Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 28 de febreiro de 2013

Demisión de Ferrín. Recompilación

Desde a súa demisión houbo toda unha revolta no mundo da cultura galega. Velaquí algunhas das cousas publicadas ata o momento. Non descarto seguir engadindo máis, que ha de habelas, ... se teño folgos.


Carta de demisión de Ferrín, 25/02/2013, vía Sermos Galiza
Axeitos atribúe a tensión no interior da Academia ao ILG e ao CCG, 25/02/2013, no Sermos Galiza
Méndez Ferrín dimite como presidente da RAG, 25/06/2013, en Praza Pública
A Mesa reclama que o ILG e o Consello da Cultura expliquen se presionaron a RAG para que non presentase o recurso en defensa do galego no ensino, 25/02/2013 no web da Mesa
O escándalo das contratacións e a tensión interna co núcleo do ILG-CCG precipitaron a demisión de Ferrín, 26/02/2013, no Sermos Galiza
O mundo da cultura reacciona após a demisión de Ferrín, 26/02/2013, no Sermos Galiza
A demisión de Ferrín en once claves: da sombra de nepotismo á guerra polo control da RAG, 26/02/2013, no Sermos Galiza
ILG e CCG estudarán esta semana respostar ás acusacións de presións á RAG, 26/02/2013, no Sermos Galiza

Ferrín recibe apoios desde o mundo literario, 27/02/2013, no Sermos Galiza
Manuel Rivas pídelle a Ferrín que esgote o seu mandato, 27/02/2013, no Sermos Galiza
Monteagudo: ''Hai xente que vive noutro mundo, nun de conspiracións e censuras'', 27/02/2013, Galiciaé
Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega sobre a Real Academia Galega, 27/02/2013, no blogue da AELG
A cultura galega valora positivamente a xestión de Ferrín e pide unha RAG "máis activa" e "plural", 27/02/2013, na Praza Pública
A AELG pídelle a Ferrín que continúe como presidente e non abandone a Academia, 27/02/2013, Sermos Galiza
Comunicado do Consello da Cultura Galega, 27/02/2013, Consello da Cultura Galega
O CCG nega presións á Academia Galega, 27/02/2013, Sermos Galiza

Comunicado do Consello Científico do Instituto da Lingua Galega, 28/02/2013, comunicado do ILG no Xornal da USC
O ILG súmase ao Consello da Cultura e nega ter presionado á Academia, 28/02/2013, Sermos Galiza
Ferrín non aclara se repensará a súa dimisión malia xurdir máis voces que llo piden, 28/02/2013, Praza Pública

Axeitos chama a Monteagudo "portavoz dos conspiradores” contra Ferrín, 01/03/2013, Sermos Galiza
Henrique Monteagudo: “Inventar a teoría da conspiración é irresponsábel e pon en perigo a Academia”, 01/03/2013, Carme Vidal entrevista a Henrique Monteagudo para Sermos Galiza
A demisión de Ferrín deixa á vista unha grave crise na RAG de desenlace incerto, 01/03/2013, Sermos Galiza
Villares agarda que quen suceda a Ferrín xestione "o poder simbólico" da Academia, 04/03/2013, Sermos Galiza

Consenso para que Ferrín continúe na Academia cando menos como numerario, 06/03/2013, Sermos Galiza

Ferrín advirte de que "sempre se pode cambiar de opinión", 10/03/2013, Praza Pública
Ferrín: "Sempre se pode cambiar de opinión", 10/03/2013, Sermos Galiza

Ferrín podería esclarecer esta segunda feira se leva o decreto ao Supremo e se se mantén na RAG, 11/03/2013, Sermos Galiza
A RAG pide anulación total do decreto do plurilingüismo no Supremo, 11/03/2013, Sermos Galiza
A RAG recorre ao Supremo a sentenza do TSXG e pide a "anulación total" do decreto, 11/03/2013, Praza Pública
"Cando se filtran as cousas é que hai deslealdades e entón entramos no terreno das cloacas", di Ferrín, 11/03/2013, Sermos Galiza

Jesús Vázquez, ao BNG: "A RAG recorre ante un tribunal que vostés tildan de españolista", 12/03/2013, Sermos Galiza

A RAG vivirá hoxe o seu pleno máis decisivo, 13/03/2013, Sermos Galiza
Ferrín dimite e asegura que "a Academia está en perigo", 13/03/2012, Praza Pública
Consúmase a demisión de Ferrín, que ve a RAG "en perigo", 13/03/2013, Sermos Galiza
Ferrín cumpre coa súa palabra, 13/03/2013, Galicia Confidencial
Entrevista a Henrique Monteagudo, académico da RAG, 14/03/2013, entrevista no programa Bos Días da TVG
"Agora toca un consenso polo ben do galego", 17/03/2013, Xurxo Salgado entrevista a Henrique Monteagudo no Galicia Confidencial
Henrique Monteagudo tira con bala: "Se cadra o que hai que entender que Ferrín pensa que corre perigo e a súa persoal visión da RAG", 18/03/2013, no Galicia Hoxe
Ferrín ve a RAG ameazada de "absorción", mais continúa sen explicitar quen a pon en perigo, 18/03/2013, Sermos Galiza
A división da cultura chega tamén a premios emblemáticos, 20/03/2013, Galicia Confidencial
Manuel González, primeiro candidato a presidir a RAG, 24/03/2013, Sermos Galiza
A dupla Alonso Montero-Rosario Álvarez, candidatura probábel do sector crítico a Ferrín na RAG, 25/03/2013, Sermos Galiza

Opinión
Opacidade institucional. As contas da Academia, 16/02/2013, por Ramom López Suevos no Sermos Galiza
Doce segundos de silencio, 16/02/2013, por Carlos Negro en Praza Pública 
A dimisión do Presidente da RAG, 26/02/2013, por Manuel Rodríguez Alonso en Galicia Confidencial
Academia, 26/02/2013, por Antón Dobao, en Praza Pública
Compartamos o escaso pan e o viño, 27/02/2013, por X. H. Rivadulla Corcón no Sermos Galiza
Ferrín morreu, viva Ferrín, 27/02/2013, por Xurxo Borrazás na Praza Pública
Ferrín debe responder, non demitir, 01/03/2013, por Xabier P. Iglesias no Sermos Galiza
Compartamos o escaso pan e o viño II, 02/03/2013 por X. H. Rivadulla Corcón no Sermos Galiza
A RAG e a teoría dos cueiros, 04/03/2013 por Daniel Landesa en Praza Pública
Sentido da medida, 05/02/2013 por Suso de Toro en Praza Pública
Carta aberta a Manuel Rivas, 06/03/2013, por Xesús Alonso Montero en La Voz de Galicia
Novo rumo na Academia Galega, 10/03/2013, por Xoán Antón Pérez Lema no Sermos Galiza
Coa esperanza nos dentes, 12/03/2012, por Manuel Rivas en La Voz de Galicia
A conxura dos mediocres, 14/03/2013, por Francisco Sampedro no Sermos Galiza
E Ferrín marchou da Academia, 16/03/2013, por Redes Escarlata en Praza Pública


Blogues
Grandeza e miseria da Real Academia Galega, 07/01/2013, por Manuel Rodríguez Alonso en Bouvard e Pécuchet
Un espectro percorre a Academia, 25/02/2013, por Xabier Cordal no blogue Monte Alto
Xosé Luís Méndez Ferrín demite como presidente da Real Academia Galega (RAG), 25/02/2013, por Miro Villar no seu blogue As crebas
caso Ferrín, 25/02/2013, por X. M. Eyré na ferradura en tránsito
Onte 536: Ferrín, 26/02/2013, por Manuel Bragado en Brétemas
…E Ferrín declarou a guerra civil! (Parte 1 de 2), 27/02/2013, por Filipe Díez no extramuros
Xogo de tronos ou Cemiterio privado?, 27/02/2013, por X. M. Eyré na ferradura en tránsito
Onte 538: Temperanza, 28/02/2013, por Manuel Bragado en Brétemas
…E Ferrín declarou a guerra civil! (Parte 2 de 2), 28/02/2013, por Filipe Díez no extramuros
Conclusións da primeira semana de guerra civil,02/03/2013, por Filipe Díez en extramuros
o sapo gozoso e o futuro da RAG, 28/02/2013, por X. M. Eyre na ferradura en tránsito
A RAG presenta o recurso de casación perante o TS, 06/03/2013, por Filipe Díez en extramuros
fumata negra na rúa Tabernas, 14/03/2013, por X. M. Eyré na ferradura en tránsito
a mala educación, 18/03/2013, por X. M. Eyré na ferradura en tránsito
Surreal Academia Galega, 20/03/2013, por Alfredo Ferreiro no Levantador de minas

mércores, 27 de febreiro de 2013

Academia

por Antón Dobao, en Praza Pública:

Somos demasiado adultos. Deixemos a un lado os requintes, que en quen non posúe o talento do virtuosismo na interpretación quedan ridículos. As reviravoltas e as digresións só son interesantes se a literatura é boa. Se non hai técnica nin xenio, fan demasiado evidente o artificio, e onde o artificio se exhibe goberna o simulacro. Hoxe o simulacro volve ocupar a escena social pública. Saibamos, coa cantidade de consciencia que se nos presupón ós adultos formados, que en toda esta exhibición impúdica de cinismo, saña e mal disimulada rabia hai un histórico, alterado e elocuente axuste de contas. A tres bandas. Por moitos motivos, e non todos confesables. E hai tamén oportunidade política.

15 de marzo, encrucillada da política lingüística popular

por Carlos Amoedo na Praza Pública:

O vindeiro 15 de marzo remata o prazo para que a Xunta de Galicia formule no Tribunal Supremo o xa anunciado recurso de casación contra as oito sentenzas recentemente ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en relación co Decreto 79/2010, para o plurilingüismo no ensino non universitario.

Quíxente tanto meniña



Crúzome con el todos os días polos corredores do instituto. Pero non o coñecía. César Castillo Sanabria, de 1ºBH, é un rapaz inmigrante, natural de Asunción (Paraguai). Estivo seis anos vivindo en Málaga e só hai uns meses, desde principios de curso, vive en Galicia.
Ao ter coñecemento da celebración do Día de Rosalía non o dubidou nin un momento, colleu a guitarra e o vídeo e gravou esta canción sobre o poema de Cantares Gallegos: "Quíxente tanto meniña"

martes, 26 de febreiro de 2013

Os watusi e a Conselharia de Educação

por Valentim Fagim, no Sermos Galiza:

Se comparamos um aluno galego com outros do resto do Estado evidenciaremos que não há diferenças significativas do ponto de vista físico ou inteletual. Não destacam pola sua inteligência, a sua beleza ou a sua agilidade.

'A xustiza pola man', lipdub do CPI de Vedra



Lipdub dos alumnos de 4º de ESO do CPI de Vedra para un proxecto de TIE dirixido polo profesor Davide Loimil. Gravado case sen ensaios previos e nun só plano secuencia coa participación de todos os integrantes do centro.
Cantan o poema de Follas Novas en versión de NAO.
Vía Trafegando Ronseis

luns, 25 de febreiro de 2013

Antón Beiras e o galego

por Pablo Vaamonbde, no Galicia Confidencial:

O primeiro artigo médico escrito en galego durante o franquismo foi publicado polo oftalmólogo Antón Beiras no ano 1957. No limiar defendía o idioma como vehículo adecuado para a ciencia e a práctica médica.

O catedrático e a lingua limitante.

por Susana Méndez, no Sermos Galiza:

Sucedeu hai poucos días. O profesor esforzábase en demostrar os seus abondosos coñecementos diante de aproximadamente 35 persoas. A materia non é que fose amena, mais en certos aspectos si resultaba interesante. No medio da disertación, o catedrático quixo opinar sobre unha cuestión que non tiña demasiado a ver co que alí se falaba, pero el decidiu deixar constancia da súa visión. Sementando prexuízos.

Meniña gaiteira

por Carlos Negro, no Sermos Galiza:

Neste tempo de invernía, nunha especie de celebración para os meus adentros, regresei á lectura de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, agora que se conmemora o 150 aniversario da edición de 1863. E así como quen non quere a cousa, a cabeciña (esa que parar, para pouco) comezou a lle dar voltas a certas suxestións arredor da esencia desta obra fundacional da literatura galega contemporánea.

Manipulación do Día da Lingua Materna

Velaquí esta reflexión que me publicaron no Sermos Galiza:

O 21 de febreiro foi declarado pola UNESCO o Día Internacional da Lingua Materna. E así se celebra en todo o mundo... agás en Galicia.
Ano tras ano, a Xunta ven deturpando o significado que a UNESCO lle outorgou desde a súa institución. O sentido da celebración do Día Internacional da Lingua Materna é o de actuar frente á cada vez maior ameaza que pesa sobre a maioría das linguas do planeta. En concreto a UNESCO denuncia que "O uso -ou o desuso- de determinadas linguas pode hoxe abrir ou cerrar portas a amplos sectores sociais en moitos lugares do mundo."
O que transmiten estas palabras é tamén o noso pan diario e o maior responsable das ameazas que hoxe cercan ao galego é paradoxalmente a Xunta. Por iso o goberno nunca perde a ocasión para confundir. Queren facernos ver que o concepto de lingua materna é o de ser a lingua da infancia, aquela na que aprendemos a falar, cando desde a UNESCO en ningún momento se refiren a isto, senón ao establecemento real dos dereitos lingüísticos universais esmagados pola secular tendencia unificadora dos estados e o modelo economicista de crecemento propugnado polos grupos económicos transnacionais [ver Preámbulo da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos].
Para nós a cuestión non é menor.  Paulo Gamallo  denunciou moi acertadamente que a lectura que ofrece a Xunta da Lei de Normalización Lingüística (LNL) ten efectos realmente perversos  pois en base ao dereito a percibir o primeiro ensino na lingua materna, a administración podería obrigar a que a totalidade do ensino infantil dos centros das cidades se realice en español. É ese o espírito da LNL? Ou é quizais o do goberno de Feijóo?. De asumirmos esta deturpación, ben podería suceder que unha lei que pretendidamente sería o garante da promoción e mantemento da lingua galega, sirva precisamente para todo o contrario. As liñas directrices do discurso do goberno parecen desenvolverse así: "Se non podemos manipular a historia, manipulemos a linguaxe. Acto seguido, esnaquicemos a lingua (non a nosa, senón a galega)."
Un ano máis a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) emite unha declaración motivada por esta celebración. Só unha lectura moi superficial e pouco atenta da mesma pode pasar por alto a contradición entre o tema central do Día da Lingua Materna deste ano -o libro, eixo da educación na lingua materna- e a interpretación deturpada que a Xunta nos ofrece do que significa do concepto lingua materna.
O decreto para o plurilingüismo foi moi efectivo na retirada dos libros de texto que cometían o terrible irregularidade administrativa de estaren redactados en galego. Pola contra a mensaxe da directora da UNESCO indica que:
A vitalidade das linguas depende tanto da palabra compartida polos falantes como da produción abundante de material pedagóxico e de textos impresos. Nalgúns países, a falta de libros e de manuais escolares escritos nas linguas locais constitúe un obstáculo para o desenvolvemento e para a inclusión social.
Como nos vai explicar a Consellería de Educación que a lingua materna é a un tempo aquela na que o neno aprende as primeiras palabras mentres se considera fundamental a lectura para o asentamento desa mesma lingua materna? O disparate está á altura da que foi unha das primeiras zocadas en materia lingüística cometida polo primeiro goberno de Feijóo: a emisión na versión orixinal en inglés do programa infantil Teletubbies con subtítulos en galego.

A declaración do Día da Lingua Materna no seu contexto.
A política lingüistica das últimas lexislaturas do PP consistiu nun continuo acoso e redución do galego en todos os ámbitos. En primeiro lugar, pasouse de ter unha Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) dependente da Presidencia a circunscribila á Consellería de Educación. A mensaxe ficou clara: a política lingüística reducíase só ao mundo escolar e o goberno de Feijóo así renunciaba a implantar políticas normalizadoras na empresa, no comercio, na xustiza, na sanidade,... mesmo na propia administración. De seguido esfarelouse por completo o consenso construído traballosamente arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega no 2003 e entrando como raposos nun galiñeiro, Jesús Vázquez e Anxo Lorenzo acometeron o maior ataque á lingua galega dos últimos 30 anos  aprobando unilateralmente un decreto do plurilingüismo que fede a ideoloxía racista.
Xa temos todos os brazos do goberno excluídos dos procesos normalizadores: o educativo por medio dun decreto e o resto pola absoluta falta de transversalidade. Só queda a SXPL. Pero nin este organismo pode emitir unha nota de prensa no Día da Lingua Materna. por ser contraditorio co decreto que exclúe do ensino en galego na educación  infantil.. Non tería sentido facer un chamamento a educar aos nenos en galego cando desde a Xunta se mantén contra o clamor social evidenciado nos apoios a Queremos galego. Non entraría dentro do discurso da Xunta facer un chamamento ás familias á implicación na transmisión da lingua cando  incluso se enroca contra as sentenzas do TSXG que precisamente determinan a ilegalidade do mantemento da exclusión da poboación infantil do ensino en galego. Por iso quen emite a nota de prensa non pode ser a Xunta, nin a Consellería de Educación, nin tan sequera é a SXPL. Ten que ser un organismo subordinado desta última: a Rede de Dinamización Lingüística (RDL), un chiringuito que pretendidamente sería o coordinador da normalización nos concellos pero cuxa única acción coñecida foi o peche de 16 servizos de normalización das administracións locais. Alén disto, que é o que pode facer un técnico dun concello para contribuir á educación infantil en galego? Non será iso labor máis propio dun mestre? Iso si, dun mestre que incumpra o decreto para o plurilingüismo.
Ultrapasando os límites do cinismo, a declaración da RDL anima "aos educadores en xeral, a transmitir a lingua galega dende a primeira infancia". Bastaba con que o goberno admitira o fracaso da súa política lingüística e dera un paso atrás acatando as sentenzas do TSXG e derrogando o funesto decreto contra o galego. Pero non o van facer, non. Pois o goberno galego non goberna. Cedeulle todos os poderes a Madrid. Fundamenta o seu poder en transferilo aos aparatos centrais do partido. E en Madrid o galego non é unha lingua, nin o fundamento dunha cultura; é únicamente problema. Así é como funciona a política lingüística da Xunta: contra a política e contra a lingua.

domingo, 24 de febreiro de 2013

A Xunta con David Cal vs. a Xunta contra Rosalía

A conta oficial da Xunta de Galicia no Twitter, @Xunta estivo máis interesada en promover o Premio Píncipe de Asturias para David Cal que en divulgar e celebrar o Día de Rosalía.
Moitos twiteiros fixéronlle un chamamento a que contribuíra a espallar hastags que fixeran referencia á figura da poeta, pero a Xunta respondeu ofrecendo un chío en español e divulgando o hastag #GaliciaconDavid  

Un comentario aparte: a pesar de que a Xunta quixo aproveitarse do traballo dos tradutores do Twitter ao galego en beneficio propio, tres días despois de termos esa posibilidade aínda non fixeron ningún chamamento, ningún anuncio, de que están a usar a versión galega.

Que ben recitan a Rosalía os nenos de Fornelos de Montes!



O colexio de infantil e primaria Doutor Suárez, de Fornelos de Montes, sumouse á celebración do Día de Rosalía cunha lectura colectiva de versos da escritora na que participou todo o alumnado, dende os máis pequenos, de 3 anos, ata o alumnado dos últimos cursos de primaria. E que ben o fan!
E que ben montou o vídeo o seu autor. Traballiño debeu pasar.
Os nenos  recitan distintos versos de Has de cantar. O poema forma parte de Cantares Gallegos, obra que este ano se celebran os 150 anos da súa publicación.

sábado, 23 de febreiro de 2013

Turexpo: contra a lingua e a toponimia

A esta fin de semana está acelebrarse en Silleda  Turexpo Galicia, o III  Salón do Turismo. A organización deste encontro está subvencionada por Turgalicia, organismo dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, unha das do organigrama da Consellería da Presidencia.
Tanto é o desleixo que as institucións e, por extensión de organimos como Turexpo, senten pola nosa lingua que non lles importa deixalo á vista de todos nun portal web como o do Salón do Turismo. Paseando por el atoparemos múltiples exemplos de exclusión do galego:
O folleto informativo: só en castelán, non hai versión en galego.
As tarifas: en castelán e en inglés, non hai versión en galego
O formulario de reserva de espazos: en castelán, non hai versión en galego.
A normativa: só en castelán. Curiosamente o título aparece tamén en inglés: Regulation. O galego completamente excluído
Os formularios de contratación: O título exclusivamente en castelán. O resto en castelán e inglés. O galego completamente excluído.
No ano 2011 editaran un xornal informativo do evento. En castelán pero con versións en inglés de saúdos do Conselleiros da Presidencia, do Consellerio de Cultura, da Secretaria Xeral para o Turismo (que tamén era a presidenta do Comité Organizador de Turexpo) e da directura da Fundación Semana Verde. O galego totalmente excluído e maltratado xa que se fala dunha presunta "isla de La Toja"
Na convocatoria deste ano volveron a editar o xornal informativo, só en castelán. Pero para colmo da zunia, inclúen un artigo sobre as excelencias turísticas de Ribeira no que usan unha forma non oficial do topónimo: *Riveira, na que o o goberno municipal do PP está empeñado en manter en contra do establecido na lexislación e na ciencia da onomástica. O apoio á publicación do Vicecpresidente da Xunta, da directora da Axencia de Turismo de Galicia e Secretaria Xeral de Turismo, e do Director da Fundación Semana Verde, están certificando o desprezo da Xunta pola onomástica galega e, en definitiva, pola lingua.

venres, 22 de febreiro de 2013

Rosalía, trending topic

por Mercedes Queixas, no Sermos Galiza:
Hai uns días un xornalista preguntábame, na miña condición de docente, se a obra de Rosalía de Castro era comprendida pola mocidade de hoxe.

21 días co galego: Cándido Pazó



Teño unha especial debilidade por Cándido Pazó pois para min é quen na escena galega mellor transmite as emocións. Non podo deixar de introducilo aquí para presentar unha gorentosa iniciativa que se está a desenvolver no IES da Pobra do Caramiñal: 21 días co galego.

xoves, 21 de febreiro de 2013

O conflito non che é cousa nosa

por Nel Vidal, no Sermos Galiza:

A normalización lingüística non procura ningún conflito..., mais atópao.
Cando unha persoa galegofalante ten que lle facer unha consulta á súa compañía de teléfono, contratar un seguro para o seu coche ou solicitar un certificado na Seguridade Social, o que quere é que lle resolvan algunha dúbida relacionada co servizo de telefonía, ter cubertos os posíbeis sinistros que poida ter conducindo ou obter ese certificado para realizar algún trámite.
Mais, se non lle permiten obter eses servizos en galego, quen é que está a provocar conflito: quen nega ese dereito ou quen quere usar normalmente a súa lingua?

A pesar da Xunta, temos Twitter en galego.

Tal e como se pode comprobar nesta imaxe, Twitter anunciaba onte, 20/02/2013, que a comunidade romanesa e a galega dispoñían das súas respectivas versións.
Este novo tanto no haber da normalización debémosllo a @tweet_en_galego e a toda unha comunidade desinteresada de tradutores que, sen outro interese que a de acadar novos espazos para a nosa lingua, realizaron un enorme traballo desde o anonimato.
Para celebralo, a partir de hoxe, dixarei colgado neste blogue os chíos da conta @cartaxeometrica.

A historia do proceso.
A iniciativa Twitter en galego comenza a súa historia 7 de maio do 2011, da man de Carlos García Vieito, un estudante de Ciencias Políticas, cando crea @tweet_en_galego co fin de reivindicar a dispoñibilidade en galego desta ferramenta tecnolóxica. Desde aquela, toda unha comunidade de internautas colaborou para facer posible o que hoxe, por fin, é unha realidade, o poder dispoñermos de Twitter na nosa lingua. No proceso puxéronse en marcha varias iniciativas para facer chamamentos á comunidade internauta galega a incorporarse ao proceso de tradución dos que cómpre destacar a creación dun web e dun blogue.

A polémica do intento de apropiación da Xunta
Pouco antes das pasadas  eleccións autonómicas, unha noxenta nota de prensa da Secetaría Xeral de Política Lingüística que anunciaba: “O Twitter falará galego grazas a unha campaña respaldada pola Xunta”, o organismo autonómico intentaba apropiarse do traballo dunha comunidade anónima e desinteresada para o seu propio beneficio político.
Só houbo un contacto entre os promotores da tradución de Twitter e diferentes representantes culturais e institucionais, na que o único que se fixo foi darlle voltas ao discurso da  importancia do galego na rede, sen indagar nas posibles solucións ou respostas ante este problema. Foi un encontro do que o único que se sacou en limpo foi unha iniciativa en change.org de petición de sinaturas para apoiar a iniciativa do Twitter en galego. A repercusión disto no proceso foi nula, e a Xunta non aportou ningún tipo de axuda, nin técnica nin económica, nin institucional, nin de ningunha outra clase que desembocara no que por fin, o grupo de tradutores voluntarios, acabou conseguindo. Por iso a eles, e só a eles, lle debemos agradecemento.

Como configurar a conta de Twitter en galego
Basta con seguir estes poucos pasos: Ferramentas > Configuración >Conta > Idioma

O proceso non remata aquí. Hai que facer unha revisión de toda a tradución feita, correxir erros, amplicar o proceso para que as apps dos móbilies ou das tabletas tamén poidan dispoñer da súa versión en galego... Aquí a Xunta aínda podería apuntarse a botar unha man, pero despois do visto...

mércores, 20 de febreiro de 2013

A lingua das proclamas das manifestacións: máis un caso da bárbara mestura

Curiosa e educativa análise das proclamas nas manifestacións, por Xosé Manuel Sánchez Rei, en Terra e Tempo:

As políticas antisociais desenvolvidas en maiúsculas polo PP están a xerar unha grande contestación social. Quer mediante greves xerais, quer con reivindicacións sectorais, o certo que unha percentaxe ben alta da populación galega explicita estar cada vez máis farta das medidas adoptadas unilateralmente polas xentes da pérfida gueivota. Esas infelices actuacións debidas ao partido do goberno teñen como actuais consecuencias, entre outras, a emigración masiva das xeracións mellor preparadas do país nos séculos XX e XXI, a forte tendencia á reclusión das mulleres no fogar para coidaren da familia e atenderen os labores domésticos, a notoria baixa do nivel de vida para unha importante parte da cidadanía, a perda de poder adquisitivo en moitas camadas sociais, os fáceis despedimentos, o maior número de persoas desempregadas de toda a historia da Galiza, o pretencioso camiño cada vez máis firme cara á privatización dos servizos públicos, o proxecto de lingüicidio co idioma galego, o risco de exclusión e marxinalización social das faixas socioeconómicas menos favorecidas etc. Nestes medios, as centrais sindicais son puntos de confluencia social na loita polos dereitos cidadáns, nomeadamente a CIG, organización á vangarda na defesa das clases traballadoras galegas e preclara (ben antes que outras) na comprensión global das políticas involucionistas dos actuais gobernos da Galiza e do Estado español.

A conferencia de Olimpio Arca sobre Ramón Verea


O pasado mes de novembro, como unha máis das actividades arredor do Día da Ciencia en Galego  no IES Pintor Colmeiro, Olimpio Arca Caldas, autor da máis completa biografía de Ramón Verea ( inventor da primeira máquina de calcular que realizaba os produtos directamente alá polo ano 1878)
Olimpio lémbranos que debemos recuperar a nosa historia. Os libros de texto falan de Isaac Peral como inventor do submarino, de Juan de la Cierva como inventor do autoxiro. Porén non falan de José Rodríguez, o matemático de Bermés, nin de Domingo Fontán, o xeógrafo de Portas, ou como é o caso que nos ocupa, de Ramón Verea, quen fixo un dos avances máis importantes na historia do cálculo.

A conferencia
O mestre Olimpio Arca Caldas ilustrounos co seu profundo saber sobre o inventor galego e explicounos que o seu obxectivo fundamental era dar a coñecer a historia que nos roubaron para que non teñamos orgullo de nós mesmos. Por iso deixounos para que compartísemos a presentación que nos ofreceu xunto coas súas notas.



Reitero o agradecemento do Equipo de Normalización do IES Pintor Colmeiro a Olimpio Arca por permitir que comunidade internauta poida coñecer de quen  máis sabe sobre Ramón Verea a biografía deste inventor.
A seguir o relatorio desta presentación.


Presentación da biografía de Ramón Verea, por Olimpio Arca Caldas

1. Único retrato que coñecemos do estradense Ramón silvestre Verea García, home de mentalidade renacentista, orgulloso sempre e en todas as esferas da sociedade, da súa nacionalidade española e defensor a ultranza do labor de España no mundo.
Prestixioso escritor e inventor esquecido nas enciclopedias e nos libros de texto durante moitos anos, o meso que outros científicos galegos. As primeiras novas que tiven de Ramón Verea pertencen á prestixiosa revista “La Ilustración gallega y asturiana”. Buscaba eu máis datos acerca da persoa de Bernardo Rodríguez, outro emigrante estradense que desempeñou en Arxentina o cargo de bibliotecario na Universidade de Bos Aires.
Antes de entrar na extraordinaria e fecunda biografía de Verea,  paréceme importante coñecer os vieiros que me levaron a saber da súa apaixoada vida. Na devandita revista “La Ilustración” comentaba un anaco da súa vida o biógrafo Pérez Morris e, consultado o Espasa, comprobei que nacera na parroquia de Curantes.
O seguinte paso levoume aos cemiterios desa parroquia, coa esperanza de atopar nas lápidas dos panteóns posibles familias de Verea. Non había ningunha, en troques, aparecían moitos Brea. Comprendín que a ausencia do apelido Verea estaría motivada polas inscircións que os casteláns fixeran nos libros do resitro civil creado no 1870, así os Meixide pasaran a Meijide, os Texo a Tejo, os Docampo a Campos.
No Museo de Pontevedra atopo os dous volumes da colección da súa gran revista “El Progreso”, fonte segura de documentos autobiográficos para coñecer vida e escritos do noso personaxe. Estes volumes foran doados no seu día oa Museo Provincial por Pedro Trapote, único axente da revista en Pontevedra.
                Logo desta sinxela introdución, analizarei a vida e obra de Ramón Verea como escritor e inventor. Nace Verea o día 11 de decembro do 1833 na parroquia de San Miguel de Curantes, xurisdición
de Tabeirós, incorporada máis tarde ao concello da Estrada.
                No libro sacramental número 3, folio 140, do arquivo da devandita fegresía atópase a inscrición do bautizo do neno Ramón Silvestre Verea García. Oficia este sacramento, coa licencia experesa do párroco Miguel Silvestre de Lago, o presbítero Francisco Porto y Vila, tío avó do neófito. Medra Ramón no seo dunha familia labrega acomodada e, orientado no apecto cultural e relixioso polo Parente crego.

luns, 18 de febreiro de 2013

Merecemos máis

por Craig Patterson en Praza:

Confeso ser un inxenuo. Confeso que en 2009, cando xa se olfateaba que modelo de política lingüística ía impoñer o novo réxime, dei por sentado que ía xurdir unha resistencia cultural dinámica, robusta e decisiva que non consentiría que aquelas políticas nefastas ficasen en vigor máis duns meses. É verdade que houbo críticas e censuras, cartas abertas, declaracións públicas e mediáticas en contra delas, pero aquel rumbo filisteo tirou para adiante sen vacilación ningunha. Houbo tamén reproches institucionais por parte da mesma xente acomodada e acomodaticia que ocupa os mesmos postos de sempre e que intercambian entre eles nun eterno xogo de cadeiras musicais, un sempiterno turno pacífico de coleccionar cargos que deixa a xuventude galega galeguista indiferente –cando non cínica– diante da súa fraca resistencia, do seu conformismo acomodado. Boa parte deses reproches chegaron dos mesmos sectores que pactaron colocar o sr. Anxo Lorenzo no lugar onde ficou, supoñamos que para facer menos dano antes ca para facer ningún dano, porque dano fixo e non somente ao seu propio creto persoal e profesional, senón tamén ao benestar da lingua que na súa encarnación anterior profesaba defender.