego, sobre todo no eido educativo, son decisivas para o seu futuro? Mais tamén, quen pode facelo da importancia do compromiso de cada un de nós, da lealtade que manteñamos co seu emprego? Eu leo e escribo en galego; uso, solicito e escollo o galego.

domingo, 28 de agosto de 2011

Entrevistas a Rosario Álvarez na TVG

Entrevista a Rosario Álvarez, directora do ILG, no programa Bos Días o 16/06/2011:
null

Entrevista a Rosario Álvarez no programa Bos Días o 28/07/2011:
null

venres, 26 de agosto de 2011

Doris, a última falante de Wichita

A última falante de wichita, unha lingua norteamericana é esta muller, Doris. A aniquilación da súa lingua foi un proceso de destrución consciente dos homes brancos.

mércores, 24 de agosto de 2011

'Como defenderes os teus dereitos lingüísticos'. O galego amable e firme.

Carlos Callón di deste seu libro que quere ser, ante todo, un manual práctico. Un libro para aplicar, máis que un libro para ler. Para reforzar esta tese bastaría con apuntar que o libro remata con 6 anexos nos que se inclúen tanto modelos de instancias para solicitar a devolución de escritos que non estean en galego como de trámite de galeguización de nomes ou apelidos.
Pero o libro é moito máis. É tamén toda unha guía ética, unha guía dalguén que,  con moito sentidiño, moita educación e amabilidade indica como actuar con firmeza diante de múltiples situación desagradables por mor da discriminación dos cidadáns polo feito de usaren a lingua propia. Recomendaríalle o libro a aqueles que predican a 'amabilidade lingüística' como sinónimo de subordinación e abandono do galego.
Aínda hai máis. Ao ser posible un libro coma este estásenos a infomar da moi secundarizada situación do galego. Nin no ensino, nin na sanidade, nin no ámbito comercial, da xustiza, dos medios,... todos os espazos sociais están abafantemene ocupados polo castelán. Tal e como dixo o propio Carlos Callón, 'en castellano no hai problema', no entanto para o galego hai unha chea deles e o libro vai sendo unha guía de como manterse firme, sempre en galego, ou sempre defendéndoo.
Só botei en falta que non se tocara o tema da lingua no ámbito relixioso nin no do negocio da morte. Pensemos por exemplo que os cemiterios espallados por toda Galicia son un monumento á ocultación e, en definitiva, á devaluación da nosa propia identidade. Pode haber maior desprezo que gravarlle a un familiar unha lápida en castelán se o difunto, na súa vida,  fixo uso prácticamente exclusivo do galego?

sábado, 20 de agosto de 2011

Benfalado 313: Susana Seivane

Se os mini-programas Ben falado! son unha fonte de recursos impresionante. A min gústame especialmente este capítulo e invito a quen pase por aquí que o vexa, sobre todo o relatorio final de Ferrro Ruibal.
Cando Susana Seivane sobe cunha gaita a un escenario do estranxeiro sabe que ten detrás non só o seu traballo e unha familia, ten detrás unha cultura, un pobo, unha terra, unha lingua. Por iso ela di que non só se sente orgullosa da lingua galega, séntese agradecida, porque a lingua é o que nos constrúe.

xoves, 18 de agosto de 2011

Ramón Chao

Sete ao caldeiro e unha de polbo

por Xosé María Lema, acertadísimo, coma sempre; contestando a un zunante (un tal F. Fernández Buján)  no Xornal:


Vaia sorte a de algúns! Nun artigo titulado Demasiado gallegas, publicado o pasado día 12 nas páxinas de opinión dun xornal galego, un colaborador contaba que estando el nunha casa de comidas tomando unha cervexa “y unas apetitosas raciones” cadrou que na mesa contigua había dous matrimonios que falaban en inglés. Cando lle comunicaron en castelán ao camareiro as racións que desexaban tomar, este desaprensivo, para amolar, vai e repítelles en galego o nome das racións para confirmalas, e, para máis inri, aínda proclama –supoño que berrando a viva voz- "unha de polbo", cando os británicos seica pediran "una de pulpo". Mecachis! Canto sinto non ter estado co articulista tomando esas cañas; mesmo convidaba eu, pois mira ti que non levo anos buscando esa xoia de camareiro, xa que a min na maior parte dos bares, cafeterías e restaurantes pásame xustamente ao contrario: cando pido “un (café) con leite”, tradúcenmo simultaneamente a “con leche” para confirmar, non vaia ser que o queira con gasosa ou con cloruro sódico; e cando pido “un (viño) ribeiro” vólvenme preguntar “¿un rivero?”, non sei se o din con –v- ou con –b- (de certo que aínda non dei localizado esa denominación de orixe Rivero, tan coñecida en Galicia e tan descoñecida no resto de España, onde só se sabe da do Ribeiro). Hai que ver: cando incluso os máis galeguistas dos galeguistas seguen tendo reparos en pedir unha ración de polbo, polas consabidas connotacións da palabra homófona, que non homógrafa, en castelán (polvo), o articulista atopa un douto e espelido camareiro que lla espeta con toda naturalidade a uns ingleses e en público. É de supoñer que fose despedido ipso facto polo seu xefe; non se pode admitir un camareiro tan lido e culto, córcholis.
Ben aclara o articulista os motivos de contarnos tan “insignificante anécdota”: por unha parte lavarlle a cara a esa eminencia que parece ser a nova concelleira de Cultura da Coruña (que seica debera criticar as festas do anterior goberno municipal non por seren "demasiado gallegas", senón por teren "demasiadas cosas gallegas": veleno puro, seguro), e pola outra tentar convencernos de que “el turista foráneo no se siente cómodo por dificultades idiomáticas” e igual escapa correndo a fume de carozo. Dificultades idiomáticas ocasionadas, ¡como non!, polo galego, ese idioma estraño case tan arrevesado coma o suahili que os estudantes estranxeiros dominan en menos de quince días, entre outras cousas porque como mínimo no cincuenta por cento das palabras coincide co castelán. E falando de foráneos, non sei se o articulista aplicaría a súa mesma receita da comodidade idiomática ás queixas de non poucos alumnos do último curso de galego para estranxeiros da USC, defraudados porque en certos comercios adoitaban responderlles en castelán as preguntas que eles lles facían en galego.
En fin, que estamos unha vez máis ante a consabida táctica xa ensaiada hai meses por outros galegófobos cando se trataba de ridiculizar as clases de matemáticas en galego: lembro un colaborador dun xornal compostelán que contaba que alguén lle dixera que nun instituto de alá do norte de Lugo (canto máis lonxe mellor) un profesor de matemáticas dicía “sete ao caldeiro” en vez de “sete ao cubo”. Obviamente, nunca se deu identificado nin ese instituto nin ese profesor, pero iso non importaba, pois os inimigos do galego apenas teñen outro argumento que a repetición obsesiva das súas propias mentiras, coma aquela da suposta imposición. Agardo impaciente que se nos dea a coñecer o nome do camareiro de léxico tan impecablemente normativo, pois sería eu o primeiro asinante en solicitar para el unha cadeira de honra na Real Academia Galega.