Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 1 de decembro de 2012

A imparcialidade que se supón

por Susana Méndez, en Sermos Galiza:

Vivimos nun mundo onde aos homes se lles supón o valor, ás mulleres se nos supón a capacidade de coidar, e aos xuíces e xuízas se lles supón a imparcialidade. En calquera dos casos, igual é demasiado supoñer.

Carlos Callón: 'O PP pode prolongar a agonía legal do decretazo, mais a batalla simbólica xa a perderon'

Walter Burns entrevista a Carlos Callón en Galicia Confidencial:


Vostede, se non me equivoco, é profesor nun instituto. Cúmprese o Decreto nas aulas?O decreto di que debe ministrarse entre un 33 e un 50% do ensino en galego. No cálculo máis optimista para o noso idioma, só arredor do 20% do horario lectivo é na lingua de Galiza. Nin catalán nin vasco teñen unha situación semellante en ningunha das comunidades autónomas en que son oficiais eses idiomas.

Problemas da sentença do TSXG e do decreto do galego

por Paulo Gamallo, en Praza:

Do mesmo jeito que conhecemos gente que não pode evitar buscar e provar as novas funcionalidades do último iPad ou de qualquer outro trebelho de última geração, também existem indivíduos que não podem deixar de ler e comentar os decretos e sentenças relacionados com o ensino em galego a medida que estes vão aparecendo. Eu pertenço a esta última categoria. Dado que não sou profissional do Direito nem tenho vocação polas leis, devo reconhecer que a minha obsessão por este tema pode interpretar-se como uma simples curiosidade intelectual ou bem como um transtorno neurótico não patológico (isso espero).
Houvo dous elementos da sentença que me figerom reflexionar: por um lado, a anulação do artigo 5.2 do Decreto sobre a consulta aos pais e, por outro, a não consideração por parte do TSXG do recurso ao artigo 4, no que se coloca um tope às horas de ensino em galego
Há uns dias conheceu-se a sentença do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) sobre o recurso da Mesa pola Normalización Lingüística contra o decreto do plurilingüismo do Governo Feijóo. Lim as 26 páginas da sentença em uma hora e meia, na sala de espera do Hospital aguardando pola consulta rotinária do meu hepatólogo. Estava a ler as últimas linhas quando, por fim, me chamarom para ir à consulta.

Queren que o catalán non se fale



O que os inimigos da normalización din do catalán enfrentado ao que eses mesmos inimigos queren.
Unha moi ben montada campaña da Plataforma per la Llengua na que se desbaratan os prexuízos da zunia.

venres, 30 de novembro de 2012

*Junta de Galicia


Venres 30 de novembro. O BOE publica o nomeamento de Feijóo como presidente da *Junta de Galicia.
Poderíamos pensar que se trata da manipulación dun documento oficial por parte de alguén con folgos para botar a andar un disparate como o que aparece aquí retratado. Pero non, é algo peor. É a realidade, é como  o centralismo que despreza todo o que non é o seu embigo trata aos que considera como súbditos de segunda (de provincias, din eles). Os BOEs están inzados de *Juntas de Galicia. O Consello Europeo emitía un informe hai poucas semanas no que se lle pegaba un tirón de orellas ao goberno español por non cumprir os seus compromisos en materia de normalización lingüística dos organismos estatais. Velaquí o caso que fan.
Non está de máis recordar que temos unha lei de restauración da forma galega dos nomes e apelidos. *Rajoy Brey e * Núñez Feijóo, os apelidos que aparecen neste texto, corresponden a dous políticos que por veces presumen de galegos. Vese que non exercen desde a mesma presentación da súa identidade.
 n Madrid non importa o nome oficial que teña a Xunta, nin se no territorio administrado pola mesma temos unha lingua e unha cultura de noso. O desprezo abrolla en forma de bautismos esperpénticos.
Desta vez non é o caso de estarmos ante un agravio comparativo. No BOE do mesmo día podemos ver referencias a unha tal *Generalidad de Cataluña.
Así nos vai.
Vía A Nosa Terra (facebook)

Secuelas

por Xabier Cordal, remexendo nos cavorcos do auto-odio, nas Voces de Prolingua:

Cando se proclamou a oficialidade do idioma, co fantasma neofranquista ao axexo, emerxeron outras resistencias ao proceso normalizador. Borrado da memoria colectiva o esplendor medieval, a aristocracia, o funcionariado con maior poder e despois a alta burguesía -uns e outros de orixe maioritariamente foránea- marcaran co uso da lingua da Corte a súa posición de dominio. Tiñan a Lei do seu lado. Ela e mais a práctica subalterna do galego acabaron producindo a teoría de que se trataba dunha modalidade subalterna.

xoves, 29 de novembro de 2012

Valentina Formoso: "Nas aulas hai conflito lingüístico e co decreto aínda houbo máis"

Miguel Pardo entrevista a Valentina Formoso para Praza Pública:

Valentina Formoso é coordinadora xeral da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (Cgednl). O seu colectivo coñece como poucos a realidade lingüística nas aulas onde, asegura, "claro que hai conflito". Considera "positiva" a sentenza do TSXG que anula o cerne do decreto do plurlingüismo, pero lamenta as consecuencias "negativas" que a aplicación desta norma tivo no proceso normalizador da lingua, tanto na escola, como á hora de trasladar "actitudes negativas" sobre idioma á sociedade.
Que opinión lle merece á Cgendl a sentenza do TSXG sobre o decreto?
É positiva. Agora haberá que ver que pode supoñer e como se concreta. Non sabemos como van resolver os gobernantes a anulación deses dous artigos. Consideramos a sentenza positiva, pero agora dependerá de como se aplique. Cremos que é un avance, polo menos para deter o retroceso tan grande que estabamos sufrindo arredor do proceso normalizador e dinamizador da lingua.

Lingua habitual segundo a idade.

No ano 2005 o Consello da Cultura Galega (CCG) publica un traballo dirixido por Anxo Lorenzo e Henrique Monteagudo no que se facía un estudo sobre a evolución da sociedade galega nos aspectos sociolingüísticos. Estamos a falar do documento "A sociedade galega e o idioma.  A evolución sociolingüística de Galicia 1992-2003" onde se nos ofrece un retrato deste intervalo temporal en fundamentándose esencialmente dúas fontes. Unha delas vén dos datos do Mapa Sociolingüístico Galego do 1992 (MSG-92) e, a outra é a  da Enquisa das Condicións de Vida das Familias do 2003 (ECVF-03) realizada polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Encol da lingua habitual, neste estudo presentaban a seguinte gráfica na que na vertical se gradúan as porcentaxes e na horizontal aparecen as idades de menor a maior.
Para interpretar correctamente esta gráfica é un bo exercicio probar a mirala de dereita a esquerda, pois isto vai darnos unha lectura da dirección que toma o uso da lingua no transcurso do tempo. Pasemos a vista, por exemplo, pola liña azul, que comenza á dereita cun 65,7% de monolingües en galego para os maiores de 65 anos e vai baixando continuamente, agás un pequeno repunte final, ata marcar un 28% nos menores de 16. Pola contra o monolingüismo en castelán ascende continuamente: é maior canto menor é a idade dos falantes.
No ano 2010, outra vez o CCG, volveu a ofrecer unha revisión destes datos baixo a luz da  Enquisa das Condicións de Vida das Familias do 2008 (ECVF-08). Preséntasenos un gráfico semellante ao anterior pero que desta volta ten na horizontal as idades 'ao revés' polo que nos convén ler as liñas poligonais de esquerda a dereita.
O que se engade a respecto da primera gráfica é o último tramo de cada unha das poligonais que nos ofrece un panorama moi semellante ao primeiro. A liñas amarela e azul (máis castelán e só castelán) sofren un lixeiro aumento, e as outras dúas (máis galego e só galego) descenden un pouco. Isto é, mantéñense as tendencias, só que con máis suavidade.
Dentro desta liña, unha outra achega para acabar de completar este cadro podémola atopar no artigo O idioma galego, alarmas e esperanzas,  de Xaime Subiela no Informe Galicia 2010. Tempos Novos. Unha excelente aproximación á situación xeral da lingua galega que parte das enquisas realizadas polo IGE, o CIS,  o Observatorio da Lingua Galega, e os Mapas Sociolingüísticos da RAG. Como notas destacadas da súa análise temos que, segundo datos do ECFV-08, a porcentaxe de galegofalantes situaríase no 57%, cunha forte baixada, de 12 puntos porcentuais, entre o 1992 e o 2008.
Subiela aporta novos gráficos, ou se se quer, unha nova versión do inmediatamente anterior, no que analizar a evolución do uso do galego e o castelán segundo as idades. Podemos volver a comprobar que a parte coloreada en azuis, correspondente a galego/máis galego, vai baixando cando imos diminuíndo as idades.


Xaime Subiela constata unha caída masiva da utilización do galego nos últimos 50 anos que foi paralela ao abandono do rural. Destaca neste proceso o corte da transmisión interxeneracional. Pola contra aventura a existencia dun solo de reprodución da lingua asentado no afianzamento dun grupo galegófono. Actualmente o galego sería áinda a lingua maioritaria da sociedade galega
Outros aspectos que toca Subiela na súa análise en relación ao uso do galego son a distribución demográfica, a competencia lingüística, o ensino, os medios de comunicación ou as administracións públicas. Van algunhas das súas aportacións:
A escola non debe reflectir simplemente o que a sociedade é, senón ser un axente de cambio que contribúa ao que anhela: uns cidadáns plurilingües nunha sociedade multilingüe, que salvagarde e promova a lingua propia.
Os medios de comunicación funcionan en castelán de forma moi maioritaria. A práctica totalidade teñen reducido o galego a porcentaxes non superiores ao 5% da súa programación/información
Falando en termos xerais, os estudos anteriores indícan que houbo unha perda porcentual en número de galegofalantes cunha taxa dun 0,65% anual. A pesar de que nos últimos 30 anos a gráfica ten unha pendente máis suave, en termos porcentuais a velocidade non diminuiu nese mesmo intervalo. Seguramente as razóns deste aparente paradoxo teremos que buscalas tanto en factores  demográficos (diminución do saldo vexetativo) como en cuestións sociolingüísticas (dificilmente a porcentaxe de galegofalantes nacidos antes do ano 1930 podería incrementarse máis tirando cara atrás no tempo).  Podemos comprobar no gráfico seguinte, tamén de Xaime Subiela, unha comparación da lingua habitual entre o 1992 e o 2008, correspondente a unha velocidade media de perda de galegofalantes neste período é incluso superior: un 0,69% anual.

Botándolle un ollo ás pirámides de poboación, e tendo en conta a distribución da demografía lingüística, seguramente estamos a atravesar unha fase de aceleración de perda de galegofalantes.
Á vista desta situación cómpre preguntarse sobre cal é a xustificación da política lingüística que se está a levar a cabo.  Para moitos nenos a única oportunidade e contacto co galego é a escola, pola contra a Xunta parapétase nun escenario de españolización brutal do ensino (cun 3% de uso en infantil nas cidades, redución no resto dos niveis, prohibición das aulas científicas en galego, atrancos aos ENDL,...). Os traballosos procesos de normalización das administracións freáronse en seco e agora estanse a dar pasos marcha atrás. O maltrato aos que contribuíron durante os últimos anos a ampliar os reducidos espazos de uso do galego é continuo. As razóns destas formas de actuación non temos que buscalas nas aportacións que a sociolingüística poida facer á política lingüística senón mais ben nunha ideoloxía de odio a todo o que arrecenda a galego, unha ideoloxía que bebe nas fontes da máis resesa tradición imperialista.


mércores, 28 de novembro de 2012

Sostenella e no enmendalla

por Fuco Graña, en Praza Pública:

O pasado xoves 22 de novembro o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu sentenza a respecto dos recursos presentados pola Mesa pola Normalización Lingüística, o sindicato CIG e a plataforma Queremos Galego. A mensaxe foi clara: fica anulado o cerne mesmo da política lingüística emprendida polo PP, primeiro na recta final da oposición ao bipartito, despois xa como partido gobernante. De pouco serve dicir que os artigos derrogados por esta sentenza apenas supoñen o 5% do texto completo: son a base mesma da orientación política de dito decreto. Curiosamente xa advertira o Consello Consultivo de Galicia (CCG) que "o proxecto de decreto para o plurilingüísmo no ensino non universitario de Galicia, resulta contrario ao ordenamento xurídico no tocante ao exposto nas consideracións cuarta e quinta" (referidas á educación infantil e á consulta ás familias). Tamén o Consello Escolar de Galicia se pronunciou negativamente sobre o mesmo.

Sentenzas do TSXG contra o decreto de plurilingüismo. Recompilación.

O pasado xoves 22 de novembro publicouse a primeira sentenza do TSXG contra o funesto decreto de plurilingüismo. Recollo aquí unha recompilación de novas e opinións para guiarse no que intentará ser un frente de confusión   promovido pola Xunta de ...., non podo poñer de Galicia pois non pode identificarse galego un goberno que fundamenta as súas accións precisamente na redución e exclusión da nosa lingua. Probablemente amplíe a lista se hai máis aportacións nos vindeiros días.

Noticias

Liña temporal  sobre as sentenzas do decreto na Praza Pública
  • Sentenza do TSXG: O galego terá que regresar á educación infantil das cidades, 22/11/2012, A Mesa
  • O TSXG bota abaixo a consulta do PP ás familias sobre o uso do galego no ensino, 22/11/2012, Sermos Galiza
  • O TSXG anula o artigo do decreto do plurilingüismo que vetaba o ensino do galego en Infantil, 22/11/2012, Praza Pública
  • O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala o equilibrio entre galego e castelán e a introdución do plurilingüismo no ensino, 22/11/2012, Consellería de Educación
  • O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza estima parcialmente o recurso contra o Decreto 79/2010 presentado pola CIG-Ensino, 22/11/2012, CIG-Ensino
  • A Xustiza dita que varios artigos do 'Decreto do Plurilingüismo' son ilegais, 22/11/2012, Galicia confidencial
  • Colectivos sociais e oposición esixen a marcha de Jesús Vázquez tras o pau xudicial ao decreto, 23/11/2012, en Praza Pública
  • A Xunta desoe a sentenza e di que seguirá adiante coas consultas ás familias, 23/11/2012, Praza Pública
  • O TSXG anula a consulta aos pais do Decreto para o Plurilingüismo, 23/11/2012, Culturagalega.org
  • O TSXG anula dous puntod do Decreto do plurilingüismo, 23/11/2012, TVG
  • A Xunta desafía o TSXG e seguirá consultando aos pais a lingua do ensino, 24/22/2012, en Praza Pública
  • Chaman á Xunta a recuperar o consenso nas políticas de normalización lingüística, 24/11/2012, en Sermos Galiza
  • Compromiso por Galicia reclama a derrogación do actual decreto do purilingüismo, 24/11/2012, El Correo Gallego
  • Un longo preito antes de que haxa máis galego nas aulas, 24/11/2012, Galicia Confidencial
  • A oposición critica a Xunta por "chamar á insubmisión" co decreto do galego, 24/11/2012, en Praza Pública
  • O argumentario do PP contra a sentenza do decreto: 'Aquí non pasa nada', 25/11/2012, Praza Pública
  • A norma coa que Feijóo tentou legalizar as enquisas lingüísticas, 25/11/2012, Praza Pública
  • Eles xa o dixeran: sesenta xuristas advertiran das ilegalidades do decreto do plurilingüismo, 26/11/2012, Praza Pública
  • CIG e técnicos de normalización piden que a Xunta "volva ao consenso" coa lingua, 26/11/2012, Praza Pública
  • A CIG-Ensino destaca que o TSXG tumba piares básicos nos que se asenta o Decreto de Plurilingüismo, 26/11/2012, CIG-Ensino
  • A Mesa e a CIG satisfeitas pola sentenza a prol do galego, 26/11/2012, TVG
  • A norma coa que Feijóo tentou legalizar as enquisas lingüísticas, 27/11/2012, en Praza Pública
  • "O decreto do plurilingüismo non crea problema ningún nas aulas", 28/11/2012, Praza Pública
  • Novo pau á política lingüística de Feijóo ao estimar en parte o TSXG o recurso da RAG, 29/11/2012, en Praza Pública
  • Máis unha sentenza contra a política lingüística do PP, 29/11/2012, Sermos Galiza
  • O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia reitera o seu aval o equilibrio [sic] entre galego e castelán, 30/11/2012, nota da Consellería de Educación
  • O TSXG estima en parte o recurso da RAG contra o decreto do Plurilingüismo e anula parte de dous artigos, 30/11/2012, Galicia Hoxe
  • O Estado pagará escola privada aos nenos que queiran estudar só en castelán, 03/12/2012, en Praza Pública 
  • ''É hora de que a RAG e o Consello da Cultura esperten do seu sono'', 05/12/2012, en Sermos Galiza
  • A Xustiza volve cuestionar a política lingüística da que segue a presumir a Xunta, 05/12/2012, en Praza Pública 
  • O TSXG declara ilegal por quinta vez a consulta do PP ás familias, 05/12/2012, en Sermos Galiza
  • O TSXG emite a cuarta sentenza contraria á política lingüística do PP, 07/12/2012, en Praza Pública
  • O TSXG desoe a Galicia Bilingüe e tumba de vez o cerne da política lingüística da Xunta, 10/12/2012, en Praza Pública
  • A xustiza desestima o recurso de Galicia Bilingüe: a consulta do PP ás familias, seis veces ilegal, 10/12/2012, en Sermos Galiza
  • O TSXG tamén desestima o recurso da Mesa por la Libertad Lingüística contra o decreto do plurilingüismo, 12/12/12 no Fálase de... en Praza Pública
  • A Xustiza obriga a Xunta a recuar na reforma lingüística ou enlamarse nunha batalla legal, 12/12/12, en Praza Pública
  • A Xunta recorre as sentenzas do TSXG que cuestionan a súa política lingüística, 14/12/2012, en Praza Pública
  • Queremos Galego chama "mentirán" a Feijóo por recorrer perante o Tribunal Supremo as sentenzas contra o decreto do galego, 14/12/2012, en Sermos Galiza
  • A Xunta di que inicia o recurso contra as sentenzas do decreto de xeito "preventivo", 16/12/2012, Praza Pública
Opinión
  • A sentenza do TSXG, punto de inflexión ou de ruptura, 23/11/2012, editorial de Praza Pública
  • Ilóxico, baleiro, incoherente, ilegal, 24/11/2012, por Marta Dacosta en  Sermos Galiza
  • Xustiza para o galego, xustiza poética, 25/11/2012, por Susana Méndez en Sermos Galiza
  • Parabéns irmás e irmáns!, 25/11/2012, por Marta Dacosta en Terra e Tempo
  • Unha nova oportunicade, 25/11/2012, por Víctor Freixanes en La Voz de Galicia
  • A nulidade do discurso lingüístico do PP, 26/11/2012, por Alba Nogueira no Sermos Galiza
  • Feijóo sen tenza, 27/11/2012, por Xoán Costa no Sermos Galiza
  • Sostenella e no enmendalla, 28/11/2012, Fuco Graña en Praza Pública
  • Problemas da sentença do TSXG e do decreto do galego, 01/12/2012, por Paulo Gamallo en Praza Pública
  • A derrogación do Decreto de Plurilingüismo: unha necesidade urxente para o futuro do idioma, 06/12/2012, por Anxo Louzao en Sermos Galiza
Entrevistas
  • "A sentenza do TSXG tumba os piares do decreto do plurilingüismo", 26/11/2012, El Correo Gallego. Inclúe entrevista a Carlos Callón en Radio Obradoiro
  • Alba Nogueira: “A Xunta xa non está obrigada a estar nos brazos de Galicia Bilingüe”, 26/11/2012, Radiofusión, inclúe entrevista radifónica a Alba Nogueira.
  • "O peor da política lingüística da Xunta son os prexuízos que trasladou á sociedade", 27/11/2012, entrevista a Nel Vidal en Praza Pública
  • "Nas aulas hai conflito lingüístico e co decreto aínda houbo máis", 29/11/2012, entrevista a Valentina Formoso en Praza Pública
  • "A forza do noso amor ao galego foi útil", 01/12/2012, entrevista a Carlos Callón en Galicia Confidencial
Blogues
  • Por fin, unha boa nova: o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (SXG) bota por terra dous dos tres eixos centrais do decreto do plurilingüismo (2010), coñecido como o decretazo contra o galego, 24/11/2012, en Marlou
  • A xudicialización da lingua, 25/11/2012, por Xabier Cordal en Monte Alto
  • dimite, Valentín, o cu non son as témporas, 28/11/2012, por X. M. Eyre en Ferradura en tránsito

martes, 27 de novembro de 2012

Nel Vidal: 'É o momento para que a Xunta volva ao consenso'

Entrevista a Nel Vidal, en Praza Pública:

Nel Vidal é presidente da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL), que vén de enviarlle a Núñez Feijóo unha carta na que se pide que "se visualice un cambio de políticas e actitudes con respecto á lingua" no novo Goberno e que se busque "retomar o consenso e o camiño da normalización lingüística progresiva, tanto no ensino como no conxunto de ámbitos sociais", sobre todo despois da sentenza do TSXG que anula dous artigos fundamentais do polémico decreto do plurilingüismo. Ademais, tamén reclama que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pase a ser "unha área transversal no organigrama do novo Executivo e non estea encadrada na Consellería de Educación nin de Cultura".
Por que decidiron enviarlle a carta a Núñez Feijóo?
Xa o temos feito noutras ocasións. En 2009, ao conformarse o anterior Goberno da Xunta, xa expresaramos que considerabamos un erro acantoar a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) na Consellería de Educación. Co anterior Executivo, desde 2005, dependía da Consellería de Presidencia porque era a maneira de que o idioma fose unha área transversal no organigrama do Goberno. A nosa petición é que a SXPL interveña transversalmente en todas as áreas e que se encamiñe a dirixir accións a todos os ámbitos e en todas as consellerías, xa que todas elas deberían incluír obxectivos lingüísticos. Iso só se consegue se a SXPL está na cúspide da organización para que poida ter man e intervir en varias áreas e non cinguirse só á educación, senón tamén ao sector empresarial, ao ámbito da Xustiza ou a moitos outros.

O galego está enfermo

por Pablo  Vaamonde, en Galeguizar Galicia:

O galego está enfermo, pero aínda non morreu, como se prognosticou hai anos. Ainda hoxe é a língua maioritaria en Galicia. A grande maioría da poboación entende o idioma e tamén sabe falalo. Pero hai un dato preocupante: a poboación máis nova e cun nivel educativo máis alto –e que tamén saben ler e escribir en galego-, son os que máis desertaron do seu uso na vida cotiá. Tamén preocupa a escasa presenza da lingua nos medios de comunicación (e a desaparición daqueles que a usaban) así como a pouca penetración no espazo virtual. A maior porcentaxe de galegofalantes dase no medio rural e na Galicia interior. En moitas cidades non é doado facer vida en galego da mañá á noite, e mesmo son frecuentes as “conversas bilingües”.
Así pois, a desafección polo noso idioma non está condicionada polo descoñecemento do mesmo: aqueles que máis formación teñen son os que menos o usan. En certos ambientes hai unha visión estigmatizada do galegofalante. Podemos lembrar aquela moza de Gran Hermano que decía: “Es que a mí me cuesta un montón hablar en gallego... Un día conocí a un chico pero ¡¡hablaba en gallego, y me dio un bajón!!”. Esta connotación pexorativa é, por desgraza, moi frecuente, e hai quen asocia o uso do galego coa ruralidade e a ignorancia.

Tres en raia

Bieito Silva, Carlos Callón e Helena Gómez Vecino reflexionan sobre a intención de españolizar aos cataláns feita polo ministro de educación, en Tempos Dixital:


A Escola ao servizo da naciónPor Bieito Silva, profesor de Ciencias da Educación da USCSería moi doado rastrexar nos últimos dous séculos da educación en España proclamas e normas sobre a necesidade de poñer a escola ao servizo dos ideais da nación, entendendo sempre, é claro, a nación como a España grande e única. Por falarmos de dous séculos case redondos, podemos lembrar o Informe para proceder al arreglo de la Instrucción Pública de Manuel J. Quintana, en 1813, no que concluía: “Debe, pues, ser una la doctrina en nuestras escuelas y unos los métodos de su enseñanza, y es consiguiente que sea también una lengua en que se enseñe y que ésta sea la lengua castellana”.

Feijóo sen tenza

por Xoán Costa, en Sermos Galiza:

Feijóo fica sen tenza neste monte comunal que é a lingua. No comezo da lexislatura que agora remata manifestou que o galego sería unha das súas prioridades.

luns, 26 de novembro de 2012

Unha nova oportunidade

por Víctor Freixanes, en La Voz de Galicia:
Cando as eleccións de marzo do 2009, nas que o PP obtivo maioría absoluta, a cuestión da lingua converteuse nun dos eixos centrais da campaña. Non vou dicir que o único. Pero foi un espazo de confrontación importante. Confrontación e demagoxia. Contra a política de consenso que se viña desenvolvendo dende 1983, cando se aprobou por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística, abriuse daquela un novo tempo que representaba (e representa) exactamente o contrario. O que en calquera circunstancia debería ser motivo de unión, patrimonio que a sociedade transmite de pais a fillos e que as institucións teñen obriga de defender e garantir, virou de súpeto en arma que se guinda contra o contrario, argumento para dividirnos.

A nulidade do discurso lingüístico do PP

excepcional artigo escrito por unha experta en lexislación das linguas, Alba Nogueira, en Sermos Galiza:

As sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarando ilegais os preceptos centrais do Decreto de plurilingüismo de 2010 e desestimando paralelamente as pretensións de Galicia Bilingüe, deben servir para abrir novos camiños de recuperación de espazos para o galego, nomeadamente no ensino.

Xustiza para o galego, xustiza poética

por Susana Méndez, o 25/11/2012, en Sermos Galiza:

As reaccións á sentenza que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ven de emitir, anulando unha parte central do Decreto chamado “do plurilingüismo”, non se fixeron agardar, nin por unha banda, nin pola outra. Unha sentenza que non fai senón dar a razón a quen defendemos, sinxelamente, a normalidade para a nosa lingua, a normalidade de poder empregala onde for sen resultarmos criminalizad@s, a normalidade de que as crianzas galegas poidan coñecela e falala sen que se lles impida, dun xeito ilexítimo e sibilino, o acceso á súa aprendizaxe, ou, mellor dito, o acceso á súa adquisición como lingua propia que é.

O meu carro é reintegracionista

por Joám Lopes Facal, en Praza Pública:

Desculpem mas quero confessar-lhes que o meu carro é reintegracionista. Tal como ouvem. Bom, para ser preciso, realmente no que fala, e mesmo escreve, é em português, mas isso som matizes menores, acho eu. Quando digo que fala, refiro-me, como podem entender, ao navegador: “próxima rotunda, segunda rua” ou “invirta o sentido da marcha quando for possível”. Um desvelo quase maternal com que tenta proteger-me prolongado em textos emitidos na pequena pantalha ou ecrám frontal: “ponha o cinto de segurança” ou “pressom dos pneus correcta”, e muitas outras recomendaçons sempre atentas, em correctíssimo português que eu interpreto como umha deferência comigo. Alguém o informou do meu gosto polo galego em aparelhos electrónicos e etiquetado. A deferência idiomática é um traço a agradecer visto o carro ser alemám.

CTNL: 'Pedimos a volta ao consenso na política lingüística'

Comunicado da CTNL pedindo a volta ao consenso e ao sentido común na política lingüística:

Dede a CTNL pedimos que Política Lingüística pase a ser unha área transversal no organigrama do novo goberno e non estea encadrada nas consellarías de Educación nin de Cultura. Ademais, é o momento de volver ao consenso que supuxo o PXNLG, polo que pedimos que xa o nomeamento do novo goberno sirva para visualizar un cambio de actitude.

domingo, 25 de novembro de 2012

O valedor do pobo xustifica a deturpación toponímica de *Riveira

Cando lle preguntamos á profesora de lingua se o topónimo do noso concello se escribía con b ou con v ela fixo o que tiña que facer. Comenzou a falarnos do latín, das linguas románicas, da evolución das palabras nas distintas linguas, e despois ametrallounos cunha longa lista de exemplos, ata que finalmente sobre o encerado foi aparecendo do seu xiz algo que despois deses minutos de clase se nos facía máis que evidente: como o ripariam latino derivou no ribeira galego. Era o ano 1982. Ao ano seguinte aprobouse a maltratada Lei de Normalización Lingüística que establecia que os topónimos galegos  terán como única forma oficial a galega. Outro ano máis tarde o  decreto 132/1984, estableceu o procedemento para a fixación ou recuperación toponímica. Finalmente no 2003 apróbase o nomenclátor de todas as entidades galegas [ver as da provincia d´A Coruña]. Deste xeito a lei ratificaba o que determinaba a sabiduría dos expertos na ciencia da filoloxía onomástica.
Finalmente, para que todo este traballo tivera continuación e unha divulgación digna do orgullo de sermos galegos, temos ao noso dispor un excelente portal web, Toponimia de Galicia, que a día de hoxe pon ao noso dispor máis de 400.000 topónimos.

Porén o concello de Ribeira mantén unha pertinaz incumprimento das normas asi como unha obsesiva defensa da deturpación toponímica. De certo que esta postura ten profundas raíces ideolóxicas da peor especie anti-galega. Todo aquel que acepte destrozar a forma galega do nome do concello está a rachar coa súa identidade e, en consecuencia, convértese nun destrutor da cultura e en promotor do escurantismo. Tamén é seguro que para conseguir manter esta imposición ilegal entre o persoal que traballa no concello, non lle quedaría outra que utilizar coaccións e malas prácticas. O máis triste do caso é que a Xunta, actuando cun sectarismo partidista noxento, non só non intenta reverter esta situación senón que divulga o SNL de Ribeira como un referente na normalización no ámbito local [1], [2]
Para poñer en evidencia esta situación hai aproximadamente un ano presentei unha queixa ante o Valedor do Pobo. Veño de recibir o seu ditame, realmente estrafalario, pois decide pechar o expediente dirixido ao Concello de Ribeira "a pesar de que a resposta achegada non experesa a aceptación do recordatorio de deberes legais". Todo o seu fundamento reside en que o SNL do concello, parece ser que emitiu un informe no que se instaba á Xunta a revisión do topónimo legal para que fose substituído polo deturpado.

Pensando en usar a mesma lóxica que usa José Julio Fernández Rodríguez, o actual valedor, cando mañán colla o coche, levareino todo o tempo pola esquerda. No caso de que me pare a garda civil, e me recrimine:
- Pero vostede está tolo! Sabía que marchaba polo carril contrario?
Eu levarei xa a resposta preparada:
- Teña conta, señor axente, que onte mesmo lle mandei unha carta á DGT instándoa a que revirse a norma que obriga a circular pola dereita pois xa vai sendo hora de que guiemos pola esquerda.
E inchando o peito mostrareille o meu cané de identidade para facerlle ver, fachendoso, que eu son natural de *Riveira.
- Home, sendo así...- responderá o garda civil.

Valedor Do Pobo Ribeira




P.S.:
A toponimia desvalida, 26/11/2012, en AGON
O Concello de Ribeira teima en 'escribirse' con uve e o Valedor arquiva o caso, 27/11/2012, en Praza Pública
Ribeira: a Asociación Galega de Onomástica denuncia que o Concello segue a quebrar a lei a pesar das queixas ao Valedor sobre o topónimo, 26/11/2012, en Certo
E dálle con Riveira, 27/11/2012, en Galicia Confidencial
Arquivada a queixa aberta no Valedor do Pobo pola utilización do topónimo non oficial "Riveira",02/12/2012, en Prolingua