Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 6 de maio de 2013

Ollos de aula.7

Por suposto, coa figura de Roberto Vidal Bolaño en lugar destacado, chega o nº 7 da revista da Coordinadora Galega de ENDL.

Ollos de aula. Nº 7 by cendl

Recursos educativos sobre Roberto Vidal Bolaño

Materiais Didácticos, información variada sobre a figura de Roberto Vidal Bolaño, bibliografía, ligazóns, material audiovisual, recollida de actividades en centros escolares, e incluso máis cousas; todo isto é o que desde o pasado 23 de abril nos ofrece a Coordinadora Galega de ENDL para celebrar desde a escola o día das Letras Galegas 2013 coa garantía de que toda esta recompilación se irá actualizando.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística ofrécenos os habituais carteis que se veñen distribuíndo todos os anos, así como guías didácticas para primaria e secundaria. Todo isto podemos consultalo neste espazo da SXPL espazo habilitado para Vidal Bolaño. A imaxe que reproduzo aquí está tirada dos carteis elaborados polo Ceip ADR Castelao de Rianxo, centro gañador do certame de carteis para primaria.
Este ano, ademais elaborouse un tríptico co fin de dar a coñecer as principais característica da figura homenaxeada o 17 de maio.


NOTA: No momento da publicación deste post a Secretaría Xeral de Política Lingüística aínda non divulgara a ligazón á que fago referencia nesta anotación e que nos achegará ás súas propostas para o Día das Letras e isto sucede cando só faltan 10 días para a súa celebración. Desleixo? desprezo? incomprensión dos modos de funcionamento dos centros escolares?
Pregúntome como pretenden que desde os ENDL se programen actividades se quen debería dar exemplo e fornecernos de materiais, son os primeros en incumprir.

domingo, 5 de maio de 2013

sábado, 4 de maio de 2013

Do estigma á estima

por Carlos Negro, que nos achega a primeira recensión do libro de Valentina Formoso, no Sermos Galiza:


Propostas para un novo discurso lingüístico, da autoría da profesora Valentina Formoso Gosende; un ensaio que ofrece, a partir da análise das actitudes da mocidade en contextos sociais galegofalantes, unha mostra significativa da persistencia dos estereotipos negativos sobre a lingua galega, cun monllo de preconceptos que explican a deslealdade lingüística da xente máis nova, e que poñen en evidencia, máis alá da frialdade estatística, o noso fracaso colectivo como sociedade á hora de construírmos un imaxinario social positivo a prol da normalización do idioma.

venres, 3 de maio de 2013

Háblale castellano



Anda Xosé Mª Lema a presentar o seu, por certo exitoso, libro A costa do solpor, por Galicia adiante. Isto fíxome lembrar un comentario que fixo nun seu discurso "Catro satisfaccións e un fondo pesar"  elaborado para a recepción do premio Reimóndez Portela do 2010. Alí criticaba a política lingüística que estaba a desenvolver a Xunta:

¡Fálalle galego! ¡Tempos aqueles en que desde esta Consellería se promovía o uso do galego! Todos lembramos a foto daquela nai moza nunha ventá co seu neno no colo recibindo a suxestión coma un murmurio. Hoxe sería impensable, pois desde a propia Consellería se diría que a frase era impositiva e habería que poñela bilingüe (“Fálalle galego/ Háblale castellano –o supostamente trilingüe de “Speak in English” todos sabemos que é unha vía-trampa para ir substituíndo en certos colexios as materias en galego polo castelán-),
Quixen facer aquí realidade este parágrafo para evidenciar fotográficamente o o disparate do discurso ofical a día de hoxe. Cando o emprego do galego entre os máis novos non chega ao 10% promóvese seguir reducindo o seu uso mediante disposicións tales como o decreto para plurilingüismo, a constitución dos centros plurilingües ou o apoio á LOMCE.

mércores, 1 de maio de 2013

17 de Maio: Ricardo Carvalho Calero

por Pilar García Negro, no Sermos Galiza:

Quixo a casualidade que Ricardo Carvalho Calero ingresase na Real Academia Galega un 17 de Maio. Foi no ano 1958, cun discurso titulado “Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía”. Hai 55 anos; faltaban, logo, 5 para que a tal data, a proposta de Fernández del Riego, fose consagrada como o Día das Letras Galegas. Carvalho fora proposto por tres significados membros ourensanos do Grupo Nós: Otero Pedraio, Cuevillas e Ferro Couselo. O ilustre escritor non recuperaría os dereitos civís até 1965. Aínda faltaban tamén sete anos para poder opositar á praza do ensino medio que combinou coa docencia de Lingua Galega na Universidade e aínda faltaban máis outros sete para poder gañar a oposición á cátedra de Lingüística e de Literatura Galega da mesma. Sobre a débeda que a RAG contraíu con don Ricardo e nunca pagou non volverei falar agora -fíxeno abondosamente noutros escritos-. Fóra da RAG, coido que toda institución que leve o nome de Rosalía de Castro ou dela se ocupar debera escreber con letras de ouro o nome de quen tantas páxinas dedicou á nosa escritora central, con tal prodixio de investigación, erudición e dedicación continuada.

martes, 30 de abril de 2013

Experiencias educativas de intervención nos usos lingüísticos da mocidade



Foron moitas e moi duras as críticas ao decreto do plurilingüismo as que se explicitaron nesta mesa do XIV Encontros para a Normalización Lingüística organizado polo Consello da Cultura Galega que se desenvolveu en Santiago os días 18 e 19 de abril pasados.
Recollo aquí e invito a seguir o vídeo da mesa de experiencias educativas de intervención nos usos lingüísticos da mocidade. Trátase da posta en común dunha serie de experiencias reais de pais, profesores e alumnos sobre o coñecemento e uso do galego. Cóntanse casos como os de Antía, unha nena que comenzou a estudar nun centro plurilingüe en Santiago e que o único contacto que tivo co galego na escola foi a recollida dunha poesía de Rosalía. A miña ex-compañeira Ana Castro relata como noutro centro plurilingüe para explicar a materia de Science, que debería explicarse en inglés, as mestras ou ben usaban o castelán para que o alumnado comprendera as explicacións, co cal o galego ficaba excluído, ou ben si empregaban o inglés obrigando á aprendizaxe de longas listas de nomes de ósos e prantas en inglés,  co que se xeneraba un ambiente de incomprensión e desmotivación nun alumnado dunha idade demasiado temperá para a introdución dunha lingua estranxeira. Finalmente para intentar paliar estes resultados a mestra recurre a repetir as explicacións en castelán.
Belén Escariz, mestra de infantil fala da eliminación das liñas de galego, e de como se lle quitan ferramentas para poder desenvolver o seu traballo. Quéixase de que as leis lles limiten o tempo de uso do galego  ou se fagan restriccións sobre as materias pois en contextos castelán-falantes o único contacto que os nenos teñen co galego lévase a cabo na escola.
Manuel García Turnes, docente nun centro concertado, explica como o nível de competencia en galego baixa ao deixar de impartirse as matemáticas en galego. Comenta casos como o da inexistencia de libros de informática en galego, e en definitiva fai un repaso das funestas consecuencias do decreto de plurilingüismo.
Francisco C. Díaz, explica como a metodoloxía consistente no uso das linguas estranxeiras noutras materias só ten sentido se se fai ben e tal e como se está a facer actualmente é unha trapallada. Os profesores que explican en linguas estranxeiras contidos en materias non lingüísticas teñen que facer unha revisión completa da metodoloxía. Deixou ben clariño que non se trata de repartir horas e linguas como se fose unha baralla. Tamén fixo un chamamento ao profesorado a estar do lado da salvación frente á barbarie.

A partir de 1h:10 min. comenza o debate. Ben interesante. Ponentes e asistentes botaron en falta interlocutores da Administración para presentarlle as súas queixas sobre a penosa realidade lingüística.


"Eu fun alumna dun centro plurilingüe". Laura Prego, estudante
"Scicence no coñecemento do medio". Ana Castro, nai de alumnado de centro plurilingüe
"O galego nunha poesía". Begoña Villaverde, nai de alumnado de centro non plurilingüe
"Docentes de mans atadas". Belén Escariz, docente de E. Infantil
"Unha landra ente eucaliptos". Manuel García, docente de E. Secundaria en centro concertado
"TIL: outro enfoque é positlbe" . Francisco C. Díaz, Cefore de Pontevedra
Modera Valentina Formoso

luns, 29 de abril de 2013

Do Día ese das Letras Galegas

por Xesús Constela, no Sermos Galiza:


Vaia por diante que non me gusta que se celebre un Día das Letras Galegas, e moito menos que a xornada sexa festiva. Non me gusta nada.

Presentación sobre Roberto Vidal Bolaño



Cóntanse por centos as aportacións anuais dos Equipos de Normalización á dignificación e achegamento á lingua de noso. Basta con botar unha ollada diaria ao Planetaki dos ENDL Nesta ocasión recollo esta presentación da revista O Bico da Ría unha presentación realizada polo Equipo do IES Félix Muriel sobre Roberto Vidal Bolaño.

sábado, 27 de abril de 2013

Lingua, cultura e PIB

por Xabier Cordal, nas Voces de Prolingua:

Países co máis alto grao de desenvolvemento (EE.UU, Xapón, Reino Unido etc.) percibiron hai décadas no que se ten chamado produción inmaterial un sector estratéxico da súa economía. O capitalismo, a cultura -a cultura toda, non só a de masas- e a tecnoloxía globalizada da comunicación formaron unha sociedade de rendemento antes inimaxinable.

Post-it pola lingua



Para o día de Sant Jordi a Plataforma per la Llengua fixo unha proposta ben simpática: un mural de post-it polo catalán. A convocatoria foi todo un éxito: na plaça dels Àngels xuntáronse finalmente 10.000 post-it con referencias e apoios á lingua do oriente peninsular.
O que quixera destacar nesta entrada é, ademáis da orixinalidade da acción, a alegría con que habitualmente se fan estas campañas de reivindicación da lingua en Cataluña. Nesta ocasión son os membro do grupo Txarango os que cargados de enerxía e boas vibracións nos invitan a participar no evento.
Boto en falta algo así en Galicia, tanto desde as institucións como desde as plataforma de defensa do galego. Algo sucederá por aquí para que este tipo de spots festivos sexan algo completamente inédito. No entorno da política lingüística galega todo é triste e húmido. Basta dar unha volta polo portal da Secretaría Xeral de Política Lingüística ou pegarlle un repaso ao texto do decreto para o plurilingüismo para entender porque por estas latitudes e lonxitudes nin hai bailes nin soa a música polos eidos da normalización. A ninguén lle ha de estrañar que as empresas con máis futuro na nosa terra sexan as funerarias.

A noticia en Vilaweb

venres, 26 de abril de 2013

Porque me sae do galego


PORQUE ME SAE DO GALEGO. Gamy from NATASHA LELENCO on Vimeo.

Foi no Caderno da lingua o primeiro sitio que me achegou a noticia deste vídeoclip de GAMY realizado para o Clube da Lingua do IES Marco do Camballón, (Vila de Cruces) por Natasha Lelenco.  . Ao ser unha recomendación de Román xa cabía supoñer que de algo substacioso se trataba: toda unha declaración hip hop sen pelos na lingua. Ou, se se prefire, "un rap en honor al gallego", como titula o Faro de Vigo.

mércores, 24 de abril de 2013

Real Academia Galega

Engadir título
por Francisco Rodríguez en Terra e Tempo:


Ler Amada liberdade, memorias de Fernando Pérez-Barreiro Nolla, nado en Ferrol no 1931 e morto en Lancaster en 2010, é acceder á posibilidade de comprendermos moito mellor as causas que explican, en boa maneira, a evolución política da Galiza desde a transición até hoxe. Para quen, como min, tivo un compromiso político nacionalista desde a década dos anos sesenta, ofrece unha experiencia, uns dados, unha análise e unha interpretación que axudan a esclarecer por que o nacionalismo galego, nunha das súas ponlas iniciais (o PSG) foi un proxecto fanado, e aporta, por contraste e de forma implícita, claves para explicar as dificultades para a outra ponla, a UPG. Faino dunha forma moi suxestiva e eficaz, porque non depende de ningún criterio orgánico. Desprende así arrecendo de liberdade e independencia de criterio, no senso de que só está supeditado ás conclusións das súas experiencias persoais, e a unha perspectiva desde fóra, que non anula nin o entusiasmo nin a preocupación polo país. Verdade é que de aquí tamén proveñen tamén as súas limitacións.

V Xeiras sobre a lingua galega





Un ano máis, os Comités, en colaboración coa Universidade de Vigo, organizaron as V Xeiras sobre a lingua galega, que se desenvolveron entre 5 e o 8 de marzo en Vigo. Aínda que poden verse os vídeos de todas as intervencións na canle de televisión da Universidade de Vigo, quixen deixar constancia aquí da súa calidade recollendo as ligazóns aos vídeos das Xeiras subidos ao You Tube.
Como profesor e como pai o ámbito que máis me interesa é o do ensino. Por esta razón puxen como  cabeceira desta entrada as intervencións de Anxo Louzao e Mariló Candedo, quen como representantes da CIG-ensino e Nova Escola Galega, nos achegaron as súas fundamentais e ben ponderadas reflesións sobre o maltratado eido da normalización na escola.

Linguas minorizadas
"O Bretón na actualidade" ,  Carolina Díaz (tradutora de Bretón)
"Situación sociolingüística nos países cataláns", Eduard del Castillo , (filólogo catalán)
"A interpretación de conferencias e a planificación de linguas en situación de diglosia",  Robert Neal Baxter, (doutor en Traducción e Interpretación)


As curtas na Galiza
"Situación do audiovisual galego" D. Jairo Iglesias (fundador de Pixel Films) e D. Xacio Baño (director de cine)


Series galegas
"Series Galegas", Monti Castiñeiras (actor) e  Antonio Segundo Durán Moreiras 'Morris' (actor)

A normalización do galego no ensino
"CIG Ensino",  Anxo Louzao (secretario nacional da CIG-ensino)
"Nova Escola Galega", Mariló Candedo (presidenta de Nova Escola Galega)

O galego no mundo informático
"O galego no mundo informático",  Xosé Manuel Pérez Sardiña (lingüista)


Os servizos públicos en galego
"O galego como servicio público"Nel Vidal Barral (técnico de Normalización Lingüística)

Obradoiro regueifeiro
"Obradoiro de regueifa",  Suso de Xorne (regueifeiro) e  Pinto Herbón (regueifeiro de Agro-rap galego)

Movementos ecoloxistas
"Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro",  Pura González, Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro
"Adega",  Fins Eirexas (secretario executivo de Adega)

Moda na Galiza
"Cabuxa",  Ana Alonso (deseñadora e fundadora de Cabuxa)
"ESDEMGA", Raquel Álvarez (deseñadora e estudante de ESDEMGA)

Poesía
"Os Poetas da Hostia"Lucía Aldao (poeta) e María Lado (poeta)

As mulleres fan ciencia en galego
"Día das Mulleres"Goretti Sanmartín (directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña)

Banda deseñada
"A Banda Deseñada en Galicia",  Kiko da Silva (director da revista Retranca) e  David Rubín (historietista)

Dereitos lingüísticos
"Sermos Galiza",
"A Mesa pola normalización lingüística",  Elsa Quintas (membro de A MESA pola normalización lingüística)

Gústame nas V Xeiras
Gústame o galego nas V Xeiras sobre a lingua galega

luns, 22 de abril de 2013

Un caso de imposición

por Xabier Docampo nas Voces de Prolingua:


A primeiros da semana escribín un artigo en Sermos Galiza no que relataba a miña experiencia con rapaces e rapazas de primaria en colexios dunha das sete cidades grandes de Galicia. Alí falaba da imposibilidade que tiñan de diciren unha frase simple en galego e da implícita idea que teñen de que a lingua galega é unha lingua allea a eles. Pero segundo a lei de Murphy, calquera cousa que poida empeorar, empeorará.

Tirarmos as hipotecas da lingua

por X. A. Pérez Lema en Praza Pública:


A axustada elección presidencial na Academia Galega (RAG) amosa a necesidade de desenvolver unha intelixente política de concordia que reformule, canda outras Institucións e axentes sociais, os alicerces da acción normalizadora na sociedade dos últimos trinta anos, limitada canto aos seus éxitos.

Un contributo fundamental ao noso idioma: a Estilística da lingua galega (2013) de Xosé Ramón Freixeiro Mato

por Xosé Manuel Sánchez Rei en Terra e Tempo:


Constitúe xa un lugar común a afirmación de que os estudos filolóxicos e lingüísticos galegos coñeceron, nos últimos tempos, un desenvolvemento extraordinario, tanto pola cantidade de traballos dados a lume canto pola súa calidade. Por citarmos tan só unhas mostras, a lingua conta desde hai anos con descricións rigorosas das súas singularidades gramaticais (Gramática da lingua galega, de Rosario Álvarez & Xosé Xove, 2002; Gramática da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, 2006, da cal falaremos de novo máis abaixo; etc.) ou da súa evolución co pasar do tempo como protagonista (Gramática histórica galega, de Manuel Ferreiro, 1999 e 1997; Historia da lingua galega, de Ramón Mariño, 1998; etc.). Son, como se pode observar, títulos publicados en finais do século pasado e nos primordios do presente, nuns momentos que a filoloxía galega conseguiu, en parte grazas a eles, a maioría de idade canto ao número e ao academicismo serio de monográficos sobre a súa descrición.

domingo, 21 de abril de 2013

Piares que nos manteñen en pé

por Susana Méndez, no Sermos Galiza:

A Asociación de Medios Publicitarios de España ven de conceder un premio, un AMPE de Prata, á campaña da Xunta “Sen mulleres non hai Galicia”, campaña que o goberno galego puxo en marcha co gallo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. E cando me chegou a noticia, inda que poida resultar estraño, tiven un sentimento de desacougo. Lembrei a campaña, lembrei que falaba das mulleres coma piares de Galiza, mais lembrei que a propia campaña axudaba no traballo emprendido por este goberno do PP de derrube e demolición doutro (un dos máis importantes) dos piares de Galiza: a lingua.

Equilibrio contra imposición. Reeditada.

Outra vez teño que agradecerlle a Prolingua, non xa que publique unhas liñas miñas, senón que remexan no meu blogue interesándose por elas. Así, grazas a eles recupero esta anotación do 07/10/2010, na que facía referencia a unha nova aparecida no dixital da Nosa Terra, tristemente desaparecido.

Para entendermos como andamos no asunto da normalización lingüística, basta con pensar un par de minutos no que A Nosa Terra nos revela como "un dos aspectos menos comentados do proxecto de reforma do Rexistro Civil que se debate arestora no Congreso dos Deputados" e que consiste na "posibilidade de empregar o galego para todas as inscricións e anotacións dos expedientes abertos en Galiza" .
Velaí outra vez destapada a imposición.Polo momento, e van alá 30 anos de goberno autonómico, aínda ninguén pode inscribirse no Rexistro Civil facendo uso de documentos en galego. O máis estraño é que neste ámbito non se oen as voces que pregoan o equilibrio entre galego e castelán, e o máis triste é que mire un cara a onde mire, o panorama é igual. Se un quer sacar o carnet de conducir, onde ten textos ou tests en galego?, se un se achega a pagar o IVE da empresa á Axencia Tributaria, a ultimar os trámites ás oficinas da Seguridade Social, quen lle ofrece os modelos en galego? E cando un vai ao notario de seguro que non vai atopar ao defensor do equilibrio lingüístico, reclamando un estrito 50% de notarías en galego.Os equilibristas só aparecen cando se dá algún paso, aínda que sexa feble, na normalización lingüística. Así sucedeu no ensino, que cando se chegou a asentar un 35% de aulas en galego, e comezábamos a dar pasos cara a unha mínima presenza e visibilización da nosa lingua, inzaron polos medios como setas no outono os zunantes do equilibrio.A ver se vai ser que o equilibrio é o mesmo que a imposición.