Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 30 de abril de 2014

Novo Leixaprén cunha proposta de participación

Xa é a 3ª edición do Premio Leixaprén. Desta vez os candidatos propostos para o premio son:
As candidaturas seleccionadas nesta edición son:

Fernando Vázquez, xogador e adestrador. Emprega habitualmente a lingua galega ante os medios de comunicación e nos actos públicos e defende o seu uso e promoción implicándose activamente en diferentes iniciativas normalizadoras.
María Xosé Silvar “Sés”, cantante. Coa mesma actitude enérxica e contaxiosa que define os seus directos, o seu compromiso co idioma queda claro cando expresa “Fago música en galego porque son galega e estou lonxe de avergonzarme de selo”.
María Mera, actriz e presentadora. Utiliza o galego de maneira habitual no seu traballo, nos eventos que presenta e nas súas manifestacións públicas en xeral, e defende a súa promoción social como demostra na campàña Como cho digo :-) polo uso da lingua nos medios de comunicación
Esther García del Barrio, licenciada en paro.  Madrileña de nacemento, viviu un tempo na Coruña e aprendeu con interese a lingua da súa terra de acollida, por iso non dubida en engadir o seu coñecemento alto en lingua galega no currículum. Apareceu últimamente moito nos medios porque un hotel rexeitou o seu currículum ao considerar que o galego é “absurdo, ridículo e innecesario” .Esther afirma que por nada do mundo eliminará o galego do seu currículo e que está moi orgullosa de investir o seu tempo en aprendelo. Pensa, ademais, que se os galegos non o defenden, se non se coida e non se ensina nas escolas pode rematar por desaparecer.

A proposta chega con esta boa suxestión por parte da CGENDL:

Para que teña difusión entre o alumnado, pódese organizar unha actividade para dar a coñecer os/as candidatos/as por medio dun mural, panel ou taboleiro no que se penduren as súas imaxes, a biografía e novas relacionadas con eles, tanto da súa faceta profesional como de apoio á lingua. Tamén se poden proxectar a través dos sitios web dos equipos e centros (páxinas, blogues, redes sociais...), nos que ademais se pode recorrer a vídeos dos protagonistas.
Finalmente, pódese organizar unha votación entre o alumnado e o profesorado a través de urna ou de medios electrónicos premiando a participación con algún agasallo simbólico.

martes, 29 de abril de 2014

22 esopías

Podían ser moitas máis, pero estas 22 foron as que máis nos gustaron aos membros do xurado do IES Pintor Colmeiro (Silleda).
En primeiro lugar, que é unha esopía? Unha esopía é un relato, comentario ou poema cun máximo de 140 caracteres (tweet), onde cada palabra leva un número de letras igual ás sucesivas cifras do número pi: 3,14159265....

Por primeira vez, e en vista do éxito que tivera noutros centros o concurso de esopías, decidímonos a mergullarnos nel colaborando conxuntamente o Equipo de Normalización Lingüística e o Departamento de Matemáticas co fin de demostrar, unha vez máis, que a lingua galega e os números fan boa compañía.
O resultado foi sorprendente. Tanto que nos animamos a editar esta escolma coas 22 esopías ( unha pequena parte do total das entregadas neste concurso) que máis nos chamaron a atención e que son unha boa mostra das dificultades que tivo o xurado para escoller aos premiados. Calquera das creacións que se poden ver aquí é merecedora do noso recoñecemento.




O noso alumno David Cabaleiro (3ºB),  foi o gañador do concurso de esopías convocado pola Fundación Educabarrié en colaboración con AGAPEMA na categoría de ESO e Bacharelato.
David tamén foi o gañador do concurso co convocado no centro e co que o ENDL e o Departamento de Matemáticas promovían a elaboración deste curioso tipo de creación escrita.
Dáse o caso curioso de que a esopía coa que David Cabaleiro gañou o concurso convocado por Educabarrié e AGAPEMA era distinta daqueloutra pola que recibiu o premio no noso centro. Primeiro achegámosvos a esopía coa que gañou o certame do centro:
Son o mito, o fogar acolledor, os berros feros; voz veraz, palabras olvidadas, romance enmeigado, son de Lúa, inmortal soño: lingua de utopía pura

E a obra pola que recibiu o premio esta fin de semana no transcurso da VII Feira Matemática nas instalacións de Palexco (A Coruña):
Vou á cama e durmo, tranquila. Os ventos calan sen razón, silencio alarmante. Síntome esquecida, soa na Lúa. Fantasía, soño, engano de agonía cega.



luns, 28 de abril de 2014

Queremos galego, queremos futuro!

por Marcos Maceira, o novo presidente da Mesa ao que lle desexamos a mellor das sortes, no portal da Mesa


A lingua é o principal elemento que distingue o xénero humano de calquera outra especie animal. A diversidade de linguas é mostra da diversidade humana. Sen idioma, o desenvolvemento cultural, económico, social de cada un dos pobos que conformamos a humanidade non sería posíbel. Sen lingua de seu os pobos non só non avanzan, desaparecen.

domingo, 27 de abril de 2014

Os galegofalantes entre dúas augas: a ideoloxía oculta nas palabras



Esta semana estivo a celebrarse no Teatro Principal de Pontevedra a XXXI Semana Galega de Filosofía organizada pola Aula Castelao. Presentamos aquí a conferencia impartida por Ana Iglesias,titulada 'Os galegofalantes entre dúas augas: a ideoloxía oculta nas palabras'.
Ana Iglesias usa unha metodoloxía de traballo cualitativo. Así o fixo no seu libro (que recomendo) Falar galego: "no veo por qué" e aquí presenta un adianto dun novo traballo sobre os discursos de rapaces que cursan 4º da ESO sobre os discursos presentes na sociedade sobre o uso da lingua. Estamos polo tanto, diante dun traballo que comparte moitas características co presentado por Valentina Formoso no libro Do estigma á estima. Efectivamente, a partir do minuto 1h:24m preséntanse varios extractos de relatos discursivos moi coincidentes na liña dos que recollía Valentina no seu libro.

Apuntes sobre a intervención de Ana Iglesias
Nesta conferencia recóllese o tópico dos prexuízos lingüísticos, mostrándonos como históricamente parten dun esquema de prexuízos de clase: os galegofalantes eran os campesiños e mariñeiros e os nobres e burgueses eran os que falaban en castelán. Así, etiquétase a lingua española como a lingua de cultura. Partimos de dous grupos sociais monolingües. É ésta unha sociedade bilingüe? Este estado de cousas, foi estable mentres non houbo posibilidade de mobilidade social nin de aprendizaxe da outra lingua. Este estatu quo rómpese coa industralización e a xeneralización do ensino obrigatorio.
Ana Iglesias fálanos dos neohablantes, que sería o termo co que poderiamos identificar a aqueles galegofalantes que abandonan o uso da súa lingua. O natural é pasar do galaego ao castelán, a este grupo non lle cómpren etiquetas. O estraño é pasar de falar castelán a falar galego, de aí que os etiquetados sexan os galegofalantes.
Falou dunha situación cualifacada como bilingüismo asimétrico: os galego falantes teñen a obriga de saber castelán para poder desenvolverse socialmente, pola contra os castelánfalantes non teñen por que saber falar en galego. Os galegofalantes cambian a súa lingua para moitas funcións: falar coas autoridades, o médico,.... É esta a situación da ditadura.
Coa chegada da democracia chega o Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística. Estes cambios veñen acompañados dun discurso, o do bilingüismo harmónico. Un discurso no que se nega o conflito lingüístico, que se aplica ao individuo, e cun uso non condicionado. Frente a el propúxose outro, o da diglosia que recoñece o conflito de carácter social e que fala dun uso das linguas segundo algún criterio. Agora ben, así atopámonos cunha palabra, bilingüe, con connotacións positivas e que é a empregada por aqueles que rexeitan a normalización do galego; e pola contra temos outra, diglósico, cargada de referencias negativas e que se lle aplica en exclusiva aos galegofalantes.
O grupo dos monolingües castelánfalantes só reaccionaron cando viron que lles tocaban os seus privilexios pois ata o momento non houbera ningunha medida que apostara pola normalización lingüística.
Nunha situación de desilgualdade social, falar de liberdade de elección sempre significa a discriminación do grupo en debilidade.
Fala da denominación do decreto do plurilingüismo que por primeira vez establecía un máximo ás horas de aulas en lingua galega, nun novo caso de apropiación do termo plurilingüismo. Con este decreto incídese na inxustiza para o galego nun contexto de desigualdade.
Despois de toda a apropiación dos termos como bilingüe, quen son os realmente bilingües? A resposta está clara. Se un aprende a falar en galego, ten moitas oportunidades fóra do ámbito familiar para aprender o castelán. A inversa non existe. Únicamente o ensino pode equilibrar esta situación, pero para isto compriría unha aposta decidida pola normalización.
Ana Iglesias tamén falou do proceso de normativización como parte do de estandarización, destacando unha data, a do 2003, cando se consolidou a normativa de concordia. Este momento foi unha oportunidade perdida porque non se lle dou a importancia que tiña.
Outra data importante, que tampouco se transmitiu á sociedade, foi o 2004 coa aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
Tamén se falou da importancia da calidade lingüística dentro do discurso normalizador.
A tese de Ana Iglesias é que hai grupos de galegofalantes resistentes aos dous discursos sobre a lingua galega, tanto o do bilingüismo como o da diglosia. Este grupo distribúe segundo as funcións o uso das linguas, mesmo o uso de variedades de galego. Hai pois, unha diverxencia entre os discursos e as prácticas reais dos falantes.


De interese:
Recensión do libro Falar galego: "no veo por qué"
Vídeo de UVigotv coa intervención de Ana Iglesias nas I Xeiras da Lingua
Actitudes e prexuízos lingüísticos en Galicia. A súa influencia nos usos, artigo na revista A letra miúda da CGENDL

sábado, 26 de abril de 2014

#EnGalegoLeo

por Mercedes Queixas no Sermos Galiza:

Benquerida e sempre estrañada avoa:
Andamos neste tempo revolto de muda estacional que ti sempre clasificabas como entretempo, acaído tanto para a primavera como para o outono, e que sempre me parecía que debía ser a nosa terceira estación galega de tránsito cíclico entre o verán e o inverno.

Unha viaxe senlleira polos ríos de Díaz Castro

por Xaquín Campo Freire no Sermos Galiza:

Emprego ‘senlleira’ no senso de só, en solitario, sen compaña. Andan a falar de faceren rutas polos andares de Xosé María Díaz Castro. Seguindo lugares e fontes, camiños e carreiros, insuas, caneiros, soutos, fragas e mesmo penedos ou pontes. E de seguriño que ficaremos prendidos e namorados das paisaxes. E mirando polos seus ollos, tamén a nós, “a beleza nos ferirá para sempre”.

venres, 25 de abril de 2014

Mirando da lingua



No IES da Terra Chá (castro de Rei) rescataron da súa hemeroteca este vídeo, gañador ex-aequo do concurso "Mirando da lingua" convocado por este centro no ano 2007. Os autores da peza son Héctor Anllo e Zita López. Nela faise un percorrido por diversas publicacións desde a perspectiva da calidade lingüística, e da exclusión do galego. Unha boa idea que desafortunadamente non deixaría hoxe en día de contar con infinidade de exemplos.

xoves, 24 de abril de 2014

Proxecto adiviña



Son un medio de transporte,
mais non levo persoas,
non teño ventás, pero si rodas.


Todo cho corta aínda que non fale.
Ten o seu nome á porta da casa.
Se con esta adiviña non dás,
moi parvo serás.




Con voz moi aguda e moito retintín,
ese señor chama por min. Que é?

Velaquí tres pequenos vídeos de menos de 10 segundos dos alumnos do CEP Sequelo (Marín). Cada un deles trasládanos unha adiviña, un anaquiño da lingua por medio do xogo. A restra continúa:
Adiviña 4
Adiviña 5
Adiviña 6
Adiviña 7
Adiviña 8
Adiviña 9
Adiviña 10
Adiviña 11
Adiviña 12
Adiviña 13
Adiviña 14
Adiviña 15
Adiviña 16
Adiviña 17
E por se o anterior fose pouco, para rematar o conto, unha fermosa publicación do mesmo CEP escrito e ilustrado polos alumnos de 4º e que recolle tanto as adiviñas como as solucións das mesmas.




mércores, 23 de abril de 2014

Entrevista a Carlos Callón en Irmandade.tv



Despois de 12 anos dirixindo A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón deixa o cargo. Esta é seguramente a súa última entrevista como presidente do organismo na que comenta algúns aspectos da evolución social da lingua destes 12 anos, a situación actual ou as perspectivas de futuro. A entrevista ocupa aproximadamente a primeira media hora da emisión deste programa de irmandade.tv

Un paso adiante e outro adiante, Galiza.

As sete cidades galegas e Foz serán os lugares aos que a Plataforma Queremos Galego convoca a manifestarse o vindeiro 17 de maio.
O lema recolle un poema de Díaz Castro para enviar unha mensaxe en positivo fronte a unha enorme restra de ataques á lingua e á identidade galega. Por citar o último, o absoluto desprezo que demosta o poder central cando se trata do uso da nosa lingua pois o goberno español admite documentación emitida en linguas estranxeiras porén denegou o acceso a bolsas a aqueles que presentaron a súa documentación en galego. E resulta que hoxe aínda ten algo máis que dicir: o uso do galego fica restrinxido a Galicia e calquera tipo de documentación que poida ter efectos fóra deste territorio terá que redactarse en español. Pola contra ningunha da documentación que afecte a Galicia ten a obriga de emitirse en galego. Aínda máis, insistindo no ánimo restritivo, unha Xunta completamente submisa admite a incapacidade da nosa lingua para a emisión de certificados nas instancias que son competencia autonómica. Polo tanto, e como corolario, temos unha lingua que legalmente, non serve nin dentro nin fóra do territorio galego. Se sobra a lingua, sobra a RAG, sobran as nosas Universidades e sobra, en definitiva, a propia Xunta. O único que nos queda é Quermos Galego. Alí estaremos.

¿Quen son os talibáns do idioma?

por Inma López Silva, en La Voz de Galicia:


Admiro a eses que, querendo defenderse das críticas pola súa galegofobia, teiman en falar do galego coma dialecto. Vén isto a conto da dona do hotel de Asturias que logrou unha inmerecida propaganda a conta da súa glosa ao curriculum dunha madrileña que, sen ser apta para o posto de recepcionista por descoñecer varios idiomas a maiores do español, si exhibía con fachenda o seu alto nivel de galego, cousa que espertou o instinto maternal da muller que, amablemente, lle recomendou que se puxera a estudar linguas de andar polo mundo e non esas cousas dos nacionalistas. Cando montaron en cólera as asociacións de defensa da lingua, a pousadeira non tivo cousa de máis présa que chamarlles talibáns.

+ 1 = + 170 000 000

por Eva Carrión del Pozo, nas Voces de Prolingua:

Hai dous tipos de persoas: as que saben sumar e as que non. Parece moi sinxelo pero isto da adición ten o seu aquel, porque neste mundiño non todo é o que parece e, xa que logo, un máis un ben pode resultar tres e mesmo catro. Eu aprendino rápido, supoño que por ser eu andaluza e vir dunha terra cuxa identidade actual está construída sobre os alicerces dun mosaico de culturas ancestrais. Ou seica é legado dunha devanceira fenicia, comerciante ela e ben dotada para os números; que xa se sabe, “amighiños si, pero a vaquiña polo que vale”. E canto vale unha lingua? Canto vale o galego?

martes, 22 de abril de 2014

Telexornal Díaz Castro. Recitado. Documental.



Neste vídeo podemos reproducir a emisión que o pasado 10 de abril realizou o CPI dos Dices (Rois). Foi un paso máis na elaboración dos programas que anualmente nos chegan desde este centro. Lembremos os telexornais adicados a Roberto Vidal Bolaño (+ a obra de Vidal Bolaño), e a Valentín Paz Andrade (+ compromiso con Galiza, + supervivente).
Nesta ocasión, ademais do telexornal, os rapaces de Rois mergulláronse nun par de audiovisuais máis. Nun deles Darío Xohán Cabana, Alfonso Blanco, Mero Iglesias, Mini, Margarita Ledo Andión e Xaquín Campo Freire recitan cadanseu poema de Nimbos.




O outro proxecto é o seguinte documental no que contamos con entrevistas a Alonso Montero, Alfonso Blanco, Armando Requeixo, Darío Xohán Cabana, Xaquín Campo Freire, Margarita Ledo Andión, Rosa Aneiros, Mero Iglesias e Mini.

domingo, 20 de abril de 2014

Non é xusto, señores e señoras da Academia

por Marica Campo, no xornal El Progreso:


ANDAN XA a circular por aí nomes de posíbeis dedicatarios das Letras Galegas 2015. Por exemplo o ‘Foro E. Peinador’, integrado por nove empresarios, reclámao para Enrique Peinador ou Isidro Parga Pondal. Non dubido dos seus merecementos e do atinado que é recordarnos que a nosa lingua pode e debe estar ligada ao mundo empresarial. Tamén eu o desexo para Fiz Vergara, Xela Arias, Luísa Villalta e Manuel María por citar só as que en vida me foron máis próximas. Porén, señores e señoras académicas, é vergoñento que a estas alturas Don Ricardo Carballo Calero (e tamén don Ricardo Carvalho Calero) non tivese o seu 17 de maio con todo o que isto suporía de exhumación, estudo e publicidade da súa obra, que á fin iso é o que fica despois dos fastos, oficiais e non oficiais, cos que se celebra un autor ou autora de noso.

sábado, 19 de abril de 2014

Carta aberta ao Hotel Rural Arredondo

Nas Voces de Prolingua:


Estimada Sra.,Estes días xerouse unha polémica, que puidemos seguir a través do xornal La Voz de Galicia, despois de que vostede respondese o envío dun Curriculum vitae cun correo electrónico no que mostraba o seu desprezo polo coñecemento do idioma galego. Dende logo, como propietaria do Hotel Rural Arredondo, ten plena liberdade de escoller o persoal segundo os criterios que considere; pero non ten ningún dereito a desprezar unha persoa por indicar que ten un bo dominio da lingua galega.

¿Cabe un Día das Letras Galegas para Enrique Peinador Lines?

por Xosé González Martínez en Mundiario:


Nunca acontecera tal cousa desde que se fundara a Real Academia Galega; pero foi así: unha ampla representacións dos seus académicos co seu presidente reuníronse co Foro E. Peinador os pasados días no Balneario de Mondariz para debatermos proxectos de normalización lingüística. A anfitrioa de tal encontro foi a Fundación Mondariz-Balneario que retomando o fío da historia quixo rememorar aquelas xuntanzas que Enrique Peinador Lines tiña por costume convocar para poñer en marcha iniciativas que artellasen a sociedade galega arredor da innovación e galeguidade; un idealista e ilusionador de grata memoria.

A lingua galega para asegurarse un futuro non pode valerse únicamente da creación literaria

por Xosé  González Martínez en Mundiario:

Vivir do conto. A frase utilízase recorrentemente para reclamar autenticidadenas condutas. Asi llelo expliquei aos amigos Armando Fernández e Xosé Lamelas na entrevista que me fixeron para a audición radial “Sempre en Galicia” que desde Radio Cornellá emiten todos os sábados para a colectividade galega en Catalunya.

venres, 18 de abril de 2014

A Cantata a Cabanillas (e a Galicia) de Takekazu Asaka, o brigadista que veu de moi lonxe

por Francisco Fernández Rei, nas Voces de Prolingua:

Takekazu Asaka é profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku de Toquio, a súa cidade natal, onde leva un bo quiñón de anos facendo de embaixador da lingua e da cultura galegas; e desde que en 1989 veu a Galicia por vez primeira, as semanas que cada verán pasa entre nós exerce como auténtico brigadista na defensa da lingua galega, o que o leva a usala sempre con naturalidade en calquera situación e a reclamar, por ex., que nun restaurante lle dean a carta en galego ou a pedir que lle falen neste idioma, o que ten descolocado xente con moitos prexuízos sobre a utilidade da lingua galega que ve con estrañeza (e á vez cun aquel de admiración) como un xaponés se expresa en galego de xeito normal, aínda que cun sotaque particular.

xoves, 17 de abril de 2014

«La» Coruña e Iberia

por Xavier Alcalá en La Voz:

Logo de anos de argumentarmos sobre o nome da cidade que tamén se coñece como Marineda (gloria haxa dona Emilia Pardo Bazán), parecería que se repuxese o uso histórico de Coruña ao falar castelán e a Coruña falando galego. Iso sen óbice para que a forma oficial, A Coruña, inclúa o artigo orixinario da lingua patrimonial. Con todo, hai xente a insistir no La castelán antes do nome...

mércores, 16 de abril de 2014

Comunicado das lectoras e lectores de galego das universidades de todo o mundo denunciando a xestión dos Celga


As lectoras e os lectores, desde as nosas universidades e como faciana visíbel da lingua e a cultura galegas no mundo, estamos sempre atentas/os á realidade do noso país. Por iso non podemos máis que mostrar a nosa preocupación pola xestión na contratación do profesorado dos CELGA.Resulta de todo incomprensíbel que, pola lexítima reivindicación dunhas condicións de traballo dignas, se prescinda dos servizos dunhas persoas especialmente formadas e que levan anos realizando o seu labor de maneira profesional para beneficio da nosa sociedade. Ademais de sufrir un sistema de contratación irregular e precario, este colectivo foi un dos máis afectados pola escaseza de medios económicos destinados á normalización lingüística.Se as condicións para a promoción e a formación na lingua no noso país -moi especialmente entre aquelas persoas que deciden acreditar os seus coñecementos cos diplomas CELGA- non son axeitadas, o traballo que desenvolvemos desde os lectorados vese fondamente afectado. Moitos dos nosos estudantes aspiran a obter estes certificados oficiais e fai parte fundamental das nosas tarefas formalos para que o consigan. Presentamos os CELGA como diplomas de calidade contrastada internacionalmente. A imaxe que tratamos de proxectar é a dun sistema institucional consistente e impecable que quizais non estea a corresponder coa realidade.Por iso, desde a Universidade do Algarve, Universidade Federal da Bahia, Universidade de Bangor, Universidade Autónoma de Barcelona, Universidade de Barcelona, Universidade Libre de Berlín, Universidade de Deusto, Universidade de Granada, Universidade de Heidelberg, Universidade de Kiel, Universidade Complutense de Madrid, Universidade do Minho, Universidade Nova de Lisboa, Universidade do País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea, Universidade do Estado do Rio de Janeiro, Universidade de Salamanca, Universidade de São Paulo, Universidade de Varsovia, Universidade de Zadar desexamos enviar unha forte e agarimosa aperta ás/ós compañeiras/os do colectivo de formadores e avaliadores do CELGA e erguer a voz nestas liñas denunciando unha actitude inconcibíbel por parte dunha administración que ten o deber estatutario de defender a promoción e a difusión do noso máis valioso patrimonio cultural.