Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 30 de marzo de 2013

Sen imposicións!

por Valentina Formoso, nas Voces do Prolingua:

Viven nunha urbanización preto dunha cidade. Teñen unha pequena que está a piques de cumprir 3 anos. Está rematando marzo e nuns días cómpre botar os papeis para escolarizar a Xiana, que non se chama Julia, nin Jen(n)ifer, nin Martina. Xiana. O colexio de educación infantil e primaria (CEIP) ao que lle “toca” ir participou hai uns anos nun proxecto de innovación educativa da Consellería de Educación que escolarizaba en lingua galega, en zonas urbanas, nenos e nenas cuxos pais desexaban que os seus fillos e fillas recibisen o primeiro ensino en lingua galega, para que puidesen aprendela ao lado dun castelán que dominan perfectamente só por contacto ambiental. Eran as chamadas “liñas de galego” nacidas ao abeiro dunha proposta do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (aprobado por unanimidade no Parlamento, cómpre volver recordar).

Diversidade lingüística e linguas ameazadas en Europa.

por Marta Dacosta no Sermos Galiza

O pasado 20 de marzo, véspera do Día Internacional da Poesía, participei nun Grupo de Traballo sobre linguas ameazadas e diversidade lingüística na sede do Parlamento europeo, como representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG. Fomos convidados a participar neste grupo de traballo por Ana Miranda, deputada do BNG no Parlamento europeo, integrante da Alianza Libre Europea (ALE)-Os Verdes, formación organizadora do Grupo de traballo.

venres, 29 de marzo de 2013

Proba en galego

Proba en galego é unha campaña da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra para promover o uso do galego no ámbito do comercio e da pequena empresa.
Este luns 26/03/2013 celebrouse a sinatura pública de trinta comercios locais do seu compromiso coa lingua. Trátase dun compromiso en tres fases no que participarán locales tales como a Libraría Paz ou Ernesto Filgueira, onde comprei o meu paraugas ao que, non haberá que explicar por que, lle din moito uso.

xoves, 28 de marzo de 2013

A lingua, nai do año

por Robert Neal Baxter, en Terra e Tempo:


Detrás da denominación augada e descafeinada de "día internacional da lingua materna" agóchase unha loita en defensa da lingua dun pobo fronte á tentativa por parte do Estado de impor unha lingua allea
Recentemente tiven a oportunidade de ler un proveitoso artigo de Cibrán Arxibai relativo ao Día Internacional da Lingua Materna, onde se denuncia como “Ano tras ano, a Xunta vén deturpando o significado que a UNESCO lle outorgou desde a súa institución”, por medio da publicación dunha declaración que destaca pola súa hipocrisía. Con algo máis dun mes de atraso, quero aproveitar este espazo para retomar o fío desta efeméride internacional que se celebra o 21 de febreiro, pois as reflexións que me suscitou transcenden ese día.

Gústanme as matemáticas en galego

O pasado venres 22 no meu centro participamos na campaña Gústame o galego.
Pilláronme polo corredor algúns alumnos, e non puiden resistirme.
Sóbranme as palabras.

mércores, 27 de marzo de 2013

De blogues.9

Nas últimas semanas atopei anotacións pola arañeira en abundancia. Velaquí algunhas que quero partillar. Polo que poida pasar.

Ah! Pero tú entiendes el ghallegho?, 20/02/2013, no blogue Con ghe de Ghalisia
“Se estou aquí é por ela”, 02/03/2013, por Agustín Fernández Paz no seu blogue
Unha chea de prexuízos (e moito máis) por dez reás, 05/03/2013, por Iván Méndez no blogue Éche o que hai...
o peor do mundo son os imbéciles, 07/03/2013 por X. M. Eyré na ferradura en tránsito
de como falar de rosas fozando no esterco, 09/03/2013, por Xabier Cordal en Monte Alto
Barreiatzen 13: Olga Patiño Abeixón, 21/03/2013, Garaigoikoa
Cada concello polo que vale, 26/06/2013, por Carlos Neira Cortizas en Calidonia Hibernia

martes, 26 de marzo de 2013

Sobre encrucilhadas, normas ortográficas e independência

por Teresa Moure , en Praza Pública:

Ás vezes as pessoas, como Édipo, aparecem situadas, sem saberem por que, numa encruzilhada. A encruzilhada é o território do dilema. Pode aparentar um lugar sugestivo, onde deleitar-se no prazer de exercer uma escolha livre, mas é também o sítio onde desprender-se de algo que durante um tempo o Édipo arrastou consigo, que o constituiu. O momento histórico que estamos a viver, tão convulso, tão crítico, coloca-nos perante várias encruzilhadas: não daremos derrubado um mundo contaminante, agressivo, competitivo, gerador de abismais diferenças de classe e dum infortúnio infinito sem a ousadia de escolhermos as vias idóneas, por complexas que puderem ser. Agora quero referir-me à encruzilhada ortográfica; não é a única, insisto, mas tampouco é menor. Tenho de falar mirando para um e para outro prato da balança e sou consciente de que ninguém que já se aventurar por um dos dous caminhos possíveis vai-se sentir contente. Em qualquer caso, o Édipo arranca-se os olhos, expõe a sua dor à vista: confessa.

A xeración muda

por Susana Méndez, no Sermos Galiza:

Houbo, ao meu modo de ver, dous factores fundamentais que influíron no xeito en que se transmitían a nosa cultura e a nosa lingua. Son factores non exclusivamente galegos, de mediados do século XX, e se nos paramos a pensalo teñen moito a ver cos inicios da “globalización”.

luns, 25 de marzo de 2013

A ISO

Outro caso máis de disparate producido polo uso sen revisar dun tradutor automático.
Nesta nova de El Progreso relátase a preocupación das familias pola eliminación das etapas da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato no IES Daviña Rei (non era que a Consellería de Educación respectaría a decisións dos pais en materia educativa?).
O tradutor xenerou un hiperenxebrismo dunha sigla.

sábado, 23 de marzo de 2013

Manifesto Galego no Día Internacional do Teatro

por Cesáreo Sánchez Iglesias, no Sermos Galiza:


Sempre pensei, e así o digo nalgún poema: só somos como nos soñamos cando amamos. Mais engadiría a isto que só da mao do teatro somos capaces de nos soñar nos outros, ao nos reflectir nas súas personaxes. Eu agradézovos hoxe a todos e todas os que me facedes soñar cando no idioma de noso acrisolades o sentir e o pensar, pois o teatro pulsa as fibras máis sensíbeis, tamén do noso propio corpo, no seu pensar emocionado. No teatro a linguaxe do corpo é pensamento. No teatro somos o soñador e o soñado .

Galicia Style: "o galego é guai"



Flashmob realizado polos Equipos de Normalización  dos CEIPs Virxe Pena da Sela do Irixo, Nosa Sra de Xuvencos de Boborás e Eulogio Gómez Franqueira de San Amaro na xornada de convivencia dos ENDLs da comarca do Carballiño en defensa e fomento do emprego do galego.
Poñerse diante de todas estas criaturas a ensinarlle uns pasos de baile e a letra da canción é toda unha lección de bo facer... e valentía. Parabéns por un traballo tan divertido e tan ben feito!

venres, 22 de marzo de 2013

Normalidade lingüística

por Mercedes Queixas Zas nas Voces de Prolingua:


Nos últimos días non deixamos de ler titulares e escoitar voces -isto último mesmo nos podería pór a pensar sobre a propia cordura!- que predican -debe ser por causa da influencia do discurso televisivo destes novos tempos papais- a consecución dun clima de normalidade lingüística na sociedade galega.

Documental Roberto Vidal Bolaño



Se hai uns días colgabamos por aquí o Telexornal Vidal Bolaño elaborado no CPI dos Dices (Rois), hoxe facemos referencia a esta outra achega dese mesmo centro. Trátase dun documental sobre a obra do dramaturgo no que participan Miguel de Lira, Xabier Ron, Xosé Manuel Fernández Castro, Laura Ponte, Eduardo Alonso, Xulio Lago, Avelino González, Ernesto Chao, Rodrigo Roel, Roi Vidal Ponte, Belén Quintáns e Paco Macías.
Vía Caderno da lingua

xoves, 21 de marzo de 2013

Toponimia de Marín



Vai unha de toponimia nestes tempos en que . Os nenos do CEIP de Sequelo contan moi ben cal é a onomástica da xeografía do seu concello. Parabéns polo traballo!
Lembremos que desde este centro xa nos cehgara outro excepcional vídeo: Longa noite de pedra

Cadaquén que fale por si

por Xabier P. Docampo na Praza Pública:


Hai unhas semanas asinei o Chamamento polo galego que redactaron e propuxeron un grupo de persoas preocupadas pola continua agresión á nosa lingua por parte daqueles que máis deberían traballar e teimar na súa defensa o na promoción do seu uso. Todo o seu contido era para min, e segue a ser, merecente do meu apoio. Tratábase de parar unha marca máis da afronta glotocida do actual goberno de Galicia. Certo é que xa se falaba de que a RAG tamén había recorrer a sentenza que sobre do seu recurso diante do TSXG ditara ese mesmo tribunal, mais ninguén pode ter por semellantes unha e outra actuación. No caso da Xunta trátase dun recurso para facer rever dereitos e apoios á normalización da lingua propia de Galicia e no da RAG, xusto do contrario: de defender eses dereitos. Quero por tanto aplaudir a proposta deste chamamento e fago pública a miña fachenda por me ver acompañado na listaxe de sinaturas por tantas persoas ás que moito respecto.

mércores, 20 de marzo de 2013

Rosalía e nós

por Francisco Rodríguez no Sermos Galiza:


Vimos de pasar unhas semanas nas que o nome de Rosalía resoou con máis frecuencia e intensidade do que é habitual. Algunhas autoridades gobernativas e institucións oficiais, alén de persoas particulares, con maior ou menor incidencia pública e con algún ou ningún coñecemento de causa, de boa ou mala intención, apuntáronse a un ritual de retórica loadora, normalmente dentro dos límites do permitido. En moitos casos, dou a impresión de estaren aparentando reverenciar, sen moito entusiasmo e menos convicción unha figura considerada, para dicilo con palabras escoitadas recentemente, “Nai de todos”. Alguén que se converteu nunha especie de comodín que libera ou anula de todas as contradicións e inconsecuencias que vivimos verbo do propio país. Porén, a realidade é teimuda e vennos replicar que é anormal e inconsecuente, fóra de hábito e costume, negado polos feitos, pola experiencia, este súpeto amor rosaliano de algúns.

Telexornal Roberto Vidal Bolaño



E no ENDL do CPI Os Dices de Rois volveron a facelo. Se o ano pasado poidemos gozar co seu telexornal Paz Andrade, este ano repiten o exitoso formato e mediante un formato dinámico, achegado á forma de edición das novas na televisión.
Desta volta o protagonista non podía ser outro que Roberto Vidal Bolaño. Se queredes saber algo del, basta con seguir con atención este informativo. Parabéns aos realizadores. Un gran traballo. A RAG debería ir pensando en facerlles un contrato fixo.
Vía Milho Verde

martes, 19 de marzo de 2013

Os Equipos de Normalización pídenlle á Xunta que faga outra política lingüística

A Coordinadora Galega de ENDL (CGENDL)explícanos moi claramente neste comunicado que se reproduce máis abaixo que a Xunta pretende esquivar as sentenzas do TSXG sobre o decreto do plurilingüismo co obxectivo de seguir a aplicalo en contra dos mandatos emanados da LNL e do consenso social.
A Xunta escolleu o camiño da xudicialización do uso da lingua no ensino para acurralar no menor espazo posible uso dunha lingua que decote é tratada como un problema desde os órganos de goberno. Espállanse prexuízos no canto de avanzar chanzos nun proceso de normalización que ficou completamente abandonado pola Consellería de Educación; iso cando non é directamente atacado. Por iso, desde a CGENDL faise un chamamento á responsabilidade para que o goberno deixe de traballar á contra e comence a aplicar unha nova política lingüística, unha que parta do apoio á lingua máis desfavorecida, á nosa lingua.
A nova en Praza Pública

luns, 18 de marzo de 2013

Consolidar o retroceso: a oferta de consenso lingüístico da Xunta

por Xosé Henrique Costas nas Voces de Prolingua:

Despois das seis sentenzas do TSXG contra o Decreto de Plurilingüismo ou da Discordia, polas que se anulaban os dous artigos nucleares deste texto (o das consultas vinculantes aos pais e o da liberdade do alumnado para usar unha lingua diferente da lingua da materia), a Xunta de Galicia preparou un recurso de casación para presentar no Tribunal Supremo.Con este recurso a execución da sentenza do TSXG, a anulación da columna vertebral do Decreto, quedaba en suspenso e a Xunta podería seguir celebrando consultas e o alumnado podería usar a lingua que lle pete, co que dificilmente se poderá acadar o obxectivo da competencia semellante nos dous idiomas ao remate da escolarización obrigatoria.